|
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentará o seu primeiro produto turístico en FITUR
Os alcaldes e alcaldesas dos 14 estarán presentes na posta de largo do Xeodestino na Feira Internacional de Turismo de Madrid
Os rexidores e rexidoras reuníronse este luns no Salón de Plenos do Concello de Tomiño para coñecer a versión definitiva do Plan Estratéxico
O xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño está a piques de celebrar a súa posta de longo. Os 14 alcaldes e alcaldesas dos concellos que abrangue este xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) acudirán a vindeira semana a Madrid para arroupar ao proxecto durante a presentación oficial do seu primeiro produto na Feria Internacional de Turismo, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate no que dar a coñecer o proxecto.
O Salón de Plenos do Concello de Tomiño acolleu este luns 13 a reunión dos alcaldes e alcaldesas, así como de técnicos e concelleiros de todos os municipios que abrangue o Xeodestino, para coñecer de primeira man a versión definitiva do Plan Estratéxico e os produtos turísticos e o material que servirá en FITUR de primeiro contacto coas futuras persoas visitantes do territorio. Esta reunión contou coa presenza de Sandra González, anfitriona, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade que dirixe o xeodestino; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan González, rexidor de Nigrán; David Alonso, concelleiro de O Porriño; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Agustín Reguera, rexidor de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.
Durante a reunión as e os representantes dos municipios debateron tamén cuestións relacionadas coa adenda de convenio de colaboración entre Eurural e os Concellos e deron os primeiros pasos para nomear a un novo representante institucional, cargo anual que durante o arranque do Xeodestino ocupaba Baiona.
Proxectos comúns
Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico. Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.
Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. E é que con 500.000 pernoctas en 2018, a Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.
A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados.
Tomiño axuda a optimizar a xestión de 30 traídas de auga rurais cunha subvención de 50.000 euros
As achegas utilizáronse para realizar melloras de infraestruturas, mantemento e analíticas necesarias para un bo funcionamento das instalacións, que dan servizo a máis de 5.500 usuarios/as
O Concello de Tomiño subvencionou no pasado ano a 30 comunidades de augas rurais, repartindo un total de 50.000€ dos cales 40.000€ serviron para a mellora das infraestruturas e mantemento, e 10.000€ para a subvención ao 50% das analíticas básicas de augas.
Para conceder as subvencións tivéronse en conta datos como o número de billas, a cota por usuario, se proporcionan auga a colexios, IES ou centros de maiores; a alta no SINAC (Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo), e a presentación dun protocolo sanitario, entre outras cuestións.
As infraestruturas subvencionadas, que dan servizo a máis de 5.500 usuarios e usuarias, foron sobre todo cloradores, recubrimentos de depósitos, decantadores, cerres de mananciais e casetas. Tamén houbo casos nos que se inverteu en innovación, coma estudios para prototipos destinados a reducir o aluminio na auga, ou placas solares.
A subvención foi publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o 8 de maio de 2019, rematando o prazo para solicitala o 10 de xuño de 2019, e o de xustificación o 1 de decembro.
O concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, confirmou a vontade do goberno de seguir axudando ás traídas de auga locais e salientou o traballo desenvolto polo seu conxunto que, de forma totalmente desinteresada, se ocupa de optimizar a xestión dun recurso tan importante coma é a auga para o seu consumo. Asemade, o edil agradece a labor de COXAPO pola súa labor de superación constante, non so en Tomiño -onde ten a súa sede- senón tamén en Galicia, España e o estranxeiro, organizando xornadas de formación e compartindo a súa experiencia, en defensa das comunidades veciñais de augas.
A Eurocidade Cerveira-Tomiño emprende en 2020 a edición de guías sobre os sectores turístico e agrario e actividades culturais e de lecer
Despois do verán ambos os concellos acollerán as II Xornadas da Amizade Transfronteiriza
O Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade, no que se reúnen de forma periódica os responsables dos Concellos de Tomiño e Cerveira, vén de aprobar o Plan de Actividades 2020.
Dentro do apartado de dinamización do desenvolvemento económico, destaca a edición de senllas guías sobre dous dos sectores de maior potencial: o turístico e o agrario (nomeadamente no ámbito da flor e a planta ornamental), coa intención de dar a coñecer a realidade transfronteiriza destes dous motores da economía local. Estas guías, resultado de diversos traballos de colaboración con expertos, empresas e entidades relacionadas, serán presentadas no primeiro trimestre do ano.
Asemade, cinco anos despois da primeira edición, prévese para despois do verán, a organización das II Xornadas da Amizade, que servirán para analizar os resultados do proxecto POCTEP que, cofinanciado polo programa Interreg V-A da Unión Europea, ten contribuído á dinamización da participación cidadá e ao estreitamento de lazos entre as poboacións, institucións e empresas dos concellos veciños. Tomiño e Cerveira continuarán en 2020 proxectando a súa experiencia de cooperación transfronteiriza.
Por outra banda, para comezos do ano, agárdanse os resultados do informe que o experto universitario designado pola Comisión Europea elaborou sobre alternativas aos atrancos á mobilidade infanto-xuvenil nos espazos de fronteira denunciados polas Valedoras da Cidadanía.
A programación contempla tamén o intercambio de experiencias no ámbito europeo sobre servizos compartidos. Neste ámbito, a Eurocidade acometerá as probas de funcionamento da plataforma tecnolóxica para xestión destes servizos públicos e proseguirá coa programación conxunta de actividades culturais, como o Festival infantil Aventura na Terra da Amizade ou o Certame de Pintura Antonio Fernández.
Finalmente, o plan de actividades recolle a realización dos proxectos gañadores da última votación do Orzamento Participativo Transfronteirizo: unha serie de andainas para dar a coñecer o patrimonio natural e cultural e unha Xornada centrada en actividades deportivas e de lecer para fomentar hábitos de vida saudables.
O IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) volve participar
no proxecto sociolingüístico 21 Días co Galego e +
A partir do vindeiro luns 13 de xaneiro e ata o domingo 2 de febreiro, o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, repite experiencia no proxecto 21 Días co Galego e + .
Este ano, por segunda vez, organiza o programa a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, pero xa se viña desenvolvendo coa denominación 21 Días co Galego dende 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, creado pola docente Pilar Ponte (Premio da Cultura Galega 2019). Este proxecto recibiu, en 2015, o Premio de Innovación en Dinamización Lingüística e, en 2018, o primeiro acto de recoñecemento a unha actividade educativa da Real Academia Galega. Recentemente, recibiu tamén o Premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña.
21 Días co Galego e + é un programa educativo que ten dous obxectivos ambiciosos a nivel lingüístico. Dunha banda, procura o aumento de uso do galego como lingua de comunicación habitual, tanto en cantidade de tempo como de ámbitos de uso. Por outra, é unha experiencia de reflexión individual sobre a relación singular que cada participante ten coas linguas que coñece.
Durante estas tres semanas, os arredor de 500 alumnas e alumnos da ESO e Bacharelato do noso centro, xunto co alumnado doutros nove centros máis da comunidade, desenvolverán actividades colectivas en relación coa lingua. Ademais, o IES Antón Alonso Ríos elaborou pequenas pezas audiovisuais para presentar o instituto, para recoller expresións familiares para contestar que non e tamén outra para orientar na pronuncia da lingua galega
Ao longo da mañá do luns 13 de xaneiro, terá lugar o acto de inauguración do proxecto no IES Antón Alonso Ríos. Os grupos de clases pasarán polo posadoiro do evento e serán agasallados cunha camiseta dos 21 Días co Galego e +.
Ademais, tamén foron convidadas as familias a acompañar as súas fillas e fillos nesta aventura de lle abrir as portas ao galego nas súas vidas fóra das aulas de lingua. É por iso que este proxecto tamén inclúe, nas fins de semana, actividades pensadas para ser realizadas en familia
O enderezo do blog de referencia onde se poden ir seguindo os contidos do programa a partir do luns 13 de xaneiro é: https://blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais
|