|
A Guarda estará presente na 40ª edición de FITUR
Un ano máis, o Concello da Guarda estará presente na Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) que este ano celebra, do 22 ao 26 de xaneiro, a súa 40ª edición.
A Guarda promocionarase como en anos anteriores no stand de Turismo de Galicia e o mércores 22 participará na presentación oficial do Xeodestino Ría de Vigo Baixo Miño co seu primeiro produto coa temática "Benvidos ao primeiro reino medieval de Europa". A Guarda forma parte deste Xeodestino que se creou no 2019 e ao longo do pasado ano estívose traballando na elaboración do Plan Estratéxico con horizonte 2025. Esta presentación será ás 18.00h no espazo habilitado para os eventos no stand de Turismo de Galicia.
Na xornada do xoves 23 destaca a asistencia á dúas presentacións. En primeiro lugar á presentación da Deputación de Pontevedra co Destino Rías Baixas onde A Guarda como destino turístico sempre está presente e tamén será no stand de Turismo de Galicia.
A terceira e última presentación terá lugar no stand de TURESPAÑA coa Presentación dos Destinos Europeos de Excelencia (EDEN) e a entrega oficial aos premiados na 9ª edición coa temática Turismo de saúde e Bienestar coa asistencia da Secretaria de Estado de Turismo. A Guarda asistirá como convidada ao ser Destino EDEN dende 2010. Ademais haberá unha mesa de traballo dos Destinos EDEN para definir os obxectivos de promoción para vindeiros anos.
Durante estas xornadas a delegación da Guarda, encabezada polo Alcalde, manterá diversas reunión con maioristas e asociacións de turismo para potenciar a promoción da Guarda como destino turístico.
A Guarda pide á consellería do Mar un futuro para o seu Porto
" Unha representación veciñal da Guarda, encabezada polo seu alcalde, trasladouse a Santiago a demandar a construción do espigón sur do porto.
O mércores 15 de xaneiro do 2020 representantes das asociacións guardesas, ORPAGU, Piueiro, Alagua e Confraría de Pescadores, encabezados polo alcalde, Antonio Lomba, tiveron unha reunión en Santiago coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta de portos de Galicia Susana Lenguas, para trasladarlle as demandas da cidadanía guardesa, en relación ao futuro do porto, expresadas a través das súas asociacións.
En agosto de 2019 xurdiu na Guarda un movemento civil apoiado polas asociacións empresariais, culturais, deportivas e sociais, e polo propio concello, que ten como obxectivo conseguir melloras para o seu porto que permitan un uso máis intensivo da lámina de auga, tanto para profesionais como náutico deportivas, e que actúe como o motor económico da localidade, como o fixo no pasado.
As melloras que se pretenden conseguir permitirán poder usar o porto durante todo o ano de forma segura e dotalo de servizos e infraestruturas de atraque.
A obra principal que se propón, e así llo trasladaron ás responsables políticas da Xunta, e a construción dun espigón que parta do sur do espigón vello (na zona do Balueiro) e que remate por fora do espigón norte. Isto evitará a entrada dos mares que na actualidade fan o porto impracticable con mal tempo.
A representación Guardesa valorou de forma positiva a reunión xa que conseguiron o compromiso das responsables da Xunta de traballar nas demandas que lle presentaron co obxectivo de elaborar un estudo de viabilidade técnica e unha valoración económica da construción do espigón.
Así mesmo o alcalde solicitou, unha vez máis, o apoio da conselleira para a construción do vial de acceso sur ao porto. O proxecto desta infraestrutura foi redactado na anterior lexislatura pola Deputación Provincial de Pontevedra e na actualidade está pendente dos informes sectoriais.
O Conservatorio de Música da Guarda luce novos murais de pintura
A pasada semana remataron os traballos de pintado de varios murais do primeiro andar do Conservatorio Elemental de Música da Guarda, obra da artista local Tamara Baz.
A Concelleira delegada do Conservatorio de Música, Mª Elena Baz, visitou xunto coa artista o remate destes traballos, que consistiron na realización de varios murais no primeiro andar do Conservatorio con imaxes de instrumentos, valorando esta actuación como "espléndida", dando os parabéns á artista e convidando á cidadanía a implicar á xuventude na cultura musical e a formarse musicalmente no Conservatorio de Música da Guarda.
O pintado destes murais iniciouse o pasado ano coa colaboración de Tamara Baz co pintado da entreplanta, aproveitando o pintado xeral deste edificio para darlle un ambiente máis cálido e confortable.
O Conservatorio de Música Elemental da Guarda atópase na Rúa Vigo, na traseira do Pavillón Municipal da Guarda, na actualidade imparte formación musical de frauta travesera, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, guitarra eléctrica y clásica, piano, violín, viola, gaita e percusión. Todos os interesados poden ampliar información sobre o Conservatorio de Música Elemental da Guarda no número de teléfono 986 613 002 en horario de 15:00h a 21:00h.
O Conservatorio organiza todos os anos concertos didácticos, que teñen un fin educativo e serven para mostrar os instrumentos que se imparten no conservatorio e potenciar as ensinanzas musicais entre a xuventude da vila.
Tamén se realizan xornadas de portas abertas ás que poden asistir todos aqueles que estean interesados en probar ou coñecer os diferentes instrumentos que se imparten no conservatorio da Guarda.
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentará o seu primeiro produto turístico en FITUR
Os alcaldes e alcaldesas dos 14 estarán presentes na posta de largo do Xeodestino na Feira Internacional de Turismo de Madrid
Os rexidores e rexidoras reuníronse este luns no Salón de Plenos do Concello de Tomiño para coñecer a versión definitiva do Plan Estratéxico
O xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño está a piques de celebrar a súa posta de longo. Os 14 alcaldes e alcaldesas dos concellos que abrangue este xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) acudirán a vindeira semana a Madrid para arroupar ao proxecto durante a presentación oficial do seu primeiro produto na Feria Internacional de Turismo, un dos tres principais encontros do sector turístico de Europa e un grande escaparate no que dar a coñecer o proxecto.
O Salón de Plenos do Concello de Tomiño acolleu este luns 13 a reunión dos alcaldes e alcaldesas, así como de técnicos e concelleiros de todos os municipios que abrangue o Xeodestino, para coñecer de primeira man a versión definitiva do Plan Estratéxico e os produtos turísticos e o material que servirá en FITUR de primeiro contacto coas futuras persoas visitantes do territorio. Esta reunión contou coa presenza de Sandra González, anfitriona, alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade que dirixe o xeodestino; Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan González, rexidor de Nigrán; David Alonso, concelleiro de O Porriño; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Agustín Reguera, rexidor de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui.
Durante a reunión as e os representantes dos municipios debateron tamén cuestións relacionadas coa adenda de convenio de colaboración entre Eurural e os Concellos e deron os primeiros pasos para nomear a un novo representante institucional, cargo anual que durante o arranque do Xeodestino ocupaba Baiona.
Proxectos comúns
Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico. Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.
Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. E é que con 500.000 pernoctas en 2018, a Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.
A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados.
Coñece o Camiño de Santiago prantando unha árbore autóctona
O fin de semana do 25-26 de xaneiro terá lugar a primeira das actividades do proxecto "O Camiño Aguárdate", coa que o concello guardés participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A finalidade do proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.
Nesta primeira actividade convídase tanto a veciños da Guarda, como da contorna a coñecer o Camiño de Santiago dende a perspectiva medioambiental polo que se conta coa colaboración da Asociación A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos. Os participantes nesta actividade percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantarán árbores autóctonas que convivían antigamente no Camiño como cereixeiras, nogueiras ou castiñeiros. Esta prantación realizarase nos terreos cedidos para a ocasión pola Comunidade de Montes de Camposancos e ó remate da xornada unha pequena merenda coa que repór as forzas e comentar as experiencias do día.
Esta actividade que se realizará o sábado 25 e o domingo 26 de xaneiro en horario de 10 a 13h., ten un aforo limitado de 25 prazas por día, polo que é preciso anotarse previamente en cultura@aguarda.es ou no 986610000 ext.5. A estación do Ferry será o punto de encontro para iniciar a andaina.
Maís actividades
"O Camiño Aguárdate" traerá á Guarda ademais unhas Xornadas Divulgativas sobre o Camiño de Santiago e visitas teatralizadas.
As Xornadas Divulgativas contarán coa participación de especialistas universitarios e do mundo empresarial co obxectivo de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución e atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila, realizaranse en varias sesións no vindeiro ano 2020.
As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.
A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.
Unha avaría obriga a suspender temporalmente o servizo do Ferry-Boat entre A Guarda e Caminha
Dende a tarde deste mércores día 15 de xaneiro unha avaría obriga a cancelar as viaxes do Ferry Boat que comunica A Guarda e Caminha.
A previsión é que se resolva a incidencia na xornada do venres 17 e se recupere a normalidade no servizo.
Para máis información, recoméndase chamar ao despacho de billetes (Tel. 986 61 15 26) no horario de atención ao público, de 10:00 a 13:00 e de 15:00 a 20:00 horas.
O PP da Guarda intenta estrangular a xestión municipal votando en contra da Conta Xeral de 2018
• Ao PP da Guarda non lle importa prexudicar aos seus veciños e veciñas se con iso consegue réditos políticos, como quedou demostrado no pleno da Conta Xeral, onde o seu portavoz Roberto Álvarez avergoñou a todos e cada un dos seus votantes coas súas declaracións.
• Antonio Lomba agradece ao BNG da Guarda a súa altura de miras ao demostrar que saben recoñecer que é fundamental a aprobación das contas para a boa xestión do concello.
No día de hoxe, 14 de xaneiro de 2020, celebrouse un pleno extraordinario para aprobar a Conta Xeral do ano 2018 como estipula a lei. Unha Conta Xeral que cumpre todos os requisitos para a súa presentación e aprobación no pleno, como son: o dictame da Comisión de Contas e a exposición publica da mesma, (sen que ninguén fixese alegacións) ademais de contar co informe favorable de intervención.
Pois ben, o alcalde Antonio Lomba sentiu vergoña pola actitude do portavoz do PP, Roberto Álvarez, ao ver que non soamente non se abstiña, senón que votaba en contra da aprobación das contas que temos que remitir á Xunta de Galicia, para poder optar ás subvencións e cumprir coa lei, buscando réditos partidistas e persoais clarísimos. A non aprobación e presentación da Conta Xeral produciría un importante prexuizo para as veciñas e veciños da Guarda que perderían o dereito recibir subvencións da Xunta para a nosa localidade. "Este era o seu obxectivo de hoxe para despois recriminar ao goberno que non é capaz de gobernar"
Pero do que parece que non se dá conta o señor Roberto Álvarez, "polos seus comentarios no pleno" é que as veciñas e veciños da Guarda non querían un goberno do Partido Popular e por ese motivo hoxe atópanse na oposición.
As afrontas constantes cara ao PSdeG-PSOE e ao propio alcalde fixeron que Antonio Lomba tivese que defenderse das malas formas do señor Roberto Álvarez dicíndolle "que tome boa nota do sucedido no pleno de hoxe, onde se constatou que o PP non ten a maioría." Así, a pesar do seu voto en contra, saiu adiante a Conta Xeral. O alcalde advertiulle que deixara de poñer paus nas rodas, que se o portavoz do PP cre que tería que ser el o alcalde, presente unha moción de censura, e se non, que deixe traballar aos que realmente queren un beneficio para este concello.
O BNG da Guarda vai facilitar a aprobación da Conta Xeral para
impedir a perda de máis subvencións
Anxo Baz " ante o desleixo e debilidade do Goberno do PSOE precisamos actuar con altura de
miras "
O portavoz municipal do BNG Anxo Baz, manifestou que "frente ao desleixo e debilidade do
goberno do PSOE precisamos actuar con altura de miras para frear a emorraxia de axudas
perdidas por non seren capaces de presentar a Conta Xeral a tempo".
O feito de non ter presentado no prazo requerido a Conta Xeral por parte do goberno do PSOE,
levounos xa a non poder optar a tres subvencións da Xunta de Galiza como no seu momento
denunciamos dende o BNG.
As subvencións as que xa non podemos optar son aquelas destinadas a recuperación e
tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos, recuperación ou mellora de
miradoiros, sendeiros, rutas, a adecuación de espacios destinados ao estacionamento de
vehículos, asi como ao embelecemento das vías, ocultamento de colectores de residuos,
eliminación de cableado aéreo, recuperación de elementos de interese etnográfico ou de
arquitectura tradicional, ademais de proxectos de promoción e dinamización do
Xacobeo para os anos 2020 e 2021.
De non aprobarse a conta xeral canto antes, as axudas para a festa da lagosta ou
para novas infraestructuras perderíanse tamén algo do que o BNG non vai ser
complice. Este é o motivo polo que facilitaremos a aprobación da Conta Xeral.
|