|
Horário do Ferry (24 a 29 de Dezembro)
A vida de Juan Bautista Alonso foi o tema elixido para pechar as Barferencias 2019 na Guarda
O pasado xoves día 26 de decembro celebrouse a segunda Barferencia do ciclo finais 2019 ante máis de medio cento de persoas que acudiron á Cervexaría "La Bodega" da Guarda.
Despois da primeira Barferencia celebrada no mes de novembro e que versou sobre "María Vinyals, unha galega de armas tomar" e que correu a cargo de Silvia Cernadas, chegou a segunda deste ciclo e derradeira do ano 2019 na cal o historiador local J. Miguel Villa falou sobre "Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento".
J. Miguel Villa fixo un exhaustivo repaso da vida e obra de Juan Bautista Alonso Español, un guardés nado na parroquia de San Lourenzo de Salcidos no ano 1879, que foi xurista, político, periodista e presidente do Consello do Estado, cursando estudos en Filosofía e Leis na Universidade de Salamanca.
Na década de 1830, momento no que se instala en Madrid, lle levaría a opinar sobre os máis acuciantes problemas da España isabelina como redactor de famosos periódicos, destacando de maneira notable como xurista no foro madrileño, chegando a ser deputado polas circunscripcións de Madrid no 1839, de Pontevedra entre 1841 e 1843 e de Lugo no 1843. En 1843 foi subsecretario de Gobernación sendo condecorado ese mesmo ano coa Cruz de Carlos III como premio aos seus servizos neste ministerio.
No regreso dos progresistas ao poder en 1854, Juan Bautista Alonso voltou a aparecer coma deputado pola provincia de Pontevedra ante as Cortes constituíntes, e xa retirado da vida pública, volveu a ser deputado ás Cortes, esta vez por Santiago de Compostela no 1865-1866.
Repite coma parlamentario no 1872-1873, como senador pola provincia de Murcia, e exerceu de presidente interino do Consello do Estado, acadando a presidencia do mesmo durante a I República española.
Ao remate desta barferencia houbo tamén unha quenda para intervencións do público onde todos aqueles que quixeron puideron facer as súas preguntas ao conferenciante, rematando a mesma coa entrega de agasallos, realizados pola Asociación Avelaíña, para o conferenciante e para o establecemento onde se realizou esta barferencia.
Dende o Concello da Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e foráneos nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación. Tal e como o adiantou ao remate da Barferencia a Concelleira de Cultura e Patrimonio, Montserrat Magallanes, xa se están a preparar os novos temas para o vindeiro ano 2020, que de seguro van a espertar novamente o interese dos veciños e visitantes da Guarda.
Concerto de Indie Rock a cargo do grupo Inertes este sábado na Guarda
Este sábado día 28 de decembro ás 20:00h a Praza do Reló acolle o Concerto do Grupo Inertes, enmarcado na Programación de Nadal 2019/20.
Inertes é un grupo vigués que non pasa desapercibido alá por onde deixa pegada coa súa música nos escenarios a nivel nacional. O seu terceiro e último traballo é un disco con alma de directo e tal e como eles mesmos o definen, un "discometraxe" formado por 10 temas de composición propia plasmando todas as influencias que tiveron nos últimos anos, tanto no campo musical como no emocional, e sempre moi ligado á imaxe cinematográfica. "Zona16mm" é este traballo que lles ten levado por salas de todo o país, ofrecendo máis de 30 concertos na súa pasada xira de 2017.
Co son das súas guitarras en primeiro plano, atrévense a probar novos esquemas de cancións cheas de matices e inesperados contrastes, que teremos a ocasión de gozar este sábado na Guarda.
En Caso de choiva o concerto realizarase no Centro Cultural con entrada libre ata completar o aforo.
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 3 e sábado 4 de xaneiro
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 3 e sábado día 4 de xaneiro.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 3 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:00 ás 21:00 horas e o sábado 3 en horario de 10:00 ás 15:00 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
A Exposición de Pintura "anetadocamilo" estará na Casa dos Alonso da Guarda ata o 4 de xaneiro
O pasado sábado día 21 de decembro a Casa dos Alonso acolleu a inauguración da Exposición de Pintura "anetadocamilo", alcume utilizado por Beatriz Bascoy Cao para expresar con pintura o que con palabras non pode, unha exposición que con máis dunha ducia de obras.
Segundo explica a artista, "anetadocamilo" é un xeito de expresar inquedanzas, sentimentos, de sumirse nun mundo de cor paralelo a un mundo real con demasiados tonos de grises.
Para esta exposición Beatriz Bascoy traballa coa técnica Mixmedia, unha combinación dunha ou máis técnicas artísticas, de traballo e materiais no lenzo.
"anetadocamilo" avanza por un camiño onde se segue a emocionar cando unha persoa se para ante unha das súas obras e é capaz de sentir. Esa sensación non mudou dende o principio desta viaxe ...Ben sexa en lugares tan diferentes como os pendellos de Agolada ou a Menier Gallery de Londres.
Esta exposición enmárcase na Programación de Nadal 2019/20 do Concello da Guarda e se pode visitar ata o 4 de xaneiro na pranta baixa da Casa dos Alonso en horario de 8:00h a 15:00h de Luns a venres.
A Guarda abre unha Aula de Estudo
O Concello da Guarda ven de habilitar unha Aula de Estudo para todas aquelas persoas que ao longo das vacacións de Nadal precisen dun espazo para poder estudar.
Ante a demanda dun grupo de estudantes universitarios da nosa vila, este nadal habilitouse un aula do Sinde Vello como sala de estudo, situado no baixo do Antigo Colexio Sinde na Rúa Puerto Rico.
Este espazo atópase aberto ao público os seguintes días:
Do 21 de decembro de 2019 ata o 3 de xaneiro de 2020 en horario de 09:00 horas a 14:00 horas e de 16:00 horas a 21:00 horas*.
*Excepto o 24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro que se informará na porta do local o día anterior do horario reducido.
Mancomunidade do Baixo Miño, membros do San Xerome e o Director Xeral de Política Social reúnense en Santiago
Os asistentes á reunión acordan axilizar a eliminación da lista de agarda do Centro de Adultos do San Xerome
A 26 de decembro, reuníronse na Consellería de Política Social co Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro, tres membros da directiva do Centro San Xerome Emiliani e os membros da Mancomunidade do Baixo Miño (Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda) representados polos Concelleiros de Benestar Ismael Diz e Cristina Martínez de Tui e Tomiño, respectivamente, Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal e Antonio Lomba, alcalde da Guarda para tratar de solucionar a problemática do devandito Centro respecto á necesidade de dúas prazas no Centro de Adultos para a continuidade de dous usuarios.
Despois da reunión mantida co Director Xeral , desde a Mancomunidade agradecemos o recibimento e a boa disposición e esperamos que se resolva o antes posible esta situación.
|