|
A Banda de Música Popular de Tui e as corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo ofrecerán o Concerto de Fin de Ano
Será o próximo venres, 27 de decembro, ás 21h no Teatro Municipal de Tui
Catro agrupacións tudenses serán as encargadas do Concerto de Fin de Ano que o próximo venres, 27 de decembro, ás 21 h se vai celebrar no Teatro Municipal de Tui. A música chegará da man da Banda de Música Popular de Tui e das corais do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres e San Telmo que ofrecerán un repertorio no que primarán as panxoliñas e as composicións da familia Strauss.
A presentación realizada esta mañá na casa do concello estivo a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro; da concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente; do presidente e do director da Banda de Música Popular de Tui, Samuel Solla e Eloy Carrera; do director e do secretario da Coral CentroSociomunitario, David González e Gonzalo González; do tesoureiro e da integrante da Coral Ponte das Febres Manuel González e Helena Ucha; e da presidenta e do secretario da Coral San Telmo Teresa Prieto e Ricardo Martínez.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, explicou que no deseño da programación de Nadal asumiron dous retos que a programación evolucione, o que implica cambios, e dar cabida as tres corais tudenses nun "acontecemento único", dicía. Pero amais este evento busca tamén trasladar a gratitude dende o Concello a estas agrupacións polo labor artístico e social que realizan. A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, amosouse orgullosa de poder reunir neste concerto de Fin de Ano por primeira vez a Banda de Música e as tres corais que existen no municipio.
A Coral do Centro Sociocomunitario de Tui, baixo a dirección de David González, será a encargada de abrir o concerto con "Noche de Paz", logo interpretarán "Despacito no hagais ruído" e rematarán coa panxoliña "Seguindo unha estrela". A Coral Ponte das Febres de Ribadelouro, dirixida por Rafael Pérez, elixiu para este concerto "Corre lixeiro", "O neno dormía" e a composición popular andaluza "Olé olé". Con "Nadal de Luintra" abrirá a súa actuación a Coral San Telmo que interpretará tamén "O Meniño" e "Catro galegos a Belén" baixo a dirección de Celso Diego Martínez.
A concerto proseguirá coa intepretación por parte das tres corais e da Banda de Música Popular de Tui de "Blanca Navidad" e "Adeste Fidelis". A última parte deste evento musical correrá a cargo da Banda de Música Popular de Tui que ofrecerá o tema principal da banda sonora de Xogo de Tronos, as panxoliñas "Feliz Navidad" e "Adeste Fidelis", e o "Danubio Azul" e "Marcha Radetzky" de Johann Strauss.
Dende o próximo luns, 23 de decembro, e até o venres 27 ás 12h estarán á venda as entradas a través da web www.culturatui.info aos prezos 5€ e 3€. Tamén se poderán adquirir o propio venres 27 dende as 19.30 h no despacho de billetes.
Obradoiros, proxeccións de cinema, maxia e a visita do Apalpador entre as propostas infantís na programación de Nadal en Tui
Dende o próximo luns, 23 de decembro, os nenos e nenas serán os grandes protagonistas na programación "Tui, Camiño do Nadal, o camiño natural".
Dende o luns, coincidindo co inicio das vacacións escolares, cada mañá na Sala Xacobeo da Área Panorámica haberá obradoiros infantís a cargo de En Un Tris Tras - con capacidade máxima para 70 nenos e nenas - e polas tardes proxectarase unha película de cinema infantil na Sala Félix Rodríguez - con capacidade máxima para 100 nenos e nenas -. Pero tamén prosegue a programación de Nadal na Biblioteca co Mago Samuel Moreno que actuará o xoves 26, e o Apalpador visitará os cativos e cativas de Tui o venres 27 ás 12 h na Biblioteca tudense.
O luns, 23 de decembro, ás 11 h na Sala Xacobeo terá lugar o primeiro dos obradoiro infantís previsto baixo o título de "Un Nadal Pixelado" onde os nenos e nenas realizarán distintas figuras de Nadal con hama beads. Ás 16.30 h, na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica coa proxectarase a película "El Grinch". Máximo 100 persoas.
O xoves, 26 de decembro, de 11.00 h a 13.00 h na Sala Xacobeo os cativos poderán converter os seus debuxos en chapas no obradoiro infantil "Navichapa". Ás 16.30 h na Sala Félix Rodríguez proxectarase "Arthur Christmas: Operación regalo". Tamén o xoves 26 ás 17 h dentro da programación de "Nadal na Biblioteca" na biblioteca tudense haberá un obradoiro maxia co mago Samuel Moreno dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. É preciso inscrición previa no propio centro bibliotecario.
O venres 27 ás 11 h os nenos e nenas que asistan ao obradoiro infantil "Abeto Navideño" fabricarán os seus propios adornos para a árbores de Nadal con diferentes materiais. Ás 12 agárdase a visita do Apalpador á Biblioteca Pública Municipal. E ás 16.30 h na Sala Félix Rodríguez proxectarase a película de "Paddington".
As actividades continuarán o luns, 30 de decembro, ás 11 h cun obradoiro de "Marionetas do Nadal" e ás 16.30 h coa proxección de "Smallfoot". O ano comezará cunha aposta pola reciclaxe no obradoiro infantil que se celebrará o xoves, 2 de xaneiro, ás 11 h e xa pola tarde proxectarase "Polar Express" ás 16.30 h, e media hora despois na biblioteca tudense Migallas Teatro levará a cabo o contacontos "Os contos do chupete" dirixido a bebés de 0 a 3 anos.
Por último, o venres, 3 de xaneiro, ás 11 h terá lugar o derradeiro dos obradoiros infantís co título "Chegan os Reis Magos!" e ás 16.30 h poderase ver na Sala Félix Rodríguez a película "Tienda mágica Mr Magorium".
Compre lembrar amais a decoración situada nas prazas do Concello, San Fernando a Armada e Fromista, e nas rúas Ordóñez, Ourense e Colón nunha campaña que aposta pola economía circular e a reciclaxe. Unha árbore de madeira coa frecha do Camiño a modo de estrela, o buzón real, un dos vehículos da película Cars transformado en trono, un pergamino no que deixar desexos, monecos de neve, Rudolf, Frozen, piruletas, un tren, ou unha pedra indicativa do Camiño, forman parte desta decoración de Nadal.
Programación infantil
" Luns, 23 de decembro de 2019
" De 11.00 h a 13.00 h na Sala Xacobeo da Área Panorámica (Porta 12) Obradoiros Infantís "Un Nadal Pixelado" Máximo 70 persoas.
" Ás 16.30 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica (Porta 10) Cinema infantil coa proxección de "El Grinch". Máximo 100 persoas.
" Xoves, 26 de decembro de 2019
" De 11.00 h a 13.00 h na Sala Xacobeo da Área Panorámica (Porta 12) Obradoiros Infantís "Navichapa". Máximo 70 persoas.
" Ás 16.30 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica (Porta 10) Cinema infantil coa proxección de "Arthur Christmas: Operación regalo". Máximo 100 persoas.
" Nadal na Biblioteca
" Ás 17.00 h na Biblioteca Pública Municipal de Tui Maxia con Samuel Moreno. Dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos. É preciso inscrición previa.
" Venres, 27 de decembro de 2019:
" De 11.00 h a 13.00 h na Sala Xacobeo da Área Panorámica (Porta 12) Obradoiros Infantís "Abeto Navideño". Máximo 70 persoas.
" Ás 12 h na Biblioteca Pública Municipal visita de O Apalpador
" Ás 16.30 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica (Porta 10) Cinema infantil coa proxección de "Paddington". Máximo 100 persoas.
" Luns, 30 de decembro de 2019
" De 11.00 h a 13.00 h na Sala Xacobeo da Área Panorámica (Porta 12) Obradoiros Infantís "Marionetas do Nadal". Máximo 70 persoas.
" Ás 16.30 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica (Porta 10) Cinema infantil coa proxección de "Smallfoot". Máximo 100 persoas.
" Xoves, 2 de xaneiro de 2020
" De 11.00 h a 13.00 h na Sala Xacobeo da Área Panorámica (Porta 12) Obradoiros Infantís "Reciclaxe navideño". Máximo 70 persoas.
" Ás 16.30 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica (Porta 10) Cinema infantil coa proxección de "Polar Express". Máximo 100 persoas.
" Nadal na Biblioteca
" Ás 17.00 h na Biblioteca Pública Municipal contacontos para bebés de 0 a 3 anos Migallas Teatro con "Os contos do chupete". Inscrición previa.
" Venres, 3 de xaneiro de 2020
" De 11.00 h a 13.00 h na Sala Xacobeo da Área Panorámica (Porta 12) Obradoiros Infantís "Chegan os Reis Magos!". Máximo 70 persoas.
" Ás 16.30 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica (Porta 10) Cinema infantil coa proxección de "Tienda mágica Mr Magorium". Máximo 100 persoas.
Máis de mil persoas asistirán á representación do Conto de Nadal esta fin de semana no Teatro Municipal de Tui
Esgotadas todas as entradas dispoñibles na venda online. Restan 50 para cada función que se poderán mercar o mesmo día no despacho de billetes
Cheo total é o que se agarda esta fin de semana no espectáculo "Conto de Nadal" no Teatro Municipal. Este evento ten creado gran expectación o que ten feito que as entradas se teñan esgotado nuns días na venda on-line e se reservan 50 entradas para a función do sábado e 50 para o domingo que se porán á venda no despacho de billetes, hora e media antes do comezo.
O coro Mistura Vocal e a Escola de Danza Paula Cobián presentan un espectáculo innovador, ambicioso e singular cunha versión do conto de Charles Dickens con música coral de danza contemporánea. Alfredo Rodríguez dará vida ao protagonista da historia Scrooge, e actuará tamén o coro ImaGine VoiZes de Aldeas Infantiles. Unha coidada escenografía deseñada por Eva García e Juantxo García ambientará a posta en escena.
A estrea do "Conto de Nadal" será o sábado ás 21h na primeira das funcións previstas. O domingo volverá levarse a escena ás 19 h.
O espectáculo está dividido en cinco actos. As pezas que interpretará o Coro Mistura Vocal van dende o Renacemento, ao pop, pasando por composicións contemporáneas harmonicamente complexas. As 17 bailarinas da Escola de Danza Paula Cobián representarán, con danza contemporánea, as distintas escenas. A duración prevista do espectáculo é de 80 minutos.
Este evento forma parte da programación "Tui, o Camiño do Nadal, o camiño natural".
Datos técnicos
Organiza: Concello de Tui
Produción: Mistura Vocal e Paula Cobián Escola de Danza
Con ALFREDO RODRÍGUEZ no papel de Scrooge
Colaboración especial do coro ImaGine VoiZes de Aldeas Infantiles
Dirección artística: Paula Cobián
Dirección musical : Aloia Martínez
Iluminación e efectos visuais: Diego Leirós
Asesoramento musical: Manuel Cunqueiro
Escenografía e atrezzo: Eva García e Juantxo García
Rexedora: Inés Cobián
Texto: Alfredo Rodríguez e Olga Cameselle
"Matte painting" e maquetación: Marta Fontán
Vídeo: Gus Abreu
Fotografía: Raquel Diz e Ricardo Villa
Un cd solidario recadará fondos para os dous nenos que quedaron orfos na explosión de Paramos
Esta iniciativa do CRA Mestra Clara Torres reúne 9 contos en galego e castelán narrados por actrices e actores
"Cuentos con moito conto" é o título do cd solidario que vén de editar o CRA Mestra Clara Torres de Tui con nove historia de OQO editora narradas en galego e castelán. Porase á venda ao prezo de 10€ e os fondos recadados serán para os dous nenos que quedaron orfos na explosión rexistrada o pasado ano en Paramos.
Actrices e actores foron os encargados de pórlle a voz a cada un dos nove relatos de OQO Editora recollidos no cd que conta co deseño da portada, edición e mestura de son de Brais Sousa. Así Ana Santos pon voz "A Figueira de Pelostortos", César Cambeiro ao conto "Chocolata", Pepo Suevo a "Paco Papán", Dani Trillo é a voz de "Galiño pelado", Iria Acebedo le "La luna ladrona", Melania Cruz "La sopa quema" e Tito Asorey "No hace falta la voz". Amais Fer González pon voz a "A tartaruga que quería durmir" e Josito Porto le "Tam, Tim, Tom".
Na presentación desta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, indicou que este acto solidario pon en valor o traballo e o esforzo da comunidade magrebí na súa integración na cidade. Engadiu que este "traballo serve de lembranza aos dous nenos orfos de que non están sos e nos teñen que sentir preto deles". Tanto o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, coma o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, amosaron a súa gratitude ao CRA Mestra Clara Torres e a súa directora, Teresa Domínguez, por esta iniciativa solidario. O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, lembrou coma con anterioridade editaran xa outro cd "Contos con moito conto".
Salvador García, presidente da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei, quixo amosar o seu agradecemento a Teresa Domínguez e ao CRA por este xesto e outras acción que promoveron en solidariedade cos afectados pola explosión no barrio da Torre. Indicou que aínda que inicialmente a proposta era que os fondos fosen para este colectivo, dende a Asociación suxeriron que puideran ser destinados aos dous nenos que quedaron orfos o 23 de maio de 2018. Hana Alamri, da familia que acolle as fin de semana a estes dous menores que se atopan tutelados pola Xunta, quixo tamén amosar o seu agradecemento pola iniciativa.
Teresa Domínguez, director do CRA Mestra Clara Torres, explicou que tras máis de tres meses de traballo este proxecto sae agora á venda, converténdose nun magnífico e solidario agasallo de Nadal. Pode adquirirse nas librarías tudenses Espazo Lector Nobel e Iris, e tamén noutros establecemento nos que figura o cartel anunciador do cd. Tivo palabras tamén de agradecemento para todos os que co seu gran de area fixeron realidade este traballo.
Este sábado celébrase unha visita guiada ao Nadal no Patrimonio Tudense
Partirá ás 17 h da praza de San Fernando. É froito da colaboración entre o Concello de Tui e o Instituto de Estudos Tudenses
Dentro da programación "Tui, o Camiño do Nadal, o camiño natural" este sábado, 21 de decembro, realizarase unha visita guiada ao Nadal no Patrimonio Tudense. Esta actividade é froito da colaboración entre o Concello de Tui e o Instituto de Estudios Tudense para a promoción e divulgación do noso patrimonio cultural.
Partirá ás 17 h da praza de San Fernando para realizar un percorrido polas pegadas que o Nadal ten nos bens culturais integrantes do patrimonio tudense. Así o Nadal protagoniza algún dos principais enclaves tanto da Catedral de Tui coma da igrexa de San Domingos. A visita estará guiada por José Ramón Fernández e Rafael Sánchez, membros do Instituto de Estudios Tudenses. Entre os lugares a visitar estarán a portada e o altar da Expectación na Catedral, e a portada lateral e o altar de Lepanto na igrexa de San Domingos.
|