|
As actividades saudables gañan a partida nos Orzamentos Participativos Transfronteirizos 2020
O público elixiu 'As Rotas Minho/Roteiros Miño' e 'Pensar o corpo, mover a mente' como propostas vencedoras
Cerveira e Tomiño xa contan con novos proxectos de actividades compartidas para o vindeiro ano. A cidadanía de ambos os dous municipios escolleu por maioría dous proxectos relacionados con actividades saudables como iniciativas gañadoras da nova edición dos Orzamentos Participativos Transfronteirizos 2020: 'As Rotas Minho/Roteiros Miño', impulsada polo Clube Celtas do Minho e Carlos Xabier Oliveira Ortega, e 'Pensar o corpo, mover a mente', promovida polo Clube de Fitness de Cerveira (Associação sem fins lucrativos) e a Asociación Sociocultural Senraia.
A iniciativa 'As Rotas Minho/Roteiros Miño', que acadou o 28% dos votos, busca organizar rutas para facer andando por entre Tomiño e Cerveira que se aproveiten para coñecer ambos territorios a nivel paisaxístico, cultural, patrimonial, ambiental e natural. Deste xeito, e ao mesmo tempo, poténcianse outros obxectivos como fomentar hábitos saudables, mellorar a condición física das persoas participantes, diminuír o estrés e a ansiedade grazas a ter unha vida activa e promover accións de sensibilización ambiental, entre outros. A actividade prevé a realización de 10 rutas diferentes ao longo de todo o ano 2020.
A segunda proposta elixida, 'Pensar o corpo, mover a mente', tamén vai dirixida a persoas de todas as idades e procurará a dinamización deportiva, recreativa e sociocultural en Tomiño e Cerveira. A través desta iniciativa incentivarase á poboación a practicar deporte, porase en valor a saúde física e mental, xerarase interese tamén en actividades artísticas e culturais, fomentaranse os costumes e valores locais e estreitaranse lazos entre os dous municipios transfronteirizos con actividades deportivas, artísticas e de lecer que se sucederán durante unha fin de semana do segundo trimestre do vindeiro ano. Esta iniciativa, que se presentaba por segunda vez ao OPT, acadou o 21% dos votos totais.
A pesar de non acabar sendo elixidas, as restantes tres propostas ('Experiences4all', 'Unha pinga de vida' e 'Intercambio Interxeracional') son reveladoras das ganas de todas as entidades participantes e das sinerxías que poden vir a ser constituídas no futuro en prol da potenciación deste territorio común.
En total rexistráronse máis de 700 votos ao longo do período de votación, no que podían participar todos os veciños e veciñas residentes en Vila Nova de Cerveira e Tomiño e maiores de idade, sendo obrigatorio escoller dúas de entre as cinco propostas suxeridas.
Dotado con 20.000 euros, o OPT é unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e unha das prioridades da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño, implicando á veciñanza na procura de solucións conxuntas para necesidades comúns. É un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.
Unha trintena de familias recibirán paquete de alimentos e agasallos de Nadal
Máis de 1.200 veciños e veciñas foron atendidos polo servizo de benestar.
O Concello de Tomiño aprobou este luns o último expediente relacionado coa entrega dos paquetes alimenticios e agasallos de Nadal aos usuarios e usuarias do departamento de benestar.
Un ano máis, as persoas con menores recursos do municipio recibirán un paquete con produtos alimentarios. Serán máis de unha trintena de familias as que se beneficiarán deste servizo municipal que fará que 105 veciños e veciñas desfruten das festas de Nadal.
Ademáis do paquete de alimentos, as familias con menores tamén recibirán agasallos. Concretamente serán unha vintena de familias cuxos membros máis miúdos desfrutarán destas datas tan especiais cun agasallo de Nadal.
O servizo de benestar do Concello de Tomiño atendeu no que vai de ano a máis de 1.200 veciños e veciñas e contou cun orzamento de 747.972€. Un gasto social ao que se destinará 936.149€ no vindeiro ano e que será levado ao pleno ordinario do vindeiro 26 de decembro.
O gasto de benestar tense incrementado nos últimos anos destinando unha parte importante dos investimentos municipais para as persoas máis necesitadas. A Alcaldesa, Sandra González Álvarez, destaca a "importancia deste servizo que atende as familias máis vulnerables do concello. Un gasto social que non se ve pero que ano a ano se ten incrementado á par das necesidades e problemáticas das persoas que máis o precisan."
O Concello de Tomiño e o Club de Atletismo Tegra organizan a II Carreira de Nadal
A carreira transcurrirá pola nova avenida de Tomiño quedando aberta ao público ao finalizar a proba deportiva.
O Concello de Tomiño e o Club de Atletismo Tegra organizan a segunda edición da Carreira de Nadal. A proba transcurrirá pola nova avenida do Seixo que unha vez rematada a proba quedará aberta ao público.
A xornada deportiva comezará ás 11h00 coa categoría de absoluto masculino e feminino cun traxecto de 6km. ÁS 11h35 será o turno dos alevíns, infantís e cadetes cun percorrido de 1,500 km. Seguiranlle os benxamíns ás 11h40 e ás 11h50 os prebenxamíns para rematar ás 12h00 coas pulgas que farán 100m.
Ao finalizar a carrera os participantes están convidados a chocolate quente a cargo da ANPA Mosteiro. Para participar é preciso inscribirse a través da rede na páxina laptime.es/carreras/ii-carreira-de-nadal-de-tomino/ . O prazo de inscrición remata o sábado 21 de decembro.
A presentación da carreira celebrouse onte á tarde na Casa do Concello e estivo a cargo dos membros do equipo directivo do Club atletismo Tegra, Protección Civil de Tomiño, e os concelleiros Francisco Campo Lago, responsable de Deportes, e Ismael Troncoso, Concelleiro de Seguridade, tráfico e persoal.
|