|
O Concello de Oia difunde historias, tradicións e gastronomía local a través dun vídeo de cociña interxeracional
O audiovisual estréase o luns 23 de decembro dentro da Semana Cultural de Mougás
O Concello de Oia promove a difusión de historias, tradicións e gastronomía local a través dun vídeo de cociña interxeracional, onde se pode ver a veciños e veciñas de distintas idades preparando receitas típicas da zona. O traballo será presentado o día 23 de decembro, dentro da Semana Cultural de Mougás.
O audiovisual, elaborado por Samaín Producións, reúne a persoas de diferentes xeracións ás que lles gusta a cociña e estiveron dispostas a compartir os seus coñecementos. Ademais dos temas culinarios, nas conversas afloran outros temas como son as vivencias de cada un, historias, tradicións e costumes locais.
Os diferentes relatos están contados polos seus propios protagonistas en lingua galega, cunha linguaxe próxima e coloquial e coas variantes propias da zona. Deste xeito, ao mesmo tempo que se pon en valor o patrimonio cultural local, tamén se promociona a lingua galega.
Esta iniciativa supuxo un investimento total de 2.420 euros, dos cales 1.447 euros corresponden a unha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.
Estrea na Semana Cultural de Mougás
O vídeo de cociña interxeracional estrearase o próximo luns 23 de decembro ás 18.00 horas na Casa Cultural de Mougás, dentro da programación da Semana Cultural que organiza a Asociación de Veciños entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro.
Ademais, o luns 30 de decembro (18.00 horas, Casa Cultural de Mougás) proxectarase outro audiovisual do Concello de Oia, neste caso o documental "Lembranzas doutro tempo". Este vídeo, segunda parte do traballo "Memorias de Oia", recompila varios testemuños vitais entre a veciñanza oiense: historias, recordos, anécdotas e costumes que se poñen en valor a través do relato dos seus propios protagonistas.
Proxecto #Oiaensepia
Tamén dentro da Semana Cultural de Mougás, a partir do luns poderá visitarse a exposición de fotografías do obradoiro xuvenil #Oiaensepia, organizado polo Concello durante o pasado verán e no que participaron 15 mozos e mozas de diferentes parroquias de Oia.
A mostra inclúe unha selección de imaxes antigas de Oia, que foron recompiladas polos propios participantes no obradoiro, así como outras fotografías feitas polo alumnado durante unha saída de campo organizada o pasado mes de xullo.
Concerto de panxoliñas o domingo na igrexa de Santa María de Oia
Participarán as corais Vagalume (Oia), A Torre (Maside) e Cantares (Coles)
A Coral Polifónica Vagalume, coa colaboración do Concello, organiza un concerto de panxoliñas o próximo domingo 22 na igrexa parroquial de Santa María de Oia.
O programa incluirá a participación de dúas corais convidadas, A Torre (Maside) e Cantares (Coles), ambas procedentes da provincia de Ourense. Pola súa banda, a formación local Vagalume exercerá de anfitrioa.
O recital comezará ás 17.30 horas no templo parroquial de Santa María de Oia, con entrada libre.
O Concello de Oia aproba a nova denominación de 173 camiños e estradas do municipio
O padrón será actualizado durante o mes de xaneiro. Paralelamente colocarase a correspondente sinalización en cada unha das vías
O Concello de Oia vén de aprobar a nova denominación dun total de 173 camiños, estradas e prazas, unha medida adoptada co obxectivo de solucionar os problemas que presenta o padrón á hora de recoller a numeración e denominación dalgúns lugares do municipio.
A Administración local aprobou por unanimidade estas novas denominacións no pleno ordinario do pasado 28 de novembro. Trátase dun total de 173 camiños e estradas, dos cales 22 corresponden á parroquia de Burgueira, 24 á de Loureza, 31 á de Mougás, 25 a Pedornes, 39 a Santa María de Oia e 32 a Viladesuso.
As novas designacións foron establecidas en diversas reunións coa veciñanza en tódalas parroquias, recuperando en moitos casos os nomes tradicionais dos lugares.
Como criterio de traballo adoptouse a decisión de designar camiños longos, co obxectivo de evitar un sinfín de nomes distintos que complicarían a aplicación do traballo ao padrón.
Proceso
A consecución deste listado supón dar un paso máis no proceso de renumeración das vivendas e parcelas con nova denominación de camiños e estradas no que o Concello vén traballando desde hai tempo. Así mesmo, durante esta etapa o Concello xestionou, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a adquisición das placas cos nomes dos camiños.
Dentro deste proceso, en dous acordos plenarios previos foron creadas unha serie de entidades singulares de poboación que a efectos estatísticos non existían ata o de agora, a fin de dar resposta á petición da veciñanza de poder empadroarse nos lugares onde realmente vive, dentro dos requisitos mínimos esixidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
As novas denominacións aprobadas no pleno de novembro remitiranse ao INE, para actualizar o padrón cos novos enderezos durante o mes de xaneiro.
Así mesmo, estes novos enderezos serán notificados a todos os veciños e veciñas e, paralelamente a todo este proceso, irase colocando a correspondente sinalización en cada unha das vías.
O Concello de Oia reforma e mellora a accesibilidade das Escolas de Loureza
Os traballos foron desenvolvidos ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra
Tamén se fixeron actuacións na fonte do Xardín (Viladesuso), no lavadoiro da Portela (Burgueira) e no sistema de iluminación de Mougás
O Concello de Oia vén de acometer as obras de reforma e mellora da accesibilidade do local das antigas Escolas de Loureza, unha actuación desenvolvida ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
As obras consistiron na unificación, nun só local, dos dous edificios de escolas existentes. Así, tiráronse paneis, reforzouse a estrutura e fixéronse unha serie de melloras como a instalación dunha nova rampla e escaleiras de acceso, a construción de aseos novos e a renovación das instalacións de fontanería, saneamento, ventilación e electricidade.
Con estes traballos de mantemento e mellora de accesibilidade das antigas Escolas de Loureza desaparecen os problemas de conservación que presentaba este inmoble, quedando totalmente habilitado para o seu uso cotiá. Actualmente, estas instalacións de titularidade municipal empréganse para o desenvolvemento de actividades socioculturais como poden ser obradoiros, charlas, accións formativas, etc.
O importe das obras ascendeu a 48.356,42 euros, aos que hai que engadir a custo da redacción do proxecto. Ambas cantidades foron subvencionadas ao 100% pola Deputación Provincial ao abeiro do Plan Concellos liña 1, investimentos.
Outras actuacións do Plan Concellos
Por outra banda, o Concello de Oia rematou outras tres actuacións en diversos puntos do municipio, todas elas subvencionadas ao 100% ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos.
Entre elas destaca o acondicionamento e rehabilitación do lavadoiro da Portela (Burgueira), obras que supuxeron un importe de 33.550,69 euros. A actuación consistiu na limpeza da área de intervención, a construción dun acceso peonil, a instalación do pavimento, traballos de recondución da auga e a cubrición do lavadoiro.
Tamén se executaron traballos de acondicionamento no acceso á fonte do Xardín (Viladesuso), cuxo firme era de terra. Neste caso o importe das obras ascendeu a 25.432,93 euros.
Finalmente, investíronse 14.744 euros na finalización de instalación de leds en parte da parroquia de Mougás, substituíndo as antigas lámpadas do sistema de iluminación pública por unas novas que permitan aforros enerxéticos.
|