|
Horário do Ferry (17 a 22 de Dezembro)
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta unha proposición non de lei en defensa do Centro de Saúde da Guarda
O deputado Socialista Julio Torrado desprazouse ata a Guarda para dar a coñecer, diante dos medios de comunicación e do Grupo Municipal Socialista, a proposición non de lei en defensa do servizo de saúde pública de Galicia e do Centro de Saúde da Guarda, presentada á mesa do Parlamento.
Representantes do Grupo Municipal Socialista informaron ao deputado e fixeron pública a problemática concreta que está a sufrir a sanidade pública na Guarda.
Respecto a situación do Centro de Saúde da Guarda dende Grupo Municipal Socialista manifestamos o noso total apoio aos traballadores e, por suposto a todos os veciños e veciñas que están padecendo unha mala xestión da cobertura de prazas vacantes motivadas por baixas, vacacións e permisos.
Esta situación de falta de persoal sanitario no Centro de Saúde que vimos arrastrando na Guarda dende fai anos ten como consecuencia unha deficiente atención pola sobrecarga das consultas. Ademais está provocando que as citas se estean dando con moito tempo de demora e incluso anulando moitas delas.
A situación sanitaria vese agravada porque no servizo de urxencias (PAC), que atende ademais as localidades de Oia é o Rosal, so hai un equipo médico a maioría do tempo.
A Guarda, na actualidade, é un lugar illado debido as malas comunicacións por estrada. Lévanos arredor dunha hora chegar ao noso hospital de referencia. Un anacronismo en pleno século XXI.
Ademais de todo o comentado queremos denunciar outras cuestións máis concretas que están sucedendo no Centro de Saúde Guardés: hai dous médicos que levan moito tempo de baixa e as súas prazas están sen cubrir. A atención ás consultas destes facultativos estase a facer de forma inadecuada, quedando moitos días sen atender e con cambios constantes de médico. O Centro de Saúde guardés conta con aproximadamente 10.000 tarxetas sanitarias, un número considerable de pacientes potenciais que, cando hai falta de cobertura das consultas, provoca unha distorsión moi importante no servizo. Durante as próximas datas de Nadal, se o SERGAS non lle pon remedio, so se poderá cubrir, de media, o 50 % do servizo. Situación que se agrava polo incremento de poboación debido ao período de vacacións nos colexios e ao retorno, pola significación das celebracións, de moitos traballadores e estudantes.
A todo o anterior hai que engadir que 23 xefes de servizo de Centros de Saúde, incluída a xefa do Centro de Saúde da Guarda, levan dimitidas dende fai máis dun ano. Isto provoca que a coordinación das axendas sexa moi deficiente, ao ser elaborada dende a xerencia comarcal, sen ter en conta as necesidades específicas da atención primaria na Guarda.
A situación que estamos a sufrir na Guarda e comarca levou a que cada xoves, moitos usuarios do Centro de Saúde, acudan ás concentración convocadas en defensa da sanidade pública.
Por outra banda, dende o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa do seu deputado e a súa deputada, Julio Torrado e Noela Blanco, presentouse a proposición non de lei para o seu debate en Pleno na que se propón:
1. Garantir a correcta e plena asistencia sanitaria en atención primaria para o concello da Guarda no seu centro de saúde e a dotación dun novo equipo de profesionais para o PAC da localidade, que da servizo a outros concellos lindantes.
2. Atender á solicitude de xuntanza co conselleiro de Sanidade dos representantes municipais dos concellos afectados no Baixo Miño, para aclarar a situación e ofrecer a información sobre as medidas que a Consellería considere necesarias neste escenario.
Grupo Municipal Socialista da Guarda
Os nenos e nenas da Guarda contarán dende este luns con actividades infantís
O vindeiro luns día 23 de decembro arrancan na Guarda as actividades infantís incluídas na Programación de Nadal 2019/20, debido ás previsións meteorolóxicas, as accións programadas mudan de emprazamento, realizándose nos baixos da Casa dos Alonso.
Ludoteca de Nadal
Unha das primeiras actividades programadas é a Ludoteca de Nadal, un espazo concibido para que os máis pequenos teñan actividades de lecer con xogos mentres os pais e nais realizan as súas compras de Nadal no casco urbano da vila. Estas actividades están dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade cunha duración aproximada de entre unha hora e hora e media. Non é preciso realizar unha inscrición previa, posto que haberá unha folla de rexistro ao comezo, onde as familias poderán inscribir aos seus fillos e fillas e encher as autorizacións correspondentes, onde se lles informará tamén a hora de recollida dos nenos e nenas.
A Ludoteca realizarase na Casa dos Alonso e estará organizada por espazos de diferentes actividades con manualidades plásticas, puzzles e xogos de mesa, xogos simbólicos, biblioteca e pintacaras.
Contarase con dúas monitoras profesionais que estarán a cargo dos menores para velar polo seu benestar e ter un ocio educativo e controlado.
Horarios Ludoteca de Nadal:
" Luns 23: de 16:30h a 19:30h
" Martes 24: de 10:00h a 13:00h
" Luns 30: de 16:30h a 19:30h
" Martes 31: de 10:00h a 13:00h
Xogos e obradoiros infantís
O Xoves 26 de decembro a Praza do Monterreal* acolle unha tarde de xogo de mesa con Brazolinda, unha actividade infantil que terá lugar a partires das 16:30h e na que os máis pequenos da casa poderán gozar e pasar un excelente momento cos orixinais e divertidos xogos de mesa que estarán á súa disposición. Estes xogos están pensados para potenciar diferentes capacidades nos nenos e nenas, como a de observación, razoamento ou comunicación; e todo a través da resolución de adiviñas, o debuxo, as matemáticas ...
O xoves día 2 de xaneiro terá lugar na Praza do Monterreal* en horario de 16:30h a 19:30h un Obradoiro de Nadal para nenos e nenas coa participación dos pais e nais e que consistirá en dúas actividades paralelas, por unha banda os nenos e nenas poderán realizar un adorno para o arbolito de nadal, e por outra banda poderán realizar un marcapáxinas de nadal para libros. Disporán de todo o material preciso para estas tarefas e non é necesaria inscrición previa. Tamén se contará con pintacaras nesta xornada.
*En caso de choiva estas actividades trasladaranse á Casa dos Alonso.
Espectáculos Infantís
O venres 27 de decembro ás 17:30h o Centro Cultural acolle o espectáculo de clown infantil "Cartoons", unha actividade na cal Josito e Víctor interpretan a dous personaxes no seu modo paródico e eficaz de comportarse, viven rodeados de cartóns, nun mundo de carsón, esa materia valiosísima que, inexplicablemente, nos tiramos ao lixo diariamente.
Os dous artistas non deixarán pasar a oportunidade de mostrar os seus talentos para o cantar e tocar instrumentos, e mostrar as súas habelencias na área da maxia.
O venres día 3 de Xaneiro ás 17:30h a Praza do Reló* será o escenario de "Nadal con Paio e Aurelio", un espectáculo especial para este Nadal con voces en directo a cargo do grupo musical Oviravai e no que 4 personaxes farán as delicias dos máis pequenos da casa.
*En caso de choiva o espectáculo trasladarase ao Centro Cultural.
A Guarda regula os criterios estéticos para a súa Fachada Atlántica
O Concello da Guarda ven de crear unha nova ordenanza estética, co obxecto de establecer criterios de actuación pormenorizados para tódalas edificacións que constitúen unha parte da fachada do paseo marítimo, co fin de evitar intervencións de reforma ou obra nova de carácter arbitrario e esteticamente indesexables.
Deste xeito A Guarda establece todos os criterios para manter a súa característica fachada atlántica cunha ordenanza que, unha vez publicada no BOP, permitirá outorgar licencias de obra neste espazo da vila, para que estas se realicen seguindo os parámetros marcados na nova ordenanza.
O obxectivo deste documento é establecer a tipoloxía de fachada, os materiais de acabado e cor de cuberta, o material de acabado e cor de fachada, o material e cor da carpintería exterior e varandas, o material e cor da ferraxería, as alturas máximas de cornixa e as alturas máximas do cumio, entre outras especificacións.
Esta ordenanza será de aplicación para todos os soares integrados no ámbito do Estudo de detalle nº 1 delimitado polo PXOM, con independencia de que estean ou non edificados á súa entrada en vigor.
Esta regulación estética será de aplicación tanto para obra nova como para obras de renovación, rehabilitación ou reconstrución que afecten total ou parcialmente as fachadas ou cubertas das edificacións.
Calquera modificación ou renovación das características exteriores das edificacións requirirá cando menos unha memoria técnica redactada por técnico competente que xustifique o cumprimento da regulación estética definida no documento.
Trátase dunha normativa pionera en Galicia que regula tódolos aspectos construtivos e estéticos para manter e mellorar, se cabe, unha das estampas mais características e fotografadas da nosa Vila.
Este documento compleméntase coa nova ordenanza de terrazas, na actualidade, en fase de alegacións. Esta ordenanza permitirá mellorar, entre outras zonas, a estética das terrazas do paseo marítimo, dándolle unha imaxe máis moderna aos establecementos de restauración do porto.
Dende o Concello da Guarda se quere agradecer a todas as persoas que participaron para que esta nova ordenanza saíse adiante, aportando documentación, imaxes e redactando o proxecto coma: o persoal dos servizos técnicos de urbanismo do Concello da Guarda, Antonio Hernández Crespo, Hermelindo Martínez González e José María Álvarez Álvarez; colaboración do persoal de Plan de práctica laboral en Concellos da Deputación de Pontevedra, Hermitas Piñeiro Martínez e Alicia Rial González; José Antonio Uris Guisantes; Eva María Baz Cerqueira e Antón Ferreira.
Inauguración da Exposición de Pintura "anetadocamilo"
O vindeiro sábado día 21 de decembro ás 13:00h realizarase na Casa dos Alonso a Inauguración da Exposición de Pintura "anetadocamilo".
¡Agardamos coa vosa presenza!
Acto: Inauguración da Exposición de Pintura "anetadocamilo"
Día: Sábado 21 de decembro de 2019
Hora: 13:00h
Lugar: Casa dos Alonso
Interveñen:
" Antonio Lomba Baz, Alcalde da Guarda
" Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura
" Beatriz Bascoy Cao, artista
A RÚA CONCEPCIÓN ARENAL CONVÉRTESE NUNHA REFERENCIA PEONIL E COMERCIAL NO CENTRO URBANO DA GUARDA
O deputado de Infraestruturas, Gegorio Agís, e o alcalde, Antonio Lomba, comprobaron os resultados das obras de humanización, valoradas en máis de 1,1 millóns de euros e financiadas maioritariamente pola Deputación de Pontevedra
O alcalde cualifica a nova vía como "un modelo" e destaca a importante redución do tráfico, a accesibilidade e a flexibilidade no uso
O deputado de Infraestruturas e Vías Provinciais, Gregorio Agís, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitaron os traballos de mellora da mobilidade da rúa Concepción Arenal, EP-3401, de acceso ó porto. As obras, froito dun convenio entre a Deputación e o Concello, foron adxudicadas á empresa "Obras, Reformas y Saneamientos S.L." por un total de 1.171.888,13 euros, dos cales o ente provincial financiou un 78,53%. Ademais, para esta acción foron destinados 100.000 euros do Plan Concellos 2017.
Durante a visita, Gregorio Agís asegurou que "é unha obra moi relevante onde se pon en valor unha zona moi importante da Guarda. Tamén aquí era necesario acometer os servizos e facer intervencións de humanización e de mobilidade peonil". Deste modo, os traballos foron desenvolvidos en dous tramos. O primeiro abarca dende o cruce coa rúa Enrique María Sesto ata o Hotel Convento de San Benito, mentres que o segundo inclúe o camiño que vai dende o cruce entre a PO-552 ata a rúa Enrique María Sesto.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, explicou: "Había tres eixos arredor dos que xiraba esta praza, que eran a praza Avelino Vicente, a entrada ó Auditorio de San Benito e o espazo que queda enfronte ó Hotel de San Benito". Ademais, engadiu: "Eu creo que esta vai ser unha ganancia para A Guarda. Onde antes había coches agora vai haber espazos para que a xente e os nenos desfruten".
Así, os obxectivos principais destas actuacións eran mellorar as características monumentais e fortalecer a explotación como espazo público. "Creouse un espazo central realmente acorde ó tipo de zona urbana que é. Cremos que este tipo de actuacións son fundamentais para a seguridade cidadá e para o desenvolvemento económico destas zonas comerciais urbanas", asegurou o deputado de Infraestruturas durante a visita.
Por outra banda, renováronse as instalacións de abastecemento, saneamento, alumeado público e instalouse mobiliario público coa finalidade de aumentar a integración das persoas con mobilidade reducida e diminuír o impacto da pegada de carbono de cara á creación de cidades e comunidades sostibles, un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) marcados pola ONU dentro da Axenda 2030.
"Esta rúa é, para nós, un modelo. Nela reduciuse moitísimo o tráfico; é totalmente accesible e flexible", subliñou o alcalde da vila. Con todo, as beirarrúas pasaron de ser dun metro escaso a ocupar todo o espazo público cunha gran plataforma que permite que tamén poidan circular vehículos.
Finalmente, o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, sinalou o investimento que fixo a Deputación no concello da Guarda, que ascende a máis de sete millóns de euros (7.187.066,73 euros), dende que Carmela Silva tomou posesión no cargo de presidenta do ente provincial na primavera de 2015.
Novo vehículo de emerxencias para o GES da Guarda
O pasado mércores día 11 de decembro o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do concello da Guarda recibiu un novo camión tipo Bomba Rural Lixeira (BRL) que será empregado tanto para incendios urbanos coma forestais e diversas incidencias coma accidentes de circulación.
A este acto asistiu unha representación da Corporación Local, encabezada por Antonio Lomba, alcalde da Guarda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, así como boa parte dos 12 membros que conforman o GES da Guarda.
O novo vehículo de primeira saída completamente equipado está valorado en máis de 213.000 euros e dispón dun motor de 280 CV e tracción total 4x4. Tamén conta cunha bomba de impulsión de alta e baixa presión cun depósito de 2.000 litros de auga e de armarios nos que albergar o material necesario para facer unha primeira intervención na extinción de lumes. Ademais, os seus oito focos LED e un mástil de iluminación permiten realizar intervencións en situacións de pouca luminosidade. Ven a completar o equipamento terrestre e acuático co que conta o servizo de emerxencias da Guarda e mellorar a eficacia ante calquera intervención.
Esta adquisición enmárcanse no proxecto de Asistencia Recíproca Interrexional en Emerxencias e Riscos Transfronteirizos ARIEM+, unha iniciativa de colaboración que lidera a Xunta co obxectivo de xestionar de forma conxunta os recursos para mellorar a atención e a coordinación das emerxencias nas zonas limítrofes con Portugal.
O Alcalde da Guarda e responsable de Emerxencias do municipio destacou o gran labor que realiza o GES da Guarda no seu ámbito xeográfico de actuación, que abarca aos concellos da Guarda, O Rosal, Oia e Tomiño, cun total de 919 incidencias atendidas no ano 2018.
Malia a precariedade de medios existentes no ano 2013, cando se formou o GES da Guarda, grazas a un importante esforzo económico en dotación de materiais por parte do Cocnello da Guarda e a diversas cesións de materiais da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, o GES da Guarda conta arestora cunha importante cantidade de medios que optimizan e melloran o seu servizo
Entre as incidencias máis frecuentes destacan os accidentes, seguido de operativos por animais, xestións medioambientais, incendios urbanos e forestais, incidencias relacionadas coa circulación, operativos varios, riscos, salvamento e rescate, sanitarios e de seguridade.
A formación dos 12 efectivos que forman parte do GES da Guarda é unha parte primordial para realizar unha atención adecuada no momento de incidencias reais, por este motivo participan activamente ao longo do ano en actividades de formación e simulacros de emerxencias xunto con outros equipos de emerxencias como o helicóptero Pesca 1 do servizo de gardacostas e tamén realizan charlas e xornadas de emerxencias en diferentes centros educativos do Concello da Guarda, participación en eventos acuáticos coma travesías a nado, entre outros.
Neste senso o GES da Guarda, dende o programa control velutina, a través do 012, leva xestionado aproximadamente un total de 370 incidencias dende o 11/06/2016 ao 11/09/2019.
O GES da Guarda realiza diversas charlas informativas nos centros educativos do municipio, que teñen coma obxectivo que os rapaces e rapazas saiban como actuar ante situacións de risco ou emerxencias, coñecendo o funcionamento dos plans de autoprotección dos seus respectivos colexios e centros educativos, así coma saber coma realizar unha correcta evacuación en caso de incendio, grazas á realización de simulacros de evacuación.
Tamén destaca a colaboración coa Consellería de Medio Rural na atención dos incendios forestais, prestando unha atención inmediata e apoio nos diferentes incendios que afectaron aos montes da nosa contorna.
Cabe destacar, que a empresa IKF España S.A., conta todos os anos co Grupo de Emerxencias Supramunicipal para participar no simulacro programado, así como facilitar o seu Plan de Autoprotección para que os integrantes do servizo teñan coñecemento dos riscos que se poden presentar nas súas instalacións.
Dende o Concello da Guarda se manifesta a aposta firme pola dotación de novos medios e o mantemento deste servizo de emerxencias, primordial para atender as incidencias na nosa zona, ante o illamento xeográfico, traballando pola mellora do GES da Guarda.
Suspensión do Mercado de Nadal na Guarda
Debido aos graves danos sufridos durante a tarde de onte nas carpas instaladas na Praza de Avelino Vicente, a empresa encargada da súa montaxe decidiu retiralas todas ante a posibilidade de que as dúas que quedaron en pé puideran acabar sendo danadas durante a noite polas fortes rachas de vento.
Por este motivo dende o Concello vémonos obrigados a suspender o Mercado de Nadal tal e como estaba concibido.
Trataremos de manter as foodtrucks que tiñamos previsión de que comezasen a funcionar a pleno rendemento durante a próxima fin de semana, e trataremos, na medida do posible, de buscar algunha outra alternativa para conseguir que, a pesares do mal tempo, podamos gozar dun Nadal cunhas rúas cheas de vida.
11 Asociacións da Guarda decoran a vila coa temática mariñeira
O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, visitaron na mañá deste martes día 17 de decembro diferentes espazos da vila, decorados na acción "Decora o teu Nadal 2019-20", que contou este ano coa participación dun total de 11 asociacións e colectivos guardeses, que axudaron a embelecer A Guarda coa temática mariñeira, elección deste ano para engalanar a vila.
Montserrat Magallanes, Concelleira de Cultura, quixo amosar o seu agradecemento a todos estes colectivos pola súa implicación nas diferentes actividades que se realizan na vila ao longo do ano e, especialmente, na súa participación en "Decora o teu Nadal 2019-20", onde quedou de manifesto o seu bo facer e compromiso co pobo onde levan a cabo a súa actividade, destacando a orixinalidade e beleza da decoración, realizada, na súa meirande parte, con material de refugallo.
Antonio Lomba destacou que esta colaboración foi esencial para poder contar na Guarda cunha decoración de nadal, feita con moito traballo, esmero e cariño por parte dos diferentes colectivos involucrados, 11 en total: San Xerome, Coiro Vello, Mulleres Progresistas, ASCD TransMiño, Coro Arpegios Cantábile, Studio 88, Xamaraina, Fundación Las Samaritanas, Vento Mareiro, Avelaiña e Piueiro.
O Concello da Guarda fixo entrega tamén duns lotes de produtos típicos ás diferentes asociacións que traballaron e colaboraron na decoración das prazas este Nadal na Guarda.
Dende o Concello recórdase que as fotos do Nadal teñen premio, cun sorteo de puntos para a Pista de Xeo entre todos os que compartan as súas fotos cos hashtags #AGuardaéNadal e #NadalnaGuarda nas Redes Sociais.
Mercado de Nadal
Dende a pasada fin de semana a Praza Avelino Vicente(As de Copas) conta xa cun Mercado de Nadal, un espazo que abre as súas portas todos os días de 10:00h da mañá a 21:00h da noite e que contará con máis dunha ducia de stands con produtos coma herbas mediciñais, ambientadores, artesanía, bixutería, complementos, entre outros.
Ademais de contar as fins de semana con stands con oferta gastronómica entre a que destaca viño quente, cafés, ponches, chocolate quente, muffins, crepes, e moito máis. Este Mercado de Nadal estará aberto ata o 6 de xaneiro.
Pista de Xeo
A Alameda da Guarda conta xa cunha Pista de Xeo que estará en funcionamento ata o 19 de xaneiro.
O horario da Pista de xeo será de Luns a venres de 16:00h a 21:30h e as fins de semana de 12:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:30h, cun horario especial para o 25 de decembro, 5 e 6 de xaneiro de 16:00h a 21:30h e os días 24 e 31 de decembro de 12:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h.
Este ano establécese un sistema de puntos que permitirá facer promocións a través das empresas locais, cada entrada para a Pista de Xeo terá un custo de 7 puntos e cada punto terá un valor de 1€. Todos aqueles comercios que desexen dispor de puntos para a Pista de Xeo poderán mercar os que desexen na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89 20. As empresas que se adhiran ao sistema de puntos deberán de manter o seu compromiso de dispor de puntos nos seus establecementos ao longo da duración da campaña de Nadal, do 5 ao 19 de xaneiro, o seu reparto entre os seus clientes queda á elección de cada comerciante, os puntos que non se consuman ao remate da campaña serán reembolsados.
AXENDA DE NADAL 2019/20
DECEMBRO
- XOVES 19 DECEMBRO
Obradoiro "Agasallos de nadal"
Na casa dos Alonso ás 18:00 (inscripción previa en información@aguarda.es, maiores de 12 anos)
Concerto de Nadal do Conservatorio
No Centro Cultural ás 20:00 h.
- SÁBADO 21 DECEMBRO
Chocolatada ACIGU
No Monterreal a partir das 10:00 h.
Cantos de Nadal nas prazas cos Grupos Folclóricos da vila.
Recorrido: Alameda - Avelino Vicente - Praza do reló, a partir das 18:30 h.
- DOMINGO 22 DECEMBRO
Concerto de Panxoliñas.
Na Igrexa Parroquial ás 17:00 h.
- LUNS 23 DE DECEMBRO
Ludoteca de Nadal.
Nas carpas do Monterreal de 16:30 a 19:30 h.
- MARTES 24 DE DECEMBRO
Ludoteca de Nadal
Nas carpas do Monterreal de 10:00 a 13:00 h.
- XOVES 26 DE DECEMBRO
Tarde de Xogos de mesa con Brazolinda.
Nas Carpas do Monterreal ás 16:30 h.
Barferencia "Juan Bautista Alonso Español (1801-1879) por J.M. Villa.
No bar A Bodega ás 20:30 h.
- VENRES 27 DECEMBRO
Espectáculo Infantil de Clown "Cartoons"
No Centro Cultural ás 17:30 h.
- SÁBADO 28 DECEMBRO
Concerto de Indie Rock co grupo Inertes.
Na Praza do Reló ás 20:00 h.
- LUNS 30 DECEMBRO
Ludoteca de Nadal
Nas carpas do Monterreal de 16:30 a 19:30 h.
- MARTES 31 DE DECEMBRO
Ludoteca de Nadal
Nas carpas do Monterreal de 10:00 a 13:00 h.
XANEIRO
- XOVES 2 XANEIRO
Obradoiros de Nadal
Nas Carpas do Monterreal ás 16:30 h.
Chocolatada ACIGU
No Monterreal a partir das 16:30 h.
- VENRES 3 XANEIRO
Concerto Infantil "Nadal con Paio e Aurelio" - Oviravai.
Na praza do reló ás 17:30 h.
- SÁBADO 4 XANEIRO
Concerto de Electro Pop co grupo Presumido
Na Praza do Reló ás 20:00 h.
- DOMINGO 5 XANEIRO
Cabalgata dos Reis Magos e Recepción Real. Acompañados polas Asociacións Guardesas.
Dende a Alameda da Guarda ata a Casa dos Alonso ás 18:00 h.
EXPOSICIÓNS
- Exposición dereitos Humanos e Diversidade afectivo sexual e de xénero.
Na casa dos Alonso do 4 ó 18 de decembro. De 10 a 14 e de 17 a 20 horas.
- Exposición O Teu Xacobeo - Cruz Vermella Baixo Miño
Nas carpas do Monterreal o 20 e 27 de decembro e 3 de xaneiro de 10:00 a 13:00 h.
- Exposición de Pintura "anetadocamilo"
Na Casa dos Alonso do 21 de decembro ó 4 de xaneiro. En horario de apertura do Concello.
E ADEMAIS…
PISTA DE XEO
Do 5 de Decembro ó 19 de Xaneiro
Na Alameda
MERCADO DE NADAL
Do 13 de Decembro ó 6 de Xaneiro
Na Praza de Avelino Vicente (As de Copas)
SORTEOS ACIGU
|