Baixo o lema "Tui, Camiño do Nadal, o camiño natural" desenvolverase unha ampla programación dende este domingo, 1 de decembro, até o 5 de xaneiro
"Tui, Camiño do Nadal, o camiño natural" é o lema baixo o que se celebra este ano a programación de Nadal en Tui. Dende o concello de Tui apóstase por un amplo programa de actividades dirixidas a público de todas as idades que se van celebrar dende este domingo, 1 de decembro, até o 5 de xaneiro.
Esta tarde o alcalde, Enrique Cabaleiro, e as concelleiras de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, e Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, presentaron a programación a desenvolver que ten coma eixos o patrimonio tudense, o Camiño de Santiago e a sustentabilidade.
O alcalde Tui, Enrique Cabaleiro, explicou na súa intervención que á hora plantexar as actividades de Nadal tiveron en primeiro lugar que superar a falla de orzamento, que provocou xa que no outono non houbese unha programación cultural no Teatro. Unha falla de recursos que neste caso se superou con imaxinación e moito traballo, agradecendo o traballo e implicación dos traballadores municipais. Indicaba que quixeron realizar un programa orientado a pór en valor o noso patrimonio material, coma o conxunto histórico ou o medio natural, e o inmaterial coma o Camiño de Santiago, sendo este a guía que marca a decoración realizada nas rúas e prazas. Outra das premisas que tiveron sobre a mesa foi realizar unha "programación sustentable baseada nunha economía circular". A oferta de Nadal deste ano abre unha liña de traballo enfocada a potenciar todo o que Tui ofrece. Nese senso avanzaba o obxectivo de que o alumeado de Nadal conte en vindeiros anos con deseños específicos sobre o patrimonio e os valores tudenses.
A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, fixo fincapé no lema "Tui, Camiño do Nadal, o camiño natural" aludindo ao Camiño de Santiago ao seu paso por Tui, pero tamén ao aspecto social, medioambiental e económico da programación ofertada, na que se implican este ano varias áreas municipais.
Ana Mª Núñez, a concelleira de Comercio e Mercado, deu conta dos pormenores do Mercado Sustentable de Nadal, coma acción de dinamización da economía local e atractivo turístico. Reunirá do 5 ao 8 de decembro a 40 postos de madeira con carpa tipo jaima cunha coidada decoración no Paseo da Corredoira. Ofrecerá produtos vinculados a estas festas dende gastronomía, agasallos, artesanía… por parte de produtores, artesanos, establecementos … dos que a metade son de Tui e da contorna.
Unha das grandes novidades da programación será a decoración de distintos espazos públicos nunha campaña que aposta pola economía circular e a reciclaxe. Así parte dos elementos decorativos que se empregarán nas rúas tudenses, serán reutilizados logo noutros eventos. E cómpre salientar que para a realización destes motivos decorativos empregouse material de refugallo coma polas de árbores procedentes das podas. Ultimase a colocación destes elementos decorativos singulares vinculados ao Camiño de Santiago nas prazas do Concello, San Fernando a Armada e Fromista, e nas rúas Ordóñez, Ourense e Colón. Pero tamén esta decoración estará situada noutros puntos da cidade. Unha árbore de madeira co nome de todas as parroquias tudense e a fecha do Camiño a modo de estrela, o buzón real, un dos vehículos da película Cars transformado en trono, un pergamino no que deixar desexos, monecos de neve, Rudolf, Frozen, piruletas, un tren, ou unha pedra indicativa do Camiño, formarán parte da decoración de Nadal que se está a instalar.
A programación de Nadal comezará co acendido da iluminación previsto para este domingo, 1 de decembro, ás 19.30 h na praza da Inmaculada. Precisamente neste punto instalouse unha gran caixa de regalo de luz, e por vez primeira colocouse un arco en cada parroquia e as luces de Nadal chegarán tamén ao conxunto histórico. A continuación actuará a rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.
Esta é a primeira das actuacións de Animación de Rúa previstas no Nadal, que serán outro dos pratos fortes deste "Tui Camiño do Nadal, o camiño natural". Ao longo destas datas festivas contarase coas actuacións da Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei (xoves 5/12), grupo folclórico Inquedanzas de Pazos de Reis (venres 6/12), grupo folclórico O Mosteiro de Pexegueiro (sábado 7/12), grupo folclórico Xuntanza de Randufe e grupo de pandereterias As Dabadía de Caldelas (domingo 8/12), grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro (venres13/12), grupo de gaitas Seixos Albos de Areas (sábado 14/12), grupo de gaitas e grupo folclóricos San Fins de Rebordáns (domingo 15/12).
A música será tamén a protagonista en Anima Eurocidade unha actividade desenvolvida conxuntamente por Tui e por Valença que conta co cofinanciamento da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal - Interreg VA. Así o venres 6 actuará a Charanga Cantos Somos, e o Abominable Trío das Neves, o sábado 7 Tokelau e a Charanga "A tu ritmo", e o domingo 8 o Quarteto Accompagnato, e a Charanga "A tu ritmo"
No Teatro Municipal celebraranse dous espectáculos musicais. Con dobre función preséntase o "Conto de Nadal", un evento a cargo da Escola de Danza Paula Cobián e do Coro Mistura Vocal que terá lugar o sábado 21 ás 21 h e o domingo 22 ás 19 h. E o ano despedirase coa música de catro agrupacións locais: a Banda de Música Popular de Tui e as corais San Telmo, do Centro Sociocomunitario, e Ponte das Febres no Concerto de Fin de Ano o venres, 27 de decembro ás 21 h.
A Biblioteca Pública Municipal dentro do "Nadal na Biblioteca" acollerá o xoves 19 de decembro un obradoiro de globoflexia, o xoves 26 de decembro Maxia co mago Samuel Moreno, e o xoves 2 de xaneiro o contacontos para bebés "Os Contos do Chupete". Todas estas citas serán ás 17 h. Amais o sábado, 21 de decembro, ás 21 h, realizarase unha visita guiada ao Nadal no Patrimonio Tudense.
Están previstas "Actividades Infantís" os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro. Polas mañá na Sala Xacobeo da Área Panorámica haberá Obradoiro Infantís de 11 a 13 h, e polas tardes na Sala Félix Rodríguez proxección de películas infantís relacionadas co Nadal ás 16.30 h.
A programación pecharase coa "Cabalgata Internacional de Reis" que sairá o domingo, 5 de xaneiro, ás 17 h dende Valença para rematar no Paseo da Corredoira en Tui.
O xurado valorará os resultados acadados nesta temporada. A entrega de premios terá lugar no mes de febreiro.
O Concello de Tui vén de abrir o prazo de presentación de candidaturas para a Gala do Deporte Tudense 2019. A oitava edición deste evento terá lugar o venres, 28 de febreiro, ás 20.30 horas, no Teatro Municipal de Tui.
Este evento ten coma obxectivo recoñecer o traballo realizado polos distintos deportistas e clubs tudenses, nas distintas categorías establecidas polo xurado, deportista masculino e feminino, deportista masculino e feminino promesa, deportista masculino e feminino sub23, deportista masculino e feminino adaptado, deportista masculino e feminino veterano, club deportivo e club deportivo na promoción do deporte base, adestrador, firma comercial e entidade colaboradora co deporte.
Até o martes, 10 de decembro, pódense presentar as candidaturas enviando un correo electrónico a deportes@tui.gal, coa persoa, club, ou entidade proposta coa categoría correspondente, xunto ao currículo deportivo do ano 2019.
No transcurso da VIII Gala do Deporte Tudense, ao igual que nos últimos anos, realizaranse distintas homenaxes a persoas que marcaron un antes e un despois na historia deportiva do concello. Do mesmo xeito haberá un recoñecemento ás e aos deportistas tudenses que participaron nos campionatos do Mundo e de Europa neste ano 2019.
Dentro da campaña "Tui en Negro" que se está a desenvolver en Tui promovida polo Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, este sábado impartirase o curso "Autodefensa para mulleres ante situacións violentas", que foi concedido pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.
Celebrarase no pavillón do CEIP nº2 de 10 a 14 h e de 17 a 20 h. Ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de solicitude, tendo preferencia as mulleres empadroadas no Concello de Tui. Será impartido por monitores especialistas da Federación Galega de Loita, pertencentes a Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Vai destinado a mulleres maiores de 18, ou maiores de 16 con autorización da súa nai, pai ou titor/a.
As mulleres interesadas en realizar o curso, que ten carácter gratuíto, deben cubrir o impreso de solicitude, que poden descargar da web municipal ou recoller na casa do concello, e presentala por rexistro de entrada ou na sede electrónica do Concello de Tui.