JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Cortado un carril e prohibida a circulación a vehículos de máis de 3.500 quilos na Veiga do Louro

Debido ao afundimento da beirarrúa e ao risco de afundimento de parte da calzada vénse de cortar un carril e prohibir a circulación a vehículos de máis de 3.500 quilos na rúa Loureiro, na zona da Veiga da Louro, preto da ponte romana. Dende a fin de semana detectouse xa o afundimento de parte das lousetas da beirarrúa polo que foron colocados valados no perímetro para evitar riscos para os peóns. As choivas das últimas xornadas e o incremento do caudal do río Louro teñen incrementado o problema. Solicítase circular coa máxima precaución pola zona.

Por outra parte a crecida do río Louro obrigou tamén a sinalizar un percorrido alternativo para os peregrinos que realizan o Camiño Portugués de Santiago ao seu paso por Tui na parroquia de Ribadelouro a altura da Ponte das Febres. Ao igual que aconteceu a comezos de semana a ponte volve estar hoxe intransitable pola crecida do Louro.

Tamén dende onte está pechada por seguridade a pasarela de madeira que comunica a Avenida da Concordia e o Paseo da Corredoira cos Xardíns de Troncoso, xa que logo das intensas choivas das últimas xornadas o firme está moi esvaradío e supón un risco para os peóns.

Concello Tui


Este domingo realízase a I Andaina "Camiño á liberdade" contra a violencia de xénero dentro da campaña "Tui en negro"

Dentro da campaña "Tui en Negro" este domingo vaise realizar a I Andaina "Camiño á liberdade" contra a violencia de xénero. Sairá ás 11 h dende a praza de San Fernando para realizar un percorrido pola ruta dos Muíños do río Tripes, onde haberá unha muiñada. A ruta ten unha dificultade doada e o tempo estimado é de 2 h 30 minutos.

Para participar nesta andaina é preciso inscribirse até o propio domingo na Oficina de Turismo, no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.

Por outra parte mañá sábado, dende ás 10 h, repartirase material da campaña "En Negro" na Praza de Abastos. Xa o luns ás 12 h na praza de San Fernando terá lugar o acto institucional.

Estas actividades forman parte da campaña "En Negro" para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co obxectivo de sensibilizar e implicar á poboación contra as violencias machistas. O Concello de Tui adheriuse de novo este ano á campaña "En negro contra as violencias" na que este ano participan máis de 130 concellos galegos.

Concello Tui


Tui acolle a exposición "Descubre Sefarad"

É a primeira actividade que a Red de Juderías de España promove na cidade

Dende 22 de novembro, e até o sábado 14 de decembro poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, no edificio "Francisco Sánchez", a exposición "Descubre Sefarad". A mostra está organizada pola Red de Juderías de España, na que recentemente se ten integrado o Concello de Tui.

Esta exposición realiza un percorrido a través de imaxes polas cidades integradas nesta Red de Juderías de España. Son 24 imaxes de gran formato que capturan a alma das xuderías de cada unha cidades integradas nesta Rede e que están acompañadas dun pequeno texto que destaca a esencia xudía de cada unha destas localidades.

A exposición está circulando por diversas localidades de España (Lorca, Monforte, etc,) así como de Francia (Lyon) e Alemaña (Berlín) para a promoción cultural e turística dos municipios integrados na Red de Juderías.

"Descubre Sefarad" contribúe a remarcar a importancia e contribución que a cultura xudía ten aportado ao carácter e esencia de España e traza un recorrido polo labor da Red de Juderías a prol da conservación e difusión do patrimonio xudeu, tanto o de carácter materia como inmaterial.

O Concello de Tui forma parte dende este ano da Red de Juderías e con esta integración se pretende promover o importante legado xudeu na nosa cidade que ten exemplos como a colección de "Sambenitos" do Museo Diocesano que teñen un carácter único e excepcional e que xunto as diversas testemuñas da presenza desta cultura na nosa cidade constitúen un importante recurso cultural e turístico que posiciona á nosa cidade e diversifica a súa aposta turística centrada neste tipo de turismo cultural.

Concello Tui


O Concello de Tui vén de entregar as bolsas a deportistas tudenses de alto nivel cun importe total de 6.400 €

En breve abrirase o prazo de solicitude das bolsas correspondentes ao ano 2019

O Concello de Tui vén de facer efectivas as bolsas a sete deportistas tudenses correspondentes ao ano 2018 que suman en conxunto 6.400 €. Esta axuda económica concédese tras a consecución de resultados a nivel internacional tanto coa selección nacional coma cos seus clubs.

Tras a convocatoria realizada as bolsas foron outorgadas a Manuel Garrido polo segundo posto no Campionato do Mundo Absoluto de Maratón de Piragüismo, a Gustavo Rodríguez, polo terceiro lugar no Campionato do Mundo Absoluto de Triatlón, a Rubén Dasilva polo oitavo posto na Copa do Mundo Absoluto de Maratón de Piragüismo, a Sebastián Delgado, pola súa participación no Campionato do Mundo Absoluto Sprint de Piragüismo, a Lara Feijóo polo sétimo lugar acadado no Campionato do Mundo Junior de Maratón de Piragüismo, a Enrique Míguez polo segundo posto no Campionato do Mundo Máster de Maratón de Piragüismo e a Avelino Martínez, polo primeiro lugar no Campionato de Europa Máster de Judo.

Por outra parte o Concello de Tui vai abrir en breve o prazo de solicitude das Bolsas a Deportistas Tudenses correspondentes ao ano 2019, que contarán cun orzamento de 10 mil euros. O obxectivo destas bolsas é facilitar aos deportistas tudenses a práctica deportiva e a súa participación nas competicións de máis alto nivel, valorando así a súa especial dedicación ao deporte, e á súa vez á difusión que realizan da cidade de Tui nos eventos deportivos de carácter internacional nos que participan.

Os requisitos a cumprir para optar a estas bolsas son ser deportista federado, estar empadroado no Concello de Tui e ter participado en competicións de carácter oficial e internacional. Nas bases desta convocatoria establécese un cadro de baremación en base ao que se distribuirá o importe da bolsa concedida.

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles dende a publicación da convocatoria no BOPPO, o Boletín Oficial de Pontevedra. Os interesados deberán presentar a solicitude e a documentación requirida por rexistro de entrada na secretaría do Concello de Tui o na sede electrónica. A información das bases e os formularios de solicitude pódense recoller na mesma secretaría do concello ou descargalas na paxina web municipal www.tui.gal.

Concello Tui


Tui tínguese de negro para conmemorar o 25N

Convídase á cidadanía e ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural á sumarse á campaña

Tui tínguese de negro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co obxectivo de sensibilizar e implicar á poboación contra as violencias machistas.

O Concello de Tui adheriuse de novo este ano á campaña "En negro contra as violencias" na que este ano participan máis de 130 concellos galegos. O obxectivo é fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal. Tamén persegue implicar ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas. Dende o Concello de Tu convídase á poboación a sumarse a esta campaña tinguindo Tui de negro dende hoxe mércores, 20 de novembro, até o sábado día 30.

Coma inicio da campaña Tui En Negro este mediodía colócase unha lona na fachada da casa do concello. E dende hoxe repartirase material da campaña Tui En Negro entre o comercio, hostalería e centros públicos, os interesados poden tamén recoller este material no departamento de Servizos Sociais na casa do concello. Este sábado, 23 de novembro, dende ás 10 h repartiranse mandís da campaña "Tui en Negro" entre as persoas que se acheguen á praza de Abastos.

Dentro das accións programadas pola Concellería de Igualdade para este 25N está tamén a iniciativa "Tui soña" que dende comezos de mes está en marcha en todos os centros educativos de Infantil e Primaria de Tui. Tense convidado os colexios a "soñar cun mañá mellor a través das voces dos nenos e nenas" segundo explica a concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez. En concreto a proposta consiste en que cada centro decore unha silueta de muller, aportada polo Concello, con frases, debuxos, poesía…en positivo. Este traballo realizado polo escolares exponse inicialmente en cada centro educativo, e o próximo luns será entregado na casa da concello, para a súa exposición durante unha semana, posteriormente na Sala Municipal na Área Panorámica, e a continuación as siluetas serán expostas en distintos locais comerciais e de hostalería facendo chegar así a mirada de optimismo dos cativos e cativas cara ao futuro á poboación en xeral.

Este domingo, 24 de novembro, ás 11 h sairá da praza de San Fernando a I Andaina "Camiño á liberdade" contra a violencia de xénero. Realizará un percorrido pola ruta dos Muíños do río Tripes e haberá unha muiñada. A dificultade da ruta, que regresará ao punto de partida, é doada e terá unha duración aproximada 2 h 30 minutos. Para participar nesta andaina é preciso inscribirse até o propio domingo na Oficina de Turismo, no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.

O próximo luns, 25 de novembro, está previsto o acto institucional da campaña, ás 12 h na praza de San Fernando. Consistirá na lectura dun manifesto, na exposición das siluetas de mulleres da campaña "Tui soña" cos deseños realizados polo alumnado e Infantil e Primaria, e contarase coa actuación musical do alumnado dos distintos centros educativos tudenses. Dende o Concello convídase á cidadanía a participar no acto vestidos de negro ou cunha prenda negra en sinal de do polas vítimas da violencia de xénero.

O sábado, 30 de novembro, impartirase o curso gratuíto "Autodefensa para mulleres ante situacións violentas" concedido pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. Será de 10 a 14 h e de 17 a 20 h no pavillón do CEIP nº2. Será impartido por monitores especialistas en defensa persoal da Federación Galega de Loita. Trátase dun curso de adestramento físico e psíquico para crear protocolos de actuación ante diversas situacións.

As mulleres interesadas en realizar o curso deben cubrir o impreso de solicitude, que poden descargar da web municipal ou recoller na casa do concello, e presentala por rexistro de entrada ou na sede electrónica do Concello de Tui. Ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de solicitude, tendo preferencia as mulleres empadroadas no Concello de Tui.

Programa

- Mércores 20

o Inicio da Campaña Tui En Negro coa colocación da lona na casa do concello e do material da campaña en edificios públicos, establecementos comerciais, hostaleiros… e nas redes sociais municipais

- Sábado 23

o Ás 10 h repartiranse mandís da campaña "Tui en negro" entre as persoas que se acheguen á praza de Abastos.

- Domingo 24

o Ás 11 h I Andaina "Camiño á liberdade" contra a violencia de xénero. Saída da Praza de San Fernando. Percorrido pola ruta dos Muíños do río Tripes e muiñada. Duración aproximada 2 h 30 minutos. Inscrición previa na Oficina de Turismo ou no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.

- Luns 25

o Lectura dun manifesto, exposición das siluetas de "Tui Soña" e actuacións musicais dos centros educativos.

- Sábado 30

o Dende ás 10 h Curso de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas no pavillón do CEIP nº2


Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais