|
Até o 1 de decembro pode visitarse en Tui e exposición "Alto Minho, paisagens, espécies, historias"
Está promovida pola Comunidade Intermunicipal - CIM Alto Minho
A Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, acolle até o 1 de decembro a exposición itinerante "Alto Minho, paisagens, espécies, historias" promovida pola Comunidade Intermunicipal - CIM Alto Minho co obxectivo de revelar a beleza da biodiversidade e a riqueza cultural dos municipios do Alto Minho.
Esta mostra realiza unha itinerancia polos concellos do Alto Minho e do Sur de Galicia. Está integrada por paneis interpretativos así como elementos multimedia dedicados ás tres temáticas da exposición: Paisaxes, Especies e Historias, xunto cun documental e unha misteriosa arca interactiva con 20 obxectos.
A exposición ofrece ao visitante unha perspectiva ecolóxica e social da zona, mostrando algunhas das especies que habitan esta rexión, explorando unha grande variedade de paisaxes e desvelando como os altominhotos se relacionan con este territorio e a súa biodiversidade.
Así na mostra recóllese a orvalhinha, a lesma do mar, a salamandra lusitânica, as mouras encantadas, a lenda do lagarto de Lamas de Mouro ou as maias.
Para o Concello de Tui a presenza en Tui desta exposición divulgativa sobre o territorio transfronteirizo é unha nova oportunidade de ofrecer aos tudenses e visitantes un achegamentos aos valores naturais e culturais deste espazo xeográfico que compartimos galegos e portugueses, en definitiva as poboacións asentadas nas ribeiras do Miño. Nunha nova oportunidade Tui é unha ponte de comunicación, agora na divulgación de patrimonio e de natureza, entre as terras de Galicia e o Norte de Portugal.
A próxima semana o Goberno municipal remata as reunións coa veciñanza das parroquias
Estarán en Caldelas, Paramos, Ribadelouro e Pexegueiro
A próxima semana rematan as reunións que o equipo de goberno de Tui está a manter coa veciñanza das distintas parroquias tudenses. O obxectivo destes encontros, que se celebraron xa Areas, Malvas, Baldráns, Rebordáns, Guillarei e Randufe, é coñecer as necesidades de cada parroquia da man dos propios veciños e veciñas. As persoas que asisten poden formular as súas preguntas tanto ao alcalde coma aos concelleiros do equipo de goberno.
Venres a cita será ás 20 h no edificio da Macoca en Pazos de Reis. Xa o luns a reunión será en Caldelas, o martes en Paramos, o mércores en Ribadelouro e por último o xoves en Pexegueiro. Todas as reunións serán ás 20 h na casa cultura de cada unha destas parroquias.
Calendario de Reunións do Equipo de Goberno nas Parroquias
" Venres, 15 de novembro, ás 20 h no edificio da Macoca en Pazos de Reis
" Luns, 18 de novembro, ás 20 h na Casa Cultural Caldelas
" Martes, 19 de novembro, ás 20,00 horas na Casa Cultural de Paramos
" Mércores, día 20 de novembro, ás 20,00 horas na Casa Cultural de Ribadelouro
" Xoves, día 21 de novembro, ás 20,00 horas na Casa Cultural de Pexegueiro
Aberto o prazo de inscrición para participar no Mercado Sustentable de Nadal
Celebrarase do 5 ao 8 de decembro no Paseo da Corredoira
O Concello de Tui vén de abrir o prazo de inscrición para participar no Mercado Sustentable de Nadal que se vai celebrar no Paseo da Corredoira do 5 ao 8 de decembro. A convocatoria está dirixida a artesáns, produtores e creadores de artigos relacionados co Nadal.
O Mercado Sustentable de Nadal, que forma parte da programación de Nadal, está baseado na sustentabilidade, na economía circular e de proximidade, así coma no respecto ao medio ambiente. O Concello de Tui promove este Mercado Sustentable de Nadal para dinamizar o sector comercial do municipio e a economía local ao servir de atractivo que permita incrementar a afluencia tanto da poboación local coma de visitantes á cidade.
Ofértanse un total de 40 postos de madeira con carpa tipo "jaima" cunha coidada decoración e iluminación. As persoas interesadas en participar deben cumprimentar a solicitude de participación no enlace https://forms.gle/9A3yA82DWpPvSpRGA, debendo acompañar fotografías representativas do produtos que ofertarán.
Pódese ampliar esta información no 630 650 415 ou no correo info@enrede.es.
Charla coloquio "86 aniversario da amerizaxe de Lindbergh no río Miño en Caldelas/Friestras"
Será este domingo ás 12 h na Casa Cultural de Caldelas. Está organizada polo Concello e a Asociación Cultural A Insua
A Casa Cultural de Caldelas acolle este domingo, 17 de novembro, ás 12 h a charla coloquio "Lindbergh en Caldelas", cando se cumpren 86 anos do amerizaxe do aviador norteamericano no río Miño.
A charla correrá a cargo de Rafael Sánchez Bargiela, historiador e técnico do Arquivo, Museo e Biblioteca do Concello de Tui, e de Jose Manuel do Souto Pereira Gomes, piloto, instrutor de voo, socio fundador do Aeroclube de Cerval e director do aeródromo de Cerval, en Valença.
Con este evento o Concello de Tui e os veciños de Caldelas queren darlle visibilidade aos feitos históricos acontecidos o 13 de novembro de 1933. Nesa data o aviador norteamericano Charles Augustus Lindbergh e a súa dona Anne Spencer Morrow tiveron que realizar unha amerizaxe no río Miño, entre a parroquia tudense de Caldelas e a freguesía valenciana de Friestas, cando estaban a realizar a volta ao mundo no seu hidroplano Albatros. Debido ao mal tempo amerizaron nunha zona de augas tranquilas, descoñecendo que estaban na fronteira hispano portuguesa. Procedían de Santoña, onde o mal tempo lles obrigara tamén a amerizar no Cantábrico, tras iniciar a ruta no Lago Constanza en Suíza con destino a Lisboa.
Investidos máis de 8.700 euros de baixas do Plan Concello 2017 en material audiovisual e informático
O Concello de Tui vén de investir 8.742,25 € procedentes de baixas do Plan Concello 2017 na adquisición de material audiovisual e informático para distintos departamentos municipais.
En concreto adquiríronse equipos audiovisuais e de televisión cos que se mellorarán os procesos das mesas de contratación, a exposición de proxectos, … tamén se mellorará o equipamento na sala de xuntas e reunións.
Unha das pantallas adquiridas será colocada no vestíbulo da casa do concello. Na mesma proxectaranse anuncios de interese para a cidadanía, brindarase información das actividades culturais, deportivas ou doutra índole previstas no municipio, reproduciranse vídeos promocionais da cidade, e daranse a coñecer as obras previstas.
Igualmente con outro dos monitores mellorarase a información achegada no vestíbulo do Teatro Municipal sobre os espectáculos a celebrar. Outro dos servizos beneficiarios do novo equipamento é o Conservatorio Profesional de Musica que contará con dous novos equipos de audio. Do mesmo xeito mellorou o equipamento que se emprega, por parte do Concello, na megafonía de distintos eventos ao longo do ano.
A renovación de equipamento informático e monitores de ordenador para distintos departamentos municipios foron obxecto tamén deste investimento.
Porén debido á demora na adxudicación doutros proxectos do Plan Concello 2017 o concello de Tui perdeu máis de 100 mil procedentes das baixas destas obras, xa que non daba tempo a investir este cartos antes do 30 de novembro.
|