JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Oito países dan os primeiros pasos para crear unha rede de autoridades locais da Lusofonía polos ODS

- A iniciativa botou a andar no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía co fin de contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU

- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organizou o encontro que se celebrou onte e hoxe en Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía culminou esta tarde en Santiago de Compostela cos primeiros pasos para a creación da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS. Representantes de Galicia, Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde e mais São Tomé e Príncipe participaron onte e hoxe no encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co fin de achegarlle a realidade dos países de fala portuguesa aos municipios galegos e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos locais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU.

Máis de 80 persoas asistiron ás xornadas celebradas na Escola Galega de Administración Pública, que arrincaron o martes día 12 coa inauguración institucional e o discurso de apertura a cargo de María Cupane, voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. A tamén alcaldesa de Boane chamou a "redobrar esforzos para lograr os ODS" e salientou a necesidade de "acadar a igualdade de xénero no liderado político", unha reivindicación que estivo moi presente nos dous días de debate.

Entidades como as asociacións nacionais de municipios de Mozambique e Cabo Verde, gobernos das rexións de Cacheu (Guinea-Bissau) e Príncipe e ou da Provincia de Benguela (Angola) achegaron 'Os desafíos que afrontan os municipios na localización dos ODS' ao longo da primeira mesa redonda, na que a busca de solucións locais a problemas globais foi un denominador común. A xornada pechouse coa presentación de 'Boas prácticas da gobernanza local a prol dos ODS para compartir e cooperar' chegadas desde Angola, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, o Concello de San Sadurniño e o Concello de As Pontes.

Grande interese colleitou tamén o debate inicial desta mañá, no que entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Centro de Divulgación Ambiental, Xunta de Galicia ou o propio Fondo Galego expuxeron interesantes 'Experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa'. A derradeira mesa xirou arredor das 'Alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona', no marco do ODS 17, que chama a unirse para traballar a prol do desenvolvemento sostible. As entidades participantes no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía presentaron diversos proxectos conxuntos, entre elas a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), o Frente Nacional de Perfeitos (Brasil) ou a Rede Intermunicipal de Cooperación ao Desenvolvemento (Portugal). Ademais, os alcaldes de Ames e Tarrafal (Cabo Verde) aproveitaron a ocasión para renovar o convenio do seu programa de cooperación técnica.

Xa pola tarde, déronse os primeiros pasos para a creación dunha Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS nun coloquio cos oito países presentes. Entre as metas desta rede, estaría fomentar o diálogo e aprendizaxe mutua entre os gobernos municipais, establecer relacións de colaboración para incrementar a eficacia e innovación nos proxectos de cooperación internacional, e posibilitar a posta en marcha de iniciativas comúns en sintonía cos ODS. A partír de aquí, poríanse en marcha as sucesivas fases para constituír formalmente a rede e dotala de contido.

Para rematar, o alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Juan González, leu a declaración 'Solidariedade alén da lingua', que pon en valor o papel chave dos municipios na concecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A alcaldesa de Moraña e integrante da Comisión Executiva do Fondo Galego, Luisa Piñeiro, foi a encargada de clausurar estes dous días de reflexión para contribuír á erradicación da pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030, como propoñen os ODS.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Concello Tomiño


Fin de semana cultural en Tomiño con teatro para adultos e espectáculo visual para todo público

"Loló e mamá", de De Ste Xeito Producións chega ao Auditorio de Goián o sábado, e "Nómades", de Xarope Tulú, o domingo

Dúas propostas culturais definirán a vindeira fin de semana en Tomiño. Teatro para adultos, con "Loló e mamá", de De Ste Xeito Producións, o sábado ás 22.00h, e "Nómades", de Xarope Tulú, o domingo ás 17.00, ambas no Auditorio Municipal de Goián, son as dúas actividades que organiza a Concellería de Cultura dentro da súa Axenda de Outono.

"Loló e mamá", de De Ste Xeito Producións é unha obra de teatro escrita por Esther F. Carrodeguas, que relata a historia de Margot, nai de Loló, que queda sen emprego e decide vivir na casa da súa filla, cruzando o océano. O que parecía unha idea xenial que axudaría a xuntar a unha familia desestruturada, axiña muda en desastre. Como acolle unha filla a volta da súa nai? Quen é a nai e quen a filla cando esta última ofrece casa e sustento? Canto tempo pode pasar até que esta bomba de reloxería estoupe definitivamente? Loló e Mamá fai ver, grazas a un humor fino e acedo, que o amor é unha arma de dobre fío. Un retrato cáustico e ben interpretado sobre o egoísmo imposto pola sociedade moderna, o debilitamento das redes familiares e a ambigüidade dos afectos.

"Nómades", de Xarope Tulú, chegará o domingo ás 17.00h. O espectáculo, que mestura movemento, imaxes, música e palabras para crear paisaxes singulares, está pensado para todo público. Trátase dunha proposta en base a teatro e danza para público infantil, recomendado para nenos e nenas de entre 6 e 12 años

"Tres corpos de costas, dúas xaboeiras, unha chepa e ocos; moitos ocos. Como definir un corpo? A través dos paseos en bicicleta, ou polas bágoas provocadas logo dunha caída, ou polos sucos nas pernas ou se cadra pola capacidade de axustarse ó molde da saia, ou do pantalón…?". Con estas palabras, os realizadores tentan definir a obra. "Habitamos a beleza do diverso, esa beleza que dá cor a outros corpos e facilita a aparición de novas tonalidades, texturas e maneiras de vivir, onde non existe un corpo equivocado, onde é posible imaxinar ás persoas en abstracto", explican.

Os intérpretes Mara Roja, Diego Martínez y Atenea García actúan baixo a dirección de Gena Baamonde.

O valor da entrada para estes espectáculos é de 3 euros por persoa en cada un deles, pudendo no do domingo pagar 2 euros, as persoas menores de 14 anos. A venda farase, coma de costume, en taquilla, dende unha hora antes do comezo da función.

Concello Tomiño


Medrando en Familia propón reforzar a alimentación saudable con charlas e obradoiros

As familias poderán aprender sobre o tema asistindo a un encontro e a dous obradoiros organizados pola Concellería de Benestar. Haberá servizo de gardería, pero é preciso apuntarse

A Concellería de Benestar organiza, a través do seu departamento de Educación Familiar, o encontro "Tres, dous, un...a comer" o luns 25 de novembro, ás 17.30h, no Salón de Plenos do Concello de Tomiño.

A actividade, enmarcada dentro do programa de intervención socio-comunitaria "Medrando en Familia", está dirixida especialmente a familias con nenos e nenas menores de 6 anos, polo que haberá servizo de gardería (é preciso inscribirse previamente). A charla estará a cargo da nutricionista e farmacéutica, Nuria Iglesias Lomba.

O programa inclúe este semestre a alimentación e os bos hábitos de nutrición infantil, tratando de maneira especial, por un lado, a transición dos líquidos aos sólidos nos casos dos bebés, e por outro, aprendendo trucos para achegarse ás boas prácticas alimenticias, explorando novas propostas culinarias entre fillos/as e nais e pais.

Así, tras o encontro, celebraranse dous obradoiros; un (luns 2 de decembro, 17.30h) para familias con fillos/as de 0 a 24 meses, e outro (luns 9 de decembro á mesma hora), para familias con nenos e nenas de 24 meses en adiante. Ambos no Mercado Municipal.

Medrando en Familia, posto en marcha pola Concellería de Benestar Social do Concello de

Tomiño, é un programa de intervención socio-comunitario que busca influír, fundamentalmente, no benestar dos máis cativos e cativas, dando resposta a ese intervalo de poboación que conforma a primeira infancia, e tamén á rede familiar. Varias charlas, encontros e obradoiros marcan esta nova edición do programa, no que se fai especial fincapé na busca dunha alimentación saudable. Unha media de 30 familias asisten ás actividades, de balde, organizadas polo Concello, rexistrándose un total de 700 usuarios e usuarias dos programas do Servizo de Educación Familiar, no que vai de ano.

Segundo explica Cristina Martínez, concelleira de Benestar, " a través de encontros e obradoiros, este programa promove a estimulación nun sentido amplo, a adaptación da intervención ás necesidades da familia e en relación aos menores, propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna".

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño ofrece este sábado unha recepción á Agrupación Musical de Goián, polos galardóns conseguidos recentemente

O vindeiro sábado, 16 de novembro de 2019, ás 13.30h, celebrarase no Salón de Plenos do Concello de Tomiño, unha recepción á Agrupación Musical de Goián, polo seu galardón (1º premio) no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares, con máis de 1.300 músicos de Galicia, Castela e León e Portugal, e no que participaron a Agrupación Musical de Goián e a Agrupación Musical de Belesar.

A Agrupación Musical de Goián acudiu ao Certame por segundo ano coa obra "Lobo de Río", do compositor goianés, Andrés Álvarez, gracias a cal acadou un primeiro premio, con 481 puntos, á "Mellor interpretación dunha obra de temática galega".

Concello Tomiño


CARMELA SILVA PRESENTA "SEMENTANDO PARA A IGUALDADE": "NON HAI NADA MÁIS URXENTE NIN PRIORITARIO QUE LOITAR CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS"

Os actos da campaña da Deputación ao fío do Día Internacional contra a Violencia de Xénero arrancan esta semana e estenderanse ata decembro polos concellos da provincia

O Pazo da Deputación conta xa coas dúas lonas renovadas nas que figuran os nomes das 1.027 mulleres asasinadas en España nos últimos 16 anos

Silva reivindicou ao novo goberno do Estado "que as súas primeiras iniciativas sexan a aprobación de leis contra a prostitución e a trata e que se modifique o Código Penal"

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de deputadas provinciais, alcaldes e alcaldesas e mulleres implicadas nos programas de igualdade da institución provincial, presentou a programación de actos con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, nun acto no que tamén se puido escoitar a música reivindicativa de Laura Lamontage. En total, a campaña da institución provincial, de nome "Sementando para a igualdade, estenderanse dende esta mesma semana ata decembro, para reivindicar, tal e como asegurou a presidenta, que "non hai nada máis urxente nin máis prioritario que loitar contra as violencias machistas. Imos rematar con todo este sufrimento e dor que levamos ás costas as mulleres".

Carmela Silva aproveitou a ocasión para "recordar esta crueldade intolerable" e reivindicou "que de forma inmediata, as primeiras iniciativas do novo goberno do Estado sexan a aprobación de leis contra a prostitución e a trata de mulleres e que se modifique o Código Penal. Debemos defender o dereito a ser mulleres libres e respectadas, precisamos normas que amparen os nosos dereitos e por iso agardo que sexan as primeiras iniciativas que se aproben". A presidenta incidiu en que "a Deputación de Pontevedra é abolicionista porque a prostitución é unha lacra intolerable, unha violencia brutal e temos un compromiso firme e real contra as violencias machistas". "Todas nós temos moi claro que a loita pola igualdade é unha cuestión de 365 días ao ano pero certamente novembro é un mes especial porque o 25, as mulleres, acompañadas dalgúns homes, loitamos e denunciamos as violencias que padecemos", asegurou Carmela Silva. Por ese motivo, durante o acto de presentación da programación de actos de igualdade se despregaron dúas lonas actualizadas cos nomes das mulleres asasinadas dende que hai rexistros. "Non imos esquecer a esas mulleres asasinadas polo machismo, 51 no que vai de ano e dende que se contabilizan os datos da violencia machista 1.027 mulleres asasinadas en España, que deixaron 275 menores orfos e orfas, das cales 61 eran galegas e 25 da provincia de Pontevedra".

A programación de actos impulsada pola Deputación de Pontevedra con motivo do 25-N comeza esta mesma semana coa presentación do catálogo "Mulleres do silencio" en Pontevedra (13 de novembro 19.00 horas no Palacete das Mendoza) e en Vigo (15 de novembro 18.00 horas no MARCO). En ambos os dous actos estará a comisaria Rosario Sarmiento e artistas que forman parte do compendio. Tamén esta mesma semana a exposición de bonecas Barbies intervidas "Rompe, Xoga en Igualdade", impulsada por Isabel Blanco e Irene Silva e que percorreu un total de 13 concellos, chegará ata o Auditorio de Soutomaior (14 de novembro) onde permanecerá ata o 11 de decembro. A mesma mostra, pero a través de paneis, viaxará o 20 de novembro ata a sede de FOANPAS en Vigo.

O 25 de novembro arrancará a V edición do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero", comisariada por Paula Cabaleiro, que ao longo de catro anos desenvolveu 85 accións artísticas contra as violencias machistas que conseguiron visibilizar a case un centenar de artistas e implicaron a milleiros de persoas. A quinta edición do programa da Deputación dará comezo os días 25 e 26 de novembro en Pontevedra (ás 12.00 horas) e Vigo (19.00 horas) con dúas performances chamadas "Pan duro I e II" protagonizadas por Ana Gesto, María Marticorena, Ana Matey e Isabel León. A quinta edición de "Violencia Zero" desenvolverá ao longo dos 12 meses do ano en 25 concellos da provincia accións de poesía e literatura, música, grafitti, danza contemporánea e acción escénica. A principal novidade desta nova edición son o impulso da participación directa da cidadanía, con traballos colectivos que van implicar a centros escolares e ao tecido asociativo da provincia, poñendo especial énfase na mocidade.

O 27 de novembro terá lugar a presentación dun grafitti colaborativo que se fará no Centro Penitenciario da Lama, coa colaboración de persoas internas. As persoas internas do centro participarán no grafitti, que se centrará na desigualdade de oportunidades e loita contra diferentes violencias machistas, intervindo nun dos seus muros co apoio, dirección e asesoramento de Iria Fafián. Tamén, e no marco desta programación, chegará en decembro "Ramonas on tour", liderado Patricia Moon, ata Vilagarcía de Arousa. Este programa da Deputación ten por obxectivos concienciar sobre a igualdade con concertos, exposición e conversas sobre a situación das mulleres na cultura. Así, tense programado un coloquio no que se afondará sobre as mulleres na industria cultural baixo o nome "Nunca máis sen nosoutras" e, por último un concerto.

Finalmente, e por terceiro ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra adheriuse á iniciativa "En negro contra as violencias" dotando de materiais da campaña a 23 concellos da provincia que tamén se sumaron á proposta. Deste xeito, en total, a Deputación distribuíu entre os concellos 5.000 carteis de "Espazo libre de violencias machistas", 5.000 postais cos dous lemas da campaña e 5.300 dípticos co lema "Contra as violencias, educación".

Concello Tomiño


Asociacións e promotores de Galicia e Portugal presentan 5 candidaturas ao OPT 2020

A cidadanía de Cerveira e Tomiño poderá votar os dous proxectos que máis lle guste dende o 15 de novembro até o 15 de decembro

O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2020 xa ten novas propostas enriba da mesa. Un total de 27 asociacións e promotores de Galicia e Portugal participaron no proceso que desembocou finalmente na presentación de cinco proxectos para participar na cuarta edición do OPT de Cerveira e Tomiño, unha iniciativa que busca permitir o coñecemento e intercambio de persoas, asociacións e entidades que comparten intereses e obxectivos a ambas beiras do Miño e que trata de promocionar a igualdade de oportunidades e o reforzo da participación pública da cidadanía transfronteiriza na procura de solucións para problemas comúns.

O período de votación de propostas estará aberto do 15 de novembro ao 15 de decembro e nel poderán participar todos os veciños e veciñas residentes en Vila Nova de Cerveira e Tomiño e maiores de idade, sendo obrigatorio dar o voto a dous proxectos. Todas as votacións realizarante a través da plataforma online participacerveiratomino.eu, garantindo a transparencia do proceso participativo. Esta votación popular servirá para elixir os dous proxectos preferidos pola cidadanía, proxectos que serán desenvolvidos en 2020 en que contarán cada un cun orzamento de 10.000 euros.

Dotado con 20.000 euros, o OPT é unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado en 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea.

LISTA DE PROXECTOS

"As Rotas Minho/Roteiros Miño": busca unir dous países a través das andainas para poder coñecer camiñando polos dous territorios a nivel paixasístico, cultural, patrimonial, ambiental e natural. Os seus promotores son o Clube Celtas do Minho e Carlos Xabier Oliveira Ortega.

"Intercambio interxeracional": procura promover a interrelación entre nenos, nenas e maiores institucionalizados, con sesións de intercambio de experiencias, anécdotas, lingua e coñecementos. Os seus promotores son a Santa Casa da Misericordia de Vila Nova de Cerveira e a súa Creche e Jardim de Infáncia, e a Escola Infantil Mi primer paso.

"Experiencies4all": ten coma fin a posta en marcha de experiencias guiadas/orientadas nas áreas de patrimonio, turismo, ocio e cultura. Os promotores desta proposta son Patrick Alves Esteves e a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade.

"Pensar o corpo, mover a mente": propón unha fin de semana de actividades deportivas, artísticas e de ocio para todos os públicos. Os seus promotores son o Club de Fitness de Cerveira CITIUS Fit (Asociación sen fins lucrativos) e a Asociación Sociocultural Senraia.

"Unha pinga de auga": busca dar a coñecer o patrimonio inmaterial relacionado coa auga dos dous municipios a través de talleres, visitas e actividades dirixidas á poboación máis nova. Ten como promotores a Coxapo e á Associaçao Amigos dos Espaços Naturais de Reboreda.

A web de votación recolle información máis ampla sobre cada unha das candidaturas.

Concello Tomiño


Tomiño arranxa catro camiños municipais en varias parroquias do municipio

As obras, cun custe de 70.592,36€, foron financiadas por AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural)

O Concello de Tomiño na súa procura de mellorar a rede municipal de estradas, reparando as pistas asfaltadas e pavimentando as que se atopan en terra, vanse arranxar catro camiños municipais nas parroquias de Santa Mª de Tebra, Tomiño, Amorín e Vilameán.

As accións, financiadas por AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) con 58.340,79€, máis 12.251,57€ de IVE, achegado polo Concello (total 70.592,36€), encádranse dentro do Plan de Mellora de Camiños Municipais (Plan Marco) 2019-2020.

Dada a ampla superficie do concello de Tomiño, e o gran número de estradas existentes (máis de 500 km.), a tarefa de mantelas todas en perfecto estado supón un elevado custe. "Cando xorden estas axudas sempre son benvidas, aínda que as contías son moi reducidas para concellos coma o de Tomiño que ten un territorio moi rural", explica o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez Souto.

As obras incluídas no proxecto consisten, concretamente, na mellora e pavimentación de catro camiños municipais. O primeiro deles é un camiño entre Ponteciña e Carballal, na parroquia de Santa Mª de Tebra; o segundo, entre Salgosa e Pé do Monte, na parroquia de Tomiño; o

terceiro atópase en Carregal Darriba, na parroquia de Amorín, e o último é o camiño de Ral, na parroquia de Vilameán, o que supón 1500 metros de viarios.

Todos estes camiños atópanse pavimentados con aglomerado e formigón, e despois de levar a cabo obras de canalizacións e o momento de mellorar a capa de rodadura, xa que son moi transitados. Asemade, vaise levar a cabo unha limpeza de marxes ao longo de todos os camiños e tamén a posta en cota das arquetas. Ao ser unha obra bianual, unha parte executarase este ano e o resto no 2020.A empresa adxudicataria é Covsa.

Concello Tomiño




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais