JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Horário do Ferry (12 a 17 Novembro)


Pista de xeo, Mercado de Nadal e ampla programación na rúa este Nadal na Guarda

O Concello da Guarda deu a coñecer onte, nunha reunión co sector do comercio do municipio, as principais novidades da Campaña de Nadal deste ano 2019.

A reunión, que se celebrou na Casa dos Alonso e que contou coa asistencia de máis dunha vintena de comerciantes, estivo encabezada pola Concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez.

Fátima Rodríguez quixo aproveitar esta ocasión para recordar aos presentes a forte aposta que dende o Concello da Guarda se está a realizar para dinamizar e promover o comercio e hostalaría, sectores fundamentais para o tecido económico da Guarda e que se distinguen pola súa calidade, a súa diversidade e variedade de servizos, facendo especial fincapé en que esta campaña se realiza para dinamizar estes sectores de cara a unhas datas moi importantes para a vila, nun dos municipios con maior densidade comercial de Pontevedra, o que repercute moi positivamente, xerando recursos, riqueza e emprego.

Este ano preténdese sacar á rúa a programación de actividades de nadal, xerando un maior movemento de persoas pola vila, favorecendo a mobilidade das persoas polo casco urbano e incentivando as compras no comercio local.

Pista de xeo para o Nadal 2019

En canto á Programación de Nadal, Fátima Rodríguez anunciou que este ano A Guarda contará novamente cunha Pista de Xeo, que estará instalada na Alameda da Guarda dende o 5 de decembro ata o 19 de xaneiro de 2020. Este ano establécese un sistema de puntos que permitirá facer promocións a través das empresas locais, cada entrada para a Pista de Xeo terá un custo de 7 puntos e cada punto terá un valor de 1€. Todos aqueles comercios que desexen dispor de puntos para a Pista de Xeo poderán mercar os que desexen a partires do 25 de novembro na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89 20, tamén se poderán mercar "in situ" unha vez estea instalada a Pista de Xeo na Alameda da Guarda. As empresas que se adhiran ao sistema de puntos deberán de manter o seu compromiso de dispor de puntos nos seus establecementos ao longo da duración da campaña de Nadal, do 5 ao 19 de xaneiro, o seu reparto entre os seus clientes queda á elección de cada comerciante, os puntos que non se consuman ao remate da campaña serán reembolsados. Cada local participante aparecerá nunha lona na propia pista de xeo e terá un cartel anunciador da campaña no seu establecemento. Tamén se disporá de espazos publicitarios no interior destas instalacións, un lugar para dar visibilidade aos servizos e produtos das empresas que desexen incluír publicidade alí.

Dende o Concello da Guarda recórdase ao comercio e ao sector hostaleiro o importante esforzo económico que supón traer novamente á Guarda unha Pista de Xeo, polo que se pide a súa colaboración e implicación para facer que o seu funcionamento sexa o agardado e se converta nunha tradición do Nadal Guardés.

Coa instalación desta Pista de Xeo preténdese incentivar o consumo e as estancias de visitantes na Guarda, nunha das épocas de maior afluencia e máis importantes para o tecido económico guardés como é o Nadal.

Mercado de Nadal e actividades infantís

Ademais da Pista de Xeo, A Guarda contará este Nadal con moitas máis actividades e diversión para toda a familia con dous espazos de dinamización: un Mercado de Nadal, que estará no entorno da Praza Avelino Vicente(As de Copas) e unha zona de obradoiros e actividades infantís na Praza Bautista Alonso(Monterreal).

Decora o teu Nadal

A Campaña de "Decora o teu Nadal" contará este ano coa colaboración de 11 asociacións, que embelecerán 11 espazos públicos do municipio coa temática mariñeira empregando materiais de refugallo.

Máis actividades

Como ven sendo habitual celebrarase a Cabalgata de Reis Magos e tamén haberá as tradicionais actuacións musicais de nadal, como o Festival de Panxoliñas e concertos de nadal.

Concello de A Guarda


Concello de A Guarda


O Museo do Mar da Guarda xa forma parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos

O Museo do Mar da Guarda, que forma parte da Rede Municipal de Museos xunto co MASAT(Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega) e o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz, é un dos once novos centros que xa forman parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA).

A rede REMA é un dos eixos vertebradores de Morada Atlántica, un proxecto colaborativo impulsado polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, que inclúe entre os seus socios oito GALP de Portugal, tres de Andalucía e un procedente das Illas Canarias. O proxecto Morada Atlántica foi aprobado pola Consellería do Mar e está financiado a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Para o Concello da Guarda, que o Museo do Mar forme parte desta rede xunto con 25 espazos galegos máis, un museo asturiano e un museo portugués, constitúe un novo pulo de atracción turística para o municipio, centrado neste caso na posta en valor do noso rico patrimonio marítimo e atlántico. O pasado mariñeiro da Guarda, baseado na pesca de baixura tradicional, xerou un interesante patrimonio tanto material como inmaterial. O Museo do Mar localízase na Atalaia, ao final do paseo marítimo. Esta edificación, ao final do Paseo Marítimo, lembra unha antiga fortaleza defensiva de planta circular situada no porto que foi derrubada en 1945 para facilitar a extensión das grandes redes utilizados polos barcos de pesca e aproveitar a pedra na construción do dique. En 1997 reconstrúese no emprazamento actual.

O Museo do Mar conta con dúas coleccións: unha etnográfica cunha mostra das antigas artes de pesca e os seus aparellos e outra malacolóxica, cunha selección de cunchas de mar procedentes de todo o mundo.

Unha parte do patrimonio inmaterial está recollido en vídeos editados polo Concello: "Xentes do mar", "Lendas de mar", "Mulleres do mar" ou "Tesouros vivos"

Concello de A Guarda


A Guarda conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero con varias actividades

O Concello da Guarda afronta xa a recta final para as conmemoracións do Día Internacional contra a Violencia de Xénero 25N que, un ano máis, se coordina dende o Centro de Información á Muller da Guarda e a Concellería de Igualdade e servizos Sociais, participando na campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas.

Desde o Concello se pon disposición dos establecementos comerciais e asociacións, de forma totalmente gratuíta, cartelería para todos/as, camisetas e bolsas para aqueles comercios que o ano pasado non participaron e, como novidade, haberá pousavasos e servilletas para a hostalaría e delantais para os/as preaceiros/as para que do 18 ao 25 de novembro, podan vestir as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. de negro, así coma os maniquís, manteis dos restaurantes ou os mesmos empregados e empresarios de negro.

Para participar nesta campaña tan só é preciso chamar ao número de teléfono 986614648 ou enviar un correo electrónico a muller@aguarda.es cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) antes do 13 de novembro e deseguida contactarase cos interesados/as. Arestora se conta xa con máis dunha vintena de establecementos adheridos.

Programación de actividades

O venres día 22 de novembro o Centro Cultural acolle ás 21:00h a obra de teatro "Anatomía dunha serea", unha peza de teatro autobiográfica e testemuñal que conta a historia e a experiencia persoal da propia actriz coma unha muller, madre e vítima da violencia obstétrica. Entrada de balde previa retirada de tickets, dispoñibles dende o día 21 de novembro no Centro Cultural, de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h e no CIM de 9:00h a 14:30h. Esta actividade está subvencionada pola Deputación de Pontevedra

O próximo día 25 de novembro e para commemorar o Día Internacional Contra a Violencia de xénero ás 12:30 h na Praza do Reló, contarase coa actuación músical de cantautora Su Garrido e se convida a toda a cidadanía a tinguir a Praza do Reló de negro, en sinal de rexeitamento de todo tipo de agresións e violencia machista, apoiando ás vítimas e transmitindo as xeracións futuras o respecto á igualdade de mulleres e homes para defender unha sociedade xusta e paritaria. Para iso poden acudir con roupa, sombreiros, chuvasqueiros, paraugas...de cor negra. Esta actuación está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

Concello de A Guarda


Exposición fotográfica sobre Dereitos Humanos en Mozambique na Guarda

Ata o 22 de novembro a Casa dos Alonso acolle a exposición "Dereitos Humanos en Mozambique: acompañando a mellora da saúde e a educación desde a cooperación municipalista", promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello da Guarda.

A mostra ofrece unha panorámica dos proxectos de desenvolvemento apoiados no país lusófono, canda intres da vida cotiá, a través das fotografías realizadas polo reporteiro Adrián Irago, que viaxou á zona como gañador do certame Imaxes con Fondo III.

A exposición, que se estreou polo 70º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, estrutúrase en cinco cubos que nos achegan á realidade mozambicana, comezando polas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2001 en materia de educación, saúde ou abastecemento de auga. O Fondo Galego ten impulsado no país africano unha decena de proxectos, que supuxeron uns 300.000 euros de investimento e que na súa maioría se levaron a cabo coa Casa do Gaiato e a súa "irmá" a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD).

Nos últimos tempos, executouse canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Tamén se traballou directamente co municipio de Nhamayábue para a construción de pequenos sistemas de abastecemento de auga. Adrián Irago visitou estes e outros proxectos anteriores, coma o realizado con Ecos do Sur para reparar un centro educativo na contorna de Maputo ou o impulsado canda Arquitectura sen Fronteiras para mellorar as condicións sanitarias na provincia de Inhambane. O seu obxectivo recolleu ademais actividades económicas, aspectos culturais, momentos de lecer, espazos naturais, etc.

O fotógrafo

Adrián Irago, que traballou en medios locais durante varios anos, conta na súa andaina con galardóns coma o Premio Nacional de Fotoperiodismo da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión. Entre os traballos do fotoxornalista vigués destaca a cobertura dos desafiuzamentos en Madrid de 2012, os incendios en Galicia de 2013 e a ruta das persoas refuxiadas en 2015, que o levou a percorrer Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña e Francia.

Un dos países máis empobrecidos

Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos concellos e organizacións apoiadas polo Fondo Galego, que nos últimos anos mesmo iniciou unha liña de traballo coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Concello de A Guarda


A Guarda acolle un Curso de Adestradores de fútbol

O Luns día 11 de novembro a Casa do Alonso acolleu a presentación do Curso de Adestradores Nacional C que terá lugar na Guarda a partires do 25 de novembro.

No acto de presentación participaron o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; a Concelleira de Deportes da Guarda, Montserrat Magallanes; o Concelleiro de Deportes do Rosal, Germán Fernández; o Director da Escola Galega de Adestradores, Iván Cavela; o Vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias; o Presidente do Sporting Guardés, Víctor M. Lomba; o coordinador da Escola no Baixo Miño, José Luís Mosquera, e demais convidados.

O Curso que se vai a realizar na Guarda e o Curso de Adestradores de nivel C Uefa, que permite adestrar a todos os equipos de fútbol das categorías Base e de terceira rexional, titulación mínima esixida e que poden facer todos os interesados ou interesadas sempre e cando teñan máis de 16 anos e que teñan a titulación mínima esixida, ESO ou equivalente.

Este curso realízase na Guarda a petición do Clube Sporting Guardés, per esténdese tamén aos concellos limítrofes, polo que todos os interesados e interesadas poden inscribirse ata o 25 de novembro a través da web da Federación Galega de Fúbtol www.futgal.es no apartado de adestradores. O Curso ten un custo de 200€, reembolsables no caso de que o alumno realice "a posteriori" o Curso de Adestradores de nivel B.

Dende o Concello anímase a participar neste curso aos interesados, de cara á profesionalización e formación das persoas que traballan cos deportistas da vila, favorecendo a aposta polos valores na práctica deportiva.

Concello de A Guarda


A Concelleira de Igualdade e a Traballadora Social do CIM da Guarda participan na presentación da campaña da Deputación ao fío do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O Pazo da Deputación conta xa coas dúas lonas renovadas nas que figuran os nomes das 1.027 mulleres asasinadas en España nos últimos 16 anos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de deputadas provinciais, alcaldes e alcaldesas e mulleres implicadas nos programas de igualdade da institución provincial, presentou a programación de actos con motivo do 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, nun acto no que tamén se puido escoitar a música reivindicativa de Laura Lamontage. En total, a campaña da institución provincial, de nome "Sementando para a igualdade, estenderanse dende esta mesma semana ata decembro, para reivindicar, tal e como asegurou a presidenta, que "non hai nada máis urxente nin máis prioritario que loitar contra as violencias machistas. Imos rematar con todo este sufrimento e dor que levamos ás costas as mulleres".

O acto contou coa asistencia da Concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez e a Traballadora Social do CIM da Guarda, destancando que xa neste mes arrancan as primeiras actividades 2019-2020 de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" entre a que se atopa a que se celebrará no Concello da Guarda, en outubro de 2020, poesía de Lúa Mosquetera.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para "recordar esta crueldade intolerable" e reivindicou "que de forma inmediata, as primeiras iniciativas do novo goberno do Estado sexan a aprobación de leis contra a prostitución e a trata de mulleres e que se modifique o Código Penal. Debemos defender o dereito a ser mulleres libres e respectadas, precisamos normas que amparen os nosos dereitos e por iso agardo que sexan as primeiras iniciativas que se aproben". A presidenta incidiu en que "a Deputación de Pontevedra é abolicionista porque a prostitución é unha lacra intolerable, unha violencia brutal e temos un compromiso firme e real contra as violencias machistas". "Todas nós temos moi claro que a loita pola igualdade é unha cuestión de 365 días ao ano pero certamente novembro é un mes especial porque o 25, as mulleres, acompañadas dalgúns homes, loitamos e denunciamos as violencias que padecemos", asegurou Carmela Silva. Por ese motivo, durante o acto de presentación da programación de actos de igualdade se despregaron dúas lonas actualizadas cos nomes das mulleres asasinadas dende que hai rexistros. "Non imos esquecer a esas mulleres asasinadas polo machismo, 51 no que vai de ano e dende que se contabilizan os datos da violencia machista 1.027 mulleres asasinadas en España, que deixaron 275 menores orfos e orfas, das cales 61 eran galegas e 25 da provincia de Pontevedra".

A programación de actos impulsada pola Deputación de Pontevedra con motivo do 25-N comeza esta mesma semana coa presentación do catálogo "Mulleres do silencio" en Pontevedra (13 de novembro 19.00 horas no Palacete das Mendoza) e en Vigo (15 de novembro 18.00 horas no MARCO). En ambos os dous actos estará a comisaria Rosario Sarmiento e artistas que forman parte do compendio. Tamén esta mesma semana a exposición de bonecas Barbies intervidas "Rompe, Xoga en Igualdade", impulsada por Isabel Blanco e Irene Silva e que percorreu un total de 13 concellos, chegará ata o Auditorio de Soutomaior (14 de novembro) onde permanecerá ata o 11 de decembro. A mesma mostra, pero a través de paneis, viaxará o 20 de novembro ata a sede de FOANPAS en Vigo.

O 25 de novembro arrancará a V edición do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero", comisariada por Paula Cabaleiro, que ao longo de catro anos desenvolveu 85 accións artísticas contra as violencias machistas que conseguiron visibilizar a case un centenar de artistas e implicaron a milleiros de persoas. A quinta edición do programa da Deputación dará comezo os días 25 e 26 de novembro en Pontevedra (ás 12.00 horas) e Vigo (19.00 horas) con dúas performances chamadas "Pan duro I e II" protagonizadas por Ana Gesto, María Marticorena, Ana Matey e Isabel León. A quinta edición de "Violencia Zero" desenvolverá ao longo dos 12 meses do ano en 25 concellos da provincia accións de poesía e literatura, música, grafitti, danza contemporánea e acción escénica. A principal novidade desta nova edición son o impulso da participación directa da cidadanía, con traballos colectivos que van implicar a centros escolares e ao tecido asociativo da provincia, poñendo especial énfase na mocidade.

O 27 de novembro terá lugar a presentación dun grafitti colaborativo que se fará no Centro Penitenciario da Lama, coa colaboración de persoas internas. As persoas internas do centro participarán no grafitti, que se centrará na desigualdade de oportunidades e loita contra diferentes violencias machistas, intervindo nun dos seus muros co apoio, dirección e asesoramento de Iria Fafián. Tamén, e no marco desta programación, chegará en decembro "Ramonas on tour", liderado Patricia Moon, ata Vilagarcía de Arousa. Este programa da Deputación ten por obxectivos concienciar sobre a igualdade con concertos, exposición e conversas sobre a situación das mulleres na cultura. Así, tense programado un coloquio no que se afondará sobre as mulleres na industria cultural baixo o nome "Nunca máis sen nosoutras" e, por último un concerto.

Finalmente, e por terceiro ano consecutivo, a Deputación de Pontevedra adheriuse á iniciativa "En negro contra as violencias" dotando de materiais da campaña a 23 concellos da provincia que tamén se sumaron á proposta. Deste xeito, en total, a Deputación distribuíu entre os concellos 5.000 carteis de "Espazo libre de violencias machistas", 5.000 postais cos dous lemas da campaña e 5.300 dípticos co lema "Contra as violencias, educación".

Concello de A Guarda


A Guarda rehabilita a antiga vivenda dos mestres da escola da Poza en Camposancos

O Concello da Guarda ven de adxudicar as obras de rehabilitación da antiga vivenda de mestres da Escola da Poza en Camposancos.

A antiga vivenda dos mestres da Escola da Poza emprégase polo Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda e pasará a formar parte do Programa de vivendas Baleiras da Xunta de Galicia, do cal o Concello da Guarda é unha entidade adherida. Como se viña facendo ata agora a vivenda está destinada para o seu uso por parte de aqueles colectivos que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade polas súas circunstancias económicas, persoais ou familiares.

O proxecto de rehabilitación comprende a modernización da mesma, mellorando o envolvente, as instalacións e os equipamentos, modificando parcialmente a súa distribución interna para facer a mesma máis funcional.

Esta actuación enmárcase nunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun orzamento de case 30.000€ e que se realiza en dúas anualidades 2019-2020.

Concello de A Guarda




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais