|
Chola a It Girl encherá de humor
este sábado 9 o Auditorio de Goián
Artesacía chega a Tomiño con este espectáculo dirixido a público adulto que comezarás ás 22.00 h. Entradas: 3€, venda en taquilla unha hora antes
Un show en formato televisivo con moito humor, moita música e moitas sorpresas. Así e 'Chola a It Girl', o espectáculo que co Artesacía chega este sábado 9 ao Auditorio de Goián no que haberá vídeos, proxeccións de viodemapping, desafíos en vivo, consellos automobilísticos e moitas gargalladas aseguradas.
Todo grazas á desenvoltura de Chola, unha mecánica cunha canle de YouTube contratada por un teatro para realizar o seu primeiro tutorial en directo, no que revelará en 10 sinxelos pasos como converterse nunha verdadeira it girl rectificada, convertendo o rural e o auténtico en tendencia. Un espectáculo con moito humor, moita tradición e moita identidade que non deixará indiferente ao público,
As entradas, a 3 euros, poderán comprarse en taquilla unha hora antes da función.
A Escola Municipal de Teatro comezou un novo curso co cartel de cheo colgado
Soamente quedan algunhas prazas dispoñibles no grupo de adultos. As clases celébranse todos os martes pola tarde no Auditorio de Goián
A Escola Municipal de Teatro de Tomiño arrancou este martes un novo curso co cartel de cheo colgado nos grupos de infantil e mocidade e con tan só algunhas prazas dispoñibles no grupo de persoas adultas. Logo de varios anos de funcionamento a entidade xa está consolidada, converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño. "Xa se ven os froitos do que fomos colleitando durante estes anos, no que vimos medrar a moitos dos nosos alumnos e alumnas, vendo como aprenderon a estar máis seguros de si mesmos, a falar en público, a integrarse, a xogar en grupo, a axudar aos compañeiros e compañeiras... a ser nenos, nenas e persoas adultas máis sensibles e con máis ferramentas para adaptarse a este mundo", explica Beatriz Campos, do grupo Migallas Teatro e unha das profesoras encargadas das clases.
O obxectivo desta actividade cada vez máis consolidada entre a poboación é introducir ás persoas no mundo teatral ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, fomentando o traballo en equipo e mellorando os recursos expresivos e comunicativos. "Esa é a maxia do teatro, que nos axuda a evolucionar como seres humanos e a contribuír dende as artes escénicas a crear un mundo mellor", salienta Campos.
Mentres que o grupo de maiores de 18 anos creouse hai dous anos, as clases de teatro para nenos e nenas e mocidade levan impartíndose varios anos, algo que dende o equipo de profesorado da Escola de Teatro destacan, xa que "o bonito do proxecto é que podes ir vendo como van medrando todas e todos os participantes e comprobar como evolucionan como persoas".
Clases prácticas
Cun plantexamento eminentemente práctico, na Escola de Teatro trabállanse os aspectos básicos da creación escénica, facendo especial fincapé na improvisación. "Non buscamos que as e os participantes teñan que aprender un texto de memoria, senón que a través das achegas de todos e todas imos elaborando unha obra de improvisación colectiva creada a medida das necesidades do grupo", recoñece a profesora. O uso do galego nas clases é outro elemento a destacar, xa que se quere que nenos e nenas, mozos e mozas e persoas adultas "tomen a lingua galega como algo de uso cotiá ligado tamén a unha vertente lúdica e artística".
Todas as clases impártense os martes polas tardes no Auditorio de Goián. De 16.00 a 17.30 grupo de 9 a 12 anos; de 17.30 a 19.00, de 4 a 8 anos; de 19.00 a 20.30 de 13 a 17 anos e de 20.30 a 22.00 h o grupo a partir de 18 anos. As persoas adultas interesadas en participar aínda poden inscribirse na actividade no Concello de Tomiño.
Noraboa ao padeeiro Roi Rodríguez Huertas pola súa praza nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020
Dende o Concello de Tomiño queremos transmitir a nosa máis sincera noraboa ao padeeiro Roi Rodríguez Huertas, do Kayak Tudense, por facerse un oco entre os piragüistas con posibilidades de obter unha praza para participar nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020. Desexámoslle moita sorte neses selectivos nacionais nos que estamos convencidos de que conseguirá o seu pasaporte olímpico para Xapón. Moito ánimo!
O Mercado de Outono enche de produtos de tempada e de actividades a Tomiño
Organizado pola Asociación de Praceiros do Mercado de Tomiño en colaboración co Concello, celebrarase do 7 ao 10 de novembro
Inclúe charlas sobre cogomelos, demostracións para aprender a facer conservas artesanais, sesión vermú con música en vivo e as IV Xornadas Micolóxicas, con saída ao monte e degustación
O outono chega ao Mercado de Tomiño. A Asociación de Praceiros e o Concello de Tomiño organizan o Mercado de Outono os días 7, 8, 9 e 10 de novembro, catro días dedicados á cociña de outono no que haberá diferentes actividades que xirarán arredor dos cogomelos e dos alimentos de tempada e no que nos postos do mercado poderán mercarse pans especiais, froitos secos, verduras de tempada do Baixo Miño, mariscos, produtos de caza e moito máis.
As actividades arrancarán este xoves 7 da man de Amparo Grandío, de Conservas Petiscos, que será a encargada de realizar tres demostracións para aprender a elaborar conservas artesanais: o xoves 7 de mexilóns en escabeche, o venres 8 de cogomelos ao natural e o sábado 9 de foie grass de fígado de porco. Todas as demostracións serán ás 11.30 h no Mercado de Tomiño e terán entrada libre.
Todas as persoas interesadas nos cogomelos poderán desfrutar de dúas interesantes charlas. O xoves 7 ás 20.30 h da man de María Cabaleiro, micóloga de MycoGalicia Plantae e do laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, que descubrirá a todas as persoas asistentes o mundo dos cogomelos. Pola súa banda, o venres 8 (20.30 h), a bióloga especialista en micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, Purificación Lorenzo, ensinará ao público cales son os cogomelos tóxicos e posibles confusións.
O sábado pola mañá, ás 13.30 h, o Mercado de Outono contará cunha sesión vermú na que se poderá desfrutar de música en directo.
IV Xornadas Micolóxicas
Ao abeiro do Mercado de Outono celebraranse este ano a cuarta edición das Xornadas Micolóxicas os días 9 e 10 de novembro, con saídas didácticas e degustacións. O sábado 9 ás 09.30 h celebrarase a primeira saída ao monte desde o propio Mercado para recoller cogomelos, saída que rematará ás 13.30 h cunha degustación de cogomelos para todas as persoas participantes. A saída repetirase o domingo 10 no mesmo horario.
Esta actividade ten un custe de 8 euros por persoa e as prazas son limitadas. Todas as persoas interesadas poden facer a súa inscrición e comprar os seus tickets no propio Mercado de Tomiño.
|