JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O Concello de Tui inicia a elaboración dun Diagnóstico da situación e usos do Mercado Municipal

As conclusións deste estudo servirán como base para a súa mellora

O Concello de Tui vai realizar un Diagnóstico da Situación e Usos do Mercado Municipal co obxectivo de que no futuro a Praza de Abastos tudense poida ser recoñecida como mercado excelente. Este estudo, que será elaborado por unha empresa de consultoría especializada, determinará cales son as actuacións necesarias para lograr a finalidade perseguida.

Esta diagnose suporá un investimento de 12.705 € dos que 6.352,50 € serán aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia a través da liña de subvencións para o Impulso dunha Rede de Mercados Excelentes.

O estudo incluirá un proceso participativo no que serán entrevistados os praceiros e praceiras, así como os clientes do mercado e tamén os non clientes, posibles novos emprendedores, xunto a comerciantes e hostaleiros. Igualmente serán analizadas todas as variables económicas e sociais que inflúen na súa marcha, así como os procedementos administrativos actuais para a concesión de postos.

Unha vez concluído este diagnóstico o Concello contará cunha revisión integral do mercado e das súas posibilidades para convertelo nun gran foco de dinamización comercial e económica. As propostas daranse a coñecer nos vindeiros meses.

A Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 que ten entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego, con especial atención á imaxe, a presentación do produto e a prestación de servizos complementarios ao cliente, por isto se inclúen medidas como a mellora da imaxe e o equipamento dos mercados e prazas de abastos galegos, así como a creación dunha rede de mercados excelentes.

Concello Tui


"Enmarcando a historia" de Héctor Martínez gañou o I Concurso Fotográfico Enmárcate en Tui

Héctor Martínez de Guillarei coa fotografía "Enmarcando a historia" foi o gañador do I Concurso Fotográfico Enmárcate en Tui convocado pola Concellería de Turismo. A súa fotografía na que aparece el mesmo emulando coas súas mans, as mans do sorporte que sostén o marco colocado na zona axardinada na rúa Martínez Padín, a carón da área de autocaravanas, foi considerada a máis orixinal das que se que presentaron ao concurso. O concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, fíxolle entrega a Héctor Martínez do premio consistente nunha figura réplica do pórtico da catedral.

Concello Tui


O CONSORCIO DO LOURO INICIA DIVERSAS OBRAS DE MELLORA DAS SÚAS INSTALACIÓNS

O Consorcio de Augas do Louro iniciará a vindeira semana a execución de diversas obras de mellora das instalacións existentes, dando continuidade a unha programación que comezou en 2014 coas importantes reformas realizadas na potabilizadora do Concello de Tui por valor de mais de 200.000 euros, as realizadas no Concello de Mos para eliminación de verteduras e reformas de instalacións de abastecemento por importe superior aos 70.000 € e outras inversións realizadas nos catro concellos por importe superior aos 400.000 euros.

En concreto, acometerase a renovación de 330 metros de tubería na rede de abastecemento no barrio de A Pedra para garantir a presión e continuidade do servizo e a execución dunha caseta con ventilación forzada e novos depósitos de hipoclorito e regulación de pH no depósito de auga potable de Bouzavedra, en Salceda. O importe dos traballos será de 35.713,07 euros.

Renovación da tubaxe de abastecemento no barrio de A Pedra en Salceda

A segunda actuación contempla a instalación dun sistema automático de desbaste e telesupervisión, unha gabia filtrante e melloras na urbanización da parcela da fosa séptica de As Ínsuas, en O Porriño, de tal xeito que se garanta o cumprimento da calidade da auga depurada e vertida ao medio receptor. O importe das actuacións será de 27.457,32 euros.

A terceira actuación consiste na consolidación e gran reparación da estación de bombeo de auga residual situada no polígono PPI-7, que contempla o saneo do terreo e mellora do drenaxe e impermeabilización do pozo, a renovación de diversos equipos electromecánicos e a instalación dun sistema de comunicacións para telesupervisión da instalación. O importe dos traballos ascende a 36.893,29 euros.

Concello Tui


O Goberno municipal celebrará reunións nas parroquias para coñecer as necesidades de cada unha delas

Os asistentes poderán plantexar as súas preguntas tanto ao alcalde coma aos membros do equipo de goberno

O próximo luns comezan unha serie de reunións nas parroquias tudenses para tratar as necesidades de cada unha delas cos propios veciños. As persoas que asistan poderán formular as súas preguntas tanto ao alcalde coma aos concelleiros do equipo de goberno. Así o informa o alcalde, Enrique Cabaleiro, nos bandos nos que da conta das catro primeiras reunións.

Así o luns, 4 de novembro, na Casa Cultura de Areas terá lugar a primeira das reunións. O martes, 5 de novembro, a cita será no Local do Sindicato de Malvas, o xoves 7 na Casa Cultural de Baldráns e o venres 9 na Casa Cultural de Rebordáns. Todas as reunións serán ás 20 h.

Estas reunións continuarán nas próximas semanas nas distintas parroquias tudenses.

Concello Tui


O Programa Integrado de Emprego acadou unha inserción laboral do 68%

Realizáronse 1.650 horas de formación, divididas en formación cualificada e formación transversal

O 30 de outubro tivo lugar no salón de actos da Aula da UNED, no antigo convento de San Domingos, a Clausura do I Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui "Tui Emprégate 2018-19"que se celebrou dende outubro do ano pasado.

O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacaba os Programas Empregados de Emprego coma "ferramentas necesarias e útiles" e destacaba a súa importancia para pór en contacto as empresas cos demandantes de emprego. O rexedor avanzaba o compromiso da administración municipal para seguir traballando en desenvolver os mecanismos do fomento do emprego.

A concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, na súa intervención dirixíndose aos participantes no programa indicaba que "hoxe non acaba nada, senón que empeza" en referencia a que os coñecementos adquiridos nos últimos meses lles permitirán afrontar a incorporación a un mercado laboral cambiante. Insistía nese senso en que "contáis coas ferramentas que os permite estar máis cerca do voso obxectivo". Agradeceu tamén á Consellería de Economía, Emprego e Industria que siga confiando no Concello de Tui tras a concesión dun novo Programa Integrado de Emprego que se pon en marcha de xeito inmediato.

Na clausura de hoxe tanto alcalde coma a concelleira de Formación e Emprego agradeceron a implicacións das técnicas do programa que se incorporaron o pasado mes de xullo, coma das persoas participantes.

Este Programa Integrado de Emprego acadou unha inserción do 68% no mercado laboral ao longo do programa. Estes resultados acadados superan o 45% fixado coma obxectivo no programa segundo o establecido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que financia o programa xunto co aporte do propio Concello.

Así 68 das 100 persoas participantes que participaron en Tui Emprégate se incorporaron ao mercado laboral en empresas do sector da automoción, servizos á comunidade, comercio e alimentación, hostalaría… Amais 3 persoas iniciaron o seu propio proxecto empresarial e 5 teñen en mente un proxecto emprendedor polo que levaron a cabo unha formación específica en emprendemento elaborando un proxecto que lles servirá de apoio para poder materializalo.

O I Programa Integrado de Emprego púxose en marcha o 2 de novembro do 2018 e rematará mañá xoves, 31 de outubro. En Tui Emprégate participaron un centenar de persoas en situación de desemprego de diferentes colectivos e perfís como menores de 30 anos, persoas en risco de exclusión social, persoas con discapacidade, desempregados/as maiores de 45 anos e mulleres vítimas de violencia de xénero...

As actividades arrancaron cun diagnóstico ocupacional de cada participante para, posteriormente, enfocar os perfís cara a 3 itinerarios concretos de formación que foron: Industrial, Comercio e Servizos á Comunidade. Dentro deste último itinerario, levouse a cabo unha formación orientada a obtención do certificado de profesionalidade en Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións. En total realizáronse 1.650 horas de formación, divididas en formación cualificada e formación transversal.

Entre a formación cualificada, cun número total de 1.101 horas, impartíronse accións formativas de maquinaria de manutención, plataforma elevadora, manexo de TPV, limpeza con maquinaria industrial ou acondicionamento de espazos comerciais. Mentres nas 559 horas de formación transversal centrada en coaching, informática básica, mobilidade laboral, obradoiros de entrevistas… Das 50 accións formativas realizadas 42 tiveron lugar de forma presencial e 8 online. Outras da cifras deste programa son as 92 empresas contactadas, 520 intermediacións laborais realizadas, a aposta pola conciliación laboral, e o regreso aos estudos de 7 persoas matriculadas en ciclos formativos, 2 na universidade e 8 que preparan as probas para a obtención do graduado en ESO.

Concello Tui


Un centenar de persoas desempregadas poderán participar no novo Programa Integrado de Emprego en Tui

Vén de ser concedido ao Concello de Tui pola Consellería de Economía, Emprego e Industria

Un centenar de persoas desempregadas de Tui poderán beneficiarse do Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia vén de conceder ao Concello de Tui.

Suporá un investimento de 287.356,32 euros dos que o Concello de Tui deberá aportar 37.356,32 euros.

O Programa Integrado de Emprego, terá unha duración de doce meses nos que as cen persoas participantes recibirán orientación laboral personalizada, formación en intelixencia emocional, habilidades sociolaborais, coaching… Neste tempo está previsto impartir cursos de variada temática dende informática básica e avanzada, ferramentas ofimáticas, conversación en lingua inglesa, actividades de comercio ou emprendemento turístico a limpeza de locais, manexo de carretillas elevadoras, prevención de riscos laborais, xestión de almacén ou liña de produción. Tamén recibirán formación ocupacional orientada ao emprego, poderán realizar prácticas en empresas e contarán con servizo de intermediación laboral.

O obxectivo do Plan Integrado de Emprego é lograr a inserción laboral do 45% dos participantes. Para acadar esta cifra e de ser posible acadar un maior índice de inserción, dende o Concello estudaranse as necesidades de persoal e de perfís profesionais que teñen as empresas tudenses e dos polígonos da área de influencia, para con eses datos poder deseñar acción formativas para dar resposta a esa demanda, formando así aos participantes no Programa Integrado de Emprego nestas áreas máis demandas.

O Concello de Tui presentou a solicitude deste Programa Integrado de Emprego ao abeiro da Orde do 7 de xuño de 2019 da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O programa comeza de xeito inmediato coa selección do centenar de persoas participantes que se vai realizar até decembro. Por este motivo as persoas interesadas en participar neste Programa Integrado de Emprego poden ampliar a información e inscribirse no Centro Municipal de Formación en Guillarei, no 986 60 39 49, no 670 245 633, ou no correo cfo@tui.gal.

Este é o segundo Programa Integrado de Emprego do que se beneficia o Concello de Tui. Precisamente mañá mércores terá lugar a clausura do Programa Integrado de Emprego desenvolvido entre outubro de 2018 e 2019.

Concello Tui


O luns celebrarase unha charla informativa sobre a Rede de Comercios no Camiño

Vai dirixida ao comercio local. Contarase coa presenza da Directora Xeral de Comercio

O próximo luns, 4 de novembro, ás 14 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica, terá lugar unha charla informativa dirixida ao comercio local para informar da creación da Rede de Mercados e Comercios no Camiño. Trátase dun proxecto impulsado pola Dirección Xeral de Comercio, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta actividade está organizada pola Concellería de Comercio do Concello de Tui.

A propia directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, estará en Tui para explicar os obxectivo desta Rede e o proceso que deben realizar os comercios interesados para adherirse. Tamén participará na charla a concelleira de Comercio de Tui, Ana Mª Núñez. O prazo para solicitar a pertenza á rede remata o venres 8 de novembro. Na charla do próximo luns tamén se dará conta das distintas iniciativas que a Dirección Xeral de Comercio vai impulsar de cara ao ano 2020 dirixidas ao comercio galego, especialmente no relacionado do Camiño de Santiago.

Os e as comerciantes interesados en participar na charla informativa do luns deberán confirmar a súa asistencia no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.

Rede de Mercados e Comercios no Camiño

Os establecementos que formen parte da Rede de Comercios no Camiño recibirán un distintivo identificativo e elementos promocionais, ao tempo que se beneficiarán das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo na Rede no marco do Xacobeo 2021.

A orde que regula a adhesión de establecementos a esta Rede inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os comercios adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material biodegradable de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. Tamén poderán obter apoios para a edición personalizada de selos para as credenciais dos peregrinos.

Concello Tui


O Concello de Tui solicita a colaboración cidadá para manter a cidade limpa

O Concello de Tui pon en marcha a campaña "Na rúa coma na túa casa, Tui limpo é labor de todos"

Con esta iniciativa búscase a colaboración cidadá para manter a cidade limpa dando cumprimento ao recollido na Ordenanza Municipal Reguladora do Ornato Público e Limpeza Viaria.

A campaña xorde ante a proliferación de carteis colocados no mobiliario urbano, como sinais de tráfico, farolas, bancos, papeleiras… Para manter as condicións de limpeza e ornato da cidade solicítase a colaboración cidadá non colocando carteis de festas, eventos,… ou anuncios de perdas de mascotas, vendas, compras… e outros fóra dos lugares establecidos. A Policía Local ten intensificado o control deste tipo de publicidade no mobiliario urbano procedendo a súa retirada e informando á empresa ou particular responsable que esta acción pode ser sancionada. Precisamente hai varios carteis nas entradas a Tui onde se advirte da prohibición de colocar carteis. Amais a Ordenanza Municipal Reguladora do Ornato Público e Limpeza Viaria, establece que este tipo de carteis e anuncios só se poden colocar nos lugares habilitados para tal fin.

Dende o Concello de Tui lémbrase tamén que está prohibida a colocación de anuncios ou publicidade nos parabrisas ou outros elementos dos vehículos que están estacionados na vía pública, unha práctica que volve ser habitual sobre todo os xoves coincidindo co mercado semanal, e que pode ser igualmente sancionable.

Outro dos puntos nos que incide a campaña é na recollida selectiva lembrando que cada tipo de lixo debe ser colocado no contedor correspondente. E lembra que os mobles vellos ou en desuso deben ser depositados no punto limpo ao igual que os aparellos electrónicos. Na campaña tamén se fai un chamamento aos propietarios de mascotas para que eviten que os animais fagan as súas necesidades en zonas axardinadas, e se recollan os excrementos da vía pública. A limpeza de fincas e casas, ou o uso das papeleiras son outros dos aspectos aos que fai referencia a campaña. Haberá un apartado especial dedicado ás festas de Nadal.

A Campaña "Tui Limpo" desenvolverase dende hoxe luns até a primeira semana de xaneiro de 2020, tanto nas redes sociais municipais como na emisora municipal, co obxectivo de lembrar á cidadanía que a súa colaboración é moi importante. Dende o Concello agradécese de antemán a colaboración cidadá para lograr este fin.

Concello Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais