JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

A alcaldesa de Tomiño inaugura con responsables de A Fundación e A Banca a mostra "Unha mirada de antaño" con fotos da estadounidense Ruth Matilda Anderson

A exposición pode visitarse até o 24 de novembro, todos os días (agás os luns), no 1º andar do mercado, de 09.00 a 22.00 horas.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, inaugurou este mediodía a exposición "Unha mirada de antaño". Fíxoo acompañada de Luis Martín Blanco (director de zona de A Banca), e Paloma Vela (coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación), así coma de outras autoridades locais e rexionais da mesma entidade bancaria.

Tras a sinatura do correspondente convenio de colaboración no Concello, trasladáronse ao Mercado Municipal de Tomiño, onde participaron nunha visita guiada pola colección de instantáneas realizadas pola fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, a principios do século pasado (1924-1926), durante unha expedición financiada pola "Hispanic Society of America", institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispano.

A mostra, que permanecerá aberta até o 24 de novembro, reúne unha colección de fotografías que buscaban documentar a vida da xente, especialmente en aqueles lugares rurais de difícil acceso. Ata entón, as actividades da poboación traballando no campo e no mar, nin a cultura de Galicia, foran obxecto de atracción para a fotografía.

A actividade, enmarcada dentro do proxecto Corrente Cultural e supón unha aposta por espallar a cultura galega e construír unha rede de coñecemento que transcenda o material.

A exposición pode visitarse todos os días (agás os luns), no 1º andar do mercado, de 09.00 a 22.00 horas.

Ruth Mathilda Anderson (nada en Nebraska en 1893 e falecida en Nova York con 90 anos) foi una fotógrafa estadounidense, que se iniciou nesta profesión no mundo da fotografía da man do seu pai. En 1921 cando traballaba como decoradora de interiores, foi contratada pola Hispanic Society of America e fixo cinco viaxes a España, centrando a súa carreira no estudo dos traxes típicos españois, publicando varios libros e artigos sobre o tema.

Na súa primeira viaxe por Galicia tomou unhas 5.000 fotografías, moitas das cales aínda permanecen sen positivar, comprou outras 2.800 a fotógrafos locais. Na segunda viaxe tomou unhas 2.800 fotografías. As imaxes polo xeral, cobren a contorna rural e artesanías tradicionais. Estivo acompañada polo seu pai que escribiu un diario. Viaxaron cun Ford de aluguer e un chofer francés. Nas fondas onde se hospedaban improvisaban un cuarto escuro para ir revelando algunhas fotos. Na súa estancia na Coruña tomou leccións de lingua castelá e interesouse pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía, e pola literatura galega, lendo a Rosalía de Castro.

Concello Tomiño


Tomiño quere sumarse ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía

Hoxe (30/10) celebrouse unha reunión no Concello, con unha técnica do proxecto, que explicou os distintos pasos do proceso de adhesión e a documentación necesaria para adherirse

O Concello de Tomiño quere sumarse en breve ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, co propósito de contribuír a diminuír os efectos do cambio climático.

Os asinantes do Pacto comprométense a adoptar un enfoque integrado á mitigación do cambio climático, preparando, nos primeiros dous anos da súa adhesión, un Plan de Acción para O Clima e a Enerxía Sustentable cos obxectivos de recortar as emisións de CO2 en polo menos un 40 % para o ano 2030.

Con este fin, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, desprazouse até Marín para participar na xornada de presentación e seguimento, celebrada o pasado día 23. Coma resultado dese primeiro encontro, hoxe realizouse outro no Concello, con unha técnica do proxecto, que explicou os distintos pasos do proceso de adhesión e a documentación necesaria para poder adherirse.

A iniciativa inclúe na actualidade, máis de 7000 autoridades locais e rexionais de 57 países que aproveitan os puntos fortes dun movemento que involucra a múltiples actores e conta co apoio técnico e metodolóxico de oficinas dedicadas.

O Pacto Mundial dos Alcaldes aproveita a experiencia obtida durante os últimos 8 anos en Europa e nas rexións circundantes, e desenvolve os factores crave do éxito da iniciativa: o seu goberno desde as bases, o seu modelo de cooperación a varios niveis e o seu patrón de actuación directamente impulsado polo contexto.

Concello Tomiño


O Pavillón de Goián acolle unha nova edición do mercadiño e exposición de motos antigas

Organizado pola Asociación de amigos das motos antigas "Dalle Gas", coa colaboración do Concello de Tomiño, a feira celebrarase sábado e domingo vindeiros de mañá e tarde

A Asociación de amigos das motos antigas "Dalle Gas", coa colaboración do Concello de Tomiño, organiza a vindeira fin de semana (sábado 2 e domingo 3 de novembro) o XVI Mercadiño e exposición de motos antigas, no pavillón de Goián.

A gran feira de recambios para as motos antigas e tamén para coches clásicos poderá visitarse o sábado, 2 de novembro, de 10.00 a 16.00 e de 18.00 a 20.00 horas, e o domingo (3 de novembro), de 10.00 a 16.30 horas, ininterrompidamente.

Numerosos profesionais do sector e amantes das motos antigas e coches clásicos, danse cita cada ano neste evento, no que tamén pódense atopar ferramentas, miniaturas e un longo etcétera.

Concello Tomiño


AGAELA agradece o apoio recibido na celebración da 1ª Gala Solidaria pola ELA celebrada esta fin de semana

A organización logrou reunir 1225 euros que destinará para a compra de camas articuladas e cadeiras de ducha

A 28 de outubro, no Auditorio de Goián, tivo lugar a Gala Solidaria pola ELA (Esclerose Lateral Amiotrófica), organizada pola Asociación AGAELA (Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica), coa colaboración do Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e comercios locais.

José Manuel Pereira "Nel", tomiñés afectado por esta enfermidade, impulsou esta Gala Solidaria pola Ela, cuxa recadación íntegra (1225 euros) irá destinada a adquirir camas articuladas e cadeiras de ducha para persoas que sofren esta doenza. Pereira quere dar visibilidade a esta doenza que padecen en España máis de 4.000 persoas, abandeirado co seu lema: "La ELA existe, pero nosotros delante y la ELA detrás, siempre".

A cita contou coa presentación da actriz moañesa Anabel Budiño, da compañía Moito Morro Teatro, e a actuación do Grupo de Acordeóns Helios, do Coro Passionato e da Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio; rematando cun desfile solidario, grazas a varias casas comerciais.

AGAELA quere agradecer a participación e apoio de todas as persoas e institucións e casas comerciais que prestaron a súa colaboración para mellorar a calidade de vida dos afectados por esta enfermidade na nosa comunidade autónoma.

Concello Tomiño


As obras da nova avenida de Tomiño obrigan a cambiar a situación da parada de autobuses da rúa República Arxentina

A nova parada está situada a 150 metros da actual, na nova rotonda da avenida (ao carón da Farmacia IGLESIAS, no barrio de A Rocha)

Debido as obras da nova avenida que exercerá de variante e permitirá a mellora da mobilidade e integración urbanística do núcleo urbano do centro de Tomiño, a localización actual da parada de autobuses (transporte regular e escolar) situada na Avenida República Arxentina (ao carón do Concello), denominada "Tomiño Praza", foi cambiada a partir hoxe, á rotonda da nova avenida (ao carón da Farmacia Pardo Díaz, no barrio de A Rocha).

O Concello de Tomiño comunicou o cambio ás correspondentes empresas encargadas do transporte regular e escolar.

Coma xa se informara en anteriores ocasións, o novo esquema de estradas e a nova avenida permitirá derivar o tráfico que nestes momentos pasa polo núcleo da vila, cara ao exterior, proporcionando unha mellora substancial da calidade urbana e da seguridade viaria.

Ademais está previsto nun futuro, eliminar o tráfico da zona onde está situada actualmente a parada de autobuses, coa humanización da zona e por ese motivo se pretende que o cambio da parada sexa definitivo.

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño recupera a vexetación natural da zona da Atalaia, próxima á Ponte da Amizade, para crear un novo espazo verde

No último ano reducíronse os eucaliptos a un cuarto do que había inicialmente

Esta semana realizouse unha das limpezas periódicas do bosque nas que participan persoas voluntarias de diferentes entidades

O Concello de Tomiño está inmerso nun proceso de rexeneración vexetal da zona boscosa da Atalaia, próxima á Ponte da Amizade, e de gran valor medio ambiental, incluída dentro da Rede Natura 2000.

Tanto o Concello coma a familia do pintor Xavier Pousa (propietaria dunha parte dos terreos) promoveron nos últimos anos a corta de grandes eucaliptos e a posterior eliminación dos rebrotes. Ambas vontades conflúen nun proxecto para erradicar especies invasoras como eucaliptos comúns, acacias negras (ou australias) e outras plantas exóticas, coma a Herba da Fortuna, tintureira ou falsos bambús, que poñen en perigo a recuperación das plantas autóctonas do estrato herbáceo dos bosques nativos.

Nesta zona, mantense unha ruta con sinalización de plantas características do bosque de ribeira, coma as carballeiras galaico-portuguesas que se mantiveron na Atalaia. Tamén levouse a cabo a plantación de especies típicas coma érbedo, carballo, abeleira, pradairo, soldaconsolda, etc.

Xurxo Mouriño, biólogo da empresa Arcea, contratada para dirixir as tarefas, explica que só no derradeiro ano, elimináronse máis de 1500 eucaliptos e 400 rebrotes; 3100 exemplares de Herba tintureira e 700 metros cadrados de Herba da fortuna; 300 de acacia negra e 260 de camiceira. "Hai tres anos isto era un eucaliptal; na actualidade queda aínda un cuarto do que había inicialmente. Facemos quendas periódicas de traballo para controlar os rebrotes. A idea do Concello é a de crear un espazo verde para a cidadanía", comenta o experto.

Quendas de limpeza

Varias veces ao ano, a Concellaría de Medio Ambiente do Concello tomiñés, que na actualidade dirixe Ana Belén Casaleiro, organiza quendas de limpeza, botando man tamén de persoas voluntarias da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) e doutras entidades sen fins de lucro, coma a Comunidade Terapéutica Alborada, con sede en Piñeiro (Tomiño), ou Avelaíña, da Guarda. Precisamente esta semana tivo lugar unha desas saídas, nas que se traballou intensamente para manter a raia a vexetación invasora; especialmente a Herba da fortuna, planta de orixe suramericano, introducida no seu momento coma especie ornamental.

Concello Tomiño




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais