JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Horário do Ferry (29 de Outubro a 3 Novembro)


OS SOCIALISTAS DO BAIXO MIÑO ESIXEN "SERIEDADE" Á XUNTA NOS ORZAMENTOS AUTONÓMICOS, E EMENDARÁN COAS "NECESIDADES REAIS" FRONTE AO "FUME HABITUAL"

Representantes do PSdeG na comarca mantiveron unha xuntanza co deputado autonómico Julio Torrado, no que analizaron as contas da Xunta para os concellos da zona

Torrado pregúntase se á Feijoo non "se lle cae a cara de vergoña prometendo ano tras ano investimento na VAP Tui-A Guarda sen que nunca se execute realmente".

Os socialistas da comarca do Baixo Miño mantiveron no día de onte en A Guarda unha xuntanza co deputado autonómico Julio Torrado, para analizar os orzamentos autonómicos para o ano 2020 que están en fase de tramitación. Os socialistas esixen "seriedade" á Xunta de Galicia, coa que manifestaron a súa "decepción" por uns orzamentos que obvian algunhas cuestións esenciais para a comarca, pero que pola contra presentan partidas "repetidas" ano tras ano. Como principal exemplo Torrado sinalou os 3 millóns de euros que se inclúen para a VAP Tui - A Guardia, que xa foron incluidos nos orzamentos do ano pasado, nos de 2018, nos de 2017 e xa dende os de 2016, pero en ningún deses casos foron executados. Este caso evidencia o "fume habitual" que os orzamentos traen consigo, "pero que despois non hai nada detrás".

Dende o PSdeG do Baixo Miño apuntan a que existen "necesidades reais" que a Xunta non está "nin entendendo ni atendendo", e poñen por exemplo a dotación de medios materiais e humanos nos centros de saúde e especialmente no PAC de A Guarda, para o que demandan un equipo a maiores no servizo de urxencia, para poder cubrir con maiores garantías a poboación dos concellos de Oia, A Guarda e O Rosal.

Os socialistas anuncian a presentación de emendas para tentar de correxir os orzamentos para esta comarca, e adiantan que esixirán que o Partido Popular "se retrate de verdade" porque advirten que non aceptarán as "excusas de mal pagador de pretender fialo todo á existencia de partidas xenéricas que semellan máxicas porque nelas caben todas as promesas, aínda que logo non aparecen nunca". As emendas socialistas irán encamiñadas a demandar un maior compromiso na VAP, e a reforzar os servizos públicos, coa inclusión da citada demanda sobre o PAC ou as melloras en centros educativos, e tamén un maior compromiso medioambiental coa mellora nas redes de saneamento de concellos como Tomiño ou O Rosal.

Dende o PSdeG agardan que o PP comarcal se sume a estas demandas, "que o son de toda a cidadanía" e insta aos populares do Baixo Miño a que aclaren a súa posición e que esixan da Xunta de Galicia "que non se queira tomar o pelo á comarca".

PSdeG de A Guarda


Antonio Lomba solicita novamente a mellora na estrada PO-352 de circunvalación ao Monte Trega

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, ven de solicitar novamente unha reunión coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, de cara a mellorar a seguridade cunha actuación integral na estrada de circunvalación ao Monte Santa Trega, a PO-352.

Esta estrada é moi transitada por vehículos, autobuses e camións de todo tipo, incrementándose a intensidade do tráfico na tempada estival para o acceso ás praias fluviais existentes na desembocadura do Río Miño, sendo empregada igualmente por peóns e deportistas que se ven obrigados a transitar por unha beirarrúa moi estreita e que en moitos puntos é inexistente, pondo en perigo a súa integridade.

É por elo que dende fai tempo se ven demandando esta obra para a mellora da seguridade deste vial, que é competencia da Xunta de Galicia. É necesario dotar á mesma dunha senda para a circulación segura dos peóns, así como mellorar a seguridade do tráfico en algúns puntos concretos co ensanchado desta vía.

Antonio Lomba trasladoulle á Conselleira as súas inquedanzas, reiterando a petición dunha xuntanza para trasladarlle as problemáticas existentes neste vial e definir as actuacións que son necesarias acometer para converter esta estrada nunha vía segura para o tráfico de vehículos e para os peóns.

Concello de A Guarda


O 4 de novembro pecha o prazo para participar en "Decora o teu Nadal 2019" na Guarda

O vindeiro 4 de novembro pecha o prazo para participar en "Decora o teu Nadal 2019", unha campaña centrada no embelecemento da nosa vila, de cara a unha das datas mais importantes para a mesma, o Nadal, época de lecer e reencontro coa familia e os amigos.

Na edición do ano pasado participaron un total de 11 colectivos guardeses: San Xerome, Os da Foz, Mulleres Progresistas, Alfombristas da Guarda, Coro Arpegios Cantábile, Studio 88, Xamaraina, Fundación Las Samaritanas, Vento Mareiro, Avelaiña e Piueiro.

Deste xeito se convida novamente a todas as Asociacións e colectivos guardeses a participar un ano máis e implicarse na decoración de nadal de espazos públicos do municipio aportando a súa creatividade e bo facer, cunha temática que este ano leva como título "Nadal Mariñeiro", rematando deste xeito o ano 2019 co mar coma protagonista.

Cada Asociación ou colectivo poderá participar cun máximo de 1 proposta, sendo preciso empregar materiais, principalmente de refugallo, non contaminantes e resistentes ao exterior.

As bases completas están a disposición dos interesados no Departamento de Cultura do Concello da Guarda e na web municipal.

O prazo de participación está aberto ata o luns 4 de novembro a través do Departamento de Cultura do Concello da Guarda, enchendo o formulario de participación, para máis información poden contactar no 986 61 0000 ou en culturaguarda@gmail.com

Concello de A Guarda


A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 8 de novembro

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 8 de novembro.

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 8 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:00 ás 21:00 horas.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Concello de A Guarda


Chega á Guarda a exposición do Fondo Galego sobre Dereitos Humanos en Mozambique

A mostra reúne as fotografías realizadas polo reporteiro Adrián Irago no país lusófono tras gañar a última edicion do certame Imaxes con Fondo

A Casa dos Alonso acolle a partir do luns 4 de novembro a exposición "Dereitos Humanos en Mozambique: acompañando a mellora da saúde e a educación desde a cooperación municipalista", promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello da Guarda. A mostra ofrecerá ata o 22 de novembro unha panorámica dos proxectos de desenvolvemento apoiados no país lusófono, canda intres da vida cotiá, a través das fotografías realizadas polo reporteiro Adrián Irago, que viaxou á zona como gañador do certame Imaxes con Fondo III.

A exposición, que se estreou polo 70º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, estrutúrase en cinco cubos que nos achegan á realidade mozambicana, comezando polas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2001 en materia de educación, saúde ou abastecemento de auga. O Fondo Galego ten impulsado no país africano unha decena de proxectos, que supuxeron uns 300.000 euros de investimento e que na súa maioría se levaron a cabo coa Casa do Gaiato e a súa "irmá" a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD).

Nos últimos tempos, executouse canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Tamén se traballou directamente co municipio de Nhamayábue para a construción de pequenos sistemas de abastecemento de auga. Adrián Irago visitou estes e outros proxectos anteriores, coma o realizado con Ecos do Sur para reparar un centro educativo na contorna de Maputo ou o impulsado canda Arquitectura sen Fronteiras para mellorar as condicións sanitarias na provincia de Inhambane. O seu obxectivo recolleu ademais actividades económicas, aspectos culturais, momentos de lecer, espazos naturais, etc.

O fotógrafo

Adrián Irago, que traballou en medios locais durante varios anos, conta na súa andaina con galardóns coma o Premio Nacional de Fotoperiodismo da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión. Entre os traballos do fotoxornalista vigués destaca a cobertura dos desafiuzamentos en Madrid de 2012, os incendios en Galicia de 2013 e a ruta das persoas refuxiadas en 2015, que o levou a percorrer Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña e Francia.

Un dos países máis empobrecidos

Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos concellos e organizacións apoiadas polo Fondo Galego, que nos últimos anos mesmo iniciou unha liña de traballo coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Concello de A Guarda




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais