Mañá remata o circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade Tui-Valença co Trilho de Taião
Esta fin de semana son varias as citas de lecer e deportivas que se celebran en Tui nas que colabora o Concello de Tui.
No eido musical, como celebración dos Días Europeos do Camiño de Santiago, temos unha dobre proposta. Mañá sábado, ás 18 h, na Catedral de Tui poderanse escoitar distintas composicións inspiradas no Camiño de Santiago, escritas por compositores e compositoras galegos e portugueses. Será no concerto "Música en Camiño" organizado pola CEER, a Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Mentres o domingo, ás 12.30 h, no Paseo da Corredoira, ou se chove na Oficina de Turismo, a cantante e compositora Nastasia Zürcher achega a súa proposta musical titulada "Un camiño de fusión e liberdade" dentro do programa "Camiño A Dentro" promovido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Nastasia Zürcher conta con dous traballos discográfico "My flight" e "BEAT", estando arestora na xira deste segundo disco.
Mañá ten lugar o Trilho de Taião, a derradeira camiñada do Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade Tui-Valença deste 2019. Sairá ás 10 hora española da igrexa de Taião, en Valença, para realizar unha ruta, de 12 quilómetros, de ámbito paisaxístico - cultural.
Por outra parte mañá sábado dende ás 19.30 h está prevista á chegada á rúa Olímpicos dos participantes no V Budiño Raid Terras do Louro. Sairá ás 9.30 h dende Mos para realizar un percorrido de 80 quilómetros divididos en cinco sectores, cun tempo máximo de carreira de 10 horas. É unha competición multidisciplinar na que os participantes terán que demostrar a súa capacidade de resistencia, a súa orientación e a súa habilidade. Será a cuarta proba da Liga Galega de Raids de Orientación 2019 e contará con tres categorías Élite, Aventura e Orienta - Raid. Está organizado por BudiñoRAID, a sección de Orientación da Asociación Deportiva A Forna de Budiño.
O domingo medio centenar de persoas participarán na Concentración de Clásicos do Baixo Miño que partirá ás 11 h dende o Paseo da Corredoira para realizar unha ruta até Caldelas e volver ao punto de partida, onde os coches quedarán expostos até ás 18 h. Entre os coches máis antigos que participarán figura un Citroën de 1923. Este evento está organizado pola Asociación de Clásicos do Baixo Miño coa colaboración do Concello de Tui.
O Concello de Tui súmase esta fin de semana á celebración das primeiras Xornadas Europeas do Camiño de Santiago promovidas pola Federación Europea dos Camiños de Santiago para resaltar o carácter integrador das rutas xacobeas. Unha iniciativa que promove a valorización do Camiño, da súa dimensión europea e do patrimonio cultural, tanxible e intanxible, que o singulariza e do que Tui é testemuña privilexiada da historia e da actualidade das rutas xacobeas.
En Tui será dobre a cita que poderemos gozar.
Así o sábado, 19 de outubro, ás 18 h, a Catedral de Tui acollerá o concerto "Música en Camiño" organizado pola CEER, a Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Mentres o domingo, 20 de outubro, ás 12.30 h no Paseo da Corredoira a cantante e compositora Natashia Zürcher achega a súa proposta musical titulada "Un camiño de fusión e liberdade" dentro do programa "Camiño A Dentro" promovido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Tamén estaba previsto que mañá sábado tivera lugar en Tui "Música e viño no teu camiño" programado por Eu Rural, con postos da adegas Quinta Couselo, Terras Gauda, Adega do Vimbio e Altos de Torona, e concerto de Best Boy, pero debido á previsión de choiva, este evento foi adiado para o domingo, 27 de outubro, ás 18 h na praza de San Fernando.
"Música en Camiño" é un proxecto promovido pola CEER, a Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa colaboración de varios compositores e compositoras de Portugal e Galicia, que compuxeron diferentes obras relacionadas co Camiño de Santiago. O de Tui será o primeiro dos concertos previstos, aos que sucederán os programados para este domingo no Auditorio de Goián, Tomiño, e na Basílica de Santa María Maior en Pontevedra, o sábado 26 no Albergue de Briallos en Portas, e o domingo 27 na Igrexa da Universidade en Santiago. O proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia e conta coa participación da Deputación de Pontevedra e o apoio dos diferentes Concellos polos que transcorre a programación.
Dentro do programa "Camiño A Dentro" a cantante e compositora galego-suiza Nastashia Zürcher presenta "Un camiño de fusión e liberdade". Nastashia Zürcher foi nomeada en dúas veces ao premios Martín Codax da Música nas categorías de "Blues, Funk &Soul" e d "World Music". "My flight" e "BEAT" son os títulos dos dous albumes que ten publicados. Foi premiada no festival de linguas minorizadas Liet Internacional nos Países Baixos o ano pasado polo seu tema en galego "Espertos".
Días Europeos do Camiño de Santiago
Ao longo dos seus 1.200 anos de historia, o Camiño de Santiago xogou un papel fundamental na creación dunha identidade europea común, independentemente das nacionalidades ou das disputas políticas e relixiosas. Fenómenos como a expansión do románico ou do gótico, a expansión da urbanización ou o concepto de cidadanía, están intimamente ligados aos momentos de esplendor desta ruta de peregrinación na Idade Media.
Despois duns séculos de declive, a mediados do século XX, coincidindo co inicio do proceso de construción europeo, o Camiño de Santiago xurdiu de novo como unha ruta que combina valores relixiosos, espirituais, culturais e de diálogo entre persoas procedentes de moi diferentes extraccións xeográficas, de mentalidade e orixe social.
Na actualidade, hai máis de 80.000 quilómetros de rutas marcadas como xacobeas no continente, existindo en case todos os países de Europa. Co fin de resaltar o seu carácter integrador, a Federación Europea dos Camiños de Santiago promove a celebración das primeiras Xornadas Europeas do Camiño de Santiago, durante a fin de semana do 19 e 20 de outubro de 2019.
Xornadas Europeas do Camiño de Santiago
" Sábado 19 de outubro ás 18 h na Catedral de Tui
o "Música en Camiño": Concerto
o Organiza: Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (CEER)
" Domingo 20 de outubro ás 12.30 h no Paseo da Corredoira
o "Camiño A Dentro" con Natashia Zürcher e a súa proposta musical titulada "Un camiño de fusión e liberdade"
o Organiza: Deputación de Pontevedra
Neste tempo pódense presentar as alegacións que se consideren oportunas. Foron admitidas as 15 formuladas fóra de prazo na anterior exposición do documento
Até o próximo 10 de novembro está en exposición pública o Inventario de Vías e Camiños Municipais do Concello de Tui. A corporación municipal de Tui aprobou no pleno ordinario, do 26 de setembro, establecer un novo período de información pública deste documento, un acordo que o pasado xoves día 10 foi publicado no Boletín Oficial da Provincia. O obxectivo é lograr que o documento que se aprobe definitivamente sexa o máis axustado posible á realidade. Por iso tanto particulares coma asociacións e entidades conta agora cun novo período para poder consultar o documento e presentar as alegacións que consideren.
O Inventario de Vías e Camiños Municipais foi aprobado inicialmente en pleno o 28 de febreiro deste ano. No primeiro prazo de exposición pública, que rematou no mes de maio, se presentaron corenta alegacións, e houbo quince máis, que debido a un erro na data de finalización do prazo se rexistraron extemporaneamente. Con este novo período de exposición pública dáse cabida a estas alegacións presentadas fóra de prazo, así coma a todas aquelas que poidan xurdir, co obxectivo de que contribúan a que o documento sexa o máis acertado posible e se depuren os datos contidos.
O inventario recolle de xeito detallado e por parroquias os camiños e vías de titularidade municipal, contemplando a súa lonxitude, material no que están realizados, número de tramos, a existencia ou non de alumeado, saneamento, abastecemento e beirarrúas entre outros.
As persoas que o desexen poden achegarse ata a Casa do Concello a consultar o documento de luns a venres de 9 a 14 h, onde técnicos municipais lles poderán resolverán as dúbidas que poidan ter. Tamén se pode consultar o documento na web tui.gal ou no sede electrónica.