JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Tomiño recibe o outono con teatro familiar no mercado e música coral no auditorio

Este domingo, Baobab Teatro, actuará no Mercado Municipal ás 17.00h coa súa obra "Contos con Roque", e a Coral Polifónica de Tomiño celebrará ás 19.00h, no auditorio de Goián, o seu tradicional Concerto de Outono

O Concello de Tomiño continúa este domingo coa súa axenda cultural de outono, con dúas propostas ben diferentes e igualmente atractivas: teatro familiar e música polifónica.

Ás 17.00h, a compañía Baobab Teatro chegará ao 1º andar do Mercado Municipal, con "Contos con Roque"; un espectáculo de contos de interior para toda a familia (recomendada para nenos e nenas a partir de 1 ano). Con dirección de Óscar Ferreira e Andrea Bayer, esta última axudará a Roque, un simpático personaxe, a relaxarse durante unha viaxe en tren que durará uns 45 minutos. É a primeira vez que Roque vai viaxar en tren e está moi nervioso. Andrea encherá a súa maleta de contos e de outros obxectos para subirse con el e tentar facerlle a viaxe máis agradable.

O Auditorio Municipal de Goián, pola súa banda, acollerá tamén o domingo, ás 19.00h, o tradicional Concerto de Outono da Coral Polifónica de Tomiño. En primeiro lugar actuará, coma convidada a Coral Polifónica Marusía, de Bueu, seguida da de Vila Nova de Cerveira, e pechará o concerto a de Tomiño, baixo a dirección de David González. O programa escollido para a ocasión é o seguinte: "Veli vai", de Rey Rivero; "Aleluya-Leonard Cohen", con letra de Il Divo; "Canción Húngara", de José Serrano; "Enguedellos", de Rey Rivero, e "Mi gran noche-Raphael, con arreglos de Juan Costa.

Concello Tomiño


O Concello de Tomiño nega falla de planificación nas obras de remodelación do centro de Goián

O Goberno de Tomiño, ante as declaración feitas públicas polo Partido Popular de Tomiño, sobre as "supostas" molestias causadas ao alumnado do CEIP de Goián, quere esclarecer o seguinte:

1) Respecto á denuncia da falla de planificación á que alude, queremos lembrarlle ao Partido Popular de Tomiño que, como eles saben, todas as actuacións de rexeneración urbana do centro de Goián, estanse a desenvolver segundo a Modificación Puntual Nº8 do PXOM de "Reconfiguración de espazos públicos e usos do núcleo de Goián", iniciada a comezos de 2015 e que foi aprobada definitivamente pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galiza, o 5/12/17 e publicada no DOG o 12/2/18. Polo tanto, é incoherente falar de planificación cando se leva máis de dous anos, tramitando o proxecto en distintos organismos, e levándoo a pleno alo menos en dúas ocasións.

2) Na súa tramitación, contouse coa opinión do secretario xeral da Consellaría de Educación, entre outros organismos sectoriais, que avalaron a súa aprobación definitiva. O Partido Popular nas dúas aprobacións plenarias que tiveron lugar na tramitación da modificación, non se opuxo e deu a súa conformidade.

3) O proxecto de obras de "Mellora da accesibilidade da alameda de Goián fase II" foi aprobado e tramitado segundo todos os informes técnicos, e tamén foi aprobada a subvención da Deputación de Pontevedra de 430.000€, en decembro do ano pasado. Descoñecemos que o Partido Popular tivera algunha obxección ao respecto, toda vez que xa lle foi presentado nunha reunión a comezos do ano 2018 e na que, por certo, non manifestaron oposición ningunha.

4) Os proxectos de obras no entorno do colexio de Goián foron presentados e debatidos en diversas reunións coa Xefatura Territorial de Educación, Inspección Educativa e Dirección do Centro. En todas as reunións, mantívose un ton de colaboración institucional, de cara ao avance e mellora das instalacións educativas de Goián que vai supoñer esta transformación urbana.

5) Antes do inicio das obras, a concelleira de Educación de Tomiño, Cristina Martínez, máis o tenente de alcalde Uxio Benítez e os técnicos da dirección de obra e empresa adxudicataria, mantiveron unha reunión coa directora do centro (e concelleira do PSG-PSOE), para planificar a obra coa menor afección posible ao uso escolar. En ningún momento plantexouse ningunha das cuestións que o PP argumenta.

6) O goberno local lamenta as posibles molestias ocasionadas polas obras e informa que serán so unhas semanas. Porén, lembra que o ideal, sería que se constrúa un pavillón deportivo para o colexio, sen que o alumnado teña que empregar o municipal. Neste senso, lévase décadas reivindicando unha instalación deportiva dentro do centro, sen que a Consellería de Educación fixera nada. Polo mesmo, se o Partido Popular está tan preocupado polo acceso do alumnado ao pavillón, pregamos que se dirixa á Xunta e atenda as demandas continuas da comunidade escolar de Goián para que se habilite un ximnasio no propio centro, e así os nenos e nenas non teñan que facer ese itinerario de 200 metros.

7) Os proxectos de obras que se están a acometer este ano e os que se acometerán durante o próximo, englobados dentro da planificación estratéxica "Máis Goián", alén de significar unha reestruturación do espazo público do centro da parroquia, van supoñer unha mellora importante para o colexio de Goián, que ampliará en 600 metros a súa superficie edificable (incorporarase unha parcela de 1000m, con area e xogos de uso compartido; acondicionaranse 400m para dispoñer na mesma cota que o actual patio, e crearanse unhas instalacións deportivas de uso escolar preferente).

8) Até o de agora, o colexio de Goián non tiña terreos para a súa ampliación ou para a construción dun ximnasio. Con esta modificación, vai ser posible. Agardamos que o PP de Tomiño poña a mesma preocupación por conseguilo, xa que é unha loita de décadas dos pais e nais do alumnado do centro. O Concello xa conseguiu poñer a disposición novos terreos; agora agardamos que o PP, na Xunta, consolide o proxecto de mellora.

Concello Tomiño


A asociación de viveiristas de Tomiño expón no mercado corenta imaxes do sector

A mostra, que conta coa colaboración do Concello, permanecerá aberta entre o 11 e o 25 deste mes. A inauguración será o mércores 16 ás 21.00h

A exposición "O territorio do Baixo Miño e o sector agrario: motor de desenvolvemento sostible", organizada pola Asociación Cultivos do Baixo Miño (acuBam), en colaboración co Concello, estará aberta ao público entre o 11 e o 25 de outubro no primeiro andar do Mercado Municipal.

A mostra está composta de corenta imaxes actuais do sector agrícola e viveirista, na que se reflicten diversas producións e hectáreas de cultivo, así como elementos xeográficos característicos da comarca.

Dende a directiva de acuBam, explican que o obxectivo desta exposición é a posta en valor do territorio e do sector agro da Comarca. "A nosa idea é destacar o sector agrario da Comarca do Baixo Miño, composto por empresas produtoras de planta ornamental, flor, froita e horta, así coma a posta en valor do territorio do Baixo Miño, que lle aporta aos produtos do territorio un distintivo de calidade e singularidade. Nesta exposición poderase ver un sector moderno, verde, tecnolóxico e que ofrece posibilidades de desenvolvemento profesional para as persoas do territorio. Un sector que é motor de desenvolvemento non só económico, senón medioambiental e profesional".

As imaxes son propiedade da asociación, quen investiu nesta acción de promoción e posta en valor do sector e do territorio, coa axuda das subvencións que cada ano publica o Igape para a execución de accións de promoción e internacionalización a través de organismos intermedios, coma neste caso, a Asociación Cultivos Baixo Miño - acuBam.

Trátase por tanto dunha exposición en colaboración co Concello de Tomiño, institución que ven apoiando ao sector ao longo dos últimos anos de maneira continuada, recoñecendo o motor de desenvolvemento sostible que conforma o mesmo no territorio.

Concello Tomiño


Os centros educativos de Tomiño e Cerveira piden unha solución legal para poder realizar máis actividades na fronteira

Os dificultosos trámites burocráticos impiden que se celebren moitos intercambios e demais proxectos conxuntos

Directores e representantes dos centros educativos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira explicaron hoxe, durante a segunda xuntanza organizada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (no marco do programa europeo "B-Solutions), do que tamén á promotora a Eurocidade Cerveira-Tomiño), cada un dos numerosos obstáculos e trámites burocráticos que deben sortear para poder organizar actividades conxuntas.

O experto designado pola Comisión Europea e a Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE), José Manuel Sobrino (Catedrático de Dereito Internacional Público na Universidade da Coruña, especializado en Dereito Comunitario e en Organizacións Internacionais), puido deste xeito, tomar nota de boca dos afectados dos problemas aos que estes se enfrontan cada día para levar a cabo actividades escolares transfronteirizas. Fíxoo acompañado polo director da AECT Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago e técnicos.

Simplificar os trámites para a mobilidade dos menores participantes en intercambios culturais, deportivos e educativos, utilizando o sentido común e todos os recursos legais existentes, foi a petición xeral dos docentes e directores dos centros educativos, quen explicaron en detalle diferentes casos cos que se atopan, lembrando que a maioría das actividades conxuntas ou intercambios entre o alumnado, terminan por non celebrarse, debido aos impedimentos existentes na actualidade.

O obxectivo é atopar vías para simplificar a mobilidade dos menores que, no ámbito de actividades escolares (excursións, visitas, etc.) ou extraescolares (música, deporte, idiomas, etc.), precisan cruzar a fronteira unhas horas sen a presenza dos seus pais ou titores legais. Na actualidade, este trámite necesario para, por exemplo, asistir á piscina municipal de Cerveira ou á escola de música de Goián (Tomiño), separadas por distancias cortas, é o mesmo que para pasar un mes en Alemaña ou calquera outro país europeo do Espazo Schengen.

O experto xurídico José Manuel Sobrino, salientou a participación de todas as entidades e axentes involucrados na problemática, desde os colexios e asociacións de pais e nais, considerando moi interesante a comunicación mantida durante esta segunda xuntanza e avanzando que no prazo dun mes, aproximadamente, o informe con posibles solucións estará preparado.

Pola tarde a reunión continuou coas forzas de seguridade (Garda Civil, Garda Nacional Republicana e Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui-Valença do Minho) coma interlocutores, xunto a notarios e solicitadores. Mañá xoves terá lugara deradeira xuntanza, que será unha reunión de colaboración institucional, na que participarán a Xunta de Galicia, a CCDR-N, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a Direção Rexional de Educação do Norte de Portugal e a Direção Rexional do Norte de Portugal - Serviço de Estrangeiros e Fronteiras.

Concello Tomiño


Tomiño e Cerveira acollen a visita dun experto da Comisión Europea para traballar na mobilidade transfronteiriza de menores

No marco do programa europeo B-Solutions, impulsado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño e pola AECT da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal para facilitar os intercambios culturais, deportivos e educativos entre escolares

Tomiño e Cerveira acollen esta semana a visita de José Manuel Sobrino, experto designado pola Comisión Europea e a Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) para analizar e estudar os problemas de mobilidade de menores de idade entre ambos municipios fronteirizos, no marco do programa europeo B-Solutions. Sobrino é Catedrático de Dereito Internacional Público na Universidade da Coruña, especializado en Dereito Comunitario e en Organizacións Internacionais e Experto da Comisión Europea para diversos programas europeos.

O obxectivo desta visita é atopar vías para simplificar a mobilidade dos menores que, no ámbito de actividades escolares (excursións, visitas…) ou extraescolares (música, deporte, idiomas, etc.), precisan cruzar a fronteira unhas horas sen a presenza dos seus pais ou titores legais. Actualmente resulta obrigada, e por veces economicamente gravosa, a cumprimentación de autorizacións específicas por parte dos proxenitores para a saída ao estranxeiro de menores, o que dificulta os intercambios nos territorios mais próximos á fronteira. Tras a visita Sobrino realizará un informe para a Comisión Europea detallando unha descrición clara do obstáculo legal, unha indicación das disposicións legais que causan o obstáculo e unha folla de ruta cara á posible solución coas entidades que participarán nela.

Tres días de visita

A visita desenvolverase os vindeiros 8, 9 e 10 de outubro, tres días nos que se desenvolverán varias reunións de traballo nas que participarán todas as entidades e axentes involucrados nesta problemática. Esta visita arrancará cunha primeira xornada de traballo na que AECT, representantes institucionais dos concellos de Tomiño e Cerveira e as valedoras da cidadanía transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño exporán a situación actual e o problema ante o que se atopan actualmente os escolares dos dous municipios. Foi precisamente un informe das valedoras sobre a mobilidade dos menores o que recomendou "estudar medidas excepcionais que adapten os requisitos de autorización sobre mobilidade transfronteiriza".

A segunda xornada de traballo acollerá un dos aspectos máis destacados nesta visita, as experiencias vividas. Así, este segundo día centros educativos de ambos concellos, asociacións de pais e nais e outras eurocidades da zona, como Tui-Valença e Salvaterra-Monçao, relatarán de primeira man as súas propias experiencias. Durante esta xornada tamén se reunirán representantes da Garda Civil, da Garda Nacional Republicana e o Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui-Valença do Minho (CCPA), así como notarios e solicitadores lusos, para poñer ao día ao experto sobre a tramitación actual.

O último día centrarase na colaboración institucional, coa participación de representantes da Xunta de Galicia, a CCDR- N, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a Direção Regional de Educação do Norte de Portugal ou a Direção Regional do Norte de Portugal - Serviço de Estrangeiros e Fronteiras.

O proxecto encádrase no Programa B- Solutions, un programa xestionado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas, co que a Comisión Europea pretende identificar e promover a resolución de obstáculos fronteirizos de carácter xurídico e/ou administrativo, ao longo das fronteiras internas da UE.

Concello Tomiño




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais