|
Horário do Ferry (8 a 13 de Outubro)
Suspendida a Andaina prevista para este sábado
O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha decidiron suspender a andaina prevista para este sábado día 19 de outubro pola Senda da Fraga do Barragán, debido ás previsións meteorolóxicas desfavorables.
Nestes intres se está avaliando a posibilidade de trasladar dita actividade a outra data, que será informada a todos os inscritos.
Para calquera información poden contactar co departamento de Deportes no 690 928 751 ou no enderezo electrónico deportes@aguarda.es
MÁIS DE 50 EMPRESAS DO SECTOR TURÍSTICO E DA HOSTELARÍA XA SE INSCRIBIRON NO 'I ENCONTRO DE ECOTURISMO E GASTRONOMÍA DO RIO MINHO'
As inscricións son gratuítas e pódense realizar a través da páxina www.encontroriominho.eu
O evento forma parte do proxecto europeo Visit Rio Minho de preservación e promoción do territorio transfronteirizo
O 'I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Miño' concentrará esta semana en A Guarda e Caminha a unhas cento cincuenta persoas, entre expertos e expertas e representantes de máis de 50 empresas, co obxectivo de pór en valor e promocionar os atractivos do territorio transfronteirizo e fortalecer a súa oferta turística, segundo deu a coñecer hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez. "Ao promocionar o Rio Minho de forma conxunta estamos gañando valor e conseguimos ofrecer un producto moito máis atractivo, nun só destino temos dous países con todas as súas riquezas", engadiu o director do AECT Rio Minho. No acto de presentación do encontro, que se celebrou esta mañá no Monte de Santa Trega en A Guarda, participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o deputado de cooperación transfronteiriza, Uxío Benítez, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba e o vice presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, Guillerme Lagido.
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, felicitouse polo enorme esforzo das administracións públicas e o sector privado para lanzar unha iniciativa coma esta. "O I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía é o inicio de algo moito máis grande, ir constuíndo este destino que é a marca Rio Minho", destacou a presidenta.
O evento forma parte do proxecto europeo Visit Rio Minho e esta é a primeira gran actividade da marca Rio Minho desde a súa presentación o pasado mes de abril. O obxectivo do encontro é viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo para poder atraer a un maior número de visitantes mediante a diversificación da oferta con produtos turísticos específicos do entorno.
Programa
O 17 de outubro o Centro Cultural de A Guarda acollerá o I Congreso de Turístico do Rio Minho, dirixido a profesionais do sector do turismo, xa sexa do ámbito empresarial como da administración pública. Durante a sesión de mañá haberá tres mesas temáticas sobre: creación de marcas, marketing dixital aplicado ás empresas turísticas e institucións públicas e casos exitosos de turismo transfronteirizo. A sesión de tarde estará centrada na creación de alianzas ente o sector, e ás 17:00 horas as e os participantes dividiranse en varios grupos de traballo para recibir unha formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.
Por outra banda, a gastronomía será a protagonista do día 18 en Caminha coa 'I Xornada Gastronómica do Rio Minho'. O evento desenvolverase no Museo Municipal de Caminha e os seus exteriores, se a climatoloxía o permite. A cita comezará ás 11:30h (hora galega) cun debate sobre gastronomía e turismo no que participarán os dous prestixiosos chefs Alberto González Prelcic, do Grupo Nove, e o seu colega portugués, Álvaro Costa. A continuación terá lugar un Showcooking dirixido exclusivamente a profesionais do sector no que se elaborarán novidosas receitas a partir de produtos do territorio. Xa pola tarde, as actividades estarán dirixidas ao público xeral e haberá catas de viños e cervexas e microcharlas sobre diferentes temas relacionados coa gastronomía e a industria vitivinícola.
Inscricións
Para participar no encontro é imprescindible inscribirse, de xeito gratuíto, a través da web www.encontroriominho.eu. Os aforos do congreso turístico e do showcooking do día 18 son limitados e destinados a profesionais polo que se aceptarán inscricións ata o límite de prazas. O resto de actividades están orientadas a todo o público pero tamén se recomenda a inscrición.
O proxecto Visit Rio Minho, está confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é a capitalización da marca Río Minho a través de actividades transfronteirizas de preservación, cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos asociados á promoción e comunicación do río como destino ecoturístico.
Son socios de Visit Rio Minho a Deputación de Pontevedra (socio principal), a AECT Rio Minho, o Centro Tecnolóxico do Mar - CETMAR, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho - CIM Alto Minho, o Centro de Estudios Euro Rexionais Galicia Norte de Portugal (FCEER), a Universidade de Vigo e os concellos de Vila Nova de Cerveira, Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura e Valença.
Ibuprofeno teatro presenta a obra "Raclette" o 25 de outubro na Guarda
O Centro Cultural da Guarda acolle o vindeiro venres día 25 de outubro ás 21:00h a representación teatral de "Raclette" a cargo da Compañía Ibuprofeno Teatro.
"Raclette" é unha xeira de Ibuprofeno Teatro, na que a compañía asume producións dun formato superior con elencos máis numerosos, caracterizadas polo rigor na posta en escena, no traballo interpretativo e na concepción dos textos e dos procesos de creación, baseados na obra dramatúrxica de Santiago Cortegoso.
Así pois, Ibuprofeno quere afondar na liña da creación propia e orixinal, seguindo na procura dunha linguaxe persoal e recoñecible para falar dos temas claves que lle afectan ao ser humano contemporáneo, a través de personaxes que buscan a súa identidade individual nun contexto social globalizado e complexo que non conseguen controlar, o que os leva a situacións absurdas e cargadas dun humor acedo e sarcástico.
No caso de "Raclette" é unha obra dirixida por Santiago Cortegoso cunha duración de 75 minutos que xa foi finalista XX Premios Max das Artes Escénicas Mellor Autoría Teatral e Mellor Dirección de Escea, Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2014, Mellor Espectáculo de Sala da 19 edición da "Feria de Teatro de Castilla y León-Ciudad Rodrigo", Mención Especial do Xurado no XIX Certamen de teatro Garnacha de Haro, Premio María Casares de Teatro 2017 ao Mellor Texto Orixinal, Premio Teatro Autor Exprés 2016.
A Raclette é un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para escorrentaren o frío e a soidade da montaña, se reunían arredor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela -a medida que comían- queixo, carne e verduras.
Esta raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que se entrelazan para rematar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia.
O realismo é a base da posta en escena e do traballo interpretativo. Os actores e actrices cociñan e comen comida real, diante do público, que apreciará o transcurso da cea non só pola vista e o oído, senón tamén polo olfacto. O peso da función recae no que transmiten os personaxes, na intensidade das relacións que se establecen entre eles, na trascendencia do que din e do que calan, nos xestos, nas miradas...
As entradas están dispoñibles dende o 24 de outubro ás 17:00h da tarde no Centro Cultural.
O Grupo Municipal do BNG convoca á Comisión de Seguimento do pacto de goberno da Guarda
Tras os graves feitos ocorridos e a inxerencia do alcalde socialista no plan de mobilidade e de modelo urbano, unha área de competencia exclusiva do BNG
O Grupo Municipal do BNG na Guarda vese na obriga de convocar á Comisión de Seguimento do pacto de goberno no concello guardés a raíz dos graves feitos ocorridos nos últimos días e tras as manifestas inxerencias por parte do alcalde do municipio (PSOE) en áreas de responsabilidade e competencia exclusiva do BNG. O portavoz nacionalista e tenente de alcalde da Guarda, Anxo Baz, recalca "a irresponsabilidade dos socialistas, incapaces de liderar un goberno forte co que mudar e mellorar A Guarda e que prefiren a imposición en lugar do consenso a pesar de que supoña un prexuízo evidente para a veciñanza".
Actitudes como a decisión unilateral do alcalde da Guarda de cambiar a sinalización e colocar prismas de pedra e mobiliario urbano na rúa Concepción Arenal, contradicindo e condicionando gravemente o deseño realizado pola concellería de Mobilidade e Modelo Urbano, van claramente en detrimento da cidadanía. "Están xogando co futuro da Guarda e poñendo en perigo a estabilidade do concello, deixando no aire cuestións tan importantes como os orzamentos municipais", salienta Baz.
O Grupo Municipal do BNG non chegou a acordo de goberno na Guarda "para continuar con políticas atrasadas, senón para traballar polo futuro da vila". O BNG convoca esta reunión da Comisión de Seguimento porque síntese na obriga de traballar a prol dos guardeses e guardesas e "non estamos atados ás cadeiras do Goberno nin aos salarios".
Actividades para conmemorar o Día da Biblioteca na Guarda
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda organiza 4 actividades para conmemorar este ano o día da Biblioteca, que se celebra cada ano o 24 de outubro.
As actividades programadas arrancan o venres 18 de Outubro cun Contacontos ilustrado de Mulleres Galegas, seguido do Contacontos "Unha Árbore vén a vemos" do luns día 21, a actividade "Bibliotecas para mudar o mundo" do xoves día 24 e, xa para rematar, un obradoiro de creación de teatros de papel, que terá lugar o sábado 26 de outubro.
O obxectivo destas actividades é a animación á lectura durante o mes de outubro.
Na primeira actividade do 18 de outubro Na BPM da Guarda, celebramos este importante día con actividades de animación á lectura durante o mes de outubro co "Contacontos ilustrado Mulleres Galegas" a cargo de Polo Correo do Vento, dun xeito divertido e participativo contan a vida de mulleres galegas: Ángeles Alvariño, Maruja Mallo, Ernestina Otero, María Victoria Moreno e Ángela Ruiz. Un contacontos indicado para nenos e nenas a partir de 3 anos e enmarcado no programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.
Programación:
Luns 21 "Unha árbore vén a vernos" (Contos para abrazar ás árbores). Anxo Avelino (Carballo con Botas). Ás 18:00 h.
Xoves 24 "Bibliotecas para mudar o cambio climático". Efervesciencia. Ás 18:00 h.
Sábado 26 "Obradoiro de creación de teatros de papel". Juste Kamishibai, Papel e Teatro. Ás 11:30 h.
Mobilidade alumnos e profesores IES A Sangriña
Con data 14 de setembro concluíu o noso proxecto KA102 - Mobilidade de Estudantes e Persoal de FP correspondente ao curso 2018/19 que permitiu realizar prácticas formativas aos estudantes e períodos de observación aos docentes.
Neste curso 2018/19 o IES A Sangriña modificou a súa oferta educativa, por unha banda substituír o CM de Carrocería ordinario por outro de adultos na modalidade de FP Dual e impartiuse un curso de Capacitación Profesional de Nivel 2 de "Embellecemento e Decoración de Superficies de Vehículos".
O programa desenvolveuse en Portugal, concretamente en Lisboa e Oporto. Dada a situación fronteiriza da nosa localidade, estas Mobilidades propician a posibilidade de abrir un novo e amplo mercado laboral, ademais de reforzar os vínculos entre Galicia e Portugal promovendo a circulación e o intercambio de traballadores entre as nosas comunidades.
Os alumnos seleccionados recibiron previamente formación cultural e lingüística cunha profesora nativa.
Realizáronse 6 Mobilidades de alumnos de ciclos medios, 2 Mobilidades de alumnos de FP básica, 4 de estudantes titulados do curso de Capacitación Profesional. Tamén 4 docentes realizaron un "Job shadowing" en centros de FP da zona de Lisboa.
Con estas Mobilidades afianzáronse as habilidades intelectuais, sociais, profesionais e interpersoais do profesorado e alumnado de formación profesional do IES A Sangriña da Garda complementando a súa formación e proporcionando ferramentas para a consecución dos seguintes obxectivos:
- Creación dun novo vínculo cun centro de FP de Lisboa. Intercambiando experiencias, coñecementos e propiciando posibles acordos de colaboración futuros.
- Potenciar do efecto multiplicador que exerce a experiencia internacional dos profesores.
- Ofrecer aos estudantes de ciclos formativos que non participan nos programas de Mobilidade o beneficio do coñecemento e a experiencia dos seus docentes.
- Desenvolver habilidades interpersonais, sociais, pragmáticas e comunicativas de todos os participantes.
- Aproximación a realidades empresariais, culturais e conceptuais diferentes á contorna local.
A formación para os alumnos de Ciclos Medios desenvolveuse do 3 de abril ao 21 de xuño (80 días) coa realización de Formación en centros de traballo (FCT) relacionados cos seus respectivos ciclos. Os alumnos que realizaron as Mobilidades foron:
-Ciclo Medio de Ectromecánica de Vehículos: José Carlos Baz González, Raúl Castro Airas, Rubén Cortiñas Areas e Alfredo Fontiñas González.
-Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes: Diego González Cerqueira e Adrián Núñez Martínez.
A formación para alumnos de FP Básica de Mantemento de Vehículos iniciouse o 23 de abril estendeu ata o 21 de xuño (60 días) para cursar a FCT. Os alumnos que realizaron as Mobilidades foron:
- Miguel Eduardo Cardoso González e Jesús Durán Conde.
Os alumnos de Curso de Capacitación Profesional de Nivel 2 de Embellecemento e Decoración de Superficies de Vehículos realizaron prácticas en Oporto do 15 de xullo ao 30 de agosto (47 días) complementando a súa formación unha vez titulados. Os estudantes titulados que realizaron as Mobilidades foron:
- Francisco Carreira Carreira, Fátima Cividanes Rodríguez, Brais Ribeiro Martínez e Mario Rodríguez Álvarez.
O Job shadowing dos docentes (5 días) cursouse en tres centros formativos de FP da rexión de Lisboa, participando:
- Beatriz Couce Rodríguez, María Teresa Álvarez Rodríguez Domingo Caldevilla Lago e Juan Carlos López Pazos.
Con Data 30 de setembro concluíu o proxecto KA103 - Mobilidade de Educación Superior que permitiu á alumna Daisy Fernández Busto realizar a FCT (90 días) dos seus estudos do Ciclo Superior de Administración e Finanzas nunha multinacional con sé en Lisboa.
Foi María Teresa Álvarez Rodríguez, profesora do Ciclo Superior de Administración e Finanzas quen que puxo en marcha os protocolos de execución de ambos proxectos coordinado á Comisión de Mobilidade integrada os titores dos estudantes participantes.
Neste novo curso 2019/20 o IES A Sangriña xestionará un proxecto KA116 - Mobilidade de Estudantes e Persoal de FP con Carta de Mobilidade de FP. Está prevista a participación de 10 estudantes e 4 docentes.
Como menciona o lema do proxecto ERASMUS+, seguimos "ENRIQUECENDO VIDAS, ABRINDO MENTES".
O PROXECTO 'MÚSICA E VIÑO'
CONTINÚA O SEU CAMIÑO CO CONCERTO DE THE PRETTY SHIRTS NA GUARDA
Rock &roll cru e directo para desfrutar cos viños das adegas Quinta de Couselo, Terras Gauda, Adegas do Vimbio e Altos de Torona
O evento comezará ás 20.30 horas coa apertura da venta de viños
Segunda parada do proxecto 'Música e Viño no Teu Camiño'. O grupo The Pretty Shirts porá a música á segunda sesión do proxecto este sábado 12 de outubro na Praza do Relón da Guarda nun evento no que o rock&roll cru e directo maridarase cos viños das adegas Quinta de Couselo, Terras Gauda, Adegas do Vimbio e Altos de Torona. O evento comezará ás 20.30 h coa apertura dos stands de venta de viño con DO Rías Baixas, no que todas as persoas asistentes poderán degustar unha copa de viño ou mercar unha botella a prezos populares. Ás 21.00 h o actor, director e guionista guardense Nani Matos será o encargado de dar a benvida ao público e dar paso ao concerto musical deste grupo da Guarda que segue a premisa orixinal do garage-rock: grandes doses de enerxía sobre o escenario.
Música e Viño no teu Camiño é unha actividade impulsada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural beneficiaria do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia. O seu obxectivo é crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que, tras o seu paso por Redondela e este sábado pola Guarda, rematará en Tui.
Son todo concertos musicais ao aire libre e totalmente gratuítos que funcionan como eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos. Así, o público asistente poderá degustar viños con D.O. Rías Baixas das adegas Quinta de Couselo, Terras Gauda, Adegas do Vimbio e Altos de Torona.
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural é a entidade sen ánimo de lucro responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio recoñecido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia como Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR14), que abarca 13 concellos do sur da provincia de Pontevedra: Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.
Asociación de Desenvolvemento Suroeste Galicia Eu Rural
A Guarda oferta un Curso de Inglés para empresas de hostalaría e aloxamento
O Concello da Guarda oferta unha nova actividade de formación especialmente dedicada a empresas do sector da hostalaría e do aloxamento, co obxectivo de mellorar a calidade da atención aos clientes destas empresas.
O curso, totalmente de balde, terá comezo no mes de novembro e as inscricións están abertas ata o vindeiro 23 de outubro na Oficina de Turismo do Concello da Guarda, na Praza do Reló, chamando ao 986 61 4546 ou no enderezo electrónico turismo@aguarda.es
As clases terán lugar no antigo colexio Sinde da Rúa Puerto Rico todos os mércores en horario de 17:00h a 19:30h ata o 18 de decembro, cun total de 20 horas lectivas.
O inicio e presentación do curso será o 5 de novembro, unha boa oportunidade para mellorar a lingua inglesa, cunha temática enfocada ao sector da hostalaría e dos aloxamentos, que permitirá aos participantes mellorar o seu vocabulario e a atención aos seus clientes de fala inglesa.
Música e filatelia centran as actividades desta fin de semana na Guarda
O Concerto do grupo The Pretty Shirts do sábado e a Mostra Filatélica Exfimiño 2019 no Centro Cultural son as principais propostas para esta fin de semana na Guarda.
VENRES 11
Este ano a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada dende a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, na súa XXIII edición está dedicada ao edificio do Hospital Casa Asilo de A Guarda, edificio que alberga hoxe en día o Centro Cultural da vila.
Esta mostra filatélica se atopa na Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda ata este domingo en horario de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h.
A mostra conta, como ven sendo habitual, con coleccións de distintos lugares de Galicia, expostas en distintas modalidades filatélicas(Tradicional, temática un cadro, clase aberta.... ) e tamén algunha colección de numismática.
Este venres ás 20:00h horas terá lugar a instalación dunha estafeta temporal de Correos e as 20:30 horas inauguración con recepción de autoridades e presentación do cuño oficial da mostra e posta en circulación do sobre conmemorativo, contando coa intervención do historiador local D. Joaquín Miguel Villa Álvarez, que falará sobre o edificio do Hospital Casa Asilo de A Guarda.
SÁBADO 12
Este ano a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada dende a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, na súa XXIII edición está dedicada ao edificio do Hospital Casa Asilo de A Guarda, edificio que alberga hoxe en día o Centro Cultural da vila.
Esta mostra filatélica se atopa na Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda ata este domingo en horario de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h.
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural pon en marcha o proxecto 'Música e Viño no Teu Camiño', unha iniciativa que forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia, e que busca crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que se desenvolverán nos concellos de A Guarda, Redondela e Tui.
"Trátase de dinamizar e ofrecer á poboación e peregrinos experiencias positivas e desestacionalizadas naqueles concellos do noso territorio polos que pasa o Camiño de Santiago.
Ao abeiro do programa 'Música e Viño no Teu Camiño', na xornada deste sábado día 12 de outubro A Guarda acolle un concerto musical do grupo local The Pretty Shirts Rock&Roll Band ás 20:30h na Praza do Reló de A Guarda.
Un concerto ao aire libre e totalmente gratuíto que será o eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos. Así, o público asistente poderá degustar viños da D.O. Rías Baixas subárea do Rosal e desfrutar da gastronomía local a prezos populares. Contarase coa presencia e participación confirmada das adegas Quinta de Couselo, Adega do Vimbio, Altos de Torona e Terras Gauda.
DOMINGO 13
Este ano a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada dende a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, na súa XXIII edición está dedicada ao edificio do Hospital Casa Asilo de A Guarda, edificio que alberga hoxe en día o Centro Cultural da vila.
Esta mostra filatélica se atopa na Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda ata este domingo en horario de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 20:00h.
Últimas prazas para o Curso de Ximnasia Sénior na Guarda
O Departamento de Deportes informa das últimas prazas libres para o curso de Ximnasia Sénior que se realiza na Piscina Municipal da Guarda
O Curso de Ximnasia Sénior realizase os mércores e venres en horario de 11:30h a 12:15h, para maiores de 65 anos, cun custe de 10€ ao mes.
As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición ata esgotar as prazas vacantes no Concello da Guarda a través do teléfono 986 61 0000 ou no enderezo electrónico deportes@aguarda.es
Este sábado non haberá mercadillo semanal
O Concello da Guarda informa de que este sábado día 12 de outubro non se realizará o mercadillo semanal dos sábados no entorno da Alameda da Guarda, debido á festividade da Virxe do Pilar.
Do mesmo xeito infórmase que o Mercado da Praza de Abastos da localidade estará aberto ofertando produtos cárnicos, peixes, froitas e hortalizas en horario de 8:00h a 14:00h.
Ampliado o horario de atención na Oficina de turismo da Guarda
Dende este ano a Oficina de Turismo Municipal da Guarda forma parte da Rede de Oficinas Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e unha das melloras foi a ampliación do horario de atención.
Durante os meses de verán a oficina ampliou o seu horario e datas coa apertura de luns a domingo. Neste meses atendéronse a máis de 3.000 visitantes e turistas sendo a consulta máis habitual o qué visitar na vila e nos arredores.
Dende hai uns anos xa é habitual que os peregrinos percorran as nosas rúas. A Oficina de Turismo na Praza do Reló atopase no recorrido do Camiño Portugués da Costa polo que tamén son numerosas as consultas atendidas dos peregrinos, ademais de selar a credencial. Este verán detectouse un incremento de peregrinos que comezan na nosa vila a súa peregrinación a Santiago polo Camiño Portugués da Costa.
Este horario ampliado de verán continuará no mes de outubro. Polo que a Oficina de Turismo no antigo Concello estará aberta de luns a domingo de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30h.
|