|
Unhas 50 persoas colaboran nos obradoiros participativos para a redacción do Plan de Mobilidade Sustentable de Tomiño
Organizáronse reunións no salón de plenos do Concello de Tomiño e no Centro Goianés. Máis de 200 persoas xa cubriron a enquisa online
O Concello de Tomiño segue apostando pola participación cidadá para a toma de decisións que afecta ao futuro da vila. Por este motivo, o equipo redactor do Plan de Mobiblidade Sustentable de Tomiño reuniuse este xoves 3 de outubro con representantes de diversos sectores da sociedade tomiñesa para escoitar as súas demandas, inquedanzas e suxestións en canto ás dinámicas de mobilidade dentro do termo municipal.
Pola mañá os redactores reuníronse coa Policía Local, co Departamento de Urbanismo e con representantes do tecido asociativo no Salón de Plenos do Concello, mentres que pola tarde, foi a quenda do Goberno local, representantes do PSOE e de novo o tecido asociativo no Centro Goianés e no Salón de Plenos, así como de persoas que a nivel particular quixeron achegar as súas opinións respecto a mobilidade. En total, preto de 50 persoas, representantes de diferentes sectores da sociedade tomiñesa que participaron de xeito activo nesta iniciativa.
Algunhas das demandas e suxestións que máis se escoitaron nos diferentes encontros foron, entre outras, a necesidade de mellorar a conexión peonil e ciclista das parroquias cos núcleos do Seixo e de Goián, sobre todo dende Vilachán, Tebra e Forcadela cara o Seixo e entre Goián e o Seixo pasando por Soutelo e Figueiró; a mellora da iluminación nos accesos aos núcleos urbanos; a mellora das paradas de transporte escolar; a mellora da seguridade viaria nos núcleos de poboación por onde pasa a PO-552; ou a mellora na accesibilidade en transporte público dende os núcleos de poboación máis illados cara os núcleos urbanos.
Por outra banda a enquisa online, que leva unha semana aberta e que xa foi cuberta por 200 veciños e veciñas, seguirá activa ata o sábado 5 ás 00.00 da noite no seguinte enderezo: http://plandemobilidade.com/tomino/ e os vecinos e veciñas de Tomiño poderán seguir enviando as suas suxestións ao seguinte enderezo electrónico tomino@plandemobilidade.com
Os 'Barbeiros Solidarios' voltan a Tomiño con 30 profesionais da perruquería e barbería, tatuaxes e música en directo
O Concello de Tomiño colabora con esta iniciativa en beneficio da asociación de persoas con discapacidade Vontade
Os 'Barbeiros Solidarios' volven a Tomiño. O vindeiro domingo 6 de outubro, 30 profesionais da perruquería e barbería de toda España encherán a Praza do Seixo para celebrar por terceiro ano consecutivo unha xornada de traballo en beneficio da asociación de persoas con discapacidade Vontade. Nesta edición contarán ademais cunha importante novidade: a participación de Marcos da Silva, de Triple Rivas Barber Tattoo, que tatuará durante todo o día a todas aquelas persoas que se animen.
Dende as 11.00 ás 18.00 h de forma ininterrompida todos estes profesionais estarán a disposición das persoas que o desexen para peitear, cortar o pelo, afeitar, amañar a barba... por tan só 7 euros por servizo. Con algunha sorpresa preparada en temas de decoración, esta edición contará tamén con inchables e xogos tradicionais para os máis cativos e cativas e amenizarase coa música en directo de Argonat Band e Laura Ocampo.
"Animamos a todo o mundo a participar neste evento, non soamente porque é un acto solidario, no que todo o recadado vai para colaborar con Vontade e axudarlles a mellorar os servizos que ofrecen, como o de psicoloxía. Tamén é un plan moi atractivo e apetecible para o domingo, en familia, con amigos...", recalca Anahíl González, de Espazo Vip peluquer@s, organizador do encontro.
Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Tomiño, Hotel Nova Colina, Medavita, Casaíta, Disgobe, Tomipan Flor y Nata, Woody Pool e Tapería Os Casqueiros.
Os organizadores esperan repetir o éxito das edicións anteriores, nas que unha grande afluencia de xente de Tomiño e arredores pasou durante toda a xornada pola Praza do Seixo para achegar o seu gran de área.
O outono chega a Tomiño con máis de 30 actividades culturais, deportivas e de lecer para todos os públicos
O Concello de Tomiño ven de editar en papel a súa Axenda de Outono, na que se recollen todas as actividades previstas ata xaneiro, dende teatro ou concertos ata cursos, actividades deportivas e de voluntariado ou exposicións e obradoiros
Un programa de actividades transversal e integrador dirixido a todos os públicos. Así é a programación cultural, deportiva e lúdica que o Concello de Tomiño ten prevista para os vindeiros meses e que ven de recoller en papel na xa tradicional Axenda de Outono. Un completo programa trimestral no que se aglutinan todas as actividades de cultura, mocidade, deporte, voluntariado e transfronteirizas "dun xeito cómodo e planificado, informando debidamente á veciñanza e garantindo que todas as actividades son un éxito", salienta a alcaldesa, Sandra González.
A nova edición da Axenda de Outono recolle as preto de 30 actividades que se levarán a cabo entre outubro, novembro e decembro, rematando coa ampla programación preparada para o Nadal. Así, a programación trimestral arrancará esta mesma fin de semana coa obra de teatro '#Camiños', de Butaca Zero e, a vindeira semana, con dous cursos dirixidos á mocidade sobre cociña vegana e danzas urbanas, cursos para os que xa está aberto o prazo de inscrición.
A partir de aí comezará unha intensa lista de actividades entre as que destaca a ampla programación teatral, con 8 obras para toda a familia e outras 6 dirixidas a público adulto. Así, o público infantil poderá desfrutar o 13 e o 27 de outubro de Baobab Teatro e de Roque e os seus contos no Mercado Municipal de Tomiño; o 3 de novembro dos 'Contos do recreo' de Redrum Teatro; o 17 de novembro de Xarope Tulú e as súas 'Nómades'; o 28 de decembro dos 'Contos do animalario' de Daboapipa; o 29 de decembro das espectaculares pompas de xabón de de 'Os fabulosos Cleaners' de Malasombra Producións e o 4 de xaneiro co último panda do planeta, 'Mai-Mai', de Baobab Teatro.
Pola súa banda, o público adulto disporá dun amplo abano de obras no auditorio de Goián: o 19 de outubro Contraproducións representará 'Commedia' no auditorio de Goián; o 2 de novembro Chévere chegará con 'Anatomía dunha serea'; o 9 de novembro Artesacía presentará a 'Chola, a It Girl'; o 16 de novembro Destexeito Producións estará con 'Loló e mamá' e o 24 de novembro Redrum Producións escenificará 'Invisibles'.
Actividades para todos os gustos
A programación complétase cunha vintena de actividades e concertos, entre os que destacan os que ofrecerá Agrupación Musical de Goián en honra de Santa Icía (23 de novembro) e por Nadal (22 de decembro), os da Coral Polifónica de Tomiño (13 de outubro e 15 de decembro) ou o Festival de Nadal Virxe de Alivio. Pola súa banda, o Mercado Municipal de Tomiño acollerá en outubro unha exposición da Asociación de Cultivos do Baixo Miño e dende Voluntariado levaranse a cabo dúas actividades: a creación dun vídeo sobre a realidade das mulleres no rural e unha xornada de retirada de plantas invasoras.
Os amantes do deporte teñen dúas citas este trimestre. Por un lado, o vindeiro 27 de outubro a Eurocidade Cerveira-Tomiño celebra o remate do seu programa Deporte para todas as persoas cunha xornada de actividades no Parque de Lazer do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira, e o 22 de decembro terá lugar unha nova edición da Carreira de Nadal.
E, como cada ano, Tomiño contará cunha programación especial de Nadal que comezará o 15 de decembro co concerto da Coral Polifónica e rematará coa tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro. Entrementres, 20 días de música, actividades deportivas, contacontos, teatro, obradoiros, inchables e moito máis pensados para que toda a familia poida desfrutar destas datas.
Esta axenda en papel repartirase e colocarase en lugares de moito tránsito para difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, pero tamén pode consultarse directamente na web do Concello: https://tomino.gal/axenda-de-outono-2019/.
Eurural celebra en Tomiño un curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía
A actividade celebrarase os días 7, 9, 10 e 11 de outubro no salón de plenos do Concello. As interesadas poden inscribirse a través da web de Eu Rural
O Concello tamén organiza o vindeiro 12 de outubro un obradoiro de autodefensa feminista
Outubro chega a Tomiño cargado de actividades impartidas por e para mulleres. A vindeira semana o municipio acollerá un curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía de 12 horas de duración e un obradoiro de autodefensa feminista, que se impartirá nunha única xornada de 6 horas.
Deste xeito, as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira chegarán ao salón de plenos do Concello co curso 'Namórate de ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía', unha actividade organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural ao abeiro do programa de Agader para a igualdade e a loita contra a violencia de xénero que busca ensinar ás mulleres a quererse e valorarse empregando a foto como ferramenta. O curso impartirase os días 7, 9, 10 e 11 de outubro de 16.30 a 19.30 h.
Ao longo destas catro xornadas realizaranse dinámicas as participantes vivirán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar a autoestima e o amor propio e aprender a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, de dinámicas grupais, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.
Dirixido a mulleres desempregadas, mulleres que precisan volver confiar en si mesmas, vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, o curso ten por obxectivos reforzar a autoestima e autoconcepto das participantes, ao tempo que se fomenta a súa unión social e a cooperación grupal.
As mulleres interesadas en participar poden inscribirse xa na páxina web de Eurural (https://eurural.org/curso-namorate-de-ti-autoestima-e-empoderamento-a-traves-da-fotografia/). O curso é de balde e terminará coa exposición no concello de Tomiño dunha selección de fotografías realizadas durante as sesións que se inaugurará o vindeiro 5 de novembro.
Autodefensa feminista
Por outra banda, o vindeiro 12 de outubro a Casa da Salgosa de Tomiño acollerá un obradoiro de autodefensa feminista, seis horas de traballo integral nas que as participantes aprenderán técnicas básicas de defensa. Como aseguran dende a organización do curso, "a autodefensa feminista é un elemento indispensable de protección e loita contra as violencias machistas. As violencias son estruturais e impactan en todas as áreas, física, emocional, relacional, social... por iso neste obradoiro o traballo que se realiza é integral".
O obradoiro, dirixido a mulleres a partir de 15 anos, celebrarase o sábado de 11 a 13 e de 16 a 19 h. Todas as interesadas en participar poden inscribirse en https://tomino.gal/obradoiro-de-autodefensa-feminista/.
Tomiño recolle máis de 70 quilos de lixo na limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega
As e os voluntarios que participaron atoparon a maioría dos residuos durante o percorrido cara o río, mentres que nos arredores do río da Pedra case non se detectou lixo
Na recollida participaron voluntarios do Centro Teapéutico Alborada e alumnado do CEP Pedro Caselles
Éxito de participación en Tomiño na colaboración coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos o pasado 29 de setembro, unha xornada pensada para retirar lixo da beira dos ríos, para concienciar á veciñanza e para achegar un gran de area na conservación dos ecosistemas. Os voluntarios e voluntarias que participaron nesta iniciativa recolleron un total de 70,85 quilos de lixo, a maioría atopado no percorrido dende o punto de encontro na Praza do Seixo ata o río da Pedra, xa que apenas se detectou lixo nos arredores dos ríos do municipio.
Organizada pola Concellería de Medio Ambiente en colaboración da OMIX de Tomiño, nesta ocasión participaron tamén voluntarios e voluntarias do Centro Terapéutico Alborada. Pola súa banda, un ano máis o alumnado do CEP Pedro Caselles tamén formou parte desta iniciativa e percorreu dous días antes, o venres 27 de setembro, as beiras do río Pego para facer unha primeira revisión e recollida do tramo apadriñado por este centro, "aínda que apenas atoparon lixo xa que levan varios anos facendo limpeza nesa zona".
Equipados con camisetas da iniciativa, auga, luvas, bolsas de recollida e paus con pinchos na punta, os voluntarios e voluntarias partiron da Praza do Seixo cara o río Pedra pasando polo centro de saúde e por camiños de monte. No traxecto atopouse un vertido incontrolado con restos de escombros e obra, voluminosos e varios plásticos enterrados que se procederon a situar e fotografar para interpoñer a correspondente denuncia. Neste percorrido tamén se atoparon colillas, todo tipo de envases e bolsas plásticas, caixas de tabaco, vidro, algún elemento de coche, faros, escobillas, canaletas e mesmo un capacho vello, entre outras cousas.
Por contra, xa no río, as persoas participantes na iniciativa percorreron ambas marxes sen atopar apenas lixo, salvo pequenos envoltorios de plástico e papel, restos de confeti, un trozo de tubo e unha roda, un elemento que orixinariamente era empregado como columpio na zona e que estaba tirada no medio do río.
En total recolléronse 9 quilos de lixo arredor do río e 61,75 quilos durante o percorrido. A actividade rematou coa exposición recollida durante a actividade no Biomercado celebrado na Praza do Seixo.
Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Belén Casaleiro, quérese agradecer a participación de todas e todos os voluntarios, que se afanaron en deixar o tramo recorrido sen rastro de lixo nunha actividade que serve para concienciar a toda a cidadanía da importancia do coidado do medio ambiente, de mantelo limpo e de facelo sostible.
Unha trintena de persoas reactívanse co programa de envellecemento activo do Concello
Con estas actividades persoas de ata 86 anos "gañamos axilidade mental, socializamos, estamos máis activos e obrigámonos a saír da casa". As persoas interesadas en participar aínda poden inscribirse nas oficinas de Rexistro do Concello
O que proba repite. Iso é o que din os preto de 30 usuarios e usuarias do programa Reactívate do Concello de Tomiño, un plan de envellecemento activo e de hábitos saudables para maiores de 60 anos posto en marcha pola concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación e que acaba de arrancar un novo curso. "Aquí estamos a gusto, aprendemos moitas cousas e estamos activos, tanto mental como fisicamente", coinciden en salientar os participantes no programa, que este martes 1 de outubro tiveron a presentación oficial do curso no Centro Vontade, onde se desenvolven todas as actividades.
A través de accións enfocadas a mellorar a memoria e a motricidade, os usuarios e usuarias desfrutan de actividades como risoterapia, informática, ximnasia e pilates, accións para a promoción da saúde, manualidades e obradoiros de expresión corporal, memoria, escritura creativa e xogos da nosa vida, ademais de actividades coa comunidade, un club de lectura, un cinefórum ou roteiros saudables. Actividades divertidas e accesibles que para as e os participantes supoñen "un motivo para levantarnos da cama e ter unhas rutinas que doutro xeito non temos". Aseguran que "non soamente gañamos axilidade mental, adestramos a memoria ou estamos activos fisicamente, senón que tamén socializamos, coñecemos xente e obrigámonos a saír da casa". "Para min é felicidade e alegría, botámolo de menos cando paramos durante o verán", recoñece unha das usuarias.
Exercicios que poden incorporarse á vida cotiá
De forma "lúdica, creativa e tendo en conta as peticións que os propios usuarios e usuarias fan", o programa busca tamén "mellorar as súas condicións físicas, que non perdan a que xa teñen e empregar ferramentas para fomentar o equilibrio e evitar caídas, que é unha das cousas que máis preocupan", explica Nélida Estévez, fisioterapeuta de Vontade e encargada da actividade física do programa. "Procuramos facer exercicios sinxelos que eles poidan memorizar e facer despois en casa, pequenos exercicios que poden incorporar á súa vida cotiá mentres fan os seus quefaceres diarios", recorda.
O obxectivo final do programa é mellorar a calidade de vida das persoas maiores con actividades que favorezan a participación social e o mantemento de facultades físicas e psíquicas "cun completo plan de actividades que lles resulten de interese e útiles para a súa vida cotiá. Búscase axudarlles a seguir en activo, animalos a saír do seu fogar, a manter a súa autonomía persoal e a relacionarse con máis xente tanto da súa idade como máis nova", explica a concelleira de Benestar, Educación e Igualdade, Cristina Martínez, que anima a todas e todos os maiores do municipio a participar no programa.
As actividades desenvólvense martes e venres en horario de mañá no Centro Vontade e teñen un custe de 15 euros mensuais. As persoas interesadas en participar aínda poden solicitar información ou inscribirse nas oficinas de Rexistro do Concello ou chamando ao teléfono 986 622 001 entre as 08.00 e as 15.00 horas.
Douscentos escolares de Cerveira e Tomiño participan conxuntamente en obradoiros artísticos con material de refugallo
Ao abeiro do proxecto gañador nas votacións do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2019 para fomentar a creatividade e o respecto polo medio ambiente
O Convento SanPayo en Vila Nova de Cerveira acolle entre o 3 e o 11 de outubro cinco obradoiros que pretenden promover a aproximación entre nenos e nenas da Eurocidade Cerveira-Tomiño compartindo educación en valores a través de actividades artísticas e experimentación con materiais de refugallo. O proxecto, impulsado conxuntamente polas Associaçoes de Pais e Nais dos Centros Escolares de Cerveira e a Mesa de ANPAS dos Centros educativos de Tomiño resultou gañador nas votacións da última edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo celebradas en decembro de 2018.
Os obradoiros están orientados ao alumnado de 5º de Educación Primaria e pretenden resaltar a importancia de non deixar lixo na natureza e de posibilitar unha segunda vida aos obxectos dun xeito creativo, na procura da educación en valores como o coidado e o respecto do medio ambiente e o fomento do interese polo arte e a creatividade.
A actividade prevé un máximo de 200 participantes, en cinco sesións de 2 horas de duración, con participación proporcional de alumnado galego e portugués. As sesións inclúen exercicios de creación e construción a partir da combinación de elementos atopados no lixo e na natureza (follas, paus, piñas, pedras,... rolos de papel hixiénico, botellas e vasos de plástico, tapóns, etc...). Os traballos resultantes poderán visitarse posteriormente nunha exposición no Convento SanPayo.
O Orzamento Participativo Transfronteirizo, unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e unha das prioridades da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza da Eurocidade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.
A Aula CeMIT de Tomiño acolle unha charla sobre facturación e reclamación en telefonía móbil
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar neste curso,
que se celebrará o vindeiro luns 7 de outubro de 12.00 a 13.30 h
A Aula CeMIT de Tomiño acolle o vindeiro luns 7 de outubro unha charla sobre a relación da cidadanía coas empresas que ofrecen os servizos de telefonía e Internet organizada en colaboración coa Escola Galega de Consumo. Con esta actividade, que se celebrará de 12.00 a 13.30 h, búscase dar a coñecer a todas as persoas participantes os principais aspectos do consumo de telefonía móbil, unha información que pode axudar a resolver posibles problemas na factura de teléfono móbil.
Ao longo de hora e media, repasaranse os principais conceptos a ter en conta á hora de contratar un novo servizo, a relación coas compañías de telefonía móbil e os diferentes que ofertan, dende o tipo de tarifas ata cuestións como o compromiso de permanencia, a portabilidade ou o roaming. Ademais, afondarase nos principais dereitos que amparan ás persoas usuarias en materia de consumo e analizaranse as vías de reclamación para facelos valer, as cuestións que xeran máis demandas e como facer un uso responsable dende o punto de vista do consumo.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse:
" Na páxina www.cemit.xunta.gal, para o que é necesario estar rexistrado como usuario da Rede CeMIT.
" Enviando un correo electrónico con nome completo, data de nacemento, DNI e teléfono a cemit.tomino@xunta.gal ou a través da nosa páxina de Facebook Aula Cemit Tomiño.
" Chamando ao 986 623 304 ou visitando a aula CeMIT situada no Campo da Feira todas as mañás de 09.15 a 13.45 h e martes e xoves pola tarde de 18.30 a 20.30 h.
Abre o prazo de inscrición para participar na Escola Municipal de Teatro
Con catro grupos para todas as idades, as clases comezarán o 5 de novembro e desenvolveranse no Auditorio de Goián
A Escola Municipal de Teatro abre este martes 1 de outubro o prazo de inscrición para participar neste novo curso, que un cano máis contará cun total de catro grupos de infantil, mocidade e adultos. Trátase dunha entidade xa consolidada con varios anos de funcionamento, que foi crecendo pouco a pouco para dar resposta á demanda da poboación para acabar converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño e que na actualidade conta máis de 60 persoas participantes.
Impartidos por Migallas Teatro, o obxectivo desta actividade é introducir a todas as persoas interesadas no mundo teatral, "ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo e se melloran os recursos expresivos e comunicativos". Aulas eminentemente prácticas nas que se estudarán e traballarán aspectos básicos da creación escénica, como expresión dramática, improvisación, expresión oral, movemento expresivo, ritmo ou creación de personaxe, técnicas que se aplicarán nas pezas teatrais que o alumnado representará a final de curso.
As clases comezarán o vindeiro 5 de novembro e serán impartidas todos os martes polas tardes de 16.00 a 17.30 h o grupo de 9 a 12 anos; de 17.30 a 19.00 h o grupo de 4 a 8 anos; de 19.00 a 20.30 h o grupo de 13 a 17 anos e de 20.30 a 22.00 h o grupo de adultos (a partir de 18 anos). Todas as clases impartiranse no auditorio de Goián.
Todas as persoas interesadas poderán inscribirse ata o vindeiro 15 de outubro. Os grupos contan con prazas limitadas e o prezo da actividade é de 15 euros ao mes, aínda que existen descontos no caso de asistir varios membros dunha mesma familia a calquera dos grupos formados.
Para máis información e inscricións os interesados deben dirixirse ás oficinas de Rexistro do Concello de Tomiño ou chamar ao teléfono 986 622 001.
|