|
Horário do Ferry (1 a 6 de Outubro)
A Guarda adecúa a tecnoloxía led a totalidade dos puntos de luz do alumeado público do municipio
O Concello da Guarda ven de recibir a resolución favorable por parte do IDAE para a subvención do proxecto de renovación do alumeado público exterior do municipio, que permitirá unha actuación integral sobre 1916 puntos de luz do total de 2688 existentes no municipio, acadando un aforro enerxético dun 65%.
Esta actuación está complementada coa que se acometerá en breve grazas ao proxecto de aforro enerxético promovido pola Deputación de Pontevedra, que permitirá a instalación de 24 puntos de luz en BIC´s coma o Castelo de Santa Cruz e 14 puntos de luz no Monte Santa, cun investimento total de 17,385,42€, a instalación dunha Caldeira de Biomasa para o Centro Cultural da vila cun investimento total de 72.580,57€ e a renovación dun total de 251 puntos de luz do municipio cun investimento total de 98.672,88€.
Esta subvención, cun investimento total que ascende a 919.452,02€, está cofinanciada polos fondos FEDER, cunha achega de 735.561,62€ e unha achega das arcas municipais de 183.890,40€, que será asumida cunha parte do aforro no consumo eléctrico.
Esta subvención está concedida ao amparo dos proxectos singulares de entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Está prevista a licitación deste proxecto no ano 2020.
Deste xeito A Guarda se pon á cabeza da xestión da iluminación pública, cumprindo o obxectivo de adaptar á tecnoloxía led todas as luminarias públicas nos espazos exteriores do municipio, cunha importante redución do consumo eléctrico, ademais do aforro económico e a mellora que conleva esta actuación para o medio ambiente, reducindo en 334,48 toneladas ao ano as emisións de dióxido de carbono e reducindo tamén a contaminación lumínica, permitindo axustar a intensidade dos puntos de luz.
A Feira de Emprego "Ecoimaxín" celebrarase na Guarda do 24 ao 26 de outubro
Os días 24, 25 e 26 de outubro a Casa dos Alonso da Guarda acolle a Feira de Emprego "Ecoimaxín", que este ano contará con charlas e conferencias de especialistas do sector, que falarán sobre todas as novidades e as súas experiencias no mundo empresarial, amosando a todos os asistentes informacións relevantes para a posta en marcha de proxectos empresariais.
O programa da Feira do Emprego e Formación "Ecoimaxín" terá inicio na xornada do xoves 24 ás 9:30h, cun acto inaugural no que se contará coa asistencia do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Formación, Fátima Rodríguez e demais convidados.
Nas xornadas do xoves 24 e do venres 25 terán lugar dúas píldoras formativas a cargo de Sandra Fernández Prado, Consultora e Auditora interna en sistemas integrados de xestión sobre "Novos perfís profesionais demandados polas empresas sostibles" e a cargo de Sandra Touza, Xerente de "Ponle cara al turismo" sobre "Turismo Sostible, impacto no desenvolvemento local", ámbolos dous días en horario de 10:00h a 12:00h.
O xoves 24 entre as 12:30h e as 14:00h realizarase unha ponencia aberta a todo o público sobre a Responsabilidade Social nunha gran empresa.
O venres 25 entre as 12:30h e as 14:00h realizarase unha ponencia aberta a todo o público sobre a Sustentabilidade.
Para pechar esta edición da Feira do Emprego e Formación, a xornada do sábado día 26 de outubro estará adicada a unha Feira de Empresas, que terá lugar de 10:00h a 14:00h e na que se presentará o portal de Emprego da Guarda e de 12:00- 13:00 horas presentaranse empresas eco da contorna.
Esta é a terceira edición da Feira do Emprego e Formación da Guarda, o primeiro ano estivo enfocada no emprendemento a nivel local, a segunda edición na tecnoloxía como motor xerador de emprego e esta edición na sustentabilidade.
A Feira do Emprego e Formación chega un ano máis á Guarda para desenvolver unha ampla programación de actividades ao longo de 3 días, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño, baixo o concepto de sustentabilidade como elemento dinamizador socioeconómico e xerador de oportunidades de emprego. Os participantes terán a oportunidade de asistir a obradoiros formativos en contacto directo con empresas sustentables.
Esta Feira do Emprego e Formación aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.
Máis información e inscricións na OMIX da Guarda, no teléfono 986 61 0000 ext.7 ou no enderezo electrónico informacion@aguarda.es
PROGRAMA ECOIMAXÍN - CONCELLO DA GUARDA
XOVES 24 OUTUBRO
9:30h Presentación e apertura das xornadas
10:00h-12:00h Píldoras formativas:
" Novos perfís profesionais demandados polas empresas sostibles, a cargo de Sandra Fernández Prado, Consultora e Auditora interna en sistemas integrados de xestión (calidade, medio ambiente, prevención riscos laborais e responsabilidade social empresarial) .
" Turismo Sostible, impacto no desenvolvemento local, a cargo de Sandra Touza, Xerente de "Ponle cara al turismo" (consultoría, plans estratéxicos, dinamización territorial, promoción turística e formación en turismo creativo, comunitario e industrial).
12:00-12:30 Descanso
12:30-14:00 charlas/ponencias abertas ao público
" Responsabilidade Social nunha gran empresa, a cargo de Teiga TMI (Servizos Electromecánicos Industriais).
VENRES 25 OUTUBRO
10:00h-12:00h Píldoras formativas:
" Novos perfís profesionais demandados polas empresas sostibles, a cargo de Sandra Fernández Prado, Consultora e Auditora interna en sistemas integrados de xestión (calidade, medio ambiente, prevención riscos laborais e responsabilidade social empresarial).
" Turismo Sostible, impacto no desenvolvemento local, a cargo de Sandra Touza, Xerente de "Ponle cara al turismo" (consultoría, plans estratéxicos, dinamización territorial, promoción turística e formación en turismo creativo, comunitario e industrial).
12:00-12:30 Descanso
12:30-14:00 charlas/ponencias abertas ao público
" Sustentabilidade
SÁBADO 26 DE OUTUBRO
10:00h-14:00h Feira de Empresas
Presentación do portal de Emprego da Guarda a cargo dos responsables municipais do programa
12:00- 13:00 horas presentación empresas eco da contorna: Albergue O Peirao, Proxecto Xe-Mente, O Eixido dos Tendeiros, Biosenza e máis por confirmar.
A Guarda adecúa a tecnoloxía led a totalidade dos puntos de luz do alumeado público do municipio
O Concello da Guarda ven de recibir a resolución favorable por parte do IDAE para a subvención do proxecto de renovación do alumeado público exterior do municipio, que permitirá unha actuación integral sobre 1916 puntos de luz do total de 2688 existentes no municipio, acadando un aforro enerxético dun 65%.
Esta actuación está complementada coa que se acometerá en breve grazas ao proxecto de aforro enerxético promovido pola Deputación de Pontevedra, que permitirá a instalación de 24 puntos de luz en BIC´s coma o Castelo de Santa Cruz e 14 puntos de luz no Monte Santa, cun investimento total de 17,385,42€, a instalación dunha Caldeira de Biomasa para o Centro Cultural da vila cun investimento total de 72.580,57€ e a renovación dun total de 251 puntos de luz do municipio cun investimento total de 98.672,88€.
Esta subvención, cun investimento total que ascende a 919.452,02€, está cofinanciada polos fondos FEDER, cunha achega de 735.561,62€ e unha achega das arcas municipais de 183.890,40€, que será asumida cunha parte do aforro no consumo eléctrico.
Esta subvención está concedida ao amparo dos proxectos singulares de entidades locais para favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Está prevista a licitación deste proxecto no ano 2020.
Deste xeito A Guarda se pon á cabeza da xestión da iluminación pública, cumprindo o obxectivo de adaptar á tecnoloxía led todas as luminarias públicas nos espazos exteriores do municipio, cunha importante redución do consumo eléctrico, ademais do aforro económico e a mellora que conleva esta actuación para o medio ambiente, reducindo en 334,48 toneladas ao ano as emisións de dióxido de carbono e reducindo tamén a contaminación lumínica, permitindo axustar a intensidade dos puntos de luz.
A Guarda mellora a reciclaxe e compostaxe
O concelleiro de Servizos do Concello da Guarda, Miguel A Español, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, reuníronse no mes de setembro na sede de SOGAMA en Cerceda na sede desta empresa pública en Cerceda, onde puideron comprobar o funcionamento da nova planta de recuperación de materiais.
O concelleiro de Servizos do Concello de A Guarda (Pontevedra), Miguel A. Español, desprazouse xunto con membros do equipo de recollida municipal de residuos e voluminosos, para manter unha xuntanza co presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e estreitar a colaboración para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.
Segundo Miguel Español as taxas locais de reciclaxe están sendo boas, o certo é que o Concello da Guarda aspira a melloralas, toda vez que isto redundará nun maior beneficio ambiental e económico.
Neste sentido, o concelleiro trasladou o éxito e a boa acollida do programa de compostaxe doméstica que se está desenvolvendo no municipio da man de Sogama e no marco do cal posibilitouse que 263 familias xa estean convertendo en abono a fracción orgánica dos refugallos domésticos. Desta forma, conseguen pechar o ciclo de reciclaxe da mesma e evitan o seu depósito nos contedores verdes xenéricos, minimizando gastos.
Trasladou a petición para a subministración dunha nova partida de composteiros a fin de estender as prácticas de autocompostaxe a novas vivendas unifamiliares do municipio que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante, prevendo levar a cabo campañas de concienciación social en materia de medio ambiente.
Así mesmo, dou conta das limitacións coas que concellos coma o da Guarda se atopan nos meses de verán para organizar a loxística de recollida e xestión dos residuos, xa que a poboación turística increméntase substancialmente e deben dobrarse esforzos para manter o municipio en boas condicións ambientais e de salubridade.
O obxectivo de Miguel A. Español é reforzar o número de contedores de recollida selectiva nas rúas de A Guarda, seguir impulsando a compostaxe doméstica e optimizar a recollida de vidro no ámbito da hostalaría con novos recipientes adaptados.
Trala reunión, Javier Domínguez convidou ao concelleiro e acompañantes a facer un percorrido polas instalacións do Complexo Medioambiental de Sogama, onde puideron ver, guiados polo Xefe de Produción da entidade, o itinerario que seguen os residuos, tendo a oportunidade de constatar o bo funcionamento da nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e que permitirá a Sogama incrementar a súa achega á reciclaxe e alcanzar no ano 2020 o vertido técnico cero.
Actividades programadas na Guarda na primeira fin de semana de outubro
Esta fin de semana A Guarda acolle varias actividades entre as que destacan a apertura da exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, a actividade "Elas pintan moito" e o Festival "Folclore no Camiño".
SÁBADO 5
O sábado día 5 de outubro o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolle ás 11:30h a actividade "Elas pintan moito", unha sesión de contos para público familiar baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron.
Nesta actividade, enmarcada no Programa Ler conta moito 2019 de Igualdade e Violencia de Xénero e organizada pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración co CIM Centro de Información á Muller, abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotiá ata o da creación artística.
O obxectivo é a dinamización da lectura que promova a igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero.
Ás 20:00h o Auditorio de San Bieito da Guarda acolle "Folclore no Camiño", un Festival do Patrimonio Inmaterial do Camiño de Santiago Portugués da Costa, organizado pola Asociación Cultural Interfolc.
Unha experiencia que pon en valor o patrimonio inmaterial das poboacións polas que transcorre o Camiño de Santiago portugués da costa e no que participarán a A.F. Lembranzas Galegas (Vigo), a A.F. Vento Mareiro (A Guarda), o G.B. Xamaraina (A Guarda) e a G.E. Areosa (Viana do Castelo).
Este ano a exposición filatélica EXFIMIÑO 2019, organizada dende a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, na súa XXIII edición estará dedicada ao edificio do Hospital Casa Asilo de A Guarda, edificio que alberga hoxe en día o Centro Cultural da vila.
Esta mostra filatélica terá lugar do 5 ao 13 de outubro, na Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda, sendo os días 7, 8, 9 e 10 as visitas guiadas pola exposición para escolares e público en xeral.
O programa de actos da EXFIMIÑO 2019 comeza xa este sábado día 5 de outubro as 11 horas coa apertura da exposición. A mostra contará como ven sendo habitual, con coleccións de distintos lugares de Galicia, expostas en distintas modalidades filatélicas(Tradicional, temática un cadro, clase aberta.... ) e tamén haberá algunha colección de numismática.
Adxudicada a obra de mellora do acceso á praia do muíño da Guarda
A actuación enmárcanse dentro do proxecto Visit Rio Minho, cofinanciado ao 75% polos fondos FEDER
A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar a obra de mellora do acceso á praia do Muíño de A Guarda á empresa Marconsa S.L. por un importe de de 168.287,34 euros.
A actuación forma parte do proxecto de cooperación europea 'Visit Rio Miño', de Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, do que a Deputación provincial é socia.
Trátase dun proxecto redactado polo departamento de urbanismo do Concello da Guarda. Os obxectivos desta actuación de mellora do acceso da praia do Muíño son: a recuperación e protección do espazo e a mellora do acceso aos servizos da praia por parte da cidadanía.
O proxecto contempla a construción dunha rotonda para regular o tráfico, darlle continuidade á senda litoral para unila coa fluvial e a creación dunha ampla área de uso exclusivo para as persoas.
Estas obras enmárcanse na actividade 4 do proxecto de cooperación europea Visit Rio Minho destinada á mellora e posta en valor da rede de sendeiros verdes transfronteirizos situados a ambas marxes do río Miño, a praia do Muíño conta con Bandeira Azul dende hai anos.
Visit Rio Minho, está confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
Inherente Teatro presenta na Guarda a obra teatral "Velliñas"
O vindeiro mércores día 16 de outubro de 2019 a Praza do Reló da Guarda acolle a representación teatral de "Inherente teatro - Velliñas", enmarcado na programación Camiño A Dentro promovida por O Teu Xacobeo da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
Inherente teatro foi creado no ano 2019 por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti, tres actrices tituladas pola ESAD de Galicia. Coa súa primeira obra, Dramaturxia das mulleres, foron finalistas no VII Certame de Novos Investigadores Teatrais en Sevilla, e participaron en numerosos festivais como o FETEGA na súa XXVII edición , o II Encontro Mulleres Creando dentro do FITO ou a XXXIV Mostra Internacional de Teatro Cómico de Cangas. No 2018 únese como membro da compañía a actriz Noa Covelo. Combinan o seu traballo como intérpretes con talleres formativos de creación escénica.
A cita na Guarda será o mércores 16 de outubro ás 18:30h da tarde na Praza do Reló, en caso de choiva será nos baixos do Concello.
Migallas teatro trae á Guarda este sábado "Elas pintan moito"
O sábado día 5 de outubro o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolle ás 11:30h a actividade "Elas pintan moito", unha sesión de contos para público familiar baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron.
Nesta actividade, enmarcada no Programa Ler conta moito 2019 de Igualdade e Violencia de Xénero e organizada pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración co CIM Centro de Información á Muller, abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotiá ata o da creación artística.
Durante a sesión, as nenas e nenos, alén de coñecer as principais obras destas pintoras, descubrirán facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade que as rodeaba.
Tamén se anima a desenvolver as capacidades creativas das nenas e nenos sen ningún tipo de traba e de ideas preconcibidas.
O obxectivo é a dinamización da lectura que promova a igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero.
Aberto o prazo para solicitar axudas de alugamento de vivendas
O Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa que está aberto o prazo para solicitar as Axudas ao alugamento de vivendas plan estatal 2018-2021.
O prazo para a presentación das solicitudes rematará o día 11 outubro 2019.
Para máis información e tramitación da axuda, poden dirixirse ó Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda.
O horario de atención é de 9:00 a 13:00h, os luns, mércores e xoves.
O GES da Guarda conta con novo material para a loita contra a vespa velutina
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal GES da Guarda ven de recibir, por parte de Medio Rural da Xunta de Galicia, novos equipamentos para a loita contra a vespa velutina.
O nacionalista Miguel Fernández, encargado da Concellería de Emerxencias, manifestou que "deste xeito renovase o equipamento que do que xa dispoñía o GES da Guarda, garantido a seguridade do persoal, cuns equipos de traballo axeitados e eficaces para este tipo de incidencias".
O tenente-alcalde da Guarda, Anxo Baz, realizou a entrega do novo material na base do GES da Guarda na Sangriña o pasado martes e adiantou que, tralas xestións feitas nos últimos meses que deron ca adquisición da moto acuática a e deste equipamento, está a espera da renovación do parque móbil cun novo camión de bombeiros, que se fará efectiva nas próximas semanas
Neste senso o GES da Guarda, dende o programa control velutina, a través do 012, leva xestionado aproximadamente un total de 370 incidencias dende o 11/06/2016 ao 11/09/2019.
Profesionais do sector participarán do 17 ao 19 de outubro no I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía no Río Minho
As inscricións son gratuítas e pódense tramitar a través da páxina www.encontroriominho.eu
Os días 17, 18 e 19 de outubro A Guarda e Caminha acollerán o "I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho" organizado polo proxecto Visit Rio Minho. Estas xornadas están especialmente orientadas a profesionais e persoal técnico do sector turístico e gastronómico do territorio relacionados cos ámbitos da animación, natureza, hostalería, industria vitivinícola, restauración, vivenda rural, sendeirismo, emprendemento do sector do turístico e gastronomía, así como persoal técnico municipal relacionado coa información e promoción turística, cultural ou de natureza.
O xoves 17 de outubro celebrarase o "I Congreso de Turismo do Rio Minho na Guarda, unha actividade, dedicada a profesionais do turismo xa sexa do ámbito empresarial como da administración pública, que contará coa participación de numerosos expertos e expertas deste ámbito. Pola tarde haberá unha sesión de formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.
A gastronomía en todas as súas vertentes ocupará a xornada do venres 18 en Caminha. As "I Xornadas de Gastronomía do Rio Minho" dividiranse nunha sesión de mañá, exclusiva para profesionais da gastronomía, onde haberá un debate e un showcooking, e unha sesión de tarde aberta a todo o público na que se combinarán presentación de produtos, charlas e degustacións.
Por último, o sábado 19 A Guarda e Caminha organizan diferentes actividades de lecer como peche do I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho.
O encontro é a primeira actividade da marca transfronterizo Río Miño / Rio Minho despois da presentación celebrada no Parador de Tui en abril deste ano, e con ela preténdese viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo e pór en valor os seus recursos.
As inscricións son gratuítas e pódense tramitar a través da páxina www.encontroriominho.eu, onde tamén se pode atopar toda a información actualizada.
Esta actividade está promovida pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Estudos Euro Rexionais dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza VISIT RIO MINHO, que conta cun 75% de financiamento FEDER, e do cal tamén forman parte a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, o AECT Río Miño, os concellos de ambas marxes do Miño, Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar.
"Foclore no Camiño" chega á Guarda este sábado
O vindeiro sábado día 5 de outubro ás 20:00h o Auditorio de San Bieito da Guarda acolle "Folclore no Camiño", un Festival do Patrimonio Inmaterial do Camiño de Santiago Portugués da Costa.
Este festival está organizado pola Asociación Cultural Interfolc, que organiza, desde o ano 1994, o Festival Folclórico Internacional de Vigo, no que se dá cabida a diferentes culturas e ofrécese unha oferta cultural que ata a data non existía en Vigo. A experiencia acumulada ao longo destes 25 anos facilita a organización dun festival inédito: Folclore no Camiño.
Unha experiencia que pon en valor o patrimonio inmaterial das poboacións polas que transcorre o Camiño de Santiago portugués pola costa.
A Asociación Cultural Interfolc de Vigo está formada pola Asociación Folclórica Corisco, a Agrupación Lembranzas Galegas e a Banda de Gaitas Xarabal.
No evento deste sábado na Guarda participarán a A.F. Lembranzas Galegas (Vigo), a A.F. Vento Mareiro (A Guarda), o G.B. Xamaraina (A Guarda) e a G.E. Areosa (Viana do Castelo).
O Concello da Guarda impartirá un obradoiro de emprego a 20 desempregados
A Xunta aproba o obradoiro de emprego "Manuel B. Portela VI" de "Atención sanitaria a persoas dependentes no domicilio".
Trátase dun programa mixto de emprego e formación no que os participantes acadarán un certificado de profesionalidade.
A finalidade do obradoiro e mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas posibilitando ao alumnado a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, busque a súa cualificación profesional e inserción laboral nun sector, o asistencial, con unha importante demanda.
A duración do obradoiro será de 9 meses e contará cun investimento de 336.446€.
Os participantes terán un contrato de formación durante a duración do obradoiro.
A selección de candidatos farase a través do INEM e, dado que se trata dunha formación de nivel II, os inscritos como demandantes deberán ter a titulación de graduado na ESO.
Este obradoiro forma parte da Axenda 20 para o Emprego que inclúe, entre os seus obxectivos, mellorar a formación, capacitación e especialización dos traballadores ao longo da vida laboral.
A Xunta entrega una moto acuática para atender emerxencias en zonas de costa da Guarda
O luns día 30 de setembro de 2019 o tenente-alcalde da Guarda, Anxo Baz, asistíu a Riveira onde se fixo a entrega dunha moto acuática para rescates en zonas de pouco calado, con ondas ou fortes correntes e áreas con fondos rochosos e que será empregada dende hoxe polo GES da Guarda.
Esta moto acuática con remolque permitirán aos servizos de emerxencias reforzar o seu equipamento de rescate.
Trátase de embarcacións de gran efectividade para rescates en zonas de pouco calado, con ondas ou fortes correntes e áreas con fondos rochosos, ten una eslora de 3.75 metros, capacidade para tres persoas, un motor de 1800cc e 180cv e ademáis ven equipada con dous traxes de neopreno, gadiola de rescate, cascos e remolque.
Segundo Anxo Baz, este novo equipamento de rescate ven a mellorar a calidade e resposta da seguridade na zona transfronteiriza do Río Miño e do mar na Guarda, cun tempo de resposta moito menor, que repercutirá positivamente en situacións de risco ou emerxencias.
A Guarda acolle o 24 de novembro unha nova edición do Trail do Trega
O vindeiro 24 de novembro A Guarda acolle unha nova edición do Trail do Trega, un evento deportivo que contará con varias opcións competitivas coma a Experiencie 12k, Advance 18k e unha andaina popular de 12km.
A Advance 18k terá un desnivel acumulado de 1.111 metros, mentres que a Experience 12k terá 650 metros acumulados, con saída e chegada dende a Alameda da Guarda.
Haberá premios para as diferentes categorías e as inscricións xa están abertas a través da web www.traildotrega.es
"A Guarda, Mar de sal. Posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos" proxecto finalista dos II Premios Economía Azul
O pasado venres día 27 de setembro de 2019 foron presentados a segunda edición dos Premios da Economía Azul promovidos dende a Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro co obxectivo de motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).
O proxecto "A Guarda, Mar de sal. Posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos" resultou finalista dos II Premios Economía Azul na categoría de Diversificación, recoñecendo os mellores proxectos de desenvolvemento sostible nas zonas pesqueiras galegas, aprobados no marco da implantación das EDLP dos GALP.
Dende o martes 1 de outubro se abren as votacións dos proxectos a través da web galp.xunta.gal, cada persoa poderá votar a un proxecto en cada unha das 5 categorías ata o 20 de outubro. O proxecto que reciba máis votos en cada categoría será o que resulte premiado o día 25 de outubro na gala que se celebrará no Salón de Convencións do Edificio CINC da Cidade da Cultura. Os galardóns non teñen dotación económica, pero supoñen un recoñecemento público para os proxectos destacados.
|