|
O Concello de Tomiño vén de aprobar un axuda máis de 150.000 € para a Comunidade de Usuarios de Sobrada que suporá a construción de novas instalacións para abastecemento de auga
O goberno de Tomiño considerou que a Traída de augas estaba nunha situación excepcional e aprobou co respaldo do resto das traídas do municipio este investimento extraordinario
Onte o pleno do Concello municipal de Tomiño aprobou por unanimidade un investimento de 150.000€ mediante unha modificación de crédito con cargo a remanente de tesourería en concepto de axuda a Comunidade de usuarios de Sobrada para a construción das novas instalacións para abastecemento de auga.
A construción de novas instalacións darán servizo a 130 usuarios dos barrios de Monte, Portela, Gándara, Gandariña e Cruceiro. Sobrada é un dos núcleos con maior crecemento poboacional do concello e actualmente abastece aos veciños e veciñas a través de dúas traídas de augas, a de Torrón e a de Sobrada. É esta última a que recibirá a colaboración municipal co respaldo do resto das traídas de augas do municipio. Un proxecto necesario e urxente pola gran cantidade de novos usuarios, polo sistema de distribución existente obsoleto e ineficente que non admite novos enganches e pola elevada contaminación dos seus acuíferos . Cuestións que fan necesaria a creación de novas instalacións que ademáis beneficiará ao CEIP Sobrada con máis de 200 alumnos e alumnas.
A construción dun novo sistema suporá por un lado, satisfacer as numerosas demandas de conexión e facelo con garantías de calidade sanitaria. Trátase dun abastecemento con calidade no servizo no que se inclúen melloras na presión, e tamén uns menores custos por usuario xa que o sistema pasa a unha rede de distribución común na que os custes fixos asociados ás instalacións como cloradores, decantadores, clorímetros,... repártense entre un maior número de usuarios. A isto engádese as vantaxes para o CEIP Sobrada con alumando de niveis infantís e primaria e con servizo de comedor que disfrutarán de melloras na calidade do servizo para o persoal e o alumnado.
O Concello de Tomiño ademáis da aportación mediante a modificación de crédito aprobada na tarde de onte, vén colaborando coas traídas de augas do municipio mediante unha bolsa de axudas anuais con máis de 50.000 € ademáis do apoio loxístico e técnico. No caso da Traída de augas de Sobrada, o Concello de Tomiño xa correu cos gastos do proxecto técnico e da dirección de obra que foron abonadas no exercicio 2018 e que ascenderon a 30.000€.
A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que "esta modificación de crédito foi aprobada por unanimidade da Corporación. Un consenso plenario para executar esta obra que vén corroborar que o compromiso do goberno local foi acertado." A rexidora tamén salientou que "no pleno tratouse a posibilidade de rebaixa do ICIO porque consideramos que ao ser unha obra de interese municipal non debe pagar esta tasa".
19 EMPRESAS EUROPEAS E PENINSULARES VISITAN O BAIXO MIÑO E O NORTE DE PORTUGAL CO OBXECTIVO DE ESTABLECER FUTURAS RELACIÓNS COMERCIAIS
SANDRA GONZÁLEZ DESTACA A CALIDADE E RELEVANCIA SOCIOECONÓMICA DO SECTOR AGRARIO NA COMARCA
Procedentes de Reino Unido, Bélxica e Francia, ademáis de Galicia, España e Portugal, 19 empresas de toda a cadea do sector agro visitan estes días o territorio transfronteirizo para coñecer a calidade dos seus produtos e servizos e manter reunións nas que formalizar futuros acordos comerciais.
O obxectivo desta primeira Misión Comercial Inversa, que fora presentada na pasada Mostra de Cultivos celebrada en Goián en Marzo, é contribuír ao posicionamento do sector agro de Baixo Miño e do norte de Portugal "dando a coñecer de primeira man a potenciais clientes e compradores os produtos e servizos agrarios da comarca", achegando á zona novas oportunidades de negocio mediante un "mecanismo realmente eficiente para chegar a novos mercados", en palabras dos organizadores.
Entre o 18 e o 20 de setembro, máis de 50 representantes de 30 empresas participarán activamente en diferentes reunións bilaterais. Ademáis, o xoves 19 realízase unha visita ao Festival de Xardins de Ponte de Lima e a distintas empresas portuguesas, adicándose o venres 20 ás visitas programadas a viveiros e á comercializadora do Baixo Miño.
Para Sandra González, alcaldesa de Tomiño, esta iniciativa "é unha nova mostra da calidade do noso sector agrario e da súa relevancia socioeconómica para o presente e futuro da nosa comarca" o que motivou que a Eurocidade considere o apoio á dinamización e proxección exterior do sector "unha das prioridades na súa axenda de cooperación transfronteiriza".
A Misión Comercial Inversa, organizada por acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño), en colaboración coa Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN), está promovida pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, no marco das actividades de dinamización da economía local transfronteiriza contempladas no proxecto da 'Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño', co-financiado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da UE.
Tomiño organiza as "Xornadas feministas para o fomento da participación de mulleres novas"
A actividade, que contará con recoñecidas profesionais do mundo do feminismo e de diversos sectores , celebrarase no salón de plenos, entre o 23 e o 27 de setembro en horario de tarde
O Concello de Tomiño organiza as "Xornadas Feministas para o Fomento da Participación das Mulleres Novas", dende o luns 23 até o venres 27 de setembro, en horario de tarde.
As charlas e demais actividades terán lugar no salón de plenos do Concello, entre as 16.00 e as 21.00 horas, e contarán coa presenza de figuras de recoñecido prestixio no campo do feminismo, o pensamento crítico, o asociacionismo con perspectiva de xénero, a acción colectiva, a autoestima e a identidade persoal e social.
Entre as poñentes convidadas estarán Nanina Santos Castroviejo (escritora, integrante do consello de redacción da revista de pensamento feminista Andaina e figura histórica do movemento feminista galego), Ania González (avogada e crítica cultural, especialista en Teoría Crítica do Discurso, colaboradora en diversos colectivos independentes e de autoxestión e crítica de arte en Babelia-El País), ou Diana López Varela (xornalista e escritora, autora de "No es país para coños"; directora da curta "Feminazi" e colaboradora en diversos medios de comunicación) que presentará o seu libro "Maternofobia. Relato de una generación enfrentada a la maternidad".
A través de cinco xornadas, as persoas que participen analizarán o feminismo como teoría e movemento emancipador e a súa contribución aos cambios sociais; experiencias na participación activa das mulleres e a reivindicación de dereitos; procesos de empoderamento, xestión e práctica na constitución de asociación, emprego.... Charlas, debates e obradoiros prácticos dirixidos a mulleres novas que desexen coñecer a nosa historia e contribuír activamente a facer posible que o conto siga mudando até que a igualdade sexa, por fin, unha realidade", explica Cristina Martínez, concelleira delegada de Igualdade, Benestar e Educación.
Para poder asistir é preciso inscribirse previamente na web municipal (www.tomino.gal) xa que as prazas son limitadas. Para as persoas que o soliciten, haberá servizo de gardería.
PROGRAMA
Luns 23 de setembro:
O ASOCIACIONISMO DE MULLERES E FEMINISTA: DA EXPERIENCIA INDIVIDUAL Á ACCIÓN COLECTIVA"
- De 16.00 a 16.15: Recepción
- De 16.15 a 16.30: Inauguración das Xornadas.
- De 16.30 a 17.30: Conferencia de Nanina Santos Castroviejo: escritora, , musicóloga, integrante do consello de redacción da Revista de pensamento feminista Andaina e histórica do movemento feminista galego.
- 17.30 - 18.30: Conferencia da Representante de Federación de Mujeres Jóvenes.
- 18.30 - 19.00: PAUSA PARA CAFÉ.
- 19.00- 20.00: Andrea Barreira: escritora, integrante do colectivo de crítica literaria feminista A Sega e colaboradora habitual da Libraría de Mulleres Lila de Lilith.
- 20.00 - 21.00: Debate.
Martes 24 de setembro:
- De 16.00 a 17.20: "IDENTIDADE FEMININA E EQUIDADE ENTRE HOMES E MULLERES", Obradoiro impartido por Paula Suárez Gullón (directora de Positivando gabinete psicopedagóxico, delegada en Galicia ECAI Balbalika, Socia Colaboradora TDAH Salnés, secretaria de Empresarias Galicia, directora e presentadora do programa "De Viva Voz", en Single Radio).
- De 17.20 a 17.40: PAUSA PARA CAFÉ.
- De 17.40 a 18.30: CONFERENCIA "AUTOESTIMA E IDENTIDADE PERSOAL. DA REVOLUCIÓN FEMININA Á CONSTRUCIÓN SOCIAL", impartida por Paula Suárez Gullón.
- De 19.00 a 20.00: CONFERENCIA; "A DIFERENCIACIÓN COMO EIXO DE ACCIÓN NA PROCURA DE EMPREGO", impartida por Fátima Rodríguez Marcos, licenciada en Psicoloxía e xerente de Talentea.
Mércores 25 de setembro:
- De 16.00 a 17.30: OBRADOIRO " ESTIMULACIÓN DA CREATIVIDADE ENFOCADA AO PROCESO DE PROCURA DE EMPREGO", impartido por Fátima de Talentea.
- De 17.30 a 18.00: PAUSA PARA CAFÉ.
- De 18.00 a 21.00: OBRADOIRO "Xogo - un camiño de aprendizaxe, expresión e empoderamento. / A través do teatro de obxectos", realizado por Alba Grande e Andrea Borda.
Xoves 26 de setembro:
Diana López Varela
- De 16.00 a 17.20: Presentación do libro "MATERNOFOBIA. RELATO DE UNA GENERACIÓN ENFRENTADA A LA MATERNIDAD" de Diana López Varela (xornalista e escritora. Autora de "No es país para coños" e directora da curtametraxe Feminazi, entre outras cousas. Tamén colabora con diversos medios de comunicación).
- De 17.20 a 17.40: PAUSA PARA CAFÉ.
- De 17.40 a 19.00: "AUTOESTIMA E EXPECTATIVAS INCUMPLIDAS: A NOVA ENFERMIDADE DAS MULLERES", por Diana López Varela.
- De 19.00 a 20.00: "PROXECCIÓN DA CURTAMETRAXE "FEMINAZI", de Diana López Varela.
Venres 27 de setembro
KIT FEMINISTA PARA ASOCIACIÓNS. Obradorio práctico para a creación e xestión de asociacións con perspectiva de xénero.
16:00. a 18:30: Constitución, órganos de goberno e funcionamento das asociacións. O consenso e toma de decisións con perspectiva de xénero. Réxime fiscal e financiamento. Subvencións. A contratación pública
18:30h: PAUSA PARA CAFÉ
19:00 a 21.00h.: Outra normativa aplicable a asociacións : Protección de datos, dereitos de imaxe e propiedade intelectual. Organización de actividades. Coxestión de espazos públicos. Programas para o fomento do feminismo no movemento asociativo.
Ania González: avogada e crítica cultural, especialista en Teoría Crítica do Discurso, Museoloxía, Imaxinación Política e Feminismos. Colaboradora en diversos colectivos independentes e de autoxestión, e crítica de arte en Babelia-El País.
Rafael Anido: avogado e dinamizador cultural. Membro do equipo do espazo autoxestionado Nave 1839 (A Coruña) e músico colaborador en diferentes colectivos
Tomiño recoñece a contribución de José María Gude coma mestre e na recuperación da cultura e tradicións
Autoridades locais e doutros concellos, familiares, amigos, ex-alumnos e integrantes do grupo Airiños de Tebra, arrouparon ao homenaxeado
Afincado en Tebra,ex mestre de Tomiño no CEP Pedro Caselles, José Mª "Pepe" Gude, foi homenaxeado polo Concello de Tomiño, nun acto cívico, celebrado odomingo na Praza do Seixo, non marco das festas patronais do Alivio 2019.
Políticos da corporación local do Concello, homenaxeados en anos anteriores; representantes da , Garda Civil, Policía Local e Protección Civil; alcaldes e concelleiros da comarca; familiares, amigos, veciños e ex-alumnos, arrouparon ao homenaxeado nun acto sinxelo e emotivo , no que tamén participaron a Agrupación Musical de Goián e o Grupo Airiños de Tebra (cuxa creación liderou Gude hai medio século).
Decenas de persoas congregáronse na Praza do Seixo, para asistir ao Acto Cívico que, hai algo máis dunha década, comezou a celebrar o goberno local, co propósito de recoñecer a contribución de persoas "que foron un exemplo a seguir, que abriron camiños e que achegaron a súa valía para facer de Tomiño un lugar mellor", coma lembrou a alcaldesa Sandra González na súa intervención.
Pepe Gude, coma o coñecen na vila, foi o primeiro en falar, dando ás grazas ao Concello por pensar nel coma alguén digno de tal homenaxe. Porén non quixo aceptar adistinción coma persoal, senón compartida "con tantas persoas, compañeiros, ex-alumnos, que estiveron ao meu lado, axudándome a conseguir cousas, que se implicaron activamente en recoller e reflectir valores e tradicións do noso pobo" Asemade comparteu o galardón cos integrantes do Grupo Airiños de Tebra, presentes na homenaxe, polo seu esforzo e dedicación en manter viva a música e as tradicións,repasando a súa traxectoria, que os levou por distintos puntos de Galicia, España, Portugal, Arxentina e Uruguai.
A alcaldesa Sandra González, pola súa banda, agradeceu a todos os presentes, especialmente á Agrupación Musical de Goián e a Airiños de Tebra, que amenizaron o acto. Referiuse ao homenaxeado coma a "unha persoa comprometida coa sociedade, a cambio de nada; que sempre vai pedindo para os demais, non para el; un coleccionista de lendas e palabras; un mestre que chegou ao corazón do seus alumnos e alumnas, ensinándolles a valorar o máis próximo e devolvendo a dignidade cultural ás nosas parroquias e ao que temos máis cerca".
|