|
Máis de 8.000 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia neste verán
As cifras de peregrinos que fan o Camiño da Costa ao seu paso por Oia rexistran un importante aumento
Un total de 8.218 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia nesta tempada de verán, na que dúas técnicas de turismo contratadas polo Concello prestaron servizos de información entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.
Segundo as estatísticas recompiladas polo persoal da oficina, situada no casco histórico (barrio do Arrabal), do total de 8.218 visitantes, 3.560 foron peregrinos e 4.658 turistas.
O total de visitantes rexistrados neste verán supón un aumento de 1.598 persoas respecto ao verán de 2018, cando se rexistraron 6.620 visitantes (dos que 1.968 foron peregrinos e 4.652 turistas). Comparando os resultados obtidos nos dous períodos, destaca especialmente o incremento de persoas que fan o camiño da Costa ao seu paso por Oia.
En canto aos principais lugares de procedencia dentro de España, destacan os visitantes doutros puntos de Galicia (1.146 persoas) e da Comunidade de Madrid (1.162 persoas), seguidos das persoas que viaxaron desde Castela e León (554) e Andalucía (449).
No que respecta a visitantes de outras nacionalidades, detectáronse persoas procedentes de máis de 40 países distintos, sendo Portugal (con 1.116 visitantes) o principal lugar de procedencia. A bastante distancia séguenlle países como Italia, Alemaña, Francia e Inglaterra.
Os principais comentarios expresados polas persoas que pasaron pola oficina de turismo foron relativos á beleza da paisaxe, o Mosteiro de Oia e a oferta de restauración do municipio.
O servizo de información na oficina foi prestado por dúas técnicas de turismo. A contratación dunha delas contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través dunha subvención que cubriu o 75% dos custos totais.
Novo material informativo
Por outra parte, o Concello de Oia vén de publicar diversos materiais de promoción turística do municipio, que estiveron dispoñibles durante todo o verán para as persoas que se achegaron pola oficina de información turística situada no Arrabal (Praza da Centinela). Principalmente reeditáronse os materiais con maior demanda e tamén se publicou algún novo folleto.
A principal novidade deste verán foi o políptico titulado "Oia, vida en estado puro. + de 35 lugares que visitar", o cal reúne información sobre os principais atractivos turísticos e patrimoniais do municipio (Mosteiro de Oia, Pozas de Mougás e de Loureza, castro e petróglifos da Cabeciña, Pozo do Arco, Camiño Portugués da Costa, etc.) xunto cun detallado plano.
Así mesmo, reeditáronse dous dos materiais máis solicitados: a guía turística de Oia (un caderno de 15 páxinas a cor con textos, fotografías, mapas e información práctica sobre recursos turísticos e servizos do municipio) e o tríptico informativo sobre a Igrexa do Mosteiro de Oia. Este último folleto, titulado "Unha paisaxe por descubrir: Mosteiro de Santa María de Oia", foi elaborado por Acamo (Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia) e contén información histórico-artística.
Para a publicación de todo este material, o Concello de Oia contou cunha subvención da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019, liña 2.
Campionato do xogo da ra este domingo en Oia
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de setembro
A Praza da Centinela, no barrio histórico de Oia, acollerá o próximo domingo un campionato do xogo tradicional da ra, que se desenvolverá a partir das 17.00 horas. A actividade é gratuíta e require de inscrición previa.
A competición será en modalidade individual e constará de dúas roldas de 10 tiradas cada unha. A orde das tiradas fixarase segundo a orde de inscrición.
Poderán participar no campionato as persoas maiores de 15 anos que se inscriban previamente no número de teléfono 639.32.94.93 (Concello de Oia). O prazo para apuntarse está aberto ata o sábado 21 (incluído).
As persoas inscritas deberán presentarse na Praza Centinela o domingo ás 16.15 horas, para dar comezo á competición ás 17.00 horas. En caso de choiva a actividade aprazarase ao domingo 29 de setembro.
O Concello de Oia avanza na actuación do camping Pedra Rubia
A operación suporá a compra de 17.012,90 m² de solo rústico e financiarase con 120.000 euros procedentes de remanentes de tesourería e outros 80.000 euros achegados pola Xunta
O Concello de Oia avanza na actuación que suporá a compra dos terreos do antigo camping Pedra Rubia, situado na zona do Aguncheiro (Mougás), co obxectivo de recuperar este enclave con usos como zona de esparcemento, usos deportivos e de lecer.
Así, a corporación municipal aprobou o inicio do expediente de compra do terreo no pleno extraordinario do pasado 5 de setembro. O acordo foi aprobado por unanimidade, co apoio dos grupos municipais do PP, PSOE e BNG.
A operación suporá a compra dunha parcela de 17.012,90 metros cadrados de solo rústico e financiarase con 120.000 euros procedentes de remanentes de tesourería e outros 80.000 euros que serán achegados pola Xunta a través dun convenio.
Parcelamento
A parcela do antigo camping Pedra Rubia ten unhas dimensións totais de 19.000 metros cadrados, dos cales 17.012,90 metros cadrados corresponden a solo rústico e o resto a solo urbano de núcleo rural. O Concello procederá á compra da área de solo rústico, polo que cómpre facer un parcelamento do terreo.
Este parcelamento deberá recibir o visto e prace de Costas e máis de Patrimonio, tramitacións nas que xa se está a traballar para poder proceder á compra-venda.
Visita aos terreos
A alcaldesa, Cristina Correa, e máis o concelleiro de Medio Ambiente e Persoal, José Manuel Rodríguez; veñen de realizar unha visita aos terreos do camping acompañados polo arquitecto responsable do parcelamento da zona, Luis Miguel Zozaya.
A visita serviu para explorar e visualizar distintas posibilidades de recuperación do lugar a través de usos de esparcemento, deportivos e de lecer, en consonancia coas instalacións que xa existen e que presentan un importante estado de deterioro. Entre estes equipamentos atópase a antiga recepción do camping, os vestiarios e almacéns, a zona de aseos e duchas, o edificio da que fora a cafetería-restaurante e unha pista polideportiva, así coma unha piscina.
|