|
Horário do Ferry (17 a 22 de Setembro)
CURSO gratuíto de "ECONOMÍA FAMILIAR"
Convocamos un Curso de Economía Familiar enmarcado dentro do Programa de Formación e Inserción Social e Laboral da Asociación Érguete Baixo Miño cunha duración de 80 h (60 presenciais + asesoramento e titorías individualizadas) O inicio será este mes de setembro en horario de 09:00 a 14:00 h, unha mañá por semana en cada Concello, e impartirase nos Concellos de A Guarda e Tomiño.
As prazas son limitadas a 10 participantes e o curso é totalmente gratuíto.
Os obxectivos e contidos que desenvolveremos axudarán ao alumnado a:
-Organizar as contas domésticas e distribuír mellor o seu presuposto
-Acadar un mellor control de gastos/ eliminar gastos superfluos
-Aprender como levar unha organización do fogar máis efectiva e saudable aforrando cartos
Esta actividade está subvencionada pola Consellería de Política Social, o Fondo Social Europeo 2014/2020 e polas cotas dos/as socios/as da Asociación.
Solicita máis información na r/Colón, 20 (Edificio O Pescador 1º piso) de A Guarda (Pontevedra), no teléfono 986 614 407- 640086376 ou no e-mail info@erguete.org
A Guarda
A Guarda conmemora o Día Mundial do Turismo cunha visita nocturna polo casco urbano
O Concello da Guarda organiza con motivo do Día Mundial do Turismo unha visita guiada polo rico patrimonio existente no casco urbano da Guarda.
Despois da boa acollida das visitas singulares que tiveron lugar durante este verán escolleuse celebrar esta data para coñecer parte da historia do noso municipio, pero co encanto da noite guardesa.
A cita terá lugar o vindeiro sábado día 28 de setembro e a visita guiada sairá ás 23:00h dende a Oficina de Turismo da Praza do Reló.
Esta visita guiada ten unha duración aproximada dunha hora e rematará no Pirún, un miradoiro que ofrece unha excelente panorámica nocturna sobre o Porto da Guarda.
Non é preciso inscribirse pero si que se recomenda levar unha lanterna.
A Guarda
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 4 e sábado 5 de outubro
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 4 e sábado día 5 de outubro.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 4 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:00 ás 21:00 horas e o sábado 5 en horario de 10:00 ás 15:00 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
A Guarda
A Guarda conta cunha nova aplicación informática para a xestión das avarías no alumeado público
O martes día 17 de setembro o Concello da Guarda, a través do departamento de Novas Tecnoloxías e Vías e Obras, puxo en funcionamento unha nova aplicación de carácter interno que permitirá unha mellor e eficiente xestión das avarías do alumeado público do municipio.
Grazas a esta nova ferramenta, que conta tamén cunha páxina web, no momento de producirse unha avaría no alumeado público, calquera usuario poderá dar conta da mesma, ben a través da APP municipal ou chamando ao 986 61 0000 nese momento o persoal municipal rexistrará esta incidencia na nova aplicación e, automáticamente coa axuda dunha tablet o electricista recibirá unha notificación da incidencia e terá xeolocalizado o punto de luz onde existe a avaría, facilitando unha solución máis eficiente das incidencias no alumeado público.
Dende o Departamento de Novas Tecnoloxías, Antonio Lomba manifestou que dende fai tempo se leva traballando na mellora das xestións e procesos informáticos para converter A Guarda nunha smartcity ou cidade intelixente, de cara a ofertar uns servizos máis optimizados a áxiles á cidadanía.
A Guarda
A Guarda foi o punto de partida para o Proxecto XacobeoAutismo, Un Camiño de todos
O martes día 17 de setembro tivo lugar na Casa dos Alonsos a recepción aos participantes no proxecto Xacobeo Autismo, un proxecto para persoas con TEA organizado dende a Fundación Menela e co apoio do Concello da Guarda, o Concello de Nigrán e a Xunta de Galicia.
Na recepción oficial participaron Cipriano Luis Jiménez Casas, director xeral da Fundación MENELA; Juan A. González Pérez, alcalde de Nigrán; Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Beatriz Lomba Rodríguez, concelleira de Turismo e Servizos Sociais e Anxo Baz, Tenente de alcalde de A Guarda.
Desta volta participaron persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) do Centro Castro Navás - Fundación Menela, acompañados por profesionais especializados da entidade e da Asociación Avelaíña e do Centro San Xerome.
Despois da recepción oficial iniciaron o seu camiño, a ruta que vai paralela a liña costeira, durante un percorrido de 10 quilómetros que hai ata Portecelo, fin da primeira etapa. En total realizarán un tramo do Camiño Portugués da Costa dende A Guarda ata Nigrán, organizado en 7 etapas que transcorreran durante os meses de setembro e outubro, e nas que se achegarán a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa gastronomía e a nosa arte.
A Guarda
Nova directiva do Club da Terceira Idade da Guarda
O martes día 17 de setembro de 2019 a concelleira de Servizos Sociais, Bea Lomba, realizou unha visita ao Club da Terceira Idade, sito na primeira planta da Casa do Mar ao carón do Auditorio de San Bieito, para coñecer á nova directiva deste club, que tomou o seu cargo o pasado 17 de xullo. Dende a concellería de Servizos Sociais se vai a continuar o traballo de apoio e coordinación nas actividades que se organizan dende este colectivo guardés.
Segundo manifestaron dende a nova directiva, o Club da Terceira Idade da Guarda encara unha nova etapa chea de ilusión a actividades, xa non so para os mais maiores, senón que abren as portas a todas as idades para favorecer o intercambio xeracional e interactuar coa veciñanza guardesa.
Ao longo do ano o Club da Terceira Idade realiza varios cursos como o de bordado, bolillos, manualidades, Tai-Chi, Natación, entre outros. Tamén se organizan diferentes excursións e actividades musicais, contando cunha coral e un grupo de gaitas. Todas as persoas que estean interesadas poden ampliar información ou inscribirse chamando ao 986 61 0369 no horario de apertura da oficina: de 10:00h a 12:30h. Tamén se poden beneficiar dos descontos específicos para socios, prezo simbólico de 1€ ao mes.
Tamén se organizan dúas ceas anuais, coincidindo coa Primavera e o Nadal.
As instalacións do Club da Terceira Idade da Guarda contan cunha ampla zona de bar e cafetería e unha terraza exterior con vistas á zona portuaria, instalacións abertas a todo o público e a todas as idades.
NOVA XUNTA DIRECTIVA:
Presidenta: M. Gloria González González
Vicepresidenta: Isabel Martínez Martínez
Tesoreiro: Franz Anton Krieg
A Guarda
Recreación histórica no Monte Santa Trega este domingo
A Comunidade de Montes de Camposancos en colaboración co Museo Municipal de Etnografía e Historia de Póvoa de Varzim, o Concello da Guarda, a Entidade Local Menor de Camposancos e a Deputación de Pontevedra, organizan o domingo día 22 de setembro a "Festa da Recreación Histórica da Idade de Ferro na Galiza".
Este evento terá lugar no Parque de Chans de Camposancos, no Monte Santa Trega a partires das 15:30h da tarde cunha recreación histórica con base no estudo de materiais arqueolóxicos, comúns entre a Galiza e o norte de Portugal, sobre a vida no poboado castrexo no momento da invasión romana, centrada nos labores cotiáns en relación coa produción metalúrxica, a cerámica, e outras actividades de subsistencia como a agricultura, a pesca e o aproveitamento dos recursos do medio.
Nesta recreación toman parte 50 figurantes, integrantes do grupo de scouts da freguesía de Terroso, en Póvoa de Varzim, que van facer partícipes ao público asistente a esta festa.
Dita recreación obedece ao resultado dunha recollida sistemática de documentación histórica e obxectos arqueolóxicos da denominada Cividade de Terroso, que xunto coa citania do Tegra forman dous importantes poboamentos castrexos do noroeste peninsular.
A recreación está dividida en dúas partes, cunha duración aproximada de 1 hora cada unha, a primeira parte terá lugar de 15:30h a 17:00h, á que seguirá a actuación do grupo musical Cé Orquesta Pantasma co espectáculo "A Voar", especialmente pensado para o público infantil e segunda parte da recreación terá lugar a partires das 18:00h, onde intervirá ademais o teatro de títeres do Museo Municipal da Póvoa de Varzim.
Ademais, durante toda a tarde haberá diferentes espazos no propio parque de Chans, onde as familias poderán desfrutar participando en actividades de xogo libre con brinquedos tradicionais, creación libre e espazos para a lectura e relax.
A Guarda
A Guarda acolle o 23 de setembro a Romaría de Santa Trega
O vindeiro luns día 23 de setembro(festivo local), A Guarda acolle un ano máis a Romaría de Santa Trega, un evento de carácter relixioso e tamén festivo que congrega no Monte de Santa Trega a multitude de fieis e devotos da Virxe de Santa Trega.
Dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolle varias misas ás 8, 9 e 10 da mañá e ás 11:00h Sermón e Solemne Procesión.
Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais poxas de produtos típicos, cunha monumental tarta que sempre agocha algún gran premio no seu interior.
A tradición manda realizar un xantar popular, onde as familias se reúnen para almorzar, cantar e bailar ata a tardiña, onde o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboriles acompañan a sobremesa.
Dende o Concello da Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando maltratar ou acceder a zonas patrimoniais coma a Citania de Santa Trega. Unha ocupación da zona delimitada pode provocar agresións que resulten en danos nas estruturas deste espazo protexido, un dos lugares máis visitados de Galicia e cun valor patrimonial e arqueolóxico único.
A maioría da poboación é consciente de que o xacemento castrexo do monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, e de que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor. Por parte do Concello e do Padroado do monte Santa Trega seguiremos traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio, lembrando que é tarefa de todos mantelo en boas condicións.
A Guarda
Arrancan as obras da mellora da seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta na Guarda
Esta semana iniciáronse as obras de remodelación e mellora da seguridade dos viarios municipais da Rúa Vigo e Celta na Guarda a través do proxecto DepoRemse da Deputación de Pontevedra.
O Concelleiro de Vías e Obras no Rural, Miguel Español e o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitaron esta mañá o arranque das obras na Rúa Vigo.
No entorno destas rúas, da parroquia de Salcidos, A Guarda conta con numerosas instalacións e equipamentos públicos coma o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón Municipal, o IES A Sangriña, o CEIP A Sangriña, o Estadio Municipal da Sangriña, lugares que son frecuentados por milleiros de persoas, na súa maioría rapaces e rapazas, para asistir a estes equipamentos.
Coa posta en marcha deste proxecto se pretende mellorar estes desprazamentos peonís, mellorando a seguridade dos usuarios, peóns e tamén a circulación de vehículos, coa construción dunha glorieta no coñecido coma "cruce dos bechos".
As obras realízanse na Rúa Vigo, dende o enlace coa PO-552 ata o Conservatorio e o enlace coa Rúa Celta, sendo esta actuación unha primeira fase, que se pretende ampliar en futuros proxectos para dar continuidade á humanización da totalidade destas dúas rúas.
O Proxecto de mellora da seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta, conta cun orzamento de 588.235,29 euros, dos cales 500.000 apórtaos a Deputación de Pontevedra e 88.235€ o Concello da Guarda.
Todos os proxectos aprobados, tal e como informou a presidenta da institución provincial, correspóndense con obras completas que melloran a calidade de vida da veciñanza, dan cumprimento á normativa vixente sobre seguridade viaria, foron aprobados polo órgano competente do concello e contan con terreos de titularidade municipal. Ademais, para a valoración de todos eles, tamén se tiveron en conta criterios como a poboación, a extensión da rede viaria municipal, a densidade de poboación e a calidade e madurez dos proxectos, sendo o proxecto presentado pola Guarda, un dos que acadou as mellores puntuacións.
A Guarda
O Concello da Guarda repara a esfera da Torre do Reló
O venres 13 de setembro comezaron os traballos de mantemento e reparación do reló que se atopa antiga torre de procedencia medieval da Praza do Reló, un dos elementos patrimoniais do casco urbano do municipio da Guarda.
Formaba parte da antiga muralla medieval e protexía un dos accesos á vila no máis alto do recinto. No 1570 levantouse a actual torre sobre outra primitiva. Reedificouse no 1730 por ameazar ruína a anterior substituíndose nesta esta data a campá mentres o reloxo mecánico, doado por José Manuel Andreini, data de 1924. No corpo da torre destacan os escudos de armas.
Estes traballos realízanse despois da rotura parcial da esfera do reló, de xeito que estará fora de funcionamento ata que a esfera sexa substituída por unha nova, á vez que se realiza o mantemento do seu conxunto.
Este elemento patrimonial é un dos máis fotografados polos milleiros de visitantes que se achegan A Guarda cada ano, ademais da súa utilidade para ter informado aos veciños da hora.
A Guarda
Apertura de inscricións para as Andainas de Outono na Guarda
O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este outono, no que se inclúen un total de 3 novas andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos serán en Galicia e Portugal.
Andaina 1: Senda da Fraga do Barragán (Pazos de Borbén)
17,3km
Ruta PR-G
ruta circular
Saída ás 9:00 da explanada da Sangriña
Dificultade media
Ruta situada arredor do Río Barragán cun gran interese natural (bosque autóctono), etnográfico (muíños, pontes...) e histórico (restos dun asentamento)
Andaina 2: Nossa Senhora do Minho (Caminha)
12km
ruta circular
Saída ás 9:00 da explanada da Sangriña
Ruta iniciada no santuario de Nossa Senhora do Minho, que goza dunha espectacular vista panorámica de 360º. Dende aí desprazarémonos ao longo da Serra D'Arga, espazo de gran riqueza natural pertencente á rede Natura 2000 e que permite contemplar o mar, os ríos Miño e Lima e diversas vilas e cidades galegas e portuguesas
Andaina 3: Roteiro polos muíños dos ríos do Couso (Gondomar)
12km
ruta circular
Saída ás 9:00 da explanada da Sangriña
Dificultade baixa
Percorrido polas beiras dos ríos Matalagartos e Couso que discorre xunto aos numerosos muíños da zona. A ruta atópase maioritariamente nun húmido e tupido bosque.
O prazo de inscrición para as citadas andainas está aberto do 18 de setembro ata o 30 de setembro, con preferencia para as persoas que se inscriban ás 3 andainas.
Inscricións e información na Concellería de Deportes do Concello da Guarda ou a través do correo electrónico deportes@aguarda.es
A Guarda
As praias fluviais da Guarda participarán este sábado no Día Mundial de Limpeza
O sábado 21 de setembro, Día Mundial de Limpeza, porase en marcha unha limpeza de residuos dende o Puntal na praia do Muíño ata o Codesal.
A promotor desta actividade é a delegación do Porriño de Smurfit Kappa, empresa do sector de embalaxes reciclables, renovables e 100% biodegradables. Esta empresa a nivel nacional puxo en marcha a iniciativa "Better Planet Packing" que busca reducir os residuos que xeran os embalaxes non biodegradables e abordar os desafíos do lixo que termina nos océanos e vertedoiros en todo o mundo.
Unha acción incluída nesta iniciativa é a celebración do Día Mundial de Limpeza e a delegación de Porriño escolleu as praias naturais da desembocadura do Miño para realizar esta campaña de concienciación entre veciños dos concellos da comarca do Baixo Miño e área de metropolitana de Vigo.
A partir das 10.30h do sábado os 200 participantes percorrerán en dous grupos os tres últimos quilómetros da desembocadura do Miño recollendo os residuos e posteriormente os depositarán nos colectores correspondentes para o seu tratamento e reciclaxe. Os participantes están convidados a visitar as instalacións da delegación de Smurfit Kappa O Porriño.
Esta xornada conta coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda e efectivos de Protección Civil do Rosal.
A Guarda
|