|
Máis de 1550 estudantes de Infantil, Primaria e Secundaria comezan un novo curso escolar en Tomiño
Nos centros de Primaria de Barrantes e Sobrada, rexistrouse o maior crecemento das matrículas
Máis de 1550 alumnos e alumnas dos ciclos de Infantil, Primaria e Secundaria, comezan esta semana un novo curso escolar en Tomiño.
Máis de 950 escolares de Infantil e Primaria comezaron onte as clases do curso 2019/2020; 52 máis que o ano pasado. Repartidos nos colexios públicos de Tebra (100 estudantes); Barrantes (97); Goián (147); Sobrada (207); Pedro Caselles (206) e Colexio Rural Agrupado (122), veñen a sumarse aos máis de 600 do IES Antón Alonso Ríos (alumnado da ESO e ciclos de FP) e aos 90 das dúas escolas infantís públicas (O Seixo e Goián). Nos centros de Primaria das parroquias de Barrantes e Sobrada, rexistrouse o maior crecemento de matrículas, con 11 e 8 altas, respectivamente.
A maioría dos centros de Primaria manteñen, en termos xerais, o número de inscricións, rexistrando varias altas, principalmente, nos colexios de Sobrada e Barrantes, O CRA mantén a súa matrícula en 122 nenos e nenas, despois de que o ano pasado sufrira 11 baixas.
Obras mellora
Durante o verán o Concello levou a cabo varias obras de mantemento e reparación dos centros educativos de Primaria coma, por exemplo, a remodelación da Biblioteca CRA, no Seixo, para facela máis accesible, cómoda e segura; melloras no comedor da escola Galiña Azul do Seixo, pistas balonmán e baloncesto no Mosteiro (para uso compartido entre o alumnado do colexio Pedro Caselles e a veciñanza); cambio de chan en tres aulas do colexio de Sobrada, e diferentes obras de mantemento (fontanería, electricidade, limpeza patios, etc.) levadas a cabo por traballadores municipais durante varias semanas. O investimento total de todas estas obras ascendeu a máis de 60.000 euros, de fondos municipais.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valorou positivamente as cifras de escolaridade acadadas, tanto nos centros de Primaria, coma no Instituto, lembrando a importancia de fomentar a educación pública e gratuíta, e por conseguinte a igualdade de oportunidades para todas as persoas, independentemente dos seus recursos económicos.
Aberto o prazo de inscrición para o curso 2019/2020 da Escola de Música Municipal
A escola de música municipal da Agrupación Musical de Goián vén de abrir o prazo de inscrición para o curso académico 2019/2020.
O curso comezará o día 17 de setembro e desenvolveranse nas instalacións da escola, situadas no edificio do Auditorio de Goián.
O alumnado que desexe anotarse poderá facelo no propio auditorio ou poñéndose en contacto coa agrupación musical no correo info@bandadegoian.gal, ou ben, chamando ao número de teléfono 626 799 623 ou o 639 629 684.
A oferta educativa deste ano é ampla e adaptada a todas as idades e necesidades, podéndose optar entre diversos instrumentos e materias, e tendo en conta que as novas incorporacións teñen un mes de proba de balde.
" XARDÍN MUSICAL (3 anos)
" MÚSICA E MOVEMENTO (5 a 7 anos)
" LINGUAXE MUSICAL (de 1º a 5º curso)
" SOLFEXO PARA ADULTOS
" VIOLONCELLO
" PERCUSIÓN
" VENTO MADEIRA: oboe, frauta, clarinete, saxofón e fagot
" VENTO METAL: trompeta, trompa, trombón, bombardino e tuba
" CLASES DE CORO (nova actividade)
Ademais, contan con grupos adaptados ás necesidades de cada alumno para ir progresando na súa formación: CONXUNTO INSTRUMENTAL e BANDA XUVENIL.
A escola de música ten na actualidade máis de 130 persoas estudando distintos instrumentos.
Aberto o período de propostas para o Orzamento Participativo Transfronteirizo Cerveira-Tomiño
Os proxectos, con interese compartido, poden ser presentadas até o día 31 de outubro
Seguindo co compromiso de ambos concellos a prol dun territorio común sustentable, a Eurocidade Cerveira-Tomiño laza a 4ª edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo.
As propostas con interese compartido poden ser presentadas ata o 31 de outubro. Dotado con 20.000 euros, o Orzamento Participativo Transfronteirizo Cerveira-Tomiño é unha das prioridades da Eurocidade Cerveira-Tomiño, coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas beiras do río Miño.
As tres edicións anteriores corroboran a excelente dinámica das poboacións de ambos os dous concellos veciños en aproveitar o intercambio e colaboración existente noutras áreas de interese común, a través da realización de accións e actividades con implicacións positivas na melloría da calidade de vida.
Desta forma, a partir do 10 de setembro, está aberto o proceso para a presentación de propostas ao OPT Cerveira-Tomiño 2020, unha fase de recepción de iniciativas que se prolongará ata o vindeiro 31 de outubro. Poden participar persoas individuais ou colectivas con domicilio social ou fiscal en Vila Nova de Cerveira ou Tomiño, debendo cada proposta ter un propoñente de cada concello. Haberá dous proxectos vencedores, dotados con 10.000 euros cada un, polo que no período de votación a poboación deberá seleccionar obrigatoriamente dous proxectos.
Todo o proceso de candidatura e votación pode seguirse a través da páxina web.
O OPT é un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza, a través de fondos FEDER da Unión Europea. A Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño promove igualmente iniciativas como a valedora transfronteiriza e accións para facilitar o uso compartido de servizos e a dinamización económica do territorio.
Vinte equipos de toda Galicia disputarán en Goián (Tomiño) o IV Campionato Galego Inclusivo
O certame terá lugar no río Miño á altura do embarcadoiro accesible e constará de varias probas
Máis de 20 equipos de toda Galicia disputarán o vindeiro sábado 14 de setembro o IV Campionato Galego Inclusivo, que terá lugar no río Miño, ao seu paso pola parroquia tomiñesa de Goián, á altura do embarcadoiro accesible instalado recentemente polo Concello.
A proba, que é tamén a 6º do calendario de Slálom de Motonáutica, é organizada polo Club Sen Amarras en colaboración co Concello e a Federación Galega de Motonáutica. Así o comunicaron durante a presentación do campionato Pedro Nunes e Fina Pereira, membros do Club Sen Amarras, acompañados polo concelleiro de Deportes, Fran Campo, no salón de plenos.
A proba comezará ás 11.00h e a entrega de trofeos será ás 14.00h. Segundo especificaron os organizadores, o campionato constará de diferentes probas, sendo a principal o percorrido dun circuíto marcado con bollas que as embarcacións terán que superar nun tempo non maior a 4 minutos.
A cidadanía tomiñesa cumpre coa lei de prevención de incendios na limpeza das fincas, pero resístese a talar especies prohibidas
O Departamento de Medio Rural tramitou este verán a metade de denuncias que no 2018
Durante o ano 2019 o Departamento de Medio Rural do Concello de Tomiño, tramitou preto de 300 expedientes (287, concretamente) por incumprimento das labores de roza e tala de especies prohibidas (eucaliptos, piñeiros, acacias); expedientes que se tramitaron despois de recibir 87 denuncias de particulares, e outras 70 presentadas pola Policía Local.
Estas cifras denotan un descenso no número de expedientes tramitados en 2019, tanto de oficio, como por denuncia de alguén, pasando as denuncias de particulares a 87 fronte ás 158 do 2018.
Por outra parte, das 220 notificacións enviadas a propietarios e propietarias de fincas, 100 foron motivadas por incumprimento da lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e 120 polo incumprimento da ordenanza municipal de xestión da biomasa.
Nos informes presentados pola Policía Local apréciase un maior cumprimento nas labores de roza das parcelas, non tanto no respecto das distancias entre especies prohibidas e vivendas. Neste sentido, os axentes presentaron unha cantidade significativa de informes sobre parcelas completamente limpas de maleza, pero con especies prohibidas, próximas ás vivendas.
Por outra banda, dos propietarios de 220 parcelas con expedientes abertos no 2019, 40 notificaron que realizarían a limpeza eles mesmos, aínda que houbo moitos que efectuaron os traballos requiridos sen notificalo ao Concello.
En canto á distribución por parroquias, na que máis denuncias houbo (118) foi en Tomiño (Santa María), con moita diferencia sobre as demais. Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, este feito pode explicarse, por unha parte, porque Tomiño é a parroquia máis poboada de todo o municipio e, por outra, porque se trata dunha parroquia de alta actividade incendiaria. Forcadela e Amorín séguenlle en número de denuncias.
Por outra parte, no que vai de ano, realizáronse 5 execucións subsidiarias. Dúas foron levadas a cabo por empresas contratadas, cun gasto de 1198.00 euros, e as restantes por traballadores municipais. Neste último caso calcúlase un gasto estimado de 673.68 euros, polo que o gasto total en execucións subsidiarias, superaría en 2019 os 1.870 euros, estando pendentes de realizar aínda outras doce execucións subsidiarias. Estas, porén, van diminuíndo nos últimos anos (no 2018 foron 20), aumentando os casos nos que os propietarios e propietarias das fincas, fanse responsables das limpezas.
OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA NA COPA DO MUNDO DE PRAGA
Luís Fernández, en canoa, e Manuel Ochoa, en kaiak, formaron parte do equipo nacional que acudiu esta semana a última Copa do Mundo de Slálom celebrada na cidade checa de Praga do 6 ao 8 de setembro. Foron os únicos galegos que a Federación Española de piragüismo convocou para esta competición.
O venres seis tiveron lugar as clasificatorias, nas que cada deportista gozou de dúas oportunidades para poder entrar nas semifinais.
En C1 masculino cincuenta e cinco canoístas de todo o mundo intentaron estar entre os trinta mellores para acceder a semifinais. Luís fixo unha primeira baixada algo lenta, e na porta 16 penalizou con 50 segundos, quedando fóra; na repesca fixo unha baixada rápida, con tempo de entrar en semifinais, pero un toque no remonte da porta 11, con dous segundos de penalización, deixárono fóra. Na clasificación final do evento Luís rematou trixésimo quinto.
En K1 masculino, a máis numerosa das categorías con 78 deportistas participantes, acadaban praza en semifinais os corenta mellores. Manuel fixo os seus dos intentos para conseguilo, facendo dúas baixadas correctas, sen fallos nin penalizacións, pero lentas, lonxe das súas marcas, quedando fóra. Rematando a Copa no posto cincuenta e un.
Para Manuel esta é a última competición da tempada 2019, na que acadou éxitos tales como o subcampionato de España absoluto ou o bronce por equipos no Campionato do Mundo sub-23. Despois dun breve e merecido descanso comezará a preparar xa a tempada 2020.
Luís, pola súa banda, formará parte da selección española que participará no Campionato do Mundo a celebrar do 25 ao 29 de setembro na canle da Seu D´Urgell. Esta é unha competición de gran importancia, pois nela se decidiran as prazas para Tokio 2020. Luís pode acadar resultados históricos para o piragüismo galego, pois é bo coñecedor desta canle onde leva adestrando moitos anos xa.
Pily Reñones rende tributo ao traballo da muller tomiñesa
A mostra inclúe máis de sesenta retratos de mulleres traballando ou desfrutando da vida a través de momentos cotiáns
Este ano, o Concello organiza para as Festas do Alivio unha exposición da fotógrafa tomiñesa Pily Reñones, que leva por título "Camiños Converxentes". A mostra, que estará aberta ao público entre o 7 e o 30 de setembro no Mercado Municipal (1º andar), e foi inaugurada o pasado sábado ante numeroso público.
A exposición consta de máis de sesenta retratos en branco e negro de mulleres de Tomiño exercendo a súa profesión ou oficio, ou desfrutando de momentos cotiáns, de reunión e ledicia. A fotógrafa, que dedicou a maior parte da súa carreira a fotografías de vodas, explicou que esta mostra retrata a mulleres de Tomiño; de distintas idades e condicións, desenvolvendo os seus oficios en diferentes espazos e épocas.
Pily Reñones foi nomeada aos premios Goya de Fotografía (da Asociación de fotógrafos profesionais de Zaragoza) pola fotografía "Holanda", na que a autora retrata a unha ancián da localidade aurensá de Riós.
Recentemente, o Concello celebrou unha homenaxe á fotógrafa, durante a cal esta fixo entrega á alcaldesa de Tomiño dunha copia enmarcada da devandita fotografía.
|