|
AVeciñanzaConta - REUNIÓN DO GOBERNO ROSALEIRO COA AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAL
O goberno Rosaleiro continúa reuníndose co asociacionismo dentro do programa #AVeciñanzaConta. Desta volta foi o turno da Agrupación Musical do Rosal.
A alcaldesa, Ánxela Fernández e a concelleira de cultura, Sara Vicente, mantiveron unha xuntanza cos membros da diretiva da Agrupación Musical. Entre outras cuestións trataron a planificación cultural de cara ós orzamentos do ano que ven.
"Temos un tecido asociativo moi amplo e rico. Unha singularidade a destacar e valorar moito do noso pobo.
O proxecto da Agrupación comezou fai máis de 30 anos. É un proxecto consolidado e que enche de cultura e música o noso Concello e a nosa Comarca, cunha escola de música que fomenta que os cativos poidan aprender desde ben pequenos esta linguaxe universal. A música é vida e a vida da música no Rosal latexa forte grazas, en gran medida, ao traballo que ven facendo a Agrupación desde o seu comezo. Hoxe son moitos os veciños e veciñas que teñen a música nas súas vidas dunha ampla franxa de idade e tamén, como acontece noutros ámbitos, moitos os profesionais da música que naceron na Escola da agrupación", afirma a alcaldesa.
O goberno quere agradecer a boa disposición que amosaron os membros da Agrupación así como a súa colaboración.
O Rosal
CONCERTO DIDÁCTICO NO CPI MANUEL SUÁREZ MARQUIER
Preto de 200 alumnos de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier participaron no concerto didáctico realizado este venres pola Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal na biblioteca do centro.
Co fin de promocionar a nosa escola de música e para facer máis levadío o inicio do curso destes escolares, o grupo formado por 8 profesores e músicos da agrupación, da man do novo director da banda Javier Alonso, fixeron pasar un rato moi divertido a todos os nenos e nenas. A través de historias, ritmos e cancións coñecidas por todos eles foron coñecendo distintos instrumentos de vento madeira, vento metal e corda, como o fagot, trompa, trombón, bombardino, tuba, violoncello e contrabaixo.
Unha experiencia moi gratificante que seguro que se volverá a repetir no futuro, agradecendo dende a nosa asociación a colaboración prestada pola dirección e profesorado do Colexio da "Mata".
O Rosal
O GOBERNO MUNICIPAL DO ROSAL REÚNESE COAS TRAÍDAS DE AUGAS VECIÑAIS E DÁ COMEZO AO ESTUDO PARA UN PLAN DE APOIO ÁS MESMAS
O goberno Municipal do Rosal, encabezado por Ánxela Fernández Callís, mantivo dentro do programa #AVeciñanzaConta, unha reunión coas Comunidades de augas de Traídas Veciñais.
Na mesma, ademais da alcaldesa, participaron as concelleiras Sara Vicente, responsable da área de Medio ambiente, a Concelleira Sabela Rodríguez e o Concelleiro Germán Fernández.
A reunión permitiu ao goberno municipal ter un primeiro contacto con membros de todas as Traídas Veciñas e sentar as bases do inicio dun Estudo para a elaboración dun Plan de Apoio ás Traídas de Augas Veciñais por parte do Concello.
"As Comunidades de Augas veciñais traballan e están involucradas na xestión dun ben tan esencial e necesario como é a auga. A auga é un elemento inherente á vida das persoas. Podemos prescindir de moitas cousas, mais nunca poderemos prescindir da auga. Contar con veciñanza implicada na xestión dun ben tan importante e vital conleva non só a necesidade dun recoñecemento pola nosa parte senón tamén dunha colaboración estreita e constante que responda a criterios obxectivos na xestión e que teña unha perpectiva de mellora que traballe non só na solución dos problemas cotiás que xorden senón tamén na previsión do medio e longo prazo.
Por iso, realizaremos un estudo pormenorizado e detallado da situación de cada unha das Comunidades de augas co obxectivo de poder artellar e executar nun futuro próximo un Plan Anual de apoio ás Traídas de Augas Veciñais que responda a criterios obxectivos e que mellore progresivamente a realidade das mesmas.
Para iso, visitaremos e faremos unha análise da situación de todas e cada unha das Traídas Veciñais.
No noso Concello contamos cun grande capital humano tamén neste ámbito, con moitos veciños que levan anos implicados no mesmo.
Demos inicio a un proxecto para nós fundamental no que temos moitas ganas de traballar.
Por outro lado, con esta reunión tamén sentamos o xerme para a concreción do Consello Municipal das Augas, un órgano consultivo no que traballaremos man a man tamén no ámbito da auga", afirma a alcaldesa.
Desde o Concello querenagradecer a boa disposición a colaborar e a traballar conxuntamente amosada por parte dos membros das Comunidades de Augas.
O Rosal
REUNIÓN DO GOBERNO MUNICIPAL DO ROSAL COAS COMUNIDADES DE MONTES
O goberno municipal do Rosal retoma o programa #AVeciñanzaConta cunha reunión con todas as Comunidades de Montes do municipio.
A alcaldesa, Ánxela Fernández, a Concelleira de Agricultura e Montes, Sara Vicente, a Concelleira Sabela Rodríguez e o Concelleiro Germán Fernández mantiveron unha reunión con membros das diretivas das Comunidades de Montes do Concello: San Xoán de Tabagón, San Miguel de Tabagón, As Eiras e do Rosal.
Na mesma, cumpriuse o obxectivo de manter un contacto inicial e comezar a traballar conxuntamente xa en diversas propostas específicas.
"Este é un inicio dos Consellos Municipas dos que falabamos nas nosas propostas e programa. Pouco a pouco irémolos creando e materializando. A finalidade é traballar conxuntamente. As Comunidades de Montes fan unha labor fundamental na posta en valor e na xestión dun ben tan esencial e importante coma é o noso monte, que ten non só unha incidencia ambiental, senón tamén social e económica no noso Municipio. Hoxe xa concretamos pequenos retos, prpostas, nas que traballar de xeito colaborativo. Cuestións concretas e factibles. Pouco a pouco irémolas desenvolvendo e realizando", afirma a alcaldesa.
Desde o Concello queren agradecerlle a todas as Comunidades de Montes a súa participación e a boa disposición amosada.
O Rosal
|