|
Horário do Ferry (3 a 8 de Setembro)
A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INVISTE CASE 29.000 EUROS NAS OBRAS PARA A XESTIÓN DO LIXO TECNOLÓXICO EN A GUARDA
Carmela Silva destaca que as actuacións de adaptación do punto limpo á normativa española e europea estarán dispoñibles no primeiro trimestre de 2019
A Deputación de Pontevedra investirá 28.604,08 euros na adaptación do punto limpo de A Guarda, co obxectivo de acondicionalo de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española para o tratamento do "lixo tecnolóxico".
A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, o punto limpo estea plenamente operativo no primeiro trimestre de 2019.
Culminará deste xeito un proceso que comezou coa captación dos fondos europeos FEDER a través da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP 2014-2020. Naceu así o proxecto Estraee (Estratexia Sostible para a Xestión de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) do que se están a beneficiar 9 puntos limpos doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra, xunto con outros 9 situados en territorio portugués.
O orzamento total de licitación dos contratos de subministración e obras para a adaptación dos 9 puntos limpos da provincia incluídos é de 618.074,23 euros, que se reparten entre os 238.275 euros para as subministracións e outros 379.799,23 euros para as obras de reforma. A Deputación achega directamente 154.518,56 euros, o 25% do orzamento global.
No caso concreto de A Guarda é necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos.
No que atinxe ás obras neste "ecocentro", construirase no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalarase iluminación no almacén e proveerase de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. A empresa que resulte adxudicataria das obras disporá dun prazo de 2 meses.
A Deputación de Pontevedra conseguiu os fondos FEDER e asumiu o liderado do proxecto Estraee, xunto con outros tres socios españois (Revertia, ERP España e Energy Lab) e dous portugueses (ERP Portugal e Liport).
Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18% e un 26% anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España. Trátase de residuos altamente contaminantes, dado que inclúen elementos que causan graves prexuízos ao medio ambiente.
Deputación de Pontevedra
Proceso extraordinario para cubrir dúas prazas na Escola Infantil Municipal da Guarda
O Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa que o próximo día luns 9 de setembro 2019 a Escola Infantil Municipal abre un proceso extraordinario para cubrir 2 prazas vacante a media xornada de tarde na aula de 0-1 anos de idade.
Os pais/nais ou titores dos nenos/as interesados deberán presentar a solicitude do 9 ao 13 de setembro.
Para maior información, poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda en horario de 9.00 a 14.00 h.
A Guarda
A Guarda forma parte do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía
O pasado mércores o tenente-alcalde da Guarda, o nacionalista Anxo Baz, reuniuse cos representantes da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, entidade coordinadora na nosa comunidade do chamado "Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía" para impulsar e axudar a cumprir os compromisos en materia de enerxía e clima.
O "Pacto de alcaldes para o Clima e a Enerxía" agrupa a milleiros de gobernos locais que de forma voluntaria comprométense a implantar os obxectivos da UE en materia de clima e enerxía, de redución dos gases de efecto invernadoiro nun 40 % para 2030 e á adopción dun enfoque común para o impulso da mitigación e a adaptación ao cambio climático.
A Guarda comprométese a realizar un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostenible (PACES) no que se recollerán as accións chave que se pretenden acometer, cun plan de Inventario de Emisións de Referencia para realizar un seguimento das accións de mitigación e unha avaliación dos riscos e vulnerabilidades climáticas. Todo este proceso será monitorizado cada dous anos para comprobar a implantación destes plans no municipio.
Anxo Baz, manifestou que, neste senso A Guarda xa leva anos traballando nesta liña, incrementando o horario de atención e mellorando as instalacións do Punto Limpo da vila, instalando contedores de recollida de textís e aceites usados, cambio de luminarias por tipo led, instalación de caldeiras de biomasa en edificios públicos, entre outras accións que se marcan dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora das taxas de reciclaxe, contando ademais cun dos puntos limpos de referencia a nivel autonómico. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia 2010-2020 (PXRUG), establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos, accións que van en consonancia co PEMAR, Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos.
A Guarda
Miguel Fernández Substituirá a Xan Lois Lomba no grupo municipal do BNG da Guarda
"Xan Lois Lomba, histórico concelleiro do BNG, deixa o seu cargo por motivos persoais e profesionais"
O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO anuncia a renuncia de Xan Lois Lomba Alonso, concelleiro do BNG na Guarda desde o ano 2003.
"Motivos persoais e profesionais impídenme adicarlle ao Concello o tempo necesario que require, polo que decidín poñerme a un lado e deixar paso a Miguel Fernández. Axudei a pór en marcha a parte do goberno municipal do BNG até onde o tempo me permitiu facelo. Miguel Fernández é unha persoa con moita capacidade e con ideas claras. Deixo un grupo de amig@s , pero, sobre todo deixo a un grupo de persoas conscientes da responsabilidade que teñen e coa ilusión intacta para cambiar o noso pobo. Grazas a tod@s pola paciencia e pola comprensión durante estes anos", comentou Xan Lois Lomba, concelleiro do BNG.
"Non teño máis que agradecementos para Xan, un compañeiro e un amigo que sempre vai estar aí. No BNG somos conscientes da importancia que tivo Xan nos últimos anos; agora toca mirar para adiante, temos un proxecto que poñer en marcha e levar adiante, un proxecto encamiñado a cambiar á Guarda, devolvela ás persoas, con iniciativas políticas que van dende unha mellora da xestión dos servizos públicos até o cambio de modelo de vila. En definitiva, como sempre expuxemos, unha Guarda para as persoas", comentou Anxo Baz, Tenente Alcalde da Guarda.
A Guarda
As Festas da Guía e a Travesía a Nado centran a programación desta fin de semana na Guarda
A Guarda conta esta fin de semana con varias actividades nas que destacan a XXIV Travesía a Nado do Porto da Guarda e as Festas na honra da Virxe da Guía, ademáis de visitas guiadas ao Monte Santa Trega e exposicións.
VENRES 6
Na xornada deste venres continúan as visitas guiadas para coñecer o patrimonio do Monte Santa Trega, ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.
Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.
Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas é obrigatorio facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.
A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para adultos e 0,5€ para menores de 14 anos.
A Guarda acolle do 6 ao 8 de setembro as Festas na honra da Virxe da Guía que arrancarán na xornada do venres cun Serán musical no que participarán diferentes grupos tradicionais da zona a partires das 22:00h na Praza da Guía. Esta primeira xornada de festexos rematará con varias actuacións de DJ´s a partires da 1:00h con "La Guía Fest" e as actuacións de Gabri Alonso, Adrián Mesu e We are Partyners.
SÁBADO 7
Este sábado día 7 de setembro celebrase no Porto da Guarda a XXIV edición da Travesía a Nado do Porto da Guarda, un evento que congrega cada ano a un bo número de deportistas profesionais e amateurs.
Promovida e xestionada pola Concellería de Deporte da Guarda e Noko Deporte y Salud. Contará coa colaboración do club de Remo Robaleira, Club ALAGUA e Confraría de Pescadores Santa Tecla. A proba comezará ás 12:00h no Porto da Guarda, con saída dende as escaleiras do muelle, facendo un percorrido polo interior do recinto portuario, marcado por boias.
Na xornada do sábado día 7 de setembro, e enmarcado nas Festas na honra da Virxe da Guía, ás 11:00h terá lugar un pasarrúas a cargo de A Boalleira, a partir das 17:00h tarde actividades para os máis pequenos e ás 22:30h gran verbena amenizada polos grupos Club Naval e a Banda de Nash.
Este sábado continúan as visitas guiadas para coñecer o patrimonio do Monte Santa Trega, ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.
Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.
Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas é obrigatorio facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.
A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para adultos e 0,5€ para menores de 14 anos.
O Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 18:00h a 21:00h. Entrada: 1€ adultos e 0,5€ ata 14 anos inclusive.
DOMINGO 8
O domingo día 8 de setembro, e enmarcado nas Festas na honra da Virxe da Guía, ás 10:00h unha salva de bombas anunciará o comezo do día grande das festas para dar paso ás 11:30h a unha Misa solemne cantada polo Coro Parroquial e posterior procesión. Ás 17:30h terán lugar as tradicionais poxas, seguida dunha actuación dun grupo de mariachis e a continuación atronadora Tirada de Fogos.
O Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 18:00h a 21:00h. Entrada: 1€ adultos e 0,5€ ata 14 anos inclusive.
A Guarda
A Guarda
Obradoiro de Cociña verde e superalimentos e xornada de Micoloxía na Guarda
A Omix da Guarda organiza para os meses de outubro e novembro novas actividades nas que se inclúen un Obradoiro de Cociña Verde e Superalimentos e unha Xornada de Micoloxía.
O Obradoiro de Cociña Verde e Superalimentos terá lugar os venres en horario de 18:00h a 20:30h dende o 18 de outubro ata o 15 de novembro, cun custe de 35€ por persoa.
A Xornada de Micoloxía terá lugar un sábado do mes de novembro con saída ao monte pola mañá e pola tarde.
As inscricións para estas dúas actividades están xa abertas na OMIX da Guarda no teléfono 986 61 0000 ext.7 ou no enderezo electrónico informacion@aguarda.es
A Guarda
Relatorio sobre Violencia Sexual Comercial o 13 de setembro na Guarda
O vindeiro venres día 13 de setembro o Centro Cultural da Guarda acollerá un Relatorio sobre Violencia Sexual Comercial a cargo de Amelia Tiganus e no que colabora o CIM(Centro de Información á Muller) da Guarda .
O acto, que terá lugar ás 20:00h, tratará sobre os Avances e retos de futuro na loita contra a trata e explotación sexual de mulleres e nenas. En tempos de globalización e neoliberalismo, a explotación da sexualidade feminina convertiuse nunha industria, unha das máis puxantes a nivel mundial. A cuarta onda do feminismo ten no centro da súa axenda a violencia sexual incluíndo dentro da mesma a prostitución e a pornografía.
Tendo ese marco presente, no relatorio, Amelia Tiganus combinará a teoría feminista e o marco legal, cunha análise crítica desde a experiencia vivida e sentida. Desgranará os intereses xeopolíticos que hai ao redor de legalizar a Trata con Fins de Explotación Sexual en España, deixando ao descuberto todos os actores do Sistema Prostitucional, e analizará o papel da demanda no mantemento da explotación sexual de mulleres e nenas
Os obxectivos deste relatorio son (re)pensar sobre a implicación e tolerancia social que existe ao redor da mercantilización do corpo das mulleres e nenas e as graves consecuencias que supoñen sobre a saúde física e psicolóxica das mesmas, así como identificar e incluír nos debates aos demais actores que inflúen e pechan o círculo desta realidade. E, como parte adxacente a isto, analizar a importancia da coeducación e dos valores transmitidos a través da ensinanza e dos modelos familiares, culturais, sociais e políticos. Contaremos co relato de quen convertiu a loita feminista no sentido da súa vida despois de ter sido vítima de trata e explotada sexualmente durante cinco años nos prostíbulos españoles. Coraxe, empoderamento, resiliencia e militancia feminista: claves para converterse en suxeito político.
"Son unha privilexiada por moitas razóns pero principalmente por poder pensar. Pensar paréceme un acto de rebeldía. Algo tan humano como iso foime arrebatado -como a moitas mulleres- a través da violencia simbólica, a violencia psicolóxica, a violencia física, a violencia económica, a violencia sexual, a violencia institucional, a violencia sociocultural... As putas somos atravesadas por todas as violencias. Puiden despertar de aquela sensación de estar morta en vida o día que descubrín que a miña historia non era algo persoal senon a historia de moitas mulleres; a historia de mulleres que o patriarcado pon a disposición dos homes de maneira pública. E empecei a pensar, a indagar, a encontrar respostas, a perder o medo e a vergonza e a sentirme na obriga ética de actuar. Porque eu puiden saír dese campo de concentración que é a prostitución pero millóns de mulleres siguen alí, sufrindo a pérda de identidade, a tortura física e psicolóxica, o medo, o descoñecemento, o silencio, a indiferencia, o esquecemento e o desamparo do Estado proxeneta e da sociedade cómplice."
Sobre Amelia
Amelia Tiganus é una activista feminista , nacida o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive en Euskadi, a súa xanela ao mundo desde a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ter sido explotada sexualmente durante cinco años no Estado español. Publicou varios artigos, de entre os que destaca 'La revuelta de las putas',e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da trata e a prostitución.
Foi coordinadora en Feminicidio.net durante tres anos e recibiu varios premios e recoñecementos ao seu labor en pro dos dereitos humanos das mulleres e as nenas. Nos últimos tres anos impartiu máis de 150 relatorios, charlas e obradoiros por todo o territorio español e tamén en Arxentina e Alemaña.
Das súas varias aparicións en televisión, destaca Salvados - Las invisibles , un programa de máxima audiencia da Sexta - onde foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole. Tiganus deixa claro que: "Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente".
A Guarda
Programación de cursos para nenos e adultos na Aula CeMIT da Guarda ata fin de ano
A Aula CeMIT da Guarda ven de lanzar o calendario coa programación de novos cursos de informática de balde para nenos e adultos para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro.
Todas aquelas persoas que estean interesadas poden formalizar dende xa a súa inscrición, os cursos serán en horario de mañá e de tarde.
As inscricións están abertas no Concello ou no Centro Cultural(1º andar), chamando ao 986 611850 ou no enderezo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal.
Destacan na programación de cursos os de Informática para nen@s, mecanografía, redes sociais para maiores, administración electrónica, follas de cálculo ou o de informática para adultos.
Todos os cursos son de balde, destacando tamén que a Aula CeMIT da Guarda dispón de conexión aberta a internet para facer consultas.
Sobre a Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento gracias a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego. Aínda que a aula de informática está integrada na rede CEMIT, o concello non recibe ningunha subvención da Xunta de Galicia
Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.
A Guarda
A Guarda acolle esta fin de semana as Festas na honra da Virxe da Guía
A Guarda acolle do 6 ao 8 de setembro as Festas na honra da Virxe da Guía que arrancarán na xornada do venres cun Serán musical no que participarán diferentes grupos tradicionais da zona a partires das 22:00h na Praza da Guía. Esta primeira xornada de festexos rematará con varias actuacións de DJ´s a partires da 1:00h con "La Guía Fest" e as actuacións de Gabri Alonso, Adrián Mesu e We are Partyners.
Na xornada do sábado día 7 de setembro ás 11:00h terá lugar un pasarrúas a cargo de A Boalleira, a partir das 17:00h tarde infantil con actividades para os máis pequenos e ás 22:30h gran verbena amenizada polos grupos Club Naval e a Banda de Nash.
O domingo día 8 de setembro ás 10:00h unha salva de bombas anunciará o comezo do día grande das festas para dar paso ás 11:30h a unha Misa solemne cantada polo Coro Parroquial e posterior procesión. Ás 17:30h terán lugar as tradicionais poxas, seguida dunha actuación dun grupo de mariachis e a continuación atronadora Tirada de Fogos.
A Guarda
O Concello da Guarda xa está conectado a S.I.R
Dende o pasado mes de xullo o Concello da Guarda está conectado ao SIR (Sistema de interconexión de rexistros) o que permite dende esa data facer envíos a calquera outra administración de xeito electrónico, sempre e cando esta tamén estea conectada a dito sistema.
Deste xeito o servizo do Portelo da Xunta de Galicia xa non está en funcionamento, polo que os envíos faranse a través do rexistro do propio concello. Poderán acceder a este servizo de envíos a outras administracións(Xunta de Galicia, Administración do Estado, Administracións Autonómicas, Administración Local...), calquera das persoas que non estean obrigadas a relacionarse de xeito electrónico coa administración, segundo establece o artigo 14 da Lei 39/2015:
Artigo 14. Dereito e obriga de relacionarse electronicamente coas administracións públicas.
1. As persoas físicas poderán elixir en todo momento se se comunican coas administracións públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigas a través de medios electrónicos ou non, salvo que estean obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas. O medio elixido pola persoa para comunicarse coas administracións públicas poderá ser modificado por aquela en calquera momento.
2. En todo caso, estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, ao menos, os seguintes suxeitos:
a) As persoas xurídicas.
b) As entidades sen personalidade xurídica.
c) Os que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da dita actividade profesional. En todo caso, dentro deste colectivo entenderanse incluídos os notarios e rexistradores da propiedade e mercantís.
d) Os que representen un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración.
e) Os empregados das administracións públicas para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregado público, na forma en que o determine regulamentariamente cada Administración.
3. Regulamentariamente, as administracións poderán establecer a obriga de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas respecto das cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.
Este é un novo avance no proceso da evolución da administración electrónica, reducindo o tempo dos envíos de documentacións e o consumo e emprego de papel, mellorando a relación entre os cidadáns e as administracións.
A Guarda
15 embarcacións participaron o pasado sábado no 10º Cruceiro Río Miño
O Club Alagua, en colaboración coa Federación Galega de Vela e o Concello da Guarda, organizou o pasado sábado día 31 de agosto a 10º edición do Cruceiro Río Miño, unha proba deportiva de vela clasificada dentro da categoría C que contou coa participación dun total de 15 embarcacións.
A regata disputouse nun único formato multiclase aberto a todas as embarcacións a vela con orza móbil, contando con 3 catamaráns, 7 470, 3 Laser Radial, 1 dorna e 1 raquero
As regatas arrancaron pouco despois das 16:00h da tarde facendo un percorrido polo Río Miño entre A Pasaxe, en Camposancos, e a Praia das Eiras no Rosal.
A regata foi puntuable para as embarcacións 470 e as multiclase, resultando a seguinte clasificación:
Clasificación 470:
1º Ignacio Campos e Yolanda Bastos
2º Carlos Español Berridy e Patricia M. Lomba
3º Emilio Alonso Estevez e Alejandro Alfonso
Todos os equipos de 470 son do Club deportivo Alagua
Clasificación Multiclase:
1º Catamarán Clase A, Pablo Martínez-Sayanes López (Club Alagua)
2º Catamarán Nacra, José Vicente Rodríguez Rodríguez (Club Alagua)
3º Laser Standar, Serafim Gonçalves (Clube Naval Povoense)
A Guarda
"Helen & Shanna" pecharán na Guarda a edición 2019 de "Música nas Prazas"
Música nas Prazas 2019 chega o vindeiro venres día 13 de setembro ao seu fin tralos concertos de Caramelo Krew o 14 de xuño na Praza de San Queitano e de Blues do País o pasado venres día 16 de agosto na Praza de Avelino Vicente(As de Copas).
Desta volta é a quenda de "Helen & Shanna", un grupo guardés nado no ano 2013 e que xa ten ofertado numerosos concertos en salas e pequenos festivais en toda Galicia. Cunha forte influencia folk, "Helen & Shanna" recolle aspectos doutras culturas, con instrumentos tan variados coma o sitar, a trompeta, o violín ou o ukelele.
Este é o cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano conta cun total de 3 concertos nas Prazas de San Queitano, Avelino Vicente e Os Seixiños.
Para rematar esta edición o venres 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños acollerá a actuación de Helen & Shana.
A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.
O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.
A Guarda
Unidade Móbil de inspección técnica de ciclomotores na Guarda en outubro
A Unidade Móbil 9 de inspección técnica de ciclomotores desprazarase ao Concello de A GUARDA do 08/10/2019 ao 08/10/2019 e do 11/10/2019 ao 11/10/2019 na Estación de Servicio San Roque (A Guarda).
O horario habitual de atención será de 9:00h a 13:30h e 15:15 a 18:00 horas de luns a venres agás:
" 11/10/2019 que será horario só de mañá
Para solicitar cita previa:
Por teléfono: 902 30 90 00
A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa
NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á
posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.
A Guarda
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 6 e sábado 7 de setembro
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 6 e sábado día 7 de agosto.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 6 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:00 ás 21:00 horas e o sábado 7 en horario de 10:00 ás 15:00 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
A Guarda
Últimos días de inscrición para a XXIV Travesía a nado do Porto da Guarda
Este sábado día 7 de setembro celebrase no Porto da Guarda a XXIV edición da Travesía a Nado do Porto da Guarda, un evento que congrega cada ano a un bo número de deportistas profesionais e amateurs.
Promovida e xestionada pola Concellería de Deporte da Guarda e Noko Deporte y Salud. Contará coa colaboración do club de Remo Robaleira, Club ALAGUA e Confraría de Pescadores Santa Tecla.
As inscricións pechan este mércores día 4 de setembro ás 23:59h da noite a través da web www.galitiming.com contando con dous percorridos de 400m.(Categorías A, B, C e D) e de 1200m.(Categorías E, F, G, H, I, J,K e L).
Como novidade esta edición estará cronometrada polo que a inscrición ten un custe:
" 6€ inscritos ata o 31 de agosto.
" 8€ inscritos entre o 1 e o 4 de setembro.
" As categorías de nenos (A, B, C e D) son de balde.
A inscrición inclúe:
" Gorro numerado
" Seguro accidentes
" Cronometraxe
" Avituallamento final
Os nadadores non federados menores de 18 anos precisan que o pai, nai ou titor autorice a súa participación. O impreso de autorización debe enviarse asinado previamente a info@noko.es ou, en último caso, pode entregarse no momento de recollida do gorro.
A proba comezará ás 12:00h no Porto da Guarda, con saída dende as escaleiras do muelle, facendo un percorrido polo interior do recinto portuario, marcado por boias. O neopreno só se poderá utilizar se a temperatura da auga e menor aos 18º ou por decisión da organización.
A Guarda
Socorristas da Guarda participan nun simulacro de emerxencias
Na xornada deste xoves día 29 de agosto de 2019 os socorristas, que prestan os seus servizos nesta tempada estival nas praias guardesas, tiveron a oportunidade de facer unha práctica de salvamento moi importante para a súa formación.
Neste caso levouse a cabo un simulacro de emerxencias contando coa participación do Helicóptero Pesca1 do servizo de Gardacostas de Galicia.
Neste exercicio participaron 2 socorristas coa embarcación e o helicóptero Pesca1, simulando o rescate dunha persoa empregando un moneco, que foi lanzado á auga e despois rescatado e izado no helicóptero.
Os bañistas do areal do Muíño, na desembocadura do Río Miño, presenciaron asombrados este simulacro, que tivo unha duración aproximada de 20 minutos.
Dende o Concello da Guarda agradécese o traballo dos socorristas que prestan os seus servizos nos areais da vila, así coma a participación da equipa do Helicóptero Pesca1 con base en Vigo para poder realizar estes adestramentos, tan importantes para a formación dos socorristas en caso dunha emerxencia real.
A Guarda
O Concello da Guarda reclama un parque seguro para Concepción Arenal
O pasado mércores 28 de agosto rematouse a instalación do parque infantil de Chan de Conde na rúa Concepción Arenal, na Guarda.
Entendendo que os elementos do parque tal como están instalados, nunha superficie inclinada, poden resultar inseguros, o alcalde da Guarda Antonio Lomba, mantivo contactos co promotor da obra, a Deputación de Pontevedra, e coa empresa que está a executala, para trasladarlle a súa preocupación e insatisfacción pola inseguridade e o acabado estético do parque.
Reclamou dos responsables da obra que tomen as medidas necesarias para certificar que o parque é seguro e cumpre coa normativa. De non ser así, instou a que fagan as actuación e correccións necesarias para que a instalación poda usarse polos máis pequenos con tódalas garantías.
A Guarda
|