|
O Concello de Tomiño organiza a campaña "Se bebes, non arrisques, fai a proba", para garantir a seguridade durante as celebracións do verán
Os controles poderán ser voluntarios, é dicir, a solicitude dos propios condutores que desexen coñecer a súa taxa de alcohol en sangre antes de coller o vehículo, pero tamén se realizarán de forma aleatoria, e se controlará a venda de alcohol a menores
A Concellería de Seguridade, Tráfico e Persoal, que dirixe Ismael Torrón, presentou este mediodía no Concello de Tomiño a campaña "Se bebes, non arrisques, fai a proba", que o Concello ten previsto desenvolver, conxuntamente coa Policía Local, durante as celebracións do verán, coma a 14ª edición da Makrofesta de Tomiño, que se celebra mañá sábado, 27 de xullo, no Recinto de Festas da Virxe do Alivio.
Catro patrullas da Policía Local de Tomiño, realizarán controles voluntarios de alcoholemia, que terán lugar xunto á capela do Alivio. Así o explicou o xefe da Policía Local, José Ramón Álvarez, acompañado do concelleiro e de representantes de Protección Civil e da comisión organizadora.
Os controles poderán ser voluntarios, é dicir, a solicitude dos propios condutores que desexen coñecer a súa taxa de alcohol en sangre antes de coller o vehículo, pero tamén se realizarán de forma aleatoria, como o establece a lei neste tipo de eventos. O dispositivo de seguridade contará coa colaboración de membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tomiño e, de ser necesario, tamén con axentes do posto da Garda Civil.
A organización deste evento, un dos máis concorridos do verán, recomenda facer un consumo responsable do alcohol. Asemade, a policía local advirte que se controlará a venda de bebidas alcohólicas a menores de idade.
A Praza do Seixo de Tomiño acolle esta fin de semana o XXVI Encontro dos Pobos
No Espazo Fortaleza celébrase este sábado o Encontro Internacional de Bandas de Música
A Praza do Seixo de Tomiño, acolle este venres (26 de xullo), dentro do ciclo "O Son da Praza", a 26ª edición do Encontro dos Pobos, organizado polo Grupo de Baile e Gaitas "Do Lusco ó Fusco", coa colaboración do Concello.
O festival é para todos os públicos e comezará ás 22.30 horas, con entrada libre. Nesta edición participarán agrupacións de Austria e Polonia, ademais dos grupos Virxe do Alivio, de Tomiño e o "Do Lusco ó Fusco", de A Guarda.
Por outra banda, e tamén dentro dos actos culturais programados na axenda de verán municipal, o sábado (27 de xullo), celebrarase o Encontro Internacional de Bandas de Música. Será no Espazo Fortaleza de Goián, ás 21.00 horas. Tamén para todos os públicos e con entrada de balde. Neste caso, ademais da banda anfitrioa (Agrupación Musical de Goián), actuarán as bandas da UVCD de Candeán e de Lagares.
O Mercado Municipal acolle até finais de agosto a mostra colectiva "Unha de tres"
Basilio Calzado e Gerardo Rebagliati presentan collages e Emilio Cabeiras, serigrafías
Até o 31 de agosto pode visitarse no Mercado Municipal de Tomiño a mostra "Unha de tres"; unha exposición plástica colectiva, na que Basilio Calzado e Gerardo Rebagliati expoñen collages figurativos ou abstractos cun fondo crítico á situacións sociais e políticas actuais.
Emilio Cabeiras, iniciado na Escola de Artes e Oficios de Vigo, expón traballos de serigrafía artística.
A concelleira Cristina Martínez acompañou aos artistas na inauguración da mostra, celebrada o sábado pasado. Tamén asistiu o concelleiro de Deportes, Francisco Campo.
Vinte e catro persoas da zona fórmanse coma adestradoras de fútbol base en Tomiño
. A entrega de diplomas tivo lugar no Concello este mediodía
. O representante da RFGF felicitou aos participantes, aconsellándolles colexiarse, para
aproveitar vantaxes coma a de obter o carné de adestrador/a ou formar parte dunha
bolsa de traballo
Vinte e catro persoas superaron o Curso Intensivo de Monitor de Fútbol Base, organizado pola Escola Galega de Adestradores da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), coa colaboración do Concello de Tomiño.
Entre os participantes hai cinco mulleres de Tomiño e Comarca do Baixo Miño, case todas, xogadoras de equipos da zona. Con este curso, de iniciación, as persoas que o superaron poden adestrar en fútbol até en 3ª rexional.
A clausura do curso tivo lugar este mediodía no Concello de Tomiño, coa asistencia de representantes da RFGF en Vigo, da Escola de Adestradores e do Concello. Por parte deste último estiveron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de Deportes Francisco Campos. Este último salientou a oportunidade de formarse coma adestrador/a de deportes de base, tanto pola súa saída laboral coma pola súa función social.
A alcaldesa resaltou a importancia de transmitir paixón polo deporte pero ao mesmo tempo, valores de compañeirismo, solidariedade e superación. Segundo adiantou a rexedora, existe a posibilidade de organizar outro curso de perfeccionamento.
O representante da RFGF felicitou aos participantes, aconsellándolles colexiarse, para poder aproveitar vantaxes coma a de obter o carné de adestrador/a ou a de formar parte dunha bolsa de traballo.
O obxectivo desta actividade foi a de dotar aos adestradores e adestradoras das mellores ferramentas para poder exercer a súa labor formativa.
O curso desenvolveuse de forma intensiva entre o 8 e o 19 de xullo, de 9.00 a 15.00h, na Escola Obradoiro de Goián e no Campo de Fútbol O Regatiño.
|