JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

O folclore de México, Guinea Bissau e Serbia protagonizará a XX Noite Internacional do Miño

Será o martes, 23 de xullo, ás 21.30 h no Parque do Laxal en Rebordáns

O folclore de México, Guinea Bissau e Serbia protagonizará a vixésima edición da Noite Internacional do Miño. A cita será o próximo martes, 23 de xullo, ás 21.30 h no Parque do Laxal en Rebordáns. Este evento está organizado pola Escola de Baile e Música San Fins de Rebordáns coa colaboración do Concello de Tui, a Comunidade de Montes en Man Común de Rebordáns e a Deputación de Pontevedra.

Dende hai dúas décadas este evento convértese cada ano nun escaparate do folclore máis internacional a través de grupo de Europa, América, África, Asia e Oceanía, que teñen participado en cada edición. O público ateiga anualmente o recinto do Parque do Laxal para gozar dun evento de gran colorido e cheo de diferentes ritmos tradicionais, todo nun escenario presidido por unha lúa tocando a gaita, a imaxe desta Noite Internacional.

Nesta ocasión serán o Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bissau, Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia e Compañía Nacional de Danza Folclórica de México os que nos acheguen o seu folclore.

O Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bissau naceu no ano 2000 co obxectivo de crear un ambiente de integración sociocultural para os cativos e a mocidade do barrio de Bandim nun contexto de posguerra empregando coma vehículo para conseguilo a música, o teatro e a danza. Ao tempo buscan tamén pór en valor e divulgar o patrimonio cultural de Guinea.

O Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia foi fundado en 1986 por Dejan Simeonovski. Dende entón nos seus espectáculos presenta a riqueza do folclore serbio mesturando a arte coa vitalidade do pobo serbio. Os seus traxes, bailes e música destacan pola súa autenticidade, beleza e variedade.

A Compañía Nacional de Danza Folclórica de México creouse en 1975 achegando dende entón nos seus espectáculos por Europa e América a riqueza e colorido do folclore mexicano.

XX Noite Internacional do Miño
- Data: Martes, 23 de xullo, ás 21.30 h
- Lugar: no parque do Laxal en Rebordáns
- Participantes:
" Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bissau
" Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia
" Compañía Nacional de Danza Folclórica de México.

Tui


Alumnado do Obradoiro Percorre Tui realizou hoxe visitas inclusivas para os participantes no Campamento de Un Máis

Nas explicacións axudáronse de pictogramas

Alumnado da especialidade de "Promoción turística local e información ao visitante" do obradoiro de emprego "Percorre Tui" realizaron ao longo desta mañá varias visitas guiadas para os nenos e nenas de 4 a 18 anos que están a participar no campamento inclusivo que dende comezos de mes imparte a Asociación Un Máis. No campamento están a participar 25 nenos e nenas, dos que 13 teñen TEA, xunto a voluntarios e monitores.

Tratouse dunhas serie de visitas moi especiais, e en grupos reducidos, nas que os guías, cunha linguaxe sinxela e apoiados por pictogramas, explicaron aos pequenos visitantes as características do Centro de Interpretación "Tui, Camiño de Santiago" situado no antigo convento de San Domingos. Así puideron coñecer algunhas pinceladas da historia do edificio, percorrendo o seu interior, como o claustro dende onde admiraron o campanario da igrexa de San Domingos, e tamén as caixas luz que ilustran cada unha das etapas até Santiago. Precisamente para esta ocasión colocáronse amais fotografías das visitas que os participantes no campamento de Un Máis realizaron xa a algúns puntos do Camiño como a Catedral de Tui, O Porriño ou Redondela. No remate entregáronlles e seláronlles a Credencial de Visita ao Centro de Interpretación, convidándoos a realizar un debuxo daquilo que máis lles gustou durante a visita.

A concelleira de Emprego e Formación, Ana Mª Núñez, e o concelleiro de Turismo e Patrimonio, Laureano Alonso, acompañaron ao primeiro grupo que participou nesta iniciativa que busca tamén formar dende a sensibilización á diversidade ao alumnado do obradoiro. O director do Obradoiro, Rodolfo Villalba, explicou precisamente que entre as actividades que levan a cabo no obradoiro está o deseño e promoción de rutas no municipio, polo que consideraron axeitado realizar esta actividade de inclusión. Ana Isabel Vila Pereira, directora e psicóloga de Anarela e coordinadora do Campamento, salientou o positivo desta actividade que espertou o interese entre os cativos e cativas.

Tui


Música, historia, cinema e deporte na oferta estival do "Verán na rúa" en Tui

A oferta estival do Concello de Tui para os meses de xullo e agosto recolle musica, historia, cinema e deporte baixo o lema de "Verán na rúa". Esta programación cultural en Tui pivota sobre tres grandes eventos que se van celebrar na cidade. Son o IKFEM, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla, a Festa do Miño, e o Festival da Cultura Arraiana, Arraianos. Recolle tamén o ciclo "Cinema de Verán", a IV Aula Internacional de Saxofón e a Noite Internacional do Miño A programación que comeza este venres, 12 de xullo, e se prolongará até o 1 de setembro foi presentada esta mañá na casa do concello.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención que precisamente esta programación cultural reflicte as potencialidades e singulariedades que ten o municipio. Así a Festa do Miño, á que dicía hai que darlle maior transcendencia no futuro, é un exemplo das potencialidades naturais de Tui, Arraianos recolle a riqueza patrimonial, o IKFEM o carácter transfronteirizo da cidade, a Noite Internacional do Miño plasma a boa saúde do movemento asociativo, e a Aula Internacional de Saxofón da visibilidade á potencialidade académica a través do Conservatorio de Música. Afirmaba o rexedor que esta programación vai ser un reclamo máis para visitar Tui este verán.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, explicou o cambio de formato na presentación da programación que por cuestións económicas non se recolle nun novo número da Axenda Corredoira Cultura, xa que indicaba que a partida de Cultura está completamente esgotada e superada. Por este motivo, en formato calendario reflíctese baixo o lema "Verán na rúa" a programación para o mes de xullo e o de agosto, e comezarán a planificar a programación de desenvolver nos últimos meses do ano. Destacaba amais a concelleira os eixos centrais desta programación co IKFEM, a Festa do Miño e o Festival Arraianos. Avanzaba a intención de dar maior pulo a Aula Internacional de Saxofón, froito do investimento público realizado no conservatorio tudense, tamén agradecía o labor do Kaiak Tudense e das asociacións culturais na Festa do Miño, un evento que considera se debe potenciar. Ao tempo aludiu á consolidación da Noite Internacional do Miño, e da proposta para público familiar co cinema na rúa.

O público familiar poderá gozar da proxección de catro películas no ciclo "Cinema de Verán" na praza de San Fernando. A primeira hoxe venres, 12 de xullo, ás 22.30 h será "Como entrenar a tu dragón 3". Mentres para o mércores, 24 de xullo, ás 22.15 h está programada "El regreso de Mary Poppins". Xa en agosto a primeira cita será o venres, 2 de agosto, ás 22.15 h coa proxección de "Small foot", e o mércores 14 ás 22.00 h a película que pechará o ciclo será "Teen Titans Go".

Este domingo, 14 de xullo, comeza a IV Aula Internacional de Saxofón, que contará cunha véntena de alumnos nas masterclasses previstas a cargo dos profesores Xosé Luis Miguélez, gañador dos premios Martín Codax ao mellor disco de jazz; Rafael Yebra, profesor catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo, e Kyle Horch, profesor catedrático do Royal College de Londres, que ofrecerá en Tui a súa primeira masterclass en España. De forma paralela celebraranse catro concertos. O domingo 14, ás 20.30 h, na igrexa de San Domingos o primeiro concerto correrá a cargo de Multiplensemble cun programa para saxofón, percursión e electrónica. O luns 15, ás 20.30 h, na praza de San Fernando actuará Xacobe Martínez Antelo trío. Mentres o martes 16, ás 21 h, na Igrexa de San Domingos Kyle Horch e Rafael Yebra presentarán un programa de música contemporánea. Sobre este concerto Jorge Vicente, coordinador da Aula Internacional, explicou amais que ao igual que nos últimos anos tamén nesta ocasión van realizar a estrea absoluta dunha obra do compositor galego Xesús Xosé Iglesias González neste concerto do martes. Clausurará os concertos Sax Inflexión o mércores 17, ás 20.30 h, no palco da música no Cantón de Diómedes, no Paseo da Corredoira.

Co lema "Music&Fashion" vaise celebrar do 14 ao 21 de xulllo a sétima edición do IKFEM, o Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade Tui-Valença. Un festival que celebrará 22 eventos en 14 espazos como o Paseo Fluvial, o Teatro Municipal, o Centro Interfederado de Remo e Piragüismo, o Seminario Menor, a Catedral, en Tui, e en distintos espazos na Fortaleza de Valença, como explicaba a directora do IKFEM, Andrea González. Amais este ano por vez primeira amplía o seu territorio cos "Concertos no Miño" que comezan este domingo en Tomiño e Cerveira. Destaca amais pola singulariedade o desfile de moda de Agatha Ruíz de la Prada e Katty Xiomara na vella Ponte Internacional o próximo venres 19. Omiri, Pedro Moutinho, O Fiadeiro, La Ritirata, serán algúns dos nomes propios que actuarán no festival, onde se estreará a Orquestra IKFEM. A programación completa pode consultarse en www.ikfem.com.

O parque do Laxal en Rebordáns será o escenario da XX Noite Internacional do Miño¸ un evento organizado pola Escola de Baile e Música San Fins de Rebordáns que cada ano presenta o folclore máis internacional con grupos de distintos continentes. Dende ás 21.30 h actuarán o Grupo Cultural Netos de Bamdin de Guinea Bisau, Folk Ballet Ensemble Simyonov de Serbia e Compañía Nacional de Danza Folclórica de México.

O sábado 10 de agosto ao longo de toda a xornada celebrarase a IX Festa do Miño que aúna deporte, lecer, gastronomía e música en distintos emprazamentos dende a ribeira de Caldelas, o río Miño, a rúa Olímpicos Tudenses, e a rúa Compostela. O programa previsto comezará coa Romaría Popular na ribeira de Caldelas, onde ás 16 h sairá o Descenso Popular do Miño para o que está xa aberto o prazo de inscrición na web www.kayaktudense.org. Salvaterra acollerá a saída do Descenso Internacional do Miño que rematará fronte ás gradas da rúa Olímpicos Tudenses. Xa dende ás 20 h a cita estará na rúa Compostela coa Festa Gastronómica e o concerto de Fillos do Estramonio. Cómpre lembrar que dende o ano pasado este evento é Festa de Interese Turístico Galego.

A programación do verán pecharase do venres 30 de agosto ao domingo 1 de setembro coa celebración da IV Festival da Cultura Arraiana, Arraianos. O conxunto histórico será o escenario dunha proposta histórica marcada este ano na época viquinga como explicaba a súa directora Andrea Costa. Un marco temporal que marcará sobre todo a actividade prevista para o domingo. Tamén avanzou que este ano se recuperan no paseo fluvial os Torneos Medievais.

Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais