|
O Concello de Tomiño aproveita o verán para mellorar o campo de fútbol do Alivio
A actuación principal será a substitución do céspede natural polo artificial, pero ademais procederas a crear novas redes de drenaxe e rego, nova iluminación e dotación de novo equipamento deportivo
O Concello de Tomiño aproveita os meses de verán para executar as obras de mellora do campo de fútbol do Alivio, no que a principal actuación é substituír a herba natural pola artificial. O proxecto, adxudicado a Mecano Sport, S.L. en 321.000 euros, inclúe tamén a creación de novas redes de drenaxe e rego, nova iluminación e dotación de novo equipamento deportivo.
Financiado pola Deputación de Pontevedra (PLAN CONCELLOS 2018-2019. Liña 1), o proxecto ten coma fin mellorar as condicións do campo de fútbol, de propiedade municipal, no que xogan o F.C Alivio e outros equipos. A actividades despregadas por eles requiren un mantemento constante en canto á protección dos elementos estruturais afectados polo paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas, a contaminación atmosférica e o natural deterioro por desgaste.
O concelleiro de Deportes, Francisco Campo, visitou as obras esta semana, explicando que as mesmas estarán rematadas no mes de setembro, para que os clubs poidan comezar cos adestramentos. Asemade, o edil comentou que "con esta obra, os tres campos de fútbol de Tomiño (O Regatiño, en Goián, A Carballa e o Alivio) contan xa con herba artificial, que é moito menos custosa no seu mantemento que a natural".
O Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández faise transfronteirizo coa Eurocidade
Por primeira vez todas as persoas participantes poderán crear as súas obras nas dúas beiras do río Miño, en Tomiño e Portugal
Celébrase o 18 de agosto e conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes de Goián e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira
O Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández cruza o río Miño da man da Eurocidade. Por primeira vez, todas as persoas participantes poderán crear as súas obras durante o certame nos espazos situados na contorna de Tomiño e Cerveira e que serán establecidos pola organización e comunicados aos participantes o mesmo día do concurso. O certame chega á súa sétima edición o vindeiro 18 de agosto e todas as persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición de balde a través do seguinte enlace https://eurocidadecerveiratomino.eu/formulario-vii-certame-de-pintura-ao-aire-libre-antonio-fernandez/ ou de forma presencial o mesmo día do certame de 09.30 a 11.30 h (hora galega) na Aula Museo Antonio Fernández de Goián.
Como cada ano, este certame de pintura reunirá a unha gran variedade de artistas e afeccionados á pintura nas inmediacións do Río Miño. O certame comezará entre as 09.30 e as 11.30 h na Aula Museo Antonio Fernández, onde a organización selará e numerará os soportes das obras e dará as directrices precisas a todas as persoas participantes.
As obras deberán realizarse en soporte ríxido como lenzo, taboleiro... de 1 cm de espesor como mínimo, en branco, sen textura e sen ningún tipo de marco. As persoas participantes terán o día dispoñible para rematar as súas creacións, que deberán entregar sen asinar e xunto co cabalete ese mesmo día entre as 17.00 e as 18.00h no Espazo Fortaleza de Goián.
Dúas exposicións
O xurado, composto por personalidades vencelladas co mundo das artes e por membros das entidades patrocinadoras dos premios, reunirase a partir das 18.00 h (hora galega) ese mesmo día para emitir o fallo media hora despois.
O Concello de Tomiño, a Comunidade de Montes de Goián e a Fundação Bienal de Arte de Cerveira, entidades colaboradoras do certame, patrocinarán os tres premios do certame, un primeiro premio de 1.500 euros e un segundo e teiro premio de 500 euros.
Toda as obras participantes exporanse do 19 ao 25 de agosto no Centro Goianés de Tomiño e do 26 ao 31 de agosto na Fundação Bienal de Arte de Cerveira.
Para máis información, pódense consultar as bases do concurso na web da Eurocidade Cerveira-Tomiño (https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades/).
Este certame forma parte das actividades desenvolvidas pola Eurocidade ao abeiro da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.
A mediación do Concello permite retirar o embarcadoiro do antigo ferry con Cerveira
Tras unha semana de arduo traballo para desmontar por partes a antiga instalación, esta xa non reviste perigo para os deportistas
A mediación do Concello de Tomiño posibilitou a retirada do embarcadoiro do antigo ferry-boat que unía Goián e Cerveira e que, dado o seu estado de deterioro e abandono, constituía un perigo para os piragüistas do Club Deportivo Miño e público en xeral. Logo de que repetidas veces durante os últimos anos, o Concello solicitara a Portos de Galicia, a retirada do mencionado embarcadoiro, sen resultados, o primeiro conseguiu chegar a un acordo para que un estaleiro de A Guarda se ofrecera a desmontar a antiga instalación e a levala río abaixo, sen custes para a Xunta de Galicia, a cambio de aproveitar os materiais para construír un pantalán flotante na Pasaxe.
Deste xeito, tras unha semana de arduo traballo para desmontar por partes o antigo embarcadoiro, este xa non representa un perigo para os deportistas que pasan polo río. Só resta retirar nestes días a parte flotante da instalación.
Adega do Vimbio abriu as súas portas o xoves para dar a coñecer os seus secretos no cultivo da vide e na elaboración do viño
A actividade continuará en agosto, coas visitas a Viveiros Nilo (8/8) e Félix, obrador de bombos (22/8)
A Ruta Artes e Oficios 2019 continuou este xoves (18 de xullo) cunha visita guiada pola Adega do Vimbio. Trátouse dunha actividade, de balde, que teve coma fin promocionar o patromonio de Tomiño. Explicarase todo o proceso para a elaboración do viño e rematarase cunha cata-degustación.
Adega do Vimbio é unha adega pequena, nutrida das uvas que proceden de tres fincas que suman 2,5 hectáreas, dirixida por Martín Crusat e Patricia Elola, biólogo e licenciada en medio ambiente, respectivamente.
A actividade continuará no mes de agosto con: Viveiros Nilo (8/8) e Félix, obrador de bombos (22/8).
Asemade, Magín Picallo (escultor) e Pilar Alonso (pintora), son dous recoñecidos artistas que completarán a Ruta Artes e Oficios 2019 con obradoiros de iniciación dentro do programa "Creando con". No Caso de Picallo será un taller gratuito de iniciación ao modelado (29 de xullo ao 2 de agosto), e no de Pilar Alonso, pintora viguesa afincada en Tomiño, un curso de iniciación ao debuxo botánico sobre plantas que se dan na beira do Miño ao seu paso pola vila, cun custe de 35 euros. En ambos os dous casos é necesario apuntarse a través da web (https://tomino.gal/inscricion-de-actividades-de-arte-e-patrimonio/).
Por outra banda, continúa aberta no Mercado Municipal (1º andar) a Exposición Rutas e Oficios 2019, na que se explica cada actividade en detalle.
A ruta comezó o pasado xoves con grande éxito de participación, cunha visita ao Pazo Valdomiño (fotos).
|