|
Reabre o Centro de Interpretación "Tui, Porta do Camiño Portugués a Santiago" no convento de San Domingos
O Centro de Interpretación "Tui, Porta do Camiño Portugués de Santiago", situado no convento de San Domingos, en pleno trazado do Camiño de Santiago, está novamente aberto ao público.
Alumnos e profesores do Obradoiro de Emprego xunto a técnicos da Oficina de Turismo son os encargados de atender aos visitantes que se acheguen até este punto, podendo realizar tamén aquí o selando a Credencial do Peregrino. O horario de apertura é de luns a venres de 9 a 14 h.
A través de distintos paneis informativos, en varios idiomas, achéganse ao visitante diversos aspectos das peregrinacións xacobeas que dende os seus inicios ligaron á cidade de Tui a este Camiño de Santiago, destacando amais o feito de ser a porta de entrada do Camiño en Galicia.
Unha serie de caixas de luz presentan o percorrido do Camiño Portugués dende Valença ata Santiago de Compostela, con fotografías de gran formato sobre os principais enclaves. A exposición complétase cunha imaxe de San Roque cos atributos de peregrinos, e outros obxectos vinculados ao fenómeno xacobeo na cidade.
Nos seis primeiros meses deste 2019 un total de 7.014 peregrinos saíron de Tui Camiño de Compostela, mentres que foron máis de 30.534 os que realizaron o Camiño Portugués a Santiago, e pasaron pola cidade, xa que dende Tui é a distancia mínima para obter a Compostela. En 2018 dos 67.822 peregrinos que realizaron o Camiño Portugués 5.308 partiron dende Tui.
Os venres comezan as visitas guiadas á Xudería de Tui
Martes e xoves haberá percorridos polo Museo Diocesano onde se poderán ver os Sambenitos
Os venres póñense en marcha as visitas guiadas gratuítas ao conxunto histórico de Tui centradas este ano no patrimonio xudeu. Realizaranse os venres, sábados e domingos ás 20 h con saída dende a Oficina de Turismo, na praza de San Fernando, cun percorrido pola xudería tudense con lugares coma a Sinagoga, a Casa de Salomón, a menorá da Catedral, entre outros elementos. Será conducida polo historiador tudense Suso Vila.
Amais dende a próxima semana os martes e xoves ás 20 h haberá visitas guiadas ao Museo Diocesano, na praza do Concello, onde se poderán admirar os Sambenitos, pezas únicas no mundo.
Os Bolechas estarán este sábado en Tui con "Somos unha gran familia"
A actividade, dirixida a cativos e cativas de 3 a 9 anos, celebrarase ás 12 h na Sala Félix Rodríguez
Os Bolechas, os populares personaxes creados por Pepe Carreiro, estarán este sábado, 13 de xullo, ás 12 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica con "Somos unha gran familia". Trátase dunha actividade participativa dirixida a nenos e nenas de 3 a 9 anos e as súas familias. Chegan dentro do programa FalaRedes que promove a Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, coa coordinación neste caso da Biblioteca Pública Municipal de Tui.
Da man de Sonia, Pili, Loli, Carlos, Braulio e Tatá e o seu can Chispa, os asistentes coñecerán o léxico referido ás relacións de parentesco e descubrirán a importancia da familia a través do teatro e do xogo. De xeito transversal, tocarán temas como o traballo en equipo, a colaboración, o fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas. A actividade ten unha duración aproximada de 50 minutos.
Esta actividade dos Bolechas está reflectida nun apartado específico da súa web - http://www.osbolechas.gal/FAMILIA/ - onde os interesados poden acceder a xoges e unidades didácticas, así como a un sorteo de libros dos Bolechas.
O 31 de xullo remata o prazo para presentar as solicitudes ao plan Rexurbe
O IGVS destinará 300 mil á compra de inmobles no conxunto histórico de Tui para a súa rehabilitación ou renovación.
O Concello de Tui lembra que até o 31 de xullo está aberto o prazo para que os propietarios de vivendas no conxunto histórico de Tui poidan presentar a súa solicitude á oferta de compra que realiza a Xunta de Galicia a través do Plan Rexurbe. Ao abeiro deste plan o IGVS destinará 300 mil á adquisición de inmobles situados no conxunto histórico de Tui para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación.
O pasado 8 de abril publicouse no DOGA a resolución pola que o IGVS acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos de Tui, Ferrol, Betanzos, Ribadavia e Ourense para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación.
Segundo o recollido na resolución os propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen ata o próximo 31 de xullo para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo. Na resolución publicada no DOGA recóllense as características que deben reunir os inmobles, así coma o proceso de solicitude que deben cumprimentar os propietarios que desexen vender as vivendas situadas nas rúas Bispo Lago, Antero Rubín, Cuenta, Piñeiro, Sanz, Pracer, Bispo Castañón, Porta da Pía, Ordóñez, Seixas, Párroco Rodríguez Vázquez, San Telmo, Tide, Ouro, nos calexóns das Monxas, Tide, Ouro, camiño Entrefornos, ou nas prazas de San Fernando, Pracer, do Concello, e da Armada Española.
O Concello e Confederación Hidrográfica manteñen o compromiso para asinar un convenio para construír a ponte peonil sobre o río Louro
Enrique Cabaleiro reuniuse a 9 Jullo con José Antonio Quiroga abordando tamén a recuperación da pesqueira do Louro no citado convenio
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuniuse esta mañá en Ourense co presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga Díaz, para abordar a recuperación do convenio entre ambas institucións para construír unha ponte peonil sobre o río Louro. Tras o encontro desta mañá o alcalde comprometeuse a pór de inmediato en marcha o proxecto expropiatorio dos terreos afectados pola construción desta ponte, un trámite que o rexedor agarda poder completar antes de finais de ano. O seguinte paso será a revisión do borrador do convenio Concello-Confederación actualizando os seus importes - xa que data de 2014 e daquela ascendía a 160 mil euros - e incluíndo tamén a recuperación da pesqueira situada na desembocadura do Louro. As obras a executar serían financiadas ao 50% por ambas institucións.
Enrique Cabaleiro salientou a "firme vontade" atopada no presidente da Confederación Hidrográfica para recuperar e ampliar este convenio. Engade que precisamente a construción da ponte peonil sobre o Louro é un paso vital para continuar co proxecto do trazado das sendas do Miño dende Tui até Caldelas. Precisamente avanza o alcalde de Tui a intención de comezar tamén o proxecto expropiatario dos terreos afectados por esta outra senda. No tocante á senda do Miño cara Tomiño o Concello levará a cabo o desbroce do trazado para proceder ao seu estaquillado, para que así os propietarios afectados poidan comprobar in situ a superficie que abranguería a senda. No caso de conseguir a cesión gratuíta por parte dos propietarios o concello poría a dispor os terreos da Dirección Provincial de Costas, que mantén o compromiso de execución da senda até o termo municipal de Tomiño.
A Biblioteca Pública Municipal pecha os martes 9 e 16 por formación do persoal
A Biblioteca Pública Municipal de Tui permanecerá pechada os martes 9 e 16 de xullo tanto en horario de mañá como de tarde debido a que todo o seu persoal ten que asistir en Santiago a sendas xornadas de formación.
Dende o Concello de Tui pídese desculpas aos usuarios polas molestias que o peche poida ocasionar.
Lembramos que a Biblioteca Pública Municipal de Tui, situada no primeiro andar da Área Panorámica, abre de luns a venres en horario de 9.30 a 13.30 h e de 16 a 21 h e os sábados de 9.30 a 13.30 h .
|