|
Unha ducia de persoas recollen cinco sacos grandes de lixo a través dunha ruta en kaiak organizada polo Concello
Entre os obxectos atopados, figuran rodas de vehículos, botellas de plástico e cristal, bolsas, macetas, tenis, envases de comida, etc.
Unha ducia de persoas voluntarias participaron onte na actividade de Recollida de lixo en kaiak, organizada polo Concello a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). O percorrido iniciouse e rematou nunha zona próxima ao embarcadoiro de Goián, pasando por debaixo da ponte internacional até á altura do Lenta (Cerveira), aproximadamente.
Os voluntarios e voluntarias recolleron cinco sacos de grandes dimensións con todo tipo de lixo; sobre todo, botellas de plástico e cristal, macetas e bolsas plásticas, tenis, chancletas, envases de comida, etc., sen contar un bo número de pneumáticos de vehículos de diferentes tamaños, coma xa ocorrera en anos anteriores.
Desde a OMIX queren dar as grazas a todas as persoas que participaron nesta actividade de valor ambiental e respecto ao medio; un dos temas nos que o Concello está a traballar de forma transversal.
O "Barrantes Folk" chega este sábado á Praza do Seixo con tres actuacións de música tradicional
Participan Banda de Gaitas San Vicente de Barrantes, grupo Lirolai, do Rosal, e Coral San Telmo, de Tui
Dentro do ciclo "O son da Praza", este sábado, 13 de xullo, chega á Praza do Seixo unha nova edición do "Barrantes Folk", un festival organizado pola Banda de Gaitas San Vicente de Barrantes e patrocinado pola asociación veciñal do mesmo nome e o Concello de Tomiño.
O festival, para todos os públicos e de balde, comezará ás 22.30 horas e contará coa actuación da propia banda de Barrantes, o grupo "Lirolai" de O Rosal, e a Coral San Telmo, de Tui, coma agrupación convidada.
A nova axenda de verán do Concello reúne máis de 60 propostas culturais e deportivas organizadas desde diferentes áreas, que da coma resultado un programa de actividades transversal e integrador, no que teñen cabida a todas as citas relacionadas coa cultura, o deporte, a mocidade, o voluntariado, o patrimonio, etcétera.
A programación aglutina todas as actividades organizadas no municipio para o vindeiro trimestre; actividades que forman parte da recén editada axenda en papel, a mesma que recolle máis de 60 espectáculos ou outros eventos que se levarán a cabo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro de 2019.
Dentro da mesma, destacan os ciclos de música "O Son da Praza", e "Cine na rúa", ambos os dous no Seixo, que traen espectáculo e colorido á Praza do Seixo, ao longo de todo o verán, con concertos de música, baile tradicional galego, cine familiar e infantil, etc.
O Son da Praza continuará con dous espectáculos máis no mes de xullo: o II Festival "Vaideson", organizado pola Asociación Cultural Escola de Gaitas e Danza Virxe do Alivio (20/7), e o XXVI Encontro dos Pobos, organizado polo Grupo de Baile e Gaitas "Do Lusco ó Fusco", de A Guarda.
En agosto o ciclo traerá a música de "Gara Quartet" (2/8), "Best Boy" (3/8), The Tetas' Van (9/8), "Os Meninos" (10/8), Festival Infantil Virxe do Alivio (17/8), "Áureas" (23/8), e "Antifrágil" (24/08).
Visita guiada pola destilería con explicación do proceso de elaboración dos licores. É necesario inscribirse a través da web do Concello (tomino.gal)
A edición 2019 da Ruta das Artes e Oficios organizada polo Concello de Tomiño, arrancou o xoves, 11 de xullo, cunha visita guiada polo Pazo Valdomiño, con saída ás 20.30 horas. Trátase dunha actividade, de balde, que ten coma fin promocionar o patromonio de Tomiño. Enfocada esta vez, máis nos oficios que nas artes (coma en anos anteriores), a ruta permitirá coñecer mellor ás empresas e particulares que desempeñan un oficio tradicional; neste caso, a elaboración de licores. A visita rematou cunha cata de degustación(tomino.gal).
A ruta continuará o xoves 18 de xullo coa visita á Adega do Vimbio; Viveiros Nilo (8/8) e Félix, obrador de bombos (22/8).
Asemade, Magín Picallo (escultor) e Pilar Alonso (pintora), son dous recoñecidos artistas que completarán a actividade con obradoiros de iniciación dos seus oficios, dentro do programa "Creando con". No Caso de Picallo será un taller gratuito de iniciación ao modelado (29 de xullo ao 2 de agosto), e no de Pilar Alonso, pintora viguesa afincada en Tomiño, un curso de iniciación ao debuxo botánico sobre plantas que se dan na beira do Miño ao seu paso pola vila, cun custe de 35 euros.
Por outra banda, continúa aberta no Mercado Municipal (1º andar) a Exposición Rutas e Oficios 2019, na que se explica cada actividade en detalle.
É necesario apuntarse tamén a través da web.
As valedoras de Cerveira e Tomiño, finalistas do premio de "Boa práctica en participación cidadá 2019"
. Trátase dun novo recoñecemento ás políticas de impulso á participación pública,
concedido polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa
. O proxecto resultou elixido como unha das 14 mellores prácticas de participación cidadá, xunto ás de cidades de Europa e América, como Grenoble e Bordeaux (Francia), Vitoria-Gasteiz (España), Medellín (Colombia), Kazan (Rusia) ou Córdoba (Arxentina).
A figura das valedoras-provêdoras transfronteirizas da Eurocidade Cerveira-Tomiño, vén de ser seleccionada coma finalista do premio "Boa práctica en participación cidadá 2019", concedido polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa.
O obxectivo desta distinción é recoñecer as experiencias innovadoras que os gobernos locais promoven no campo da democracia participativa. Adicionalmente, búscase dar visibilidade a estas prácticas, achegalas a outros gobernos locais e que poidan ser replicadas, así como favorecer o traballo en rede.
As propostas deben ter como obxectivo principal o fortalecemento comunitario, a ampliación dos dereitos da cidadanía relacionados coa participación política e a mellora da calidade das decisións públicas a través de mecanismos de democracia participativa.
Un xurado experto avaliará, a partir de agosto, as candidaturas finalistas para decidir o premio final que se entregará en México, en decembro de 2019, no marco da XIX Conferencia da OIDP.
O Observatorio Internacional da Democracia Participativa (OIDP) https://oidp.net/es, nacido en 2001, é unha rede de máis de 600 cidades do mundo, entidades, organizacións e centros de investigación que queren coñecer, intercambiar e aplicar experiencias sobre democracia participativa no ámbito local.
Todas as propostas finalistas poden consultarse aquí: https://participate.oidp.net/processes/award2019/f/104/proposals?locale=es&utf8=%E2%9C%93&filter%5Bsearch_text%5D=&filter%5Borigin%5D=&filter%5Borigin%5D=all&filter%5Bstate%5D=&filter%5Bstate%5D=accepted&order=random
Menos fronteiras
Na candidatura, os responsables da Eurocidade Cerveira-Tomiño salientan, por exemplo, que "aínda que dentro da Unión Europea, as fronteiras físicas deixaron de existir, hai moitas fronteiras burocráticas que impiden unha cooperación eficaz entre os cidadáns locais...A existencia destas novas e pioneiras institucións transfronteirizas facilita o empoderamento cidadán, co obxectivo de construír eurocidadanía e zonas francas sociais e administrativas, con maior igualdade e mellor calidade de vida, de acordo ás prioridades definidas no marco europeo".
As valedoras da cidadanía transfronteiriza de Cerveira e Tomiño (María de Lurdes Guerreiro e Zara Pousa, respectivamente), teñen a función de garantir a defensa e o logro dos dereitos e intereses particulares dos residentes de Vila Nova de Cerveira (Portugal) e Tomiño (Galicia, España) como cidadáns transfronteirizos europeos. En 2018 presentaron un Informe de recomendacións para a eliminación das barreiras á mobilidade transfronteiriza infanto-xuvenil que propiciou un estudo da Comisión Europea sobre este problema, no marco da iniciativa "B-Solutions".
Goián rende homenaxe á amizade dos pintores Antonio Fernández e Eduardo Padín
Unha mostra única que reúne 16 lenzos de ambos os autores, que se atopaban en mans das familias e coleccionistas; documentos, artigos de prensa, debuxos, postais, etc.
A Asociación Cultural Pintor Antonio Fernández, de Goián, inaugurou na tarde-noite do pasado venres, coa colaboración do Concello de Tomiño, a exposición "Antonio Fernández, Eduardo Padín. Homenaxe entre amigos".
Unha mostra única que reúne 16 lenzos de ambos os autores que se atopaban en mans das familias; documentos, artigos de prensa, debuxos, postais, borradores de cartas entre os pintores; un cadro de Antonio Fernández dedicado a Padín e pintado polas dúas caras, e a única foto que se conserva dos dous artistas xuntos.
Entre as pezas expostas atópanse dúas de singular importancia: unha carta escrita en galego por Antonio Fernández ao seu colega e amigo Eduardo Padín, de Tui, e un artigo de 1968 da Folla do Luns, de Faro de Vigo, escrito por Padín a Fernández, no que lle dá as grazas pola súa amizade e labor profesional.
A inauguración da exposición tivo lugar na sala anexa da aula-Museo Antonio Fernández, situada en fronte da praza de Goián e contou coa asistencia da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e de Clodio González Pérez, membro da Real Academia Galega, entre outras autoridades e persoas relacionadas coa cultura e as artes. A mostra permanecerá aberta até o 26 de xullo en horario de 11.00 a 14.00 horas.
Manuel Villa Troncoso (Mané), presidente da asociación organizadora, explicou que a mostra se fixo coincidir coas festas de Goián e tamén co primeiros cinco anos da aula- Museo do pintor.
Preparan ademais unha macro exposición para o 2020 cando se cumpren 50 anos da morte de Antonio Fernández.
|