JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Susana Seivane presenta Sábado en Tui "FA" o seu disco máis intimista e tenro

O concerto está previsto ás 22.30 h na rúa Compostela dentro do programa Musigal Son Tradición

"Sabendo Miradas", "O Primeiro Baile", "Sentirte, Amarte" ou "Papá Pum Pum" son algúns dos doce temas de "FA" o último traballo discográfico que Susana Seivane presentaba en setembro do ano pasado, e que mañá interpretará en Tui no concerto que ofrecerá a partir das 22.30 h na rúa Compostela. Trátase dun disco intimista, romántico e tenro inspirado nos sentimentos da súa maternidade. O seu título "FA" son precisamente as iniciais dos nomes dos seus fillos Fiz e Antón. Susana Seivane construíu a través deste temas unha paisaxe sonora na que están presentes as súas raíces con novos matices froito da súa madurez como compositora e instrumentista.

No concerto xunto a Susana Seivane estarán sobre o escenario Miguel González, saxo; Rubén Deschamps, guitarra e mandolina; Carlos Freire, batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez, baixo eléctrico. Amais dos temas de "FA" repasarán tamén outros da súa longa carreira musical, todo nun espectáculo fresco e orixinal.

Este concerto de Susana Seivane chega a Tui dentro do programa "Musigal Son Tradición" da Deputación de Pontevedra.

Susana Seivane naceu no seo dunha das familias con máis prestixio e sona no mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Con 3 anos da man do seu pai iniciou a súa andaina musical, na que influíron mestres coma o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas. Ao longo dos anos desenvolveu un estilo xenuíno e propio, aberto ao legado e influencias doutras músicas.

Restricións no Tráfico

Debido á celebración deste concerto de Susana Seivane mañá haberá restrición no tráfico na rúa Compostela. Así o tramo desta rúa comprendido entre a rúa Ourense e Mondoñedo estará pechado ao tráfico e ao estacionamento dende mañá sábado ás 8 h até o domingo ás 8 h. Amais dende as 18 h pecharse tamén o tramo da rúa entre cruzamento entre Mondoñedo e Betanzos.

Tui


Inauguración da exposición "Os óleos de Xulia"

Sábado, 6 de xullo, ás 19 h será inaugurada na Sala de Exposicións da Área Panorámica a mostra "Os óleos de Xulia" da pintora Julia Rodríguez Estévez, natural de Tui que reside na actualidade en Vigo.

O acto contará coa presenza amais da autora do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente.

A exposición poderá visitarse até o domingo día 14 de xullo en horario de luns a sábado de 12 a 14 h e de 17 a 20 h e os domingos de 12 a 14h.

Tui


Tui celebra esta fin de semana o Concurso de Gaita e Tamboril e o Día da Muiñeira

O gaiteiro tomiñés Manuel Fernández Fernández será o homenaxeado este ano

A cultura tradicional representada no noso folclore será a protagonista esta fin de semana en Tui coa celebración do V Concurso de Gaita e Tamboril e do VI Día da Muiñeira organizados pola Asociación Cultural San Telmo coa colaboración do Concello de Tui.

Estes eventos foron presentados esta mañá na casa do concello por Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino e Cultura, Conchi Sales e Verónica Morais, presidenta e vogal da Asociación San Telmo.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, felicitou á asociación San Telmo por organizar este concurso, xa consolidado no panorama festivo e cultural, destacando a súa singulariedade. Afirmou que "Tui convértese esta fin de semana na capital de Galicia do patrimonio inmaterial". Tanto este certame coma o Día da Muiñeira, dicía Enrique Cabaleiro, amosan o "compromiso da sociedade tudense e do movemento asociativo coa cultura".

Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino e Cultura, manifestou estar orgullosa de presentar estes eventos que poñen o enfoque na nosa música tradicional coa gaita, o tamboril e a muiñeira.

Pola súa parte Conchi Sales explicou que dende a súa creación ano 2013 a Asociación San Telmo fixou coma obxectivos potenciar e transmitir os costumes tradicionais da cidade. Nesa liña recuperaron o Concurso de Gaita e Tamboril do que hai constancia da súa celebración en Tui xa no ano 1890 até os anos 40. A súa quinta edición celebrarase o sábado, 6 de xullo, ás 20.30 h na Praza de San Fernando. Participarán seis parellas de gaita e tamboril que interpretarán dúas pezas tradicionais da súa elección cun tempo de execución que oscilará entre os 6 e os 8 minutos. O xurado estará composto polo mestre-artesán Antón Corral, o mestre de gaita e gaiteiro Anxo Lorenzo, a mestra e percursionista Lola Fernández, o mestre percusionista Roi Alexandre Adrio, e o mestre de gaita e gaiteiro, Pedro Fariñas. Establécense tres premios, o primeiro dotado con 400€ e punteiro pao violeta especial en D-N con boquilla e funda; o segundo con 300€ e farrapo para ronco de gaita, e o terceiro de 200€ e pandeireta de cantareira.

Os participantes no concurso serán:

" "Xarxa" formado por Marina Fernández e Marilú Campos de Vigo que interpretarán "Toque de Chifro" e "Xota Sonámbula".
" "Meigas Fritas" formado por Manuel Román Seoane e Miguel Pardo de Castro de Sobrado dos Monxes que interpretarán "Urbión" e "Caribeña".
" "Os Feiticeiros" de María López do Ferrol e Rubén Martínez de Tui que interpretarán "De volta e media" e "Muiñeira para Devigo".
" "Os Millarancos" de Nadia Vázquez e Fernando Estévez da Guarda que interpretarán "Ironía é a miña burriña" e "Muiñeira das Fiadas"
" "Polilleiros" de Xesús Rodríguez e Santiago José López de Teo que interpretarán "Fonte Dourada" e "Azul ou gris"
" "Os Coirachos da gaita" de Diego Prieto e Diego Pazo de Castro Caldelas que interpretarán "Novo milenio" e "Muiñeira para Devigo".

Homenaxe ao gaiteiro Manuel Fernández Fernández

No transcurso do V Concurso de Gaita e Tamboril renderase homenaxe ao gaiteiro de Cristelos, Tomiño, Manuel Fernández Fernández. A Asociación San Telmo ten apostado por render cada ano unha homenaxe aos músicos e persoeiros relacionados co mundo da música tradicional na comarca do Baixo Miño, recoñecendo así a súa contribución á conservación e divulgación da nosa música tradicional.

Manuel Fernández Fernández, nado en 1938 en Cristelos, Tomiño, sentiu dende neno paixón pola música tradicional, que herdou do seu avó Xosé Fernández "O Maluco" fundador da Treboada do Maluco, considerado o mellor gaiteiro de barquín da contorna, e do seu pai Manuel Fernández González, que tocaba o requinto.

Manuel Fernández comezou con nove anos a tocar o requinto con Enrique Patoa, e continuo logo nos Beiramiño de Tomiño. Formou parte do grupo Brisas de Goián, onde tocaba a gaita. Estivo en activo até hai tres anos tocando en romarías, festas, …

VI Día da Muiñeira con trece asociacións participantes

Xa o domingo, 7 de xullo, ás 20.30 h celebrase o Día da Muiñeira, recuperando por sexto ano consecutivo outro evento tradicional que se celebraba en Tui e que deixara de facerse nos últimos anos. As trece agrupacións participantes sairán ás 20.30 h en desfile dende a Área Panorámica até o Paseo da Corredoira onde todos xuntos bailarán "Xota de Tomada", "A xeitosa", "Muiñeira de Armenteira" e "Muiñeira de Molete" interpretada polo grupo de gaitas da asociación San Telmo. Estas pezas serán bailadas de forma conxunta polos máis de 200 integrantes dos grupos tudenses Inquedanzas de Pazos de Reis; Saragana da Asociación Cultural do Traxe de Tui; Santa Columba de Ribadelouro e Alfándega da Asociación Cultural San Telmo de Tui, xunto a Virxe do Alivio de Tomiño, Carballo de Cen Polas de Redondela; os gondomareños A Merced de Chaín; Ecos e Agarimos de Peitieiros, e os vigueses Ariños do Coto, Andarela, Semente da Arte Galega de Beade, AAVV O Carballo de Sárdoma e Os Ventos de Comesaña.

Intensa fin de semana en Tui

Tui prepárase para vivir unha intensa fin de semana de actividades na que amais do Concurso de Gaita e Tamboril e o Día da Muiñeira, o sábado ás 22.30 h actuará na rúa Compostela Susana Seivane, o domingo celébrase no Monte Aloia a Romaría das Angustias, e tanto sábado coma domingo os veciños das parroquias tudenses de Caldelas, Baldráns, Paramos e Guillarei e da valencianas de Friestras, Verdoejo e Ganfei se reúnen no VI Encontro Intercultural Luso Galaico dos pobos da raia do río Miño. Convidaba Enrique Cabaleiro a visitar Tui e disfrutar de todos estes eventos.

Tui


Carme Núñez reclama que se limpe a zona exterior da Alameda de San Domingos e o arranxo da fonte do Paseo Familia Álvarez Blázquez

O BNG solicita que se arranxe a conducción de auga que abastece a fonte situada no parque infantil do Paseo da Família Alvarez Blázquez levando esta petición a través dun rogo ao vindeiro pleno municipal.

Tal como se mostra nas fotografías, a fonte está sen auga nun local onde as crianzas e familias pasan tempos de xogos e ocio. Segundo comentan @s usuari@s do parque infantil, o desperfecto leva meses sen arranxar.

"Nesta época de verán, con altas temperaturas, non ten sentido que os recursos hídricos nos parques onde xogan nenas e nenos, non sexan aproveitados corretamente."apuntou Carme Núñez, portavoz municipal do BNG en Tui.

Por outra parte, a maleza invade tamén a zona exterior da Alameda, a que dá contra o río, como mostran as fotografías que adxuntamos. "Animamos aos responsábeis municipais a dar un paseo pola zona e comprobar eles mesmos, directamente, canto se pode mellorar, sen dúbida, a limpeza e adecentamento desta parte da nosa contorna", sinalou a portavoz nacionalista.

BNG Tui


A Avenida de Portugal será remodelada cun investimento de 750 mil antes do Xacobeo 2021

O alcalde de Tui amosa a súa satisfacción polo compromiso do goberno central para dar resposta a esta vella demanda da cidade

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou hoxe a súa satisfacción polo compromiso do goberno central para levar a cabo a remodelación da Avenida de Portugal dende a vella Ponte Internacional até o cruzamento co Parador de Turismo. Así llo confirmou a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, na reunión que mantiveron este mediodía na casa do concello. O alcalde lembrou que esta era unha vella demanda da cidade que fóra xa obxecto dunha moción plenaria en 2011 e que cando chegaron ao goberno en 2015 foi a primeira memoria valorada que realizaron.

Destacou Enrique Cabaleiro que se trata unha vía estratéxica por ser porta de entrada dende Portugal, e por ser amais o inicio do Camiño Portugués en Galicia, por onde destacaba pasan milleiros de peregrinos cada ano. Deste xeito con estas obras solucionarse a situación de precariedade na que se atopa este vial.

Agradeceu o mandatario tudense a celeridade coa que a subdelegada do Goberno en Pontevedra, atendeu a petición realizada polo rexedor para reunirse para abordar distintos temas na cidade, e achegar xa este compromiso para a humanización da Avenida de Portugal, na que o Ministerio de Fomento investirá aproximadamente 750 mil euros.

Segundo o exposto por Maica Larriba, subdelegada do goberno en Pontevedra, a obra estará rematada antes do Xacobeo 2021, xa que prevén licitar o proxecto definitivo a comezos do próximo ano e posteriormente a obra. Explicou que o proxecto de remodelación ten por obxectivo mellorar a seguridade vial nun tramo de medio quilómetro. Para iso reordenarase a sección actual da N-551 entre a intersección coa N-550 e o edificio da antiga Alfándega mellorando as seccións para os itinerarios peonís, a mellora do entorno e a reordenación do tráfico no entorno do edificio da policía fronteiriza. Prevese a ampliación de beirarrúas e a construción dunha rotonda entre a Avenida de Portugal, o cruzamento do Parador e a estrada N-550.

Tui


O alcalde e a concelleira de Ensino recibiron hoxe ao alumnado do IES Indalecio Pérez que participou no programa Erasmus +

O Concello e o IES estudarán a posibilidade e que o alumando do centro poida realizar prácticas en servizos municipais

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, recibiron a 1 de xullo ao alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón que participou este curso no programa Erasmus +. O vicedirector do centro Xosé Manoel Álvarez acompañou na visita á casa do concello aos alumnos e alumnas do ciclo de Comercio Cristina Míguez, Estefanía Lago e Hanns Heironimus e do de Electricidade Miguel das Dores e Cristian Zilmam.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, interesouse pola experiencia vivida polo alumnado nestas prácticas en Italia e Portugal, ao tempo que salientou "a importancia de poder contar con esta oportunidade de ter unha experiencia laboral noutro país". A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, apuntou coma estadías coma estas "contribúen ao afianzamento coma persoas noutro entorno".

No transcurso da recepción plantexouse a posibilidade de que o alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón poida realizar no futuro as súas prácticas laborais en distintos departamentos do Concello. Un tema que quedaron de estudar por ambas partes.

O alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón coincidiu en sinalar o positivo desta oportunidade de realizar prácticas no estranxeiro, o que lles permitiu coñecer o xeito de traballo e vida noutros países.

Durante dous meses e medio estiveron en Parma, Italia, Cristina Míguez, que realizou prácticas na libraría Futurino, e Hans Heironimus, que traballou na tenda especializada en produtos de tenis Gran Slam. Amais Sergio Valle realizou durante dous meses prácticas na tenda Free Sports en Parma. Mentres Miguel das Dores e Cristian Zilmam realizaron as prácticas durante dous meses en ElectroBarcelos en Barcelos, Portugal.

Estefanía Lago do ciclo de Comercio disfrutou de 9 meses de prácticas na empresa Tezenis en Conegliano, Italia, grazas ao programa concertado da Deputación.

Tui


O Paseo da Corredoira será peonil nas fins de semana de verán

O tramo entre Rosa Bahamonde e os soportais pecharase ao tráfico o sábado ás 14 até o domingo ás 00h

O Paseo da Corredoira pecharase ao tráfico rodado e ao estacionamento durante as fins de semana dos meses de xullo e agosto. A medida comezará a aplicarse este sábado, 6 de xullo, e estará vixente até finais de agosto. Deste xeito os sábados dende ás 14 h e ata o domingo ás 00 h non se poderá estacionar nin circular no tramo do Paseo da Corredoira comprendido entre o cruzamento coa rúa Rosa Bahamonde e os soportais.

Con esta medida de peonalización puntual búscase ampliar a área de paseo e lecer en pleno centro urbano, nunha zona moi frecuentada na época estival.

Dende o Concello de Tui agradécese a colaboración cidadá retirando os coches aparcados nesta zona antes do sábado ás 14 h.

Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais