|
Comezan as xeiras polo patrimonio etnográfico de Tomiño
A primeira terá lugar o xoves 4 de xullo a partir das seis e media da tarde
"As pegadas na paisaxe: mámoas, ouro, toponimia e garranos" é o nome da primeira xeira de este ano organizada polo Concello de Tomiño, coa colaboración, neste caso, do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). Xosé Lois Vilar será o guía experto desta saída, na que se percorrerán, a partir das seis e media da tarde, os xacementos de minaría romana, mámoas e toponimia desta zona (Vilachán do Monte e Pinzás).
A duración prevista da actividade é de tres horas e media. É para todos os públicos e de balde, pero precisa inscrición chamando ao teléfono 986 62 20 01/03 en horario de mañá (8 a 2). Recoméndase levar roupa e calzado cómodo.
A seguinte xeira (xoves 1 de agosto) será "O Monte Tetón nova lectura: homes, garranos, cervos e cans", tamén dirixida por Xosé Lois Vilar, do IEM. Esta actividade constará de dúas partes: unha conferencia sobre o tema no salón de plenos do Concello, e a continuación, unha saída de campo para ver os petróglifos do Monte Tetón. Comezará ás 20.30 horas, cunha duración de tres horas e media. A actividade é de balde e require inscrición previa. Hai que levar roupa e calzado cómodo e lanterna.
O 29 de agosto, tamén xoves, terá lugar a xeira "Camiño da Nosa Señora do Norte: terceira etapa, ollando cara Tebra". A saída será tamén ás 18.30h e a duración de 3.30h. Esta visita será guiada por Antonio Soliño (do IEM) e percorrerá os principais puntos de interese patrimonial por onde transcorría o Camiño de Santiago por Tomiño. Tamén de balde, con inscrición previa e roupa e calzado cómodo.
Música de Cabo Verde para promover a interculturalidade en Tomiño
- O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres do país lusófono, inicia na vila a nova xira por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación
- A entidade cofinanciou no arquipélago africano máis de trinta proxectos solidarios en materia de xénero, educación, auga e saneamento ou vivenda
O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, actúa a vindeira fin de semana en Tomiño, iniciando así unha nova xira por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión. Será na Praza do Seixo este sábado 6 de xullo, ás 22 horas, no marco do programa municipal 'O son da praza'.
A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que vai intercalando entre eles breves explicacións. O grupo reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións. En Tomiño, A Guarda, A Laracha, Trives e Narón terán oportunidade de comprobalo este ano.
Dar a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego é outro dos obxectivos desta actividade de sensibilización, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Desde 2002, a asociación de administracións locais promoveu nas illas máis de 30 proxectos en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.
A alcaldesa de Tomiño pide á conselleira de Infraestruturas que desprace a un técnico para informar á veciñanza sobre o 2º tramo da VAP
A rexedora local agradeceu a Ethel Vázquez que o proxecto permita aos propietarios de fincas lindantes acceder a través de pasos inferiores
A alcaldesa de Tomiño solicitou á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que a Xunta envíe un técnico para explicar de forma máis ampla o proxecto do 2º tramo da VAP Tui- A Guarda e o proceso de alegacións, publicado hoxe no DOG. Asemade, agradeceu que o novo trazado do tramo presentado hoxe en Tomiño, permita á veciñanza do lugar acceder a través de pasos inferiores, facilitándolle a vida diaria.
A rexedora local mantivo hoxe no Concello, previa á presentación pública do proxecto, unha reunión de traballo coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordando o proxecto antes de presentalo publicamente, ante a corporación municipal, medios de comunicación, etc. Así mesmo, a alcaldesa comprometeuse a estudar en detalle o novo proxecto para, en caso de ser necesario, presentar algunha alegación de cara á mellora do mesmo.
Trátase do inicio do proceso de información pública do proxecto de trazado do desdobramento da estrada PO-552 na recta de Figueiró, en Tomiño, que suporá un investimento autonómico de case 12 millóns de euros.
Ethel Vázquez informou que este proxecto pretende converter nunha autovía urbana o treito de 2,1 quilómetros da actual estrada autonómica PO-552 entre a glorieta de Goián -na que remata o treito da VAP actualmente en servizo- e o acceso ao núcleo de Estás. Por esta razón, estará sometido ás achegas dos interesados ata o vindeiro 14 de agosto, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. O obxectivo da Xunta é poder aprobar o trazado este ano para desenvolver a continuación o proxecto construtivo da actuación.
A conselleira remarcou que se trata da proposta de trazado que garante a viabilidade da actuación coa menor afección ambiental e social e maior accesibilidade, nun treito con case 15.000 vehículos ao día.
Trátase, detallou, do primeiro subtreito no que se dividiu o treito central da vía de altas prestacións coa finalidade de racionalizar o seu trazado e de minimizar o seu impacto territorial, tanto pola afección na ribeira do río Miño como a afección ás vivendas. O investimento previsto pola Xunta ascende a case 12 millóns de euros.
Contará con 2 carrís de circulación para cada sentido, con dúas calzadas separadas entre si e con acceso limitado para reforzar a seguridade viaria, habilitando pasos inferiores e camiños de servizo desde as propiedades lindantes.
Executaranse 3 glorietas para permitir os xiros en condicións de máxima seguridade: a glorieta de Goián, a de Figueiró e a de Estás e realizarase un ramal directo de incorporación desde a estrada autonómica PO-553, que vai desde Goián á fronteira portuguesa, ademais dun ramal directo de conexión co treito xa en servizo da Vía de Altas Prestacións.
Andrés Benítez resalta o papel das administracións públicas na visibilidade do colectivo LGTBI
O mercado municipal acolleu durante toda a xornada do sábado obradoiros, concertos e charlas
Tomiño acolleu este sábado a 2ª edición da festa Agro LGTBI+. O mercado municipal foi o escenario elixido para esta celebración festiva, na que non faltou de nada: concertos, obradoiros, charlas, photocall e manifesto. Este último, a cargo de Andrés Benítez Oliveira, produtor audiovisual e recoñecido membro do colectivo LGTBI do municipio. O goianés explicou a súa difícil experiencia de ser homosexual no rural durante a súa infancia e adolescencia, opinando que o cambio da sociedade neste sentido e a visibilidade e normalización do colectivo, depende non só da familia e da escola, senón tamén das administracións públicas. "Penso que as administracións publicas teñen moito traballo neste campo. Os nenos e nenas dende que están na gardería, teñen que entender como natural que un compañeiro e compañeira da clase pode ter dous papas ou dúas mamas, e todo e normal e non pasa nada", comentou.
Andrés explicou ademais que segunda Festa Agro LGTBI, organizada polo voluntariado da oficina de Información Xuvenil (OMIX), "xorde da necesidade de visibilizar ao colectivo LGTBI+ no ámbito rural, e tamén coma unha vía de reivindicación do campo, como un lugar de oportunidades".
A festa comezou cunha sesión vermú artesá e o espectáculo circense Victoria. Ás 12.30h tivo lugar o primeiro obradoiro infantil "Trans*formando Realidades, a cargo de Sara Uris.
Ángel Amaro Quintás, licenciado en Socioloxía, coeducador e dinamizador comunitario, puxo a nota intelectual na festa, coa charla "Entre a invisibilidade e o paternalismo: a emerxencia do armario de cristal".
Ao longo do día houbo espectáculos circenses e de transformismo; concertos, DJ, charlas, purpurina e brillantina biodegradables para todas as persoas participantes e un photocall para fotografarse.
Tras a comida picnic, celebrouse o espectáculo de transformismo "Escribiuse un crime", con "Marinita y sus maromas", compañía de teatro DRAG, e despois, concerto de "Las Marikarmen", cabaret musical queer-pop, con músicos de distintas nacionalidades.
Ás 19.30h, tivo lugar a última das actuacións: Russinha (DJ set) e coma peche da xornada, deuse lectura ao manifesto.
|