JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Unha avaría obriga a paralizar temporalmente o servizo do transbordador Ferry-Boat

A Câmara de Caminha e o Concello da Guarda comunican a suspensión temporal do servizo do Ferry-Boat debido a unha avaría no motor principal da embarcación que imposibilita a súa navegación.

Deste xeito o servizo queda interrompido temporalmente ata que se realicen as tarefas de reparación da embarcación.

Informarase convenientemente do reinicio da actividade deste servizo.

A Guarda


A Guarda ilumina o mural do espigón do Porto da Guarda

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Patrimonio, procedeu á instalación dun sistema de iluminación que permitirá por en valor o pintado do mural realizado recentemente no espigón norte do Porto da Guarda.

Dende esta fin de semana e, coincidindo coa XXIX edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, os veciños e visitantes da Guarda apreciarán todo o esplendor destas pinturas cunha iluminación que permanecerá durante todo o verán.

Esta actuación realízase para realzar o patrimonio guardés, sobre todo o patrimonio marítimo, con motivo do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebra do 11 ao 14 de xullo no Porto da Guarda. Neste mural poden apreciarse moitos elementos do patrimonio marítimo da nosa vila como as marcas mariñeiras, o barquiño, o peixe espada ou a mesma langosta.

Para o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba "con este proxecto se pretende que o espigón continúe a ser un símbolo para a vila da Guarda, traballando nun concepto que represente á xente da Guarda e que sexa tamén unha atracción turística máis, contando para a súa confección coa participación da xente da vila".

A Guarda


Noites no Castelo regresa este ano coas actuacións de Batuko Tabanka e Leilía

O sábado día 20 de xullo a partires das 22:00h celébrase unha nova edición de Noites no Castelo, un festival organizado dende a Concellería de Festas e Festexos Populares do Concello da Guarda e que está subvencionado pola Deputación de Pontevedra, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Xunta de Galicia e en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC e o Xacobeo 2021.

Nesta quinta edición contarase coas actuacións dos grupos de música Batuko Tabanka e Leilía, enchendo de boa música un ano máis este emblemático espazo da vila guardesa, declarado Ben de Interese Cultural(BIC).

BATUKO TABANKA (22:00 horas)
Formación integrada por mulleres de orixe caboverdiano afincadas na Mariña lucense.

É un grupo de música tradicional de Cabo Verde, no que cantan e tocan o batuko, que é un pano pregado colocado entre as pernas. Antonina de Cangas, Antonina de San Cibrao, Ivone, Fafá, Beba, Isabel, Dezidéria, Ilda, Mariazinha, Chuca, Morena, Ilisa, Pachuca, Gali, Lopez, Gusma, Numete, Linsaja, Katuka, Mascu, Canlita, Comato, Belita e Santinha, son as integrantes do grupo

LEILÍA (23:30 horas)
Grupo galego de música tradicional de cantareiras- pandereteiras fundado en 1989 e composto por seis voces femininas, que naceu co propósito de recuperar a tradición oral galega.

Leilía foi un dos primeiros grupos de Galicia que se lanzou a recorrer as aldeas recopilando cancións tradicionais de boca dos anciáns do lugar, e a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs.

O Festival Noites no Castelo consolídase xa coma unha cita musical ineludible do calendario de verán do Concello da Guarda, pasando polo seu escenario grupos coma Ardentía, Milladoiro, a Banda Crebinsky, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, a cantante Mercedes Peón, a gaiteira Susana Seivane ou o grupo folk A Roda.

A Guarda


A Guarda recibe o -Premio ao Destino Gastronómico- da Revista Ejecutivos na IX Edición dos Premios Galicia

O xoves 4 de xullo o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acolleu a entrega dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos, na que A Guarda e a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi galardoada co "Premio ao Destino Gastronómico", acto ao que asistiron, en representación do municipio, o Alcalde da vila, Antonio Lomba; a Concelleira de Turismo, a nacionalista Bea Lomba, a Concelleira de Educación, formación e promoción do emprego; participación cidadá e voluntariado, Fátima Rodríguez Marcos e o Concelleiro de Tráfico e emerxencias, e medio ambiente, o nacionalista Xan Lois Lomba Alonso.

O acto de entrega da IX edición dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos realizouse na sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, un escaparate idóneo para recoller este galardón para o pobo da Guarda e para a Festa da Langosta, onde tamén se fixo unha presentación turística da vila coa proxección dun vídeo, convidando aos asistentes a asistir esta fin de semana á XXIX edición no Porto da Guarda.

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha das festas gastronómica de referencia a nivel comarcal e autonómico, contando cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o Porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.

Declarada coma Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para por en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a Langosta, símbolo da Guarda dende os tempos das cetareas, onde os pescadores comerciaban con este prezado manxar do noso mar, que levou á Guarda a coñecerse como a "Capital da Langosta".

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira nace no ano 1991 e co paso dos anos a festa foi crecendo en días de celebración e a variedade de produtos do mar e doces que permitiron aumentar a oferta gastronómica e así chegar a todos os gustos. Deste xeito conseguiuse revalorizar a festa e situala no mapa das festividades gastronómicas de Galicia.

No porto instálase unha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar comodamente da lagosta e demais pratos. Cada ano a oferta de animación e entretemento para adultos e pequenos multiplícase cun amplo e variado programa con actuacións de música, eventos deportivos e culturais, animación infantil, etc.

A Guarda é unha vila mariñeira, dende os seus comezos o mar e a pesca foi o seu principal motor económico, e este factor se pode apreciar en diferentes facetas da súa paisaxe e das súas xentes, as típicas casas mariñeiras, o seu paseo marítimo, o Porto Pesqueiro, a Lonxa, a Praza de Abastos, entre outros.

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira atrae cada ano a visitantes de toda a península ibérica, atraídos por unha oferta gastronómica, na que ademais da afamada e exquisita Langosta, tamén se inclúen outros pratos da Cociña Mariñeira como os percebes, as zamburiñas, os mexillóns, os calamares e tamén elaboracións como a paella, fideuá ou empanadas. Destaca tamén o apartado de doces, onde a Rosca de Xema da Guarda é a protagonista da sobremesa, un doce típico da vila, sempre acompañada dos bos caldos da D.O. Rías Baixas.

Na pasada edición de 2018 foron preto de 20.000 persoas as que se achegaron ata a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na Guarda, unha afluencia que superou todas as espectativas e que confirman e consolidan un evento no que a Langosta é a raíña da mesa.

A Guarda


O Camiño Portugués da Costa gaña adeptos na Alemaña

Unha peregrina Alemá visitou A Guarda para contar a súa experiencia no Camiño de Santiago a través dun Blog

O xoves 4 de xullo a blogueira e peregrina alemá Nicole Biarnes, fixo escala na Guarda no seu traxecto polo Camiño Portugués da Costa. Esta peregrina participa da man de Correos para a promoción do Camiño de Santiago entre os peregrinos alemáns. A empresa postal acompaña a esta blogueira alemá especializada en viaxes ao longo de toda a semana.

Na súa estadía na Guarda Nicole Biarnes foi recibida no Concello, visitando ademais lugares singulares e de atracción turística do municipio como o Monte Santa Trega, o casco histórico e o Porto da Guarda, apreciando os monumentos, a paisaxe e a gastronomía desta ruta xacobea.

Nicole Biarnes contará no seu blog especializado a súa experiencia, de xeito que os seus compañeiros alemána descubran de primeira man o Camiño Portugués da Costa, facendoos partícipes do mesmo e facendo un convite a vir e gozar desta experiencia. Viaxará libre de cargas grazas ao soporte do servizo Paq Mochila de Correos, que lle levará a súa equipaxe de aloxamento a aloxamento.

Alemaña é un país moi importante para o Camiño de Santiago, xunto a Italia e de onde proceden o maior número de peregrinos, na web www.elcaminoconcorreos.com os peregrinos que realicen o Camiño de Santiago pola Costa atoparán información detallada de todas as etapas.

Blog de Nicole Biarnes: https://www.freibeuter-reisen.org/

A Guarda


O BNG aposta pola transparencia desde o goberno municipal da Guarda

O tenente de alcalde, Anxo Baz, fai públicas as responsabilidades asumidas e as dedicacións retribuídas de tres membros do grupo municipal do BNG

Anxo Baz, tenente de alcalde no goberno municipal da Guarda, fixo público cales van ser as responsabilidades asumidas polo BNG no actual mandato municipal, manifestando que o noso compromiso cos veciños e veciñas da Guarda comeza por facelos partícipes das decisións adoptadas na Casa do Concello e polo goberno municipal. Hoxe corresponde informar das áreas e responsabilidades asumidas no goberno local:

Anxo Baz, tenente de alcalde, será o concelleiro-delegado de Mobilidade e Modelo Urbano, e tamén responsábel da área de Comercio.

Beatriz Lomba, concelleira-delegada de Turismo e de Servizos Sociais.

Xan Lois Lomba, encargaráse de Tráfico e Emerxencias, e ademais da Concellaría de Medio Ambiente.

Begoña González, será concelleira-delegada de Igualdade.

E, Xosé Manuel Méndez, concelleiro-delegado de Cultura e Normalización Lingüística.

Por outra parte, Anxo Baz, fixo públicas as dedicacións e retribucións que van percibir algúns membros do grupo municipal do BNG, indicando que "para exercer con garantía as tarefas de goberno durante os catro anos que abre o presente mandato municipal é necesario dedicarse de cheo ao labor de transformar A Guarda, tal como demandan os veciños e veciñas do noso concello desde fai moitos anos".

As dedicacións e percepcións económicas serán as seguintes:

Anxo Baz, tenente de alcalde e responsábel de Mobilidade, Modelo Urbano e Comercio, terá dedicación exclusiva ao Concello, cunha remuneración de 37.000 euros anuais brutos, ao que haberá que restarlle o importe da Seguridade Social e o IRPF.

O concelleiro-delegado de Tráfico, Emerxencias e Medio Ambiente, terá dedicación exclusiva a partir do mes de setembro, cunha retribución bruta de 26.000 euros anuais (ao que tamén se lle restará a seguridade social e IRPF).

E, finalmente, a concelleira-delegada de Turismo e Servizos Sociais, Beatriz Lomba, terá unha dedicación parcial do 77%, cunha retribución bruta de 20.000 euros, á cal tamén se lle descontará a seguridade social e o IRPF.

Desde o BNG consideramos que para levar adiante a transformación que este pobo demanda, necesítase dedicación e esforzo e desde o BNG comprometémonos a iniciar esa transformación, comezando pola transparencia das decisións e sempre escoitando e abrindo canles de participación democrática entre a veciñanza da Guarda.

BNG A Guarda


Os guardeses envórcanse co Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia a oito días do evento

" O Concello da Guarda acolleu a presentación desta celebración, que reunirá entre o 11 e o 14 de xullo a centos de persoas nesta localidade do Baixo Miño.
" Os guardeses decoraron fachadas de vivendas e establecementos comerciais con ornamentacións de temática mariñeira.

A especial situación xeográfica da vila, entre Galicia e Portugal, as técnicas de pesca tradicionais da localidade e o tipo de embarcacións empregadas históricamente polos guardeses son, segundo explicou o alcalde Antonio Lomba, "tres características que marcan a sigularidade deste encontro, fronte aos celebrados en anteriores edicións". No acto de presentación do evento, celebrado esta tarde no Concello, o rexidor destacou tamén a implicación dos guardeses co Encontro de Embarcacións Tradicionais, decorando as fachadas de vivendas e escaparates de comercios con ornamentacións de temática mariñeira: "Deste xeito se estende o convite a toda a cidadanía para que esta XIV edición sexa todo un éxito" . Lomba rematou agradecendo o traballo de Culturmar e a inicitiva de Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos para que A Guarda acollera o evento deste ano.

Pola súa banda, o presidente de Culturmar, Manuel García Sendón, agradeceu o apoio do Concello desde o primeiro momento e avanzou que xa son máis de 70 as embarcacións inscritas nesta edición do encontro, "unha festa que pon en valor a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo" .

Sendón tamén destacou o gran traballo da Asociación Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos na construción do " volanteiro", unha embarcación tradicional que se cría perdida e que se recuperou agora con motivo do Encontro.

Os portavoces de Piueiro e do Instituto de Estudos Miñoranos, Joaquín Cadilla e Xosé Lois Villar, respectivamente, mostráronse agradecidos cos guardeses pola forma na que se envorcaron con este evento, á vez que destacaron a importancia de que un encontro destas características, "no que participan persoas de toda España e doutros países", teña lugar no Baixo Miño. Así mesmo, subliñaron que na cita guardesa estarán representadas toda a tipoloxía de embarcacións tradicionais que hai en Galicia".

Unha cita imprescindible do 11 ao 14 de xullo

A exhibición das embarcacións tradicionais de Galicia, xunto con algunhas doutras localidades españolas e mesmo algunha foránea, forma parte dun amplo programa de actividades culturais e lúdicas, organizado por Culturmar, Asociación Piueiro, Instituto de Estudos Miñoranos e Concello da Guarda, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Mar, Medio Ambiente e Cultura e Turismo.

Actuacións musicais, obradoiros, exposicións, gastronomía e navegacións a bordo destes barcos que forman parte do patrimonio cultural conforman a atractiva oferta da celebración que terá lugar na Guarda do 11 ao 14 de xullo. O volanteiro recuperado pola Asociación Piueiro terá un protagonismo especial na celebración. Un traballo que foi posible gracias á colaboración de organizacións, empresas e entidades financieiras de Galicia e mesmo de Andalucía.

A Guarda


A Guarda apraza a Travesía a Nado

A Concellería de Deportes do Concello da Guarda decidiu aprazar a celebración da Travesía a Nado do Porto da Guarda, que todos os anos coincide coa celebración da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, debido a que este ano se celebra unha proba similar nun concello limítrofe, ademais de que tamén se celebra esta fin de semana o Campionato Galego de Balonmán Praia.

Para evitar duplicidades e tentar que todos os deportistas podan participar a Concellería de Deportes está xa traballando nunha nova data, que será anunciada convenientemente.

A Guarda


Aberto o prazo de matrícula no conservatorio de A Guarda

A partires do 4 de xullo os alumnos que desexen estudar música no Conservatorio de Música Elemental de A Guarda teñen a oportunidade de matricularse para o curso 2019/2020. O horario de matrícula será de 9:30h a 13:30h na secretaría do propio conservatorio sita na rúa Vigo da Guarda.

As prazas que se ofertan son limitadas sendo outorgadas por estrita orde de chegada, polo que todo aquela persoa que o desexe deberá solicitala na secretaría de dito centro.

Para solicitar información poderase chamar ao teléfono 986 613 002, ou acudir ao mesmo centro en horario de 9:30h a 13:30h.

A Guarda


A Guarda será sede do Campionato Galego de Balonmán Praia

Na fin de semana do 5 ao 7 de xullo A Guarda será sede do Campionato Galego de Balonmán Praia, un evento deportivo organizado pola Federación Galega de Balonmán e que chega á Guarda tras pasar polos concellos de Baiona, O Grove e Bueu.

O evento na Guarda, cuarta proba das seis que compoñen este campionato, terá lugar nas pistas deportivas do Codesal en Camposancos, onde os máis de 1000 deportistas participantes en 80 equipos loitarán para acadar o triunfo neste campionato que continúa nos concellos de Moaña e Vigo.

O balonmán praia é un deporte en auxe e cada vez participa un maior número de deportistas nestas probas, contando con varios éxitos deportivos a nivel internacional.

Competiran na Guarda, máis de 80 equipos nas categorías: alevín mixto, infantil feminino, infantil masculino, cadete feminino, cadete masculino y sénior feminino e masculino.

A Guarda


FESTA DA LANGOSTA E DA COCIÑA MARIÑEIRA

Festa de Interese Turístico de Galicia

A edición XXIX volve a apostar pola combinación entre a gastronomía local e un completo programa de entretemento.

A cita gastronómica terá lugar os días 5, 6 e 7 de xullo no porto da Guarda e a langosta volverá a ser a protagonista indiscutible da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira. A afamada calidade da gastronomía guardesa fixo ampliar a oferta de pratos mariñeiros e así todos os visitantes poderán coñecer os excelentes produtos do mar e, como non, o bo facer dos restauradores guardeses.

Dende o ano 2007 a Festa da Langosta converteuse na Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira adquirindo unha nova dimensión ao ofrecer diferentes pratos mariñeiros e conseguindo achegarse a tódolos gustos do público e revalorizar a festa.

A festa celébrase na explanada do Porto baixo unha carpa de 1.000 metros cadrados. Dende hai varias edicións os comensais poden degustar a langosta e demais produtos comodamente en mesas e cadeiras. Os restaurantes e demais expositores ocupan postos diferenciados na carpa.

Tres restaurantes ofrecerán a langosta cocida ou á prancha. E como en edicións anteriores a langosta continua sendo a protagonista entre máis de 20 produtos e pratos mariñeiros. Dende a primeira edición a sobremesa estrela que acompaña a langosta é a rosca de xema, sobremesa típica guardesa creada en 1953 por un pasteleiro guardés. Outros produtos son as filloas, tartas, etc.

O VENRES 5 COMEZAMOS CO PREGOEIRO: O HUMORISTA MONCHO BORRAJO

Nesta edición contase cun pregoeiro de gran prestixio como MONCHO BORRAJO. Actor, humorista e showman nacido en Ourense. Arquitecto técnico e licenciado en Bellas Artes pasouse aos escenarios hai uns 50 anos cunha destacada presencia na pantalla e no teatro amosando sempre o seu característico humor. Destaca as súas inquietudes coma literatura, tamén exerce coma escritor e dramaturgo.

O primeiro acto da festa é a lectura do pregón que terá lugar a noitiña do venres 5 de xullo na Praza do Reló ás 21.00 h. Coa lectura do pregón convídase a todos os veciños da Guarda e da comarca e, como non, os visitantes e turistas que nos visitan nos seus días de vacacións.

Grazas á excelente habilidade humorística de MONCHO BORRAJO está asegurado que o seu pregón fará as delicias das autoridades e público en xeral.

Tralo pregón a festa trasládase ao Porto da Guarda coa apertura da carpa na explanada e os interesados xa poderán degustar da gastronomía guardesa.

O recoñecido cómico, MONCHO BORRAJO actuará ante o público da carpa ás 22.30h co seu último espectáculo "BORRAJO PERDIDO". Monólogo cheo de historia, humor, tenrura e un pouco de retranca galega onde interactuará co público. Amosando porque él é o rei da improvisación.

MÁIS HUMOR CO ACTOR LUIS ZAHERA

Os pratos fortes desta edicións é a langosta e o humor con dúas figuras a nivel nacional.

O sábado ás 21.00h na carpa actuará LUIS ZAHERA, recoñecido actor galego que foi premiado este ano co Goya ao Mellor actor de reparto. Moitos galegos o coñecimos como "Petróleo" en Mareas vivas.

Luis Zahera confesase co seu espectáculo "CHUNGO" xa que ofrece as súas vivencias vitais que o levaron a interpretar papeis raros ou de pouco listo. Farto da vida, da crise, de non ligar e, sobre todo, de todos os papeis de chungo.

ACTUACIÓNS MUSICAIS

Como ven sendo habitual a música galega estará presente co grupo tradicional O TREBÓN DOS XIDOS que nos anunciará a festa durante as mañás e fará a apertura da carpa.

Para amenizar a quenda do xantar contaremos cos concertos acústicos dos grupos pop. O sábado actuarán Os Nenos Rebeldes e a quenda do domingo resérvase para AWEN.

As noites están reservadas á música como ven sendo habitual. A noite do venres estará amenizada co tradicional serán mariñeiro onde máis de 10 grupos tradicionais e pandereteiras actuarán a partir das 23.30h.

O sábado a partir das 23.00h poderase asistir ao concerto do grupo VUDÚ. Belém Trajes, esvocalista de Luar na Lubre, e Maritxinha son as voces deste grupo recoñecido como unha das propostas máis representativas do talento feminino no ámbito da música galega actual. O público poderá gozar do seu no disco "Vudú Vol. III" onde fusionan sons tradicionais, blues e soul.

E como é habitual para o peche da festa o domingo terá lugar ás 20.30h a NOITE DO FADO coa actuación de OS MENINOS, nova proposta chegada dende Galicia cun claro ollar ao país veciño. É o idioma e a riqueza musical que ofrece este país a base a respecto da cal, Os Meninos, desenvolven toda a sua creatividade e sensibilidade.

Tradición e modernidade, o fado e o jazz, o flamenco, o tango ou o reggea, danse a man para colorear creacións propias e cancións da música portuguesa

ENTRETEMENTO:

Durante a fin de semana, a festa contará coa recoñecida Feira de Artesanía na rúa do Porto e coa apertura da Rede de Museos: Museo do Mar, Castelo de Santa Cruz e o Monte Santa Trega.

Tamén haberá espazo para o deporte co Campionato de Balonmán Praia que terá lugar a fin de semana na área deportiva do Codesal, a uns 800 metros do embarcadoiro do transbordador

Este ano repítense os inchables acuáticos no porto polo que é preciso traer bañador e toalla.

Ademais para o entretemento haberá actividades para os nenos e as familias pero destacan tres eventos especiais e diferentes que sorprenderán aos asistentes:

" Sábado, 19.30h: Espectáculo de maxia RIVEL.

" Domingo, 12.00h: Pasarrúas musical na carpa onde os nenos poderán gozar da música onde a gamela, a embarcación tradicional guardesa, terá un gran protagonismo.

. A música acompaña aos contos e historias da man de Pakolas e Laura Romero que porá as cores e debuxos en directo.

CAMPAÑA AGRESIÓN OFF

A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi declarada de Interese Turístico polo que contará coa Campaña Agresión OFF "Eu digo non á violencia sexual" da Consellería de Igualdade da Xunta de Galicia. No interior da carpa está instalado un punto de información sobre as agresións sexuais e tamén contará con accións de dinamización e sensibilización ao longo da fin de semana.

Un ano máis entregarase o prato conmemorativo da festa (ata fin de existencias) a todos aqueles que degusten a langosta e deste xeito dispor dun recordo da agradable xornada no porto da Guarda celebrando a XXIX Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.

A Guarda


A praia guardesa de "O Muíño" iza o distintivo de Bandeira Azul

O sábado 29 de xuño tivo lugar o acto de izamento da Bandeira Azul na praia de O Muíño coa que se marca o comezo da tempada de verán nesta recoñecida praia da Guarda ao contar co servizo de socorrismo dende o pasado sábado.

Ata a praia de O Muíño desprazáronse o Alcalde, Antonio Lomba; o tenente-alcalde, o nacionalista Anxo Baz; a Concelleira de Turismo, a nacionalista Bea Lomba; o Concelleiro de Medio Ambiente; o nacionalista Xan Lois Lomba; a Presidente da Entidade Local de Camposancos, a nacionalista Mercedes Martínez e xunto cos socorristas izaron o distintivo co que conta esta praia emblemática da franxa costeira, Bandeira Azul e o de "EcoPlaya".

Este ano no primeiro procedemento de contratación de socorristas non se cubriron as prazas necesarias para dar servizo nas dúas praias con bandeira Azul (O Muíño e Area Grande), polo que, namentres non se complete a plantilla o servizo de socorrismo prestará servizo só na praia do Muíño, por ter esta unha maior afluencia de bañistas e pola súa ubicación na desembocadura do Río Miño.

Está xa en marcha un segundo procedemento para poder contratar a totalidade dos socorristas precisos para atender a estes dous areais guardeses, unha vez rematado izaráse tamén na Area Grande a correspondente Bandeira Azul.

A Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público o listado de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán. Un ano máis as praias de "O Muíño" e "Area Grande" do Concello de A Guarda foron destacadas co distintivo internacional de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan.

Estas praias contan cos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo que atende aos dous areais e que comeza co arranque estival.

O concello da Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos véndose recompensado un ano máis coas dúas bandeiras azuis para o concello.

Nesta resolución tamén se lle adxudicou o distintivo de "Sendeiro Azul" o camiño que une ambas praias. Este camiño ten o recoñecemento dende o ano 2013. A finais do pasado ano o Concello da Guarda enviou a documentación da candidatura para que as súas praias e o sendeiro conseguiran este distintivo. Despois de pasar un tribunal nacional e tamén un internacional, finalmente acadouse un resultado favorable.

A Guarda


Visitas guiadas ao Monte Santa Trega da Guarda en xullo, agosto e setembro

Ao igual que en anos anteriores coa chegada da tempada de verán, o Padroado do Monte Santa Trega organiza visitas guiadas para coñecer máis polo miúdo o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega.

As visitas guiadas realizaranse os martes, xoves, venres e sábados dos meses de xullo, agosto e setembro en horario de 11:30h, 12:30h e 17:00h.

Ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.

Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.

Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas se recomenda facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.

A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para adultos e 0,5€ para menores de 14 anos.

A Guarda




Edições C@2000
Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP

Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais