<p>
Horário do Ferry (4 a 9 de Junho)
Inauguración da exposición fotográfica sobre as Alfombras Florais na Guarda
O venres día 7 de xuño a Casa dos Alonsos da Guarda acolleu a inauguración da Exposición fotográfica sobre as Alfombras Florais na Guarda, unha mostra que recolle a través de varias fotografías a historia desta arraigada tradición na Guarda, xunto con explicacións sobre como é este traballo.
No acto de inauguración interviron o Alcalde en funcións, Antonio Lomba e a Presidenta da Asociación Cultural Alfombras da Guarda, Mª Emilia Baz, contando coa presenza de numerosas persoas que participan cada ano na elaboración das Alfombras Florais na Guarda.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus no pobo da Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.
A Exposición, que leva por nome "Alfombras Florais da Guarda", estará na Casa dos Alonsos ata o domingo 23 de xuño en horario de 11:00h a 13:30h e de 18:00h a 21:00h.
"Alfombras Florais da Guarda" é unha mostra que recolle o percorrido da tradición da creación de alfombras elaboradas con flores e outros ornamentos naturais para engalanar as rúas da vila en datas especiais. Trátase dunha costume cunha longa traxectoria na vila e cunha importante bagaxe cultural vinculada inicialmente ó ámbito relixioso e que forma parte sen dúbida do patrimonio cultural da vila guardesa. A Exposición tamén recolle o proceso da súa elaboración, co esfollado do verde, o corte da flor, o marcado do deseño, o perfilado a elaboración e os detalles finais.
Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.
Dende esta exposición abordase a temática desde tres puntos de vista, por unha banda o aspecto histórico, repasando os antecedentes e datas sinaladas sen os cales non se entendería a grandeza desta festividade, por outra banda o Organizativo, amosando como se organizan e elaboran as alfombras e xa para finalizar o aspecto dos percorridos, representando as rúas onde se realizan as alfombras, os rezos e bendicións e demais celebracións asociadas a este evento.
A Guarda
Rematan os traballos de Escavación do Cuncheiro do Monte Trega na Guarda
O Concello da Guarda promoveu, baixo a dirección de Brais X. Currás da Universidade de Coimbra (CEAACP), un Proxecto de Escavación, Análise e Sinalización do Cuncheiro do Monte Trega.
O proxecto de escavación foi executado polos arqueólogos da empresa Terra Arqueos, mentres que para o estudo do material do cuncheiro contarase co grupo de investigación en zooarqueoloxía da Universidade de León con Carlos Fernández Rodríguez á fronte, e máis co Grupo de Investigación en Arqueobiología do CSIC, con Marta Moreno.
Xunto á porta de entrada no castro do Monte Trega desde o sur consérvanse os restos un antigo cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado botaban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de osos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e calquera outro tipo de refugallo. As condicións artificiais que crea o propio cuncheiro, máis favorables que o chan ácido do substrato granítico, permiten que eventualmente se poidan conservar tamén outro tipo de restos como pode ser, por exemplo, a madeira.
O que non é máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe para nós un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable.
A través do estudo dos cuncheiros podemos saber moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sabemos que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Deste xeito, podemos chegar a saber os lugares ata onde se desprazaban desde o poboado para captar os seus recursos.
Logo de varias semanas de traballo a equipa de investigadores desprazados ata o Trega remata a escavación, uns traballos que permitiron redescubrir as escavacións realizadas nos anos 30 por Mergelina, e que agora, deixan á vista a muralla e a porta sur do castro.
A análise polo miúdo das especies tamén nos di moito sobre as prácticas de consumo. Podemos chegar a comprender se o gando vacún se empregaba para produción cárnica, como forza de tiro ou para o aproveitamento do leite. O tamaño dos animais nos informa sobre o grado de desenvolvemento gandeiro. Podemos saber cal era a importancia da caza -si é que tiña algunha-, etc.
O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.
Mediante a sondaxe aberta, conseguiuse documentar o cuncheiro do castro, onde os seus habitantes botaban o lixo, documentando ademais o momento de construcción da súa muralla.
Este proxecto naceu co propósito de crear un recurso concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, e como medio cultural e social. Un proxecto que ofrece resultados e beneficios a diferentes niveis. Por unha banda, xerando novos coñecementos científicos a partir da análise do rexistro arqueolóxico, no marco dun programa de investigacións e actuacións arqueolóxicas. En segundo lugar, asumindo a necesidade da transferencia científica como un obxectivo prioritario, os resultados a investigación repercutirán na creación de medios para a posta en valor das evidencias arqueolóxicas.
A execución do proxecto permitíu levar a cabo a limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, a realización dunha sondaxe arqueolóxica, un estudo da arqueofauna, o levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas e a instalación de paneis informativos.
Agora ábrese unha segunda fase de investigación no laboratorio, onde os arqueólogos van a estudar os restos recollidos no cuncheiro para ver que tipo de animais e marisco consumían.
Neste proxecto participou un equipo humano composto por 10 persoas entre dirección, equipo técnico, de restauración e de análise da paleofauna, contando cun orzamento que supera os 15.000€, subvencionado polo Concello da Guarda e a través das axudas para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra.
A Guarda
Últimas prazas para os cursos da Aula CeMIT de xuño e xullo na Guarda
A Aula CeMIT da Guarda organiza novos cursos de informática para todas as idades nos meses de xuño e xullo, quedando xa as últimas prazas para completar os diferentes cursos ofertados.
As inscricións están abertas no Concello e no Centro Cultural(1º andar), chamando ao 986 611850 ou no enderezo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal.
Cursos para o mes de xuño:
" Informática para adultos: Xoves de 12:00h a 13:30h
Cursos para o mes de xullo:
" Informática para nenos: Mércores de 10:30h a 12:00h ou 12:00h a 13:30h
" Manexo tablet e smartphone: Martes de 10:00h a 11:30h
" Aplicacións de Google: Luns de 12:00h a 13:30h
" Creación de presentacións: Martes de 12:00h a 13:30h
Sobre a Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento gracias a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego. Aínda que a aula de informática está integrada na rede CEMIT, o concello non recibe ningunha subvención da Xunta de Galicia
Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.
A Guarda
Novo prazo de inscricións para o Campamento Urbano 2019 na Guarda
Por un erro no procedemento administrativo o Campamento Urbano 2019 ten que abrir un novo prazo para solicitar a inscrición. O prazo será dende o día 10 ata o día 17 de xuño en horario de 9:00h a 14:00h horas (horario de rexistro) ou na sede electrónica do Concello da Guarda.
Este campamento terá lugar os meses de xullo, agosto e o período non lectivo de setembro, en horario de 9 a 14 horas, para nenos e nenas de 4 a 12 anos.
O campamento ten o principal obxectivo de conciliar vida familiar e laboral a través de actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre que representa o verán tras rematar o período lectivo.
Os rapaces e rapazas terán unha alternativa de ocio dinámico e educativo a través de talleres, xogos, cociña, inglés, actividades deportivas… pero sobre todo compartirán un espazo de xogo diferente.
Para máis información as persoas interesadas poderán achegarse ata a OMIX da Guarda ou chamar ao 986 61 0000. As bases e o modelo de solicitude se poden descargar na web www.aguarda.es
A Guarda
Tres concertos conforman o Música nas Prazas 2019 na Guarda
O vindeiro venres día 14 de xuño arranca o Música nas Prazas 2019, cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano contará con 3 concertos nas Prazas de San Queitano, As de Copas e Os Seixiños.
Os encargados de abrir a programación de Música nas Prazas é o grupo de Rap guardés Caramelo Crew, un grupo formado por Hugx (Hugo Aldea) e Holden (Jose Mauri), que encherán de música a Praza de San Queitano dende as 22:00h do venres 14 de xuño.
A vindeira cita será o 16 de Agosto ás 22:00h na Praza do As de Copas coa actuación do grupo Blues do Pais e para rematar o 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños coa actuación de Helen & Shana.
A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.
O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.
A Guarda
Aberto prazo para novos ingresos no Conservatorio Municipal de Música da Guarda
Dende o luns 3 de xuño e ata o venres 21 de xuño ábrese o prazo de reserva d epraza para os alumnos e alumnas de novo ingreso no Conservatorio Municipal de Música da Guarda.
Todos os interesados poden realizar a súa reserva no propio conservatorio de luns a venres en horario de 16:00h a 20:00h.
Máis información no teléfono 986 61 0283
A Guarda
A Guarda inaugurou unha exposición fotográfica sobre as Alfombras Florais
A Guarda inaugurou unha Exposición fotográfica que quere resaltar o traballo realizado ao longo de moitos anos polas alfombristas da Guarda.
A Exposición, que leva por nome "Alfombras Florais da Guarda", estará na Casa dos Alonsos dende o venres 7 de xuño ata o domingo 23 de xuño en horario de 11:00h a 13:30h e de 18:00h a 21:00h.
"Alfombras Florais da Guarda" é unha mostra que recolle o percorrido da tradición da creación de alfombras elaboradas con flores e outros ornamentos naturais para engalanar as rúas da vila en datas especiais. Trátase dunha costume cunha longa traxectoria na vila e cunha importante bagaxe cultural vinculada inicialmente ó ámbito relixioso e que forma parte sen dúbida do patrimonio cultural da vila guardesa.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus no pobo da Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.
Dende esta exposición abordarse a temática desde tres puntos de vista, por unha banda o aspecto histórico, repasando os antecedentes e datas sinaladas sen os cales non se entendería a grandeza desta festividade, por outra banda o Organizativo, amosando como se organizan e elaboran as alfombras e xa para finalizar o aspecto dos percorridos, representando as rúas onde se realizan as alfombras, os rezos e bendicións e demais celebracións asociadas a este evento.
A Guarda
Tomiño participará nun proxecto de I+D para crear unha rede de mercados europeos de venta on-line de produtos locais
Xunto co Instituto de Innovación e Comunicación do Mercado de Barcelona porá en marcha unha iniciativa na que colaborarán os mercados de Budapest, Riga, Bratislaba e Praga, entre outros. Este é un dos resultados da participación do Mercado de Tomiño na 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos de Londres
A presenza do Mercado de Tomiño en Londres está a dar os seus froitos. O mercado tomiñés foi elixido para participar na 10ª Conferencia Internacional de Mercados Públicos de Londres como un dos 20 exemplos seleccionados polo seu bo facer, o único de toda a península xunto con Barcelona e Lisboa. E ese escaparate ante máis de 400 representantes de mercados de todo o mundo serviu para prender o xermolo de novos e pioneiros proxectos: Tomiño participará na posta en marcha dun proxecto de I+D que permita crear unha rede de mercados europeos de filosofía de proxectos parecidas para desenvolver a venda on-line de produtos locais.
Un camiño que iniciará xunto co Instituto de Innovación e Comunicación de Mercados de Barcelona, que se comprometeu coa alcaldesa Sandra González para acompañar a Tomiño nesta nova e ilusionante andaina. Tras varios encontros de representantes da empresa que xestiona o Mercado de Tomiño, Rural Consulting, cos de outros centros europeos Budapest, Riga, Bratislava e Praga, entre outros mercados, xa manifestaron o seu interese por participar nesta iniciativa.
Intercambio de experiencias
Participar nesta experiencia brinda ao Mercado de Tomiño a grande oportunidade de entrar en contacto con outros mercados europeos e facer intercambio de experiencias dos que saen proxectos conxuntos de futuro. Durante a súa participación na conferencia, a alcaldesa de Tomiño presento un mercado que destaca por ser un proxecto creado por un equipo multidisciplinar, que contou coa participación da veciñanza e que serviu como eixo transformador da contorna conseguindo que as persoas dispuxeran dun lugar de encontro e convivencia. "Dende o principio o obxectivo era ter un proxecto inspirado nas persoas ás que estaba destinado e as que o usarían e non facer un proxecto deseñado dende arriba por persoas que igual nin o coñecían", salientou Sandra González durante a presentación do proxecto no City Hall de Londres.
Agora o futuro do Mercado de Tomiño pasa por "non ser estático e revisar e reconsiderar constantemente o seu papel na sociedade", atendendo "os cambio no estado de ánimo do publico e das súas necesidades".
Un evento de Project for Public Spaces
Esta conferencia foi é posta en marcha cada ano por Project for Public Spaces, unha organización con sede en Nova York que cada edición deseña un programa no que as conferencias mestúranse tamén con talleres, seminarios e visitas aos mercados da cidade que acolle a actividade, normalmente grandes cidades internacionais como Barcelona, San Francisco ou París.
Tomiño celebra cun amplo programa, a segunda Festa Agro LGTBI
O día 29 de xuño haberá unha serie de actos conmemorativos, coma conferencias, obradoiros, animación infantil, concertos, DJ, circo e máis sorpresas
Tomiño celebrará a súa segunda Festa Agro LGTBI cunha xornada completa de actos conmemorativos. Será o sábado 29 de xuño no Mercado Municipal, entre as 11.30 e as 21.30 horas, e haberá espectáculos circenses e de transformismo; concertos, DJ, obradoiros infantís, charlas, photocall e lectura do manifesto.
A festa, organizada polo voluntariado da oficina de Información Xuvenil (OMIX), comezará cunha sesión vermú artesá e o espectáculo circense Victoria. A las 12.30h terá lugar o primeiro obradoiro infantil "Trans*formando Realidades, a cargo de Sara Uris, e a conferencia "Entre a visibilidade e o paternalismo: a emerxencia do armario de cristal", impartida por Ángel Amaro.
Ás 13.30h haberá purpurina e brillantina biodegradables, para todos e todas as participantes e un photocall para fotografarse. Ás 14.30h hora para a comida cun Pícnic Comunitario (para o que haberá que traer a comida) que durará até pouco antes das 16.00h, momento no que se realizará o segundo obradoiro infantil, do mesmo tipo que o da mañá. A continuación celebrarase o espectáculos de transformismo "Escribiuse un crime", con "Marinita y sus maromas", compañía de teatro DRAG.
Ás seis da tarde, haberá un concerto de "Las Marikarmen", un cabaret musical queer-pop, con músicos de distintas nacionalidades.
Para ás 19.30h está prevista a actuación de Russinha (DJ set) e coma peche da xornada, a lectura do manifesto, a cargo de Andrés Benítez Oliveira, produtor audiovisual e recoñecido membro do colectivo LGTBI do municipio tomiñés.
"Esta iniciativa xorde non só a raíz da necesidade de visibilizar ao colectivo LGTBI+ no ámbito rural, senón tamén como unha vía de reivindicación do campo como un lugar de oportunidades", explican os organizadores.
"baobab teatro" chega este sábado a Tomiño co espectáculo "Martes"
A compañía "baobab teatro" chega o vindeiro sábado 8 de xuño, ao Auditorio de Goián. A función, encadrada dentro do programa de Educación Familiar "Medrando en Familia", será ás sete da tarde (19.00h) con entrada de balde. Esta é unha peza teatral destinada especialmente a público familiar con nenos e nenas de entre 2 e 6 anos; estando subvencionada pola Deputación de Pontevedra (Pontegal), coa colaboración do Concello de Tomiño.
Sinopse:
Érase unha vez unha galaxia, a Galaxia Leo T, formada por planetas, estrelas e... Martes. Martes é un ser espacial que vive entre a Lúa e as Estrelas, gústalle xogar con elas e nunca, nunca se afasta. Martes tenlle medo ao lobo, aos monstros, aos tronos, aos pedos... por iso nunca saíu da Lúa, dorme no seu colo e sácalle brillo para non quedar ás escuras. Martes naceu un día de lúa chea, algúns din que é fillo da Lúa pero iso non o sabemos. Ten un amigo, "Pin", co que xoga sen parar. Un día un monstro cómese ás súas Estrelas e a Pin. Martes terá que enfrontarse aos seus medos para poder salvar ás Estrelas e ao seu amigo, para iso inicia unha viaxe máis aló do Sol e de camiño coñecerá divertidos e estraños personaxes.
Información sobre o espectáculo:
Martes é unha obra feita coa técnica coñecida como luz negra: unha iluminación especial fai posible que os manipuladores se manteñan ocultos á vista do público á vez que posúen liberdade absoluta para conducir os movementos dos monicreques, que parecen flotar ingrávidos como por encantamento.
Martes foi seleccionada na Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas 2015 (FETEN) e está recomendada pola Rede Española deTeatros, Auditorios, Circuítos e Festivais, a Rede Sarea do País Vasco e tamén forma parte do Catálogo Platea 2015.
Está recomendada para nenos e nenas de 2 a 7 anos, pero tamén para adultos dispostos a gozar como nen@s.
Tomiño e Cerveira celebran a súa 2ª andaina saudable
A proba, de dificultade moderada, será o domingo 16 de xuño e transcorrerá por terras de ambas as localidades
En conmemoración dos 15 anos da apertura da Ponte Internacional da Amizade, entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, a Eurocidade Cerveira-Tomiño organiza a II Andaina do mesmo nome, o domingo 16 de xuño de 2019.
A proba terá unha duración estimada de 2.30h e transcorrerá por terras de ambas as localidades transfronteirizas. Cunha dificultade media-baixa, sairá ás 10.00h (hora galega) desde o Espazo Fortaleza de Goián, para seguir por Eiras, Ponte da Amizade, Lenta e INATEL, e regresar polo Ponte da Amizade ao Espazo Fortaleza outra vez.
A inscrición é de balde. Só hai que enviar nome e apelidos, número de DNI, data de nacemento e teléfono ao seguinte correo electrónico: geral.manos.sa@gmail.com, antes do 13 de xuño.
O equipo alevín do Club Tenis Tui proclamouse Campión Galego
Na final caíu fronte ao Casino da Coruña tras imporse ao Mercantil de Vigo na semifinal
O equipo alevín do Club Tenis Tui proclamouse esta fin de semana subcampión galego de Primeira División. O equipo formado por Raúl Carreto, Gonzalo González, David Costas e Pablo Gregores impúxose na semifinal ao Mercantil de Vigo, e na final perdeu fronte ao Casino da Coruña.
Dende o Concello de Tui felicítase aos xogadores do Club Tenis Tui e ao club por este resultado.
A vindeira semana comezarán os traballos do Plan de Mellora, diagnose e elaboración dun catálogo de procedementos do departamento de Urbanismo
Comezarán con entrevistas aos traballadores deste área. Estará rematado en catro meses.
Na mañá do dia 6 presentouse no Concello de Tui o inicio dos traballos do Plan de Mellora, Diagnose e Elaboración do Catálogo de Procedementos do departamento de Urbanismo que comezará a vindeira semana e estará rematado en 3 ou 4 meses aproximadamente. A presentación correu a cargo de Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui en funcións, e de Manuel Veloso, da empresa adxudicataria EOSA.
O traballos van tratar diversos ámbitos: normativo, de organización e funcionamento do departamento, os sistemas de información e os recursos humanos e o seu desenvolvemento.
O obxectivo é tratar de sistematizar os procedementos do servizo de urbanismo e establecer un manual de funcionamento para o que se van a revisar os principais procedementos desta área relacionados con licencias, informes de información urbanística, de aliñación pública, parcelación e rasantes.
O traballo comezará con entrevistas aos traballadores deste departamento para analizar a súa percepción do funcionamento desta área e elaborar unha dinámica de traballo en grupo, para despois para establecer os procedementos internos. Neste momento o departamento de Urbanismo conta con dous auxiliares administrativos, un permanente e outro temporal do Plan Concellos, dous arquitectos técnicos, tamén un permanente e outro vinculado a unha execución temporal, un arquitecto superior e unha técnica de administración xeral.
O alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín, destacou a importancia de analizar a área de urbanismo, incluíndo as licenzas que están sen tramitar, para sacar unha imaxe fiel do departamento, xa que ten deficiencias evidentes dende hai anos, dicía.
O Camiño de Santiago será o protagonista da fin de semana en Tui co II Forum Peregrino organizado pola Asociación Iacobus
Celebrarase a primeira Misa do Peregrino na Igrexa das Clarisas
O Camiño de Santiago será o protagonista esta fin de semana en Tui coa celebración do II Forum Peregrino na antiga cárcere, na rúa Sanz. Está organizado pola asociación Iacobus en colaboración co Concello de Tui.
O Forum foi presentado esta mañá na casa do concello de Tui polo alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de cultura en funcións, Eduardo Freiría, e Alfonso Ferreiro e Juan José Sánchez da Asociación Iacobus.
O obxectivo é sentar as bases de cara o Ano Santo e dar a coñecer diferentes camiños de peregrinación a Santiago, así como reunir nun evento aos grandes expertos do Camiño de Santiago.
O sábado, baixo o título "O Camiño Portugués por Tui", a actividade dará comezo ás 10.00h co acto de apertura a cargo do alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín. Ás 10.30h Rafael Sánchez Bargiela presentará "O Camiño portugués en Tui" e ás 11.30h será a quenda de Enrique Repiso do albergue de Ames que disertará sobre "Un proxecto social no camiño portugués". Ás 12.30h Rodrigo Cerqueira falará sobre o Camiño de Santiago a Fátima e ás 13.15h. Luís Ferreira sobre "O peregrino do s. XXI".
O Forum continuará o domingo pola mañá co título "Ollando cara outros camiños" no que falarán doutros camiños de peregrinaxe. A xornada comezará ás 10.30h cun relatorio a cargo da Associação dos Amigos do Caminho de Santiago de Viana do Castelo sobre o Camiño Portugués pola Costa e acto seguido, ás 11.30 sobre o Caminho da Geira de Henrique Malheiro. Ás 12.30h Luís do Freixo e José Antonio de la Riera falarán sobre a Vía Mariana. O peche II Forum Peregrino correrá a cargo de Ramón Fernández Fernández cunha conferencia titulada "O Camiño, séculos de humor e outras cousas".
Ademáis, na Igrexa das Clarisas celebrarase a Misa Do Peregrino ás 19.00h do sábado, a cargo do director do Seminario de Tui, D. Fernando Cerezo. Esta misa terá lugar dende esta fin de semana todos os sábados.
Ás 20.00h do sábado haberá música en vivo con José Ignacio Toquero e Jean Claude Benazet, este último autor de Ultreia.
O concelleiro de Cultura en funcións, Eduardo Freiría e o alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín, agradeceron a asociación Iacobus o seu labor por dar a coñecer o Camiño de Santiago tamén dende unha perspectiva intelectual a través de datos históricos e así pór en valor a importancia do Camiño.
II Forum Peregrino.
Antiga Cárcere na rúa Sanz
Sábado 8: "O Camiño portugués por Tui"
" 10.00 h Apertura do Forum Peregrino 2019. Intervención do alcalde de Tui en funcións, Carlos Vázquez Padín
" 10.30 h "O Camiño Portugués en Tui" - Rafael Sánchez Bargiela
" 11:30h "O Camiño de Fátima: un camiño de ida e volta" - Rodrigo Cerqueira
" 12.30h "O peregrino do século XXI" - Luís Ferreira
" 13.15h "Obra social nun albergue do Camiño Portugués" - Enrique Repiso, albergue de Ames.
" 18.00 h Pregón a cargo de Alfonso Ferreira da Asociación Iacobus
" 19.00 h Misa do Peregrino na Igrexa das Clarisas
" 20.00 h Música en vivo con José Ignacio Toquero e Jean Claude Benazet
Domingo 9: "Ollando cara outros camiños"
" 10.30 h "O Camiño Portugués da Costa"- Associação dos Amigos do Caminho de Santiago de Viana do Castelo
" 11.30 h "O Caminho da Geira" - Henrique Malheiro
" 12.30 h "A Vía Mariana" - Luis do Freixo e José Antonio de la Riera
" 13.00 h "O Camiño, séculos de humor e outras cousas" - Ramón Fernández Fernández
|