JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000


Horário do Ferry (21 a 26 de Maio)


O encontro musical "Entre Margens"
chega á Guarda o 30 de maio

O vindeiro 30 de maio A Guarda acollerá o concerto de Sergio Mirra Trío e Pan de Capazo enmarcado no "Entre Margens", un festival de música tradicional e danza que se celebra na veciña localidade portuguesa de Caminha.

Este ano o Festival cruza a fronteira para aterrar na Guarda cunha proposta musical na que os músicos atravesarán o Río Miño no Ferry-Boat para traer á Guarda un concerto que non deixará a ninguén indiferente e que terá lugar ás 20:30h na Praza do Reló(en caso de choiva no Centro Cultural).

"Entre Margens - Encontro de Tocadores" celébrase en Caminha do 30 de maio ao 2 de xuño cunha ampla programación na que se inclúen mostra de construtores de instrumentos, presentación de publicacións, cd´s e libros, foliadas, bailes, charlas, animación de rúa, cinema, exposicións e moito máis.

O acto inaugural terá lugar o 31 de maio ás 17:00h(P) a bordo do Ferry Boat, contando coa participación de músicos galegos e portugueses.

A Guarda


Os Camiños escolares seguros serán unha realidade na Guarda. O concello pedirá financiamento a Deputación

Nas pasadas semanas o equipo redactor do Proxecto de Camiños Escolares Seguros na Guarda, ven de avanzar para que o mesmo estea en funcionamento xa no vindeiro ano lectivo.

O Proxecto de Camiños Escolares Seguros xurde ante a necesidade dun cambio de paradigma na maneira de moverse nas cidades e vilas, mellorando a seguridade vial establecendo rutas seguras ou "SafeRoutestoSchool", para que os nenos e nenas realicen os seus desprazamentos entre os seus fogares e os seus centros de ensino con total seguridade.

As ideas do pedagogo italiano Francesco Tonucci marcan un novo rumbo para os proxectos de camiños escolares, cun novo concepto de cidade, propiciando a autonomía infantil.

Segundo se desprende do segundo informe, no que se recollen varias actividades realizadas tendo como base a mobilidade do alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, se conclúe que o vial de acceso máis empregado neste centro educativo da Guarda é a Rúa Tui, tanto a pé coma en vehículos, sendo as rúas Coruña e Ourense e Avda. Galicia e Domínguez Fontenla nas que conflúen os fluxos de mobilidade das persoas en segunda orden en importancia.

Deste xeito logrouse ter unha visión concreta dos percorridos realizados día a día polas familias e alumnos, con datos altamente fidedignos. Neste senso a través de cuestionarios realizados ás familias logrouse determinar que unha das maiores preocupacións dos pais e nais dos alumnos e alumnas é o tráfico e a seguridade, indicando que o aumento do número de vehículos provoca unha maior inseguridade.

Os alumnos e alumnas traballaron en varias sesións informativas, ao igual que os seus pais, nais e titores, onde se realizaron varias enquisas, debates para obter o máximo de información para a elaboración deste proxecto.

De todas as actividades realizadas se propón un trazado como "Camiño Escolar Seguro" nun total de 730m de viais, nas rúas Brasilino Álvarez, Enrique Mª Sesto, Carretera de Circunvalación, Rúa Tui e Rúa Ourense.

A Guarda


A Guarda presenta o Proxecto básico de reforma e ampliación do Pavillón da Sangriña

O Servizo de Arquitectura da Deputación de Pontevedra ven de remitir ao Concello da Guarda o Proxecto básico de Reforma e ampliación do Pavillón Polideportivo da Sangriña.

Na actualidade o Pavillón da Sangriña conta cun volume principal coa pista e as gradas e varios volumes anexos para vestiarios, ximnasio e instalacións varias.

Este proxecto contempla a reforma interior do corpo principal, a súa ampliación para aumentar a capacidade de espectadores, mellora das condicións de accesibilidade e a substitución do corpo frontal de planta baixa de aseos e vestuarios.

Tamén é preciso renovar as instalacións dos vestiarios, reforzar as instalacións de electricidade e ACS, actualizar os sistemas de protección contraincendios e dotar ao polideportivo dun sistema de renovación de aire e dun grupo electróxeno.

Ademais, se pretende dotar a este espazo polideportivo dunha imaxe exterior homoxénea e adecuada aos usos que nel se desenrolan.

A nova edificación contará con sistemas de eficiencia enerxética e o deseño executarase conforme a un criterio eficiente respecto aos condicionantes dos axentes exteriores.

Tamén se propón a rexeneración dos espazos urbáns colindantes, mediante novas beirarrúas.

A execución deste proxecto permitiría ter un pavillón da Sangriña totalmente renovado e acorde co nivel deportivo do Mecalia Atl. Guardés.

O Proxecto básico de Reforma e ampliación do Pavillón Polideportivo da Sangriña conta cun orzamento total de 1.674.023,95€. O concello terá que buscar financiamento na Xunta e na Deputación para esta ambiciosa obra.

A Guarda


Hostaleiros guardeses serven máis de 1500 tapas na primeira fin de semana de Tapearte

Boa acollida na primeira fin de semana da Ruta Gastronómica Tapearte con máis de 1.500 tapas servidas entre os 16 bares e restaurantes participantes.

Ao longo da pasada fin de semana, coincidindo co Día das Letras Galega, a vila da Guarda acolleu numerosas actividades coma desfiles e festivais, a Festa das Letras, a celebración do Día Internacional dos Museos, Visitas guiadas ao Monta Santa Trega, entre outras propostas que motivaron que moitos veciños e visitantes aproveitasen para degustar esta oferta gastronómica.

A ruta, que estará en funcionamento ata o vindeiro 2 de xuño, se pode realizar os venres, sábados e domingos en horario de 12:00h a 14:00h e de 19:00h a 22:00h, con tapas a un prezo simbólico de 2€ e con premios directos e sorteo de agasallos para os participantes.

Ao igual que en anteriores edicións os participantes poderán valorar as tapas cos pasaportes dispoñibles en cada local, con puntuacións de 1 a 6 puntos, que permitirán, ao remate da ruta, establecer o gañador do Concurso da Mellor Tapa 2019. Tamén se premiará ao establecemento que sirva o maior número de tapas.

Como nas anteriores edicións os participantes da ruta optarán con premios. Haberá un premio directo para aqueles que entreguen o seu pasaporte con mínimo de 13 selos. Neste caso o agasallo é un lote de dúas botellas do Forte de San Lourenzo de Licor Café e Crema de Oruxo. Ademais haberá un sorteo dun móbil Samsung A40 para aqueles pasaporte cun mínimo de 6 sellos que sexan depositados nas furnas de cada local e tamén na Oficina de Turismo.

Nesta edición participan o Art Café coa tapa "Xorzart", o Bitadorna coa tapa "Crunch negro con mix mar, vexetais en texturas e xeado", o Camping Santa Tecla coa tapa "Tournedo Rossini", o Celtic coa tapa "Chocos con arroz na súa tinta", a Pizzería Di Marco coa tapa "Carpaccio de polbo á feira", a Tapería El Paseo coa tapa "O Paseo", El Perro Verde coa tapa "Arepa rechea", o Enxebre coa tapa "Pelotiñas enxebre", O Gaviota coa tapa "Bacalao ao pisto de morena", La Botica coa tapa "Sabores afumados", La Casilla coa tapa "Delicia Galega", Marbella coa tapa "Empanada da horta", Novo Funil coa tapa "Cazola de Xabarín", o Xantar coa tapa "Crunk", o Xeito coa tapa "Espetada mariñeira" e Y la Luna? coa tapa "Impórtame un pemento".

A Guarda


A Guarda encarga a redacción do proxecto para a apertura da rúa Inguieiros

O Concello da Guarda está tramitando a adxudicación da redacción do proxecto para a apertura da Rúa Inguieiros, un proxecto que permitirá solventar unha demanda do barrio da Cruzada e dos veciños de San Caetano, para mellorar a mobilidade entre este barrio e a zona do Porto da Guarda.

A rúa Carril, que une a rúa San Queitano coa saída da rúa Inguieiros, está grafiada no PXOM do 1993 como unha rúa de nova apertura, na actualidade está urbanizada aproximadamente ata a metade da súa lonxitude pero non ten saída cara o Porto, o que provoca certo illamento dos veciños e veciñas desta contorna.

No pasado houbo un proxecto de apertura completa que non foi posible executalo dado que, segundo unha sentencia xudicial non se adaptaba a normativa, nestes momentos esta conexión faise máis necesaria que cando se concebíu en 1993, dado que permitiría un desafogo do tráfico local e unha mellora da mobilidade entre a Cruzada e o Porto.

Dende o Concello da Guarda adxudicase a redaccioó deste proxecto por un importe total de 6.897 euros (IVE engadido), prevendo as apertura deste vial na próxima lexislatura.

A Guarda


Aberto o prazo de inscricións para a Feira de Artesanía da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na Guarda

O Concello da Guarda organiza os días 5, 6 e 7 de xullo a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na súa XXIX edición.

Como nas anteriores edicións a rúa da Porto acollerá a Feira de Artesanía na programación da festa os días 6 e 7 de xullo.

Os artesáns interesados poden descargar as bases para o seu coñecemento na web municipal.

O prazo de inscricións remata o vindeiro luns día 27 de maio, sendo obrigatorio presentar cumprimentada a solicitude xunto coa información que consideren oportuna como a carta de artesán ou fotografías da artesanía que elaboran a turismo@aguarda.es.

Para calquera dúbida poden contactar coa Oficina de Turismo, no teléfono 986 61 4546.

Para solicitar a participación na Feira de Artesanía da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira:

-Remitir a solicitude cumprimentada completa a turismo@aguarda.es e incluír a documentación.

-Prazo de entrega das solicitudes: luns, 27 de maio de 2019

A Guarda


Aberto o prazo para solicitar praza do curso 2019/20 na Escola Infantil Municipal da Guarda

O departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa da apertura do prazo para solicitar praza na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2019/20.

O prazo de ingreso estará aberto ata o 31 de marzo a través do departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda en horario de 9:00h a 13:00h.

A escola infantil municipal da Guarda é un centro de atención diurna de carácter socio educativo para os nenos e nenas de 3 meses a 3 anos de titularidade municipal.

Entre os seus obxectivos destacan a promoción e o fomento do desenvolvemento integral dos nenos e nenas e a aprendizaxe das habilidades cognitivas e creativas do neno e nena, facilitar a conciliación familiar entre a vida familiar e laboral, facilitar o desenvolvemento de valores individuais e sociais básicos: cooperación, solidariedade, respecto, etc…, lograr un equilibrio afectivo satisfactorio, respectar a singularidade e diversidade de cada menor, entre outros.

As familias interesadas deberán presentar a súa solicitude e a documentación requirida dentro do prazo establecido no regulamento de organización e funcionamento da escola infantil municipal publicado no BOP o 9 de outubro de 2009.

A documentación e impresos poderán descargala na web municipal no apartado de normativa e trámites.

A Guarda


A Guarda mellorará a seguridade viaria no entorno da Sangriña

O Concello da Guarda ven traballando dende fai tempo nun proxecto integral para a mellora da seguridade viaria na zona da Sangriña, un espazo no que se atopan diferentes equipamentos educativos, deportivos e de servizos como o CEIP e IES A Sangriña, o Campo de Fútbol, o Pavillón Municipal, entre outros.

As actuacións levaranse a cabo no Paseo de Portugal e no viario de acceso ao Pavillón Municipal con zonas de aparcamento, dous novos pasos de peóns, novas beirarrúas, así como dúas glorietas que permitirán mellorar a seguridade vial e facilitar a circulación de vehículos. O proxecto inclúe a reserva de prazas de estacionamento para discapacitados e autobuses para deixada e recollida dos alumnos e alumnas dos centros educativos.

Esta actuación ven a solventar un problema de seguridade viaria e peonil, urbanizando unha zona cunha gran concentración de persoas, maioritariamente nenos e nenas que asisten aos centro educativos e ás instalacións deportivas, cun tráfico medio de 400 vehículos diarios.

O proxecto tamén permitirá renovar as tubaxes da rede de abastecemento de augas, así como a de augas fecais e a instalación de sumidoiros e canaletas para as augas fluviais, así coma tamén a renovación do alumeado existente na zona de actuación e a rede de telecomunicacións.

O prazo estimado de execución destas obras é de 9 meses, cun custe total de 867.680,97€ IVE engadido, tendo en conta tamén as expropiacións que se teñen que realizar.

A Guarda


Preparación das probas para o Graduado en ESO: convocatoria de setembro

O Concello da Guarda abre o prazo de inscrición para un curso de formación de persoas adultas co obxectivo de preparar aos alumnos e alumnas para a obtención do Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou ESO.

O inicio das clases está marcado para o vindeiro mes de Xuño de 2019

As persoas interesadas poden ampliar información e inscribirse na OMIX da Guarda ou na Oficina de Desenvolvemento Local, nos enderezos electrónicos informacion@aguarda.es e emprego@aguarda.es ou nos teléfonos 676 347 890 e 689 605 127.

A Guarda


Embelecendo a vila da Guarda con murais e pinturas

A partir do venres, día 24 de maio, levarase a cabo un mural no interior do Conservatorio Municipal de Música da vila.

Esta iniciativa, que parte da Concellería de Xuventude, ven a continuar aos diferentes murais que xa se fixeron en diferentes espazos públicos da Guarda, como a praia de Fedorento, o Auditorio de San Bieito, as escaleiras do Campo de Fínola, a fonte de Santa Catalina, entre outros.

Dende o Concello da Guarda se fai un chamamento a todas aquelas persoas que desexen participar, realizando un convite público aos interesados, para contribuir ao embelecemento da nosa vila no pintado de espazos municipais.

Para esta ocasión, contarase coa axuda da ilustradora local Tamara Baz, unha das persoas que se interesaron neste chamamento e desenvolveu unha idea concreta de mural para realizar neste espazo municipal.

As persoas que desexen participar dende este venres no pintado deste novo mural no Conservatorio Municipal de Música e colaborar con Tamara Baz, poden poñerse en contacto coa OMIX da Guarda non 986 61 0000 ou a través do enderezo electrónico informacion@aguarda.es

A Guarda


A Guarda avanza no Plan Especial de infraestruturas e dotacións da Sangriña

O Concello da Guarda ven de iniciar a tramitación do expediente de Impacto Ambiental para o Plan de infraestruturas e dotacións para a zona da Sangriña, o que permitirá consolidar este espazo para diferentes usos deportivos, comunicacións, transportes, espazos públicos, entre outros.

Nesta zona actualmente xa se atopan varios servizos e espazos dotacionais como o IES A Sangriña, a Conservatorio Municipal de Música, o Pavillón Municipal o Campo de Fútbol, a Piscina Municipal o Almacén Municipal, o Punto Limpo ou a Casa Cuartel da Guardia Civil.

Este Plan Especial pretende ampliar a superficie delimitada como solo de equipamentos no planeamento vixente nunha superficie de 19,323m2 , mellorando as condicións de urbanización en 11,174m2 quedando una superficie total de actuación de 30,497m2 co obxectivo de ofertar unha maior eficacia e coherencia entre a oferta de equipamentos e as necesidades de cada ámbito territorial, a accesibilidade e cobertura da poboación, mellorando o atractivo da vila da Guarda, cunha zona de infraestruturas e dotación perfectamente delimitada.

O uso principal previsto para estas parcelas dotacionais é o deportivo, tendo un espazo xa reservado para a futura construción dun novo Pavillón Municipal para A Guarda, cun aforo aproximado de 1000 espectadores, coa intención de dar cobertura á puxanza en xeral do deporte no concello e a súa contorna do Baixo Miño, coa súa correspondente zona de aparcadoiro, incorporando a este plan varias parcelas de titularidade municipal ó ámbito de equipamentos existente na zona.

A maiores o plan inclúe a ampliación das zonas verdes existentes con sistema de rego eficientes así coma unha iluminación e novos pavimentados, promovendo o aforro e eficiencia enerxética das instalacións.

O custe previsto para esta urbanización, tendo en conta as zonas verdes, os viarios, o acondicionamento de novas parcelas, a conexión de servizos xerais e demáis custes asociados ascende a 711.120,05€.

A Guarda


Inscricións abertas para os cursos da Aula CeMIT de xuño e xullo

A Aula CeMIT da Guarda organiza novos cursos de informática para todas as idades nos meses de xuño e xullo.

As inscricións están abertas no Concello e no Centro Cultural(1º andar), chamando ao 986 611850 ou no enderezo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal.

Cursos para o mes de xuño:
" Internet e correo electrónico II: Luns de 17:00h a 18:30h
" Informática para adultos: Xoves de 10:30h a 12:00h
" Xestións na rede: Martes de 10:30h a 12:00h

Cursos para o mes de xullo:
" Informática para nenos: Mércores de 10:30h a 12:00h
" Manexo tablet e smartphone: Martes de 10:00h a 11:30h
" Aplicacións de Google: Luns de 12:00h a 13:30h
" Creación de presentacións: Martes de 12:00h a 13:30h

Sobre a Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento gracias a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego. Aínda que a aula de informática está integrada na rede CEMIT, o concello non recibe ningunha subvención da Xunta de Galicia

Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.

A Guarda


A celebración do Día das Letras Galegas marcou a fin de semana na Guarda

A Guarda celebrou a pasada fin de semana o Día das Letras Galegas con diferentes propostas entre as que destacaron un concerto para escolares, un festival musical e o prato forte coa Festa das Letras.

A programación de actividades arrancou o pasado mércores día 15 de maio cun concerto escolar no que participaron máis de 700 alumnos e alumnas de primaria dos centro de ensino da vila. O Concerto realizouse no Auditorio de San Bieito a cargo de "A Banda das Apertas" con Magín Blanco, unha actividade incluída no Pontegal da Deputación de Pontevedra.

Na xornada do xoves 16 de maio o Centro Cultural da Guarda foi o escenario da actividade "O Galego na Guarda, Unha lingua con futuro?" organizada por Xuliva en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña e o Concello da Guarda.

O Venres 17 de maio tivo lugar un festival folclórico coa participación de tódolos grupos da Guarda e se entregaron os premios ós gañadores do concurso de relato e debuxo organizado pola Agrupación Cultural Guardesa realizando ademais un desfile dende a Alameda da Guarda ata o Auditorio de San Bieito.

Sen dúbida algunha a actividade que centrou a celebración das Letras Galegas na Guarda foi a Festa das Letras, que tivo lugar na xornada do pasado domingo na Praza do Reló e que contou entre a súa programación e actividades con venda de libros con descontos para os asistentes, postos de venda de artesanía, un xogo de pistas "Superlector", un stand con publicacións municipais, actuacións en directo, xogos populares e un sorteo final.

Ás 11:30h máis dunha trintena de rapaces e rapazas participaron no Contacontos "A detective peregrina", que correu a cargo de Polo Correo do Vento, seguido dunha sesión de vermouth musical con "Roger de Flor" e o monólogo de Gil.

Xa pola tarde celebráronse varios xogos populares con carreiras de sacos, zancos, parchís xigante, no que participaron nenos e nenas da vila.

Unha das actuacións máis animadas chegou ás 18:00h co espectáculo para nenos "Canta miña pedra canta" a cargo de Xoan Curiel e Charo Pita, unha posta en escena que non deixou a ninguén indiferente.

Xa como broche final desta Festa das Letras 2019 na Guarda ás 20:00h Vero Rilo e Faia Díaz (integrante do grupo De Vacas), realizaron ante os asistentes un traballo onde voz narrada e cantada contaron historias recollidas no noso entorno baixo o título "Por unha peseta" a cargo da Compañía A Patacón.

Ao longo desta xornada de domingo foron moitos os que se achegaron ata a Praza do Reló para gozar da ampla programación de actividades e mercar libros, tamén os máis cativos que participaron no xogo de pistas "Superlector". Para rematar realizouse un sorte de agasallos, nos que se incluíron varias publicacións, resultando premiados os números 1117 e 735, premios entregados no momento.

A Guarda


Unha exposición de obxectos tradicionais complementará a visita dramatizada ao Arrabal

Unha exposición realizada grazas á recompilación de obxectos tradicionais complementará a oferta de actividades culturais que se desenvolverán na fin de semana do 1 e 2 de xuño con motivo da visita dramatizada protagonizada polas persoas participantes no obradoiro de teatro "6x6 Punto de encontro O Arrabal: historias non escritas".

A mostra reunirá obxectos cedidos pola veciñanza, entre os que se atopan ferramentas de carpintería, apeiros de labranza, elementos relacionados co tecido da lá e do liño, fotografías, documentos e xornais antigos, entre outros. Todos eles gardan algún tipo de relación coas historias "non escritas" que se representarán durante a visita dramatizada e que falan do patrimonio inmaterial e a memoria colectiva de Oia.

Baixo o título "O Arrabal, historias non escritas", a proposta expositiva partirá do material para explicar o inmaterial, facendo fincapé nas historias locais que manteñen unida á comunidade e que inclúen desde contos e lendas ata costumes e tradicións que xa non se practican. Ao mesmo tempo, renderase homenaxe a figuras clave da cultura galega, como Rosalía de Castro e Castelao.

A mostra permanecerá exposta na Oficina de Turismo de Oia desde o sábado 1 de xuño e poderá visitarse durante todo o mes no horario de apertura das anteditas instalacións.

Catálogo

Ademais da montaxe da propia mostra, a iniciativa inclúe a edición dun catálogo onde se explican os obxectivos da actividade e onde tamén se reúnen os textos das diferentes pezas dramáticas a representar pola veciñanza. Deste xeito, poderase entender a relación entre as pezas que se exhiben e o espectáculo das artes escénicas. O catálogo estará accesible en formato papel e tamén en PDF a través de código QR para consultar desde o teléfono móbil.

Tanto a exposición como o catálogo son iniciativas organizadas pola Asociación Costa dos Castros, a cal solicitou financiamento á Deputación de Pontevedra dentro da liña de subvencións para a Dinamización da Lingua do ano 2019.

Historias non escritas

O obradoiro de teatro veciñal está organizado polo Concello de Oia e impartido pola Artística Teatro e Danza entre os meses de febreiro e maio. A raíz do proceso de análise e reflexión sobre o patrimonio inmaterial e a memoria colectiva desenvolvidos coa veciñanza participante no obradoiro, elaboráronse varias pezas teatrais que serán representadas o vindeiro domingo 2 de xuño a partires das 19.00 horas en diversas localizacións emblemáticas do barrio do Arrabal.

Ademais, o barrio acollerá unha programación complementaria composta por un espectáculo infantil, postos de artesanía local e música de cantos de taberna. Toda esta actividade desenvolverase nunha contorna cunha ambientación moi especial, pois a decoración estará elaborada polo alumnado dos colexios do municipio.

Oia


As charlas sobre violencia de xénero organizadas polo Concello dirixiranse a partir do luns ao profesorado de Infantil e Primaria

A actividade, organizada polo Concello a través da Oficina Municipal de Igualdade, impartirase durante tres días en diferentes centros educativos

O vindeiro luns, 27 de maio, retomaranse as charlas sobre violencia de xénero organizadas polo Concello a través da Oficina Municipal de Igualdade. Esta vez a actividade irá dirixida ao profesorado de Educación Infantil e Primaria, despois de que se impartiran xa para docentes de Secundaria e pais e nais de adolescentes.

Nestas charlas, profesionais expertos aconsellan sobre temas coma a educación en valores de igualdade e respecto, ciberviolencia, violencia sexual e as novas tecnoloxías; prevención da violencia sexual dixital, etc. dando aos docentes as ferramentas pedagóxicas para saber actuar ante o problema.

Esta actividade, que arrancou no mes de abril, forma parte das que se están organizando dende o Concello dirixidas á comunidade educativa e con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Tomiño


O Mercado de Tomiño irmandarase co de Ourense dentro da campaña "Quere o teu mercado"

No encontro (sábado 25 de maio) presentarase ademais unha nova cociña móbil creada polo tomiñés Pablo Rodríguez

O vindeiro sábado 25 de maio (Día dos Mercados), o mercado municipal de Tomiño irmandarase co de Ourense, no marco dunha nova edición da campaña "Quere o teu mercado" que é o lema en galego, da campaña internacional dos mercados "Love Your Local Market". A iniciativa conta este ano coa participación de mercados europeos e doutros países (España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos).

En Galicia a acción é promovida pola Xunta de Galicia en colaboración con concellos, prazas de abastos e federacións e asociacións de comerciantes, co obxectivo de potenciar a compra do produto local, ademais de enxalzar a profesionalidade dos praceiros e praceiras de cada localidade.

Tomiño leva a cabo esta campaña en colaboración coa Praza de Abastos de Ourense; colaboración que se concreta na gravación dun vídeo cos praceiros e praceiras de ambos mercados que pode visionarse no Facebook destes mercados e na plataforma You tube.

Por outra banda, o mesmo día, ás 14.00 horas, o Mercado de Tomiño presenta a súa nova cociña móbil, unha creación do tomiñés Pablo Rodríguez, da ferretería local 'A Roda', instalación que vai permitir a celebración de show cookings e xornadas de degustación, un motivo máis para visitar a este mercado; o único en Galicia con selo de excelencia.

Nos próximos meses está xa prevista a celebración de eventos gastronómicos a cargo de cociñeiros galegos e portugueses, dentro do programa de cooperación transfronteiriza da Eurocidade Tomiño-Cerveira.

Tomiño


Anahí Álvarez Guerner, patinadora tomiñesa, participará na categoría “junior” no Campionato de España

Anahí Álvarez Guerner, patinadora tomiñesa, participará na categoría "junior" no Campionato de España que se celebrara en Bilbao entre o 29 de maio e o 2 de xuño.

Anahì foi seleccionada como promesa na modalidade de patinaxe, no Concello de Vigo, e acadou numerosos títulos provinciais e rexionais nos últimos anos.

Dende a Concellería de Deportes, fan chegar a Anahí parabéns polo seu esforzo e dedicación e desexos de moita sorte no campionato. Acompañamos dúas fotos de anteriores competicións.

Tomiño


Tomiño leva a compostaxe aos centros escolares de de Infantil e Primaria

Ao final de cada actividade, entrégaselles un exemplar do libro editado co apoio do Concello, "Os Bolechas limpan Tomiño", de Pepe Carreiro

O Concello de Tomiño, na súa aposta pola mellora na reciclaxe de residuos e prevención, está a poñer en marcha ao longo do mes de maio, os composteiros dos centros escolares do municipio.

O obxectivo, como xa se fixo no CRA (Colexio Rural Agrupado), é ensinar aos mais pequeno/as, como darlle outra vida ao lixo orgánico e de forma sinxela e natural, obter un bo compost para a horta, que ademais de mellorar a fertilidade, a estrutura e a humidade da terra, tamén proporciona melloras medioambientais e económicas, ao evitar desprazar os residuos e xestionalos no lugar onde se xeran.

Ao mesmo tempo, estanse desenvolvendo actividades para todo o alumnado de Infantil e Primaria, no marco do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, coa colaboración dos educadores ambientais do CEIDA e dos mestres composteiros do Concello (Plan Revitaliza). "A idea é ensinarlles, xogando, como separar os diferentes residuos, como se produce o compost, e que animaliños nos axudan a traballar no composteiro", explica María Xosé Vázquez, concelleira de Medio Ambiente.

Ao final de cada actividade, entrégaselles un exemplar do libro editado co apoio do Concello, "Os Bolechas limpan Tomiño", de Pepe Carreiro, onde os personaxes recollen o lixo, percorrendo os distintos colexios e lugares emblemáticos de Tomiño, depositándoo ao final no colector correspondente.

Tomiño


Chega a Tomiño a exposición de viñetas sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

- O Concello é socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que creou esta mostra arredor das metas fixadas pola ONU para erradicar a pobreza en 2030

- Cada ODS está ilustrado por unha ou un debuxante, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía, entre eles Davila, Alberto Fortes ou Alicia Jaraba

O Mercado Municipal de Tomiño acollerá entre o 21 de maio e o 21 de xuño a novidosa mostra arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible creada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello. Os municipios teñen un papel chave no cumprimento destas metas fixadas pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030, pero para acadalas o primeiro paso é dalas a coñecer, e mellor se se fai dun xeito entretido, empregando o humor e a retranca que nos caracteriza para facelas máis comprensibles.

Na exposición 'Os ODS. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá', cada un dos 17 Obxectivos está representado por unha viñeta dunha autora ou autor, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía como son Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau. A través das obras destes 15 debuxantes, preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Ao tempo, búscase concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto.

O Fondo Galego volve apostar así por accións que vinculan a sensibilización co mundo da arte e da cultura, co fin de implicar a este sector e visibilizalo. Ademais, fíxose un esforzo especial por incorporar autoras, tendo en conta que a banda deseñada é un xénero especialmente hostil para as mulleres, non só pola perpetuación dos roles de xénero senón tamén por manter ás ilustradoras nun segundo plano.

Na exposición podemos atopar as sinaturas de Neivaldo Nhatugueja, Iago Araujo, Pablo Rosendo, Roberto Mendes, María Nóvoa, Alberto Fortes, María Vilar, Jano, Alicia Jaraba, Clara Patiño, Paula Esteban, Noemí López, Laprislazuli, Tokio e Luis Davila. A mostra resulta tamén innovadora polo seu formato, xa que as ilustracións van montadas sobre grandes caixas de cartón, e incorpora asemade unha unidade didáctica, pensada inicialmente para Secundaria.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Tomiño


Tomiño é un dos poucos concellos galegos que terán wifi gratis nos espazos públicos

O Concello logrou colarse entre o medio millar de municipios españois (unha ducia deles galegos) que puideron solicitar a axuda da UE no primeiro minuto de apertura da convocatoria

Tomiño é un dos 510 municipios españois que poderá beneficiarse das axudas que concede a Unión Europea para financiar a instalación de wifi gratis de alta velocidade en espazos públicos (parques, edificios municipais, etc.).

A Comisión Europea anunciou onte o nome de 3.400 municipios europeos (510 en España e unha ducia en Galicia) que recibirán unha axuda de 15.000 euros para financiar estas instalacións, dentro do programa "Wifi4EU", co que a UE quere apoiar a instalación de conexións de alta velocidade en municipios europeos (entre 6.000 e 8.000), cun orzamento de 120 millóns de euros para o período 2018-2020.

A convocatoria para solicitar estas axudas estivo aberta só dous días (4 e 5 de abril de 2019) e participaron case 10.000 concellos. Segundo informou a UE, practicamente a totalidade dos municipios presentaron a súa solicitude no primeiro, minuto tras a apertura da convocatoria por orde de inscrición. Tomiño foi un deles ao lograr colarse nese primeiro minuto, conseguindo ser o único concello do Baixo Miño en contar con esta axuda. Segundo explica Antonio Tartaglione, responsable de Promoción Económica de Tomiño, o Concello non se presentou á primeira convocatoria destas axudas por non ter confirmada a existencia de fibra óptica na zona. "Agora, que xa se están a instalar as conexións de fibra óptica nos núcleos urbanos de Tomiño e Goián, pensamos que era o momento idóneo para pedir a axuda", apunta.

Os municipios que reciban os fondos deben garantir que a conexión 'wifi' estea dispoñible nun prazo de 18 meses e os concellos terán que definir o seu proxecto, seleccionar a compañía para a instalación e facer fronte aos custos de mantemento. A conexión que se ofreza debe ser de alta calidade , tendo que supervisar a UE que se cumpra este criterio.

Tomiño


O Concello de Tui porá en valor os petróglifos de Rozacús e do Alto do Coello en Randufe

O Concello de Tui vai pór en valor os petróglifos de Rozacús e do Alto do Coello en Randufe, no que vai investir 12.826 € procedentes dunha achega da Deputación de Pontevedra para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural dirixidas a concellos da provincia de Pontevedra para o ano 2019.

Trátase dun proxecto encargado pola Concellería de Patrimonio, dirixida por Eduardo Freiría Martínez co fin de dar visibilidade e protección a estas estacións rupestres declaradas BIC. Para elo está previsto que as actuacións a levar a cabo vaian encamiñadas cara a súa conservación mediante a eliminación dos mantos superficiais de terra e capas bioxénicas da rocha. Tamén se realizará un traballo de sinalización, ao pé da estrada para indicar a ubicación e paneis informativos nas propias estacións.

A maiores, co fin de adecuarse ao uso das novas tecnoloxías e a difusión a través da páxina web e redes sociais, prevese a realización dun modelado 3D das estacións rupestres.

Estes elementos patrimoniais están ubicados no monte comunal de Randufe, polo cal foi precisa a súa cesión de uso por parte da Comunidade de Montes de Randufe.

Por outra parte, no mes de agosto do pasado ano, dentro das rutas organizadas pola Concellería de Patrimonio "Tralas pegadas do tempo" xa se levara a cabo a difusión e concienciación social cara estes elementos patrimoniais, traballo previo e lóxico dentro da cadea de valor do patrimonio que ha de concluír coa intervención de conservación e posterior didáctica.

Tui


O Concello de Tui terá implantado nos vindeiros meses o Plan de Emerxencias Municipal

Levarán a cabo accións formativas en centros escolares, asociacións veciñais e instalacións deportivas de Tui a partir da vindeira semana

O Concello de Tui presentou esta mañá o seu Plan de Emerxencias Municipal. O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Seguridade, Antonio Castro Negro e o encargado do Plan, Daniel Lorenzo da empresa encargada Previnem, foron os responsables de dar a coñecer o documento.

O Plan Municipal de Emerxencias é un instrumento de carácter técnico composto por normas e procedementos que explican o sistema de resposta da administración local ante os riscos que se poidan dar no municipio. O plan conta cunha estratexia de actuación dependendo de cada risco: accidentes de mercadorías perigosas, inundacións, incendios forestais e urbanos e fenómenos meteorolóxicos adversos.

Os obxectivos deste Plan de Emerxencia Municipal son analizar os riscos do municipio, determinar ás medidas de prevención ante un posible risco e coordinar os recursos municipais para posibilitar unha resposta rápida en caso de emerxencia.

O documento partiu dun análise do municipio (espazo xeográfico, actividades e configuración do espazo) a partir do cal se identificaron unha serie de riscos que despois se avaliaron para elaborar os protocolos de actuación. A segunda parte consiste na implantación do Plan.

A fase de implantación consiste na capacitación dos servizos de emerxencia que van conformar grupos operativos de intervención, grupo sanitario de acción social, de apoio loxístico, de seguridade e de apoio técnico e rehabilitación. Estarán formados por colectivos de seguridade municipal como protección civil, a policía local, e traballadores do concello entre outros.

Ademais elaborouse unha identificación de espazos, instalacións e actividades que polas súas características necesiten máis atención, e para as que se creou unha ficha de intervención operativa. É o caso dos centros escolares, locais sociais ou instalacións industrias entre outros que contan con esa ficha de datos fundamentais para contribuír a unha mellor e máis rápida intervención en caso de emerxencia.

Dentro do proceso de implantación, van realizar un traballo coa veciñanza baseado na difusión dos principios de autoprotección a través de accións formativas nos centros escolares, asociacións de veciños e instalacións deportivas.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín asegurou que esta era "unha das carencias detectadas no concello polo que era fundamental levar a cabo este plan para contar cun protocolo de actuación en caso de emerxencia como no caso da vaga de lumes de outubro de 2017".

Tui


O Concurso "Matemáticas na raia" celebrarase en Tui esta fin de semana

Participarán 43 alumnos e alumnas do IES Nº1 de Ordes e da Escola Básica de Aroes de Santa Cristina, participarán na fase final deste concurso

A Asociación Galega de Profesores de Matemáticas, AGAPEMA, e a Asociación de Profesores de matemática de Portugal, APM, organizarán esta fin de semana no concello de Tui, a fase final do concurso "Matemáticas na raia". Participarán os alumnos e alumnas de 9º da Escola Básica de Aroes de Santa Cristina de Portugal e de 3º da ESO do IES Nº1 de Ordes.

Ademais da final do concurso, que se celebra alternativamente en Portugal e España, se realizará un roteiro matemático polo conxunto histórico de Tui, unha visita turística á cidade de Valença, así como un descenso polo río Miño.

Tui


A fiscalía arquiva as denuncias contra o alcalde pola xestión de residuos da apertura da rúa Ourense e a contratación dun asesor xurídico externo de urbanismo

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta do arquivo por parte da fiscalía de dúas denuncias interpostas polo concelleiro da oposición, Laureano Alonso.

O alcalde de Tui, compareceu en calidade de investigado ante a fiscalía o pasado 16 de maio logo de ser aceptada a solicitude de facelo antes de data prevista (23 de maio).

A primeira denuncia presentada refírese á xestión de residuos da apertura da rúa Ourense, na que se solicitaba a investigación da retirada por parte da empresa adxudicataria da pedra dos inmobles expropiados para a apertura da rúa Ourense. Sobre esta denuncia a fiscalía dita un decreto de arquivo xa que non percibe ningunha actuación constitutiva de delito. Apuntaba Carlos Vázquez Padín, que se axustaron o proxecto do goberno anterior, agora na oposición, polo que "de haber algún erro nese procedemento de licitación, sería derivado do proxecto que o goberno do propio denunciante visou no ano 2016".

Por outra banda daba conta tamén do arquivo da denuncia pola contratación dun asesor externo de urbanismo. O informe da fiscalía di que é coñecedora do colapso na resolución de expedientes na área de urbanismo do Concello de Tui e que a contratación do asesor cumpre os requisitos esixidos na Lei de Contratos de Sector Público no que ademáis se inclúe un compromiso de confidencialidade.

Manifestaba na rolda de prensa desta mañá o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, con respecto a intención desas denuncias que "non se pode manchar o nome dunha persoa con esa facilidade e lixeireza".

Tui


O Concello de Tui convoca un Concurso de Ideas para a Reordenación da Fronte Fluvial de Tui entre a vella Ponte Internacional e os Xardíns de Troncoso

Haberá un premio de 18.000€ e dous accésit de 8.500€ e 3.500€

Na mañá de hoxe presentouse no Concello de Tui o Concurso de Ideas para a Reordenación da Fronte Fluvial. Estiveron no acto o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, xunto a Antonio Davila, Manuel Martínez e Simón Pereiro da delegación en Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Os proxectos que se presenten ao concurso serán valorados en función de 4 criterios cunha puntuación total de 100: un máximo de 35 pola calidade da proposta con respecto á adecuación co entorno e sustentabilidade, 25 por viabilidade económica, 20 atendendo a criterios de mobilidade e accesibilidade e 20 de integración urbana entre o río e a cidade. O ámbito de actuación do proxecto engloba dende a Ponte Internacional até os Xardíns de Troncoso.

Establécese un premio dotado con 18.000€ e dous accésit de 8.500€ e 3.500€. O xurado que valorará os proxecto estará formado por un representante da Confederación Hidrográfica, da Demarcación de Costas de Pontevedra, das Consellerías de Cultura e de Medio Ambiente e Urbanismo da Xunta de Galicia e un técnico, enxeñeiro ou arquitecto, designado pola Deputación de Pontevedra. Ademáis haberá dous enxeñeiros ou arquitectos designados polo Concello de Tui e dous representantes do colexio de arquitectos e o de enxeñeiros de camiños, canles e portos.

Os interesados terán de prazo para presentar os seus proxecto 45 días naturais a partir do día seguinte da publicación das bases no perfil do contratante na plataforma do estado , que se producirá a finais desta semana o na próxima.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, destacou o río como un dos activos máis importantes de Tui, polo que é unha boa idea "ter moitos profesionais que coñezan de urbanismo e a organización do espazo que aporten as súas ideas a Tui e ó diálogo do río co conxunto histórico".

Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais