Horário do Ferry (9 a 12 de Maio)
Veciños da Guarda e Caminha realizaron a Ruta da Pedra e da Auga
O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos realízanse en Galicia e Portugal.
As andainas iniciáronse no mes de febreiro e o pasado mércores día 1 de maio realizouse a ruta da Pedra e da Auga e do Río San Martiño o martes 1 de Maio e rematarán coa ruta do Sendeiro do Miradoiro de Matacás o sábado 1 de xuño.
A PR-G171 Ruta Da Pedra e da Auga e do Río San Martiño, transcorre polo concello de Meis, onde os participantes percorreron un total de 20km de distancia comezando e rematando a ruta no mosteiro cisterciense de Armenteira.
A andaina estivo composta en realidade de dúas rutas. A da Pedra e da Auga con numerosos muíños restaurados que salpicados polas beiras do río Armenteira e a Ruta polo Río San Martiño. Nos arredores de Barrantes iniciouse a ruta polo río San Martiño que permitíu aos asistentes contemplar interesantes igrexas románicas (San Martiño e San Salvador de Meis) e espléndidas paisaxes da ría de Arousa.
Calendario 2019 de Andainas
ANDAINA 5.- SÁBADO, 1 DE XUÑO: SENDEIRO DO MIRADOIRO DE MATACÁS (CASTRO CALDELAS - OURENSE)
Distancia: 16,5 km
Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 20.00 h.
Prezo:
Descrición: É a andaina de maior esixencia física das realizadas neste ano polo desnivel acumulado de subida de 1.141 m. Trátase dunha ruta homologada no 2018 (PR-G 237) na Ribeira Sacra ourensá, no concello de Castro Caldelas. No percorrido poderemos contemplar viñedos, soutos e sobreiras centenarias así como a espectacular panorámica sobre o Canón do Sil desde as Penas de Matacás.
A Guarda
O Centro Cultural da Guarda luce xa a nova iluminación ornamental
Dentro das actuacións de carácter estético de realce do noso patrimonio, como por exemplo o pintado do espigón ou a rotonda de San Roque, o concello da Guarda adxudicou esta semana as obras de iluminación ornamental do Centro Cultural da vila, unha construción indiana que ben merece luminarias que destaquen a súa arquitectura nas horas nocturnas, actuando na fachada principal e fachada oeste, así como nas escaleiras de acceso e a zona axardinada da parte posterior.
Esta iluminación ornamental está xa en funcionamento dende o pasado mércores día 8 de maio, para o proxecto de iluminación ornamental do Centro Cultural da Guarda empregouse iluminación de tipo LED, con temperaturas de cor entre 3000k e 4000k, cumprindo cun aforro enerxético optimizado e destacando áreas específicas deste emblemático edificio co obxectivo de atraer a mirada cara a zonas, detalles ou particularidades arquitectónicas interiores ou exteriores, engadir profundidade ou texturas e matizar o aspecto xeral deste emblemático edificio da vila.
Esta iluminación conta cun sistema de programación horaria automatizado para poder controlar o acendido e apagado da mesma.
O financiamento desta actuación realizouse a través do plan concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
A Guarda
A Guarda recicla máis de 4 toneladas de roupa usada en 4 meses
O servizo de recollida selectiva de roupa e téxtiles usados comezou a principios do ano 2019 na Guarda coa instalación de 5 contedores en varias rúas do municipio.
Esta medida se tomou dende a Concellería de Medio Ambiente ante o elevado número de quilos que se viñan recollendo no punto limpo da Guarda deste tipo de materiais, o que motivou a facilitar aos veciños e veciñas desfacerse da roupa e téxtiles usados para a súa posterior reciclaxe en centros específicos de tratamento e transformación.
Neste senso instaláronse xa 6 contedores, emprazados no aparcamento da Rúa Malteses do Porto da Guarda(O Rejiño), na Rúa Donantes de Sangue, na Rúa Puerto Rico, na Rúa Manuel Álvarez, na Rúa Julia Vaquero e outro máis que se emprazará proximamente na Gándara.
Dende a súa instalación, e en tan só 4 meses, recolléronse nestes contedores un total de 4,443 quilos de roupa usada e téxtiles, sen contabilizar nestes datos os quilos que se recolleron a maiores no punto limpo da Guarda.
O Concello da Guarda considera que coa instalación destes contedores mellorouse notablemente este servizo, e facilitouse tamén a reciclaxe destes materiais, tendo unha previsión de aumentar o número deste tipo de contedores a máis parroquias da vila proximamente, dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.
Estes contedores están pensados para depositar roupa e téxtiles usados, así coma tamén zapatos, un servizo de recollida selectiva realizado pola empresa TEXLIMCA S.A., encargada da recuperación e reciclaxe deste tipo de materiais.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora das taxas de reciclaxe, contando ademais cun dos puntos limpos de referencia a nivel autonómico. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia 2010-2020 (PXRUG), establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos, accións que van en consonancia co PEMAR, Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos.
A Guarda
Fin de semana con interesantes propostas na Guarda
A Guarda prepárase para a segunda fin de semana de maio, unha fin de semana na que destacan a III Mostra Asociativa, as visitas guiadas ao Monte Santa Trega, a actividade Geolodía09, a sesión de Contos Contados na Biblioteca, entre outras actividades para todas as idades.
Sábado 11:
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda este sábado día 11 de maio na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) en horario de 10:00 ás 15:00 horas.
Ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.
Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.
Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas é obrigatorio facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.
A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para adultos e 0,5€ para menores de 14 anos.
O Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h. Entrada: 1€ adultos e 0,5€ ata 14 anos inclusive.
Tamén este sábado ás 11:30h da mañá terá lugar a primeira sesión de Contos Contados do mes de maio, adicada especialmente ao "Día das Letras Galegas".
Neste día realizarase un obradoiro adicado a Antón Fraguas, no que os asistentes colorearán as fichas didácticas "Primavera das Letras" con ilustracións inspiradas na vida e obra de Antón Fraguas. Este material é unha iniciativa da Real Academia Galega.
A Alameda da Guarda será o escenario, unha vez máis, para a celebración da terceira edición da Mostra Asociativa, un evento multicultural no que as asociacións da vila son as protagonistas dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes.
Un total de 30 colectivos e asociacións da vila participarán ao longo dunha gran xornada cargada de actividades e unha intensa programación para todas as idades, que este ano arrancará ás 16:00h da tarde.
Ademais dos stands individuais de cada colectivo, nos que tamén se realizarán actividades paralelas e se informará máis pormenorizadamente sobre os servizos e obxectivos de cada Asociación/colectivo, a III Mostra asociativa conta coa seguinte programación de actividades:
Programa:
16:00h - Actuación conxunta entre A Boalleira e Na Revolta
16:30h - Exhibición de Danza Centro Do-Majó
18:00h - 18:45h - Bloque de actuacións conxuntas entre a Asociación Vento Mareiro, Rock´n´Rolla, Xamaraina e o Coro Arpegios-Cantábile.
18:45h - Actuación da Agrupación Musical da Guarda
19:15h - Serán coas actuacións dos grupos Do Lusco ó Fusco e Vento Mareiro
20:00h Actuación das Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa
20:30h Actuación de Xerock
A maiores ao longo da tarde haberá actividades paralelas nas que se inclúen a realización dunha alfombra floral, práctica deportiva de remo ergómetro, un obradoiro de hockey e patinaxe, un obradoiro de decoración de palma, un obradoiro de henna, un obradoiro de chapas, unha exhibición de skate, xogos, circuito e actividades de airsoft, obradoiro de nós mariñeiros, sopas de letras, aparellos mariñeiros, photocall e moito máis.
Domingo 12:
Este domingo celébrase en todo o país unha nova edición do Geolodía, toda unha serie de excursións gratuítas coordinadas pola Sociedad Geológica de España, guiadas por xeólogos e xeólogas e abertas a todo tipo de público.
Especial protagonismo terá o granito, tanto o do monte Santa Trega coma dos montes circundantes, fonte de orixe dun recurso moi importante, o caolín, por cuxa explotación e aplicación industrial destacou este municipio. "Falaremos de como se forma o caolín a partir do granito e das condicións que deron lugar, entre o Mioceno e o Holoceno, aos xacementos de caolín da zona e, nesta liña, descubriremos as evidencias do aproveitamento destes caolíns desde o Neolítico e durante a cultura castrexa", recalcan.
A actividade, gratuíta e guiada, celébrase este domingo día 12 de maio no Monte Santa Trega da Guarda, as inscricións están xa pechadas.
Ás 11:30h do domingo realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.
Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.
Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas é obrigatorio facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.
A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para adultos e 0,5€ para menores de 14 anos.
O Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h. Entrada: 1€ adultos e 0,5€ ata 14 anos inclusive.
A Guarda
A Guarda entrega os diplomas do curso de formación de camareiros-as en bares e restaurantes
Por segundo ano a Concellería de Turismo do Concello da Guarda organizou un curso gratuíto para a formación de camareiros/as de bares e restaurantes, que tivo lugar entre os meses de febreiro e abril.
O obxectivo principal foi o de formar a novos camareiros, algo esencial de cara á profesionalización dun sector tan importante para A Guarda como é o turismo e a Hostalería, ofertando á veciños e visitantes un servizo de calidade e profesional.
A programación estivo deseñada para que as persoas participantes adquirisen as nocións básicas na adecuación do local, reposición do material, servizo de alimentos e bebidas en mesa e barra, e atención ao cliente no servizo de restaurante e bar.
O curso tivo unha duración total de 80 horas. das cales, 40 horas estiveron destinadas á formación teórica e práctica como a montaxe de mesas e ambientación da sala, identificación e limpeza dos utensilios e menaxe, preparación de alimentos e bebidas seguindo as normas de manipulación e hixiene alimentaria, incluíndo tamén formación en alérxenos e manipulación de alimentos.
O alumnado tamén recibiu o diploma de manipulador/a de alimentos. Ademais esta formación completouse coas indicacións en alérxenos.
A esta formación se lle engadiron outras 40 horas de formación práctica non laboral en bares e restaurantes da Guarda, axustadas segundo o perfil e necesidades de cada alumno, promovendo tamén a posible incorporación deste alumnado ao mercado laboral local de xeito inmediato de cara a vindeira tempada estival.
A Guarda
A Guarda acolle este domingo a celebración do Geolodía19
Este domingo celébrase en todo o país unha nova edición do Geolodía, toda unha serie de excursións gratuítas coordinadas pola Sociedad Geológica de España, guiadas por xeólogos e xeólogas e abertas a todo tipo de público. Na provincia de Pontevedra a actividade está organizada por un equipo de docentes da Facultade de Ciencias de Mar e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, coordinados polo profesor José Bienvenido Diez, quen adianta que este ano a visita que se propón é unha ascensión ao monte Santa Trega, un itinerario no que se irán explicando diferentes aspectos xeolóxicos desta contorna. "É media hora de subida moi suave e, en principio, a previsión meteorolóxica é boa polo que agardamos que todo sexa un éxito", indica Diez.
Máis de 80 inscricións en apenas unhas horas
A duración da cada unha das excursións é de arredor de dúas horas e están previstas un total de seis saídas: a primeira será ás 09.00 horas e logo haberá outra cada media hora ata a partida do último grupo, prevista para as 11.30 horas. En total ofértanse 180 prazas e o punto de encontro é o ascenso do monte Santa Tegra. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata as 14.00 horas do vindeiro xoves día 9 para anotarse. "As inscricións abríronse este mesmo luns e xa temos 82 prazas cubertas", salienta Diez, quen admite que esta actividade conta xa cunha comunidade moi fiel de seguidores e seguidoras. "O grupo con saída prevista para as 11.00 horas xa está completo e agardamos que nestes días se cubran todos", recalca o coordinador.
Xunto a Diez participan nesta actividade o decano da Facultade de Ciencias do Mar, Miguel A. Nombela; a directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Elena Alonso; así coma os investigadores Anxo Mena, Gonzalo Méndez, Santiago Pozo e Teresa Rivas. "Xunto a nós contamos tamén coa colaboración dun grupo amplo de alumnos e alumnas de doutoramento", salienta Diez.
Entre castros e granito
Segundo explican os organizadores, o percorrido desta edición é moi accesible a calquera persoa interesada e, de cara a que poidan ver con antelación o tipo de contidos que se van tratar en cada unha das paradas, elaboraron unha pequena guía na que se explica, de xeito moi divulgativo, os principais contidos da visita. Parten da descrición do río Miño como construtor de paisaxes e, en especial, céntranse no seu tramo final, un importante estuario no que predomina a sedimentación. "Veranse os distintos tipos de estuarios en función do grao de mestura das augas fluviais coas mariñas e buscaremos tamén os motivos polos que a parte final do estuario está practicamente rechea de sedimentos", salientan no texto da guía.
Noutra das paradas afondarán nas principais causas dos cambios climáticos e como estes afectaron á costa galega e ás poboacións castrexas como a dos montes de Santa Trega.
Especial protagonismo terá o granito, tanto o do monte Santa Trega coma dos montes circundantes, fonte de orixe dun recurso moi importante, o caolín, por cuxa explotación e aplicación industrial destacou este municipio. "Falaremos de como se forma o caolín a partir do granito e das condicións que deron lugar, entre o Mioceno e o Holoceno, aos xacementos de caolín da zona e, nesta liña, descubriremos as evidencias do aproveitamento destes caolíns desde o Neolítico e durante a cultura castrexa", recalcan.
A actividade, gratuíta e guiada, celébrase este domingo día 12 de maio no Monte Santa Trega da Guarda
As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata as 14.00 horas do xoves día 9 de maio na web: https://geolodia.es/ediciones/geolodia-2019/pontevedra-2019/#1541067325202-05938723-1005
A Guarda
30 colectivos guardeses participan este sábado na III Mostra Asociativa
Este sábado día 11 de maio de 2019 a Alameda da Guarda será o escenario, unha vez máis, para a celebración da terceira edición da Mostra Asociativa, un evento multicultural no que as asociacións da vila son as protagonistas dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes.
Un total de 30 colectivos e asociacións da vila participarán ao longo dunha gran xornada cargada de actividades e unha intensa programación para todas as idades, que este ano arrancará ás 16:00h da tarde.
Ademais dos stands individuais de cada colectivo, nos que tamén se realizarán actividades paralelas e se informará máis pormenorizadamente sobre os servizos e obxectivos de cada Asociación/colectivo, a III Mostra asociativa conta coa seguinte programación de actividades:
Programa:
16:00h - Actuación conxunta entre A Boalleira e Na Revolta
16:30h - Exhibición de Danza Centro Do-Majó
18:00h - 18:45h - Bloque de actuacións conxuntas entre a Asociación Vento Mareiro, Rock´n´Rolla, Xamaraina e o Coro Arpegios-Cantábile.
18:45h - Actuación da Agrupación Musical da Guarda
19:15h - Serán coas actuacións dos grupos Do Lusco ó Fusco e Vento Mareiro
20:00h Actuación das Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa
20:30h Actuación de Xerock
A maiores ao longo da tarde haberá actividades paralelas nas que se inclúen a realización dunha alfombra floral, práctica deportiva de remo ergómetro, un obradoiro de hockey e patinaxe, un obradoiro de decoración de palma, un obradoiro de henna, un obradoiro de chapas, unha exhibición de skate, xogos, circuito e actividades de airsoft, obradoiro de nós mariñeiros, sopas de letras, aparellos mariñeiros, photocall e moito máis.
Dende o Concello da Guarda faise un chamamento á participación da cidadanía este sábado, para por manifesto unha vez máis a importancia do asociacionismo, a colaboración e a implicación da sociedade en diferentes colectivos, para levar a cabo accións asociativas de interese xeral con diferentes temáticas e fins.
A Guarda
A segunda edición de Creando Rural remata con 3.300 votos do público
Os colexios San José (Gondomar), As Solanas (A Guarda), Serra de Vincios (Gondomar) e Mestre Manuel Garcés (Tomiño) foron os gañadores do concurso escolar posto en marcha por Eu Rural
Gran resposta de participación na segunda edición do concurso escolar Creando Rural, posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural co obxectivo de implicar a novos colectivos na difusión e animación do desenvolvemento rural e da Medida Leader entre a poboación residente no ámbito territorial do Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR 14) (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).
En total, 10 aulas de 7 centros escolares de 5 municipios do territorio presentaron os seus proxectos a concurso para participar nalgunha das dúas categorías aberta, educación infantil e primaria. Os colexios participantes foron, por concellos:
- Gondomar:
" CEIP Serra de Vincios
" Centro de Educación Infantil San José
- A Guarda:
" CEIP Plurilingüe As Solanas
- Nigrán:
" CEIP Mallón
- Redondela:
" CEIP de Laredo
" CEIP Plurilingüe de Quintela
- Tomiño:
" CRA Mestre Manuel Garcés - Escola da Aurora
Proxectos gañadores
Á numerosa participación hai que sumarlle o éxito de resposta do público na votación popular, xa que se recibiron un total de 3.291 votos. De estes, 2.582 foron para a categoría de educación infantil e outros 709 para a categoría de primaria. Así, as aulas gañadoras por votación popular foron:
- 6º EI Centro de Educación Infantil San José (Gondomar) - categoría educación infantil
- 1º EP CEIP Plurilingüe As Solanas (A Guarda) - categoría educación primaria
Por outra banda, debido á calidade dos proxectos presentados a concurso na categoría de educación infantil, o tribunal decidiu por unanimidade outorgar dous premios ex aequo para recoñecer o gran traballo levado a cabo polo alumnado e profesorado participante. A estes dous premios hai que sumarlle o da categoría de educación primaria. As clases gañadoras da votación do xurado foron:
- 3 e 6ºEI CEIP Plurilingüe As Solanas (A Guarda) - categoría educación infantil
- CRA Mestre Manuel Garcés - Escola da Aurora (Tomiño) - categoría educación infantil
- 2ºEP CEIP Serra de Vincios (Gondomar) - categoría educación primaria
Como premio os gañadores da categoría infantil realizarán unha excursión dun día de duración á Granxa Escola Corazón de Carballo, situada en Tomiño, o vindeiro 15 de maio. Mentres, pola súa parte, os vencedores na categoría de educación primaria visitarán o 28 de maio o centro de actividades na natureza FervenzAventura, en Silleda.
Ademais, as aulas gañadoras recibiron este martes os parabéns e un diploma acreditativo de mans dos alcaldes e alcaldesa dos seus concellos. Así, o rexidor da Guarda Antonio Lomba acudiu acompañado da concelleira de Cultura, Educación e Xuventude, Elena Baz, ao CEIP Plurilingüe As Solanas, gañador de dous premios; a alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, Sandra González, felicitou aos gañadores do CRA Mestre Manuel Garcés-Escola da Aurora; e Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, visitou aos vencedores do centro de educación infantil San José e do CEIP Serra de Vincios.
Dende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural quérese dar a noraboa a todos os gañadores e gañadoras do concurso e agradecer a todos os centros escolares que se presentaron a súa participación e implicación no proxecto. Un agradecemento que se fai extensible tamén a todos aqueles docentes que se inscribiron para participar coa súa aula nesta segunda edición de Creando Rural pero que por diferentes motivos non puideron presentar os seus traballos finais a concurso.
A Guarda
Dúas bandeiras azuis ondearán novamente nos areais guardeses do Muíño e Area Grande
A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) deron a coñecer esta semana a listaxe de praias españolas recoñecidas con bandeira azul para esta tempada estival, entre as que se atopan os areais guardeses de Area Grande(marítimo) e O Muíño(fluvial).
Ámbalas dúas praias renovan un ano máis o distintivo acadado dende o ano 2009 (Area Grande) e 2010 (O Muíño) e co que se salienta a súa calidade medioambiental e de servizos.
Así, os areais volverán contar este verán cos criterios esixidos polo distintivo de bandeira azul: paneis informativos, actividades de educación ambiental, análise da calidade das augas, servizo de limpeza e recollida de residuos, servizo de salvamento e socorrismo, e instalación como duchas e aseos.
Amais do recoñecemento ás praias, A Guarda conta coa Senda Litoral recoñecida como Sendeiro Azul. O sendeiro, que renova tamén o distintivo dende o ano 2013, comunica as praias do Muíño e Area Grande pasando polos areais de Fedorento e O Carreiro, con preto de 5 km de lonxitude en total.
A Guarda
A Guarda mellora o camiño e o lavadoiro do Aloque
A Guarda ven de adxudicar por 11.960,10€ o proxecto para a Mellora do Camiño e do Lavadoiro do Aloque no barrio de Saa en Camposancos, un ben patrimonial enmarcado no Camiño Portugués da Costa.
Estas actuacións levaranse a cabo a través dunha subvención para a rehabilitación e a sinalización do patrimonio histórico-cultural da Deputación de Pontevedra.
A fonte e lavadoiro do Aloque é un ben patrimonial da Guarda cunha antigüidade de, cando menos o 1918, segundo os datos que se conservan nas pedras da súa construción. Un ben que se porá en valor cunha actuación específica para a súa recuperación e rehabilitación integral que consistirá na mellora do inicio do camiño do Aloque co camiño de Saa, a recuperación do solado co enlousado primitivo e orixinal deste camiño, a eliminación dos engadidos de morteiro alleos ao manancial e lavadoiro do Aloque, reconstrución de muros, reposición dos pavimentos, recuperación da pía, abrevadeiro e canles de condución de auga, entre outros.
Unha actuación que pretende manter e fomentar parte do patrimonio arquitectónico local, como son os lavadoiros, antigos puntos de traballo e sociabilización dos veciños e que ultimamente constitúe un lugar de paso obrigatorio para os peregrinos de todo o mundo que percorren o Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola Guarda.
A Guarda
Este sábado sesión de Contos Contados -Día das Letras Galegas- na Biblioteca da Guarda
Este sábado día 11 de maio ás 11:30h da mañá terá lugar a primeira sesión de Contos Contados do mes de maio, adicada especialmente ao "Día das Letras Galegas".
Neste día realizarase un obradoiro adicado a Antón Fraguas, no que os asistentes colorearán as fichas didácticas "Primavera das Letras" con ilustracións inspiradas na vida e obra de Antón Fraguas. Este material é unha iniciativa da Real Academia Galega.
As sesións de -Contos Contados- atraen este ano a numerosos pais e nais, avós e avoas, acompañados dos seus fillos e fillas e netos e netas, incrementando notablemente a participación con respecto a anos pasados.
Dende o Departamento de Cultura convídase unha vez máis a asistir a esta actividade.
A Guarda
A Guarda incrementa o número de peregrinos que realizan o Camiño Portugués da Costa
Dende fai meses o Camiño Portugués da Costa ao seu paso por A Guarda, punto de entrada de peregrinos procedentes de Portugal, continua incrementando notablemente o número de peregrinos que empregan esta ruta.
Cada día centos de peregrinos cruzan o río Miño na súa peregrinación a Santiago, algúns deles continúan a súa etapa ata Oia, pero tamén hai unha amplo número deles que deciden pernoctar nos hoteis de A Guarda e tamén no albergue municipal de peregrinos.
Unha boa mostra do continuo crecemento do camiño son os 373 peregrinos que pernoctaron no albergue no mes de abril, unha cifra que case duplica ás do ano pasado.
O perfil do peregrino é moi variado, algúns realizan etapas de máis de 20km e outros etapas máis cortas para gozar das paisaxes, do patrimonio e da excelente gastronomía galega.
En canto á procedencia dos peregrinos cabe destacar que tamén existe unha ampla variedade, cunha alta porcentaxe de estranxeiros. No pasado mes de abril houbo un número considerable de peregrinos procedentes de países coma Alemaña ou Polonia, pero tamén de Suecia, Hungría, Dinamarca, entre outros. Tamén é de gran interese que nos visiten peregrinos de países tan afastados coma a India, Canada, Rusia ou Corea, o que denota a importancia que ten o Camiño de Santiago a nivel internacional.
Aínda que a tendencia neste ano é un incremento dos peregrinos españois, que elixen A Guarda para iniciar a súa peregrinación a Compostela.
A Guarda
A Festa das Letras chega á Guarda o 19 de maio
A Guarda prepara unha xornada para a posta en valor das Letras Galegas coa iniciativa "Festa das Letras", que terá lugar o vindeiro domingo día 19 de maio na Praza do Reló(en caso de choiva na Casa dos Alonsos".
A programación de actividades contará con venda de libros con descontos para os asistentes, postos de venda de artesanía, un xogo de pistas "Superlector", un stand con publicacións municipais e un sorteo final.
As actividades terán comezo na Praza do Reló ás 11:30h co Contacontos "A detective peregrina", a cargo de Polo Correo do Vento, seguido ás 13:00h dunha sesión de vermouth musical con "Roger de Flor".
Pola tarde, ás 16:30h celebraranse varios xogos populares entre os que destacan as carreiras de sacos, zancos, parchís xigante, entre outros.
Ás 18:00h terá lugar o espectáculo para nenos "Canta miña pedra canta" a cargo de Xoan Curtel e Charo Pita e rematará ás 20:00h cun traballo onde voz narrada e cantada contan historias recollidas no noso entorno baixo o título "Por unha peseta" a cargo da Compañía A Patacón con Vero Rilo e Faia Díaz (integrante do grupo De Vacas)
Xogo de Pistas "Superlector"
Unha das actividades principais desta Festa das Letras 2019 na Guarda e o Xogo de Pistas "Superlector", un xogo que consiste en buscar, a partires dun fragmento de texto, unha ilustración ou unha fotografía, ou título dos libros, a colección a que pertence e o seu autor. Nesta actividade poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 12 anos en tres categorías.
Para participar é preciso que se recollan as pistas no Centro Cultual dende o sábado 11 de maio en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00, e entregarse resoltos o día 19 coincidindo coa Festa das Letras.
Unha vez completado o xogo, os participantes deberán entregar a pista resolta o día 19 de Maio na Festa das Letras na propia Praza do Reló para comprobar os resultados e, así, conseguir un Agasallo de SUPERLECTOR.
A Guarda
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 10 e sábado 11 de maio
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 10 e sábado día 11 de maio.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 10 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas e o sábado 11 en horario de 10:00 ás 15:00 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
A Guarda
O Alcalde da Guarda recorda nun Bando a necesidade de manter as fincas nun estado adecuado de limpeza
O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, ven de emitir un Bando Municipal para recordar a todos os veciños e veciñas do municipio a necesidade de manter as condicións de seguridade e ornato das fincas existentes no concello da Guarda ante a ameaza da propagación de incendios forestais que se produce no período estival.
O edil recorda neste bando que é do máximo interese que as leiras e solares se atopen nun adecuado estado de limpeza e coa masa forestal rozada, tendo en conta tamén que como veciños e veciñas, "temos o deber de cumprir coas nosas obrigas para facilitar a convivencia tranquila e pacífica entre todos."
Neste senso, quen teña en propiedade terreos, construcións, edificios e instalacións, deben cumprir cos requirimentos que marca a lexislación vixente:
" Os propietarios dos terreos teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 50 m arredor de calquera núcleo de poboación, edificacións, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e instalacións industriais situados a menos de 400 m do monte.
" Nesa mesma franxa de 50 m non poderá haber as especies sinaladas na disposición adicional terceira da lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (piñeiro, mimosa, acacia, eucalipto, xesta, silva, toxo, …).
" Deberase proceder á xestión da biomasa no ámbito municipal para protexer os núcleos de poboación, edificacións, equipamentos e infraestruturas, antes do 31 de maio de cada ano.
" Dende o Concello solicitamos a colaboración de toda a veciñanza, lembrando que, no caso de incumprir o establecido na lexislación, o Concello poderá optar, segundo os casos, pola execución subsidiaria dos traballos de limpeza, repercutindo o custo da mesma nos titulares das fincas, pola imposición de multas coercitivas entre 120 e 10.000 euros, e mesmo, por financiar a execución de talas coa posible venda das especies ilegais; todo iso sen prexuízo de proceder á apertura do correspondente expediente sancionador.
A Guarda
A Guarda recibirá unha axuda para a mellora da eficiencia enerxética
O Concello da Guarda será beneficiario dunha axuda para a eficiencia enerxética a través do IDAE, o que permitirá a renovación dun total de 251 puntos de luz do municipio, adaptando os mesmos á nova tecnoloxía led, mellorando a eficiencia e acadando un aforro enerxético dun 74% e cun importe de 78,938,30€.
Estas novas luminarias instalaranse en diferentes rúas e espazos do municipio, destacando tamén a instalación en BIC´s coma o Castelo de Santa Cruz(24 puntos de luz) ou o Monte Santa Trega(14 puntos de luz), cunha inversión total de 13,908,34€.
Nesta subvención do IDAE se contempla tamén a instalación dunha Caldeira de Biomasa para o Centro Cultural da vila, o que permitirá un aforro nos gastos de combustible da actual caldeira de diésel, así coma unha eficiencia no mantemento do equipo. O importe total para a Caldeira de Biomasa é de 58,016,45€.
Para estas actuacións A Guarda contará cunha inversión da cal un 80% corre a cargo do IDAE, un 15% a cargo da Deputación de Pontevedra e un 5% a cargo do Concello.
A Guarda
Oia acolle un dos concertos que a orquestra Kv2211 ofrece no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais
O recital, que incluirá un divertido repertorio de pezas de música clásica, terá lugar mañá na Casa da Cultura de Mougás
Oia acolle un dos concertos que a Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211, ofrece no marco do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais. O recital, que incluirá un divertido repertorio de pezas de música clásica, terá lugar este sábado 11 de maio na Casa da Cultura de Mougás a partir das 19.00 horas. A entrada será gratuíta ata cubrir o aforamento.
Este concerto é un dos actos programados pola asociación Piueiro con motivo da celebración do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais que se desenvolverá do 11 ao 14 de xullo na Guarda. Precisamente esta localidade do Baixo Miño acolleu, o pasado abril, o primeiro dos recitais da orquestra infantil e xuvenil de Vigo, ao que agora se suma o do sábado no concello de Oia e un terceiro que terá lugar o domingo no Rosal (19.00h no Auditorio).
Tendo en conta que un dos obxectivos da Kv211 é de tipo social, estes concertos dedícanse a Avelaíña, unha entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública e integrada por persoas con enfermidades mentais, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.
Corda, vento, piano e percusión
A Orquestra Kv2211 conta con máis de 50 membros de entre 8 e 20 anos de idade e con formación en instrumentos de corda, vento, piano e percusión. Está dirixida por José M. Fernández e Raquel Fernández Núñez.
Pola súa banda, a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro nace na Guarda cos obxectivos de recuperar arquivos, imaxes e outra documentación da historia mariñeira; desenvolver e fomentar actividades culturais e promocionar valores literarios, históricos, culturais, educativos e tradicionais, fundamentalmente arredor da cultura mariñeira.
O concerto de mañá conta tamén coa colaboración do Concello de Oia, a Asociación Veciñal de Mougás e a Deputación de Pontevedra (Pontegal).
Oia
A tempada de curros en Oia comeza este domingo na Valga
A tempada de rapas das bestas en Oia comeza esta fin de semana co tradicional curro da Valga, que terá lugar este domingo día 12 de maio desde primeira hora da mañá.
A partir das 9.00 horas os gandeiros comezarán a xuntar as bestas e estímase que a chegada dos cabalos ao recinto da Valga (parroquia de Loureza) producirase sobre as 13.00 horas. Xa pola tarde, arredor das 17.00 horas, terán lugar as actividades de rapa, desparasitado e marcado dos animais.
En canto ao número de cabalos previstos neste curro, estímase que nos montes viven actualmente uns 250 adultos e arredor de 50 poldros.
O curro da Valga transcorrerá no seu habitual ambiente festivo, con cantina e postos de comida onde as persoas que se acheguen ata o lugar poderán gozar desta xornada de actividade gandeira e celebración popular.
Despois da Valga, en Oia desenvolverase os curros de Torroña (2 de xuño) e Mougás (9 de xuño).
Avisos sobre fogueiras, medio ambiente e acampadas:
En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que soamente está permitido facer fogueiras nos lugares habilitados para elo. No caso de que o IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio Forestal) teña un nivel elevado ese día, os lumes quedarán totalmente prohibidos.
Por outra banda, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.
Finalmente, lémbrase que na zona tampouco está permitido realizar acampadas.
Oia
O motor foi o protagonista esta fin de semana coa XII Subida a Oia
Éxito de participación e de afluencia de público na cita do Baixo Miño, puntuable para o Campionato Galego de Montaña 2019
Esta fin de semana o motor foi o protagonista no concello, que acolleu a XII edición da Subida a Oia. Trátase da única proba deste tipo na comarca do Baixo Miño e é puntuable para o Campionato Galego Montaña 2019.
Un ano máis, a proba organizada pola Escudería BM de Torroña foi un éxito de participación (con cerca dun centenar de inscritos) e tamén de afluencia de público, congregando a afeccionados procedentes de distintos puntos de Galicia nas xornadas do sábado e máis do domingo.
Clasificación final
En canto á clasificación final de non carrozados, quedou primeiro o piloto Alexis Vieitez Losada (da escudería Buxa Motor Poio e cun vehículo Fórmula Outeda), segundo Pablo Rey Pérez (da escudería T. Martínez Racing e cun coche Fórmula Outeda), mentres que Martín Villar Bangueses (da escudería Outeda Racing e cun vehículo CM BRC 05 Evo) quedou en terceiro lugar.
Por outra parte, na categoría de carrozados, o primeiro posto foi para Alberto Meira Fernández (da escudería Recalvi Team, cun Citroën DS3 R5) e o segundo posto para Manuel Senra Caamaño (da escudería Senra Sport, cun Peugeot 306 Maxi) e terceiro Jorge Pérez Alonso (da escudería Barbadas, cun BMW M3 E30).
A XII Subida a Oia está organizada pola Escudería BM e conta coa colaboración de diversas entidades e institucións, entre elas o Concello de Oia. Tamén contou coa colaboración da Asociación de voluntarios de Protección Civil de O Rosal e a Asociación Vodea de Vigo.
Oia
Escolares do CEIP de Barrantes (Tomiño) e persoas maiores afondan na xestión das súas emocións
O encontro forma parte dun programa de educación levado a cabo conxuntamente entre o colexio e a Universidade de Barcelona
O grupo de 3º de primaria do CEIP de Barrantes (Tomiño) celebrou hai uns días a última sesión do programa de educación emocional levado a cabo conxuntamente entre o colexio e o departamento de Postgrado de Educación Emocional e Benestar da Universidade de Barcelona (UB).
Para esta xornada, contaron cunhas compañeiras e compañeiros moi especiais: os maiores de Residencial Tomiño, que acudiron á aula para afondar no recoñecemento e manexo das súas emocións, contribuíndo deste xeito a unha maior visibilidade e inclusión do colectivo das persoas maiores da localidade.
A actividade forma parte do traballo de postgrao de Susana Vales Cancela, orientadora do colexio de Barrantes, e está dirixido polo profesor Rafael Bisquerra Alzina. "Trátase dun proxecto de educación emocional baseado na aprendizaxe-servizo, é dicir, que a súa finalidade é tamén axudar á comunidade, neste caso á localidade de Tomiño na que o levei a cabo, e máis en concreto, á visibilidade e participación activa da terceira idade", explica a investigadora.
Tomiño impulsa o proxecto "Más Goián" de reestruturación dos espazos públicos da parroquia
En breve executarase a primeira fase do proxecto integral de reconfiguración do núcleo, para o que xa se teñen conqueridos 1,4 millóns de euros
O Concello de Tomiño está ultimando a adxudicación, estes días, dunha parte das obras incluídas no proxecto "Máis Goián", de reestruturación e mellora dos espazos públicos desta parroquia.
As obras que se adxudican nestes días son Ampliación e mellora da accesibilidade á Alameda de Goián. Fase I e Fase II (incluídas no Plan Concellos 2017 e 2018/2019 da Deputación de Pontevedra, con 187.401,57€ e 430.000,00€, respectivamente). Á mesa de contratación da primeira fase das obras, presentáronse 10 empresas e á da segunda fase, 11.
O proxecto "Máis Goián" é un proxecto para o que xa se dispón de 1,4 millóns de euros, e que pretende gañar espazos para as persoas, convertendo a Praza da Igrexa no eixo dun espazo público e peonil para o goce da veciñanza, recuperando a Carballeira e a Alameda para uso público, e multiplicando por tres os espazos verdes. Ademais, contémplanse medidas para facilitar a conectividade entre os distintos espazos da contorna, dando prioridade a peóns e ciclistas e creando tres accesos peonís que actúen como conexión entre a Praza e o auditorio, o pavillón e o campo de fútbol, e entre a Alameda e a parada de autobús.
Contempla tamén a creación de 200 prazas en dous aparcadoiros públicos, e fará especial fincapé na seguridade da veciñanza, poñendo en marcha zonas de velocidade limitada a 30 km/h, e modificando a entrada do colexio para facilitar o estacionamento do bus escolar e garantir a accesibilidade e seguridade do alumnado.
O proxecto que se adxudicará en breve contempla basicamente a habilitación da zona coñecida coma a carballeira (un bosque de frondosas duns 7.000 m2 que pertencía á Casa Reitoral até que o Concello logrou adquirilo), pechando o muro da parcela da casa reitoral e creando dous accesos peonís co fin de conectar a Alameda e equipamentos da contorna (auditorio, escola de música, campo de fútbol e o pavillón polideportivo), co centro da vila. Asemade, ampliarase o recinto escolar do CEIP Antonio Fernández, que disporá dun terreo pechado de 4.000 metros cadrados, e crearase unha nova zona deportiva. Coa actuación proxectada conseguirase mellorar o espazo da Alameda e a súa contorna, integrando este espazo e o da escola de música, e acondicionando os terreos da parte traseira do auditorio para a realización de actividades deportivas e de lecer.
O Concello de Tomiño xa ten máis de 1,4 millóns de euros para levar a cabo algunhas das actuacións deste proxecto integral de reordenación. A reconfiguración de espazos públicos e usos do núcleo de Goián conta cun orzamento de case un millón de euros, o 80% financiados con fondos europeos IDAE. Pola súa banda, conqueríronse máis de 187.000 euros para primeira fase das obras de ampliación e mellora da accesibilidade da Alameda de Goián, a través do Plan Concellos 2017, da Deputación de Pontevedra, e máis de 430.000 euros para a segunda fase destas actuacións tamén a través do Plan Concellos (2018-2019).
Inspección técnica de vehículos lixeiros en Tomiño os días 10 e 13 de maio
A Unidade Móbil de Inspección Técnica de Vehículos visitará Tomiño para realizar revisións períodicas de vehículos lixeiros (turismos), os días 10 e 13 de maio na Zona Empresarial Gabín-Forcadela, en horario de 9.00 a 13.30 e de 15.15 a 18.00 horas.
A cita previa poderá concertarse a través da páxina web www.sycitv.com, ou no teléfono 902 30 90 00. Aos vehículos que se presenten sen cita previa, asignaráselles día e hora directamente na estación móbil, segundo a dispoñibilidade do servizo.
Éxito rotundo das actividades nas parroquias do programa 'Deporte para todas as persoas'
Xa hai máis de 100 persoas inscritas nas actividades que se desenvolven en Sobrada, Tomiño e Tebra. En total, unhas 200 persoas participan nas diferentes actividades deportivas transfronteirizas da Eurocidade Cerveira-Tomiño
Grande acollida das actividades gratuítas desenvolvidas nas parroquias tomiñesas dentro do programa 'Deporte para todas as persoas', posto en marcha pola Eurocidade Cerveira-Tomiño en instalacións municipais de ambos os dous concellos. Máis de 100 persoas xa están inscritas e participan nas clases que cada semana se desenvolven en Sobrada (mércores), Tomiño (xoves) e Tebra (venres) e que cada vez suscitan máis interese entre a poboación. Son actividades como ximnasia de mantemento e pilates coas que os e as participantes din sentirse mellor fisicamente.
De xeito paralelo, Vila Nova de Cerveira ten en marcha tamén tres grupos de actividades deportivas gratuítas nos IPSS (Institucións Particulares de Solidariedade Social) dirixidas a un perfil de público diferentes, especialmente xente de maior idade.
Inscrición
Máis de 200 persoas participan nas actividades gratuítas do programa transfronteirizo 'Deporte para todas as persoas' e que inclúe, ademais das modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira: piscina en familia nas instalacións municipais de Cerveira, con natación e iniciación ao medio acuático para nenas e nenos de 3 a 12 anos acompañados dun familiar os primeiros sábados de cada mes (18.45 h, hora galega), e actividades para maiores de 55 anos, todos os martes (10.30 h) en Cerveira e os xoves (10.00 h) no local da Asociación Vontade de Tomiño. Ambas as dúas tamén cunha boa acollida por parte da poboación.
Este programa deportivo comezou unha nova tempada en setembro de 2018 e estará aberto ata novembro deste ano, agás no mes de agosto, no que se fará un parón estival. Todas as persoas interesadas en participar poden aínda inscribirse vía online, cubrindo o formulario que atoparán na web da Eurocidade (https://eurocidadecerveiratomino.eu/servizos-compartidos), ou de forma presencial na oficina de Cooperación Transfronteiriza, situada no segundo andar do Concello de Tomiño (Praza do Seixo). Máis información no teléfono 986 18 45 98, en horario de 08.00 a 15.00 horas.
Programa Interreg
Estas actividades deportivas que invitan aos veciños e veciñas dos dous municipios a compartir prácticas saudables forman parte da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.
A artista plástica Doa Oa pinta un mural sobre a muller no Campo de Fútbol do Alivio
A acción forma parte da campaña Mulleres en Acción: Violencia Zero, promovida pola Deputación de Pontevedra
A artista plástica Doa Ocampo "Doa Oa", pinta esta semana un mural de 4m. no Campo do Alivio.
A acción forma parte da campaña Mulleres en Acción: Violencia Zero, promovida pola Deputación de Pontevedra, coa colaboración, neste caso, do Concello de Tomiño.
O mural, titulado "Xuntas sanamos", é un homenaxe -segundo explica a autora- ás mulleres menciñeiras e sanadoras, que transmiten o seu poder e coñecemento de xeración en xeración, e que foron duramente perseguidas. No traballo aparecen varias plantas medicinais, coma a ruda ou a beladona.
A artista Doa Oa naceu en Sober (Lugo) en 1986, aínda que reside en Ferreira de Pantón. É graduada en Belas Artes e técnica superior en fotografía e participou en múltiples proxectos nacionais e internacionais. É a primeira vez que traballa no Baixo Miño.
O acto central da campaña terá lugar o vindeiro martes 14 de maio ao mediodía, no campo de fútbol do Alivio, aínda que estaba programado inicialmente para mañá mércores.
Tomiño contrata a 24 persoas desempregadas ao abeiro da subvención da Deputación Provincial para o Plan Concellos 2019
Os contratos terán unha duración media de oito meses, con data de finalización 31 de decembro de 2019
Ao abeiro da subvención concedida pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2019, Liña 3, "Emprego para conservación de bens e servizos municipais", o Concello de Tomiño, vén de contratar 24 novos/as traballadores/as, por importe de 239.771,30 €. A achega municipal ao nomeado plan ascende a 5.845,54 €.
Concretamente, contratáronse dúas técnicas administrativas, unha enxeñeira técnica forestal, dous electricistas, un carpinteiro, doce peóns de xardinería, unha educadora social, un albanel, un peón da construción, un mecánico de mantemento e reparación de automoción, un condutor-operador de retroescavadora e un soldador especialista de estruturas metálicas lixeiras.
David Leirós, do CEIP Pintor Antonio Fernández, gana o concurso de debuxos para o cartaz da Festa das Trincadeiras 2019
O fallo do xurado, formado por varios artistas e persoas relacionadas ca arte, produciuse o venres pasado
David Leirós Fernández, de 5º de Primaria do CEIP de Goián (Tomiño) foi o gañador do concurso de debuxos para a creación do cartaz anunciador da décima edición da Festa das Trincadeiras, que se celebrará o 15 de xuño próximo.
O debuxo de David Leirós foi elixido entre medio centenar de obras realizadas polo alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Pintor Antonio Fernández. O xurado estivo formado por escultores, pintores e persoas relacionadas ca arte, coma Magín Picallo, Cuqui Piñeiro, Carlos Fernández, Eulalia Jackson e Zara Pousa.
O pasado 26 de abril presentouse no Centro Goianés o programa da X Festa das Trincadeiras na que haberá actuacións, xogos, exposicións de fotografías, concursos de arroces, sobremesas e cilantro, etc.
Os debuxos estiveron expostos dende ese día ata o venres 3 de maio pasado, en que se seleccionou o gañador, que foi obsequiado cun lote de libros doados por Edicións Xerais.
Como punto final daquela presentación, as persoas asistentes puideron visionar o vídeo "O espírito das Trincadeiras", dirixido por Senén Outeiro.
Toda a información sobre a historia desta festa e as actividades que se van realizar, pódense consultar na páxina de Facebook "Festa das Trincadeiras".
A Romería das Trincadeiras, é unha festa enxebre onde os veciños e veciñas de Goián celebran dende o ano 1990, a defensa do monte comunal das Trincadeiras, que se pretendía expropiar e utilizar para a construción da autopista Vigo-Porriño. Goián opúxose a esta expropiación e, tras acadar o seu propósito, celebra cada ano o espírito das Trincadeiras. Os veciños acuden a esta romaría lembrando aquel movemento que alzou a todos en pé de garda, subidos nos chimpíns e tractores que desfilan ata o lugar.
A artista plástica María Meijide expón a súa obra co calendario da Eurocidade como peza estrela
Haberá serigrafías, metapintura e pintura de espazos íntimos
Este sábado, 11 de maio, ás 19.00h terá lugar na Sala de Exposición da Área Panorámica, a apertura da exposición de María Meijide, artista plástica, creadora do calendario da Eurocidade Tui-Valença.
A peza principal da mostra será o calendario da Eurocidade Tui- Valença encargado polo Concello de Tui hai meses, do que estarán expostas as pezas orixinais a acuarela e o proceso de edición, as pranchas de offset e as probas de cor. Destacou a artista que as obras deste calendario foron todas feitas ao natural "a través da memoria emotiva, das emocións que transmiten".
A exposición contará con outras pezas, todas elas vinculadas a procesos de repetición e edición como é o caso do mapa emocional de Compostela e as pranchas deste. Haberá tamén serigrafías, pintura de espazos íntimos e metapintura con carácter hedonista.
A mostra poderá visitarse dende este sábado,11 de maio, até finais de mes.
O alcalde de Tui denunciará ao edil Laureano Alonso por presentar denuncias falsas
O rexedor solicitará o anticipo da comparecencia, xa que foi citado pola fiscalía para comparecer o 23 de maio
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, deberá comparecer o próximo xoves 23 de maio, ás 10.30 h nos xulgados de Vigo ante a fiscalía coma investigado tras as dúas denuncias presentadas, e admitidas a trámite, polo concelleiro Laureano Alonso en representación de Son de Tui. O rexedor tudense, Carlos Vázquez Padín, compareceu esta tarde en rolda de prensa, respaldado polos seus compañeiros do equipo de goberno Mila González, Mª Jesús da Silva e Eduardo Freiría, para anunciar a súa vez que presentará denuncia contra Laureano Alonso por denuncia falsa, sen descartar tampouco outras accións legais.
Esta mesma mañá o alcalde de Tui recibiu as dúas citacións da fiscalía polas dúas denuncias presentadas o pasado mes de xaneiro, e sobre as que terá que comparecer coma investigado a tres días de que se celebren as eleccións municipais o que cualificou de "cacería contra a miña persoa" xa que considera que este feito "lle causa un dano irreparable" no caso de que se demostre a falsidade das acusacións.
A primeira denuncia presentada contra o alcalde refírese á xestión de residuos da apertura da rúa Ourense, na que Laureano Alonso solicita da fiscalía que investigue se poden ser constitutivo de delito a retirada da pedra dos inmobles existentes e posterior venda pola empresa adxudicataria das obras. O alcalde explicou esta tarde ante os medios de comunicación que no proxecto de apertura da rúa Ourense, que data de 2016 cando Laureano Alonso era membro do equipo de goberno, non figura que ningún material tivera que quedar en propiedade do concello. Precisaba nese senso que se "algún erro ten o proxecto non é achacable ao equipo de goberno actual, senón ao anterior". Apuntou amais que a xestión de residuos fíxose baixo a supervisión do director da obra. Lembrou amais que foron quince as empresas que se presentaron á licitación da apertura da rúa Ourense, que foi adxudicada por 182.299,81€, á segunda proposta máis baixa, xa que a de menor contía foi rexeitada por baixa temeraria.
A segunda denuncia pola que terá que comparecer tamén o alcalde de Tui refírese á contratación dun asesor externo en materia urbanística. Puntualizaba o alcalde que esta denuncia foi presentada por Laureano Alonso o 21 de xaneiro, cando non foi até o 28 de xaneiro cando o mesmo concelleiro solicitou a documentación no concello, e dous días despois o alcalde asinou a resolución dándolle acceso a esta documentación, o que significa que presentou a denuncia sen ter consultado o expediente. Aclarou Carlos Vázquez Padín que é falso que se incumprira a Lei de Contratos, porque esta persoa non tiña outro contrato en vigor co concello, e o asesor asinou un contrato de Protección de Datos de Carácter Persoal, co que se garante a confidencialidade dos expedientes aos que ten acceso. Tamén afirmou que esta persoa non emitiu ningún informe que substitúa aos preceptivos que teñen que ser realizados polos funcionarios municipais. Sobre esta denuncia opinou o rexedor tudense que "parece que vai en defensa da funcionaria técnica da Administración Xeral do departamento de urbanismo", que segundo comunicou a oposición en roda de prensa denunciou ao alcalde por acoso laboral, e que tras estar de baixa está agora en comisión de servizos no Concello de Gondomar.
Avanzou o alcalde que solicitará da fiscalía que se anticipe a súa comparecencia, para non coincidir coas datas finais da campaña electoral. E pediu á fiscal que "fale coa súa compañeira de delitos urbanístico para preguntarlle a súa opinión sobre Tui".
Doce persoas participan en Tui no itinerario formativo de "Elaboración de conservas artesanais e naturais"
Forma parte do programa "Coas mans na masa" que promove a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural
Doce persoas están a participar esta semana en Tui no itinerario formativo dedicado á elaboración de conservas artesanais e naturais. Este curso forma parte do programa "Coas mans na masa" que promove a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e neste caso conta coa colaboración do Concello de Tui.
O curso comezou onte luns, 6 de maio, no Centro de Formación Municipal, do Concello de Tui en Guillarei, continua hoxe e rematará mañá mércores.
O novo folleto turístico Tui Explora recolle 31 plans de sendeirismo, running, ciclismo e piragüismo para coñecer Tui
As propostas divídense en catro zonas: Centro Urbano, A Macoca, a Casa Forestal e o Alto de San Xiao
Presentouse na casa do concello de Tui o novo folleto turístico Tui Explora elaborado pola empresa Sherpa Project. Propón 31 plans para percorrer e coñecer 319 qms de Tui. A presentación correu a cargo do alcalde de Tui e concelleiro de Turismo, Carlos Vázquez Padín, e o encargado do proxecto e responsable de Sherpa Project, Guti Martín Hermida.
Tui Explora percorre toda a cidade a través dun mapa vertical que vai dende o Monte Aloia até a beira do río Miño. Divide as propostas en catro zonas: Centro Urbano, A Macoca, a Casa Forestal e o Alto de San Xiao. E a súa vez en cada unha delas recolle rutas para realizar en familia, facendo sendeirismo, ciclismo, running/trail, paseos urbanos ou ruta náutica coma un paseo en piragua entre ribeiras do río. No folleto plásmase o nome, duración, distancia, e dificultade de cada ruta, que se complementa cun acceso con código QR á plataforma Wikiloc, no perfil Tui Explora onde se poden descargar todos os plans activos.
O folleto, en formato trilingüe e do que se editaron 15 mil exemplares, inclúe outras suxestións de eventos e lugares de interese para os visitantes como o mercado semanal ou a visita o Convento das Clarisas. Tamén recolle indicacións para organizar a viaxe en Tui no referente a transporte, aloxamento ou propostas gastronómicas cos respectivos códigos QR que enlazan ao apartado de turismo da web municipal tui.gal.
Co hastag #TuiExplora búscase a interacción dos usuarios en redes sociales, e a implicación do comercio coa colacación do autocolante deseñado para a ocasión coa imaxe dunha libélula, o hastag #TuiExplora e o código QR que da acceso ao perfil de Tui na plataforma Wikiloc.
Na presentación desta mañá o alcalde de Tui e concelleiro de turismo, Carlos Vázquez Padín destacou que "este folleto propón rutas para que os visitantes teñen unha ampla oferta que prolongue a súa estadía en Tui e tamén para que os tudenses coñecen mellor a cidade."
Dezaoito persoas incorporáronse a traballar no Concello de Tui ao abeiro do Plan Concellos 2019
Dezaoito persoas incorporáronse nas últimas semanas coma traballadores ao Concello de Tui ao abeiro da liña 1 para a conservación e funcionamento bens e servizos Municipais do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.
En concreto para o servizo de Obras contratáronse 6 peóns de limpeza, 1 oficial albanel, 1 oficial carpinteiro, 1 oficial condutor, 1 oficial soldador. Amais foron contratadas outras oito persoas para diversos servizos: 2 auxiliares administrativos para a biblioteca, 4 axentes de Turismo, 1 auxiliar administrativo de Servicios Xerais e 1 auxiliar administrativo para Urbanismo.
O Concello de Tui vén de presentar denuncia por presunta estafa de suplantación de identidade dunha empresa fornecedora
O Concello formalizará hoxe, 6 de maio, denuncia ante a Policía Xudicial, por unha presunta estafa de suplantación de identidade da que puido ter sido obxecto. Á maior brevidade procederase ao nomeamento de avogado para a defensa dos intereses municipais e para lograr a recuperación do importe presuntamente estafado que ascende a 110.569,52 €.
O pasado 24 de abril responsables da empresa fornecedora afectada puxéronse en contacto co concelleiro responsable para notificarlle que levan un tempo sen recibir os pagamentos do Concello. A partir desta notificación abriuse unha investigación interna no concello. Tras analizar a situación constatouse que a primeiros de xuño de 2018 recibiuse unha chamada telefónica no departamento municipal de Intervención, para solicitar o cambio de conta bancaria destinataria dos pagamentos do Concello. A funcionaria municipal comunicou que para realizar ese cambio era obrigatorio presentar certificado bancario por escrito. O 5 de xuño de 2018 recibiuse un correo electrónico confirmando por escrito esa solicitude dun cambio de conta bancaria, no que se axuntaba un certificado bancario e un escrito co logo da empresa. A funcionaria municipal procedeu naquel momento a cumprimentar a solicitude da empresa, e no Concello non se tivo ningún indicio de que se podería tratar dunha estafa até o aviso da empresa do 24 de abril do 2019.
O pasado venres, 3 de maio, responsables municipais dos departamentos de Intervención e Tesourería, acompañados do alcalde, personáronse ante a Policía Xudicial de Tui para poñer no seu coñecemento o acontecido. O mesmo día solicitouse á entidade financeira, desde a que o Concello realizou as transferencias, a anulación e/ou retrocesión das realizadas a esa conta até a data.
|