Horário do Ferry (30 de Abril / 5 de Maio)
Aberto prazo de inscrición para a Excursión
"visita ás Illas Ons e a localidade mariñeira de Bueu"
A Asociación Érguete Baixo Miño informa que dende o día 6 e ata o 10 de maio, ábrese prazo de inscricións para a visita ás Illas Ons e a localidade mariñeira de Bueu.
A excursión terá lugar o domingo 9 de xuño e conta cun prezo único por persoa de 12€ con todo incluído (traslado en autocar, ruta en barco, visita guiada e comida de pícnic). E, ao igual que o ano pasado, cóntase con dous autobuses 108 prazas, polo que se prevé moi boa acollida por parte dos veciños e veciñas da comarca.
As inscricións faranse de maneira presencial nas instalación de Érguete Baixo Miño na Rúa Colón, nº 20 (Edif. O Pescador 1º Piso) CP.: 36780 A Guarda. Daráselles preferencia ós/ás socios/as.
É o terceiro ano que Érguete Baixo Miño realiza este tipo de visitas lúdicas entre familiares e amizades desde unha perspectiva san, creando opcións de ocio e tempo libre dentro da prevención das condutas aditivas. Grazas a financiación da Deputación de Pontevedra e ao programa "En ruta coa Depo 2019" que ten como obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais.
Para máis información, contactar por vía telefónica ao 986 61 44 07 e 640 086 376 ou por correo electrónico info@erguete.org
Alumnos da Sangriña participan no Proxecto conecta+: un enfoque positivo hacia as novas tecnoloxías
Ao longo desta semana o alumnado de terceiro da ESO do IES A Sangriña da Guarda participou en varias charlas enmarcadas no Proxecto conecta+, un programa impulsado dende a Concellería de Xuventude do Concello da Guarda.
Nesta actividade o alumnado traballou cos recursos e ferramentas que ofrece internet e as pantallas dixitais, coñecendo todo que aportan aos adolescentes e tamén concienciando da súa importancia para eles e elas pero, tendo en conta a prevención das condutas de risco e o emprego inadecuado das tecnoloxías.
Un programa de prevención poñendo o foco nos beneficios e no positivo, non centralizado no problema, aprendendo e ofertando ferramentas e criterios.
Este proxecto para o seu desenvolvemento contou cunha profesional coñecedora tanto das tecnoloxías como dos e das adolescentes, desenvolvendo un proxecto baseado neles e nelas.
Concello de A Guarda
A Guarda da a benvida ao mes de Maio con actividades culturais, turísticas e deportivas
A Guarda recibe o mes de maio con actividades culturais turísticas e deportivas nas que se inclúen dúas obras de teatro, un torneo de Xadréz, unha Exposición e visitas guiadas ao Monte Santa Trega.
Programación por días:
Venres 3 de maio:
O Venres día 3 de maio ás 21:00h o Centro Cultural da Guarda será o escenario para a representación teatral de "La Compañera de piso", unha obra de teatro da compañía Contraproducións.
A obra "La compan?era de piso", de Jen Silverman, xa ten sido representada con e?xito por varias compan?i?as nos Estados Unidos destacada pola cri?tica americana coma unha mistura de "Thelma & Louise", "A estran?a parella" e "Breaking Bad", Contraproducio?ns presenta la primera adaptacio?n fora dos escenarios norteamericanos en co-producio?n co Centro Drama?tico Galego. As entradas para este evento están xa esgotadas.
Sábado 4 de maio:
O sábado día 4 de maio ás 17:30h o Centro Cultural da Guarda acolle a obra de teatro para público infantil e familiar "Bon Appétit".
Explosións, tortazos, persecucións, sustos, malos entendidos,….ingredientes para unha comedia total en clave de clown. Entrada libre ata completar o aforo.
Ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.
Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.
Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas se recomenda facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.
A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para adultos e 0,5€ para menores de 14 anos.
O Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h. Entrada: 1€ adultos e 0,5€ ata 14 anos inclusive.
O sábado a partires das 11:00h celebrase no Colexio Padres Somascos a XIX edición do Torneo de Xadréz Concello da Guarda, evento organizado polo Clube Albatros, valideiro para o XIV Circuíto Galego de Xadréz, Promoción 2019.
Domingo 5 de maio:
Ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.
Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.
Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas se recomenda facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.
A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para adultos e 0,5€ para menores de 14 anos.
O Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h. Entrada: 1€ adultos e 0,5€ ata 14 anos inclusive.
Concello de A Guarda
Aberta a enquisa para aportar opinións e valoracións sobre o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
No marco da Estratexia de Turismo do xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, vén de poñerse en marcha unha páxina web que pretende servir como mecanismo de participación a toda aquela persoa que desexe aportar as súas opinións e valoracións.
Así mesmo, servirá como vehículo de comunicación de diferentes avances do plan estratéxico. Toda persoa, empresa ou institución con interese no sector turístico, pode participar accedendo á ligazón http://estratexiaturismo.riadevigobaixomino.com/.
A razón de ser desta web é a implicación e participación de profesionais do turismo e da poboación local, de cara a obter unha óptima radiografía da situación actual que sirva como punto de partida á hora de definir estratexias que permitan mellorar a competitividade do sector turístico dos 14 concellos que compoñen o xeodestino.
Dende o Concello da Guarda agradecese a participación de toda aquela persoa interesada en aportar ideas e valoracións a este proxecto turístico.
Concello de A Guarda
O concello da Guarda reclama a construción da nova Escola Infantil Municipal
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, xunto coa concelleira de asuntos sociais, Tere Vicente asistiron o xoves día 2 de maio á Asemblea Xeral do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
Entre outras cuestións, tratouse aprobación dos orzamentos do Consorcio para 2019. Neste punto, despois da intervención da mesa, abriuse a quenda de palabra na que o alcalde da Guarda aproveitou para recordarlle a Asemblea, a situación da Guarda respecto das escolas infantís.
Por unha banda o concello ten solicitado, dende 2016, a inclusión da Escola Infantil Municipal na rede de E. I. Galiña Azul e por outra parte lembrou que están a espera da do convenio por parte da Consellería para a construción dunha nova escola.
Na actualidade a Guarda conta cos terreos, co proxecto e os permisos para construír unha E. I. nas vellas vivenda dos mestres do antigo Sinde. A tardanza da Consellería de Política Social en axilizar esta obra deixa quedar en evidencia a Xunta de Galicia que está incumprindo na Guarda o seu compromiso de acadar o ratio de prazas de infantil que recomenda a Unión Europea do 33%. No caso da Guarda o ratio é do 20%, o que obriga a moitas familias guardesas a buscar prazas nos concellos da contorna.
Por outra banda o Xerente do Consorcio desculpou a lentitude na incorporación da E.I. da Guarda, xunto con outras de Galicia, porque levan anos regularizando as contas das que xa pertencen á rede.
Isto representa a xuízo do alcalde, unha falta de axilidade, da administración imperdoable e un prexuízo para algunhas vilas Galegas.
Antonio Lomba tivo ocasión de trasladar as mesmas demandas á Conselleira cando rematou a Asemblea, despois de saudala e recordarlle que leva pedindo unha cita para falar dos temas de Servizos sociais da Guarda dende que tomou posesión en setembro de 2017.
Concello de A Guarda
Nova oferta formativa para o mes de Maio na Aula CeMIT da Guarda
A Aula CeMIT da Guarda organiza novos cursos de informática para todas as idades para o mes de maio.
Cursos para o mes de maio:
" Creación do CV e procura de emprego na rede: Curso que terá lugar en horario de 10:30h a 12:00h os días 13, 15, 20 e 22 de maio.
" Iniciación á informática: Curso que terá lugar en horario de 10:30 a 12:00h os días 16, 23 e 30 de maio.
" Internet e correo electrónico: Curso que terá lugar en horario de 17:00 a 18:30h os días 13, 15, 20 e 22 de maio.
" Mecanografía e procesador de textos(write): Curso que terá lugar en horario de 17:00 a 18:30h os días 14, 21 e 28 de maio.
Apertura de aula titorizada para navegación e consultas varias os luns de 12:00h a 13:00h e de 19:00h a 20:00h e os sábados de 10:00h a 12:00h.
Sobre a Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento gracias a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego. Aínda que a aula de informática está integrada na rede CEMIT, o concello non recibe ningunha subvención da Xunta de Galicia
Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.
Concello de A Guarda
A Guarda oferta visitas guiadas ao Monte Santa Trega nas fins de semana de maio e xuño
Ao igual que en anos anteriores, e na tempada previa ao verán, o Padroado do Monte Santa Trega organiza visitas guiadas para coñecer máis polo miúdo o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega.
As visitas guiadas realizaranse os sábados e domingos dos meses de maio e xuño en horario de 11:30h, 12:30h e 17:00h.
Ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro de Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do Castro de Santa Trega e que terá unha duración aproximada de 30 minutos.
Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico(MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos.
Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas se recomenda facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986610504.
A taxa de acceso ao Monte Santa Trega é de 1€ para adultos e 0,5€ para menores de 14 anos.
A oferta de visitas guiadas ampliarase na tempada de verán con novas propostas e actividades turísticas no Monte Santa Trega.
Concello de A Guarda
A Guarda contará cun novo Salón de Plenos na Casa dos Alonsos
A Guarda iniciou este luns o proxecto da obra de creación dun salón de plenos no espazo reservado para tal fin no novo edificio do concello, na Casa dos Alonsos.
As actuacións pretendidas son a adaptación da distribución actual ás necesidades dos actos que se realizan habitualmente no salón de plenos, elaborando "in situ" un entarimado sobre a súa correspondente estrutura metálica adaptada a forma da mesa de plenos. Esta mesa será fabricada a medida con forma elíptica. Dotarase o salón de plenos dun sistema móbil de compartimentación para un dobre uso como salón de exposicións. Así mesmo no teito se realizará a fabricación e instalación "in situ" a medida de vigas suspensas a través de listóns de pino laminado para unha mellora acústica.
Dende o punto de vista corporativo e institucional, na parede do fondo, instalarase un rótulo identificativo do concello, así como outro na mesa de plenos.
Completase a inversión con equipamento consistentes en cadeiras con rodas para a mesa de plenos e cadeiras para o público.
Esta actuación realizase con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 48.394,18€.
Concello de A Guarda
O BNG de Tomiño presenta a súa candidatura para as municipais nunha multitudinaria cea
Máis de 350 persoas acompañaron onte a Sandra González na presentación do seu equipo
Unha lista que combina a experiencia dos mais veteranos coa ilusión e a frescura das novas incorporacións
Sandra González, candidata á alcaldía de Tomiño polo BNG, presentou onte ao seu equipo, co que concorrirá ás eleccións municipais do 26 de maio. Nun acto onde máis de 350 persoas ateigaron as instalacións do Restaurante As Colinas de Tebra, Sandra González agradeceu o apoio e o cariño das veciñas e veciños de Tomiño, resaltou a importancia da participación no exercicio do voto na vindeira cita eleitoral, e comprometeuse a que, co seu equipo, o seu proxecto e coa confianza e o apoio das veciñas e veciños de Tomiño, o mellor está por vir.
A candidatura do BNG de Tomiño para as eleccións municipais está formada por 27 persoas, 17 titulares e 10 suplentes, nunha lista onde están representadas a totalidade das parrroquias de Tomiño, e que combina a experiencia das persoas máis veteranas, co aire fresco de novas incorporacións de mozos e mozas de Tomiño. Un equipo de persoas ilusionadas, co coñecemento, a experiencia e a motivación necesarias para sacar adiante o proxecto que o equipo presenta para os próximos 4 anos.
A consolidación e finalización de grandes proxectos xa comezados, como a humanización e mellora dos espazos públicos do Seixo, a reconfiguración e mellora dos espazos públicos de Goián, ou o remate da Senda do Rio Miño entre Goián ata Tui, e outros proxectos novos como a construcción da biblioteca, ou o centro de iniciativas agrarias forman parte das propostas de futuro que, tal e como sinalou Sandra González, iranse presentando e explicando con detalle nos próximos días.
Sandra e o seu equipo, que xa conseguiron nos seus anos ao frente do goberno liderar un cambio que fixo de Tomiño un referente da comarca, afrontan o futuro chamando aos seus veciños e veciñas á ilusión, a sentirse orgullosos e orgullosas do seu concello e de todo o acadado, pero a non conformarse, e seguir traballando por consolidar o proxecto de futuro de Tomiño.
Tomiño sigue apostanto por actividades de educación familiar que fomentan la inclusión
A próxima actividade é unha sesión de primeiros auxilios a cargo do Servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Tomiño, o día 22 de maio ás 16.00h, no CRA Mestre Manuel Garcés.
O Concello de Tomiño segue levando adiante a súa aposta pola mellora dos servizos sociais municipais; concretamente pola actividades de educación familiar que loiten contra a exclusión social.
Así, o 26 de abril pasado, deuse por rematado o obradoiro "Medrando e descubrindo", dentro do programa Medrando en Familia do Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño.
En "Medrando e descubrindo", as familias con fillos e fillas de entre 18 e 36 meses, acudiron os venres pola tarde a sesións dunha hora de duración, co obxectivo de adquirir estratexias, habilidades e recursos de cara a facilitar unha crianza en positivo. O Obradoiro centrouse en rutinas e desenvolvemento infantil dentro do tramo de idade que lle corresponde ao grupo. "Todo enmarcado nun ambiente distendido e familiar con xogos e actividades atractivas para os cativos e cativas e para os seus proxenitores", explica Cristina Martínez, concelleira de Benestar Social.
Este obradoiro desenvolveuse en 2 bloques de 8 sesións cada un. En cada bloque o programa levado a cabo estivo centrado na linguaxe e na comunicación; na psicomotricidade, na estimulación cognitiva e na autonomía persoal. Tamén contou con dous círculos de confianza, onde compartir inquedanzas e resolución de dúbidas do día a día. Entre as múltiples actividades aprenderon distintas estratexias de autonomía persoal coma pór a mesa e situar cada elemento, por asociación.
En total foron 16 sesións repartidas entre os meses de novembro do 2018 e abril do 2019. "No derradeiro encontro, as familias participantes manifestaron o desexo de continuar o vindeiro curso. Entenden que é un recurso moi positivo de apoio á crianza", comenta Martínez.
A próxima actividade é unha sesión de primeiros auxilios a cargo do Servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Tomiño, o día 22 de maio ás 16.00h, no CRA Mestre Manuel Garcés.
As persoas interesadas deberán anotarse a través da Web co Concello ou chamando ao 986622001.
Goián acolle a presentación do documental sobre a vida e obra do pintor Antonio Fernández
A obra, de hora e media de duración, con dirección e guión do actor Suso Pando, proxectarase no auditorio goianés o vindeiro domingo ás 20.00h
"A arte da humildade". Este é o nome do documental sobre a vida e a obra do pintor Antonio Fernández Gómez, que poderá verse este domingo en Goián, con guión e dirección de Suso Pando.
O propio autor do traballo audiovisual foi o encargado de presentalo ante os medios de comunicación esta mañá, acompañado pola alcaldesa Sandra González, o concelleiro Uxío Benítez; o músico Andrés Álvarez (creador da banda sonora) e o veciño goianés Mané Villa, presidente da Asociación Cultural Antonio Fernández.
O primeiro en falar foi Uxío Benítez, veciño de Goián, para facer un resumo do traballo desenvolto dende o ano 2013 co fin de por en valor a figura do artista. Referiuse neste sentido, á implicación de moitos veciños e veciñas, familiares, amigos e o propio Concello para conseguir dar relevo a unha figura tan importante coma a de Antonio Fernández, cuxa labor transcendeu o terreo puramente artístico, alcanzando tamén o antropolóxico e o filantrópico. Citou nesta liña, a creación da Comisión Antonio Fernández e, posteriormente, da asociación cultural do mesmo nome; o Certame ao Aire Libre, a páxina web e a Aula-Museo Antonio Fernández de Goián, así coma a labor de documentación realizada por Sara Quintana.
Suso Pando, destacado actor galego (Fulano, Mengano e Citano), explicou que o fío argumental do documental é unha entrevista publicada en setembro de 1970 (pouco antes da morte do pintor) no Faro de Vigo, polo xornalista Rodrigo Varela, recentemente falecido, pero que alcanzou a recrear a conversa mantida hai case 50 anos co artista goianés.
O director afirmou sentirse moi vencellado á figura de Antonio Fernández, da que destacou a súa grande humildade e xenerosidade, ademais da súa grandeza artística.
Pando agradeceu o apoio do Concello de Tomiño e a axuda prestada pola veciñanza e entidades e persoas colaboradoras para que a creación do documental, de hora e media de duración, fora posible. Asemade, salientou a actuación protagónica de Manuel Otero, representando a Antonio Fernández; a música do compositor goianés Andrés Álvarez e a colaboración especial de Mané Villa coma presidente da Asociación Cultural Antonio Fernández.
A proxección do documental será este domingo, 5 de maio, ás 20.00h no Auditorio de Goián, entrada de balde, aforo limitado.
A mocidade tomiñesa premia a organización de cursos novidosos, coma o de escalada ou o de adestramento canino
-Tanto en iniciación á escalada, coma en adestramento canino, enchéronse as prazas dispoñibles
-O día 8 comeza un novo curso de Ruso, neste caso, de nivel 2
Os cursos de escalada e de adestramento canino organizados polo Concello de Tomiño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), superou todas as previsións de matrícula, amosando o interese que espertan na mocidade e infancia tomiñesa as propostas novidosas e diferentes.
No caso do curso de escalada, foron vinte as persoas que lograron realizalo, ocupando o total de prazas dispoñibles, aínda que houbo máis interesados. A Serra D'Arga, en Portugal, nun entorno natural de gran beleza, foi o lugar escollido para desenvolver a actividade, o pasado sábado entre as 12 e ás 21 horas. Un formador técnico e tres monitores de escalada foron os encargados de impartir a formación para iniciarse na escalada en rocha, entregando material de protección, cordas, pés de gato e seguro individual.
Pola súa banda, o curso de adestramento canino, obtivo tamén grande éxito de participación, superándose o número de prazas dispoñibles. O alumnado aprenderá (comeza mañá, 3 de maio) os principios relacionados coa educación de cans e cadelas, dende as primeiras etapas, e as bases para un correcto adestramento, adquirindo tamén coñecementos fundamentais para enfrontar os problemas de conduta e comportamento; pautas sobre alimentación e coidados sanitarios. Este curso, de 30 horas de duración (20 teóricas e 10 prácticas), continuará impartíndose os días venres e sábados até o 1 de xuño, na Escola Obradoiro de Goián.
Outro dos cursos que dará comezo en breve (o 8 de maio) é o de Ruso II, de 22 horas de duración, nas que os participantes seguirán adquirindo coñecementos sobre a fonética, vocabulario e regras gramaticais ata poder levar adiante conversas básicas. O alumnado recibirá asemade información dobre tradicións, literatura, música, cine, cociña, etc. da man dunha profesora nativa de Siberia e licenciada pola Universidade Estatal de Moscú, coma docente para estranxeiros.
A concelleira de Mocidade, Patrimonio e Turismo, Fátima Rodríguez, amósase satisfeita co nivel de participación acadado, explicando que a programación responde á suxestións da propia cidadanía e non a un programa pechado deseñado dende o Concello.
Para máis información, pódese consultar a páxina web do Concello (tomino.gal), pasar pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) Bº da Rocha, s/n, ou ben, chamar por teléfono ao número 986 622 001.
Tomiño bautizará coma "Avenida do Baixo Miño" á nova rúa que rodeará o núcleo urbano
O Concello promoveu un proceso de votación popular no que nunha primeira etapa elixíronse seis posibles nomes
A nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo e que transformará o centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, xa ten nome: "Avenida do Baixo Miño".
O proceso participativo a través do que todos os veciños e veciñas do municipio puideron, primeiro, achegar ideas sobre que nome poñerlle a esta nova infraestrutura e, finalmente, escoller aquela que máis lle gustase a través votación popular, culminou hai unhas semanas, con este resultado provisional, xa que está pendente de aprobación no pleno municipal.
Un proceso de votación popular no que nunha primeira etapa elixíronse seis posibles nomes: Isaura Gómez, Cerveira, Turonia, Treboadas, Liberdade e do Baixo Miño.
Despois do reconto dos votos emitidos, tanto na web do Concello (dixitais), como nas urnas instaladas no edificio do Concello e no Mercado Municipal de Tomiño (papeletas), e tras as pertinentes validacións resultaron aptos un total de 420 votos, con estes resultados provisionais:
Isaura Gómez - 39 votos9%
Cerveira - 41 votos10%
Turonia - 62 votos15%
Treboadas - 71 votos17%
Liberdade - 98 votos23%
Baixo Miño - 109 votos26%
Coma se lembrará, o Concello de Tomiño convidou hai uns meses a toda a cidadanía a poñerlle nome á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo e que transformará o centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade.
Un proceso de votación popular semellante levouse a cabo previamente para bautizar ao Instituto de Ensino Secundario Antón Alonso Ríos.
O IES Antón Alonso Ríos celebra o seu 25º aniversario cunha xornada de portas abertas e o soterramento dunha cápsula do tempo
Outro dos actos previstos é a plantación dun magnolio coma símbolo de lembranza do profesorado e alumnado falecido
Este ano o IES Antón Alonso Ríos (antigo IES Tomiño) cumpre os seus primeiros 25 anos de existencia.
Con este motivo, o vindeiro sábado 4 de maio, a comunidade educativa celebrará unha xornada de portas abertas, destinada a todos os veciños e veciñas da vila e de xeito especial, aos que forman ou formaron parte da institución durante todos estes anos.
Haberá actuacións musicais, exposicións fotográficas de actividades realizadas nestes 25 anos, visita guiada polo centro, mostras de traballos e actividades do alumnado, soterramento dunha cápsula do tempo, etc. Quen o desexe, poderá xantar no centro (tortilla, empanada, rosca e chocolate ou café) por só 3 €.
Margarita Sanz González, directora do centro comenta o intenso traballo desenvolvido por toda a comunidade educativa co fin de facer do sábado unha gran xornada festiva. Entre os actos previstos, destaca o soterramento dunha cápsula do tempo para ser aberta no 2044. Nela, meteranse traballos de clase, vídeos e cartas dos alumnas e alumnos dirixidas ás persoas que serán eles mesmos dentro de 25 anos. A directora, pola súa banda, escribirá unha misiva dirixida á persoa que desempeñe a súa función no ano 2044.
Outro dos actos máis emotivos será o de plantar, preto da zona do xardín chamada "O miradoiro das palabras" unha árbore (magnolio) adicado a todas as persoas do centro xa falecidas (profesores, alumnos/as e outro persoal), en accidentes de tráfico, por enfermidade, etc.
A directiva do centro convida a toda a comunidade educativa do instituto a disfrutar da xornada de convivencia deste sábado, pero tamén a todas as persoas que dun xeito ou outro, pasaron ou traballaron no centro, e á cidadanía en xeral, interesada en coñecer o IES Antón Alonso Ríos por dentro.
Programa
11.30 h. Apertura de portas
12.00 h. Benvida aos visitantes e intervencións:
o Margarita Sanz (directora do IES)
o Elisabet de Santiago (representante da primeira promoción de estudantes)
o Carlos Villanueva (representante do profesorado)
o Carlos Antuña (inspector de Educación)
o Sandra González (alcaldesa de Tomiño)
o César Pérez Ares (xefe territorial de Educación)
12.30 h. Actuación da Escola de Danzas e Gaitas Virxe do Alivio.
13.15 h. Descubrimento da placa homenaxe aos membros da comunidade educativa que nos deixaron.
14.00 h. Xantar.
16.00 h. Treboada Virxe do Alivio ás 16.30 h. Visitas guiadas polo centro e mostra de actividades (exhibición de robótica, experimentos científicos, baile...).
18.00 h. Presentación e soterramento dunha cápsula do tempo.
19.00 h. Actuación do grupo "De outra margem", acompañado por alumnado do centro.
Durante todo o día:
o Exposicións fotográficas: 25 anos do IES Antón Alonso Ríos.
o Proxección de vídeos no Salón de Actos.
o Stand do Ciclo Medio de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.
o Realización dun graffiti polo alumnado de 4º ESO.
Reaberta a zona cero de Paramos
Foron concedidas 9 licenzas e 12 solicitudes máis de obra maior en tramitación. Está ultimándose o proxecto de urbanización da zona
O Concello de Tui ten concedido xa 9 licenzas de obra maior para a reconstrución de vivendas na zona cero de Paramos e outras 12 solicitudes están agora en tramitación. Así o avanzou esta mañá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, na propia zona cero de Paramos, onde esta mañá foron retirados os valados tras completar hai unhas semanas os labores de desentullo. Alí compareceu ante os medios de comunicación xunto ao concelleiro de Seguridade, Antonio Castro, e os arquitectos Pablo Rivas e Juanma Rodríguez. Carlos Vázquez Padín sinalou que "a zona ábrese porque xa non hai motivos para mantela pecha e para facilitar o movemento de vehículos e das empresas construtoras que van traballar na reconstrución".
Explicou o alcalde de Tui que a limpeza de toda a zona, coa retirada do entullo e do material contaminante coma amianto, foi "un paso necesario e imprescindible" para que se poida iniciar a reconstrución da zona. Dicía que case un ano despois "comeza a verse a luz ao final do túnel".
No pleno ordinario do mes de abril a corporación municipal aprobou por unanimidade unha partida de 857 mil euros, con cargo ao Fondo de Emerxencia, así coma bases reguladoras, para a concesión de axudas ao propietarios de vivendas na zona cero, e coa achega municipal poder completar o investimento preciso para que poidan reconstruír as súas casas. Por outra parte os arquitectos da Deputación, que traballan no Centro de Afectados en Paramos, están a ultimar o proxecto de urbanización e reposición de servizos que se tramita a través do programa Deporemse da Deputación de Pontevedra. O seguinte paso será a súa licitación e execución, xa que deberá estar concluído antes de xuño de 2020.
Tamén avanzou o alcalde que o Concello de Tui tentará personarse novamente na causa, e así no seu día poder reclamar o millón de euros que habilitou para Paramos.
O Concello de Tui e o Festival IKFEM asinan un convenio de colaboración anual por importe de 15.000€
O IKFEM, Festival Internacional de Instrumentos de Tecla, vaise celebrar do 14 ao 21 de xullo. Volverán recuperar como escenario a vella Ponte Internacional
Na mañá de hoxe tivo lugar na casa do concello a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Tui e a Asociación Xuventudes Musicais Eixo Atlántico, antigamente Asociación Musicais de Tui, organizadora do IKFEM, Festival Internacional de Instrumentos de Tecla da Eurocidade Tui-Valença. Asinaron o convenio o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e a directora do IKFEM, Andrea González.
Tras a aprobación en pleno do convenio de colaboración entre o Concello de Tui e o festival, o evento musical recibirá unha achega anual da administración local por valor de 15.000€. Será un convenio que "afiance a relación entre ambos e xerará sinerxías na creación do programa e actividades" segundo a directora do IKFEM, Andrea González.
Esta sétima edición celebrarase baixo o lema "Music and Fashion" do 14 ao 21 de xullo, ampliando a sete días a súa programación. Ademáis, este ano van a recuperar como escenario a Vella Ponte Internacional.
O alcalde de Tui, Carlos Váquez Padín, destacaba a importancia de apoiar este festival xa que é un dos puntos clave do Plan Estratéxico de Turismo de Tui para atraer visitantes á cidade. Apuntaba que con esta sinatura "se vai estruturando o calendario cultural de maneira estable, con pretensión de continuidade e de fortalecemento dos eventos como unha forma de reforzar a marca Tui e Eurocidade".
O BNG ve na remontada un cambio de ciclo que será decisivo para abrir un tempo novo en Tui
O BNG de Tui agradece profundamente a confianza depositada no seu proxecto por parte da veciñanza tudense.
Nun escenario onde a polarización e o medo a ultradereita ocupaba o papel central da campaña eleitoral , o BNG en Tui conseguíu acrecentar os seus resultados en máis de 330 votos. O Bloque Nacionalista Galego en Tui quere transmitir as persoas que escolleron a papeleta nacionalista que o seu é un voto de esperanza e dignidade.
Aínda que non nos sentimos satisfeitas pola imposibilidade de conseguir a tan ansiada representación en Madrid, é un feito contrastable que o proxecto BNG é cada vez máis forte e con máis empuxe para afrontar os retos electorais inmediatos. Contamos cunha organización mobilizada e con optimismo ao comprobar que a veciñanza volve ver no Bloque a forza capaz de abrir un tempo novo e construír un Tui mellor, desde un proxecto sólido.
Por iso nos compromentemos a duplicar, se cabe, os esforzos para que nos vindeiros comicios eleitorais o BNG poida aumentar aínda máis a súa representación e lograr voltar governar o concello de Tui.
Agradecemos profundamente ás militantes e simpatizantes todo o enorme traballo realizado nesta campaña, o seu traballo e entrega son a mellor garantía de éxito.
Esta fin de semana celébrase a XXIII Feira de Artesanía de Tui
Participarán unha véntena de artesáns, dos que catro son tudenses.
Esta fin de semana, sábado 4 e domingo 5 de maio, vaise celebrar no conxunto histórico a XXIII Feira de Artesanía de Tui.
A XXIII Feira de Artesanía de Tui celebrarase o sábado 4 e o domingo 5 de maio, de 12 a 22 h na rúa Ordóñez e na Praza de San Fernando, co obxectivo de apoiar a promoción, difusión e comercialización do produto artesán, así coma a dinamización do conxunto histórico, do Centro Comercial Aberto e da cidade de Tui no eido comercial, social e cultural.
Participarán unha véntena de artesáns galegos, dos que catro serán de Tui, que terán os seus postos na rúa Ordóñez, mentres na praza de San Fernando estará a Asociación de Palilleiras do Baixo Miño.
Os artesáns participantes presentarán pezas de feltro artesá con lá de ovella, marroquinería, calceta e gancho, artesanía téxtil, xoiería, bixutería, complementos, cerámica e esmaltes, xoguetes, entre outros. Ao longo da fin de semana sucederanse as actuación de grupos tudenses. O sábado pola mañá actuará o grupo de baile e as pandereteiras Crus do Malleiro da Asociación O Mosteiro de Pexegueiro e o grupo folclórico Xuntanza de Randufe. Pola tarde será a quenda dos grupos folclóricos San Fins de Rebordáns e Santa Columba de Ribadelouro. Mentres o domingo actuarán a banda de gaitas Arume de Malvas, o grupo Refaixos e Polainas de Baldráns, as pandereteiras As D'Abadía de Caldelas e a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos.
Tui - Feira de artesanía
- Sábado e domingo
- Na rúa Ordóñez e praza de San Fernando. 20 postos de exposición e venda de artesanía
- Sábado
o Ás 12h grupo de baile O Mosteiro e grupo de pandereteiras Crus do Malleiro de Pexegueiro
o Ás 13 h grupo folclórico Xuntanza de Randufe
o Ás 18 h grupo folclórico San Fins de Rebordáns
o Ás 20h grupo folclórico Santa Columba de Ribadelouro
- Domingo
o Ás 12 h banda de gaitas Arume de Malvas
o Ás 13 h Refaixos e polainas de Baldráns
o Ás 18 h Grupo de pandereteiras As D'Abadía de Caldelas
o Ás 20 h Banda de Gaitas San Xoán de Paramos
A gobernanza e xestión turística, desestacionalización, profesionalización e competitividade e sostibilidade son os catro retos que plantexa o Plan Director de Turismo de Tui
Marca as accións a desenvolver no período 2019-2022
Esta mañá presentouse na casa do concello de Tui o Plan Director de Turismo elaborado pola empresa Valora. O alcalde, Carlos Vázquez Padín, xunto a Antonio Rodríguez García e Tamara Tilve de Valora, foron os responsables de dar a coñecer o traballo desenvolvido nos últimos meses.
Previa a redacción do Plan Director e Estratéxico de Turismo realizaron unha mesa sectorial e tamén enquisas online para coñecer a percepción que do turismo da cidade ten tanto o sector coma a poboación en xeral. Tamén se levou a cabo un estudo da oferta que hai no municipio dende o patrimonio cultural, natural, eventos culturais, festas de interese turístico, ou o Camiño portugués. Realizaron amais un análise DAFO no que a estacionalidade, a baixa estancia media e a escasa diversificación foron as debilidades detectadas. Mentres as principais fortalezas son ser municipio de interese turístico, a oferta de recursos turísticos, ser membro de pleno de dereito da Red de Juderías e España, e a Eurocidade que Tui conforma xunto con Valença.
O Plan Director de Turismo, presentado esta mañá, define catro retos: gobernanza e xestión turística, desestacionalización, profesionalización e competitividade e sostibilidade. E recolle tamén 6 estratéxicas básicas a desenvolver coma o deseño e implementación dun modelo de gobernanza e xestión que poña en valor o feito turístico. Tamén o impulso de Tui como un destino atractivo ao longo do ano, a promoción orientada aos segmentos de demanda actuais e potenciais, e o impulso á comercialización do destino. Outras estratexías plantexadas son a mellora da profesionalización do sector e da competitividade do destino, e o posicionamento de Tui coma un destino sostible.
O Plan Estratéxico recolle 10 programas de accións, 46 acción concretas e 76 indicadores.
Así nos programas de acción contempla en primeiro lugar a estruturación dun modelo de xestión turística no Concello de Tui, a mellora e optimización do punto de información turística e do seu servizo ao visitante, así coma a creación de experiencias turísticas que poñan en valor o patrimonio. Tamén recolle a mellora do coñecemento da demanda turística, a definición dun plan de comunicación online e offline, a definición dunha estratexia de comercialización e o impulso de accións para a mellora da competitividade e da profesionalización do sector. Outros programas de accións céntranse na mellora do estado de conservación e mantemento do patrimonio natural e cultural, a reordenación de fluxos turísticos na cidade e a posta en valor de recursos turístico localizados fóra da zona centro, e por último un plan para o control da proliferación de vivendas turísticas de uso turístico ilegal.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, explicou que este Plan Director e Estratéxico de Turismo senta as bases para que a próxima corporación teña unha folla de ruta de cómo actuar no ámbito do turismo, que "ten unha importancia estratéxica para a nosa economía". Apuntaba que "un paso importante para pór en valor o noso potencial patrimonial e natural". O propio concello indicaba que dentro deste plan "unha serie de deberes en canto a dotación dun persoal mínimo que permite estabilizar e darlle uns criterios á xestión turística". Nese senso apuntaba que xa nos orzamentos de 2018 figuraba a creación dunha praza de técnico de turismo e outra de intérprete do patrimonio, que será xa a próxima corporación quen deba iniciar o proceso de contratación.
Antonio Rodríguez da empresa Valora explicaba que "Tui conta con todas as características para converterse nun destino turístico importante e ser un referente na zona".
|