JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Ría de Vigo e Baixo Miño crea unha ferramenta web de participación cidadá para a elaboración da Estratexia de Turismo do Xeodestino

Os alcaldes e alcaldesas dos 14 concellos que conforman o xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño estiveron presentes hoxe no Pazo de Cea en Nigrán na posta de largo desta ferramenta dixital

O proceso estratéxico entra na súa fase decisiva, coa diagnose e definición de plans enfocados á creación de produtos turísticos diferenciados para 2020

No segundo semestre deste ano poranse en marcha as primeiras medidas

O xeodestino turístico Ría de Vigo e Baixo Miño segue dando pasos cara diante. O Pazo de Cea foi testemuña este mércores 24 de abril da presentación da ferramenta web de participación cidadá creada para a elaboración da estratexia de turismo do xeodestino, un acto que congregou a rexedores e rexedoras dos 14 concellos que o integran (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui).

A definición desta folla de ruta turística para o xeodestino, que conta co respaldo de Turismo de Galicia e está a ser dirixido pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, aséntase sobre un proceso participativo no que teñen cabida os 14 concellos e os representantes dos principais grupos de interese implicados, de cara a obter unha clara radiografía da situación actual do sector que sirva como punto de partida á hora de definir estratexias a corto, medio e longo prazo. A posta en marcha desta web (http://estrategiaturismo.riadevigobaixomino.com/) pretende abrir este proceso participativo á cidadanía e a calquera profesional que queira facer achegas.

Xeodestino de referencia

Ría de Vigo e Baixo Miño é un xeodestino de referencia tanto no eido patrimonial, con 64 Bens de Interese Cultural, como no natural, contando cun dos seis Parques Naturais da comunidade galega, situándose no ámbito de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas e con outros 11 espazos naturais baixo diferentes figuras de protección. Todo isto sen esquecer as súas 10 festas declaradas de interese turístico. Unha ampla variedade de recursos que conviven no territorio que ocupa o xeodestino que facilitan a articulación de futuros produtos turísticos.

Trátase dunha área xeográfica estratéxica con varios aeroportos situados a poucos quilómetros e cun marcado carácter transfronteirizo que facilita a captación de turistas internacionais. E é que con 500.000 pernoctas en 2018, a Ría de Vigo e Baixo Miño xa se sitúa como o segundo xeodestino de Galicia en volume de demanda hoteleira, soamente por detrás da Ría de Arousa.

Plan estratéxico

A pesar das diferentes realidades municipais que se viven nos 14 concellos do xeodestino, coa definición e posta en marcha do plan estratéxico búscase abrir as portas a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados, poñendo en marcha medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados para 2020. No segundo semestre deste ano poranse en marcha as primeiras medidas.

Tras unha diagnose da situación actual, o equipo redactor resalta a importancia do rico patrimonio inmaterial e da natureza e da auga como fío condutor para crear experiencias turísticas de calidade. O potencial do Camiño Portugués como panca internacionalizadora será outro dos factores clave a ter en conta.

Á presentación desta ferramenta coa que se quere completar a fase de diagnose do territorio e comezar a establecer áreas nas que traballar na definición de futuros produtos asistiron Juan Antonio González, Raquel Giráldez e José Luis Sanromán, alcalde e concelleiros de Nigrán, respectivamente; Ángel Rodal, representante institucional do Xeodestino e alcalde de Baiona; Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural e alcaldesa de Tomiño; Antonio Lomba, alcalde da Guarda; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Soledad Girón, concelleira do Porriño; María del Carmen Alonso, alcaldesa do Rosal; Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Teresa París, concelleira de Redondela; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; e Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui.

Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural


Horário do Ferry (de 23 a 28 de Abril)


Dúas obras de teatro marcan o inicio do mes de maio na Guarda

A Concellería de Cultura do Concello da Guarda programa para a primeira fin de semana do mes de maio dúas obras de teatro, unha para público infantil e familiar e outra para todas as idades.

O Venres día 3 de maio o Centro Cultural da Guarda será o escenario para a representación teatral de "La Compañera de piso", unha obra de teatro da compañía Contraproducións.

A obra "La compan?era de piso", de Jen Silverman, xa ten sido representada con e?xito por varias compan?i?as nos Estados Unidos destacada pola cri?tica americana coma unha mistura de "Thelma & Louise", "A estran?a parella" e "Breaking Bad", Contraproducio?ns presenta la primera adaptacio?n fora dos escenarios norteamericanos en co-producio?n co Centro Drama?tico Galego.

Entrada de balde ata completar o aforo previa retirada de tickets dende o 30 de abril no Centro Cultural da Guarda.

O sábado día 4 de maio ás 17:30h o Centro Cultural da Guarda acolle a obra de teatro para público infantil e familiar "Bon Appétit".

Explosións, tortazos, persecucións, sustos, malos entendidos,….ingredientes para unha comedia total en clave de clown.

Antuá de la Sardiní, Philip de Toucignom e Fransuá de la Berenxem son tres Chefs que nos van amosar os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de receitas de Álvaro Cunqueiro, A Cociña Galega, "A cociña é arte, a expresión cultural que un pobo desenvolve ao longo do tempo." Unha comedia onde a cociña tradicional galega é o condimento perfecto para escachar de risa, na que o sinxelo pode ser tremendamente difícil e o divertido pode ser moi perigoso.

Concello de A Guarda


A Alameda da Guarda acolle o 11 de maio a III Mostra Asociativa

Colectivos e asociacións da vila apuran os preparativos da terceira edición da Mostra Asociativa, un evento multicultural no que as asociacións da vila son protagonistas, dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes ao longo dunha gran xornada cargada de actividades e unha intensa programación para todas as idades, que este ano terá lugar o vindeiro sábado día 11 de maio na Alameda da Guarda.

Despois de varias reunións de traballo, serán máis de 30 colectivos participantes, que amosaran o seu traballo na Alameda da Guarda entre as 16:00h e as 21:00h cunha programación de actividades para todos os públicos e idades.

Programa:
16:00h - Actuación conxunta entre A Boalleira e Na Revolta
16:30h - Exhibición de Danza Centro Do-Majó
18:00h - 18:45h - Bloque de actuacións conxuntas entre a Asociación Vento Mareiro, Rock´n´Rolla, Xamarainja e o Coro Arpegios-Cantábile.
18:45h - Actuación da Agrupación Musical da Guarda
19:15h - Serán coas actuacións dos grupos Do Lusco ó Fusco e Vento Mareiro
20:00h Actuación das Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa
20:30h Actuación de Xerock

Ao longo da tarde haberá diferentes stands de información de cada colectivo, así coma actividades paralelas nas que se inclúen a realización dunha alfombra floral, práctica deportiva de remo ergómetro, un obradoiro de hockey e patinaxe, un obradoiro de decoración de palma, un obradoiro de henna, un obradoiro de chapas, unha exhibición de skate, xogos, circuito e actividades de airsoft, obradoiro de nós mariñeiros, sopas de letras, aparellos mariñeiros, photocall e moito máis.

Dende o Concello da Guarda faise un chamamento á participación da cidadanía, para por manifesto unha vez máis a importancia do asociacionismo, a colaboración e a implicación da sociedade en diferentes colectivos, para levar a cabo accións asociativas de interese xeral con diferentes temáticas e fins.

Concello de A Guarda


CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DE SOCIOS/AS ANO 2019

Dende a Asociación Érguete Baixo Miño, convocamos a todos/as os/as socios/as da Asociación Érguete Baixo Miño, á Asemblea Xeral Ordinaria que terá lugar o VENRES día 10 de maio de 2019; ás 19:00 horas en 1ª convocatoria e ás 19:30 horas en 2ª convocatoria, no local social situado na rúa Colón, 20 (Edif. O Pescador 1º piso) de A Guarda e que contará co seguinte

ORDE DO DÍA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA:
1º Lectura e aprobación se procede da acta anterior.
2º Presentación do Estado de Contas.
3º Presentación da Memoria de Actividades 2018 e Programa para o 2019.
4º Rogos e preguntas.

Para calquera dúbida, contactar por vía telefónica/fax 986 61 44 07, no local da Asociación (r/Colón, 20 -Edif. O Pescador 1º piso- A Guarda, Pontevedra) ou por correo electrónico (info@erguete.org)

Asociación Érguete Baixo Miño


A Guarda despide o mes de abril con música, actividades culturais e unha quedada multimarca

A Guarda preparase para despedir o mes de abril cunha programación de actividades para esta fin de semana na que se inclúen un concerto da Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda, unha nova sesión de Contos Contados na Biblioteca Pública Municipal da Guarda, unha quedada automobilística multimarca e a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González no Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz.

Programación por días

Sábado 27 de abril:

O Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h. Entrada: 1€ adultos e 0,5€ ata 14 anos inclusive.

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda celebra o "Día Internacional do Libro" que se celebrou o pasado 23 de abril, cunha sesión de Contos Contados este sábado día 27 de abril ás 11:30.

María Salinas e Berto Pirata, autores do libro "Elefantes de papel" colaboran de forma desinteresada cunha creación orixinal: "Contos de animais". Nenos, nenas e familias, estades todos e todas convidados a participar!

Ademáis, ata o sábado 27 de abril, todas as persoas que se acheguen á Biblioteca poden levar un libro como agasallo.

Tamén na xornada deste sábado, a partires das 16:00h, o parking da Sangriña acollerá unha Quedada automobilística multimarca con exposición de coches de rally, motos, inchables para os nenos e nenas, sorteos e música co DJ Diego Mariño.

Ás 20:00h a Casa dos Alonsos será o escenario do Concerto de Primavera da Banda de Música da Agrupación Musical da Guarda e do Coro do Conservatorio de Música da Guarda. Entrada de balde.

Domingo 28 de abril:

O Centro de Interpretación das Fortalezas no Castelo de Santa Cruz acolle a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como Ponte do Tamuxe, Igrexa de Santa Mariña do Rosal, Muíño Serradoiro e dúas vivendas rosaleiras, todos este elementos do Rosal. Ademais das maquetas das Catedrais de Santiago e Notre Dame. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h. Entrada: 1€ adultos e 0,5€ ata 14 anos inclusive.

Concello de A Guarda


Novas accións formativas propostas pola Omix da Guarda para Abril e Maio

Neste abril arrancou un curso de inglés proposto dentro das iniciativas da OMIX deste ano 2019.

Ademais e coa colaboración da Escola superior Gallaecia levaranse a cabo dous obradoiros sobre "Cómo realizar un proxecto artístico?" e "Técnicas de comunicación".

O primeiro titulado "Cómo realizar un proxecto artístico?", terá unha duración de tres horas, o día 3 de maio de 16 a 19 horas nas que tratarase os seguintes temas: definición dun proxecto artístico, temáticas e procesos creativos, planificación e memoria dun proxecto creativo.

O segundo dos obradoiros desenvolverase no mes de maio, "Técnicas de comunicación" coa seguinte programación: procesos info comunicativos, comunicación e información dixital e ferramentas comunicativa e que se impartirá o día 7 de xuño de 16 a 19 horas.

Para esta formación as persoas interesadas terán que dirixirse ata a OMIX ou poñerse en contacto a través do mail informacion@aguarda.es ou no teléfono 986 61 0000.

Concello de A Guarda


A Biblioteca da Guarda celebra o Día Internacional do Libro este sábado cunha sesión de Contos Contados

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda celebra o "Día Internacional do Libro" que se celebrou o pasado 23 de abril, cunha sesión de Contos Contados este sábado día 27 de abril ás 11:30.

María Salinas e Berto Pirata, autores do libro "Elefantes de papel" colaboran de forma desinteresada cunha creación orixinal: "Contos de animais". Nenos, nenas e familias, estades todos e todas convidados a participar!

Ademáis, ata o sábado 27 de abril, todas as persoas que se acheguen á Biblioteca poden levar un libro como agasallo.

Concello de A Guarda


A Casa dos Alonsos da Guarda acolle unha exposición sobre o Desenvolvemento Sostible

Os municipios teñen un papel chave no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030.

O primeiro paso é dalos a coñecer, de aí que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ideara esta exposición na que cada ODS está representado por unha viñeta dunha autora ou autor de Galicia ou da África lusófona.

A exposición "Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá" reúne un total de 17 viñetas, unha por cada ODS, de 15 debuxantes, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía como son Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau.

A través da mostra preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Tamén se busca concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e/ou esixir ao respecto.

Así o Concello da Guarda convida a toda a cidadanía a visitar a exposición que estará na Casa dos Alonso a partires do 24 de abril de 2019 en horario de 8:00h a 15:00h.

Concello de A Guarda


Consulta Pública da nova Ordenanza de Terrazas na Guarda

De conformidade co previsto no artigo 133 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas convócase, con carácter previo á modificación da ordenanza reguladora da instalación de terrazas en espazos de uso público, unha consulta pública na que se solicitará a opinión dos suxeitos e as organizacións mais representativas afectados pola futura norma.

Os eventuais interesados poderán participar remitindo as súas contribucións na sede electrónica do concello: https://aguarda.sedelectronica.gal/

A consulta pública estará aberta dende o día 15 de abril ata o día 3 de maio de 2019 e ó obxecto de facilitar a participación na consulta pública, facilítase a seguinte información: ANTECEDENTES DA NORMA

A ordenanza reguladora de ocupación temporal de terrazas do concello da Guarda, aprobada en sesión do Pleno da Corporación de 27 de setembro de 2013 e publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra de data 10 de outubro de 2013.

PROBLEMAS QUE SE PRETENDEN SOLUCIONAR COA NOVA NORMATIVA

Trátase de buscar un marco normativo máis amplo, con maiores posibilidades de desenvolvemento da actividade hostaleira beneficiosa para o seu negocio e para o ocio e desfrute dos cidadáns, que permita responder dunha forma máis flexible aos posibles cambios que vaian acontecendo e baixo a consideración do espazo público como un espazo de convivencia, que é de todos, e en que o uso e desfrute colectivo estea asegurado. Nesta nova norma tense en especial consideración as características propias da área portuaria por ser este o punto de maior congregación de terrazas e de usuarios.

NECESIDADE E OPORTUNIDADE DA SÚA APROBACIÓN

A redacción dun proxecto regulador das instalacións dos establecementos ubicados no porto da Guarda no que se unifica a súa imaxe cunha solución estética única fai necesaria a modificación da ordenanza reguladora para adaptarse a esta.

OBXECTIVOS DA NORMA

Trátase de regular a ocupación do espazo de dominio público dunha forma ordenada, buscando o desenvolvemento beneficioso da actividade hostaleira protexendo non só os dereitos dos cidadáns senón tamén a paisaxe urbana en función das características propias do noso concello e de cada unha das súas zonas.

POSIBLES SOLUCIÓNS ALTERNATIVAS REGULATORIAS E NON REGULATORIAS

Non se contemplan.

Concello de A Guarda


Aberto o prazo de solicitudes para os Campamentos da Xunta 2019 - Campaña de verán

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, oferta a programación de actividades da Campaña de Verán 2019, ofértanse 9834 prazas para mozas e mozos de 9 aos 30 anos en campamentos, campos de voluntariado, programas de intercambio con outras comunidades e actividades concertadas.

Poderán participar as mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Esta nova campaña de verán incorpora tres campamentos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.

Accións de voluntariado

Tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían ata este ano como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.

Requisitos:
-Os/as nacidos/as no ano 2001 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
-Os/as nacidos/as no ano 2010 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio do campamento.
Ningún/ningunha participante poderá ser admitido/a en máis dun campamento por ano.
A adxudicación das prazas será por sorteo.
As familias monoparentais con certificado terán un desconto do 50%
Os familias que teñan o título de numerosa terán un desconto do 50%
As persoas usuarias do Carné xove gozarán dun desconto do 25%

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de maio , máis información na OMIX da Guarda ou na web de xuventude da Xunta.

Concello de A Guarda


A Guarda oferta un curso de formación para a xestión da hostalería e aloxamentos turísticos na rede

O Concello da Guarda ven de abrir o prazo de inscricións para un curso de formación especialmente adicado a empresas do sector turístico coma hostalaría e aloxamentos turísticos.

Neste curso traballarase con diferentes ferramentas online que permiten xestionar e promover na rede diferentes tipos de establecementos turísticos, falamos de ferramentas como tripadvisor, booking... de xestión de reservas, ofertas e promoción de produtos, reputación online, entre outras.

O Curso, cunha duración total de 6 horas, realizarase os mércores días 8, 15 e 22 de maio en horario de 17:00h a 19:00h.

O prazo de inscricións está xa aberto do 23 de abril ata o 3 de maio a través da Oficina de Turismo da Guarda, as persoas interesadas en participar tan só teñen que chamar ao 986614546 ou contactar no enderezo electrónico turismo@aguarda.es.

Concello de A Guarda


Mozos e mozas de Oia, protagonistas dun videoclip contra o acoso escolar

Mozos e mozas de Oia protagonizan o videoclip da canción "You're not Alone", no que se aborda a problemática do bullying. Este vídeo musical, de recente lanzamento, é o resultado da colaboración dos DJs e produtores baioneses Ludwig Van Brothers en e a cantante Annie Rose.

A canción quere enviar a mensaxe de que, ante calquera dificultade debemos seguir a nosa forza interior, porque non estamos sos. Partindo desta reflexión, o videoclip céntrase na problemática do acoso escolar e ten como protagonistas a un mozo e a unha moza de diferentes idades.

Realizado e producido por Samaín Producións, o audiovisual é froito de varias sesións de gravación desenvolvidas durante o pasado mes de marzo en diversos puntos de Oia e Baiona. Entre as localizacións escollidas para a rodaxe destaca o CEIP Mestre Manuel García (situado na parroquia de Santa María de Oia), así como varios puntos da costa de ambos municipios.

"Non estás só/soa"

Cun estilo musical electro house de festival, o tema "You're not Alone" (non estás só/soa) xorde da colaboración de Ludwig Van Brothers e a cantante Annie Rose, quen tamén é responsable da letra.

O videoclip foi lanzado o pasado venres 19 en plataformas dixitais e pode verse na seguinte ligazón.

Oia


Máis de 500 persoas participarán no VI Desafío Terras de Turonio, a gran cita do ciclismo de montaña por parellas

A proba celebrarase o sábado 4 de maio e terá dous percorridos, un de 60 e outro de 103 km. A saída, ás 09.00 h da Praza do Seixo

Chega unha nova edición do maratón de BTT por parellas máis importante do norte de España. A sexta edición do Desafío Terras de Turonio chegará ao centro de Tomiño o vindeiro sábado 4 de maio con récord de inscritos: un total de 516 persoas de distintos puntos de España e Portugal participarán na gran cita do ciclismo de montaña de longa distancia por parellas.

Organizado pola firma Team Relay en colaboración co Concello de Tomiño, o obxectivo desta proba é "pasalo ben, desfrutar do día e das marabillosas paisaxes que imos a atopar durante todo o percorrido". A carreira tamén conta co patrocinio de Powerade, Xtrembike e Bodegas Altos de Torona.

O punto neurálxico da organización estará situado na Praza do Seixo, punto de saída e meta e onde se colocará a zona de comida, de masaxes ou de entrega de premios, entre outras. Os ciclistas sairán do corazón de Tomiño para enfrontaranse a un percorrido que os levará pola serra da Groba ou Chan da Lagoa, con picos de importantes desniveis e puntos de dificultade 5, como a subida Canteras ou o tramo 'Camiño de Cabalos'.

A saída será ás 09.00 horas e a duración da proba variará dependendo dos participantes, aínda que a media de duración son seis horas. Para facer que os participantes poidan desfrutar da proba sen contratempos habilitaranse diversos puntos de avituallamento.

O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, recordaba esta mañá durante a presentación no Concello de Tomiño "o éxito crecente desta proba, que cada ano suma máis e máis participantes. Ver a saída con máis de 500 bicicletas dende o centro de Tomiño será un espectáculo único". Lembrou tamén que durante todo o día, de 07.00 a 18.00 h, a rúa A Guarda permanecerá pechada ao tráfico para o correcto desenvolvemento da proba.

Tomiño


Tomiño prepárase para a súa II Carreira Día Do Traballador

O domingo 28 de abril remata o prazo de inscrición para as dúas modalidades, 5 e 10 km. Organizada polo Tebra FC en colaboración co Concello

Tomiño celebrará o vindeiro 1 de maio cunha xornada de deporte, saúde e diversión. O centro da vila acollerá a II Carreira Día do Traballador, unha proba organizada polo Tebra F.C. en colaboración co Concello na que se anima a participar a todas as persoas "nunha mañá festiva e saudable". O obxectivo desta proba é "fomentar o deporte e celebrar un día de festa" ao tempo que se recadan fondos. e dende a organización esperan superar este ano os máis de 100 inscritos da primeira edición.

A saída será ás 10.30 horas dende o centro de Tomiño para as dúas modalidades a elixir este ano: a carreira de 10 km e a carreira de 5 km. O circuíto será sinxelo e accesible, que transcorrerá cara o centro de saúde ata chegar ao tanatorio e volta, para chegar á meta de novo á Praza do Seixo. Para facilitar o desenvolvemento da carreira a estrada que une o tanatorio co centro da vila permanecerá pechada de 09.00 a 13.00 h.

O prazo de inscrición remata o vindeiro domingo 28 de abril, ás 24.00 h. As persoas interesadas en participar poden anotarse a través da páxina web https://championchipnorte.com/.

Dende a organización queren agradecer a todos os comerciantes e colaboradores que achegan o seu gran de area para a celebración desta proba. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, anima a todas as persoas a inscribirse e desfrutar desta xornada deportiva e lúdica a partes iguais.

Tomiño


Aberto o prazo para participar no concurso de deseño para o Día das Letras Galegas

Organizado pola OMIX de Tomiño, este ano ademais de camisetas faranse bolsas de tea coa proposta gañadora

A OMIX busca enxeño e creatividade para conmemorar este 17 de maio. Un ano máis ponse en marcha o concurso de deseño do Día das Letras Galegas, co que se busca promocionar o uso e normalización da lingua e cultura galega en todos os ámbitos. Esta nova edición chega ademais con novidades baixo o brazo en canto ao material no que se plasmará a proposta gañadora: xunto coa tradicional camiseta, este ano faranse bolsas de tea co deseño elixido.

O deseño será libre e aberto e valorarase que sexa creativo e atractivo. Neste concurso poden participar todas as persoas interesadas e deben enviar o seu deseño a unha cor e preferiblemente vectorizado en PDF ademais do arquivo de imaxe en .jpg ou .png. Os e as participantes deben de ter en conta que a cor de fondo no que se vai a estampar o deseño será branca.

A persoa creadora do deseño elixido como gañador será agasallada con dúas camisetas, dúas bolsas de tea e un vale por valor de 30 euros para usar na libraría Novidades. Ademais, difundirase a súa proposta tanto nas redes sociais como en distintos medios de comunicación.

Dende a OMIX convidan a participar no concurso a todas as persoas, que poderán enviar a súa proposta a omix@tomino.gal ata o vindeiro 6 de maio.

Tomiño


Tomiño instalou preto de 230 detectores de fume domésticos en domicilios de persoas maiores e dependentes

O Concello pon a disposición de toda a veciñanza estes sensores, que serán entregados de forma gratuíta no departamento de Benestar Social

O Concello de Tomiño vén de rematar a colocación de 226 detectores de fume en domicilios de persoas maiores ou dependentes usuarias dos servizos de Axuda no Fogar ou Teleasistencia. Unha iniciativa a través da que persoal municipal encargouse de instalar estes sensores en 82 vivendas de case todas as parroquias de Tomiño de xeito gratuíto e que busca garantir a seguridade dos beneficiarios e beneficiarias sen que lles conleve un gasto a maiores.

Ao longo dos últimos meses, operarios municipais visitaron casa por casa para entregar e poñer en marcha estes detectores e para realizar unha labor de concienciación dirixida a persoas maiores que viven soas ou están en situación de dependencia, explicándolles todo o necesario sobre o funcionamento e o mantemento do dispositivo.

Estes sensores foron achegados polo Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, enmarcado no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza ARIEM 112 no que participan Xunta e Deputación de Pontevedra e que trata de poñer solucións a problemas habituais nos domicilios de persoas maiores de 65 anos, que viven soas ou dependentes. As últimas estatísticas indican que o 75% das vítimas producidas en vivendas son menores de 5 anos ou anciáns maiores de 65, polo que con esta iniciativa búscase "dar todas as ferramentas posibles á cidadanía para tentar garantir a súa seguridade. E un detector de fume instalado no fogar do xeito adecuado dobra as posibilidades de saír con vida dun incendio", salienta a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.

Pide un destes dispositivo no Concello

Unha vez rematada a colocación destes sensores nos domicilios de persoas usuarias dos servizos de Axuda no Fogar e Teleasistencia, o Concello de Tomiño pon a disposición de toda a cidadanía estes dispositivos. Toda aquela persoa interesada en instalar un destes detectores de fume na súa vivenda pode dirixirse ao departamento de Benestar, no edificio de Servizos Sociais e solicitar un de xeito gratuíto. O Concello facilitará estes dispositivos, aínda que a colocación correrá a cargo de cada solicitante.

Tomiño


A Eurocidade achega o mundo da arte a máis de 400 estudantes de Tomiño e Cerveira

Exploran técnicas artísticas como a creación de collages, a construción de maquetas en 3D ou o deseño de ilustracións con varias escalas de cinza

As actividades enmárcanse nun dos proxectos gañadores do OPT 2018, proposto pola Mesa de ANPAs de Tomiño e a Escola Superior Gallaecia de Cerveira

Diversión, convivencia e achegamento ao mundo da arte. Eses son os piares das cinco sesións de actividades artísticas organizadas pola Escola Superior Gallaecia de Cerveira en colaboración coa Mesa de ANPAs de Goián e a ANPA Solleiro do IES Antón Alonso Ríos ao abeiro dun dos proxectos gañadores na votación do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2018. Máis de 400 estudantes de 6º de Primaria e de 3º da ESO de Tomiño e de 6º e 9º ano en Cerveira participan nestas actividades que arrancaron en outubro e que rematarán o vindeiro mes de maio cunha última xuntanza nas instalacións da escola artística Gallaecia á que asistirá alumnado do CEIP de Sobrada e do CEIP Plurilingüe de Tebra, ademáis de estudantes de diversos centros cerveirenses.

O proxecto ten como obxectivo principal achegar á poboación infantil e xuvenil de Primaria e Secundaria ao mundo da arte, facilitando que dean os primeiros pasos na súa formación artística ofrecéndolles espazos para a experimentación e a creación, así como novos coñecementos das artes plásticas e da arquitectura. Ademais, búscase promover as interaccións e experiencias interculturais entre a mocidade de Cerveira e Tomiño e fomentar a convivencia creando grupos de traballo con alumnado galego e portugués.

Tres actividades claves

Baixo a supervisión de profesorado especializado, os e as estudantes exploran diversas técnicas artísticas que lles axudan a experimentar coa súa creatividade e a entender os diferentes usos e concepcións do espazo. Por un lado, o alumnado traballa co modelado e a simulación en 3D, aprendendo conceptos relacionados coa arquitectura e o espazo tridimensional para poder despois crear unha maqueta de edificios, obxectos e elementos de recheo.

Por outro, os rapaces e rapazas exploran o debuxo de ilustracións a partir do deseño de sólidos e outras formas gráficas, creando formas e contrastes a través de puntos de luz, variación de tonalidades e gradación de sombras.

Estas dúas actividades compleméntase cun obradoiro dedicado á técnica do collage, na que o estudantado pode desfrutar dunha exposición de traballos realizados con collage de recoñecidos artistas como Miró, Braque ou Dalí, entre outros. Despois deste primeiro achegamento a esta técnicas, os rapaces e rapazas crean as súas propias composicións e narrativas con diversos elementos, conformando a súa propia historia feita con esta técnica.

Orzamento Participativo

Estas actividades enmárcanse no Orzamento Participativo Transfronteirizo 2018, unha das prioridades da Axenda Estratéxica de Amizade Cerveira-Tomiño coa que se pretende potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño. É un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP de cooperación transfronteiriza a través de fondos FEDER da Unión Europea.

Tomiño


As campas da Catedral, San Telmo, San Francisco e As Clarisas soarán este domingo no concerto "As Badaladas de San Telmo"

Participarán Montserrat Palacios e Llorenç Barber xunto a 25 voluntarios. Aconséllase estar en continuo movemento polas rúas para apreciar as distintas sonoridades dos campanarios

Este domingo, 28 de abril, ás 18.00h, terá lugar en Tui o concerto "Badaladas de San Telmo", o primeiro concerto de campás que se celebra na cidade. Baixo a coordinación artística do festival Música no Claustro e a batuta da soprano e etnomusicóloga Montserrat Palacios e o compositor e artista sonoro Llorenç Barber, preto de 25 voluntarios, con e se experiencia musical, van a tocar as campás da Catedral de Tui, do Convento das Clarisas, da Igrexa de San Francisco e da Igrexa de San Telmo.

Serán 43 minutos de concerto coa Catedral como punto de inicio e sincronía cos demais campanarios, que, se ven non executan unha melodía, a peza está baseada nos ritmos do himno de San Telmo.

O Paseo da Corredoira, a Praza de San Telmo e a Praza do Concello son algúns dos puntos recomendados polos expertos para escoitar o concerto, asegurando, que o fundamental é estar en continuo movemento polas diferentes rúas da cidade para poder percibir o son dos distintos campanarios. Destacaban ademáis as diferentes sonoridades que se poderán apreciar en cruces e espazos con construcións de diferentes alturas. Dende a Praza do Concello ademáis poderán escoitar no alto da Catedral a campá de San Telmo e a de Santa Bárbara ao carón da Campá de Santa Ana, a máis antiga da cidade, do ano 1511.

No concerto haberá ademais un solo de matraca dunha peza recentemente restaurada.

Na presentación deste concerto realizada esta mañá estiveron o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, e o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, que destacaban a importancia de dar visibilidade a este instrumento e aos campaneiros unindo a tradición e a vangarda, así como o carácter distintivo que este concerto dá ás Festas de San Telmo de Tui con respecto a outras.

Concello de Tui


A Área Panorámica acolle tres exposicións durante as festas de San Telmo

Tres son as exposicións que se poden visitar no edifico Área Panorámica durante as festas de San Telmo: unha sobre os 70 anos da escultura de Rosendo Salvado, outra sobre o Teatro Principal, e unha terceira de pintura da tudense Rosa María Vila Iglesias.

A mostra "70 anos da escultura a Rosendo Salvado" conmemora o aniversario da fundición da escultura situada na zona central da Praza da Inmaculada na honra ao tudense Frei Rosendo Salvado. A exposición composta especialmente por fotografías da época, permítenos coñecer ao autor desta obra, o escultor ponteareán Alfonso Quinteiro Alonso, a súa iconografía ou os diferentes materiais que compoñen o monumento. Tamén se expón o cartel das festas na honra de Rosendo Salvado promovidas polo Concello, xunto a outros documentos que dan conta de todo o proceso e vicisitudes que pasaron para que finalmente a escultura fose realizada e inaugurada en 1950.

A segunda das exposicións, "Surge et Ambula. A memoria do Teatro Principal" pretende difundir a memoria deste teatro a través de diferentes pezas que formaron parte do mobiliario do Teatro Principal. A peza estrela desta exposición é o antigo telón, un lenzo de 5,70 por 8,40 m sobre o cal, se pintou unha escenografía na que entre outros motivos se representa unha alegoría ao Rexurdimento ou aparecen elementos que xogan coa profundidade dando unha sensación de realidade á escena. A exposición complétase con material fotográfico, planos do proxecto de rehabilitación de César Portela e pezas históricas ou vinculadas á traxectoria de reivindicación e loita da Fundación Teatro Principal cedidas por esta entidade.

A terceira das mostras desta semana de San Telmo é unha exposición de pintura da plumillista tudense Rosa María Vila Iglesias. É unha mostra de temática tudense formada por 45 obras pictóricas a través da técnica de debuxo a plumilla, acuarela e óleo. Rosa María Vila Iglesias, conta cunha ampla experiencia na pintura. No ano 1998 expuxo por primeira vez na Sala Arzobispo Lago en Tui e conta no seu currículo con máis de 30 exposicións en Tui, en Vigo, na Guarda, e noutros puntos de Galicia, así como en Portugal.

As dúas primeiras exposicións están abertas ao público até o luns 29 de abril na Sala Xacobeo da Área Panorámica, porta 4. O horario de visita é de luns a venres de 17 a 21.30 h e os sábados, domingo e luns de 11.30 a 14.30 h e de 17.00 a 21.30 h. A exposición de pintura pódese visitar na Sala Municipal de Exposicións da Área Panorámica até o vindeiro martes, 30 de abril en horario de 10.30 a 13.30 h e de 17.30 a 20.30 h.

Concello de Tui


O alcalde de Tui deu conta das oportunidades de desenvolvemento industrial e comercial de Tui no Círculo de Empresarios de Vigo

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, participou esta mañá no foro de Loxística no Círculo de Empresarios en Vigo onde tratou as "Oportunidades de desenvolvemento industrial-comercial no Concello de Tui".

En concreto o rexedor tudense repasou na súa intervención o traballo que está a realizar o concello de Tui para aumentar a oferta de chan industrial en condicións de seguridade xurídica.

Estas actuacións céntranse en catro eixos. Por unha banda na mellora e ampliación do Parque Empresarial de Areas. Por outra parte referiuse ao desenvolvemento de zonas de implantación industrial en Ribadelouro, e ao fomento da actividade comercial e terciaria na Gándara e en Areas. Por último referiuse a catro sectores de solo industrial e 6 de solo comercial que se plantexan cunha superficie de 1 millón de metros cadrados.

Concello de Tui


"R.C.Celta de Vigo… 95 anos de AFOUTEZA" título da charla coloquio que o luns se vai celebrar en Tui

Será ás 17 h no Teatro Municipal con Manuel Rodríguez, Vladimir Gudelj, Borja Oubiña e Brais Méndez

O R.C. Celta de Vigo cumpre este ano o seu 95º aniversario. Por este motivo durante as Festas de San Telmo vaise celebrar unha charla-coloquio en Tui. Será este luns, 29 de abril ás 17.00 h. no Teatro da Área Panorámica co título "R.C. Celta de Vigo… 95 anos a AFOUTEZA". Nela farase un repaso por distintos momentos da historia celeste a través de futbolistas que marcaron ou van marcar unha época.

Estarán presentes no acto:
Manuel Rodríguez - Manolo "O gran Capitán", futbolista con máis partidos vestindo a camiseta celeste, en 532 ocasións, dende 1967 ata 1982.
Vladimir Gudelj - o futbolista estranxeiro máis importante do R.C. Celta. Chegado na década dos 90, converteuse rapidamente na referencia goleadora do equipo. É o xogador que máis veces foi máximo goleador do equipo, 6, sendo nestes intres o 2ª máximo goleador histórico en tódalas categorías tras Hermidita con 94 tantos. A súa adaptación ó Celta e a Vigo foi tan grande que segue ligado o club coma Delegado do primeiro equipo.
Borja Oubiña - O maior talento ata a aparición de Iago Aspas, que deu a canteira Celeste. Da súa man, o Celta viviu a súa época máis gloriosa sendo subcampión de liga na tempada e xogando a liga de Campión por única vez. A súa calidade levouno a selección española onde debutaría o 2 de Setembro de 2006.

Tras un dos descensos do equipo, ficha polo Birminhgan City. No seu primeiro partido sufre unha grave lesión que o ten practicamente parado 3 anos. Volve para liderar o equipo, pero os seus continuos problemas físicos fan que se retire prematuramente con tan só 32anos
Brais Méndez, o xove centrocampista, é o presente e sobre todo o futuro do Celta. Ós seus 22 anos é un dos fixos no once celeste dende o seu debut no 2017. A súa calidade fixo que o seleccionador nacional Luís Enrique o chámase para un partido internacional. Debutou o 18 de Novembro nas Palmas de Gran Canaria antes Bosnia Herzegovina, anotando amais o único tanto do encontro.

A charla será moderada por Justi Peixoto, exlocutor do programa "Escoita Deporte" da Radio Municipal de Tui.

A entrada é libre é gratuíta ata completar capacidade.

Concello de Tui


Concello de Tui


Blas Cantó e a Orquestra Mondragón, pratos forte das Festas de San Telmo 2019

Celebrarase un concerto de badaladas e o V Encontro de Bandas de Gaitas Cidade de Tui

Fin de semana musical neste peche das Festas de San Telmo 2019. O prato forte da festividade chega o sábado, ás 23.30h co concerto de Blas Cantó na rúa Ourense. O exmembro do grupo Auryn chega a Tui dentro da xira de presentación do seu primeiro álbum Complicado, no que se inclúe o seu gran éxito El no soy yo que o situou na cabeza das listas musicais do momento e co que logrou o disco de ouro e de platino. O domingo será a quenda de Javier Gurruchaga e a Orquestra Mondragón que actuarán tamén na rúa Ourense ás 22.30h. O grupo vasco de finais dos 70 interpretará algúns dos seus temas más míticos como Corazón de Neon, Viaje con nosotros, Ellos las prefieren gordas e Caperucita Feroz. Mañá venres serán os grupos locais os que poñan a bailar a Tui, a partir das 22.00h, os ritmos blues, country, soul, reggae e Rock&roll encherán a corredoira con Micalip´s e Factor 50.

Haberá tamén cita cultural co concerto de badaladas de San Telmo do domingo ás 18.00h nos campanarios da Catedral, a igrexa de San Telmo, San Francisco e As Encerradas. Mentres o sábado ás 22 h celebrarase na praza de San Fernando o V Encontro de Bandas de Gaitas Cidade de Tui, no que participan como banda anfitrioa e organizadora a Banda de San Xoán de Paramos e como convidadas a banda Píntega Marela de Madrid e os Coribantes de Buchabade de Pontecaldelas.

A Banda de Música Popular de Tui tamén actuará o domingo pola mañá, ás 12.00h e ás 19.30h no Paseo da Corredoira mentres que o luns tocará a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, neste caso na Praza de San Fernando, ás 18.00h.

As noites de verbena estarán amenizadas o sábado a partir da 1.00h a cargo da orquestra Pasarela e o domingo, a orquestra Saudade, tocará antes e despois do Concerto da Orquestra Mondragón, ás 20.30h e ás 00.30h. O peche musical das festas será o luns coa salsa, bachata e merengue do Combo Dominicano, presentando a súa xira "El meneíto".

Concello de Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais