JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Ferry parado para obras


Un Showcooking para por en valor a Lamprea do Miño na Guarda

O vindeiro venres día 5 de abril a Praza de Abastos da Guarda será o escenario para a realización dun Showcooking no que un restaurador da vila cociñará a lamprea do Río Miño elaborada coa receita tradicional "Á bordalesa". Tamén se elaborará outra receita especial coa lamprea para que os asistentes a degusten gratuitamente.

Esta actividade gastronómica terá lugar entre as 11:00h e as 12:30h da mañá na planta baixa da Praza de Abastos da localidade, onde todos e todas que así o desexen poderán coñecer como elaborar este manxar do Río Miño, seguindo as instrucións dun profesional da hostalaría guardesa.

Este Showcooking está enmarcado nas fins de semana gastronómicas que se estenden ata o 14 de abril e no que se pode degustar a lamprea do Miño na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€ nos restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella, O Cangrexal, O Roxo e Xantar.

Concello de A Guarda


A Guarda avanza na realización de camiños escolares seguros

A Guarda acolleu este xoves día 28 de marzo de 2019 unha xuntanza para presentar o primeiro informe intermedio dos Camiños Escolares Seguros na vila.

Nesta reunión estiveron presentes o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a Concelleira de Educación, Elena Baz, María del Mar González, técnico da Deputación de Pontevedra, Mª Isabel de la Santísima Trinidad, Directora do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, Iris Gómez, Directora do CEIP As Solanas, Manuel Ángel González, Xefe da Policía Local da Guarda e Alexandre Mouriño, Arquitecto redactor do informe.

O Proxecto de Camiños Escolares Seguros xurde ante a necesidade dun cambio de paradigma na maneira de moverse nas cidades e vilas, mellorando a seguridade vial establecendo rutas seguras ou "SafeRoutestoSchool", para que os nenos e nenas realicen os seus desprazamentos entre os seus fogares e os seus centros de ensino con total seguridade.

As ideas do pedagogo italiano Francesco Tonucci marcan un novo rumbo para os proxectos de camiños escolares, cun novo concepto de cidade, propiciando a autonomía infantil.

Neste primeiro informe recóllense varias actividades realizadas tendo como base a mobilidade do alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, cun recoñecemento do terreo, vídeo en time-lapse da chegada e saída de alumnos, mapas e fotografías das rutas empregadas para o acceso a este centro, así coma un mapeamento dixital que se fixo cunha mostra de pais, grazas a unha aplicación móbil, que coa tecnoloxía GPS axudou a facer os percorridos dixitais do alumnado, establecendo as rutas máis empregadas.

Deste xeito logrouse establecer un croquis dun posible Camiño Escolar Seguro de 730m de lonxitude nas rúas Circunvalación, Tui, Ourense, Enrique María Sesto e Brasilino Álvarez.

O Proxecto continuará nos vindeiros meses con varias presentacións destes resultados aos pais e nais, así como aos alumnos, con enquisas e xornadas informativas.

Concello de A Guarda


A Guarda licita as obras de mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta

O Concello da Guarda atopase nestes intres no proceso de licitación das obras de remodelación e mellora da seguridade dos viarios municipais a través do programa DepoRemse da Deputación de Pontevedra, do cal o Concello da Guarda vai ser beneficiario a través da mellora da mobilidade e seguridade no entorno das rúas Vigo e Celta.

No entorno destas rúas A Guarda conta con numerosas instalacións e equipamentos públicos coma o Centro de Saúde, o Conservatorio de Música, o Pavillón Municipal, o IES A Sangriña, o CEIP A Sangriña, o Estadio Municipal da Sangriña, lugares que son frecuentados por milleiros de persoas, na súa maioría rapaces e rapazas, para asistir a estes equipamentos.

Coa posta en marcha deste proxecto se pretende mellorar estes desprazamentos peonís, mellorando a seguridade dos usuarios, peóns e tamén a circulación de vehículos, destacando a construción dunha glorieta no coñecido coma "cruce dos bechos".

As obras realizaranse na Rúa Vigo, dende o enlace coa PO-552 ata as proximidades do Pavillón Municipal e en parte Rúa Celta, sendo esta actuación unha primeira fase, que se pretende completar cunha segunda fase para a humanización da totalidade destas dúas rúas.

O Proxecto de mellora da mobilidade e seguridade no entorno da rúa Vigo e Celta, conta cun orzamento de 588.235,29 euros, dos cales 500.000 apórtaos a Deputación de Pontevedra e 88.235€ o Concello da Guarda. A previsión é que a obra estea executada antes do remate de 2019.

Todos os proxectos aprobados, tal e como informou a presidenta da institución provincial, correspóndense con obras completas que melloran a calidade de vida da veciñanza, dan cumprimento á normativa vixente sobre seguridade viaria, foron aprobados polo órgano competente do concello e contan con terreos de titularidade municipal. Ademais, para a valoración de todos eles, tamén se tiveron en conta criterios como a poboación, a extensión da rede viaria municipal, a densidade de poboación e a calidade e madurez dos proxectos, sendo o proxecto presentado pola Guarda, un dos que acadou as mellores puntuacións.

Concello de A Guarda


A Guarda inicia o vindeiro luns as obras de mellora na Praza de Abastos

O Concello da Guarda informa do inicio das obras de reforma da Praza de Abastos, que se suma ás melloras xa realizadas nos pasados anos e que recolle traballos de eliminación de barreiras, mellora e conservación e equipamentos. O comezo das mencionadas obras será o próximo luns 1 de abril.

O Concello da Guarda vai a executar unha serie de actuacións na Praza de Abastos do municipio que consistirán na adaptación total en termos de mobilidade e accesibilidade,.

As actuacións previstas en instalacións consisten na colocación de portas automáticas nos accesos dende a rúa Xulián López e Concepción Arenal, así coma a construción duns aseos accesibles na planta superior e a reforma dos baños existentes.

Recuperarase ademais a antiga bóveda de canón da porta de acceso norte, na rúa Xulián López, para realzar o valor arquitectónico orixinal dun edificio característico da vila.

O edificio da Praza de Abastos data do ano 1921, aínda que xa se realizou unha ampliación e reforma no ano 1955, sendo un dos focos comerciais de maior interese do municipio con varios postos de carnes, peixes e mariscos, froitas e hortalizas, etc.

Concello de A Guarda


A Guarda acolle o 5 de abril a obra de teatro "Bernarda" de Malasombra Producións

O Centro Cultural da Guarda será o escenario para a representación teatral de "Bernarda" a cargo da Compañía Malasombra Producións, prevista para o vindeiro venres día 5 de abril ás 21:00h.

A entrada será libre, previa retirada de entradas dende o 30 de marzo, no propio Centro Cultural.

"BERNARDA" é unha historia próxima, comprensible e universal. Todos coñecemos no noso entorno a alguén como Bernarda, e todos temos un pouco de Bernarda no noso interior, porque ese choque xeracional entre pais e fillos é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos vemos a realidade de forma totalmente diferente. Cando somos fillos queremos rachar coas normas que nos impoñen, e cando somos pais vémonos na obriga de ser nós os que as impoñamos, polo seu ben, e ese choque entre xeracións que conviven na mesma casa é inevitable.

Este choque xeracional, que como na vida mesma tamén ocorre en "BERNARDA", por veces fainos chorar, porque ás veces as situacións vólvense tensas e duras, e por veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade de desafogo e de liberación. Isto é o que en "BERNARDA" demos en chamarlle, humor de tanatorio ou risa de funeral, que tamén é unha constante durante todo o espectáculo.

Bernarda é unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra que a forxou nuns principios ríxidos e inamovibles. Ao morrer o marido ten que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai non o fai por mal, todo o contrario, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, en cambio, non o ven así, aínda que como tamén entre elas son diferentes, discuten moitas veces sobre se no fondo Bernarda é pobriña ou é mala.

Bernarda, ó quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual que sempre, como foi toda a súa vida, e que as "malas" influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela mesma. Bernarda non entende a música yeyé, nin as minisaias, nin os guateques, nin ningunha das novas modas da xuventude da época, e a súa intención é moi clara: "Mentres eu viva, nesta casa non vai cambiar nada e as cousas vanse facer como se teñen que facer." O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.

Duración: 70 minutos

Esta actividade está promovida dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda e enmarcada no programa Pontegal da Deputación de Pontevedra.

Concello de A Guarda


A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 5 de abril

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o vindeiro venres día 5 de abril.

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 5 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Concello de A Guarda


Amplíase o prazo para visitar na Guarda a Exposición "Rompe, Xoga en Igualdade"

A Guarda acolle dende o xoves 7 de marzo a Exposición "Rompe. Xoga en igualdade", dentro das actividades programadas na conmemoración do Día Internacional da Muller 2019.

Na inauguración da Exposición "Rompe. Xoga en Igualdade", unha rompedora mostra da Deputación de Pontevedra coas "Barbies intervidas" coma protagonistas, contouse coas intervencións do Alcalde da Guarda, da Tenente de Alcalde, da Concelleira de Servizos Sociais, así como das súas creadora, Isabel Blanco e Irene Silva.

Esta exposición estará no vestíbulo da Casa dos Alonsos ata o vindeiro 23 de abril e poderá visitarse en horario de 8:00h a 15:00h. As bonecas como arquetipo da "muller obxecto" que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación. Unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que "romper" e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.

"Rompe. Xoga en igualdade" consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. A boneca seleccionada para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.

Concello de A Guarda


A Guarda acolle o 7 de abril a -Baixo Miño Enduro Experience

A Guarda prepárase para acoller o vindeiro domingo día 7 de abril a primeira proba de Enduro da zona, a "Baixo Miño Enduro Experience", unha proba deportiva na que se combina a habilidade técnica do DH(Descenso) e a resistencia física do XC(Rally).

Durante o percorrido desta proba os participantes terán que superar desniveis considerables, alternando tramos de enlace con tramos cronometrados entre as localidades da Guarda e do Rosal.

A "Baixo Miño Enduro Experience" é unha proba puntuable no Open de Galicia de Enduro e ten a particularidade de ter 5 tramos cronometrados cun percorrido que se realiza nun entorno idílico para a práctica da disciplina de Enduro, cunhas paisaxes espectaculares co río Miño, a Costa e o Porto da Guarda, os Castros de Santa Trega, o Rosal e os seus viñedos e a desembocadura do Miño.

Os participantes sairán ás 8:30h dende a Praza de San Bieito na Guarda para dirixirse ata o Monte Terroso, onde realizarán os primeiros tres tramos cronometrados, dende alí desprazaranse ata o Monte Santa Trega, onde realizarán os seguintes dous tramos cronometrados, rematando na Praza de San Bieito, onde se realizará a entrega de premios.

Agárdase unha participación que podería roldar os 200 participantes.

Concello de A Guarda


A Biblioteca Pública Municipal da Guarda despide o mes de Marzo con Contos Contados

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda despide o mes de marzo cunha nova sesión de Contos Contados que terá lugar o vindeiro sábado día 30 de marzo ás 11:30h, neste caso con "Contos de Estación", por "Donde viven los cuentos", unha actividade enmarcada no programa PonteGal da Deputación de Pontevedra.

Trátase dun Conta contos interactivo que, tomando como referencia a estación do ano, acercaranos aos elementos propios da época, permitindo a estimulación sensorial ó tempo que gozarase dos contos.

Partindo dun escenario no chan que representa un entorno da natureza, un rato realiza unha emocionante viaxe na que se narra, a través de varios contos, a aventura que vive e o agasallo que recibe por axudar ós demais. Cada conto vai asociado a unha actividade:

Ao final o rato emprega todos os agasallos para facer algo moi especial!

Concello de A Guarda


Oia acolle un campamento infantil de Semana Santa

Oia acollerá un campamento infantil os próximos días 15,16,17 e 22 de abril, pensado para favorecer a conciliación familiar durante as vacacións de Semana Santa. A actividade está organizada por Ma Nunú Conciliación Familiar coa colaboración do Concello de Oia.

O campamento vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e se desenvolverá no CEIP Mestre Manuel García en horario de 9.00 a 14.00 horas. Durante as catro mañás que durará a actividade os pequenos desenvolverán xogos en equipo e farán traballos manuais.

O campamento ten un prezo total de 35 euros polas catro xornadas, se ben tamén se poderá asistir en días soltos a un prezo de 10 euros ao día.

Concello de Oia


O grupo San Roquiño, de Goián, chega esta fin de semana coa súa aposta teatral "A última noite co Tonio"

A obra, que transcorre nun velorio, coma "Cinco horas con Mario", de Miguel Delibes, é unha comedia escrita por Elena Alonso, unha das integrantes do colectivo goianés

"A idea xurdiu despois de ler a tradución ao goianés que Tinita Ozores fixo da obra 'Cinco horas con Mario', de Miguel Delibes". Con esta naturalidade explica Elena Alonso, (responsable do guión e protagonista da derradeira representación teatral do Grupo San Roquiño, de Goián), a orixe de "A última hora con Tonio"; unha comedia divertida e transgresora na que os personaxes móvense arredor do cadaleito dun home, cuxa viúva ten aínda moitas contas que saldar con el.

En efecto, o único que comparten ambas propostas teatrais son certa semellanza no nome e no escenario onde transcorre a acción: un velorio. Tamén o monólogo-diálogo que a viúva mantén co seu home cando se queda a soas con el, durante a madrugada, aínda que o texto non é o mesmo que na obra orixinal, nin moito menos. Reproches, conversas pendentes, lembranzas de tempos pasados, todo maridado coa típica ironía dos habitantes de Goián.

Trece actores, homes e mulleres de entre 50 e 60 anos, dan vida a esta dinámica comedia de 45 minutos de duración na que as risas están aseguradas.

Elena Alonso explica a obra foi representada tres veces xa, con moi boa aceptación do público, especialmente, na función celebrada no Centro Goianés o ano pasado; éxito que espera revalidar nesta 4ª representación do domingo ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Tomiño, con entrada de balde e recomendada para maiores de 12 anos.

Concello de Tomiño


A participación da Eurocidade Cerveira-Tomiño na 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño, todo un éxito

Baixo Miño e norte de Portugal traballarán xuntos na profesionalización do seu agro

Integraranse as bolsas de emprego de acuBam e da Escola Agraria de Ponte de Lima e estudiarase a implantación de novas modalidades formativas no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño

Empresas españolas, lusas e doutros países de Europa confirman o seu interese por participar na primeira Misión Comercial Inversa da contorna

A Eurocidade Cerveira-Tomiño rematou a súa participación na 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño coa sensación do traballo ben feito e dos obxectivos cumpridos. A programación transfronteiriza específica nesta feira serviu como aglutinador de entidades, empresas, centros educativos, docentes, asociacións profesionais e público de ambas beiras do Miño, que traballaron man a man para "contribuír desde o programa de cooperación á dinamización da economía local transfronteiriza nun sector que dá emprego a máis de 3.000 persoas na contorna". Un éxito que non sería viable sen a colaboración coa Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), entidade organizadora da Mostra xunto co Concello de Tomiño.

O traballo conxunto no workshop sobre oportunidades de formación e emprego no agro sentou as bases para enfocar o futuro do sector de xeito transfronteirizo, facendo unha diagnose das necesidades formativas e laborais, abordando necesidades e achegando solucións a todos os problemas que ata o de agora se atopaban. Así, a Mostra serviu para comezar unha dinámica estable de colaboración entre todos os actores implicados que arrancará coa posta en marcha de dous proxectos.

Colaboración

Por unha banda, xa se está a traballar na integración das bolsas de emprego agrario profesionalizado postas en marcha por acuBam e pola Escola Agraria de Ponte de Lima para así "facilitar a súa proxección e eficacia". E, por outra, estase a estudar as posibilidades de implantación de novas modalidades formativas no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño contando coa colaboración das empresas para poder así non só mellorar a resposta ás demandas do tecido empresarial, senón tamén ofertar aos rapaces e rapazas unha saída laboral de futuro.

Ademais destas iniciativas, a colaboración activa da Eurocidade Cerveira-Tomiño con acuBam cristalizou na participación da propia asociación por primeira vez como entidade propia en Lusoflora, a feira do sector verde máis importante de Portugal, celebrada en Santarem o pasado mes de febreiro, e a colaboración por primeira vez na Mostra de Cultivos das agrupacións lusas Associação Portuguesa de Produtores de Plantas e Flores Naturais (APPPFN) e Associação para o Desenvolvimento Local, Rural, Agrícola, Florestal e Ambiental de Cerveira (ARA-Cerveira).

Polo de atracción empresarial

A Mostra de Cultivos serviu tamén para confirmar o "interese por impulsar a primeira Misión Comercial Inversa da contorna, que traerá á Eurocidade Cerveira-Tomiño a empresas españolas, portuguesas e doutros países de Europa no vindeiro mes de setembro". O obxectivo desta misión comercial é contribuír ao posicionamento do sector agro do Baixo Miño e do norte de Portugal dando a coñecer de primeira man a potenciais clientes e compradores os produtos e servizos agrarios da comarca, converténdoa en polo de atracción empresarial e abríndoa a novos mercados.

Con esta iniciativa facilitarase o achegamento de empresas locais a unha ampla gama de compradores profesionais de toda a cadea de valor do sector e fomentaranse as reunións entre empresas para formalizar acordos comerciais. A experiencia servirá ademais para coñecer a realidade empresarial noutros países e identificar fortalezas e debilidades do sector para competir nos mercados internacionais.

Esta Misión Comercial Inversa realízase no marco do proxecto 'Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño' para o desenvolvemento sostible do territorio e a dinamización da economía local transfronteiriza. É un proxecto co-financiado ao 75% pola convocatoria INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea. Xunto con acuBam actuarán como aglutinadores sectoriais para facilitar a misión as asociacións lusas APPPFN e ARA-Cerveira.

Cerveira/Tomiño


Tomiño conmemora cun obradoiro de cociña alemá a Semana Europea da Mocidade

A actividade será impartida por unha bolseira en prácticas do Erasmus Plus que aproveitará para promocionar este programa europeo de mobilidade estudantil

O Concello de Tomiño conmemorará a Semana Europea da Mocidade cunha serie de actos, entre os que sobresae un obradoiro de cociña alemá, a cargo de Jessica Schröder, bolseira en prácticas no Concello a través do programa Erasmus Plus.

A estudante cociñará varios pratos típicos do seu país de orixe, mentres aproveita para informar aos presentes das características do programa de mobilidade europeo Erasmus Plus, para estudantes universitarios, e tamén da súa cultura e da experiencia que está a vivir en Tomiño.

O obradoiro, dirixido especialmente á mocidade tomiñesa, será impartido en inglés, cunha persoa que traducirá de maneira simultánea ao galego. Están previstas tres sesións no mes de abril (días 1, 8 e 15), para dos grupos diferentes (Grupo 1: de 9.00 a 14.00h e Grupo 2: de 18.00 a 22.00h, con 15 prazas cada un). O taller é totalmente gratuíto, sendo necesario inscribirse previamente no seguinte correo electrónico: jessica.schroeder111@gmail.com

Asemade, a Concellaría de Mocidade, que dirixe Fátima Rodríguez, conmemora a Semana Europea da Mocidade, cunha Campaña fotográfica en redes sociais; actividade que pretende visibilizar a celebración do Día Europeo da Información Xuvenil (17 de abril) e que consiste no envío dunha foto da persoa concursante nun lugar emblemático da localidade (Tomiño), cun cartaz que diga: #IamEUROPEAN-#Euson EUROPEO/A (en inglés e galego), e compartir a imaxe en Facebook, Instagram ou Twiter cos hashtags: #redsij e #redsijODS

Por último, a campaña inclúe un encontró informal coa mocidade tomiñesa en torno a unha taza de café e algo para picar, co fin de conversar e debatir de forma distendida sobre temáticas coma a Unión Europea, retos de futuro, etc. Este encontró, titulado "Tómate un café con Europa", terá lugar en dúas datas e tres horarios distintos (17 e 25 de abril; 10.30 a 12.30 e 18.30 a 21.30, e 18.30 a 21.30 horas, respectivamente) con tres grupos diferentes (Casa da Cultura, Mercado Municipal e Escola Obradoiro).

Para máis información, pódese consultar a páxina web do Concello (tomino.gal), pasar pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) Bº da Rocha, s/n, ou ben, chamar por teléfono ao número 986 622 001.

Concello de Tomiño


Tomiño apraza as Xornadas de Arquitectura Indiana até despois do verán

A Concellaría de Patrimonio, Turismo e Mocidade, que dirixe Fátima Rodríguez, decidiu aprazar até despois do verán ás Xornadas sobre Arquitectura Indiana no concello de Tomiño, inicialmente previstas para od días 29, 30 e 31 de marzo de 2019.

A actividade, que incluirá a presentación dun proxecto de catalogación, conferencias e rutas guiadas, celebrarase nunha data posterior ao verán, que se anunciará oportunamente.

Concello de Tomiño


O taller de cerámica máis antigo de Tomiño abre tenda no centro urbano para dar a coñecer o seu traballo

Cerámica de autor, esmaltada e vidrada é a nota común de todas as pezas que expoñen na tenda, situada na rúa Colón, en fronte do Mercado Municipal

José Manuel Álvarez Comesaña leva 30 años ao fronte de Androx, o taller de cerámica máis lonxevo de Tomiño, situado en Vilachán e coñecido por locais e visitantes, por mor dos cursos de verán que veñen impartindo dende hai varias décadas.

Pero a noticia non é o taller esta vez, nin o museo situado a carón, senón a tenda de artesanía "Feito en Tomiño", que veñen de abrir en pleno centro de Tomiño, co fin de dar a coñecer as diferentes coleccións de cerámica que elaboran e vendelas a prezos moi razoables.

A nova aventura empresarial empréndea Álvarez Comesaña xunto a outros ceramistas da casa, Mª Teresa e Beatriz Iglesias e Marina Martínez, titulada en Belas Artes.

"Dábanos pena que a xente non soubera que estamos en Tomiño dende hai 30 anos", comenta a primeira, ceramista principal do taller na actualidade. E é que son máis coñecidos en Vigo e Galicia en xeral, e tamén en varios puntos de España e do estranxeiro, coma Budapest, onde soen asistir a feiras e congresos. Tamén fan traballos de murais de azulexo para farmacias, organismos municipais, empresas, etc.

Cerámica de autor, esmaltada e vidrada é a nota común de todas as pezas que expoñen na tenda, situada na rúa Colón, en fronte do Mercado Municipal. Xogos de café, xerras, leiteiras, ollas antigas para chourizos, licoreiras, "vira tortillas", bandexas, pratos,

Comparten andeis con outras moitas pezas de carácter menos utilitario, coma hórreos, meigas, xoieiros, bixutaría e un longo etcétera. Tamén teñen á venda pinturas de artistas dos países do Este de Europa, froito de intercambios realizados con eles.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño, visitou a tenda o día da súa apertura para dar os seus parabéns e mellores desexos aos propietarios da mesma, que xa venderon os seus primeiros artigos durante os días que levan abertos ao público.

Concello de Tomiño


A asociación San Xerome Emiliani recadou o dobre que na edición anterior

A Mostra de Cultivos, de récord

A 16ª edición acadou unhas cifras únicas: 500 plantacións no stand do IES Antón Alonso Ríos, 400 receitarios repartidos, máis de 300 pratos elaborados con produtos locais e 20 kg de de xeado de kiwi degustados, 300 litros de compost feitos e máis de 100 nenos e nenas desfrutando das actividades lúdicas infantís

A 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño pechou as súas portas cun balance máis que positivo desta nova edición e con cifras de récord tanto en participación do público profesional como na asistencia e implicación do público xeral. Nesta edición na que a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), organizadora do evento xunto co Concello de Tomiño, apostaba pola profesionalización do sector entendida dun xeito transfronteirizo contou coa participación de 44 empresas, 30 delas expositoras e 14 colaboradoras. Ademais, 10 empresas presentaron os seus proxectos de innovación, proxectos cun alto grao tecnolóxico e de investigación; 14 relatores protagonizaron as 7 xornadas técnicas que se organizaron e 20 representantes de empresas, administracións públicas, organizacións sectoriais e centros educativos participaron de xeito activo no workshop sobre oportunidades de formación e emprego no sector no Baixo Miño e norte de Portugal, sentando as bases de colaboracións futuras e debullando os problemas aos que se enfronta o sector e as súas posibles solucións.

Estas cifras complétanse coa grande acollida do público xeral e a súa participación no programa de actividades da Mostra de Cultivos. Así, durante os tres días que durou a feira arredor de 500 persoas pasaron polo taller de plantación organizado no stand do IES Antón Alonso Ríos, a través do que coñeceron os principios básicos do proceso de plantación e se puideron levar para casa a súa propia planta, repartíronse máis de 100 botes de mostra de caldo de ortigas para combater pragas agrícolas de uso doméstico e fixéronse 300 litros de compost no stand de compostaxe do Concello de Tomiño.

Ademais, cos dous talleres de cociña do último día da Mostra degustáronse 300 pratos de comida elaborados a partir de produtos agroalimentarios locais e repartíronse 400 receitarios nos que se incluía a súa elaboración. Por outro lado, no stand de Kiwi Atlántico probáronse 20 quilos de xeado de kiwi, un produto innovador no mercado. E máis de 100 nenos e nenas desfrutaron das actividades lúdicas preparadas para a xornada do domingo por Corazón de Carballo.

Uns números que amosan o crecemento paulatino da Mostra de Cultivos, que se está a converter na gran feira de referencia do sector agro en Galicia. "Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos, aínda que non conformes. Sabemos que queda moito camiño por diante e que temos que seguir traballando para mellorar as cousas. E un dos obxectivos primordiais debe ser conseguir inserir persoal cualificado, unha capacidade de captación de talentos que para o noso sector é fundamental. Necesitamos xente cualificada, xente formada e xente con gañas para garantir o relevo xeracional nas nosas empresas", salientou a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez, quen tamén indicou a necesidade de seguir achegando o sector á sociedade nunha aposta pola súa valorización e contribuíndo así "á xeración de todo un mapa de oportunidades laborais e profesionais no ámbito local".

Unha Mostra solidaria

Dende a organización están moi contentos coa marcha da 16ª edición da Mostra, non soamente pola afluencia de público profesional e xeral, senón polos resultados obtidos coa venta ao público realizada no stand da asociación San Xerome Emiliani. O ano pasado a Mostra daba resposta de xeito tímido á demanda reiterada por parte das persoas visitantes que buscaban poder comprar produtos durante o evento e nesta edición ampliaba a venda a toda a fin de semana, na que se poñían a disposición do público produtos doados por empresas participantes na feira.

O resultado foron 1.300 euros de recadación que irán de xeito íntegro á asociación para a rehabilitación das instalacións nas que esta entidade produce a súa camelia do té. Deste xeito, acuBam reforza a súa responsabilidade social na contorna, fomentando e apoiando as ventas dentro da Mostra pero cun marcado fondo social.

Concello de Tomiño


Estudantes tomiñeses plantan 75 árbores autóctonas cedidas pola comunidade de montes

A actividade forma parte do proxecto "O Monte Apagalumes", dentro do programa Voz Natura, ao que o centro leva adscrito moitos anos

O pasado 11 de marzo, nenas e nenos do CEP Pedro Caselles puxeron o seu grao de area na loita contra o lume e no coidado do planeta, participando nunha actividade organizada pola Comunidade de Montes de Tomiño. Na mañá do luns 11 pasado todo o alumnado do centro achegouse a un monte propiedade da mencionada comunidade no barrio do Xibao, para proceder a plantación dun pequeno bosque de árbores autóctonas.

Esta actividade forma parte do proxecto "O Monte Apagalumes", dentro do programa Voz Natura, ao que o centro leva adscrito desde hai moitos anos. Comezado o curso, o centro púxose en contacto coa directiva da comunidade para solicitar a súa axuda para a realización dunha actividade de plantación de árbores. A comunidade aceptou de inmediato, pois considera de vital importancia a labor de concienciación arredor da riqueza forestal da zona.

Nun día totalmente primaveral, nenas e nenos gozaron dun pequeno paseo ata o monte, despois escoitaron a charla dunha técnica que lles explicou as características das especies que ían plantar castiñeiros, maceiras, nogueira) e como facelo correctamente.

Finalmente, de forma ordenada, procederon a plantar as 75 árbores cedidas pola comunidade de montes.

Como remate de xornada a comunidade agasallou a cada nena e neno cun bocadillo e unha botella de auga.

O CEP Pedro Caselles agradece á comunidade de montes a súa xenerosidade e implicación, estando sempre disposta a colaborar, unhas veces organizando actividades e outras con xenerosas ; achegas económicas para levar a cabo proxectos educativos.

Concello de Tomiño


"Medrando en Familia" atendeu en 2018 a máis de 60 unidades de convivencia

O Programa de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño, este ano diversifica a oferta de actividades que promoven a estimulación temperá, e consolida Medrando en Familia coma un recurso efectivo na crianza

O fin que se pretende acadar a través deste proxecto de intervención socio comunitaria centrado nas familias con menores de 6 anos, é estimular o establecemento de pautas básicas de organización familiar". Con estas palabras a concelleira de Benestar, Cristina Martínez, define o espírito do Programa Medrando en Familia, cuxa edición 2019 inclúe varias novidades, tanto en contido, coma na forma de poñelo en práctica.

Medrando en Familia ao longo do 2018 deu resposta a 60 familias e aos seus menores, diversificando a oferta de actividades que promoven a estimulación e a participación social, ademais de ser un recurso moi efectivo para a crianza en positivo, dotando de ferramentas moi útiles ás familias.

"Este é un proxecto que fomenta hábitos de comunicación entre nais, pais e fillos/as; pautas de relación que promovan a estimulación temperá e que axuden a evitar a marxinación social e a pobreza familiar no eido educativo, así como a detección en estadios temperás de disfuncións", continúa a explicar a concelleira.

A primeira proposta para o 2019 é un encontro: "Estratexias para unha crianza en positivo", luns 8 e 22 de abril ás 19.00h na Casa da Cultura. A esta cita séguenlle outro encontros de primeiros auxilios na infancia, teatro e dous obradoiros de estimulación temperá.

Froito da análise e da experiencia acumulada do Programa de Educación e Apoio Familiar co obxectivo de dar resposta a ese intervalo de poboación que conforma a primeira infancia e a rede familiar, deseñouse un programa a finais de 2017, que comezou no ano 2018 baixo a denominación de Medrando en familia. No que se promove a estimulación en sentido amplo, a adaptación da intervención ás necesidades da familia e en relación aos menores, propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna. Contemplanse, espazos de encontro, de carácter grupal, nos que se abordan inquedanzas colectivas e, por outro, obradoiros de traballo en familia, que se complementan coa intervención individualizada no entorno familiar, cando se detectan disfuncións.

Ademais, este ano púxose en marcha un protocolo de intervención psicolóxica domiciliaria, cunha dimensión individualizada e centrada en demandas concretas para superar situacións que non permiten un desenvolvemento harmónico da unidade de convivencia. Na actualidade hai un total de 8 familias coas que se está traballando, estando esta acción financiada a través dun convenio de colaboración entre o Concello e Obra Social La Caixa.

Outra das novidades é o traballo conxunto que o departamento de Educación Familiar leva a cabo coa Oficina Municipal de Igualdade, coa finalidade de tratar dun xeito integral e coordenado os casos de violencia de xénero e conflitividade familiar, especialmente, cando existen menores implicados, e a colaboración no deseño de actuacións conxuntas que promovan o bo trato, o respecto e a educación en igualdade, tanto en menores, coma na mocidade e nais e pais.

Na actualidade máis de 15 familias están sendo atendidas de xeito coordenado entre ambos programas, valorando moi positivamente a eficacia da intervención.

Concello de Tomiño


Carlos Pérez-Fonterosa será o pregoeiro das Festas de San Telmo 2019

Recoñecido internacionalmente pola súa colección de selos do Camiño de Santiago, foi un dos fundadores do Grupo Numismático e Filatélico Tudense

Carlos Pérez-Fonterosa será este ano o pregoeiro das Festas de San Telmo 2019.

Carlos Pérez-Fonterosa Antón é un recoñecido comerciante de Tui, agora xubilado, que fixo da súa afección aos selos a súa paixón. Despois de 81 nos como coleccionista atesoura miles de selos, sendo a súa colección sobre o Camiño de Santiago unha das máis valiosas do noso país, gañando varios certames. Esta colección do Camiño, viaxou recentemente ata a China da man da Embaixada Española naquel país. Este filatelista tudense, que cumpre o próximo mes de agosto 90 anos, continúa cultivando unha afección que naceu de neno, e que o levou xunto con outros once amigos a fundar ao Grupo Filatélico e Numismático tudense, do que foi o presidente durante sete anos. Foi tamén tenente de alcalde do Concello de Tui durante o mandato do alcalde Casal Aboy.

Na súa longa traxectoria no mundo da filatelia conseguiu para Tui a edición de oito selos dedicados a distintos monumentos ou lugares do municipio, algo do que se sinte "especialmente orgulloso"

Para Carlos Pérez-Fonterosa este nomeamento éncheo de orgullo e pensa que é unha honra inmerecida si se comparan os seus méritos cos dos seus predecesores, pero: "en amor a Tui a iso non me gaña ningún deles" e iso foi precisamente, o seu amor a nosa cidade o que o levou a aceptar esta distinción.

Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui, considera que Carlos Pérez-Fonterosa reúne as cualidades precisas para ser un magnífico pregoeiro: un amor incondicional por Tui unha dedicación continua a difundir o nome da nosa cidade polo mundo e unha paixón pola filatelia digna de recoñecemento.

Concello de Tui


Tui forma parte da Red de Juderías de España

Suporá un gran paso na posta en valor e promoción do seu patrimonio serfardí

Tui entra a formar parte da Red de Juderías de España. Así o acordou onte na súa Asemblea Xeral celebrada en Madrid esta entidade conformada por 18 municipios, que a partir de xuño estará constituída por 22 coa incorporación de Tui, Béjar, Sagunto e Lorca. Precisamente a entrada efectiva producirase na segunda asemblea da Red a finais de xuño.

Tui presentou o ano pasado a súa candidatura para entrar a formar parte da Red de Juderías de España coma un paso importante e imprescindible para seguir pondo en valor e promocionando o seu patrimonio vinculado á presenza de xudeus e xudeus conversos na cidade. O proceso incluíu a presentación dunha memoria, a defensa da candidatura e a visita á cidade do comité avaliador. Concluíu co visto e prace dando onte pola asemblea xeral onde a Comisión de Admisión de Cidades expuxo as súas conclusións. Dende a Red de Juderías valoran o legado xudeu que Tui atesoura no que destacan os Sambenitos, pezas únicas en Europa, atopados na Catedral de Tui. Tamén a presenza da casa de Salomón na rúa Canicou, única na súa tipoloxía en Galicia, cun patio central arredor do que se distribúe a vivenda, xunto á menorá gravada na pedra do claustro catedralicio, que testemuña a relación existente entre a comunidade xudía e a cristiá.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, explicaba que Tui entra así nun grupo de cidades moi selectas en canto a patrimonio, o que "pon a Tui noutra división a efectos de promoción turística e patrimonial, e recoñecemento da importancia patrimonial e histórica que ten a cidade". Engadía que isto pode redundar na dinamización da economía de Tui con xeración de emprego e investimento, e pode ser quen de xerar investimento privado para a rehabilitación patrimonial.

Coa entrada de Tui na Red de Juderías avanzaba o alcalde que se deseñará un programa de actuacións encamiñados a cumprimentar os requisitos de pertencer á Rede e para aproveitar o potencial que representa, cun bo traballo de recuperación do patrimonio. Precisamente o Plan Director de Turismo, arestora en redacción, terá xa en conta esta pertenza á Red de Juderías de España.

Concello de Tui


Play Doc converte a Tui en referente internacional no mundo audiovisual

Do 3 ao 7 de abril o festival ofrece unha ampla e diversa programación

Tui acollerá do mércores 3 ao domingo 7 de abril o XV Festival Internacional de Documentais de Tui, Play Doc. Está mañá tivo lugar a presentación oficial do festival a cargo do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, xunto a Jacobo Sutil, director de Agadic, Axencia Galega de Industriais Culturais da Xunta de Galicia, Ángel Sánchez, codirector do festival, e Beli Martínez, responsable da programación de cinema galego de Play Doc.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez, destacou a longa traxectoria dun festival que é exemplo dun traballo feito con orixinalidade, e cun nicho moi claro, que ten lograron converterse nun evento de referencia. Precisamente o Concello ten incrementado este ano o seu investimento no festival pasando dos 18 mil ao 28 mil euros, dun orzamento total de Play Doc que acada aos 100 mil euros.

Jacobo Sutil, o director da AGADIC, sinalou a Play Doc coma un dos festivais máis destacados de Galicia e España, indicando que dende a Xunta son conscientes da súa importancia. Destacou varios aspectos do festival: a súa especialización no documental, as actividades paralelas cun programa transversas, e a implicación que logra. Pero tamén apuntou que o festival vai máis aló do 3 ao 7 de abril, apuntando por exemplo a súa presenza no CGAI.

Ángel Sánchez, codirector do festival, fixo fincapé no quince aniversario dun festival atípico que se celebra nunha cidade pequena coma Tui pero que transcende á escena máis próxima sendo referente mundial, nunha aposta que tiveron clara dende o primeiro momento. Este ano detallaba que o festival da un salto cualitativo ao estrear en España as seis películas da sección oficial, e continua coa posta en valor do cinema máis próximo e o diálogo con outras disciplinas. Repasou as tres retrospectivas que vai ofrecer de Bruce Weber, Kidlat Tahimik e Wolf Eckart Bühler, que xunto .

Beli Martínez, responsable da programación do cinema galego explicou coma nesta edición de 2019 en "Panorama Galicia" apostaron por películas que están a ter un amplo percorrido en festivais, e destacou o feito de que Play Doc ofrece un espazo de visibilidade deste cine que se fai en Galicia. Así poderemos ver no Play Doc A Typical Morning de Arancha Brandon, Empalaos- Valverde de la Vera de Iria Sanjurjo, Gallo de Antonio Díaz Huerta, Hamada de Eloy Domínguez Serén, Ilha de Alexandre Cancelo, Lucía en la Noche de David Varela, Manoliño Nguema de Antonio Grunfeld, Rexistros, Xeografía de San Sadurniño de Adrián Canoura e What you gonna do when the world´s on fire dirixida por Roberto Minervini coa dirección de fotografía a mans do galego Diego Romero Suárez-Chairo.

O festival estreará unha nova sección North by Northwest, na que se exhibirán películas procedentes do norte e noroeste peninsular como son a asturiana dirixida por Marcos M. Merino, In Memorian (la derrota conviene olvidarla), a galega La Estrella Errante obra do realizador ferrolán Alberto Gracia, e última película da directora vasca Maider Oleaga, Muga Deitzen Da Pausoa- Paso al límite.

Dentro das actividades paralelas están "Eppur si muove" na que se presentarán os traballos audiovisuais e fotográficos de Iván Nespereira, Tono Arias, Rubén Gasalla e Ariadna Silva. O Seminario da Crítica Cinematográfica, os obradoiros Alquimista do Documental Persoal: A Bólex 16 mm e outras formas de levitación, e Rec&Play, xunto aos concertos de Les Deuxluxes e Adriana Proenza completan a programación do festival.

A inauguración de Play Doc celebrarase o mércores, 3 de abril, ás 20.30 h no Teatro Municipal.

Concello de Tui


Tui súmase un ano máis á Hora do Planeta

De 20.30 h a 21.30 h apagarase a iluminación da S.I. Catedral

O Concello de Tui súmase un ano máis á celebración da Hora do Planeta promovida por WWF. Trátase dunha iniciativa posta en marcha en desenvolve esta ONG co obxectivo de loitar contra o cambio climático e perda da natureza. Así coa Hora do Planeta WWF pretende volver mobilizar neste 2019 a máis de 7 mil cidades do mundo para demostrar o seu apoio global á acción contra o cambio climático e en favor da natureza apagando as luces dos seus principais edificios e monumentos.

No caso de Tui este sábado, 30 de marzo, de 20.30 h a 21.30 h apagarase a iluminación da Catedral de Tui.

Concello de Tui


Unha auditoría avalía os 118 cadros de mando e os 6.400 puntos de luz do alumeado público de Tui

Tras o traballo de campo analizarán os datos e realizarán unha serie de propostas para mellor a eficiencia enerxética, cumprir a normativa e reducir a contaminación lumínica

Nas próximas semanas o Concello de Tui contará cunha información detallada sobre cada cadro de mando e punto de luz do alumeado público e cunha serie de propostas para actuar sobre o mesmo na busca dunha maior eficiencia enerxética, cumprimento da normativa e redución da contaminación lumínica. Este será o resultado a auditoría que está a realizar a empresa 4Es, European Energy Efficiency Engineering, S.L., cun prazo de execución de 8 semanas e un investimento de 9.950€ máis IVE. Así o explicaron esta mediodía o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e o representante da empresa 4Es, Tomás Saz.

O rexedor expuxo que a realización desta auditoría é un paso imprescindible para coñecer a situación actual e poder actuar con todos os datos para mudar as luminarias na cidade o que redundaría nun mellor servizo en un aforro importante. Deu a coñecer que o ano pasado o concello gastou en alumeado, sen contar mantemento nin reposición, 391.737,82€, unha cantidade que de implantar tecnoloxía led en todo o municipio podería reducirse nun 66%. Sinalou tamén o alcalde que esta auditoría é o paso previo, e será a corporación que saía das elección de maio, a que deberá avanzar coa licitación do subministro eléctrico e no cambio de tecnoloxía.

Ao longo das últimas catro semanas a empresa ten realizado a toma de datos dos 118 centros de mando, e dos case 6.400 puntos de luz que hai por todo o termo municipal. En concreto como explicaba Tomás Saz de 4Es recolleron as características, proteccións e liñas de saída dos centros de mando, e a ubicación con coordenadas, nome identificativo, tipo de luminaria, tecnoloxía e tipo de soporte dos puntos de luz. Agora comeza a análise dos datos obtidos previa a redacción da auditoría na que detallará a descrición do estado actual das instalacións, formulando unha proposta técnica e valoración enerxética e económica desta proposta. Amais de comparar a situación actual e a futura ao executarse as propostas realizadas. No caso concreto de Tui tense en conta amais a singulariedade do conxunto histórico para o que están en contacto con Patrimonio.

Tras esta auditoría o Concello disporá tamén dunha plataforma de xestión tanto dos cadros de mando coma das luminarias, cun inventario detallado e que permitirá a xestión e modificación dos datos, e o control de consumos.

Concello de Tui


Tui contará con tres novos policías locais a comezos de 2020

Arestora completan a súa formación na Academia Galega de Seguridade. Este verán realizarán prácticas na cidade

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Seguridade, Antonio Castro, e a concelleira de Emprego, Mila González, déronlle hoxe a benvida a tres novos membros da Policía Local de Tui. Foron seleccionados pola Academia Galega de Seguridade Pública, e previa a súa incorporación en Tui terá que continuar a súa formación na Academia. No verán realizarán xa prácticas no Concello, e completarán a súa formación de novo na AGASP. A comezos de 2020 incorporaranse xa de forma definitiva coma membros do corpo da Policía Local de Tui.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, explica que deste xeito seguen dando os pasos precisos para reestruturar e mellorar o concello e o servizo que se presta aos cidadáns.

Concello de Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais