|
III Congresso de Estudos Internacionais da Galiza. "Galiza e a lusofonía perante os desafíos globais"
Ferry parado para obras
A OMIX da Guarda oferta un obradoiro de proxectos artísticos e outro de inglés
A Oficina Municipal de Información Xuvenil da Guarda abre as inscricións para dúas novas actividades que terán lugar no mes de abril.
Obradoiro de proxectos artísticos
Por unha banda iniciarase un obradoiro para a realización de proxectos artísticos, unha actividade que terá unha duración total de 3 horas e que se realizará no mes de abril nunha data aínda por confirmar.
Obradoiro de inglés
Se os idiomas son un problema para ti, neste obradoiro mellorarás o teu dominio do inglés no día a día, cun curso especial para a vida cotiá, que terá lugar os martes e xoves en horario de 20:00h a 22:00h cun prezo de 25€ ao mes.
Máis información e inscricións na OMIX da Guarda no teléfono 986 61 0000 ou no enderezo electrónico informacion@aguarda.es
Concello de A Guarda
A Guarda oferta dous obradoiros sobre sexualidade
O Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda organiza no mes de abril dous obradoiros sobre sexualidade adicado especialmente a adultos e ao alumnado dos centros educativos da vila.
"Como lle falo diso?"
O Obradoiro "Como lle falo diso?" é un obradoiro pensado para público adulto que terá lugar o vindeiro mércores día 3 de abril na Casa dos Alonsos en horario de 16:30h a 18:30h para profesionais(docentes, educadores/as, traballadores/as sociais, etc.) e en horario de 19:00h a 20:30h para familias.
Neste obradoiro se pretende facilitar a toma de conciencia de familias e profesionais de que é imposible non educar e que o silencio tamén educa, de que a educación sexual comeza dende a infancia e ten que ver con aspectos tan importantes como a autoestima, os afectos, o autocoñecemento, a comunicación, as relacións e os vínculos que establecemos cos demais, os roles, o xénero, a diversidade sexual, o pracer ou o consentimento. Farase unha exposición dos contidos clara e amena, con material audiovisual, favorecendo a participación, a reflexión e a formulación de dúbidas por parte do público participante.
Contarase coa presenza de Martina González Veiga, Sexóloga, Psicóloga Xral. Sanitaria especializada en Intervención e Acompañamento Psicolóxico en Diversidade Sexual e de Xénero
"De bo rollo"
O Obradoiro "De bo rollo" é un obradoiro que vai dirixido ao alumnado dos centro educativos da Guarda cunha programación de horarios adaptada especialmente a cada centro.
Neste traballarase co alumnado nun aspecto xeral sobre sexualidade, diversidade e xestión saudable das relacións, tendo como eixes transversais o autocoñecemento, a xestión das emocións, o bo trato e a autoestima, traballando a comunicación asertiva a posta de límites e a negociación para garantir as relación desexadas libres de coacción e violencias.
Realizarase unha exposición dos contidos clara e amena, acompañada material audiovisual.
Estes obradoiros están organizados dende o Centro de Información á Muller da Guarda, co apoio da Unión Europea, o Goberno de España, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e o Concello da Guarda.
Concello de A Guarda
A Guarda exalta a lamprea do Miño cuns fins de semana gastronómicos
Todas as persoas que desexen degustar este peixe preparado á bordalesa poderán achegarse á Guarda as fins de semana do 23 de marzo ao 14 de abril.
O Concello da Guarda, en colaboración cos establecementos hostaleiros da vila, organiza as xornadas gastronómicas "Lamprea do Miño", que se celebrarán en 10 bares e restaurantes co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea.
Durante estas xornadas, as veciñas e veciños da nosa vila e a súa contorna poderán degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€. Dada a larga elaboración que precisa este manxar é preciso a reserva previamente nos restaurantes.
Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella, O Cangrexal, O Roxo e Xantar.
Esta nova iniciativa gastronómica transformouse o ano pasado da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis descoñecidos do noso río. Este ano aumentáronse as fins de semana para que todos os interesados podan degustar a lamprea na súa elaboración máis tradicional e como leva preparándose durante xeracións na Guarda.
Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de ensino da Guarda participarán na xornada didáctica "Coñecedes a lamprea?", unha iniciativa que leva organizando dous anos. Dada a boa acollida da proposta, os cativos e cativas repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en temporada.
Esta xornada componse de dúas partes: unha primeira actividade didáctica que se realizará na Casa dos Alonso, onde as nenas e nenos poderán coñecer máis polo miúdo a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre a pesca desta na desembocadura do Miño. Contarán, ademais, co testemuño de pescadores, que explicarán a súa profesión aos cativos e cativas mediante os aparellos de pesca que empregan e, como non, as vivencias e anécdotas.
Deseguido, o alumnado poderá elaborar na aula uns debuxos coa temática "Desembocadura do Miño e a lamprea". Os traballos exporanse na Praza de Abastos dende o sábado 13 de abril.
Exaltación da lamprea
A lamprea é un produto de temporada polo que estas xornadas organízanse para dar a coñecer a lamprea do Miño como un produto gastronómico de excelencia.
A temporada de pesca na desembocadura do Miño comeza en xaneiro e finaliza a mediados de abril e durante estes meses pódese observar a decenas de pescadores nas súas embarcacións como realizan este duro traballo largando a rede, coñecida como lampreeira, e izándoa mentres as correntes do río os desprazan.
Como peche a esta campaña está previsto a realización dun showcooking o sábado 13 de abril na Praza de Abastos. Esta actividade amosará como se elabora unha receita de lamprea.
Programación nas fins de semana
É moi interesante percorrer os sendeiros das praias da desembocadura do río Miño contemplando a paisaxe e os pescadores de lamprea traballando durante a subida da marea. Nestas praias aínda se conservan coa marea baixa restos de varias pesqueiras (construcións en pedra) que debido a súa antigüidade descoñecese si tamén empregaban para capturan as lampreas ademais de peixes.
Ademais da programación cultural e deportiva:
Sábado 30 de marzo:
" Carreira de Orientación (precisa inscrición ata o 27 de marzo)
" Concerto do Coro Gli Pasionatti no Centro Cultural
Sábado 6 de abril:
" Concerto e gravación do disco do grupo Na Revolta no Centro Cultural
Domingo 7 de abril:
Concerto de Corda xuvenil - infantil KV2211 no Centro Cultural
Proba de Enduro precisa inscrición ata o 27 de marzo)
Sábado 13 de abril:
" Showcooking: Cociñar a lamprea do Miño
" 21.00h Serán das Festas de Buxán na Praza de Buxán
Domingo 14 de abril:
" 11.00h Bendición de ramos e palmas na Praza de San Benito
Concello de A Guarda
Retomados os traballos para o estudo da produción de sal na antigüidade na costa guardesa
A longo da semana pasada realizouse un estudio xeofísico no entorno das salinas romanas do Seixal. Estes traballos leváronse a cabo en colaboración co Centro de Arqueometría da Universidade Complutense. O obxectivo desta actuación foi a de comprobar a extensión das salinas do Seixal na Costa da Guarda. Durante a escavación levada a cabo en 2018 descubriuse unha ampla extensión da salina romana, pero se puido comprobar que as estruturas se estenden máis aló da área escavada. O proxecto "A Guarda, Mar de Sal" non se limita á escavación, senón que por medio das últimas tecnoloxías se quere conseguir a imaxe máis ampla e precisa posible da extensión e da morfoloxía destas salinas. Para iso se conta cun xeoradar, un sistema que permite facer lecturas no subsolo e comprobar a existencia de estruturas arqueolóxicas.
Unha vez rematado o proceso de toma de datos, agora mesmo estanse procesando os datos que, se confía, permitan comprender mellor a salina do Seixal.
Ademais dos traballos de prospección xeofísica tamén se ampliou a prospección pola costa da Guarda. O estudo sistemático da franxa costeira permitiu identificar dúas novas zonas con vestixios de salinas romanas, localizadas no entorno da Cetárea Redonda ou de Pepe Sobrino.
A longo das próximas semanas iniciaranse os traballos para a consolidación e restauración das salinas que garantirá a súa apertura definitiva ao público para o desfrute de veciños e visitantes.
O proxecto "Mar de Sal" fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.
O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.
Concello de A Guarda
A Guarda intensifica a presenza policial
Na mañá do luns 18 de marzo o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, mantivo unha xuntanza no Concello co Comandante do Posto da Guarda, Eligio Rivas; o Xefe da Policía Local, Manuel Ángel González e o Concelleiro Delegado da Policía Local, Paulino Rodríguez.
O motivo da reunión era o de trasladar, por parte do Concello á Guardia Civil, a preocupación dos comerciantes, veciños e responsables municipais polos roubos que se veñen producindo nos últimos tempos na Guarda. Así mesmo, sabedores de que as forzas de seguridade comparten esta preocupación, o alcalde trasladou a necesidade de aumentar a vixiancia na vila, sobre todo en horario nocturno.
O Comandante coincidiu co alcalde na necesidade de intensificar a presenza policial e trasladoulle que dende hoxe mesmo A Guarda contará cun núcleo operativo que prestará servizo nocturno na vila.
Do mesmo xeito o alcalde púxose en contacto coa Subdelegación do Goberno e manterá este mesmo mércores unha xuntanza con Maica Larriba e representantes dos corpos de seguridade, para trasladarlle a preocupación pola seguridade cidadá na Guarda e solicitar reforzo policial.
Concello de A Guarda
Visita as pistas de Petanca do Codesal
O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; o Concelleiro de Vías e Servizos, Miguel Español e o Alcalde Pedáneo da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez, visitaron na xornada do pasado sábado día 16 de marzo a ampliación das pistas deportivas para a práctica de Petanca no Codesal, en Camposancos.
Estas instalacións veñen de ampliarse con dous novos campos, contando na actualidade cun total de 6 campos reglamentarios de 4x15, empregados polos máis de 40 membros do Clube de Petanca O Caldeiro, o primeiro clube para a práctica deste deporte na Comarca do Baixo Miño.
O Concello da Guarda e a Asociación O Caldeiro traballan conxuntamente para favorecer a práctica deste deporte no municipio, deporte cun gran auxe nos últimos tempos, contando na Guarda con 23 deportistas federados.
Concello de A Guarda
Rematan as Barferencias de inverno 2018-19 na Guarda
O pasado venres día 15 de marzo de 2019 tivo lugar na Cafetería Marbella da Guarda a quinta e última Barferencia de Inverno 2018-19 na Guarda, un ciclo que nesta edición contou cun total de 5 citas, nas que a afluencia de público foi extraordinaria.
Os asistentes coñeceron como foi o paso deste recinto fortificado en pleno centro da Guarda tras a Guerra de Restauración Portuguesa e o seu paso de fortificación a elemento patrimonial, grazas as explicacións de Rebeca Blanco Rotea.
En palabras de Rebeca Blanco Rotea, a fortaleza de Santa Cruz é a fortificación galega de época moderna conservada no extremo máis suroccidental de Galicia, e formou farte do sistema defensivo galego que protexía as poboacións e o territorio situado a este lado do Miño, aínda que caeu en manos portuguesas en 1665, onde se mantivo ata a firma do tratado de paz de Lisboa en 1668.
Santa Cruz formaba parte dun conxunto maior que controlaba esta zona da fronteira (un conxunto formado pola Atalia da Guarda, a batería de Camposancos, o garita do Monte Torroso, o facho de Santa Trega), protexendo a vila da Guarda dos posibles ataques dende o norte e o oeste, e os diferentes accesos á mesma, ven fosen por terra, por mar ou polo río.
Construído entre 1662 e 1664, é atribuído aos irmáns Carlos e Fernando Grunnenberg (Garrido 1989: 116, Cobos e Castro 2005: 86), responde aos principios da fortificación abaluartada característica da Idade Moderna. Presenta unha planta romboidal, con catro baluartes nas esquinas, e medias lúas que defenden as cortiñas entre baluartes, todo elo rodeado por camiños abertos e fosos. En 1665, pasa a mans portuguesas, unha vez ocupada a vila e capitulado o gobernador.
A partir do tratado de 1668, a fronteira mantense nun estado relativo de paz, mais mantéñense as prazas principais, mentres segue o proceso construtivo nalgunhas delas, fundamentalmente as grandes fortificacións permanentes. Outras fortificacións destrúense, e unhas terceiras fanse de nova planta, como no caso da do Forte de San Lourenzo.
Santa Cuz será un deses fortes que se manteñen no tempo, en poder do Estado Español ate 1860 momento no que se vende por parcelas en subasta pública, e foi adquirido por varios propietarios como D. Juan Puebla ou D. Ángel González Sobrino, quen restaurou as murallas, modernizou a zona interior e habilitou outros sectores para cultivo. Na barferencia analizouse esta etapa, dende o 1668 até a actualidade, en concreto, xaneiro do 2016, momento no que se abre o espazo ao público e se destinan os edificios interiores a un pequeno centro de interpretación, que contén unha pequena exposición e está destinado tamén á elaboración de talleres. Revisouse como o forte sufre un proceso similar ao doutras fortificacións galegas que perden agora a súa función como fortaleza e comezan a sufrir un proceso de esquecemento da súa memoria que vai, en parte, aparellado á transformación urbana que viven as nosas cidades e vilas dende a partir da segunda metade do século XIX e, sobre todo, no século XX momento en que este pasa a formar parte do Patrimonio galego como monumento e Ben de Interese Cultural, con todo o que esta figura conleva. Xa no século XXI o forte pasa por un proceso de patrimonialización que remata na súa recuperación por parte das administracións públicas, pola súa recuperación e posta n valor.
Ao remate, Rebeca Blanco Rotea explicou o proceso polo cal o Castelo de Santa Cruz pasa de ser un símbolo da defensa dun territorio, a ser un elemento patrimonial cuxa funcionalidade vai depender de moitos factores, nos que interveñen, súa vez, moitos axentes. Esa nova identidade poderá ter diferenes vertentes, converténdose así agora o forte en referente identitario, patrimonial, cultural ou social.
Concello de A Guarda
A Guarda incrementa os efectivos da Policía Local
A Guarda ven de publicar a Oferta de Emprego Pública 2019 na que se inclúen 3 Policías Locais e un oficial de Policía local, 4 novos efectivos que formarán parte dos efectivos fixos deste corpo de seguridade para suplir as baixas e reforzar o cadro de persoal existente.
Do mesmo xeito se teñen solicitado e aprobado na AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) 6 auxiliares de Policía Local que se incorporarán ao longo do ano como reforzo, coincidindo en activo a totalidade dos mesmos durante os meses de xullo e agosto.
Dende primeiros do mes de marzo xa se incorporaron os dous primeiros auxiliares e esta mesma semana se incorporan dous mais, que prestarán servizo nos vindeiros 6 meses.
Na actualidade a Policía Local da Guarda conta cun cadro de persoal de 5 axentes fixos, que se verá incrementado ata 9, cun reforzo de 6 auxiliares.
Concello de A Guarda
A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas abre o ciclo "Conversas na Costa dos Castros"
A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas abre o ciclo coa presentación do seu libro "As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia" o sábado 23 de marzo
A antropóloga Guadalupe Jiménez-Esquinas será a encargada de abrir o ciclo de charlas divulgativas titulado "Conversas na Costa dos Castros", no que presentará o seu libro "As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia". A cita será o próximo sábado 23 de marzo na Casa Cultural de Mougás.
A publicación recolle os resultados do traballo de campo desenvolvido durante 2015 e 2016 en Oia, no marco dunha colaboración entre o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e o proxecto de arqueoloxía en comunidade de Costa dos Castros.
Así, plásmase o sentir dunha mostra da veciñanza, á que se lle pediu a súa opinión sobre que é o máis valioso de Oia, a súa visión persoal sobre o patrimonio, que elementos (tanto tanxibles como intanxibles) lles gustaría que se conservasen e que cousas cren que non se deberían perder.
O obxectivo desta publicación consiste en promover a reflexión sobre o significado do concepto "patrimonio" e, ao mesmo tempo, "poñer cara, corpo e palabra a esas persoas, tanto maiores coma novas e crianzas, que valoran o seu patrimonio, cóidano, mantéñeno, protagonízano, víveno e rememórano", segundo afirma a propia autora no libro.
A autora
Guadalupe Jiménez-Esquinas (Córdoba, 1984) é antropóloga, doutora internacional pola Universidade do País Vasco (2018), mestrado en Estudos de Xénero (2010, CSIC-UIMP ), licenciada en Antropoloxía (UCM, 2009) e diplomada en Enfermería (UCO, 2005). Realizou a súa tese doutoral cunha bolsa Jae-Predoc no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e ten traballado como investigadora en antropoloxía vinculada ao proxecto internacional NEARCH (New Scenarios for a Community-Involved Archaeology, programa Culture da U.E.).
Na actualidade é profesora axudante doutora na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O seu traballo enmárcase nos estudos críticos do patrimonio e céntrase especialmente na análise feminista dos procesos de patrimonialización e transformacións na paisaxe, a poboación, a economía e as artesanías. Xunto ao seu grupo de investigación tamén está a desenvolver estudos sobre a participación social na xestión do patrimonio cultural. En 2017 recibiu o premio da USC á introdución da perspectiva de xénero na investigación. Ten publicado capítulos de libro e artigos en revistas como PH, Anthropology Today, Tourist Studies e Journal of Sustainable Tourism.
A publicación "As outras caras do patrimonio. Reflexións sobre o patrimonio en Oia" está dispoñible para descarga na seguinte ligazón: https://digital.csic.es/handle/10261/169237
Aberta a preinscrición para novos usuarios e usuarias das escolas infantís de Tomiño e Goián
As listas provisionais publicaranse o día 10 de maio, tendo coma prazo de reclamación do 13 ao 21 do mesmo mes
O prazo para novas inscricións e renovacións das dúas escolas infantís de Tomiño (O Seixo e Goián) para o curso 2019-2020 estará aberto até o vindeiro día 5 de abril, publicándose as listas provisionais o día 10 de maio, e tendo coma prazo de reclamación do 13 ao 21 dese mesmo mes.
En ambas escolas existen vacantes. No caso da Escola Galiña Azul do Seixo: 7 vacantes no grupo de 0-1 ano; 5 no grupo de 1-2 anos, e 7 no grupo de 2-3 anos.
A publicación das listaxes definitivas será o 31 de maio e o prazo de matrícula do 3 ao 12 de xuño de 2019. Para máis información, chamar ao 986 622 887 (Escola Infantil de Tomiño) ou 986 620 385 (Escola Infantil de Goián).
Tomiño ten unha decena de persoas que superan os cen anos
Dora Lamela Calvo fixo recentemente os 100 anos rodeada da súa familia e veciñanza
Tomiño é un concello con cifras importantes de poboación moza. Na actualidade ten 13.852 habitantes, dos cales un 51% son homes e un 49% mulleres, sendo o grupo máis amplo o de poboación activa con 7.628 habitantes e tendo tamén un bo número de poboación infantil e adolescente (2398 habitantes).
Aínda así, o concello ten máis dunha decena de persoas centenarias na actualidade e os habitantes de entre 80 e 104 anos superan os 930. Entre eles, está Adoración "Dora" Lamela Calvo, que vén de facer os 100 hai uns días. Ela é un caso excepcional, xa que se atopa no pleno uso das súas facultades físicas e psíquicas, de memoria, etc. Os seus coidadores, María Luisa (filla) e Modesto (xenro) teñen moito que ver con este benestar; tamén o resto da familia (tres fillos, cinco netos e cinco bisnetos). Todos os días, reúnense na casa familiar para disfrutar da matriarca da familia, que coñece perfectamente a cada quen e pregunta diariamente por eles. Entre os seus cinco netos (Isabel, Rosario, Pablo, Samuel e Daniel), a primeira é coma unha filla, xa que a criou e están moi unidas.
Dora está ben e na súa festa de aniversario tivo unha festa moi bonita, na que non faltaron nin sequera as treboadas e as bombas de palenque.
Naceu o 10 de febreiro de 1919 en Tebra (Tomiño) e con 26 casouse con Daniel Martínez. Con el tivo catro fillos (Mª Luisa, Adelina, Nieves e José) e traballou na casa e máis no campo. Eran tempos difíciles no que so gañaba tres perras nunha xornada. Ademais e por esas cousas da vida rural de aqueles anos, converteuse en practicante e puña inxeccións a todos os veciños e veciñas, sen cobrar.
Agora pasa as súas horas en compañía dos seus familiares, mirando a tele e dando algún que outro paseíño corto. A alcaldesa comprometeulla a visitar o novo mercado municipal e a Casa do Concello, durante a súa visita da semana pasada, en compañía da concelleira de Benestar.
A que é unha das dez centenarias de Tomiño é unha muller moderna que acepta as cousas coma veñen, viaxou en avión a Montevideo e a Suíza e se puidera, sairía a bailar, algo que sempre lle gustou.
Entre as persoas que comparten xeración con ela, hai na actualidade 8 mulleres e dous homes, cuxas idades oscilan entre os 99 e os 104, coma é o caso de Sara Rodríguez Salvador, de Santa Mª de Tomiño, que xa cumpriu os 104.
Sandra González preséntase oficialmente como candidata á alcaldía de Tomiño polo BNG este sábado
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, acompañarán á candidata no acto
Este sábado 23 de marzo Sandra González presentará en acto público no Auditorio de Goián (20.30 h) a súa concorrencia como candidata á alcaldía de Tomiño para as vindeiras eleccións locais de maio. Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Miguel Anxo Fernández Lores, actual alcalde de Pontevedra e candidato á alcaldía da cidade, arrouparán á candidata neste acto público.
Este acto supón o arranque da precampaña, e seguiranlle reunións coas veciñas e veciños, asociacións, comunidades e axentes sociais co fin de presentar o proxecto e recoller as inquedanzas e preocupacións da poboación.
O proxecto de futuro para Tomiño que lidera Sandra González vén de acadar nos últimos 10 anos grandes cambios e melloras dos que moitas veciñas e veciños de Tomiño se fan eco. Tamén fóra de Tomiño é ben coñecido o desenvolvemento acadado gracias á xestión do goberno que Sandra González liderou nos últimos anos. Este proxecto de futuro para Tomiño precisa de ser consolidado e na actualidade conta con moitas iniciativas xa en curso, como a Avenida de Tomiño, a peonalización das rúas da contorna do Seixo, a remodelación da praza de Goián e o plan integral de melloras no núcleo de Goián, entre outros moitos.
A ilusión que infunde o que está por vir é a arma coa que Sandra González se enfronta ás eleccións deste ano, nas que espera renovar a confianza de veciños e veciñas de Tomiño para, todos e todas xuntos, seguir traballando por un Tomiño do que sentirse orgullosos e orgullosas.
Numerosas autoridades, presentes na inauguración oficial desta edición
La 16ª Mostra de Cultivos visibiliza a agricultura profesional, moderna e sostible do Baixo Miño
"Temos que romper estereotipos negativos e sacar á luz a profesionalidade do sector, a calidade de produción, o impacto positivo na contorna e os beneficios para a poboación", asegurou a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez
"A agricultura é o camiño que garante o futuro". Así de contundente se amosou a presidenta da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), Patricia Rodríguez, durante a inauguración oficial da 16ª Mostra de Cultivos, unha edición na que se apostou por tomar como eixo central a sostibilidade social, económica e medioambiental. "As nosas empresas son modelos de adaptación natural ao medio, porque somos conscientes de que como en calquera actividade que realiza o ser humano hai que realizar un aproveitamento dos recursos dos que dispomos xerando beneficios para todos e causando o menos impacto posible", recalcou ante o público e autoridades asistentes e resaltou a importancia de romper "estereotipos negativos que chegan aos nosos días" e "sacar á luz a profesionalidade deste sector, a calidade de produción, o impacto positivo que exerce na contorna e os beneficios que achega ás vidas de todos e cada un de nós".
Rodríguez quixo resaltar a importancia de transmitir a realidade so sector, algo "clave para garantir a convivencia, o relevo xeracional nas nosas empresas, para garantir rurais vivos e, sobre todo, para garantir xentes orgullosas do seu rural". "Gracias a todos os valentes que fostes capaces de crer nunha agricultura profesional, moderna, rendible e viva, de crer que era posible crear un tecido empresarial baseado na agricultura sostible e que era posible crealo no Baixo Miño", salientou a presidenta de acuBam. Rodríguez fixo fincapé no papel das asociacións dentro desta realidade, entidades que "non son capaces de resolver a totalidade dos problemas aos que se enfrontan os sectores, pero si son unha ferramenta valiosísima para sumar, para mellorar, para cooperar, para fomentar a colaboración e para que se escoite a voz do sector".
Unha voz que foi escoitada polo numeroso público e as autoridades presentes durante a inauguración, como o Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros; a presidenta da Deputación da Pontevedra, Carmela Silva; o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a alcaldesa de O Rosal, María del Carmen Alonso; o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; ou o presidente de Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, entre outras personalidades.
O agro, unha aposta estratéxica
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asegurou que ano a ano a Mostra "consolidouse como a feira máis importante do sector en Galicia" sumando este ano "un toque transfronteirizo" grazas á Eurocidade Cerveira-Tomiño e a súa "aposta interesantísima polo traballo e o futuro, buscando novas solucións de empregabilidade e formación e, en definitiva, melloras para o sector". Con récord de expositores; accións de responsabilidade social; actividades para público profesional, xeral e para toda a familia... a Mostra de Cultivos amosa unha vez máis "a súa conexión social". A alcaldesa recordou que en Tomiño "o sector agro é unha aposta estratéxica dende hai moito tempo" e ofreceuse á Xunta como "territorio experimental de proba do funcionamento dos bancos de terra, que permitan poñer a terra a disposición da xente que queira traballala" e así traballar polo futuro e pola calidade de vida no rural.
O Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industria Agroalimentaria da Xunta de Galicia, José Balseiros, recoñeceu que a Mostra de Cultivos "identifica claramente que no agro non todo é gandería. Soamente Tomiño xa acolle o 20% dos viveiros de toda Galicia e no Baixo Miño somos líderes en produción de kiwi, rosa, rhododentro...", explicou Balseiros, quen recalcou que "temos motivos, territorio, clima e persoas formadas para seguir crecendo".
Pola súa banda, o delegado da Zona Franca, David Regades, comprometeuse a seguir traballando da man con este sector, convencido de que "a única forma de afianzar poboación no rural é con proxectos e servizos". Unha idea sobre a que tamén falou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen fixo fincapé en que "temos un serio problema de despoboamento e para loitar contra el hai que xerar unha economía competitiva que nos permita situarnos a nivel internacional". Silva tamén quixo resaltar a relación transfronteiriza desta Mostra, que demostra que "as fronteiras teñen que ser espazos para encontrarnos", e o papel da muller no sector na contorna, xa que representan ao 80% das persoas traballadoras: "Elas son o corazón e a sangue que bombea a economía do agro no Baixo Miño".
Motor do desenvolvemento sostible no Baixo Miño
A Mostra acolleu tamén neste segundo día unha xornada para poñer en valor o agro como motor económico do desenvolvemento sostible transfronteirizo, que contou coa presenza de expertos e expertas de Galicia e Portugal para abordar o marco da sostibilidade, a economía agraria e o seu desenvolvemento no contexto transfronteirizo e boas prácticas e impactos sociais, económicos e ambientais do sector no territorio.
Consciente do seu peso na economía da comarca, o sector agro do Baixo Miño leva moitos años esforzándose por converterse en motor de desenvolvemento sostible, tanto a nivel ambiental como económico e social. Por este motivo, as empresas do sector levan tempo implementando sistemas de optimización enerxética e de recursos, empregando novas tecnoloxía ou usando recursos endóxenos e clones autóctonos adaptados ás condicións da comarca, o que permite poñer en valor o produto tanto a nivel agronómico como económico.
Pero esa sustentabilidade medioambiental debe camiñar da man cun futuro económico prometedor e coa capacidade de xerar emprego de calidade e profesionalizado, así como con accións de responsabilidade social, que nestes intres xa se están a levar a cabo a través de colaboracións con entidades como a Asociación San Xerome Emiliani.
Aberto o prazo ata o 31 de decembro para participar na segunda edición
José Souto, gañador da primeira edición dos Premios Xardín Galego
Este galardón, posto en marcha por acuBam e Agaexar, busca recoñecer e difundir actuacións exemplares en xardinería pública e privada realizada por empresas e autónomos galegos
O paixasista José Souto foi o gañador da primeira edición dos premios Xardín Galego, un galardón posto en marcha pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e a Asociación Galega de Empresa de Xardinería (Agaexar) para recoñecer e difundir actuacións exemplares en traballos de xardinería pública e privada realizados por empresas e autónomos de Galicia, dignificando e promocionando o sector da xardinería na comunidade autónoma. "Para min é unha honra gañar este concurso. O meu estilo é o xardín inglés e sen eses produtos que me achega o Baixo Miño non tería a evolución que tivo o meu traballo neste tempo. Para min é un orgullo non só pola parte de deseñador, senón tamén como consumidor de produtos da contorna", salientou.
Sven Dieter, paixasista alemán residente en Galicia dende hai 20 anos, foi o gañador do segundo premio deste certame cunha terraza feita en Lugo para unha empresa que tiña "un espazo que non se utilizaba para nada e que querían converter nunha entidade verde dentro da empresa para uso de traballadores e traballadoras, sostible no tempo e cun mantemento case autónomo".
"Esperamos que esta primeira edición sexa o comezo de moitas máis", asegurou Óscar Vaquero, membro de acuBam, durante a entrega dos premios este sábado 16 na 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño, organizada de forma conxunta por acuBam e o Concello de Tomiño e que estará aberta ao público profesional e xeral ata o domingo 17 no pavillón municipal de Goián. Durante o acto, Víctor Pérez, presidente de Agaexar, presentou a segunda edición dos premios, nos que de novo valoraranse os traballos que dean prioridade ao uso de material vexetal fronte a materiais inertes, nos que teña preferencia o material vexetal producido en Galicia e criterios de sustentabilidade aplicados á obra, así como o deseño, creatividade, orixinalidade ou composición vexetal, combinación de especies, textura e cor.
As persoas interesadas poderán presentar os seus traballos ata o 31 de decembro de 2019, un único traballo por participante, enviando ao correo electrónico info@agaexar.gal a ficha cos datos do candidato, a declaración escrita que garanta a autoría da obra presentada, fotografías xerais e de detalle co antes e o despois da intervención e unha memoria descritiva do proxecto realizado. O gañador ou gañadora darase a coñecer durante a celebración da vindeira edición da Mostra, en 2020.
Tui despide este domingo o Entroido coa celebración do Enterrro do Bacallau
Sairá ás 19.30 h dende a praza de San Fernando e rematará na traseira da Área Panorámica
O Entroido despídese este domingo, 24 de marzo, en Tui coa celebración do Enterro do Bacallau. No mesmo prevese a participación de miles de persoas que partirán ás 19.30 h dende a praza de San Fernando. O percorrido que realizará irá polas rúas Seixas, Porta da Pía, Ordoñez e Paseo da Corredoira até o Cantón de Diomedes onde se darán lectura as coplas, e continuará pola praza da Inmaculada, as rúas Augusto G. Besada, Betanzos, Praza de Galicia, e rúa Lugo até a traseira da Área Panorámica para proceder a incineración do bacallau. Segundo o recollido nas bases do Entroido o bacallau será portado pola comparsa gañadora do concurso-desfile do pasado domingo "El extraño mundo de la magia de Pexegueiro" da Asociación Entroido de Pexegueiro. A escola musical será realizada tamén pola comparsas de Pexegueiro, gañadora en acompañamento musical, mentres que o bacallau será realizado pola asociación "En Loureiro coma sempre" de Salceda que coa carroza de "O Mundo de Shrek" levaron o primeiro premio nesta categoría.
Debido á celebración do Enterro do Bacallau o tramo do Paseo da Corredoira dende a intersección coa rúa Augusto González Besada até os soportais estará pechado ao tráfico dende o sábado pola noite. Amais o aparcamento municipal estará pechada, e por tanto non se poderá estacionar, dende ás 11 h ás 22 h deste domingo.
Feira de San Carnaval
Este domingo coincidindo co Enterro do Bacallau celebrarase de 11 a 20 h na zona dos soportais no Paseo da Corredoira a Feira de San Carnaval con distintos postos e actividades de animación ao longo do día como vos de cetrería, actuación de Tana ( 12.30 h) e dos grupos folclóricos Alfándega da Asociación X. C. San Telmo (12 h ), Refaixos e Polainas da Asociación C. Val de Flores de Baldráns (17 h), e Seixos Albos da Asociación C. Seixos Albos de Areas (18.30 h ) e xogos populares.
A festa do Meixón terá dende este ano un selo distintivo
Celebrarase do 5 ao 29 de abril nos restaurantes, ao igual que o ano pasado
Do 5 ao 29 de abril celebrarase en Tui a Festa do Meixón que dende este ano contará cun selo distintivo, creado pola deseñadora tudense Marta Fontán. No mesmo recóllese de xeito esquemático os elementos patrimoniais e naturais da cidade, así como unha referencia ao río Miño, aos pescadores de Meixón o escudo de Tui e de Valença. O selo ilustrará tanto os carteis, coma as cazolas e os establecementos participantes na festa. Co mesmo búscase dotar dunha imaxe corporativa a este evento, cunha imaxe atemporal que poderá ser empregada en todas as edicións.
A Festa do Meixón celebrarase do 5 ao 29 de abril co mesmo formato da edición do ano pasado, e dicir o meixón servirase cun prezo especial en establecementos hostaleiros, e restaurantes tudenses, que se adhiran a esta festa.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, será o encargado da presentación oficial da festa que terá lugar o 5 de abril en Tui e o 6 de abril en Ourense. Este último será o primeiro dos concellos que acolla a presentación da festa fóra de Tui, nos próximos anos serán outros concellos galegos ou portugueses o escenario desta presentación.
O telón do Teatro Principal será exposto durante as festas de San Telmo
Nas próximas semanas será sometido a unha limpeza e fixación da policromía
O telón do Teatro Principal será exposto no mes de abril durante as festas de San Telmo tras realizar unha limpeza e análise do mesmo.
A pasada semana levouse a cabo o exame organoléptico para avaliar o estado de conservación da cortina de boca do Teatro Principal. Segundo a especialista en conservación, a peza a pesar do seu manifesto deterioro, presentaba a nivel de soporte a suficiente resistencia para ser exhibido.
O telón foi pintado polo artista tudense Benigno Lorenzo con motivo da celebración dos Xogos Florais de Galicia de 1891. Nel represéntase un pórtico aberto cara un xardín e unha paisaxe arborada no horizonte enmarcados por unha espléndida cortinaxe vermella e elementos arquitectónicos. Simbolicamente, aparecen representados unha palmeira coroada por unha lira, en alusión ao renacemento literario de Galicia. A criterio do catedrático de Historia da Arte Jesús Ángel Sánchez García, trátase do mellor exemplo de pintura escenográfica que actualmente se conserva en Galicia. A peza, orixinalmente completábase na parte superior cunha gardamalleta orixinal de 1844 onde aparecía representado o escudo municipal, que perdeuse tralo colapso da teitume do inmoble.
O soporte está realizado en tecido de algodón, conformando un total de seis faixas verticais cosidas entre si. Sobre o mesmo presenta unha capa de preparación vermella composta a base de cola natural con carga terrosa sobre a que finalmente aplicouse a cor.
A peza foi depositada pola Fundación Teatro Principal en dependencias da Área Panorámica en 2006, onde permaneceu embalada ata a semana pasada. Xa naquela altura presentaba notables danos. A nivel estrutural presenta faltas e rasgaduras na parte inferior do soporte e a nivel pictórico perdeu parte da policromía e especialmente o brillo. Este deterioro foi debido a un incorrecto sistema de almacenamento e a unhas condicións de humidade e temperatura absolutamente adversas producidas antes do seu depósito na Área Panorámica.
No próximo mes, será sometido a unha limpeza superficial para a eliminación de residuos e fungos e posteriormente levarase a cabo a fixación da policromía. Unha vez concluídos estes traballos será exposto durante as festas de San Telmo nunha sala que mantén unhas condicións climáticas estables e que presenta a característica de que se atopa a dobre altura. Deste xeito o espectador poderá observar a peza dun modo semellante a como se estivese na platea ou nos palcos do teatro. A exhibición dará a coñecer este elemento singular do patrimonio tudense e de Galicia, oculto durante case 50 anos e ao mesmo tempo permitirá a súa necesaria ventilación e estiramento. Non obstante, nun futuro inmediato será necesaria unha intervención para a súa completa restauración.
Tui será o punto de partida das rutas que farán o Camiño de Santiago por vía fluvial e marítima en kaiak de mar
En abril realizarase unha experiencia piloto e logo realizaranse de forma estable até outubro
Tui será o punto de partida do Camiño de Santiago en kaiak de mar. Do 18 ao 21 de abril realizarase unha experiencia piloto e a continuación as rutas poranse en marcha de forma estable até outubro, sempre que as condicións do tempo o permitan.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, presentou este mediodía esta iniciativa xunto a Alberto Rocha, promotor da mesma, e Antonio Paz, presidente da Asociación Galega de Kaiak de Mar.
O rexedor tudense explicou na presentación que dende o Concello se apoia todas aquelas vías de peregrinación que teñan Tui como punto de partida. Destacou neste caso a realización do Camiño por vía fluvial e marítima indo de Catedral a Catedral.
Alberto Rocha explicou que esta peregrinación en kaiak de mar brindará unha visión totalmente distintas dos lugares por onde pasa, dende o río ou o mar cara terra. Explicou que en abril, do 18 ao 21, farán unha experiencia piloto con etapas un pouco máis longas do que serán logo as rutas que propoñen. Así a partir de aí aqueles que desexen participar nesta iniciativa poderán optar por realizar o Camiño en 5 ou en 10 etapas, completando en todo caso 85 quilómetros en kaiak de mar, e os 25 quilómetros últimos a pé dende Padrón ata Santiago. Cada grupo deberá estar formado por un mínimo de 4 persoas e un máximo de 20, indo sempre acompañado por guías, e podendo optar por un k1 ou un k2.
Antonio Paz, presidente da Asociación Galega de Kaiak de Mar, destacou coma nesta iniciativa se xuntan a parte deportiva coa busca de novos retos.
O alcalde de Tui amosa o seu malestar pola situación que presenta a caseta da vella Ponte Internacional tres anos despois de que fóra estragada nun accidente
No pleno de febreiro aprobouse por unanimidade demandar o arranxo desta instalación
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, amosa o seu malestar pola lamentable situación da antiga oficina da Garda Civil da aduana na vella Ponte Internacional de Tui.
Mañá, 19 de marzo, cúmprense 3 anos dende que un vehículo de matrícula española, sufrira un accidente na madrugada dese día no que quedaba seriamente danada a porta e a estrutura de madeira da oficina que a Garda Civil tiña na vella Ponte Internacional de Tui.
Visto o estado no que quedaba esa instalación deuse traslado á Garda Civil do atestado do accidente, e solicitouse, xa naquel momento, que se tomaran medidas encamiñadas á reparación dos danos producidos polo vehículo. Transcorrido o tempo sen que a caseta fose arranxada, e tras varias solicitudes de xeito verbal insistindo neste asunto, o Concello novamente remitiu unha carta, neste caso á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, en setembro de 2018, solicitándolle que iniciara as xestións precisas para proceder á reparación dos danos. No pleno ordinario do mes de febreiro a corporación municipal de Tui tomou o acordo unánime de solicitar, unha vez máis, ao goberno de España, mediante comunicación a súa Subdelegación en Pontevedra, que proceda ao inmediato arranxo da caseta da Garda Civil na Ponte Internacional antiga.
Dende o Concello quérese resaltar que a lamentable imaxe que transmite esa instalación estragada, non parece o xeito máis acaído de recibir aos visitantes que chegan ao noso país por ese punto. O paso do tempo fixo tamén que unha lona colocada polo anterior goberno comece a estar deteriorada, co que o lamentable aspecto desta antiga instalación da Garda Civil queda remarcado.
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, considera inaceptable que tres anos despois non se fixera absolutamente nada para solucionar esta situación, e insta ás autoridades responsables da mesma a arranxar esta vella instalación policial do xeito máis rápido posible.
A maxia de Pexegueiro lévase o primeiro premio absoluto e o primeiro en acompañamento musical no Entroido de Tui
O Mundo de Shrek de Salceda gañou o primeiro premio en carrozas
"El extraño mundo de la magia de Pexegueiro" da Asociación Entroido de Pexegueiro foi a gañadora no Desfile-Concurso de Entroido celebrado esta tarde en Tui. Cunha alegoría do mundo máxico de fadas, duendes e outros seres que loitan por unha pócima amorosa fixéronse co primeiro premio do Entroido. Tamén foron os gañadores o primeiro premio en acompañamento musical e do segundo en carrozas.
Miles de persoas ateigaron esta tarde as rúas de Tui para presenciar o Desfile-Concurso de Entroido.
O segundo premio do Entroido tudense foi para a recreación da película Shrek "O Mundo de Shrek" realizada pola Asociación En Loureiro Como Sempre de Salceda. O terceiro premio recaeu en "O circo de Tui" da Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei cunha parodia entre a política local e o circo. O cuarto posto foi para "Máis que unha feira" da Asociación cultural e recreativa "Arume" de Malvas cunha parodia da chegada a Tui cos cachivaches e as eleccións municipais. O quinto lugar foi para "Borralliño-Soutelo" de Salceda con súa proposta baseada na cultura oriental, o sexto premio correspondeu a "Luces" de Tomiño cunha comparsa inspirada no musical do Rei León, e o sétimo correspondeu a "Trazos Festival" de Redondela.
A carroza do Mundo Mundo de Shrek gañou o primeiro premio en carrozas, seguida de "El extraño mundo de la magia de Pexegueiro", que foi segunda, e da carroza de Luces de Tomiño que foi terceira seguida. O cuarto posto correspondeu ao Borralliño de Soutelo, de Salceda, quinta en carrozas foi Trazos Festival de Redondela, e sexta Máis que unha Feira de Malvas.
En acompañamento musical con música en directo os premios foron para "El extraño mundo de la magia de Pexegueiro", "O circo de Tui" e "Máis que unha feira". Por último en Fantasía o premio foi para a comparsas "Vinciocas" da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios, Gondomar, pola súa recreación da película Gnomeo e Xulieta.
O Entroido despedirase en Tui o próximo domingo, 24 de marzo, ás 19.30 h co Enterro do Bacallau que sairá dende a Praza de San Fernando.
Gañadores Absolutos:
1º EL EXTRAÑO MUNDO DE LA MAGIA DE PEXEGUEIRO
2º O MUNDO DE SHREK
3º O CIRCO DE TUI
4º MÁIS QUE UNHA FEIRA
5º COMPARSA O BORRALLIÑO-SOUTELO
6º COMPARSA LUCES DE TOMIÑO
7º TRAZOS FESTIVAL
Gañadores Carrozas
1º O MUNDO DE SHREK
2º EL EXTRAÑO MUNDO DE LA MAGIA DE PEXEGUEIRO
3º COMPARSA LUCES DE TOMIÑO
4º COMPARSA O BORRALLIÑO-SOUTELO
5º TRAZOS FESTIVAL
6º MÁIS QUE UNHA FEIRA
Gañadores Acompañamento Musical
1º EL EXTRAÑO MUNDO DE LA MAGIA DE PEXEGUEIRO
2º O CIRCO DE TUI
3º MÁIS QUE UNHA FEIRA
Gañadores Fantasía
1º VINCIOCAS
|