|
Horário do Ferry (de 26 de Fevereiro a 3 Março)
O libro "Galaicos, un pobo entre dous mundos" presentouse o passado xoves na Guarda
O pasado xoves día 28 de febreiro a Casa dos Alonsos foi o escenario escollido para a realización da Presentación do libro "Galaicos - Un pobo entre dous mundos", un libro onde se pode gozar dunha viaxe polo rico patrimonio cultural ligado á historia das Rías Baixas e de Galicia.
O acto contou coas intervencións de Montserrat Magallanes, Deputada Provincial; Quique Alvarellos, editor; Rafael Rodríguez, Comisario da Exposición; Xavier Crespo, Concelleiro de Patrimonio; Xurxo Ayán, arqueólogo e colaborador no libro e Antonio Lomba, Alcalde da Guarda.
Ao remate desta presentación proxectouse o vídeo deste proxecto, durante o percorrido móstrase, a través dunha selección dos obxectos arqueolóxicos máis representativos, a evolución que se produce durante un longo período de 2.000 anos, desde a prehistoria ata a antigüidade tardía. O eixo atlántico do noroeste peninsular, onde se sitúan As Rías Baixas, é un territorio de gran actividade comercial onde converxen tradicións culturais e unha das zonas de España cunha maior densidade de xacementos arqueolóxicos.
O libro
Tamén estivo á venda o libro "Galaicos, Un pobo entre dous mundos", que conta con 180 páxinas a un prezo con desconto de 22€, unha impactante guía arqueolóxica e visual da provincia de Pontevedra na que se mostran 2.000 anos da historia de Galicia, desde a Idade de Bronce ata o primeiro cristianismo, a través de 20 emblemáticos xacementos situados na provincia de Pontevedra. Este libro estará tamén á venda próximamente en librerías da Guarda.
Neste libro tamén se fala sobre o xacemento de Santa Trega, que controla a desembocadura do río Miño, trátase dun poboado galaico-romano ocupado desde o século IV a. C. ata o século I d. C. O seu sistema construtivo reflicte a tradición castrexa, na que predominan as construcións circulares cunha arquitectura defensiva e doméstica. A área ocupada por esta cidade alcanza as 20 hectáreas, o que o converte nun dos maiores castros atopados en terras galegas, aínda que soamente se escavou ata o momento un 5 % da súa superficie total. Unha área do poboado caracterízase polas casas-patio, formadas por distintas estancias agrupadas ao redor dun patio. As familias deste barrio manexaban un enxoval doméstico marcado pola presenza masiva de cultura material romana. As cabanas aséntanse directamente sobre a roca nai, os seus muros están recubertos de cal e area e no seu interior algunhas posúen bancos encastados. Entre os anos 2015 e 2016 realizáronse importantes achados, como unha cabeza pétrea, ánforas e lucernas romanas, pezas de Terra Sigillata, fragmentos de labras decoradas, o cunco millefiori (único no norte de Península), un puñal lexionario, o remate dun torque de ouro e máis de 42.500 pezas. Santa Trega é, sen dúbida, un dos legados patrimoniais máis importantes das Rías Baixas e de Galicia.
PAISAXES de ilusión que non esquecerás…
A desembocadura do principal río galego, o río Miño, fai de fronteira co veciño Portugal. Desde o nacemento deste río ata a súa desembocadura as mareas e a horizontalidade do terreo permiten a existencia de praderías ás beiras da canle navegable e de illotes. Unha contorna natural única salpicada por observatorios ornitolóxicos, miradoiros naturais e rutas de sendeirismo; a propia desembocadura posúe unha beleza monumental pola grandiosidade do seu espazo, que se pode divisar desde o alto do impoñente monte Santa Trega, onde se atopa o xacemento do mesmo nome.
Concello de A Guarda
Caldo, empanada e Lacón con grelos para recibir o Entroido na Guarda
O Concello da Guarda da a benvida ao Entroido 2019 cunha oferta gastronómica especial a través do "Menú de Entroido" no que ao longo de 4 días, do sábado 2 ao martes 5 de marzo, un total de 6 establecementos de hostalaría da Guarda disporán para os seus clientes un menú que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido.
O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería - Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.
Ademais A Guarda contará neste Entroido cunha ampla programación de actividades para todas as idades nas que se inclúen o tradicional desfile infantil do venres e o desfile-concurso do martes de entroido, oferta gastronómica especial en establecementos de hostalaría da vila, así coma actuacións musicais, que nesta edición correrán a cargo de "Monk Blues Band", "DJ Guille", "Orquestra D´Moda" e "CÉ Orquestra Pantasma".
Dende a Concellería de Cultura convídase novamente a toda a cidadanía a participar nesta variada e animada programación para gozar do Entroido Guardés que terá inicio o venres 1 de marzo co Desfile dos Coles a partires das 12:00h dende a Alameda da Guarda ata a Esquina do Galo, baixo a organización dos Colexios da Guarda.
A programación continúa o sábado 2 de marzo co "Sábado de Guateque" a partires das 23:30h na Alameda da Guarda, onde os asistentes poderán gozar da música co concerto de "Monk Blues Band" e posterior pinchada retro a cargo de "DJ Guille".
Para a xornada do Domingo día 3 de marzo está programado o "Domingo das Familias", cando a Alameda da Guarda acollerá unha actuación musical da Orquestra "D´Moda" a partires das 18:00h.
O Luns día 4 de marzo os nenos e nenas da vila terán unha actividade moi especial coa "CÉ Orquestra Pantasma", con obradoiros e festa infantil da man de Matrácala a partires das 18:00h na Alameda da Guarda.
Xa para rematar a programación do Entroido Guardés 2019, o Martes día 5 de marzo ás 17:30h celebraráse o Desfile-Concurso de Entroido co acompañamento de "Aviadores Tolos e da Charanga "Vaia Panda", saída dende a Esquina Famosa e chegada á Alameda da Guarda.
PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2019
VENRES 1 DE MARZO, ás 12:00
DESFILE DOS COLES
Dende a Alameda da Guarda ata Esquina do Galo
Organizan: Colexios da Guarda
SÁBADO 2 DE MARZO,
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto de "Monk Blues Band"
E despois: pinchada retro con "DJ Guille"
Alameda da Guarda a partir das 23:30
DOMINGO 3 DE MARZO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Actuación da Orquesta D'moda
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.
LUNS 4 DE MARZO,
LUNS DOS NENOS
Actuación de "CÉ Orquesta Pantasma", obradoiros e festa infantil da dan de Matrácala
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.
MARTES 5 DE MARZO, ás 17:30h.
MARTES DO DESFILE
Desfile-concurso de Entroido co acompañamento de "Aviadores Tolos" e a charanga "Vaia Panda"
Ínformate en www.aguarda.es e participa en algunha das categorías. Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda
Concello de A Guarda
A Guarda solicita un camión motobomba de intervención urbana
Esta semana o Concelleiro delegado de Emerxencias do Concello da Guarda, D. Miguel A. Español Otero, remitiu unha misiva ao Director Xeral de Emerxencias para trasladarlle a demanda existente dun camión motobomba de intervención urbana.
Dende fai moitos anos, primeiro a través dos grupos GLPA, despois da A.VV.P.C. e GMIR, posteriormente GRUMIR e dende o ano 2013 co GES, o Concello da Guarda participou e participa activamente, tanto na extinción de incendios forestais da comarca, e incluso fora dela, como en todo tipo de emerxencias urbanas, tráfico, industriais, etc.
Esta participación incrementouse extraordinariamente a partir do ano 2013, data na que entrou en funcionamento o GES con sede na Guarda e cun ámbito de actuación de catro concellos: A Guarda, O Rosal, Tomiño e Oia.
Para a prestación do servizo, o Concello da Guarda conta, entre outro material e equipos, con un vehículo todo terreo e unha pic-kup cedidos en propiedade pola Dirección Xeral de Emerxencias e cun camión motobomba de intervención urbana, que ten unha capacidade de 1500 litros. Este último foi adquirido polo concello da Guarda no ano 2002 e debido aos anos e horas de traballo, atópase en moi mal estado e non cumpre cos requisitos mínimos de seguridade para o desempeño das funcións que ten encomendadas, polo que en calquera momento non se poderá atender aos operativos para os que é requirido.
O servizo que presta o GES ten sentido cun camión de intervención urbana e incluso se debería contar cunha motobomba para incendios forestais, pero sen o primeiro, a cobertura real de emerxencias sería nula e, sen a segunda, cando menos deficiente.
O esforzo realizado dende o Concello da Guarda ao longo destes anos, independentemente da axuda da Dirección Xeral, a cal agradecemos, para dotar aos membros do GES dos equipos imprescindibles para o desenrolo da súa actividade, ten sido ata o día de hoxe considerable, sen embargo, como é comprensible, o concello non ten capacidade financeira para a adquisición dun novo camión de intervención urbana, nin tampouco sería xusto que o Concello da Guarda mercase un novo vehículo motobomba para dar servizo a tres concellos máis.
É por isto que dende o Concello da Guarda se reitera a solicitude feita en anteriores ocasións dun camión motobomba de intervención urbana para un correcto funcionamento do GES da Guarda.
Concello de A Guarda
A ANPA do Colexio Solanas da Guarda solicita a Educación unha reforma dos baños do centro
A pasada semana a ANPA "Os Muíños" do Colexio Solanas da Guarda remitiu a través do rexistro de entrada do Concello da Guarda máis de 800 sinaturas de pais e nais de alumnos e alumnas deste centro educativo da Guarda solicitando unha reforma dos baños.
Dende a ANPA e dende o Concello da Guarda entenden que é unha obra moi necesaria e así o trasladaron, remitindo esta información dende o Concello á Xefatura Territorial de Educación de Pontevedra e mesmo á Conselleira, reclamando a urxencia de emprender estas accións para o benestar dos usuarios e usuarias deste centro educativo.
A Concelleira de Educación, Elena Baz, manifestou a necesidade de manter unha xuntanza de carácter urxente co Xefe Territorial de Educación en Pontevedra, solicitude realizada sen éxito en reiteradas ocasións, para poder coordinar as demandas existentes no municipio en canto ao estado dos Centros educativos.
Concello de A Guarda
A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o luns 4 e martes 5 de marzo
A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o vindeiro luns 4 e martes 5 de marzo.
Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o luns 4 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas e o martes 5 en horario de 16:30 ás 21:00
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
Concello de A Guarda
A Ecopista entre Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho abriu o calendario de Andainas 2019
O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos realízanse en Galicia e Portugal.
As andainas iniciáronse o pasado sábado día 23 de febreiro cun percorrido pola Ecopista ao carón do Río Miño entre Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho, onde un grupo numeroso de veciños da Guarda e Caminha aproveitaros e gozaron dunha espléndida xornada cunhas excelentes temperaturas para coñecer este paseo á beira do Río Miño por terras portuguesas. A andaina iniciouse no Parque do Castelinho e finalizou na fortaleza de Valença.
A próxima cita será unha ruta polo Sendeiro do Tea o sábado 9 de marzo, a ruta de Peneda a Sistelo o sábado 6 de abril, a ruta da Pedra e da Auga e do Río San Martiño o martes 1 de Maio e rematarán coa ruta do Sendeiro do Miradoiro de Matacás o sábado 1 de xuño.
Calendario 2019 de Andainas
ANDAINA 2.- SÁBADO, 9 DE MARZO: SENDEIRO DO TEA (PONTEAREAS- MONDARIZ BALNEARIO)
Distancia: 13 km
Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 16.00 h
Prezo: 10 €
Descrición: Iniciaremos o percorrido en Ponteareas, nas proximidades da praia do Freixo e seguiremos a senda sinalizada do río Tea que transcorre pola marxe dereita do río ata Mondariz. Ademais da típica vexetación de ribeira, poderemos contemplar fermosas praias fluviais, muíños e maxestosos cruceiros antes de rematar no afamado balneario de Mondariz. O concello máis pequeno de Galicia ben merece dedicarlle unha visita e algún paseo antes de volver no autobús para a casa.
ANDAINA 3.- SÁBADO, 6 DE ABRIL: RUTA DA PENEDA A SISTELO (PORTUGAL)
Distancia: 20 km
Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 18.00 h.
Prezo: 10 €
Ruta guiada por Ignacio
Descrición: A ruta comeza no santuario da Nossa Senhora da Peneda, un dos máis afamados do Norte de Portugal. Desde alí ascendemos ata a zona dun lago glaciar e superada esta primeira dificultade a ruta diríxese en lixeiro descenso cara Sistelo, o pequeno Tibet, que xa visitamos noutras ocasión. A paisaxe da serra da peneda coas súas brandas (Pardelhas, Furado Aveleira), da Bouça dos Homens, as aldeas de Padrao e Porta Cova, acompáñanos na viaxe ata divisar os típicos socalcos característicos de Sistelo, o Pequeño Tibet encravado no corazón de Portugal.
ANDAINA 4.- MARTES, 1 DE MAIO: PR-G171 RUTA DA PEDRA E DA AUGA E DO RÍO SAN MARTIÑO (MEIS)
Distancia: 20 km
Saída: 8.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 19.00 h.
Prezo:
Descrición: Comeza e remata a ruta no mosteiro cisterciense de Armenteira. A andaina está composta en realidade de dúas rutas. A da Pedra e da Auga con numerosos muíños restaurados que salpicados polas beiras do río Armenteira. Nos arredores de Barrantes iniciamos a ruta polo río San Martiño que nos permitirá contemplar interesantes igrexas románicas (San Martiño e San Salvador de Meis) e espléndidas paisaxes da ría de Arousa.
ANDAINA 5.- SÁBADO, 1 DE XUÑO: SENDEIRO DO MIRADOIRO DE MATACÁS (CASTRO CALDELAS - OURENSE)
Distancia: 16,5 km
Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 20.00 h.
Prezo:
Descrición: É a andaina de maior esixencia física das realizadas neste ano polo desnivel acumulado de subida de 1.141 m. Trátase dunha ruta homologada no 2018 (PR-G 237) na Ribeira Sacra ourensá, no concello de Castro Caldelas. No percorrido poderemos contemplar viñedos, soutos e sobreiras centenarias así como a espectacular panorámica sobre o Canón do Sil desde as Penas de Matacás.
Concello de A Guarda
Apertura do Skate Park Atalaia este sábado na Guarda
No mes de agosto de 2018 iniciáronse no Porto da Guarda as obras de ampliación da zona deportiva existente e a preparación dos terreos para albergar a nova pista de skate e zona deportiva e de ocio infantil.
Esta actuación, financiada en parte polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, ven a cubrir as necesidades dun colectivo en auxe ao longo dos pasados anos e que precisa dunhas instalacións axeitadas para a práctica deportiva, sendo o skate unha modalidade deportiva de referencia na Guarda, atraendo dinamismo a este espazo urbano.
O proxecto incluíu a ampliación do espazo existente en 12 metros para desprazar a pista multiusos existente e albergar o novo skatepark, que conta cun "bowl" e diferentes equipamentos fundamentais para a práctica deste deporte, nunha superficie total de 46m x 18,20m.
Este sábado día 2 de marzo celebrarase a apertura oficial desta nova infraestrutura deportiva, cunha programación de actividades que terán comezo ás 10:00h da mañá e que prolongaranse ata as 17:00h da tarde. O evento, organizado pola Asociación Galifornia Beat! e que conta coa colaboración do Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra, contará con amenización musical en directo, zona de xantar e diferentes competicións deportivas. Participarán no evento importantes riders a nivel nacional e internacional.
Programa:
10:00h - Pista libre
12:30h - Concertos
14:00h - Xantar
15:00h - Patinada libre premiada
17:00h - Entrega de premios
Concello de A Guarda
A Guarda conmemorou o Día de Rosalía 2019 cun Concerto de Evoéh
O 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da literatura galega, e é por iso que o 24 de febreiro foi o día escollido para rememorar a súa obra e figura en toda Galicia. Dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda, cada ano se preparan variadas actividades nas que se busca a implicación de diferentes colectivos, moi especialmente o alumnado dos diferentes centros. Este ano 2019 contouse coa participación das asociacións, hostaleiros e público en xeral con diversas actividades.
As actividades, que se iniciaron o pasado venres cunha obra de teatro de monicreques sobre "A Viaxe de Rosalía", na que participaron os Colexios da vila e que se celebrou no Centro Cultural, continúan ata o día 28 coa iniciativa "Rosalía nas Redes".
Concerto-recital de Evoéh
Na xornada do pasado sábado día 23 de febreiro o Centro Cultural da Guarda foi o escenario do concerto-recital do grupo Evoéh, sexteto musical que amosou unha coidada versión musical dos poemas de Cantares Galegos de Rosalía de Castro, baixo o concepto de "Árbore da vida", un proxecto de investigación, recopilación, reelaboración e creación baseado na obra "Cantares gallegos" de Rosalía e nos traballos musicolóxicos galegos que datan dese momento. Evoéh leva a obra de Rosalía a unha nova dimensión musical, sumerxindo ao público na atmosfera emocional de Rosalía, unha ocasión inmellorable na que o numeroso público asistente coñeceu un pouco máis a súa figura e comprendela mellor, ademais o acto estivo acompañado emotivos recitais a cargo de veciños e veciñas da Guarda.
Caldo de Gloria para degustar
Ao longo da pasada fin de semana un total de 11 restaurantes, taperías, cafeterías e bares participaron na iniciativa "CALDO DE GLORIA" que promoveu a Fundación Rosalía de Castro entre todos os hostaleiros do país. A proposta consistíu en ofertar dentro dos menús habituais, a carta ou como tapa, o "Caldo de Gloria", receta que aparece dentro do poema "Miña casiña, meu lar" no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. A iniciativa gastronómica tivo gran repercusión e foron moitos os que aproveitaron para degustalo.
Os establecementos participantes nesta iniciativa foron La Casilla, Casa Aquilino, La Pizzicata, Tapería Arruaz, As Pozas, ¿Y la Luna?, Marbella, Enxebre, Alborada, Camping Santa Tecla y Brétema.
Continúa aberta a participación cidadá en "Rosalía nas Redes"
A Concellería de Cultura amplía o convite a participar na iniciativa "Rosalía nas Redes" entre ata o vindeiro 28 de febreiro. Só tes que facer unha gravación musicando ou recitando un poema, ou versión musicada de Rosalía de Castro da túa elección e compartilo no facebook e no twiter baixo o hashtag #Rosalíate #Aguarda etiquetando a @culturaguarda.
Concello de A Guarda
Escola Superior de Conservación e Restauración, comunidade de montes de Pedornes e Costa dos Castros estudan unha nova actuación en Auga dos Cebros
Profesorado da Escola visitou o lugar para explorar as posibilidades de elaboración dunha réplica do singular gravado, que representa unha embarcación prehistórica
Costa dos Castros editou un caderno divulgativo sobre os petróglifos do río Vilar
A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, a Comunidade de Montes Veciñais e en Man Común de Pedornes e a Asociación Costa dos Castros manteñen contactos con vistas a desenvolver unha nova actuación en Auga dos Cebros, neste caso para poder elaborar unha réplica deste singular petróglifo do concello de Oia.
O obxectivo deste traballo conxunto é o de poder levar a cabo unha limpeza do afloramento no que se atopa o gravado para a posterior elaboración dunha réplica deste petróglifo situado en monte comunal de Pedornes, nas proximidades do regato Vilar. Ademais das tarefas de carácter técnico, a actuación terá un importante enfoque divulgativo e participativo.
Neste contexto, unha delegación da Escola -composta polos profesores José Antonio Quinteiro, Ángela López, Fernando Carrera e Álvaro Arizaga- acompañada por membros da Asociación Costa dos Castros e da comunidade de montes de Pedornes vén de facer unha visita á contorna do regato Vilar para observar os gravados prehistóricos e explorar as posibilidades de actuación.
A finalidade última de contar cunha réplica fiel de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular.
Caderno divulgativo
O petróglifo de Auga dos Cebros ten sido obxecto de diversas actuacións nos últimos anos, con iniciativas como os labores de limpeza vexetal con control arqueolóxico realizados en 2017 na contorna do río Vilar, nunha zona coñecida como O Viveiro. Esta actuación, promovida pola comunidade de montes de Pedornes, foi posible grazas aos fondos obtidos nunha campaña de crowdfunding lanzada por Costa dos Castros.
Por outra parte, a finais de 2018 Costa dos Castros editou un caderno divulgativo sobre os petróglifos da contorna do río Vilar que inclúe información sobre Auga dos Cebros. A publicación contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra (axudas para dinamización da lingua dentro do Ano da Lingua).
Os cadernos están a disposición das persoas interesadas na Oficina de Turismo de Oia e poden recollerse de mércores a domingo en horario de 10.00 a 17.30 horas.
O singular petróglifo de Auga dos Cebros
O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais e de Man Común de Pedornes, no lugar de O Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea.
Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6.
A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.
O entroido chega o luns a Oia cunha festa infantil chea de actividades
A programación do Concello inclúe xogos tradicionais e de mesa, música, animación, maquillaxe, desfile de disfraces e unha merendola
O entroido chega a Oia o próximo luns 4 de marzo cunha festa infantil que encherá a tarde de variadas actividades de lecer destinadas á rapazada do municipio.
A programación organizada polo Concello de Oia incluirá música, animación infantil, xogos tradicionais e de mesa, maquillaxe e un desfile de disfraces.
A festa celebrarase entre as 17.00 e as 19.00 horas no Centro Cultural de Pedornes e terá como colofón unha merendola para todos os nenos e nenas que asistan.
O Concello de Oia abre a inscrición para o curso de coidados psicosociais básicos na enfermidade do alzhéimer
O Concello de Oia vén de abrir o prazo de inscrición para un curso gratuíto de coidados psicosociais básicos na enfermidade de alzhéimer. A actividade desenvolverase nos meses de marzo e abril e será impartida por Cruz Vermella do Baixo Miño.
O Concello inclúe esta formación dentro da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
A actividade conta cun total de 20 horas de formación teórico-práctica. Impartirase os días 23 e 30 de marzo e 6 e 13 de abril no Centro Cultural de Pedornes, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Este curso pretende achegar os coñecementos básicos sobre os coidados na enfermidade de alzhéimer a nivel social e sanitario, así como dar a coñecer as formas de comunicación que favorecen as relacións coa persoa enferma e a familia. Na actividade formativa tamén se informará sobre as redes sociais de apoio existentes.
As persoas interesadas poden inscribirse no rexistro do Concello de Oia, ou a través da sede electrónica, ata o próximo 21 de marzo (máis información no teléfono 986362125). As prazas son limitadas.
O alumnado do CRA de Tomiño homenaxea ás mulleres cunha instalación artística
A montaxe poderá verse no primeiro andar do mercado municipal, entre os días 7 e 21 de marzo
O equipo da Biblioteca do CRA (Colexio Rural Agrupado) Mestre Manuel Garcés de Tomiño, prepara co fin de conmemorar o Día da Muller, o vindeiro 8 de marzo, unha instalación artística, que poderá verse no primeiro andar do mercado municipal, entre os días 7 e 21 de marzo.
"Queremos facer unha homenaxe a todas as mulleres do noso alumnado", explican dende a biblioteca do centro.
Trátase dunha montaxe baseada na obra "Over the continents" da artista Chiaru Shiotta.
Cada neno ou nena achegará un zapato dunha muller da súa familia e unha fotografía da dona do calzado, desempeñando a súa profesión ou oficio. "Todas son válidas, dende a da ama de casa até a da panadeira, costureira ou farmacéutica", sinala Antón de Valenzuela, director do CRA. Segundo el, o que perseguen dende a institución é " poñer en valor o papel da muller, tomando coma referencia as mulleres máis importantes da vida dos nosos estudantes, e tecer así, unha rede de mulleres valorosas da nosa contorna".
Nais e pais de Cerveira e Tomiño planifican xuntos actividades lúdico-educativas para os meses de xullo e outubro
As actividades son as incluídas nos proxectos gañadores do OPT (Orzamento Participativo Transfronteirizo) 2019
As asociacións de nais e pais de Vila Nova de Cerveira e Tomiño (ANPAs) comezaron a planificar a pasada semana, as actividades dos proxectos gañadores no Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2019.
Trátase de dous proxectos impulsados conxuntamente polas asociacións de pais e nais dos dous concellos, que durante o proceso de votación obtiveron máis do 50% dos votos e serán desenvolvidos ao longo deste ano, cadanseu cun orzamento de 10.000 euros.
Un dos proxectos pretende a conciliación laboral para as familias, a través de actividades lúdico-educativas nunhas vacacións activas e creativas, a desenvolver no mes de xullo.
O outro proxecto gañador persigue educar en valores, a través de actividades artísticas e medioambientais, entre as que están previstas visitas a unha granxa-escola e experimentación con materiais de refugallo. Esta actividade está prevista para o mes de outubro.
Os organizadores tentarán implicar nestas actividades compartidas, até 400 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos tomiñeses e cerveirenses.
Tomiño celebra o Dia da Muller con obradoiros de igualdade de xénero en todos os centros de educación infantil
Baixo o lema " Sementes de Igualdade" os talleres desenvolveranse os meses de marzo e abril
Para conmemorar o día da Muller (8 de marzo), a Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño organiza unha serie de obradoiros de Igualdade de xénero dirixidos ao alumnado de Educación Infantil.
Baixo o lema " Sementes de Igualdade" os obradoiros desenvolveranse entre os meses de marzo e abril, pasando por todos os centros escolares do municipio.
Trátase dunha inmersión participativa e dinámica nos conceptos e prácticas necesarias, de xeito que as/os participantes sexan as propias nenas e nenos, construíndo historias, compartindo experiencias, manipulando coas mans, xogando, etc.
O principal obxectivo destes obradoiros é iniciar no desenvolvemento de actitudes de equidade e igualdade nos máis pequenos e a promoción da libre elección de condutas, xogos e produtos, independentemente do xénero.
Cada módulo constará de 2 sesións de 50 minutos, impartíndose ao alumnado de 4º,5º e 6º de Infantil de CEIP Barrantes, CEIP Sobrada, CEIP Plurilingüe de Tebra, CEIP Pintor Antonio Fernández e nas aulas do CRA Mestre Manuel Garcés.
Nunha primeira sesión traballarase con conta-contos e posterior debate con actividades lúdicas. Na segunda sesión levarase a cabo cunha dinámica de robótica pedagóxica, na que as nenas e os nenos poderán manipular e desprazar o robot, a través de paneis ilustrados con imaxes da temática adaptadas a súa idade.
Outras actividades
A estes obradoiros, súmanse outras actividades no eido educativo, coma unha charla para alumnado do IES por parte da psicóloga vasca Ianire Esébanez (21 de marzo), talleres con profesorado dos distintos centros sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, co fin de facilitar ferramentas para a detección e abordaxe de situacións de control e dominación.
Asemade, levase a cabo un novo mural dentro do proxecto "Anónimas. Retrato de musas cotiás", da artista Gemma Marqués e a exposición baseada nese proxecto no Mercado Municipal, máis presentación dun libro-catálogo.
O día 10 de marzo de 2019, representarase no Auditorio de Goián (18.00h) a obra "Trinta e tantos ósos", da compañía Aporía Escénica.
A Concellería de Cultura, Benestar e Igualdade de Tomiño, continúa en esta programación aplicando o principio de igualdade coma un principio transversal e apostando pola educación.
"A comunidade educativa é un dos contextos socializadores por excelencia. Ao seu amparo, alén de adquirir coñecementos, desenvolvémonos como persoas e como parte dun colectivo; os centros educativos son un poderoso escenario no que traballar", explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño e responsable de Educación.
Tomiño forma 15 auxiliares socio-sanitarios para ampliar o Servizo de Axuda no Fogar
. O Concello organizou en colaboración coa empresa Idades S.L. un curso teórico- práctico de auxiliar socio-sanitario, comprometéndose esta última a contratar polo menos, o 40% dos participantes
. Na acción formativa, de 140h de duración, participaron tanto a persoas desempregadas, como a traballadoras en activo e familiares de dependentes
A 25 de Fevereiro recolleron o diploma os alumnos e alumnas do curso gratuíto de auxiliar socio-sanitaria/o, organizado co fin de mellorar o Servizo de Axuda no Fogar.
A alcaldesa, Sandra González, acompañada pola concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, fixo entrega dos diplomas, tras ter o alumnado rematado o curso. Trátase dunha acción formativa, de balde e cun compromiso de contratación de polo menos o 40% dos participantes, denominado "O servizo de axuda no fogar e a excelencia profesional", e organizado en colaboración coa empresa "Idades S.L.", especializada na prestación de servizos de atención socio-sanitaria.
Das 140 horas totais de formación, 100 adicáronse a prácticas, acompañando a un traballador/a con experiencia. As clases teórico-prácticas estiveron a cargo dunha traballadora social e docente experta en atención socio-sanitaria.
Tomiño tiña até o de agora máis de 30 auxiliares de axuda no fogar, aos que se suman os novos, para atender, entre todos, a máis dun centenar de persoas maiores, dependentes ou enfermas, distribuídas por todo o termo municipal.
Ademais, ante a previsión de que a Xunta de Galicia aumente 900 horas máis para usuarios/as con dependencia, co que a demanda de man de obra, será moito maior, o Concello de Tomiño promoveu a realización deste curso.
Douscentos participantes nas actividades deportivas transfronteirizas
As opcións do programa "Deporte para todas as persoas" son piscina en familia, actividades para maiores de 55 anos e práctica de diversas modalidades en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira
Duascentas persoas participan no programa transfronteirizo "Deporte para todas as persoas", promovido pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, con actividades deportivas gratuítas que se levan a cabo en espazos dos dous concellos, até final de ano.
As opcións incluídas neste programa son piscina en familia, actividades para maiores de 55 anos e práctica de diversas modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira. Dentro de esta última opción, estas semanas puxéronse en marcha novos grupos nas parroquias tomiñesas de Tebra e Sobrada.
As actividades deportivas estarán en marcha ata o mes de novembro, con parada estival en agosto. Prévese que o programa acolla tamén unha andaina e un evento polideportivo.
A artista Gemma Marqués presentou o proxecto "Anónimas" no Mercado Municipal de Tomiño
A acción pretende visibilizar e por en valor o papel das mulleres "correntes" que traballan de forma anónima por un mundo máis igualitario
Dentro da Axenda de Primavera do Concello de Tomiño, a artista guardesa Gemma Marqués presentou en Tomiño o seu libro "Anónimas" que da nome a unha exposición que acolle até o día 11 de marzo, o Mercado Municipal.
A presentación contou coa presenza da concelleira de Cultura, Cristina Martínez, e decenas de persoas no público. Gemma Marqués, acompañada por Lola Costas (responsable do texto) expuxeron unhas imaxes explicando "Anónimas, retratos de musas cotiás": o seu "proxecto feminista, de visibilización das mulleres normais, as de todos os días". Comentaron o nacemento da idea, materializada nos murais e no libro. "Esta é a segunda edición do libro e estamos moi contentas coa acollida", apuntou a artista, que está a pintar nestes días, para celebrar o Dia da Muller 2019 un terceiro mural en Tomiño, "tamén colorista e optimista de cara ao futuro das mulleres no rural".
"Anónimas é un proxecto que pretende poñer en valor o labor e esforzo diario familiar, laboral das mulleres e reivindicar a todas as nais, avoas, fillas, traballadoras con ou sen nómina, e loitadoras que viven no máis absoluto anonimato"; a súa labor, o seu esforzo diario coa familia e no traballo, non é recoñecido pola sociedade", explicou Marqués.
Nos retratos de mulleres a artista enfatiza na mirada, "a potencia feminina reflíctese na maneira de ollar".
O libro reúne unha serie de acuarelas orixinais inspiradas en mulleres "normais e correntes" da serie Anónimas. É unha especie de catálogo artístico, editado en idioma galego e castelán, con texto de Lola Costas.
A artista guardesa pintou xa en Tomiño dous murais alusivos ao tema coincidindo co día da muller; un primeiro, no muro exterior do Campo de Fútbol de Goián, e un segundo, nunha rúa do centro urbano do Seixo.
Tui conmemora o Día Internacional da Muller con diversas actividades
Obradoiros nos institutos, reparto de bolsas conmemorativas e unha concentración entre os actos previstos
Tui prepara varias actividades para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, organizadas dende a concellería de Servizos Sociais.
Por unha banda 250 alumnos e alumnas dos institutos San Paio e Indalecio Pérez Tizón están a participar nos obradoiros "Nin bombeiros, nin enfermeiras" sobre esta data que imparte a técnica do Servizo de Prevención do propio concello e que se estende ao longo da varias semanas.
Por outra parte de xeito simbólico a Área Panorámica iluminarase de lila na noite do xoves 7 ao venres 8 de marzo, ao tempo que se colocarán pancartas conmemorativas na fachada deste edificio e tamén da casa do concello.
Amais para visibilizar esta data o comercio local repartirá o propio venres 8 dúas mil bolsas conmemorativas. Os comercios que desexen participar deberán recoller as bolsas o mércores 6 e o xoves 7 no departamento de Servizos Sociais na casa do concello, onde lles serán entregados tamén un globos lila, cos que poderán decorar os seus escaparates, sinalando así a colaboración na campaña.
Por último o venres 8 ás 12.30 h na praza do Concello está convocada unha concentración, e será lido un manifesto conmemorativo deste Día Internacional da Muller a cargo da directora do CRA Mestra Clara Torres, Teresa Domínguez.
Preto de 850 persoas pertencentes a 10 comparsas desfilarán o próximo Martes de Entroido en Tui
Desfile-concurso comezará ás 17.30 h realizando un percorrido polas rúas novas
Preto de 850 persoas e 13 carrozas pertencentes a 10 comparsas de Tui, Tomiño, Salceda, Gondomar, e Redondela participarán o próximo martes, 5 de marzo, no Desfile-Concurso de Entroido en Tui. Comezará ás 17.30 h para realizar un percorrido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O martes 5 é festivo local en Tui.
As encargada de abrir o desfile serán as comparsas de fantasía "Vinciocas" da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios e "LDanzia Paradise" da Asociación LDanzia, ambas de Gondomar. A continuación será a quenda de "O Borralliño" do Borraliño de Soutelo e "O Mundo de Shrek" da Asociación En Loureiro coma sempre da Picoña, ambas de Salceda. Proseguirá "Do Aloia até Marte" dos Scouts Alhoia, "Luces de Tomiño" da comparsas Luces de Tomiño, e "Trazos Festival" da Asociación Recreativa Cultural Trazos de Redondela.
Por último pecharán as tres comparsas que irán con acompañamento musical con música en directo, sendo as tres de Tui. Serán "Máis que unha feira" de Arume de Malvas, "O circo de Tui" de Lembranzas da Terra de Guillarei, e "El extraño mundo de la magia" do Entroido de Pexegueiro.
Repartiranse 5.600€ en premio, 400€ en trofeos, e 3.500€ en asignacións fixas por participación. Nos premios este ano introduciuse coma novidade a "concorrencia" na puntuación do Premio Xeral, na que se terá en conta o número de participantes, que se sumará a actualidade do tema elixido, o vestiario, a parodia, o acompañamento musical e a existencia ou non de carroza. Nesta categoría xeral haberá sete premios con trofeo e unha dotación económica que oscilará entre os 700€ e os 100€. Tamén se outorgarán seis premios en carrozas que oscilarán entre os 400€ e os 150€, catro en acompañamento musical dotados con entre 300€ e 150€, e un único premio en fantasía cun importe de 250€. En total repartiranse 5.600 € en premios, aos que se deberá sumar os 400€ nos que están valorados os trofeos, e os 11 mil € reservados como fixos por participación.
Mentres o xurado delibera e tras a entrega de premios actuará a orquestra Finisterre.
En caso de choiva o desfile aprazarase para o domingo 17 de marzo.
Restricións no tráfico
Debido á celebración do desfile concurso de Entroido haberá unha serie de restricións no tráfico. Así o martes 5 de 14 h a 21 h estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. Amais o tramo da rúa Ourense entre a rúa Lugo e a rúa Compostela estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar dende ás 10 h do martes 5 ata ás 2 h do mércores 6.
Enterro do Bacallau
O domingo, 10 de maio, celebrarase o Enterro do Bacallau como da despedida do Entroido de 2019. No mesmo participarán as dez comparsas que o martes entran a concurso, estando amais aberto a todos aqueles que desexen sumarse.
O Enterro sairá ás 19.30 h dende a Praza de San Fernando, percorrendo a rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, e Corredoira, onde fará unha parada para ler as coplas. Continuará logo polo mesmo percorrido que en anos anteriores pola praza da Inmaculada, Augusto González Besada, rúa Lugo e remate na traseira da Área Panorámica onde será queimado o bacallau. As persoas que desexen ler as coplas, deberán cumprir os requisitos recollidos nas bases, que establecen que se deberán entregar por rexistro de entrada o mércores 6 de marzo de 9 a 14 h e se lerán coa cara descuberta cun tempo máximo de 5 minutos.
|