|
Horário do Ferry (de 19 a 24 de Fevereiro)
Inauguración da nova Casa do Concello da Guarda
A Guarda inaugurou este venres día 22 de febreiro de 2019 a nova Casa do Concello na "Casa dos Alonsos", lugar no que se atopan as dependencias municipais dende finais de 2018.
O acto de inauguración, celebrouse na Praza do Reló, contando coa asistencia da Subdelegada do Goberno, Maica Larriba García; da Directora Xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias Núñez; da Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego; do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e da corporación local. No evento tamén estiveron presentes, entre outras personalidades, alcaldes e alcaldesas da Comarca do Baixo Miño, así coma unha representación de ex-alcaldes, ex-concelleiros, empregados municipais, representantes de partidos políticos, asociacións e institucións públicas e privadas ligadas á vida municipal da Guarda.
Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, quixo expresar que "hoxe é un día dos grandes para o noso querido pobo da Guarda", destacando na súa intervención que "hai 182 anos edificábase o edificio do antigo concello, tendo hoxe estas novas dependencias, unha sede municipal moderna, concibida para facilitar o labor dos traballadores e para dar uns servizos de calidade á cidadanía acordes cos tempos que vivimos".
Durante o transcurso do acto descubriuse unha placa conmemorativa, realizouse o corte simbólico da cinta na porta de acceso ao edificio e proxectáronse varios vídeos sobre turismo, historia e vida institucional da Guarda. Tamén houbo unha pequena exposición sobre fondos artísticos e publicacións municipais. Do mesmo xeito editouse tamén un folleto que resume a longa historia da "Casa dos Alonsos"
A Casa do Concello tivo ao longo da súa historia varios propietarios, pasando a ser propiedade municipal dende o ano 2001. Comezando as obras de rehabilitación no ano 2009 e rematando as mesmas o pasado verán de 2018. O edifico orixinal era unha "Casa Indiana" de arquitectura señorial urbana cunha elegante fachada de pedra nobre que foi conservada e restaurada.
Este novo edificio permite que, a partir de agora, a veciñanza da Guarda teña unha moderna sede municipal e dea uns servizos de calidade acorde cos tempos que vivimos
Concello de A Guarda
A Guarda renova a cesión do local da Asociación Érguete Baixo Miño
O día 21 de febreiro de 2019, o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o Presidente da asociación Érguete Baixo Miño, Victoriano Rodríguez, realizarão a firma do Convenio para a renovación da cesión do local que emprega este colectivo na "Casa do Pescador", cedido á súa vez pola Tesorería General de la Seguridad Social ao Concello da Guarda para o seu uso para fins de interese social.
Deste xeito a Asociación Érguete Baixo Miño pode continuar empregando este espazo por 4 anos máis, prorrogables, para as súas labores sociais en beneficio dos veciños e veciñas da Guarda e arredores.
Concello de A Guarda
Mellora da iluminación da Rúa Pontevedra na Guarda
O Concello da Guarda ven de mellorar a eficiencia enerxética da Rúa Pontevedra do casco urbano coa instalación de 3 novos puntos de iluminación de tecnoloxía led co que se prevé un aforro enerxético aproximado dun 70%.
Nesta mellora, elimináronse os 6 puntos de luz existentes nesa rúa e instaláronse 3 novos puntos de luz que dan unha cobertura completa á totalidade desta rúa cunha iluminación moito máis eficiente que suporá un aforro, non só na factura de electricidade, senón tamén no consumo e unha mellora substancial na calidade da iluminación deste espazo.
Concello de A Guarda
Citas para a renovación do DNI na Guarda no segundo trimestre de 2019
O vindeiro luns día 4 de marzo de 2019 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondentes ao segundo trimestre de 2019.
A apertura do prazo para a solicitude de novas citas nos meses abril, maio e xuño, ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o luns día 4 de marzo de xeito presencial de 8:30h a 14:00h na Casa dos Alonsos e a partires do 5 de marzo de xeito telefónico no 986 61 0000 nas extensións 1 e 2.
Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.
Concello de A Guarda
Actividades con motivo Día Internacional da Muller 2019 na Guarda
A Guarda conmemora o Día Internacional da Muller 2019 con diversas actividades nas que se inclúen a Exposición "Rompe. Xoga en igualdade", a proxección dun documental sobre Fútbol Feminino e unha concentración reivindicativa.
Exposición "Rompe. Xoga en Igualdade"
A programación de actividades arrancan xa o xoves día 7 de marzo ás 12:00h na Casa dos Alonsos coa inauguración da Exposición "Rompe. Xoga en Igualdade", unha rompedora mostra da Deputación de Pontevedra coas "Barbies intervidas" coma protagonistas.
Esta exposición estará no vestíbulo da Casa dos Alonsos desde o mércores 7 de marzo ata o vindeiro 31 de marzo e poderá visitarse en horario de 8:00h a 15:00h. As bonecas como arquetipo da "muller obxecto" que amosan situacións de desigualdade, violencia e discriminación. Unha exposición itinerante creada por Isabel Blanco e Irene Silva e con fotografías de Noemí Chantada. Está protagonizada polas famosas bonecas "Barbie", que foron intervidas para denunciar de forma impactante e rompedora a desigualdade entre homes e mulleres. Trátase dunha mostra vangardista e rompedora para golpear as conciencias e para facer pensar e reflexionar, cuxo obxectivo é non deixar a ninguén indiferente. Pretende "romper" e reivindicar a igualdade entre mulleres e homes, así como concienciar á sociedade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e do fin da discriminación e da violencia contra o 52 % da poboación. Para lograr estes obxectivos hai que "romper" e traballar arreo para evitar a invisibilidade das mulleres.
"Rompe. Xoga en igualdade" consta de 18 paneis cheos de poesía visual que teñen por obxectivo cambiar o mundo e golpear as conciencias. Así, as protagonistas dos paneis amosan as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que viven as mulleres desde nenas, recalcando a importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación de nenas e nenos. A boneca seleccionada para a mostra foi a "Barbie" por tratarse da máis famosa da historia e coa que, a diario, xogan milleiros de nenas no mundo, pero que, ao mesmo tempo, presenta a unha muller obxecto que transmite valores sexistas que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos.
Concentración Reivindicativa 8M
A segunda actividade para conmemorar o Día Internacional da Muller 2019 terá lugar na xornada do venres 8 de marzo ás 12:30h na Praza do Reló, onde se realizará unha Concentración reivindicativa en prol da igualdade real entre mulleres e homes, coincidindo co propio Día Internacional das Mulleres.
Deste xeito convídase ás asociacións, centros educativos, comerciantes, veciñas e veciños da Guarda e a todas aquelas persoas que desexen participar neste acto que contará coa intervención de membros do Goberno Local, que lerán un manifesto feminista. Todas aquelas persoas que desexen participar poderán facelo coa lectura dos seus escritos e/ou calquera outra forma de expresión.
Presentación Documental fútbol feminino
Xa para rematar as conmemoracións do Día Internacional da Muller 2019 o xoves día 14 de marzo ás 20:30h o Centro Cultural da Guarda será o escenario da Proxección do documental "A Liga do Condado e o Baixo Miño, a recuperación do fútbol feminino galego. A paixón dunhas mulleres convertida en realidade."
Que oss soños non teñen barreiras é un feito constatable. O que aconteceu nos anos noventa no sur de Galiza, por máis de ser un feito singular e exemplar, mostra como a procura dun soño pode volverse real. A finais dos anos oitenta, cando o fútbol feminino galego estaba na elite, desapareceu absurdamente nun momento seminal para o seu desenvolvemento no estado, xusto cando se constituía a primeira edición da Liga. Naquel ermo aparecido subitamente, que provocou a fuxida das nosas futbolistas cara ao fútbol sala, e tras pasar uns anos, unhas mulleres do Condado e do Baixo Miño, ás que se lles foron xuntando outras de distintos lugares da provincia de Pontevedra e do norte de Portugal, encheron aquel espazo creando un torneo único, aberto a todas as que seguiron defendendo con razón e paixón que o fútbol feminino non podía morrer así.
O documental, mediante un recorrido polos espazos máis importantes arredor dos que se desenvolveu aquela idea e polo relato dos seus protagonistas, xogadoras, técnicos e dirixentes, narra o que foi aquel feito, do que non se coñece outro semellante no contexto do fútbol feminino español, e cunha organización extraordinaria, que durou oito anos, convertido durante algúns deles nunha competición regular e amigable de carácter internacional.
O obxectivo, ademais de revelar un feito histórico no deporte galego, pretende colocar no lugar que merecen a todas aquelas mulleres e homes que loitaron para que o noso fútbol feminino renacera sen imaxinar, naquela altura, que estaban facendo historia.
Actividade organizada pola Concellería de Deporte, a Concellería de Igualdade e co-finaciada pola Deputación de Pontevedra.
Concello de A Guarda
A Confraría de Pescadores de A Guarda acollerá un Curso de Turismo Mariñeiro
O GALP Ría de Vigo - A Guarda organiza un curso sobre turismo mariñeiro cunha duración total de 10 horas repartidas ao longo de 3 xornadas, especialmente adicado a persoas vencelladas ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e que terá lugar na Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda.
O Curso terá inicio o vindeiro 26 de febreiro en horario de 16:00h a 20:00h e entre o programa formativo se inclúen accións e módulos sobre as características e beneficiso do Turismo mariñeiro, captación de público, amosar o porto e a lonxa como profesional do mar, cultura mariñeira, deseño dun itinerario das instalacións portuarias, recepción de turistas, entre outros.
A actividade ten un cupo mínimo de 10 persoas e máximo de 25 persoas, todas as persoas interesadas en participar deben enviar un correo a galpvigoaguarda@yahoo.es indicando o nome completo, DNI e entidade á que pertence.
Concello de A Guarda
Actividades para conmemorar o Día de Rosalía 2019 na Guarda
O 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, a escritora máis representativa da literatura galega, e é por iso que o 24 de febreiro é o día escollido para rememorar a súa obra e figura en toda Galicia. Dende a Concellería de Cultura do Concello da Guarda, cada ano se preparan variadas actividades nas que se busca a implicación de diferentes colectivos, moi especialmente o alumnado dos diferentes centros. Para este ano 2019 contarase coa participación das asociacións, hostaleiros e público en xeral con diversas actividades.
As actividades arrancan xa este venres pola mañá no Centro Cultural cunha obra de teatro de monicreques sobre "A Viaxe de Rosalía", na que participan os Colexios da vila.
Concerto-recital
Na xornada do sábado 23 de febreiro ás 20:30h. o Centro Cultural acolle o concerto-recital do grupo Evoéh, sexteto musical que amosará unha coidada versión musical dos poemas de Cantares Galegos de Rosalía de Castro, a entrada será de balde ata completar o aforo. O Concerto de Evoéh, baixo o concepto de "Árbore da vida" é un proxecto de investigación, recopilación, reelaboración e creación baseado na obra "Cantares gallegos" de Rosalía e nos traballos musicolóxicos galegos que datan dese momento. Evoéh leva a obra de Rosalía a unha nova dimensión musical, sumerxindo ao público na atmosfera emocional de Rosalía. Sen dúbida, unha ocasión inmellorable para achegarse a súa figura e comprendela mellor, ademais acompañado de recitais a cargo de veciños e veciñas da Guarda.
Caldo de Gloria
Un total de 11 restaurantes, taperías, cafeterías e bares participan do 22 ó 24 de febreiro na iniciativa "CALDO DE GLORIA" que promove a Fundación Rosalía de Castro entre todos os hostaleiros do país. A proposta consiste en ofertar dentro dos menús habituais, a carta ou como tapa, o "Caldo de Gloria", receta que aparece dentro do poema "Miña casiña, meu lar" no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
Os establecementos participantes nesta iniciativa son La Casilla, Casa Aquilino, La Pizzicata, Tapería Arruaz, As Pozas, ¿Y la Luna?, Marbella, Enxebre, Alborada, Camping Santa Tecla y Brétema.
Aberta a participación cidadá en "Rosalía nas Redes"
A Concellería de Cultura convída a participar na iniciativa "Rosalía nas Redes" entre o 21 e o 28 de febreiro. Só tes que facer unha gravación musicando ou recitando un poema, ou versión musicada de Rosalía de Castro da túa elección e compartilo no facebook e no twiter baixo o hashtag #Rosalíate #Aguarda etiquetando a @culturaguarda.
Concello de A Guarda
15 alumnos e alumnas participan no novo curso para a formación de camareiros-as en bares e restaurantes na Guarda
Por segundo ano a Concellería de Turismo do Concello da Guarda ofrece un novo curso gratuíto para a formación de camareiros/as de bares e restaurantes, no que participan dende o pasado 16 de febreiro un total de 15 alumnos e alumnas nas instalacións de Informática San Benito.
O obxectivo principal é formar a novos camareiros, algo esencial de cara á profesionalización dun sector tan importante para A Guarda como é o turismo e a Hostalería, ofertando á veciños e visitantes un servizo de calidade e profesional.
A programación está deseñada para que as persoas participantes adquiran as nocións básicas na adecuación do local, reposición do material, servizo de alimentos e bebidas en mesa e barra, e atención ao cliente no servizo de restaurante e bar.
O curso terá unha duración total de 80 horas. das cales, 40 horas estarán destinadas á formación teórica e práctica como a montaxe de mesas e ambientación da sala, identificación e limpeza dos utensilios e menaxe, preparación de alimentos e bebidas seguindo as normas de manipulación e hixiene alimentaria, incluíndo tamén formación en alérxenos e manipulación de alimentos. Polo que ao finalizar, o alumnado tamén recibirá el diploma de manipulador/a de alimentos. Ademais esta formación completarase coas indicacións en alérxenos. Esta formación realizase os sábados pola mañá de 9.00 a 14.00h. e realizarase unha formación "insitu" nas instalacións do Hotel El Molino.
Esta formación completarase con outras 40 horas de formación práctica non laboral en bares e restaurantes da Guarda, axustadas segundo o perfil e necesidades de cada alumno.
O pasado sábado o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes, visitaron aos alumnos e alumnas na segunda xornada deste curso, no que aproveitaron para dar ánimos e convidar a complementar a súa formación con este tipo de cursos, de cara a poder ofertar un servizo de calidade nos diferentes bares e restaurantes do municipio.
Concello de A Guarda
A Guarda acolleu o primeiro concerto do ciclo de Música Coral
O vpasado sábado día 16 de febreiro arrancou no Centro Cultural da Guarda o Ciclo de Música Coral, contando nesta ocasión coa participación do Coro Diapasón de Ferrol, o Coro Arpegios da Guarda e o Coro Cantábile da Guarda.
O Salón de Actos do Centro Cultural foi o lugar elexido para acoller este concerto, cunha moi boa afluencia de persoas que quixeron aproveitar esta tarde de sábado para gozar coa música coral, cun repertorio moi variado no que se mesturaron as cancións galegas con cancións moi afamadas e coñecidas por todos de artistas e bandas coma Os Beatles ou tamén temas clásicos.
O Coro Cantábile é un grupo de canto coral de persoas de diferentes idades, nace no ano 1986 como Coro da Catequesis para máis tarde pasar a chamarse Coro Arpegios, primeiro infantil e despois xuvenil de voces mixtas. Durante a súa traxectoria percorreron varios lugares de España, País Vasco, Barcelona, Madrid,… Portugal e Francia, alcadando un gran nivel grazas ao esforzo e adicación polo que teñen acadado premios en concursos de Galicia e outras cidades de España e dous traballos discográficos "Canto A Guarda" e "XX años cantando", baixo a dirección de Don José Luis Lorenzo Rodríguez.
Case o 100% do seu repertorio foi composto ou arranxado por Don José Luis Lorenzo Rodríguez destacando obras inéditas premiadas nos años 1995, 1997 e 2002 no "Festival de Villancicos de Caixanova de Vigo".
No ano 2007 asume a dirección Dona Lucía Alonso Castro, realizando unha labor de continuación ata o 2016, ano no que toma a batuta Avelino Ferreira López.
Do coro inicial formáronse as dúas agrupacións actuais, Arpegios como coro infantil e Cantábile, que seguen promovendo a cultura musical e o canto coral baixo a dirección de Avelino Ferreira López.
O Coro Diapasón nace en Ferrol no ano 2010 a partires dun obradoiro de música coral contemporánea, debutando no ano 2011 e facendo concertos dende ese ano ao longo da xeografía galega e tamén no resto de España baixo a dirección de Juan M. Brage Rabina.
O Ciclo de Música Coral continúa no mes de marzo, cun segundo concerto que terá lugar o sábado 30 de marzo.
Concerto do Coro do Conservatorio
Tamén na xornada deste sábado os alumnos e alumnas que forman o novo coro do conservatorio de música de A Guarda formado por 40 compoñentes desprazáronse ata Vigo, onde participaron nun concerto na Parroquia de Nuestra Señora de la Soledad baixo a dirección de Bruno Díaz González. Este concerto forma parte dunha das actividades programadas polo conservatorio para completar a formación dos alumnos.
Concello de A Guarda
A Guarda recoñece os méritos dos seus deportistas na XII Gala do Deporte
O pasado venres día 15 de febreiro o Centro Cultural da Guarda foi o escenario para a celebración da gran festa do deporte guardés coa XII edición da Gala do Deporte, evento que estivo presentado polo xornalista Terio Carrera.
Neste evento recoñecéronse os diferentes logros e méritos deportivos acadados durante o pasado ano polos deportistas, os clubs e as entidades deportivas da Guarda, poñendo así en valor o traballo, esforzo e compromiso das numerosas persoas que forman parte do ámbito deportivo local.
A gala contou coa judoca do Clube Deportivo Baixo Miño, Tecla Cadilla, quen foi a madriña deste evento deportivo, ao que asistiron as asociacións, clubs e deportistas individuais da Guarda.
Nesta XII edición destacouse á Peña O Inferno da Sangriña, recoñecemento coma mellor afición polo seu apoio ao Club de Balonmán Atlético Guardés.
Ao remeiro Damián Alonso Alonso, quen acadou o pasado ano dous ouros e un bronce no Campionato do mundo de remo ergómetro.
En hockey liña, recoñecéronse os méritos deportivos a Claudia Rial Alonso e Ana González Martínez , Campioas Galegas co equipo CHL Meigas de Lugo (cedidas polo Clube de hockey Liña da Guarda), así coma a Miguel Fernández Lomba como parte do corpo técnico da Selección Galega no Campionato de España de Seleccións Autonómicas.
Para os deportistas do Club San Xerome, premiouse a María Fernanda García Orduna, Jaime Álvarez Pereira polos seus Ouros no Campionato Galego e Campionato de España de Remo Ergómetro e tamén ao equipo formado por Borja Cadilla Lomba, Luis Antonio Sández García e Javier Portela Vieira, polo seu Bronce no Campionato de España de Campo a través. Mención especial para Luis Antonio Sández polo ouro conseguido en Burgos en 800 ml no Campionato de España.
Para o Clube de Remo Robaleira premio a Iago Martínez González, Ouro no Campionato Galego de banco móbil e Prata no Campionato de España de Remoergómetro.
Para o Clube de Judo Baixo Miño, dentro do Campionato galego de diversas categorías, en féminas a Jessy Vicente Paz en Junior, a Noa González Da Costa Evangelista en Infantil e a Verónica Pérez Pacheco e Alba González Machado en Cadete. En masculino a Brais Pereira Amorín e Carlos Reboredo Diego en Junior e na Categoría Absoluta Femenina a Tecla Cadilla Acevedo.
O Premio a dedicación ao deporte, a súa aportación ao judo e promoción do deporte base foi para Mónica Pacheco Lomba.
No Clube Atletismo Trega foron premiados Álex Sierpes Pereira, polo seu Campionato Galego Campo a través, 2000 ml Campionato galego ao aire libre, 1000 ml Campionato galego pista cuberta, Mellor marca galega alevín sub 12 (1000 pista cuberta e 2000 aire libre) e tamén o seu irmán Christian Sierpes Pereira, Campionato galego de marcha de inverno 2000m, 2000 m marcha Campionato galego ao aire libre e a Milu Rodríguez Baz,Campioa galega w40 nos 5000 ml Campionato galego de marcha de inverno e a Ariana González Verde, Campioa Galega 10000ml pista ao aire libre e Campioa Galega de Trail en categoría absoluta.
Para os deportistas do Club Codesal, premiouse aos irmáns nadadores, Rosalía Soler Lomba, mellor marca galega 50m mariposa, Campionato galego de inverno absoluto, 1ª en 50 e 100 m espalda e Iago Soler Lomba, Campión galego alevín de verán en 100m espalda e mariposa.
Mención á Unión Guardesa por acadar o Campionato de Liga de fútbol 7 feminino.
A Itahisa Trigo Lomba, Subcampioa Cadete feminino coa Selección Galega de balonmán, a José Carlos Ferreira González polo Campionato galego master 1500m, a Damián Martínez Baz, finisher do seu primeiro IRONMAN - Lanzarote 2018, a Elsa Pena Vicente, Campioa España triatlón e acuatlón individual e catro ouros por equipos, ao ciclista Aser Estévez Cividanes, Campionato galego de contrarreloj e a Sergio Rodríguez Teixeira Campión galego absoluto en 200 m pista cuberta.
Para Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, "investir no deporte é investir no futuro", e engadiu ademais que "Somos afortunados de contar con tantas persoas que co seu bo facer e co seu esforzo son capaces de conseguir que traballando para o deporte base, os nosos nenos e nenas descubran as súas calidades e atopen o ambiente e os medios adecuados para o seu desenvolvemento como persoas e como deportistas".
Antonio Lomba fixo especial fincapé en que no ano pasado realizouse un esforzo municipal moi importante no eido deportivo, cun investimento total que superou os 400.000 euros, destacando as partidas de 87.400 euros en axudas directas a clubs, asociacións e deportistas, o novo céspede do campo da Sangriña cun custo de 150.000 euros ou a pista de Skate cun custo de 63.000 euros.
Concello de A Guarda
Tomiño e Goián prepáranse para celebrar os seus Entroidos máis tradicionais
O día 1 terá lugar o desfile "Venres de Foiada" no Seixo, e dende o 2 ao 6, a parroquia goianesa sacará os seus disfraces á rúa
O desfile de Entroido "Venres de Foliada 2019" encherá as rúas de Tomiño na noite do 1 de marzo, a partir das 21.30h no núcleo do Seixo.
Unha trintena de comparsas serán as protagonistas deste especial desfile, un dos máis multitudinarios da comarca.
Máis de 1.500 persoas chegadas dende distintos puntos da provincia, percorrerán as céntricas rúas tomiñesas, marcándose, coma vén sendo habitual, a saída no colexio Pedro Caselles.
Entre as comparsas que formarán parte do gran desfile, hai varias de Tomiño, entre elas, Estrelas da Noite, Revolución Show, Luces de Tomiño, Ciklón e Asociación Veciños O Árbol.
En caso de choiva aprazase para o seguinte venres.
Pola súa banda, a parroquia de Goián, celebra entre o 2 e o 6 de marzo o seu Entroido. A tradición impregna esta festa, que aínda conserva un profundo sabor popular.
A Asociación de Entroido de Goián, en colaboración co Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Goián, comeza a traballar tras o verán, coma cada ano, para poder ter todo a punto. O Entroido de Goián converteuse nos últimos anos nun evento de bastante afluencia de público, logrando conxugar novas ideas con elementos tradicionais; secreto do éxito desta singular celebración.
O de Goián é un entroido especial moi coñecido na zona pero non multitudinario, polo que a festa conserva un xenuíno carácter popular. Non se sabe certamente cando comezou a celebrarse, pero hai publicacións de xornais da zona que dan fe da súa existencia a principios do século XX. Nos anos da Guerra Civil e Postguerra desapareceu, aínda que din que algúns veciños seguían disfrazándose ás agachadas. A principios dos anos cincuenta empezou a celebrarse de novo, co nome de "Festas de Primavera". Outra nota característica desta celebración é que a mesma non depende so da comisión organizadora, senón que é practicamente todo o pobo o que participa colaborando nas distintas tarefas que é mester realizar, aparte das carrozas e disfraces.
Juan Sousa Oliveira, "Carolo" é o presidente da asociación organizadora, aínda que leva máis de 20 anos na directiva. Xunto a Pepa, Javier e Serafín, levan a maior parte do peso da organización. Lembran con moito cariño a José Piñeiro e a Jaime, o anterior presidente. O primeiro facía ás veces de xefe de cociña e animaba moito ao persoal. "Gustáballe cantar, contar chistes...e estaba metido en todo, era a alma da cociña", lembra Pepa Fernández, do Bar Avenida, membro da directiva dende hai moitos anos, precedida polo seu pai, Laureano, o zapateiro.
Ás máis de 20 comparsas que participan no desfile do martes, pode unirse calquera outra, de calquera pobo ou cidade que o desexe. "Non é certo que so poidan participar comparsas de Goián", aclara o presidente.
Unha vintena de persoas axudan na cociña para realizar a sopa e o cocido, baixo a capitanía de Lucía e Alfredo, e Rosendo e Jandi, encargados de colar a auga para que non vaian achas desprendidas dos ósos. Estes cociñeiros encabezan ademais o desfiles do martes, cos seus traxes lavados e repasados.
Para recadar fondos axúdanse cunha laconada que organizan cada ano, achegas xenerosas da xente do pobo e venta de rifas; o premio tamén é moi orixinal: un porco, ou ben, o seu equivalente en metálico (300 euros).
"A pedida", casa por casa. O sábado, 2 de marzo, arranca a festa cunha das tradicións con máis arraigo na zona. A partir das 9.30 horas veciños e veciñas acompañarán ás bandas de gaiteiros percorrendo as rúas para facer "a pedida". Esta práctica permite recadar fondos para celebrar a festa, pero co paso dos anos, o que comezou so coma unha parte previa e necesaria á celebración, converteuse nunha peza con entidade propia na que cada veciño convida con algo á comitiva, ademais de colaborar con carne de porco, chourizas, touciño, patacas e o que faga falla para o gran cocido, facendo acopio dos ingredientes que irán a parar a enorme perolas.
Domingo de carretillas. O domingo é un dos días grandes, xunto ao Martes de Entroido. Co fin de animar unha xornada que antano quedábase un pouquiño parada, a comisión pensou nesta divertida competición/xogo.
Sobre o mediodía, celébrase o desfile de disfraces dos nenos e nenas, e pola tarde a Carreira de Carretillas, que este ano cumpre a súa novena edición. Tras as probas, cómense os exquisitos "torresmos".
A Sopa de Entroido, gratis, para todos os presentes e desfile de comparsas. Goián vive con ilusión o día máis importante do Entroido, o martes co tradicional desfile de carrozas e comparsas que cada ano reúne centos de persoas. O máis característico da xornada é o costume de repartir entre todos os presentes a sopa do cocido, de balde. Unha boa forma de quentar o corpo e retomar forzas para continuar coa verbena a partir das 21.00 horas. Os tres primeiros cualificados reciben premio (un xamón e 30 euros). Para conceder os premios non hai un xulgado, senón que son os propios fregueses os que votan libremente nunhas urnas colocadas ao efecto.
O adeus á Taíña. Co Miño sempre de protagonista, o tradicional enterro da sardiña que se produce noutros municipios cambia en Goián para despedir á Taíña, unha especie de pez característico das augas doces. O mércores, día 6 de marzo, uns pasarrúas acompañará ao enterro para despedir un ano máis o Entroido, tamén con fogos artificiais.
Durante todos estes días, hai animación musical con treboadas da zona e grandes verbenas.
Programa
Sábado 2 de marzo:
" Ás 9.30h, as treboadas "O Trebón dos Xidos" e " Muimenta de Sobrada" percorrerán as rúas da parroquia para facer "a pedida' e recoller algunhas das cousas que se empregarán ao longo dos cinco días de celebración.
Domingo 3 de marzo:
" Ás 12.00h, desfile de disfraces dous nenos e nenas da parroquia.
" Ás 17.00h, a 9ª Carreira de Carretillas, amenizada pola charanga "Vaya Panda", con premios á mellor tuneada e aos mellores disfraces.
" Ás 22.00h, verbena cos grupos América e Lasser.
" Á 01.00h, premios aos mellores disfraces.
Luns 4 de marzo:
" Ás 17.00h, baile infantil de disfraces. Centro Goianés.
" Ás 22.00h, Gran Verbena con Charleston Big Band e Nuves.
Martes 5 de marzo:
" Ás 17.00, tradicional desfile de carrozas e comparsas pola Avenida Ordóñez.
" Ao final do desfile sopa entre todos os asistentes, tanto participantes como público. Amenizado pola treboada "O Trebón dos Xidos".
" Ás 21.00 horas, verbena amenizada pola orquestra "Ritmo".
Mércores 6 de marzo:
" Ás 19.00h Tradicional Enterro dá Taíña, con pasarrúas e fogos artificiais. O torreiro de festas estará cuberto por unha gran carpa.
Por outra banda, a Asociación Xuvenil Taíña organiza a 16ª edición do xa tradicional Festival Taíña, que terá lugar o sábado 2 de marzo pola noite, na praza de Goián. "Flow do Toxo (rural rap/trap); "Tecor Societario" (punk/folk) e "O puto coro do exército froilanista" (monarko/punk) son os grupos convidados este ano. "Sapoconcho sem poncho" (balkan/cumbia/tropical bass) serán os resi da after party. A Asociación Xuvenil Taíña conta coa colaboración da Comisión de Entroido e Comunidade de Montes de Goián e Concello de Tomiño.
A artista Gemma Marqués presenta esta tarde o seu libro "Anónimas" no Mercado Municipal de Tomiño
O volume forma parte dun proxecto que pretende visibilizar e por en valor o papel das mulleres "correntes" que traballan de forma anónima por un mundo máis igualitario
Dentro da Axenda de Primavera do Concello de Tomiño, a artista guardesa Gemma Marqués presenta esta tarde en Tomiño o seu libro "Anónimas" que da nome a unha exposición que acolle dende hoxe e até o día 11 de marzo, o Mercado Municipal.
O libro reúne unha serie de acuarelas orixinais inspiradas en mulleres "normais e correntes" da serie Anónimas, retratos de musas cotiás". É unha especie de catálogo artístico, editado en idioma galego e castelán, cun texto de Lola Costas.
A cita é esta tarde ás 20.00 horas no 1º andar do mercado. Esta é unha actividade para todo público e gratuíta.
A artista guardesa pintou xa en Tomiño dous murais alusivos ao tema coincidindo co día da muller; un primeiro, no muro exterior do Campo de Fútbol de Goián, e un segundo, nunha rúa do centro urbano do Seixo.
"Anónimas é un proxecto que pretende poñer en valor o labor e esforzo diario familiar, laboral das mulleres e reivindicar a todas as nais, avoas, fillas, traballadoras con ou sen nómina, e loitadoras que viven no máis absoluto anonimato"; a súa labor, o seu esforzo diario coa familia e no traballo, non é recoñecido pola sociedade", explica Marqués.
Nos retratos de mulleres a artista enfatiza na mirada, "a potencia feminina reflíctese na maneira de ollar".
Tomiño prepara a súa XVI Mostra de Cultivos
O evento contará coa presenza de 32 expositores e terá tres días repletos de actividades divulgativas e outras específicas para profesionais
A Asociación Cultivos Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño ultiman nestes días a organización da XVI Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que terá lugar os días 15, 16 e 17 de marzo, no pavillón de deportes de Goián.
Máis de 30 expositores dos sectores do agro, floricultura, planta ornamental, empresas auxiliares, etc. darán vida e contido á feira máis importante do sector, na Comarca do Baixo Miño e área de influencia. Un evento que, tras 16 edicións ininterrompidas, chega consolidado non so coma escaparate das novidades do sector do agro senón tamén coma punto de encontro e referencia de profesionais de España e Portugal.
A formación, a través de xornadas e obradoiros, e as accións divulgativas seguen sendo unha aposta clara na feira, que contará co stand "acuBam Innovación" por cuarto ano consecutivo. Xornadas sobre o uso eficiente da auga, técnicas de control do impacto da vespa velutina ou o agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo (dentro dos programas europeos Interreg España-Portugal e POCTEP), ou cubertas axardinadas e xardinaría vertical, convivirán con talleres de plantación, abono da horta, showcookings de cociña con produtos locais (coa colaboración de Eu Rural), degustacións e actividades lúdicas para nenos e nenas.
"A situación actual do agro evidencia a necesidade de poñer en valor o sector, traballando nos conceptos de sustentabilidade social e ambiental, na cooperación entre os diferentes grupos de interese e na implicación social da veciñanza", explica a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez.
Entre as novidades desta edición, haberá un taller de plantación no IES Antón Alonso Ríos, durante os tres días da mostra e coa colaboración do módulo de FP de Forestais e Suministros Bacelo.
A arte estará tamén presente nesta 16ª edición con dúas exposicións: unha fotográfica "A realidade do agro no Baixo Miño" e outra de pintura e escultura de artistas locais do "Colectivo Somosarte".
Tomiño prepara a súa V Gala do Deporte
O sábado 9 de marzo ás 20.30 horas, no Auditorio de Goián, o Concello premiará aos deportistas destacados durante o último ano
O Concello de Tomiño premiará aos deportistas, equipos, adestradores, clubs e asociacións máis destacados durante o último ano na V Gala do Deporte, que terá lugar o vindeiro sábado 9 de marzo no Auditorio de Goián.
A Concellería de Deportes, que dirixe Ismael Troncoso, da estes días os últimos toques á organización do evento, que na pasada edición distinguiu a unha ducia de persoas, entregando tamén sete mencións especiais.
Durante o evento entregaranse diferentes galardóns, coma o de mellor deportista feminina e masculino; mellor evento deportivo e deportista con maior proxección, entre moitos outros.
Coma vén sendo habitual, a gala contará tamén con actuacións especiais de artistas contemporáneos.
O concelleiro de Deportes de Tomiño salienta a vontade do equipo de goberno de premiar ao deporte tomiñés e por en valor o esforzo levado a cabo por clubs e equipos durante ás últimas tempadas, especialmente, no deporte de base.
Ampliado o prazo de inscrición na segunda edición do concurso escolar Creando Rural
Organizado pola Escola Eu Rural, o certame vai dirixido a clases de infantil e primaria de todos os colexios do territorio do GDR 14. As aulas interesadas poderán inscribirse ata o 19 de marzo e presentar proxectos ata o 5 de abril
Amplíase o prazo de inscrición para participar na segunda edición de Creando Rural, un concurso escolar posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural co obxectivo de achegar coñecementos sobre o desenvolvemento rural a cativas e cativos. Trátase dun concurso escolar participativo dirixido a alumnado de educación infantil e primaria dos centros educativos dos 13 municipios que conforman o territorio do GDR 14 (Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui).
Presentación de proxectos ata o 5 de abril
As aulas interesadas en participar terán ata o vindeiro 19 de marzo para inscribirse a través da páxina web de Creando Rural (creandorural.org). Coñecedores do axustado programa lectivo dos centros escolares, nesta segunda edición ampliouse o tempo de traballo dispoñible para os e as participantes e o prazo de presentación de proxectos, que poderán enviarse ata o vindeiro 5 de abril de 2019 tamén a través da propia web do concurso, facilitando así o traballo do persoal docente.
O profesorado deberá traballar co alumnado na aula as sete unidades didácticas creadas e adaptadas aos dous niveis educativos (7 para educación infantil e 7 para educación primaria), a través das que os rapaces e rapazas aprenderán que é o GDR 14, que se busca con el e como afecta á poboación e á economía da contorna. Unha vez revisadas estas unidades, cada aula ao completo poderá presentar un proxecto conxunto a concurso, co titor ou titora como responsable.
Excursión a Corazón de Carballo e FervenzAventura
Na categoría de educación infantil pídese como proxecto un mural creativo e de inspiración libre e na de educación primaria un vídeo dun máximo de dous minutos. O premio será:
" Para o alumnado de infantil unha excursión dun día á granxa escola Corazón de Carballo, situada en Tomiño, o vindeiro 15 de maio. Alí os nenos e nenas realizarán diversas actividades relacionadas co medio rural, coa natureza e coa adquisición de valores implicados na convivencia, no traballo en equipo, na colaboración e no respecto. Educación ambiental e artística mediante multitude de actividades realizadas de xeito cosmopolita, plural, aberto e multicultural.
" Para o alumnado de primaria un día no centro de aventuras FervenzAventura, en Silleda, o vindeiro 28 de maio. Unha combinación de aventura e natureza para aprender o valor da riqueza natural da contorna e a necesidade do seu coidado a través dun completo programa que combina educación ambiental e aventura nunha xornada de convivencia e traballo en equipo con actividades que van dende xogos de aventura, como o rocódromo ou a tirolina, ata aprender os segredos do bosque, desfrutar dos animais da granxa ou da horta ou un gran xogo de orientación con GPS.
Do 8 ao 30 de abril abrirase un prazo de votación popular para que a cidadanía escolla os traballos (un por categoría) que máis lle guste. Pero, para salvar as diferenzas de poboación que existen no territorio e evitar que os nenos e nenas poidan verse prexudicados por esta votación popular, a organización tamén designará un xurado composto por expertos na materia que elixirán outros dous premiados (un por categoría).
Éxito de participación
A primeira edición de Creando Rural rematou con un grande éxito de participación: 28 aulas de 12 centros escolares de 7 municipios presentaron os seus proxectos a concurso. Un éxito ao que hai que sumarlle a boa resposta do público durante o período de votación popular, no que se recibiron máis de 4.700 votos.
Dende a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural quérese animar ao profesorado de todos os centros escolares do territorio do GDR 14 a traballar en clase co seu alumnado e a presentarse a este concurso que busca a posta en valor do territorio rural e dar a coñecer o papel dos GDR e da Medida Leader no seu desenvolvemento.
Compostaxe para os máis pequenos nos CRA de Tomiño
O deseño e realización das actividades faise desde o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e conta coa colaboración dos técnicos de compostaxe do Concello
Máis de 150 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, das 13 aulas do CRA (Colexio Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés) de Tomiño, participan estas semanas nun proxecto de compostaxe organizado polo Concello co fin de que os máis pequenos se acheguen á compostaxe.
A actividade inclúe uns obradoiros de compostaxe doméstica con fases teórico-prácticas, nas que os máis cativos/as van aprendendo, a través do xogo, contos e cancións, que é e como se leva a cabo o proceso. Unha vez completada a primeira fase, o alumnado é conducido ao exterior da aula, onde instalan un composteiro para o seu uso diario e poden observar de primeira man como se utiliza o compós e que elementos do lixo poden introducirse nun compostoiro doméstico.
As preguntas e observacións son constantes e sempre orixinais. A sorpresa, permanente nos ollos dos pequenos aprendices.
As actividades amosan como facer para xerar os mínimos residuos posibles e axudar a coidar o medio ambiente. Así aprenden que a reciclaxe dos restos de cociñar e das comidas, das podas dos xardíns e as hortas, faise de forma natural e económica mediante a compostaxe.
Os talleres comezaron no CRA do Seixo e foron trasladándose a todas as aulas do Centro Público Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés. A actividade terá continuidade en breve nos colexios públicos da vila con ensino infantil.
O deseño e realización das actividades faise desde o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e conta coa colaboración dos técnicos de compostaxe do Concello de Tomiño. Recentemente, tamén o centro CEP Pedro Caselles Beltrán, realizou algunhas actividades deste tipo dentro do Plan Revitaliza; un plan promovido pola Deputación de Pontevedra, e ao que está adherido o Concello de Tomiño dende os seus inicios, sendo o marco no que se encadran as colaboracións entre os diferentes organismos que impulsan a compostaxe caseira e comunitaria, como solución máis eficiente para a xestión dos residuos orgánicos.
A necesidade de dar unha resposta eficaz aos restos orgánicos recóllese na Directiva Europea de Residuos, que obriga á recollida separada dos restos orgánicos ou ao seu tratamento mediante compostaxe individual e comunitaria, e que será de obrigado cumprimento polos estados membros. O Concello de Tomiño, na actualidade, conta con técnicos de compostaxe, cofinanciados pola Deputación de Pontevedra, sendo o único da provincia que contratou dous postos na convocatoria feita pola Deputación. María Xosé Vázque, concelleira de Medio Ambiente explica que "o Concello está inmerso na procura de solucións eficientes tanto económica como ambientalmente e na implantación de solucións para a correcta xestión dos residuos e o cumprimento das novas normativas".
Unha enquisa busca coñecer a percepción da poboación sobre o Turismo na cidade
Forma parte da fase de análise de redacción do Plan Director e Estratéxico de Turismo de Tui
Co obxectivo de contar co parecer da poboación e do sector sobre a situación do turismo na cidade o equipo redactor do Plan Director e Estratéxico de Turismo vén de iniciar unha enquisa na que se pode participar on-line, de xeito anónimo, a través da plataforma SurveyMonkey.
Nesta enquisa preguntase á poboación, tanto cidadanía como empresas, sobre a súa percepción do turismo na cidade. Esta acción enmárcase na fase de análise do turismo na cidade no proceso de elaboración do Plan Director.
A enquisa busca precisamente coñecer a percepción e visión do turismo actualmente en Tui, plantexando preguntas sobre cales son os recursos con maior atractivo, a visión sobre determinadas poblemáticas que poidan existir, ou no caso das empresas a demanda de servizos, procedencia dos clientes, estadía media, … entre outras cuestións.
Este venres celébrase a primeira mesa de traballo multisectorial
Continuando co traballo previo de análise este venres, 22 de febreiro, ás 17h na Área Panorámica celebrarase a primeira mesa de traballo multisectorial coa presenza de autoridades locais relacionados co turismo, o patrimonio, o comercio, de representantes de empresas turísticas, tanto aloxamentos coma restaurantes, de sectores complementarios e de asociacións vinculadas co turismo. Nesa mesa traballarase ao longo da tarde con axentes relacionados co turismo para obter unha visión máis concreta sobre determinados aspectos de Tui como destino turístico como a conectividade, mobilidade, insfraestrutura turística…
Lembramos que a redacción do Plan Director e Estatéxico de Turismo comezou a finais de xaneiro. Tras a análise da situación actual e a redacción dun informe DAFO, establecerá os retos e liñas estratéxicas a seguir, e concluirá co deseño de plans de acción e produtos prioritarios.
Máis de 350 judokas daranse cita este sábado en Tui na primeira xornada da Fase Sur de Judo
Será a partir das 11.00h no novo Pavillón Municipal de Deportes
O novo pavillón municipal de deportes de Tui acollerá este sábado a primeira xornada da Fase Sur de Judo alevín e infantil organizada pola Federación Galega de Judo, a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Tui.
Na presentación, que tivo lugar está mañá na Casa do concello, estiveron presentes o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Deportes, Eduardo Freiría, o coordinador de deporte escolar da Xunta de Galicia, Guillermo Renaldo, o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, Francisco Covelo, profesor de Judo en Tui e David Morais do Judo Club Tudense.
O campionato ten un obxectivo pedagóxico xa que pretende que os máis pequenos se inicien neste deporte a través dunha competición baseada na estimulación e esforzo, promovendo valores de respecto e garantindo a seguridade na práctica do judo. Pretenden tamén fomentar a participación de todos os judokas galegos destas idades que practiquen regularmente este deporte.
A xornada comezará as 11.00h no Pavillón Municipal de Deportes de Tui e se prolongará durante a mañá.
Participarán un total de 369 judokas, 119 na categoría feminina e 250 da masculina, provenientes de 41 clubs e centros escolares da provincia de Pontevedra, 11 de Santiago de Compostela e un de Ourense, todos eles de categoría alevín e infantil, divididos por idades e pesos. O sistema de puntuación será o mesmo para todas as categorías, 3 puntos por combate gañado e 1 por non gañado. Vencerá en cada liga o judoka que máis puntos obteña pero todos os participantes recibirán un premio por participar.
|