|
Horário do Ferry (de 12 a 17 de Fevereiro)
Desfiles, gastronomía e moita animación musical no Entroido Guardés 2019
A Guarda da a benvida ao Entroido 2019 cunha ampla programación de actividades para todas as idades nas que se inclúen o tradicional desfile infantil do venres e o desfile-concurso do martes de entroido, oferta gastronómica especial en establecementos de hostalaría da vila, así coma actuacións musicais, que nesta edición correrán a cargo de "Monk Blues Band", "DJ Guille", "Orquestra D´Moda" e "CÉ Orquestra Pantasma"
Dende a Concellería de Cultura convídase novamente a toda a cidadanía a participar nesta variada e animada programación para gozar do Entroido Guardés que terá inicio o venres 1 de marzo co Desfile dos Coles a partires das 12:00h dende a Alameda da Guarda ata a Esquina do Galo, baixo a organización dos Colexios da Guarda.
A programación continúa o sábado 2 de marzo co "Sábado de Guateque" a partires das 23:30h na Alameda da Guarda, onde os asistentes poderán gozar da música co concerto de "Monk Blues Band" e posterior pinchada retro a cargo de "DJ Guille".
Para a xornada do Domingo día 3 de marzo está programado o "Domingo das Familias", cando a Alameda da Guarda acollerá unha actuación musical da Orquestra "D´Moda" a partires das 18:00h.
O Luns día 4 de marzo os nenos e nenas da vila terán unha actividade moi especial coa "CÉ Orquestra Pantasma", con obradoiros e festa infantil da man de Matrácala a partires das 18:00h na Alameda da Guarda.
Xa para rematar a programación do Entroido Guardés 2019, o Martes día 5 de marzo ás 17:30h celebraráse o Desfile-Concurso de Entroido co acompañamento de "Aviadores Tolos e da Charanga "Vaia Panda", saída dende a Esquina Famosa e chegada á Alameda da Guarda. As inscricións para participar no Desfile-Concurso estarán abertas do 19 ao 26 de febreiro, máis información na web www.aguarda.es.
Menú de Entroido
Ao longo de 4 días 6 establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o "Menú de Entroido" que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18€ por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería - Restaurante Arruaz (986 614 571), Camping Santa Tecla (986 685 461), Celtic (986 611 679), La Pizzicata (986 611 534), O Cangrexal (986 611 107) e Restaurante Xantar (986 611 814 ). Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.
PROGRAMACIÓN ENTROIDO 2019
VENRES 1 DE MARZO, ás 12:00
DESFILE DOS COLES
Dende a Alameda da Guarda ata Esquina do Galo
Organizan: Colexios da Guarda
SÁBADO 2 DE MARZO,
SÁBADO DE GUATEQUE
Concerto de "Monk Blues Band"
E despois: pinchada retro con "DJ Guille"
Alameda da Guarda a partir das 23:30
DOMINGO 3 DE MARZO
DOMINGO DAS FAMILIAS
Actuación da Orquesta D'moda
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.
LUNS 4 DE MARZO,
LUNS DOS NENOS
Actuación de "CÉ Orquesta Pantasma", obradoiros e festa infantil da dan de Matrácala
Alameda da Guarda a partir das 18:00h.
MARTES 5 DE MARZO, ás 17:30h.
MARTES DO DESFILE
Desfile-concurso de Entroido co acompañamento de "Aviadores Tolos" e a charanga "Vaia Panda"
Ínformate en www.aguarda.es e participa en algunha das categorías. Dende a Esquina Famosa ata a Alameda da Guarda
Concello de A Guarda
Inauguración Casa do Concello
O vindeiro venres día 22 de febreiro ás 18:00h realizarase na Praza do Reló a inauguración da Casa do Concello
¡Agardamos coa vosa presenza!
Acto: Inauguración da Casa do Concello
Día: Venres 22 de febreiro de 2019
Hora: 18:00h
Lugar: Praza do Reló
Interveñen:
" Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia
" Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra
" Antonio Lomba, Alcalde da Guarda
PROGRAMA
17:45h - Benvida e recepción de autoridades e asistentes na Praza do Reló
18:00h - Actuación: Himno á Guarda, cantado por un Grupo Coral
18:10h - Descubrir placa conmemorativa.
18:20h - Discurso inaugural de autoridades:
1. Alberto Núñez Feijóo, Presidente da Xunta de Galicia
2. Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra
3. Antonio Lomba, Alcalde da Guarda
18:35h - Actuación: Himno Galego, interpretado por un gaiteiro
18:40h - Corte simbólico de cintas na porta de acceso.
18:45h - Acceso ao interior e visita ás instalacións.
18:50h - Viño galego.
Fin do acto
Concello de A Guarda
DepoApicultura: A apicultura sostible como fonte de emprego rural
A Deputación de Pontevedra ven de lanzar a actividade DepoApicultura, co obxectivo de capacitar as persoas interesadas na posta en marcha e mantemento dunha explotación apícola moderna, informando sobre as posibles orientacións produtivas e fomentando novas vías de xestión e comercialización mediante o emprego de novas tecnoloxías.
En total impartiranse 12 accións formativas presenciais e mixtas en zonas rurais da Rede Natura, polo que A Guarda entra dentro deste ámbito xeográfico.
Principalmente está destinado a persoas desempregadas, unha acción totalmente de balde grazas ao cofinanciamento do FSE para conseguir formación e un emprego de calidade. As inscricións poden formalizarse a través do enderezo electrónico depoapicultura@depo.es ou no teléfono 886 210 725.
Concello de A Guarda
A Guarda mellora a sinalización de 15 monumentos e fitos históricos
A Guarda ven de instalar 15 paneis informativos con fotografías e informacións de interese sobre monumentos e fitos históricos da vila grazas a unha subvención con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Esta actuación contou cun orzamento de 13,612,50€ para a posta en valor dos elementos e fitos históricos con paneis de 30x20cm que amosan fotografías, planos e textos sobre cada un deles, ademais dun código QR no que se pode acceder a unha páxina web na que ampliar máis información en varios idiomas, así coma fotografías panorámicas en 360º.
En total os paneis atópanse na Igrexa de Santa María, a Torre do Reló, a Igrexa Convento de San Bieito, o Manómetro Barométrico, a Capela de San Caetano, a Capela da Guía, a Capela de Santa Trega, a Igrexa da Nosa Señora da Visitación de Camposancos, o Cruceiro Pinto, a Capela de San Roque, a Igrexa de San Lourenzo de Salcidos, a Capela da Nosa Señora das Mercedes da Gándara, a Muralla Medieval da rúa Baixo Muro, a Muralla Medieval da rúa Ireira e a Praza San Marcos (Hospital).
No traballo de recopilación de informacións e fotografías contouse coa participación do becario de arquivo, da Concellería de Patrimonio, así coma de particulares que cederon material que é agora visible e do que pode gozar toda a cidadanía guardesa e visitantes.
Concello de A Guarda
Inicio do Curso preparatorio da ESO na Guarda
Dende fai uns días un grupo de máis dunha vintena de alumnos participa no Curso de Formación de persoas adultas co obxectivo de preparación para a obtención do Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou ESO.
Este mércores o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; acompañado da 2ª Tenente de alcalde, Montserrat Magallanes e o Concelleiro de Formación e Emprego, Xavier Crespo, visitaron aos alumnos e alumnas para comprobar o arranque deste novo curso. En palabras de Antonio Lomba, "dende o Concello sempre se aposta pola formación da cidadanía como paso para unha superación persoal e de cara a un acceso en mellores condicións ao mercado laboral".
Os alumnos e alumnas preparan as probas para a obtención do título da ESO que terán lugar o vindeiro mes Maio e unha segunda convocatoria no mes de Setembro.
Concello de A Guarda
Este sábado arranca na Guarda o Ciclo de Música Coral
O vindeiro sábado día 16 de febreiro arranca no Centro Cultural da Guarda o Ciclo de Música Coral, contando nesta ocasión coa participación do Coro Diapasón de Ferrol, o Coro Arpegios da Guarda e o Coro Cantábile da Guarda.
A cita será ás 20:30h no Salón de Actos do Centro Cultural con entrada de balde, dende a Concellería de Cultura convídase a toda a cidadanía a asistir a este concerto e gozar da música Coral, cun repertorio moi variado no que se mesturan as cancións galegas con cancións moi afamadas e coñecidas por todos de artistas e bandas coma Os Beatles ou tamén temas clásicos.
O Coro Cantábile é un grupo de canto coral de persoas de diferentes idades, nace no ano 1986 como Coro da Catequesis para máis tarde pasar a chamarse Coro Arpegios, primeiro infantil e despois xuvenil de voces mixtas. Durante a súa traxectoria percorreron varios lugares de España, País Vasco, Barcelona, Madrid,… Portugal e Francia, alcadando un gran nivel grazas ao esforzo e adicación polo que teñen acadado premios en concursos de Galicia e outras cidades de España e dous traballos discográficos "Canto A Guarda" e "XX años cantando", baixo a dirección de Don José Luis Lorenzo Rodríguez.
Case o 100% do seu repertorio foi composto ou arranxado por Don José Luis Lorenzo Rodríguez destacando obras inéditas premiadas nos años 1995, 1997 e 2002 no "Festival de Villancicos de Caixanova de Vigo".
No ano 2007 asume a dirección Dona Lucía Alonso Castro, realizando unha labor de continuación ata o 2016, ano no que toma a batuta Avelino Ferreira López.
Do coro inicial formáronse as dúas agrupacións actuais, Arpegios como coro infantil e Cantábile, que seguen promovendo a cultura musical e o canto coral baixo a dirección de Avelino Ferreira López.
O Coro Diapasón nace en Ferrol no ano 2010 a partires dun obradoiro de música coral contemporánea, debutando no ano 2011 e facendo concertos dende ese ano ao longo da xeografía galega e tamén no resto de España baixo a dirección de Juan M. Brage Rabina.
Concello de A Guarda
Rectificación axudas municipais a deportistas individuais guardeses
O Concello da Guarda ven de publicar unha rectificación das axudas a deportistas individuais da vila a través dunha partida do orzamento municipal 2018.34102.48000 por importe de 3.000€
A convocatoria de concesión de axudas a deportistas guardeses para o ano 2018 realizase polo sistema de concorrencia competitiva, as bases de dita convocatoria atópanse xa para descarga na sede electrónica da web municipal www.aguarda.es no Boletín Oficial de Pontevedra e no Taboleiro de Anuncios do Concello.
Estas bases teñen por obxecto axudar a sufragar os diversos gastos de desprazamento, material e outros dos deportistas guardeses máis destacados, dentro da convocatoria correspondente ao ano 2018.
Esta rectificación conta cun prazo de presentación das solicitudes de vinte días hábiles dende o día seguinte á publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, poderá requirirse ó solicitante, no prazo improrrogable de dez días hábiles, que achegue a documentación omitida ou modifique no seu caso a presentada se resultase procedente. Transcorrido o devandito prazo sen que o interesado achegue a documentación solicitada entenderase que renuncia á axuda solicitada.
Todas as notificacións derivadas das actuacións de instrución realizaranse a través da web oficial do Concello da Guarda e do taboleiro de anuncios.
Concello de A Guarda
A nova Escola Infantil da Guarda pendente da decisión de Política Social
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, leva meses pendente dunha xuntanza coa nova conselleira de Política Social, Fabiola García. O rexedor guardés solicitou a reunión cando a conselleira tomou posesión en setembro de 2018 para pedirlle que asumira os compromisos do seu antecesor no cargo respecto á nova Escola Infantil da Guarda. O anterior conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asumiu diante do alcalde da Guarda o co-financiamento da redacción do proxecto e construción dunha nova Escola Infantil cunha participación da Xunta nun 70%.
O compromiso era realizar a obra en dúas anualidades, 2019-20 para resolver, á maior brevidade posible mo déficit de prazas públicas de 0 a 3 anos que ten o Concello da Guarda. O presidente da Xunta de Galicia comprometeuse publicamente a cumprir o ratio de prazas recomendado pola Unión Europea e incluso melloralo. Na actualidade Europa recomenda unha porcentaxe de 33% de prazas por número de nacementos, en Galicia, segundo informacións da Xunta, alcánzase un 41% de prazas financiadas con fondos públicos mentres que na Guarda a porcentaxe, segundo o último informe de Servizos Sociais municipais, non alcanza o 20%. Esta falta de prazas está provocando que moitas familias teñan que levar aos cativos e cativas aos concellos veciños.
No presente curso de 2018/19, a pesar de quer hai moitas familias que xa non solicitaron praza na localidade, coñecedoras da pouca dispoñibilidade, a lista de agarda ascendeu a 44 nenos e nenas.
Ademais da demanda de nova Escola Infantil, o alcalde da Guarda quere trasladar á conselleira a solicitude feita en 2016 e reiterada en numerosas veces para que a Escola Infantil da Guarda pase a formar parte da rede de escolas Galiña Azul.
Concello de A Guarda
Concerto do coro do conservatorio de música da Guarda en Vigo
Os alumnos que forman o novo coro do conservatorio de música de A Guarda formado por 40 compoñentes desplazaránse o sábado día 16 de febreiro ata Vigo. Farán un concerto que será ás 19:45 h. na Parroquia de Nuestra Señora de la Soledad baixo a dirección de Bruno Díaz González.
Este concerto forma parte dunha das actividades programadas polo conservatorio para completar a formación dos alumnos.
Concello de A Guarda
A Guarda presente no 20ª Salón Internacional de Turismo Gastronómico en Ourense
O Concello da Guarda estivo representado a pasada semana na 20º edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico celebrado en Expourense, evento que contou coa participación de 283 expositores e a presenza de 12 países.
Ao longo de 5 días esta feira recibiu máis de 24.000 visitas, contando con numerosos showcookings, demostración de produtos, conferencias, catas de viños e moitas actividades de promoción turística e gastronómica.
Un escaparate ideal para a promoción do Concello da Guarda a través do Restaurante Xeito que rexenta Carmen Baz, quen ofertou o menú "Porto da Guarda" contando cos pratos típicos da cociña mariñeira como o polbo, o peixe espada e, como non, a lagosta da Guarda.
En palabras de Carmen Baz "este é o 14º ano que participamos e a lagosta da Guarda tivo moito éxito, recibindo numerosos agradecementos e parabéns dos comensais".
Concello de A Guarda
A Guarda pecha importantes contactos na FairWay 2019
O Concello da Guarda participou ao longo das xornadas do luns e martes no maior foro sobre os Camiños de Santiago, a FairWay celebrada no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.
Despois da visita Famtrip ao Castro de Santa Trega do pasado xoves día 7 de febreiro, a cargo dun grupo de representantes de axencias de viaxes, tour operadores e periodistas especializados nos Camiños de Santiago a Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes e a Técnico de Turismo, Rosalía Verde, participaron en numerosas reunións con representantes de empresas e institucións de cara a promover iniciativas sobre o Camiño Portugués da Costa.
A principal acción no fairway foi a participación no workshop que é o espazo adicado as reunións de traballo con axencias nacionais e internacionais, tour operadores especializados en peregrinacións dende Italia, Australia, Brasil entre outros. Ademais houbo reunións con portais web e bloguers para dar a coñecer A Guarda non so como o primeiro concello galego do Camiño Portugués da Costa senón como referente turístico co monte Santa Trega, co Esteiro do Miño, o Porto pesqueiro....
Algunhas destas empresas xa coñecían A Guarda pero amosaron o seu interese en ampliar a súa oferta.
O Camiño Portugués da Costa é un dos principais atractivos do III Forum do Camiño de Santiago "Fairway" no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, onde se realizaron multitude de actividades entorno aos Camiños de Santiago, con congresos, workshops e importantes reunións para potenciar o Camiño de Santiago, nas que tamén estivo presente o Concello da Guarda.
Concello de A Guarda
Tomiño arranca a súa Programación de Primavera, con propostas de teatro, música, exposicións, cursos e obradoiros
O Concello vén de editar unha axenda en papel, con todas as actividades clasificadas por áreas e datas, para ser distribuída entre a cidadanía
Cun programa de actividades transversal e integrador, no que se lle dá cabida a todas as citas culturais, deportivas e de voluntariado, así como as dirixidas á mocidade, á infancia e ao público en xeral, chega a nova Axenda de Primavera 2019 do Concello de Tomiño. A programación aglutina todas as actividades organizadas no municipio para o vindeiro trimestre, coa fin de facilitar a difusión e traballar dun xeito planificado para conseguir que toda as actividades preparadas teñan a mellor aceptación posible.
Con este obxectivo, o Concello vén de editar unha nova axenda en papel que recolle unha trintena de actividades que se levarán a cabo os meses de febreiro, marzo, abril e maio. Esta axenda está a ser colocada en lugares de moito tránsito para difundir as actividades e facer chegar o programa a todos os veciños e veciñas da vila, pero tamén pode consultarse directamente na web do concello (http://tomino.gal/axenda-primavera-2018/).
A programación arrancou co Club de Lectura; unha actividade organizada polo Grupo de Voluntariado Local, que terá lugar un sábado ao mes durante todo o ano, no primeiro andar do Mercado Municipal.
No eido cultural, a primeira actuación foi o sábado pasado "De Outra Margem", unha proposta musical a cargo dun grupo de profesorado de secundaria, que contou coa colaboración de ex-alumnado do IES Antón Alonso Ríos.
Unha trintena de actividades
O mes de febreiro completarase con tres cursos dirixidos especialmente á mocidade, dous deles de idiomas non convencionais, coma son o chinés (nivel básico) e o ruso (nivel 1).
O domingo 17 de febreiro chegará "Pelepau", compañía viguesa composta por 11 percusionistas que recollen a tradición das treboadas do Baixo Miño e Portugal, coma expresión artística.
Por outra banda, o 22 de febreiro terá lugar a presentación do libro "Anónimas", con acuarelas orixinais de Gemma Marqués, inspiradas en mulleres correntes da serie "Anónimas, retratos de musas cotiás". Estes retratos darán vida, asemade, a una exposición de pintura no propio mercado municipal, até o día 11 de marzo.
O sábado 23 de febreiro, "O Fiadeiro" amosará a súa labor de recuperación da música de antigas orquestras, con mostra de diversos bailes.
Pecha o mes de febreiro a actuación de "Son Trío", un grupo feminino vigués que presenta o seu proxecto "Miña Almiña", con letras de Rosalía de Castro e con música orixinal.
Completa a programación unha vintena de actividades e espectáculos, entre os que destacan o desfile de Entroido "Venres de Foliada" (1 de marzo); a XIV Mostra de Cultivos (15, 16 e 17 de marzo); a X Mostra de Arte Infanto-xuvenil Educarte (29 de maio); as actividades organizadas polo Grupo de Voluntariado Local (Letras Galegas, concursos, etc.), e os cursos e obradoiros, entre os que haberá ademais de idiomas, moda (customización de prendas), creatividade visual para fotografía e vídeo; escalada e adestramento canino.
Tomiño traballa nun plan de accesibilidade para persoas con autismo
. A alcaldesa mantivo unha primeira renión coa Federación Autismo Galicia e a Asociación Un Máis
. En Tomiño, as persoas afectadas por este trastorno ascenden a 13, que están diagnosticadas, pero se calcula que hai bastantes máis
O Concello de Tomiño traballa nun plan de accesibilidade para persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA). Trátase, concretamente, de confeccionar un plan de comunicación a través de pictogramas (debuxos sinxelos e esquemáticos descritivos da realidade) que se levará a cabo en todos os colexios de Educación Primaria e Infantil do municipio.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Medio Rural, mantivo unha primeira reunión con representantes da Federación Autismo Galicia e de Un Máis. Asociación de pais, familiares e amigos de persoas con TEA do Baixo Miño, impulsora da iniciativa na comarca.
Na xuntanza, expuxéronse as características do proxecto, que ten coma obxectivo que as persoas con TEA poidan facer uso das instalación educativas do municipio "dun xeito máis igualitario e autónomo, xa que comprenderán mellor o seu funcionamento".
Ao mesmo tempo quen non ten este trastorno, coñecerá un sistema alternativo de comunicación, sensibilizándose coa causa, e outros colectivos (persoas con discapacidade intelectual, problemas da linguaxe, da visión ou estranxeiras) atoparán nos pictogramas unha valiosa axuda.
A partir de agora, membros da Asociación Un Máis comezarán a visitar os diferentes centros educativos para realizar a valoración dos espazos. Seguidamente, farán chegar ao Concello unha proposta de sinalización que, de ser aprobada, enviarase á imprenta, procedendo por último, á colocación dos pictogramas en cada un dos colexios.
A Federación Autismo Galicia, leva realizadas múltiples intervencións deste tipo nunha decena de concellos galegos, estando pendentes outros catro para a colocación de pictogramas en diferentes edificios locais. Asemade, leváronse a cabo actuacións nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo, Universitario de Ourense e Clínico Universitario de Santiago de Compostela, entre outros.
En Galicia estímanse máis de 1.300 casos de TEA na poboación infantil e adolescente, e en España uns 50.000.
No caso de Tomiño, as persoas afectadas por este trastorno ascenden a 13, que están diagnosticadas, pero se calcula que hai bastantes máis sen diagnosticar.
Tomiño creará un espazo público arredor da igrexa de Amorín, con zonas de paseo e xogo, e máis seguridade para a veciñanza
A superficie total das obras supera os 2.400 m2 e o orzamento de licitación rolda os 180.000 euros
Seguindo na liña de recuperación de espazos públicos nos núcleos de poboación, para disfrute dos cidadáns, o Concello de Tomiño, emprenderá a remodelación da contorna da Igrexa parroquial de San Xoán de Amorín.
Este espazo público anexo ao adro, alberga na actualidade un palco de música e un cruceiro, e atópase pavimentado con aglomerado asfáltico, usándose como aparcamento, sen ofrecer seguridade suficiente para a veciñanza.
Neste espazo hai ademais, nove plátanos de gran porte; árbores que xunto coa igrexa, o cruceiro e o palco, cualifican a contorna.
O obxectivo da intervención é, coma xa sucedera no casco urbano de Tomiño (O Seixo), xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente a utilizalo dun xeito seguro e accesible, potenciando así as actividades lúdicas e sociais, e ao mesmo tempo, poñer en valor a arquitectura e o espazo público. A superficie total das obras alcanza uns 2400 m2 e o orzamento de licitación rolda os cento oitenta mil euros.
Segundo explicou a alcaldesa durante a presentación aos veciños e veciñas da parroquia, celebrada hai uns días, a intervención busca "favorecer o uso peonil seguro e o fluxo de persoas, creando un espazo accesible, simplificando cotas, e mellorando as súas posibilidades de uso e mobilidade".
Trátase de protexer o lugar existente diante do adro da igrexa (onde se atopan o cruceiro e o palco) do tráfico de vehículos, xerando un espazo de estancia e poñendo en valor o eixo entre o cruceiro e a igrexa. Este novo espazo converterase nunha alameda, con pavimentos brandos, de xabre compactado. Por último, procederase á colocación de xogos infantís.
O proxecto contempla variar as cotas da beirarrúa diante do muro de peche da igrexa; un muro de pedra labrado na súa fronte, e que está parcialmente soterrado pola beirarrúa actual, poñendo todo o ámbito á mesma cota e en plataforma única, e favorecendo así a accesibilidade universal. Por iso demoleranse ademais as escalinatas de acceso ao torreiro e construirase no seu lugar unha rampla.
O resultado das obras será "un espazo público contemporáneo, máis humanizado, no que prime o uso peonil, e que poña en valor a arquitectura e o propio lugar", adiantou a rexedora local. "Incorpórase unha iluminación especifica pensada para este ámbito, e tamén un novo mobiliario urbano, bancos e papeleiras", informou.
Iván Fernández toma o relevo a Francisco Bouzo na xefatura da Agrupación Protección Civil de Tomiño
No ano 2018 o colectivo realizou máis de 200 servizos entre operativos preventivos e intervencións directas, sumando máis de 2.100 horas
No 2018 realizaron máis de 200 servicios: a maioría poden cualificarse coma operativos preventivos programados (en eventos deportivos, lúdicos, culturais) e intervencións directas (retirada de avespas, recollida de animais abandonados, accidentes e incendios) con máis de 2.100 horas de voluntariado.
Tras as votacións realizadas hai uns días, Iván Fernández tomou o relevo a Francisco Bouzo na xefatura da agrupación.
Iván Fernández, técnico en Emerxencias Sanitarias e traballador do 061, leva colaborando coa agrupación 11 anos. Apoiar á Policía Local, aos bombeiros ou realizar operativos preventivos, son as tarefas máis habituais, e as menos amables, os accidentes e a atención aos familiares das vítimas. Na actualidade a agrupación conta con 23 persoas, dúas delas mulleres, dunha media de idade de 30 anos. Fernández explica que 23 voluntarios non son suficientes e alude ao espírito de solidariedade das persoas do municipio, para que se sumen a un proxecto "gratificante e enriquecedor".
Pola súa banda, o Concelleiro de Seguridade e Tráfico, Manuel Álvarez, salienta o traballo desinteresado dos membros do grupo. "Protección Civil presta servizos de relevancia en accidentes, incendios e una serie de actos públicos que requiren control e seguridade dos participantes e da poboación. O seu papel é moi salientable xa que moitas veces son os primeiros en chegar a escenarios de emerxencias. Por ese motivo e dada a importancia do seu traballo, os seus membros están continuamente formándose en cursos de primeiros auxilios e perfeccionando os seus coñecementos en temas de emerxencias", sinala.
O BNG condena as pintadas acontecidas no casco vello de Tui
"Carme Núñez condena o que califica coma actos que degradan o patrimonio tudense"
A portavoz municipal do BNG en Tui, Carme Núñez , so ten verbas de repulsa ,e, condena enérxicamente as pintadas que tiveron lugar nos últimos dias no centro histórico de Tui, " é lamentábel que haxa persoas que non se decaten do dano que isto fai ao patrimonio de todos e de todas", apuntou a portavoz nacionalista.
O dereito a libre expresión nunca pode ser efectivo en lugares de interés histórico, cultural ou mediomabiental, e o BNG, xa mostrou na etapa de governo a sensibilidade polo patrimonio tudense desde a concellaría da que foi responsábel. Comportamentos como o rexistrado non deben ter cabida na nosa cidade e merecen unha repulsa unánime.
Modificado o proxecto da apertura da rúa Ourense que abranguerá unha maior superficie
As obras estarán rematadas a finais de marzo
As obras de apertura da rúa Ourense estarán rematados na última semana do mes de marzo, incluíndo a execución do proxecto modificado que foi preciso realizar para solucionar unha serie de cuestións que se atoparon no inicio das obras. Ese modificado suporá un incremento do 25% no orzamento previsto inicialmente en 220 mil euros, pero en todo caso estará por baixo dos 314 mil euros nos que o proxecto sairá a licitación.
Para explicar como quedará a obra unha vez executada, cos cambios realizados, compareceron en rolda de prensa o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro Antonio Castro, o arquitecto municipal, Javier Antoñón, e os enxeñeiros da empresa Nortap Ángel Colsa e Beatriz López.
Contémplase unha rotonda remontable de 4 metros de diámetro, cun carril de 3,5 metros en cada sentido, 16 novas prazas de aparcamento, a reubicación dos pasos de peóns, unha franxa verde e a colocación de bancos de pedra natural das canteiras do Monte Aloia. En canto ao tráfico a rotonda deseñouse multifuncional con todas as circulacións posibles ante imprevistos, e quedará preinstalado un sistema de semaforización por se no futuro se opta por esta opción para regular o tránsito de vehículos. Tamén se contemplan a posibilidade de ter elementos móbiles coma xardineiras que permitan cortar unha rúa, por exemplo Augusto González Besada, para actos ou días concretos.
O proxecto inicial de apertura da rúa Ourense databa de 2011 e foi actualizado en 2016, pero segundo o exposto hoxe no momento de acometer a obra se atoparon unha serie de problemas aos que houbo que dar solución e para os que se contratou á empresa de enxeñería Nortap, que traballou xunto co arquitecto municipal na proposta. Os informes xeotécnicos do lugar sobre os que se asentará o vial aconsellaron a retirada do terreo inaxeitado e o recheo con pedraplén para corrixir os problemas de cimentación. Amais ampliouse a superficie de actuación incluíndo o espazo por onde ata o de agora circulaban os vehículos cara a rúa Colón/Martínez Padín, que pasará a ser aparcamento. Realizouse tamén un estudos das redes de servizos e instalacións existentes, coma electricidade, saneamento, telefonía, … xa que até o momento carecíase do mesmo. Colocarase unha torre de iluminación multifuncional que servirá tanto para que os peóns e os vehículos teñan unha correcta visibilidade coma para iluminar se se considera algún edificio coma a Área Panorámica.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, indicou que se realizaron distintas melloras logo de detectar unha serie de problemas no inicio da obra. Destacou así o tramo entre a nova rúa a Área Panorámica terá un tratamento, que no proxecto inicial no estaban contemplado, e no que executará a parte correspondente do proxecto de urbanización da Área Panorámica que dende o concello se encargou para cando se execute o aparcamento soterrado. Tamén destacou que se axustou o tamaño da rotonda para que funcione da forma máis eficaz posible e se contempla a preinstalación da semaforización, prevendo que no futuro a intersección poida funcionar coma unha T coa futura conversión da rúa Augusto González Besada en dirección única, e a futura peonalización do Paseo da Corredoira.
Tui conta cun novo folleto turístico da Ruta Xudía en formato trilingüe
Editáronse 15 mil exemplares. A información compleméntase en turismotui.mobi
O novo folleto turístico da Ruta Xudía de Tui foi presentado este mediodía na casa do concello polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, e o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Eduardo Freiría.
Esta nova edición, realizada pola empresa Sherpa Project, continúa a liña iniciada hai un meses co rueiro, para a renovación da información turística para entregar aos visitantes. O novo folleto, en formato trilingüe, en galego, castelán e inglés, recolle un mapa cos elementos máis singulares do legado xudeu en Tui: A Porta da Pía, a Sinagoga, a Casa dos Capeláns, a Porta da Torre, a Casa de Salomón, o Cárcere capitular, as Cruces en Pedra, a Menorá da Catedral e os "Sambenitos". Conta ademáis información histórica sobre estes elementos.
Outro dos puntos que pon en valor no folleto é a aplicación móbil turismotui.mobi, que a través de códigos QR, incluídos na sinalización do conxunto monumental, permite a realización de rutas guiadas, así como ampliar a información sobre cada punto de interese.
Do novo folleto fíxose unha primeira edición de 15 mil exemplares do folleto, que nestes momentos están xa a dispor dos interesados na casa do concello.
O Campionato Galego de Patinaxe de Grupos Show Júnior e Cuartetos disputarase este sábado en Tui
O Campionato Galego de Grupos Show Júnior e Cuartetos, celebrarase este sábado, 16 de febreiro, no novo pavillón deportivo municipal de Tui. Comezará ás 17.30 horas organizado polo CPA Ribex de Tui, en colaboración coa Federación Galega de Patinaxe e o Concello de Tui.
Dende as 10.30 ata as 14.00 horas, os clubs participantes realizarán os adestramentos, a razón de 15 minutos por cada club. A competición iniciarase ás 17.30 horas, coa categoría de cuartetos e ás 18.00 horas coa júnior.
O custe da entrada para este campionato será de 5€, sendo gratuíto para os menores de 7 anos.
Neste campionato, o CPA Ribex buscará o pase do seu equipo júnior para o Campionato de España, tras acadar xa a clasificación do grupo sénior, despois de obter o subcampionato galego.
A inscrición no Desfile Concurso de Entroido será mañá xoves, o venres e o luns
Celebrarase o martes 5 de marzo. Repartiranse 5.600 euros nos 18 premios establecidos
Ata o luns será a data para inscribir os grupos e comparsas que desexen participar no Desfile - Concurso de Entroido 2019 en Tui o martes 5 de marzo.
As bases de participación veñen hoxe publicadas no BOPPO, así coma na web municipal tui.gal e na sede electrónica do Concello de Tui.
Os grupos deben estar formados por entre 10 e 20 persoas, e as comparsas por un mínimo de 25 compoñentes. Limítase a participación a 5 grupos e a 20 comparsas por orde de inscrición, coa salvidade de que nunca quedará fóra un grupo ou comparsa de Tui.
Nos premios introdúcese coma novidade na puntuación do Premio Xeral a concorrencia, na que se terá en conta o número de participantes, que se sumará a actualidade do tema elixido, o vestiario, a parodia, o acompañamento musical e a existencia ou non de carroza. Nesta categoría xeral haberá sete premios con trofeo e unha dotación económica que oscilará entre os 700€ e os 100€. Tamén se outorgarán seis premios en carrozas que oscilarán entre os 400€ e os 150€, catro en acompañamento musical dotados con entre 300€ e 150€, e un único premio en fantasía cun importe de 150€. En total repartiranse 5.600 € en premios, aos que se deberá sumar os 400€ nos que están valorados os trofeos, e os 11 mil € reservados como fixos por participación.
O Desfile Concurso de Entroido celebrarase o martes, 5 de marzo, festivo local na cidade, dende ás 17 h no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. A orde de saída dos participantes establecerase no sorteo que se celebrará o luns, 25 de febreiro, ás 20 h no salón de sesións da Casa do Concello.
Os grupos e comparsas que desexen participar deberán inscribirse mañá xoves 14 o venres 15 e o luns 18 de 9 a 14h por rexistro de entrada na Casa do Concello ou na sede electrónica, nos impresos normalizados para este fin.
O Enterro do Bacallau rematará no Paseo Fluvial
Nas bases establécese tamén que o Enterro do Bacallau se celebrará o domingo 10 de marzo ás 19.30 h dende a Praza de San Fernando, rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, Corredoira, con parada para ler as coplas. A segunda parte do percorrido cambiará con respecto a anos anteriores xa que baixará pola rúa Bispo Lago, San Telmo, Cuenca, Antero Rubín, Baixada ao Embarcadoiro para rematar no Paseo Fluvial onde terá lugar a queima do bacallau. As persoas que desexen ler as coplas, deberán cumprir os requisitos recollidos nas bases, que establecen que se deberán entregar por rexistro de entrada o mércores 6 de marzo de 9 a 14 h e se lerán coa cara descuberta cun tempo máximo de 5 minutos.
|