JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Horário do Ferry (de 29 de Janeiro a 3 de Fevereiro)


Novo calendario de Andainas organizadas polo Concello da Guarda e Cámara Municipal de Caminha

O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos serán en Galicia e Portugal.

As andainas terán inicio o sábado 23 de febreiro cun percorrido pola Ecopista ao carón do Río Miño entre Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho, seguida dunha ruta polo Sendeiro do Tea o sábado 9 de marzo, a ruta de Peneda a Sistelo o sábado 6 de abril, a ruta da Pedra e da Auga e do Río San Martiño o martes 1 de Maio e rematarán coa ruta do Sendeiro do Miradoiro de Matacás o sábado 1 de xuño.

Dende o vindeiro luns día 4 de febreiro e ata o venres 8 de febreiro ábrese o prazo de inscricións para esta actividade. Os interesados deben inscribirse na Oficina de Turismo situada no Concello antigo, poden chamar ao teléfono 986 61 45 46 ou mediante mail turismo@aguarda.es.

As prazas son limitadas porque se emprega un autocar para o traslado dos participantes.

Terán prioridade aquelas persoas que asistan ás 5 andainas.

Calendario 2019 de Andainas

ANDAINA 1.- SÁBADO, 23 DE FEBREIRO: ECOPISTA VILA NOVA DE CERVEIRA - VALENÇA
Distancia: 16 km - D
Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 15.00 h.
Prezo: gratuíta
Descrición: Para comezar esta nova edición das Andainas da Guarda de xeito suave, realizaremos un percorrido fácil polo tramo da ecopista que transcorre entre as localidades veciñas de Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho pola marxe portuguesa do Minho. A andaina comezarémola no Parque do Castelinho e darémola por concluída na fortaleza de Valença, onde nos recollerá o autobús.

ANDAINA 2.- SÁBADO, 9 DE MARZO: SENDEIRO DO TEA (PONTEAREAS- MONDARIZ BALNEARIO)
Distancia: 13 km
Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 16.00 h
Prezo: 10 €
Descrición: Iniciaremos o percorrido en Ponteareas, nas proximidades da praia do Freixo e seguiremos a senda sinalizada do río Tea que transcorre pola marxe dereita do río ata Mondariz. Ademais da típica vexetación de ribeira, poderemos contemplar fermosas praias fluviais, muíños e maxestosos cruceiros antes de rematar no afamado balneario de Mondariz. O concello máis pequeno de Galicia ben merece dedicarlle unha visita e algún paseo antes de volver no autobús para a casa.

ANDAINA 3.- SÁBADO, 6 DE ABRIL: RUTA DA PENEDA A SISTELO (PORTUGAL)
Distancia: 20 km
Saída: 8.30 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 18.00 h.
Prezo: 10 €
Ruta guiada por Ignacio
Descrición: A ruta comeza no santuario da Nossa Senhora da Peneda, un dos máis afamados do Norte de Portugal. Desde alí ascendemos ata a zona dun lago glaciar e superada esta primeira dificultade a ruta diríxese en lixeiro descenso cara Sistelo, o pequeno Tibet, que xa visitamos noutras ocasión. A paisaxe da serra da peneda coas súas brandas (Pardelhas, Furado Aveleira), da Bouça dos Homens, as aldeas de Padrao e Porta Cova, acompáñanos na viaxe ata divisar os típicos socalcos característicos de Sistelo, o Pequeño Tibet encravado no corazón de Portugal.

ANDAINA 4.- MARTES, 1 DE MAIO: PR-G171 RUTA DA PEDRA E DA AUGA E DO RÍO SAN MARTIÑO (MEIS)
Distancia: 20 km
Saída: 8.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 19.00 h.
Prezo:
Descrición: Comeza e remata a ruta no mosteiro cisterciense de Armenteira. A andaina está composta en realidade de dúas rutas. A da Pedra e da Auga con numerosos muíños restaurados que salpicados polas beiras do río Armenteira. Nos arredores de Barrantes iniciamos a ruta polo río San Martiño que nos permitirá contemplar interesantes igrexas románicas (San Martiño e San Salvador de Meis) e espléndidas paisaxes da ría de Arousa.

ANDAINA 5.- SÁBADO, 1 DE XUÑO: SENDEIRO DO MIRADOIRO DE MATACÁS (CASTRO CALDELAS - OURENSE)
Distancia: 16,5 km
Saída: 9.00 h. da explanada da Sangriña
Hora aproximada de chegada A Guarda: 20.00 h.
Prezo:
Descrición: É a andaina de maior esixencia física das realizadas neste ano polo desnivel acumulado de subida de 1.141 m. Trátase dunha ruta homologada no 2018 (PR-G 237) na Ribeira Sacra ourensá, no concello de Castro Caldelas. No percorrido poderemos contemplar viñedos, soutos e sobreiras centenarias así como a espectacular panorámica sobre o Canón do Sil desde as Penas de Matacás.

Concello de A Guarda


Alumnos e alumnas da Guarda participan nun Pleno Escolar

O pasado xoves día 31 de xaneiro de 2019 celebrouse no Salón de Plenos do Concello da Guarda unha sesión do Pleno Escolar que se celebra con carácter anual e que nesta edición contou coa participación dos alumnos e alumnas de 1º do Ciclo Superior de Administración e Finanzas e de 2º do Ciclo Medio de Xestión Administrativa, contando entre o público asistente con usuarios do Centro San Xerome, o Alcalde da Guarda e a Concelleira de Cultura.

A Corporación municipal estivo composta do seguinte xeito:

GRUPO MUNICIPAL PSOE:

Neftalí González Rivas (Alcalde).
Gabriel Álvarez Alonso.
Cristian Lomba Álvarez.
Jorge Lomba Álvarez.
Ana Mª González Méndez.
Laura Rodríguez Rodríguez. (2º CMXA)
Jennifer Barbosa Álvarez. (2º CMXA)

GRUPO MUNICIPAL PP:
Sandra Sobral Enes.
Leticia Martínez Villasenín.
Laura Villa Rivero.
José Luis Linárez Carrasco.
Borja Araújo Alonso. (2º CMXA).

GRUPO MUNICIPAL BNG:
Jéssica González Martínez.
Marisa Araújo Rodrigues.
Carlota Otero Giráldez.

GRUPO MUNICIPAL MIXTO:
Victoria Portela Blanco.
Ángeles Villasenín Álvarez.

Esta actividade realizase co fin de que os alumnos e alumnas guardeses se involucren nas institucións democráticas e participen na política municipal traballando con propostas e mocións, que foron moi debatidas durante a sesión plenaria.

ORDE DO DÍA:

" Punto 1. Aprobación acta da reunión anterior.
" Punto 2. Información da Alcaldía sobre os traballos de remodelación e actualización do alumbrado público.
" Punto 3. Información da Alcaldía do estado das obras de humanización de Concepción Arenal
" Punto 4. Proposta da Alcaldía sobre a creación do programa permanente de formación para persoas en paro. - Aprobada unanimidade
" Punto 5. Proposta do grupo muncipal do BNG para a organización de actividades no Castelo de Santa Cruz e promoción do turismo. -
" Punto 6. Proposta do grupo municipal do PP para a creación da oficina municipal de promoción, información e tramitación de iniciativas para o emprendemento e o autoemprego. -
" Punto 7. Proposta do grupo municipal mixto sobre a creación do "Polideportivo A Guarda". - Aprobada.
" Punto 8. Rogos e preguntas.

Concello de A Guarda


Alumnado de primaria da Guarda participa en "Cinema nos Coles"

Un ano máis a Concellería de Cultura do Concello da Guarda organizou unha proxección de cinema enmarcada no ciclo de "Cinema nos Coles" que contou coa participación dos alumnos e alumnas de primaria dos Centros Educativos do municipio.

Esta actividade tivo lugar no Salón de Actos do Centro Cultural, onde se realizou a proxección da película "Wonder", unha proxección na que August, un neno que naceu cun problema de deformidade facial, afronta a súa chegada á escola por primeira vez, unha historia de integración e superación persoal.

"Cinema nos Coles" é unha actividade de carácter anual na que se convida aos diferentes Centro de Ensino da Guarda a participar, promovendo unha oferta de cinema en gran formato para nenos e nenas do municipio, sempre tendo en conta unha temática de interese e axeitada á idade dos asistentes.

Concello de A Guarda


Abertas as inscricións para as primeiras actividades do ano na Omix da Guarda

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (Omix) do Concello da Guarda, dependende da Concellería de Xuventude, lanza xa a súa primeira proposta de accións formativas para o ano 2019.

Os cursos ofertados son a segunda parte do curso de Panadería e elaboración de masas e un curso de Lingua de signos.

O curso de panadería terá unha duración de 15 horas e realizarase en horario de 18:00h a 21:00h todos os venres. A cota por participante será de 40 euros e inclúe todo o material empregado durante o curso.

O curso de lingua de signos realizarase os martes e xoves de 19:15h a 21:15h e terá unha duración total de 30 horas, a cota por participante será de 20 euros.

Os cursos comezarán a finais do mes de febreiro, unha vez se cubran as prazas ofertadas nos mesmos.

Toda a información e inscricións poderase atopar na OMIX, a través do teléfono 986 61 0000, no mail informacion@aguarda.es ou no perfil de FACEBOOK de OMIX A Guarda.

Concello de A Guarda


A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 8 e sábado 9 de febreiro

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o vindeiro venres 8 e sábado 9 de febreiro.

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro(Ao Carón do Centro Cultural) o venres 8 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas e o sábado 9 en horario de 10:00h a 15:00h

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Concello de A Guarda


A Guarda amplía o horario de atención do Punto Limpo

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente, ven de anunciar un cambio de horarios na atención que se presta aos cidadáns no Punto Limpo do municipio, ampliando o horario de apertura de xeito que se facilita o acceso a este servizo.

A partires do luns día 4 de febreiro de 2019 o horario do Punto Limpo da Guarda será o seguinte:

Luns de 8:00h a 14:00h
Martes de 8:00h a 14:00h
Mércores de 8:00h a 18:00h
Xoves de 8:00h a 14:00h
Venres de 8:00h a 14:00h
Sábados de 8:30h a 13:30h

O Concello da Guarda considera que con esta ampliación do horario do punto limpo mellorarase o servizo e facilitarase tamén a reciclaxe, dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.

A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora das taxas de reciclaxe, contando ademais cun dos puntos limpos de referencia a nivel autonómico. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia 2010-2020 (PXRUG), establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos, accións que van en consonancia co PEMAR, Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos.

Concello de A Guarda


O Centro Cultural da Guarda acolle o 15 de febreiro a XII Gala do Deporte

O Centro Cultural da Guarda será o escenario o vindeiro venres día 15 de xaneiro da gran festa do deporte guardés coa celebración da XII Gala do Deporte.

Neste evento recoñeceranse os logros e méritos deportivos acadados durante o pasado ano polos deportistas, os clubs e as entidades deportivas da Guarda, poñendo así en valor o traballo, esforzo e compromiso das numerosas persoas que forman parte do ámbito deportivo local.

A gala, que comezará ás 20:30 horas no Centro Cultural, estará presentada polo xornalista Terio Carrera e a judoca do Clube Deportivo Baixo Miño, Tecla Cadilla, amadriñará o evento deportivo, ao que están convidadas todas as asociacións, clubs e deportistas individuais da Guarda, así como todas aquelas persoas que desexen achegarse e participar na xornada de celebración e xuntanza do deporte guardés.

Concello de A Guarda


O XII certame de fotografía "Viaxando" chega á Guarda

O Concello da Guarda acolle a partires do luns 4 de febreiro a exposición formada polas fotografías participantes no XII certame fotográfico "Viaxando", un concurso creado polas OMIX,s de Baiona, Tomiño, O Rosal, Porriño, Salceda de Caselas, A Guarda, Gondomar e o Espazo Xove de Tui no ano 2007.

Nesta XII edición contou coa participación de máis de 15 mozos e mozas de distintos puntos da xeografía galega. A fotografía gañadora do certame, que se deu a coñecer no mes de outubro, foi "Comeza a viaxe", obra de Sergio Lorenzo Ares.

A exposición poderá visitarse na Casa dos Alonsos ata o 20 de febreiro na casa consistorial, data na que a mostra seguirá coa súa ruta polos restantes concellos organizadores.

Un certame que aposta pola creatividade e orixinalidade da mocidade plasmada nunha fotografía.

Concello de A Guarda


A Guarda renovará os vestiarios do Estadio Municipal da Sangriña

O Concello da Guarda acometerá proximamente a renovación e adecuación dos vestiarios das instalacións deportivas do Estadio Municipal da Sangriña, unhas obras que se realizarán ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O proxecto, redactado polos técnicos municipais, permitirá a renovación das duchas cun novo sistema anti-vandálico, realizando unha nova instalación vista en aceiro inox e instalación de grifos mezcladores con temporizador para economizar auga. Realizarase tamén a renovación do alicatado existente con reposición de azulexos danados e novo pavimento cerámico nos almacéns.

Renovaranse as fiestras e portas dos vestiarios instalando unhas novas en aluminio, así como a instalación de dous extractores de aire con sistema higroscópico para a mellora da ventilación.

De igual xeito o proxecto contempla a renovación da totalidade da pintura das instalacións coa retirada da pintura existente.

O investimento total destas obras de mellora, pendente da autorización da Deputación de Pontevedra, ascende a case 22.000€ IVE incluído.

Concello de A Guarda


Esgotadas as citas para a renovación do DNI na Guarda ata o mes de abril

Xa non quedan citas dispoñibles no noso concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) ata o mes de abril de 2019.

A partir do mes de marzo informarase da apertura do prazo para a solicitude de novas citas nos meses abril, maio e xuño, ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo. Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.

Concello de A Guarda


Rematan na Guarda as sesións formativas de "Comercio Innova Plus"

O Concello da Guarda rematou este luns o Programa de Innovación para o Comercio "Comercio Innova Plus", dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unhas actividades nas que se incluíron xornadas formativas, píldoras e charlas dende o pasado mes de novembro de 2018.

O luns día 28 de xaneiro tivo lugar a última charla sobre "Compartindo talento: Xuntos chégase máis lonxe", que se realizou na Casa dos Alonsos da Guarda contando coa presenza de Mariem Filgueira Pérez, Licenciada en Dirección e Administración de Empresas, con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial e directora de Proxectos de Consultoría e Innovación en Sherpa Empresarial.

Nesta charla os comerciantes asistentes puideron comprobar como atopar alianzas, como construílas e deuses o primeiro paso cara un camiño cheo de oportunidades creando sinerxias no traballo colaborativo entre empresas da nosa contorna o con fins similares.

Estas accións formativas tiveron como obxectivo que o comercio da vila coñecese as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades foron de balde e non foi necesaria a realización dunha inscrición previa.

Esta actividade constitúe a continuación do programa "Comercio innova", que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.

No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre "Utilización Práctica de Instagram", e "Utilización Práctica de Facebook", rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.

"Comercio Innova Plus" contou co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.

Concello de A Guarda


A Guarda aproba a conta xeral do 2017

O Concello da Guarda ven de aprobar a conta xeral do exercicio 2017 na sesión plenaria do pasado venres, unha boa nova para o municipio.

Nestes momentos estase a elaborar a liquidación ao exercicio correspondente ao 2018 e se pode adiantar que os saldos en bancos a data 31 de decembro de 2018 é de 1.362.519,38€ e que, por primeira vez, a débeda con bancos sitúase en 0€.

A aprobación da conta xeral é unha cuestión importante para o Concello, posto que disto depende que se poda acceder a determinadas subvencións e axudas, en particular ás da Xunta de Galicia, que establecen como requisito previo ter as contas xerais aprobadas antes da presentación destas solicitudes.

O Concello da Guarda aprobou no pleno celebrado o pasado venres 25 de xaneiro de 2019 as contas xerais do exercicio 2017 cos votos a favor do equipo de goberno e da concelleira non adscrita Fátima Iglesias, votando en contra o Partido Popular, o Bloque Nacionalista Galego e o Concelleiro de Converxencia Galega. O asunto prosperou ao facer valer o alcalde o seu voto de calidade para desfacer o empate na votación.

A aprobación das contas xerais é un acto formal que non supón estar de acordo co contido das mesmas, senón que se aproba para que os órganos fiscalizadores externos, coma o Consello de Contas, podan facer a súa labor. Estas contas xerais contaban co informe favorable do interventor do concello e tamén foi informada favorable en diferentes comisións informativas.

Non resulta comprensible que se vote en contra destas contas, tentando imposibilitar a solicitude de novas subvencións e axudas para o municipio, subvencións que non serán executadas pola corporación actual, senón pola que resulte das vindeiras eleccións de maio de 2019.

Concello de A Guarda


A Guarda impulsa un novo curso para a formación de camareiros/as en bares e restaurantes

Por segundo ano a Concellería de Turismo do Concello da Guarda ofrece un novo curso gratuíto para a formación de camareiros/as de bares e restaurantes, que terá lugar do 9 de febreiro ao 6 de abril.

O obxectivo principal é formar a novos camareiros, algo esencial de cara á profesionalización dun sector tan importante para A Guarda como é o turismo e a Hostelería, ofertando á veciños e visitantes un servizo de calidade e profesional.

A programación está deseñada para que as persoas participantes adquiran as nocións básicas na adecuación do local, reposición do material, servizo de alimentos e bebidas en mesa e barra, e atención ao cliente no servizo de restaurante e bar.

O curso terá unha duración total de 80 horas. das cales, 40 horas estarán destinadas á formación teórica e práctica como a montaxe de mesas e ambientación da sala, identificación e limpeza dos utensilios e menaxe, preparación de alimentos e bebidas seguindo as normas de manipulación e hixiene alimentaria, incluíndo tamén formación en alérxenos e manipulación de alimentos. Polo que ao finalizar, o alumnado tamén recibirá el diploma de manipulador/a de alimentos. Ademais esta formación completarase coas indicacións en alérxenos. Esta formación terá lugar os sábados pola mañá de 9.00 a 14.00h.

Esta formación completarase con outras 40 horas de formación práctica non laboral en bares e restaurantes da Guarda, axustadas segundo o perfil e necesidades de cada alumno.

As prazas son limitadas. As inscricións realizaranse ata o mércores 6 de febreiro na Oficina de Turismo do Concello da Guarda na Praza do Reló, 1. Os/as interesados/as deberán cumprimentar a ficha de inscrición. Poden contactar no teléfono 986 61 45 46 ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.

Debido ao comezo inmediato o xoves 7 de febreiro darase a coñecer o listado de admitidos para xa comezar a formación o sábado 9 de febreiro.

Concello de A Guarda


O BNG insta ao Presidente da ELM de Camposancos a solicitar axudas para normalización lingüística

Merchi Vázquez: "O ano pasado perdemosa oportunidade dunha axuda de preto de 5.000 € paraactividades de normalización lingüísticapor inoperancia do pedáneo do PSOE."

A vogal do BNG na Entidade Local Menor de Camposancos, Merchi Martínez, presentou un escrito instando ao Alcalde Pedáneo do PSOE a solicitar as axudas na nova convocatoria para o ano 2.019 que a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos e das entidades menores para normalización lingüística.

No ano 2.018 trinta e catro concellos xunto coa Entidade Local Menor de Bembrive e o propio concello de A Guarda beneficiáronse de axudas para dinamización e normalización lingüística as cales foron aprobados e concedidos pola Deputación de Pontevedra. En concreto na comarca do Baixo Miño beneficiáronse os concellos de A Guarda, Oia e Tomiño.

"Espero que este ano o Alcalde pedáneo non perda a ocasión de poñer a disposición dos veciños e veciñas de Camposancos actividades creativas en torno a nosa lingua. Non entendo ao Presidente da Entidade: ou non lle importa ou é un incompetente",comentou Merchi Martínez.

Entre outras actividades, Camposancos pode conseguir campamentos de verán para menores de 14 a 16 anos, talleres de creación literaria, contacontos , arrolos para nenos de 0 a 3 anos... En definitiva, actividades de creación, mantemento, promoción e desenvolvemento da lingua galega.

Dende o BNG considéramos que a promoción da nosa lingua é unha oportunidade idónea para realizar actividades de todo tipo.

O BNG advirte e informa ao Presidente que o pasado día 9 de xaneiro saíron convocadas as axudas para actividades de normalización lingüística para concellos e entidades locais menores., polo que apelamos á responsabilidade do Presidente, a pesar da falta de proxecto político paraa Entidade Local Menor de Camposancos.

BNG de A Guarda


Os alcaldes de Tomiño e Cerveira salientan o papel estratéxico dun territorio común coma factor de atracción turística

Na presentación das xornadas, que se estenderon durante toda a xornada, os rexedores estiveron acompañados polo director da AECT Río Miño, Uxío Benítez

Borrar a noción de fronteira entre Galiza e Portugal, ofrecendo o Territorio Río Miño coma un produto único, resultará estratéxico á hora de atraer turistas. Nesta idea base coincidiron tanto os alcaldes de Cerveira e Tomiño (Fernando Nogueira e Sandra González, respectivamente), coma o director da AECT Río Miño (Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño), Uxío Benítez, durante a inauguración das xornadas "O turismo no contexto transfronteirizo Cerveira-Tomiño", celebradas hoxe no Castelo de Vila Nova de Cerveira.

Benítez referiuse á situación xeoestratéxica da zona, entre as cidades de Vigo e Oporto, cunha paisaxe común e recursos endóxenos moi valiosos, que compoñen a Marca Río Miño, na que xa se está a traballar no ámbito europeo, con dous proxectos (Smart Miño e Visit Río Miño. Fondos INTERREG V-A (POCTEP). O tamén deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, referiuse, asemade, á creación do "Anel Verde", proxecto no que se investirán máis de 600.000 euros para conseguir conectar todas as sendas dun e outro lado do río, e vendelas como un paquete. "O corazón dese anel verde será a creación dun parque transfronteirizo, integrado polo parque do Casteliño e o Espazo Fortaleza (en Cerveira e Goián, respectivamente), que estará unido por unha ponte peonil sobre o río", explicou o director da AECT Río Miño.

Sandra González, pola súa banda, agradeceu a participación das preto de 30 entidades que se reuniron previamente ás xornadas para traballar no tema de iniciativas turísticas conxuntas, resaltando o papel fundamental da participación cidadá nestes procesos.

As xornadas, organizadas pola Eurocidade Cerveira-Tomiño e o Interreg España-Portugal, estendéronse ao longo da xornada, con dúas mesas de traballo ("Natureza, Cultura e Paisaxe" e "Oferta e demanda turística") e visitas guiadas, contando coa colaboración de profesionais galegos e lusos, coma Juan Manuel Trillo, profesor da Universidade de Santiago; Alfredo Iglesias Graña, xerente de Guías Malouco; Xerardo Pereiro, profesor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro; Alexandra Correia, profesora de turismo no Instituto Politécnico de Viana do Castelo; Paulo Almeida, xerente de Portugal Green Walks; Goretti Silva, doutora en turismo pola Universidade de Bournemouth (Reino Unido) e Manuel Rodríguez, técnico da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais.

Entre as persoas asistentes atopábanse tamén as valedoras/provedoras transfronteirizas de Tomiño e Cerveira, concelleiros de Cultura e Turismo de ambos os dous concellos, técnicos municipais, axentes locais, etc.

Concello de Tomiño


O programa 'Deporte para todas as persoas' retoma as súas actividades conxuntas en Tomiño e Cerveira

As actividades deportivas estarán en marcha hasta o mes de novembro, con parada estival en agosto. Prevese que o programa acolla tamén unha andaina e un evento polideportivo

A Eurocidade Cerveira-Tomiño reinicia este mes de febreiro as actividades do seu programa 'Deporte para todas as persoas', un programa de actividades deportivas gratuítas que se levan a cabo en equipamentos dos dous concellos ata final de ano e que inclúe tres variedades de actividades: piscina en familia, actividades para maiores de 55 anos e a práctica de diversas modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira.

Este programa de actividades iniciouse en setembro de 2018 e estará aberto ata novembro deste ano, agás no mes de agosto, no que se fará un parón estival. Ademais, ambos os dous municipios prevén completar este programa deportivo coa organización ao longo do ano dunha andaina e dun evento polideportivo.

Todas as persoas interesadas en participar nalgunha das actividades e que aínda non se inscribiron poden rexistrarse vía online, cubrindo o seguinte formulario de inscrición, ou de forma presencial na oficina de Cooperación Transfronteiriza, situada no segundo andar do Concello de Tomiño (Praza do Seixo). Máis información no teléfono 986 18 45 98, en horario de 08.00 a 15.00 horas.

Estas actividades deportivas que invitan aos veciños e veciñas dos dous municipios a compartir prácticas saudables forman parte da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Actividades e horarios

PISCINA EN FAMILIA na piscina municipal de Vila Nova de Cerveira. Natación e iniciación ao medio acuático para nenas e nenos de 3 a 12 anos acompañados dun familiar. A actividade comezará o 2 de febreiro e realizarase os primeiros sábados de cada mes cun novo horario, ás 18.45 h (hora galega). Hai prazas limitadas, unha vez cubertas abrirase lista de agarda por orde de inscrición.

ACTIVIDADES DEPORTIVAS PARA MAIORES DE 55 ANOS. Todos os martes ás 10.30 h (hora galega) en Vila Nova de Cerveira e os xoves ás 10.00 h (hora galega) no local da Asociación Vontade de Tomiño. A actividade retomarase o martes 5 de febreiro.

PRÁCTICA DEPORTIVA EN PARROQUIAS DE TOMIÑO. Clases de pilates, ximnasia, zumba, fitness e actividades afíns en función das preferencias e características das persoas asistentes. A actividade retomarase a partir do vindeiro 7 de febreiro e celebrarase os xoves ás 11.30 h na Casa de Cultura de Tomiño. En función da demanda prevese abrir e organizar novos grupos en Goián, Tebra e Sobrada os mércores ás 11.30 h e os venres ás 11.30 h.

Concello de Tomiño


A Eurocidade Tui-Valença presenta un calendario deportivo único con 17 modalidades deportivas

Celebraranse un total de vintecinco actividades até o mes de decembro

Un total de vintecinco actividades de 17 modalidades deportivas na que participan 21 clubs e dúas empresas conforman o calendario de actividades deportivas de 2019 que esta fin de semana comeza na Eurocidade Tui-Valença e que se vai prolongar até o mes de decembro.

A presentación celebrouse esta mañá na casa do concello coa presenza do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, e os responsables de Deportes das dúas cidades Eduardo Freiría e José Monte. Asistiron tamén representantes de varios clubs deportivos.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, destacou este calendario como "amplo, único e extraordinario" ao tempo que salientou que "o deporte está sendo a área onde a colaboración na Eurocidade é máis profunda e continuada e debe ser unha referencia para outros ámbitos". O presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, afirmou que "no ámbito europeo non hai outra Eurocidade con actividades compartidas coma a de Tui-Valença". O concelleiro de Deportes de Tui, Eduardo Freiría, expuxo que o deporte "é o baluarte máis forte da fortaleza que é a Eurocidade", engadindo que este calendario "segue sendo unha vía de desenvolvemento para o futuro, non só no mundo deportivo, senón tamén cultural e noutros ambitos". Mentres José Monte, vereador de Deportes de Valença, cualificou a oferta deportiva da Eurocidade de "dinámica, única e transfronteiriza". Ao tempo fixo balanzo da actividade desenvolvida en 2018 con 23 actividades deportivas nas que participaron 6.400 deportistas e que contou con millares de espectadores.

As modalidades deportivas que forman parte do calendario deportivo son automobilismo, fútbol, motociclismo, bicicleta de montaña, andainas, baloncesto, padel, atletismo, judo, kung fu, natación, hockei, tenis, remo, orientación, trail e baile deportivo

A primeira cita terá lugar mañá mesmo,2 de febreiro, co TT Eurocidade de Jeeps no que van participar 167 vehículos e 340 persoas. Continuará co TT de Motos o 23 deste mes. Amais o fútbol será protagonista coa IV Taça San Teotonio e a IV Copa San Telmo na que se van enfrontar o Tyde FC e o Valenciano co gallo das festas patronais de Valença e Tui.

As Andainas da Eurocidade ofrecerán neste 2019 un total de sete percorridos que se van celebrar con carácter mensual de marzo a outubro. Tamén está prevista a realización do Camiño Portugués en catro etapas no mes de setembro. Volverán celebrarse os torneos ou campionatos de baloncesto, padel, kung-fu, fútbol 7, judo, hockei, tenis, iolas, baile deportivo e natación. O atletismo estará presente coa Eurocidade 10, carreira de dez quilómetros que une Tui e Valença, e co percorrido nocturno a Urban Trail Night Eurocidade. A Eurocidade BTT o 17 de marzo, o IV Festival Aéreo en xullo, o IV Rallie Eurocidade en agosto, a Xuntanza Moteira en setembro, xunto a II Carreira de Orientación Eurocidade completan o programa previsto.

Calendario de Actividades Deportivas Eurocidade 2019

1. TT Eurocidade Jeeps- 02/02/2019
2. IV Taça San Teotonio - 16/02/2019
3. TT Eurocidade Motas - 23/02/2019
4. VIII Eurocidade Btt - 17/03/2019
5. VIII Circuito De Andainas Saudables Eurocidade
A. Trilho Sabores Da Lampreia - 16/03/19
B. Andaina San Telmo - 28/04/19
C. Trilho Sabores Serranos - 12/05/19
D. Andaina Monte Tetón - 22/06/19
E. Andaina Do Monte Faro Ao Aloia - 20/07/19
F. Andaina Histórica De Tui - 03/08/19
G. Trilho De Talhao - 20/10/19
6. V Torneo De Baloncesto Eurocidade - 6, 7 Y 8/04/19
7. III Torneo De Padel Eurocidade - Anual
8. IV Copa San Telmo - 27 O 28/04/19
9. III Epic Race Pontevedra - 31/05, 01 Y 02/06/19
10. VIII Eurocidade 10 - Xuño/19
11. VI Campionato Kung Fu Eurocidade - 23/06/19
12. VIII Torneo De Fútbol 7 Eurocidade - 29 Y 30/06/19
13. V Torneo De Judo Eurocidade - 06/07/19
14. IV Festival Aereo Eurocidade - Xullo
15. IX Travesía A Nado Eurocidade - 03/08/19
16. IV Rallie Eurocidade - 30 Y 31/08/19
17. VI Trofeo De Hockei Eurocidade - Setembro
18. VI Torneo De Tenis Eurocidade - Do 12 Ao 29/09
19. III Xuntanza Motera Eurocidade - Setembro
20. II Campionato De Iolas Eurocidade - 21/09/19
21. Camiño Portugues A Santiago - 21, 22, 28 E 29/09
22. II Carreira De Orientación Eurocidade - 13/10/19
23. IV Urban Trail Night Eurocidade - 26/10/2019 - 20.30 H
24. VI Torneo De Baile Deportivo Eurocidade - Novembro
25. IX Trofeo De Natación Eurocidade - Decembro

Concello de Tui


O servizo de obras e limpeza conta cun tractor, recuperado tras dez anos en desuso Equipouse cunha trituradora e unha folla niveladora con cargo ao Plan Concellos

A concellería de Seguridade Cidadá, Fomento e Protección Civil, que dirixe Antonio Castro, informa da posta en funcionamento hai un días dun tractor Kubota, propiedade municipal, que levaba unha década parado nas instalacións municipais. O vehículo pasa a ser empregado xa polo Servizo de Obras e Limpeza nas súas tarefas tras cambiarlle as cubertas das rodas, e pasarlle a correspondente Inspección Técnica de Vehículo.

O tracator foi equipado cunha trituradora para desbroces e unha folla niveladora hidráulica para nivelación de camiños e formación de cunetas adquiridas polo Concello ao abeiro do Plan Concellos da Deputación, cun investimento de 14.791,04€ IVE incluído.

Concello de Tui


A calidade, variedade e continuidade da programación cultural de Tui convértena en referente en Galicia

O Teatro Municipal de Tui acollerá seis espectáculo dende este venres

Este venres, 1 de febreiro, comeza a programación do primeiro semestre do ano en Tui. Vén recollida no número 37º da axenda Corredoira Cultural. Está conformada por seis espectáculos que se van levar a cabo no Teatro Municipal e sete eventos que se van celebrar até o mes de maio.

A presentación tivo lugar esta mañá na casa do concello por parte do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, o director da AGADIC, Jacobo Sutil, xunto a Elisa Alfaya, Eduardo Rodríguez "Tatán" e Avelino González.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, destacou nesta presentación "a tradición e continuidade ao longo de moitos anos dunha axenda cultural moi completa, que sen dúbida hoxe en día ten un gran prestixio no sector e en Galicia". Engadía o rexedor que isto "non é froito da casualidade senón do gran traballo realizado ao longo de moitos anos e cunha estratexia moi clara de facer unha axenda moi variada e con gran presenza de produción galega". Concluía apuntando que "para destacar en calquera ámbito é importante ter continuidade e traxectoria" sinalando a longa traxectoria que ten esta programación cultural na que radica parte do seu éxito.

O concelleiro de Cultura, indicaba que con esta programación o Concello de Tui "mantén a súa liña de calidade nunha programación cultural, que nunha cidade, que a pesar do seu número de habitantes, ten un dos mellores resultados en afluencia de público ao teatro dentro da Rede Galega de Teatro e Auditorios". O edil agarda que "o público siga manténdose fiel e sendo esixente para que poidamos ter a mellor das programacións ao longo do ano".

Pola súa parte o director da AGADIC, Jacobo Sutil, destacou a variada programación ofertada nos próximos meses en Tui, con seis espectáculos pertencentes á Rede Galega de Teatro e Auditorios, que son financiados ao 50% pola rede e polo Concello de Tui. Apuntaba que o Teatro Municipal é un dos máis valorados da Rede Galega tanto pola súa dotación como polo trato que se lle da ás compañías que aquí actúan.

Dos seis espectáculos que se van celebrar no Teatro Municipal, dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios, tres van dirixidos a público familiar e tres a público adulto. A primeira cita será este venres, 1 de febreiro, con Talía Teatro que presentará unha revisión do clásico de Carlo Goldini "O servidor de dous amos". Unha obra que incorpora novas formas de teatralidade e que persegue "o espectáculo total".

O venres, 8 de febreiro, será a quenda de Elefante Elegante con "Patapatúm", unha obra a que reflexionan sobre o tempo que os pais e nais lle poden dedicar aos seus fillos. O venres 15 de febreiro chega ao Teatro Municipal "Invisibles" a obra na que Redrum Produccións aborda a violencia de xénero a través da historia de mulleres reais recollidas no seu libro por Montse Fajardo.

Ian Hamilton e Elisa Alfaya serán os responsables de "Cousa de nenos" un espectáculo de maxia, comedia, sombras chinescas, pintura rápida... programado para o venres 1 de marzo. Na presentación desta mañá Elisa Alfaya como tudense amosouse orgullosa de actuar en Tui, logo de estar moitos anos fóra.

Avelino González, director de "Senior" a obra que Culturactiva presentará o venres, 8 de marzo, apuntou que "é un pracer vir a Tui con este espectáculo" xa que dicía "Tui é un dos sitios de referencia para ver teatro no sur de Galicia" ao tempo que apuntaba que a Eurocidade Tui-Valença é un plus xa que aporta público galego-portugués. Nesta obra ponse ao fronte de dous consagrados actores coma Luís Iglesias e Marcos Orsi que abordan en clave de humor a chegada á década dos 50.

Por último o venres 15 de marzo Tanxarina representa a obra de Carlos Casares "A galiña azul". Eduardo Rodríguez "Tatán" un dos actores / manipuladores, fixo referencia aos 38 anos de traxectoria da compañía nos que Tui sempre foi parte do seu traballo, e referencia no teatro, xa que "non vimos só aquí a facer teatro, senón tamén a ver teatro". Presentarán o galardoado "A Galiña Azul" que foi premiado como mellor espectáculo infantil nos premios Fetén, e nos María Casares.

O Entroido abrirá a programación de eventos co Desfile Concurso previsto para o martes, 5 de marzo, e o Enterro do Bacallou que se celebrará o domingo 10 de marzo. O Festival Internacional de Documentais de Tui, Play Doc, celebrará a súa décimo quinta edición do 3 ao 7 de abril. As festas de San Telmo terán lugar do 20 ao 29 de abril con eventos coma o Festival Folclórico ou a XI Semana do Teatro Afeccionado. Por último pecha a programa a XXII Feira do Libro Galego que se celebrará no Paseo da Corredoira o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Toda a programación do primeiro semestre do ano vén recollida no número 37º da axenda Corredoira Cultural, da que se editaron 15 mil exemplares que son distribuídos en Tui e Valença.

Concello de Tui


Comeza a redacción Plan Director e Estratéxico de Turismo de Tui

Estará rematado en dous meses e medio

Tui contará no prazo de dous meses e medio cun Plan Director e Estratéxico de Turismo que marcará un cronograma de actuación no período 2019-2022. Partindo da actual situación, que será analizada durante estas primeiras semanas, realizará unha análise da situación actual co perfil do visitante, a oferta, o mercado e os competidores, redactará un informe DAFO, establecerá os retos e liñas estratéxicas a seguir, e concluirá co deseño de plans de acción e produtos prioritarios.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, xunto a Julio Sánchez, da empresa Valora, adxudicataria da redacción do Plan Director, presentaron este mediodía o incio da redacción deste documento. O acto contou coa presenza do alumnado do módulo de "Promoción turística local e información ao visitante" do obradoiro "Percorre Tui".

O obxectivo é involucrar ao sector turístico da cidade dende hostalería, restauración, até empresas de turismo activo entre outras. Todas elas serán convocadas a unha mesa de traballo que se realizará en menos dun mes, e tamén se levarán a cabo enquisas on-line para ter así unha imaxe tamén da poboación en xeral sobre o turismo en Tui.

Na presentación deste mediodía o alcalde, Carlos Vázquez Padín, explicou que "entendiamos que era unha tarefa e unha materia pendente deste concello, elaborar un documento, unha folla de ruta, na que traballar sobre un potencial e uns recursos que temos no ámbito do turismo". Nese senso aludía ao "trío de ases" do Río Miño, o conxunto histórico, e o Parque Natural do Monte Aloia que ten o municipio.

Julio Sánchez da empresa Valora destacaba a importancia de que calquera destino turístico poida contar cun Plan Director e de Estratéxica Turística. Destacaba ao tempo a importancia de que a estratexia que se vai plantexar teña a máis ampla colaboración/implicación posible, que sexa un plan codeseñado entre todos. Apuntaba tamén Julio Sánchez que o obxectivo final é a elaboración dun ou varios produtos turísticos.

Concello de Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais