JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Horário do Ferry (de 15 a 20 de Janeiro)


O BNG presenta na Guarda unha moción en apoio ao conflito das traballadoras do Centro de Saúde

"O BNG quere expresar a súa solidariedade e apoio aos traballadores e traballadoras do PAC da Guarda diante das accións que están a realizar en protesta polas condicións de traballo"

O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou unha moción para ser discutida en pleno no que se insta á Consellería de Sanidade e ao SERGAS a negociar cos traballadores e traballadoras da sanidade pública as demandas laborais presentadas polo colectivo, así como amosar a solidariedade do pobo da Guarda ante a situación que están a vivir.

Hai máis de 10 meses as traballadoras dos PAC presentaron por escrito unha táboa de reivindicacións que recollían as necesidades deste colectivo para realizar o traballo en condicións de seguridade e con calidade asistencial. Entre as reivindicacións estsán os equipos paritarios enfermería-persoal médico, dotación de necesidades dos PAC, cumprimento da normativa europea de tempo de traballo, dotación de equipos de protección individualizados, ....

Para o BNG a situación é insostíbel e consecuencia da política sanitaria do PP, que levou a unha degradación de tal calibre dos servizos sanitariosque fixo poñer en pé de guerra aos traballadores e traballadoras dos PAC.

Para o BNG é preocupante a situación na que está deixando o PP a sanidade galega, en especial os servizos sanitarios da Guarda.

"Dende o BNG levamos anos reclamando unha serie de melloras para o entro de Saúde da Guarda: mellora do servizo de urxencias, implantación dun servizo de radioloxía, unha ambulancia medicalizada, ... e o PP negou todas estas reivindicacións para a Guarda", comentou Anxo Baz, portavoz municipal do BNG.

O BNG presentou unha serie de emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2019 no que se inclúen melloras para o PAC da Guarda como un servizo de radioloxía, unha ambulancia medicalizada ou a mellora do servizo de urxencias.

BNG de A Guarda


Fátima Rodríguez será a poñente de "Comercio Innova Plus" o vindeiro luns na Guarda

Continúan no Concello da Guarda as actividades do programa formativo "Comercio Innova Plus", dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unha actividade para a que non é preciso inscrición previa e que se realiza totalmente de balde.

O vindeiro luns día 21 de xaneiro terá lugar unha charla sobre "Innovación no cara a cara co cliente", que realizarase na Casa dos Alonsos da Guarda en horario de 15:00h a 16:45h. Neste caso a poñente será Fátima Rodríguez Marcos, Licenciada en Psicoloxía, posúe unha ampla experiencia como formadora en habilidades comunicativas e atención ao cliente. Dende fai case 4 anos dirixe o seu propio proxecto profesional a través de Talentea, unha consultoría de proxectos ubicada en A Guarda.

A través desta píldora formativa repasarase algunhas das ferramentas e estratexias innovadoras que utilizan tanto grandes como pequenas empresas para captar, fidelizar e mellorar a experiencia cos seus clientes, e analizarase de que xeito o pequeno comercio podería aplicalas á súa realidade e casuística concreta.

Para rematar a programación de "Comercio Innova Plus" o luns 28 de xaneiro terá lugar na Casa dos Alonsos unha charla sobre "Compartindo Talento: Xuntos chégase máis lonxe" a cargo de Mariem Filgueira Pérez, Licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de Proxectos de Consultoría e Innovación en Sherpa Empresarial.

Estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.

Esta actividade constitúe a continuación do programa "Comercio innova", que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.

No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre "Utilización Práctica de Instagram", e "Utilización Práctica de Facebook", rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.

"Comercio Innova Plus" conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.

Concello de A Guarda


A Guarda conta con dúas Mesas para a práctica do Xadréz ao aire libre

O Concello da Guarda ven de instalar recentemente dúas mesas de Xadréz cos seus respectivos asentos na parte posterior do edificio do Centro Cultural da vila, unhas instalacións que servirán para a práctica do Xadréz, ofertando ademais dun servizo de préstamo de fichas de Xadréz e Damas na recepción do Centro Cultural.

Estas mesas de Xadréz foron instaladas grazas a un Convenio de Colaboración no que a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra realizou a doazón destes elementos escultóricos, que poden arestora empregar todos os guardeses e guardesas.

O Alcalde da Guarda e o Concelleiro de Deportes aproveitaron para comprobar "insitu" a instalación desta obra escultórica e xogar unha partida de Xadréz, convidando a todo aquel que o desexe a empregar as fichas postas á disposición na recepción do Centro Cultural no seu horario habitual de apertura, de luns a venres de 10:00h a 13:00h a 17:00h a 20:00h e os sábados 10:00h a 13:00h.

Concello de A Guarda


As asociacións da Guarda preparan xa a III Mostra Asociativa

O pasado martes día 16 de xaneiro de 2019 a Casa dos Alonsos acolleu unha reunión de traballo con diferentes colectivos e asociacións da vila de cara á organización da terceira edición da Mostra Asociativa, un evento multicultural no que as asociacións da vila son protagonistas, dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes ao longo dunha gran xornada cargada de actividades e unha intensa programación para todas as idades, que no pasado ano celebrouse no mes de setembro na Alameda da Guarda.

Contando coa asistencia de máis dunha vintena de representantes de asociacións guardesas, o Alcalde da Guarda, a Concelleira de Cultura e a Técnica de Xuventude, foron intercambiando impresións e valoracións sobre como foi o funcionamento da pasada edición e como se pode mellorar a edición deste ano, que segundo se acordou nesta primeira reunión de contacto, celebrarase no mes de Maio, de xeito que sirva coma escaparate ás actividades que moitas destas asociacións realizarán durante o verán.

As diferentes asociacións valoraron moi positivamente este evento, que chegará este ano á súa terceira edición e probablemente pasando de Mostra a Festa, animando e implicando mais aínda se cabe, ao conxunto da sociedade e cidadanía guardesa.

No vindeiro mes de febreiro celebrarase unha segunda reunión para continuar cos preparativos desta terceira edición, todas as asociacións que desexen participar poden ampliar información na OMIX da Guarda chamando ao 9866 10000 ou contactando no enderezo electrónico informacion@aguarda.es

Dende o Concello da Guarda faise un chamamento á participación da cidadanía, para por manifesto unha vez máis a importancia do asociacionismo, a colaboración e a implicación da sociedade en diferentes colectivos, para levar a cabo accións asociativas de interese xeral con diferentes temáticas e fins.

Concello de A Guarda


As toalliñas e bastoncillos provocan atascos na rede de saneamento municipal

O Concello da Guarda a través da Concellería de Medio Ambiente e da Concellería de Servizos ven de facer un chamamento conxunto a toda a cidadanía para evitar que materiais como as toalliñas desechables e os bastoncillos non cheguen á rede de saneamento municipal, xa que provocan atascos e o deterioro das tubaxes e estacións de bombeo, en detrimento da calidade deste servizo, provocando ademais un impacto negativo no medio ambiente.

Recentemente, técnicos municipais tiveron que realizar unha limpeza exhaustiva de boa parte do sistema de saneamento da vila a consecuencia dos atascos provocados por este tipo de materiais, que, en ningunha circunstancia, deberían de chegar á rede de saneamento.

Este tipo de atascos e reparacións son cada vez máis comúns, o que significa un custe cada vez maior para as arcas municipais, polo que se fai un chamamento ao seu uso responsable á vez que se anuncia unha campaña de sensibilización sobre o efecto negativo que unha acción tan sinxela coma tirar estes materiais ao WC pode ocasionar.

Concello de A Guarda


O Servizo Galego de Saúde asume os gastos de mantemento do Centro de Saúde da Guarda

O pasado martes día 15 de xaneiro de 2019 o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e María Jesús Piñeiro, Directora Xeral de Recursos Económicos do SERGAS, asinaron o acordo para a asunción dos gastos do Centro de Saúde PAC da Guarda por parte da Consellería de Sanidade, unha vella reivindicación, trala cal o Concello da Guarda cede a titularidade do Centro de Saúde á Consellería de Sanidade.

Unha vez finalizado este proceso de cesión o SERGAS é o encargado de asumir os gastos de funcionamento desta infraestrutura, na que as arcas municipais da Guarda investiron no ano 2018 un total de 48.537,60 euros.

O Concello da Guarda comprometeuse a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos necesarios, remitindo previamente toda a documentación e facilitando toda a información solicitada pola Xerencia de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde para evitar problemas no proceso de cambio de titularidade dos contratos de subministración existentes ata esta data.

A decisión de iniciar este procedemento fora xa adoptada nun acordo plenario de xaneiro de 2009, facendo unha rectificación do Inventario de Bens Municipais para poder ceder esta titularidade á Consellería de Sanidade.

Concello de A Guarda


Xoán Martínez Tamuxe falou sobre As Cachadas na primeira Barferencia do ano na Guarda

O venres día 11 de xaneiro de 2019 o Bodegón Os Seixiños da Gándara foi o escenario escollido para a celebración da primeira Barferencia do ano na Guarda, neste caso o historiador rosaleiro historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe foi o encargado de trasladar aos presentes parte da "Historia da Fábrica das Cachadas".

Ante máis de medio cento de asistentes historiador rosaleiro Xoán Martínez Tamuxe ampliou máis en detalle sobre a historia desta empresa e do traballo alí realizado dende os seus comezos ata a actualidade, unha empresa que foi sempre un símbolo para A Guarda, tanto polo emprego que xerou coma na súa característica cheminea. No lugar das Cachadas hai referencias a distintas telleiras, entre elas a telleira de Lomba, documentada xa en 1808. Tempo despois a fábrica orienta a súa produción cara a fabricación de materiais refractarios destinados á industria química e eléctrica. A calidade dos produtos elaborados mereceu distintos recoñecementos rexionais, nacionais e internacionais.

O 7 de agosto de 1954 rematou a construción da cheminea das Cachadas. A base cadrada realizárona albaneis da localidade mentres que para o resto contratouse a Cabo de Salceda quen cobrou polos traballos 68.910,10 pts. Na súa construción, que acada os 60 metros de altura, empregáronse 44.036 ladrillos elaborados na propia fábrica cun peso de 140.130 kg.

As Barferencias continuarán o 1 de febreiro no bar O Couto de Camposancos, cunha charla sobre o "Barrio de Mergelina, un modelo de restauración arqueolóxica" a cargo de Luis Francisco López González e o 15 de marzo na Cafetería Marbella cunha charla sobre "Castelo de Santa Cruz: 350 anos do fin da Guerra da Restauración na Guarda, a cargo de Rebeca Blanco Rotea.

Concello de A Guarda


Entregados os premios aos mellores lectores da Biblioteca Pública Municipal da Guarda no ano 2018

Co gaio do Día do Usuario/a das Bibliotecas, que se conmemora cada 11 de xaneiro, a Biblioteca Pública Municipal da Guarda agasallou aos tres lectores que máis libros leron no ano 2018 nas categorías xuvenil, infantil e adulto.

O pasado sábado día 12 de xaneiro, os lectores premiados recibiron da man da Concelleira de Cultura e Educación, Elena Baz, un lote de libros adaptados ao seu perfil lector, incentivando e promovendo unha vez máis a cultura da lectura entre a cidadanía guardesa.

Premiados/as:

Categoría adulto: María del Carmen Filgueira Alonso
Categoría xuvenil: Pablo Martínez Da Silva
Categoría infantil: Andrea González Alonso

Concello de A Guarda


Cerveira e Tomiño reciben distintos premios en 2018 polas súas iniciativas a prol da cidadanía

Xunto ao premio polo Orzamento Participativo Transfronteirizo que desenvolven conxuntamente, Tomiño foi recoñecido co selo de Cidade da Infancia e de Mercado Excelente e Cerveira polas súas iniciativas enerxéticas e medioambientais

Os concellos de Cerveira e Tomiño conseguiron ao longo de 2018 varios premios polas boas prácticas que cada un dos municipios leva desenvolvendo dende hai tempo arredor de diversas áreas. Así, nos últimos meses, ademais do recoñecemento conxunto polas súas iniciativas de participación cidadá, o concello galego recibiu dous galardóns polo seu traballo a prol da infancia e do comercio local e o municipio luso polas súas iniciativas medioambientais. Estes premios recoñecen o compromiso de ambos os dous municipios na implantación de distintas medidas para unha transformación real dos concellos cara unha gobernanza común e na procura dunha maior calidade de vida para toda a cidadanía.

O primeiro premio do 2018 chegou da man do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), unha iniciativa conxunta que Cerveira e Tomiño puxeron en marcha en 2016 co obxectivo de involucrar á cidadanía dos dous municipios veciños na formulación de solucións para necesidades comúns. O OPT foi elixido como unha das cinco mellores iniciativas de participación cidadá en Portugal no Premio de Boas Prácticas de Participación 2017, un certame posto en marcha pola Rede de Autarquías Participativas lusas que busca incentivar a implementación, difusión e posta en valor de prácticas innovadoras de democracia participativa a nivel local. A iniciativa conseguiu a segunda mellor puntuación na avaliación do xurado, tan só por detrás e a 60 décimas do Orçamento Participativo Jovem de Cascais.

Tomiño, Mercado Excelente e Cidade amiga da infancia

O compromiso de Tomiño coa infancia e a súa aposta por colocala no centro das políticas locais, xerando mecanismos reais de participación infantil e cunha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes nas políticas e accións de goberno levaron ao concello tomiñés a conseguir en outubro o recoñecemento de UNICEF como Cidade Amiga da Infancia (CAI). Esta distinción supón a culminación dun longo proceso de preparación, pero tamén o inicio dun novo período no que Tomiño debe levar a cabo accións, dotadas de recursos, e escoitar as opinións dos nenos e nenas que conforman os seus consellos locais de participación infantil e adolescente en todos os temas que lles afectan.

Apenas un mes despois, o concello tomiñés volvía estar de noraboa. A Xunta outorgaba ao Mercado Municipal de Tomiño o primeiro selo de 'Mercado Excelente' de Galicia, un recoñecemento ao traballo colectivo e pola resposta da praza de abastos aos retos de modernización e innovación sen perder a súa esencia, así como pola proximidade e o trato personalizado, a accesibilidade das súas instalacións, a prestación de servizos ou a implicación e integración do mercado na vida social do concello.

A excelencia enerxética e ambiental de Cerveira

A cámara municipal de Cerveira tamén rematou o 2018 con premio, nesta ocasión pola súa 'Eficiencia Enerxética e Renovable no sector público' do Premio Excelencia Enerxética-Ambiental no Alto Miño. Este galardón destaca os bos resultados obtidos polo municipio no proxecto de substitución das luminarias incandescentes existentes por tecnoloxía LED no Terreiro, así como a instalación de novos puntos de luz, todo con fondos propios. Con esta iniciativa o goberno cerveirense conseguiu rematar coas chamadas zonas de sombra ou zonas escuras que había neste barrio, aumentando a sostibilidade, a seguridade e o confort nas rúas e permitindo ao concello reducir de xeito significativo a súa factura enerxética.

Concello de Tomiño


Tomiño recolle case 400 propostas para poñerlle nome á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo

Unha comisión de expertos reunirase este luns 21 para facer unha selección entre todas as ideas presentadas. Ese mesmo día comezará o prazo de votación popular, que estará aberto ata o vindeiro 28 de febreiro

Éxito de participación na recollida de ideas para poñerlle nome á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo. O Concello de Tomiño recolleu case 400 propostas durante a primeira fase da campaña 'Ponlle nome!', un proceso participativo que invita á cidadanía a colaborar na proposta e elección da denominación desta nova rúa que nace co obxectivo de eliminar o tráfico de paso polo centro urbano da vila. Case a metade das propostas foron recibidas a través do espazo habilitado na web do Concello, mentres que na urna situada na Casa Consistorial depositáronse un 26% das ideas e na do Mercado Municipal o 24% restante.

"Estamos moi contentos coa resposta e coa implicación da xente na primeira fase da campaña. Esta infraestrutura vai supoñer unha mellora importante para todos os tomiñeses e tomiñesas e por iso nos parecía fundamental que se involucraran dende un principio con ela, que a sentiran como propia, incluso propoñendo e decidindo o nome que se lle vai poñer", salienta Sandra González, alcaldesa da vila.

Fase de votación do 21 de xaneiro ao 28 de febreiro

Tras o remate da fase de recepción de propostas, o vindeiro luns 21 de xaneiro un tribunal composto por persoas expertas e representativas da realidade tomiñesa, encargarase de analizar todas as propostas recibidas e de facer unha selección entre aquelas ideas que cumpran criterios básicos, como respecto ou orixinalidade, entre outros.

O mesmo día 21 abrirase o prazo de votación popular para que a cidadanía complete o proceso de elección, escollendo o seu nome favorito entre todas as propostas seleccionadas. Todos os tomiñeses e tomiñesas poderán depositar o seu voto novamente de forma presencial nunha urna instalada para tal fin, nas dependencias do mercado municipal e da Casa do Concello, ou de forma virtual a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal. Os veciños e veciñas poderán votar ata o 28 de febreiro de 2019. O concelleiro de Planificación Territorial, Uxío Benítez, espera que "a cidadanía continúe participando tan activamente na campaña, xa que se trata dun proxecto estratéxico que está feito por e para os tomiñeses e tomiñesas e que vai supoñer un antes e un despois para o municipio".

Un espazo pensado para as persoas

Con 'Ponlle nome!', o Concello de Tomiño busca darlle voz e voto á cidadanía nunha das obras máis importantes do municipio, xa que materializan un proxecto reclamado historicamente polo Goberno municipal e levan consigo a transformación do centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade, con accesibilidade universal e xerando unha maior calidade de vida urbana.

Esta nova avenida rodeará o núcleo do Seixo e permitirá eliminar o tráfico de paso do centro urbano. Cunha lonxitude de 1.400 metros, enlazará a estrada provincial EP-3102 polo Sur e a PO-344 (rúa Gondomar) polo Norte, dando unha saída natural á avenida da República Arxentina e rúa da Pedra cara o Leste do núcleo, e conectando o municipio coa futura Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Esta variante comunicará os equipamentos situados na estrada provincial, como o CEP Pedro Caselles, a área deportiva de Mosteiro e a igrexa románica de Tomiño, con novos equipamentos como o centro de saúde, o centro de día e mesmo o IES Antón Alonso Ríos, desviando do núcleo urbano uns 10.000 vehículos.

A vía terá unha sección de 18 metros, dos que seis estarán destinados a unha senda peonil e ciclista con arborado, mentres que a calzada terá dous carrís para o tránsito rodado coas súas correspondentes beiravías. Con cinco rotondas e unha vintena de pasos de peóns sobreelevados para distribuír e calmar a circulación e garantir a seguranza viaria, a nova avenida estará delimitada a unha velocidade máxima de 30 km/h.

Cun investimento de 3,5 millóns de euros, a construción da nova avenida de Tomiño é un proxecto levado a cabo grazas ao convenio de colaboración entre Concello de Tomiño, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.

Concello de Tomiño


Eu Rural arranca o ano cun curso de escaparatismo e paquetería comercial en Tomiño

A actividade, enmarcada no programa "O ben feito, ben parece", impártese na Casa da Cultura até o día 30 de xaneiro

A Escola Eu Rural comeza o 2019 cun novo curso de formación en Tomiño. Dende hoxe e até o 30 de xaneiro, a nosa vila acolle o "O ben feito, ben parece", unha actividade formativa organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural (entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020), e que ten como obxectivo principal axudar a crecer e mellorar o comercio local, dando ferramentas a todas as persoas para mellorar as ventas dos negocios e facelos máis competitivos.

Centrado na comercialización de produtos, do sector primario e outros, este curso de 36 horas de duración, impártese na Casa da Cultura de Tomiño os días 14, 15 e 16, 21, 22 e 23 e 28, 29 e 30 de xaneiro, de 16.30 a 20.30 horas.

Destinado a persoas emprendedoras e comercios locais, así como a calquera persoa interesada, este curso ten coma fin servir de ferramenta para que o alumnado, adquira coñecementos vencellados ao escaparatismo, presentación do produto, paquetería comercial e visual merchandising. Ao longo da formación, as persoas adquirirán as habilidades necesarias para desenvolver o escaparate perfecto, tendo en conta os puntos de atracción visual e o tipo de decoración máis axeitada en cada negocio, para visibilizar os produtos e favorecer as compras.

Entre as persoas anotadas, atópanse algunhas que xa teñen negocios e outras entre as que hai futuros emprendedores, mozos e mozas en busca de formación específica relacionada co comercio, persoas que traballan dende casa e venden a través de internet, etc.

Patricia Maquieira, monitora do curso explica que a idea é que aprendan nocións básicas sobre escaparatismo e logo aplicalas; para os que teñen tendas será máis fácil facelo, e para os que non, poderán aproveitar a experiencia dos seus compañeiros e compañeiras. Nas primeiras clases comezan a manexar termos como decoración estacional, escaparates creativos, reclamos ou diferencia entre os produtos de tempada e os que non o son. Uns a outros se dan consellos sobre como decorar mellor o seus escaparates ou expoñer os produtos de maneira máis atractiva, sen gastar moito diñeiro.

Tomiño é o terceiro municipio en acoller unha nova acción de 'O ben feito ben parece', que arrancou en A Guarda en maio e xuño de 2018, e que celebrou unha edición máis en Nigrán en setembro do mesmo ano. Tras a vila tomiñesa será a quenda de Mos, que albergará este curso de escaparatismo do 6 ao 22 de maio de 2019.

Concello de Tomiño


Tomiño instala detectores de fume domésticos en domicilios de persoas maiores e dependentes

Os dispositivos son colocados "casa por casa" por operarios municipais, que explican aos usuarios e usuarias o funcionamento e mantemento dos aparatos

O Concello de Tomiño comezou nestas semanas a instalación de 400 detectores de fume en domicilios de persoas usuarias dos servizos de Axuda no Fogar ou Teleasistencia. Os dispositivos son colocados por persoal municipal, para evitar aos beneficiarios un gasto a maiores.

Os 400 detectores de fume domésticos foron achegados polo Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, enmarcado no proxecto europeo ARIEM 112, no que participan a partes iguais, Xunta e Deputación, para dar resposta a estatísticas que indican que o 75% das vítimas producidas en vivendas, son menores de 5 anos ou anciáns maiores de 65 anos, polo que "un detector de fume adecuadamente instalado no fogar dobra as posibilidades de saír con vida dun incendio", explica a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.

Deste xeito, a entrega dos detectores faise "casa por casa" e vai acompañada dunha labor de concienciación dirixida ás persoas maiores, que viven soas ou están en situación de dependencia, explicándoselles no momento da instalación, o funcionamento e mantemento do dispositivo.

A entrega de detectores de fume, no marco do proxecto europeo de cooperación en materia de emerxencias transfronteiriza ARIEM 112, é unha política de prevención destinada á poboación maior de 65 anos, persoas que viven soas ou dependentes, que necesitan unha maior seguridade que o resto da cidadanía.

Concello de Tomiño


Tomiño terá na súa IV Semana da Educación ao xenetista catalán David Bueno, para falar sobre a neurociencia e a súa relación coa aprendizaxe

Durante catro días, destacados profesionais do mundo da comunicación, a psicopedagoxía e a investigación afondarán en diversos aspectos do proceso educativo

O biólogo e xenetista catalán David Bueno, será unha das catro personalidades da Semana de Educación de Tomiño, que se celebrará no Auditorio de Goián entre os días 4 e 7 de febreiro.

Por cuarto ano consecutivo o Concello de Tomiño organiza este foro para que docentes, discentes, educadores, pais, nais e público en xeral, poidan achegarse para formarse e informarse sobre diferentes temáticas educativas en colaboración con recoñecidos profesionais. "Baixo o lema 'Educación activa, sociedade proactiva', nesta cuarta edición continúase a poñer de manifesto a importancia da educación na sociedade, unha firme aposta do Concello de Tomiño, que leva traballando moito tempo de cara a potenciar as capacidades e habilidades do alumnado, fomentando a implicación e involucrando a todos os axentes que participan no proceso", explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño e responsable da área de Educación.

Como vén sendo habitual, durante catro días, destacados profesionais do mundo da comunicación, a psicopedagoxía e a investigación afondarán en diversos aspectos da educación e da aprendizaxe. O prazo de inscrición, gratuíta, xa está aberto a través dun formulario dispoñible na web www.tomino.gal

Para que nais e pais poidan acudir ás conferencias con tranquilidade, habilitarase un servizo de gardería de balde no propio auditorio; é necesario facer constar a necesidade de utilizalo no formulario de inscrición.

Conferencias

David Bueno, que pechará o ciclo de conferencias, o xoves 7 de febreiro, é probablemente o conferenciante máis coñecido polo público, pola súa activa labor de divulgación científica. Doutor en bioloxía e profesor de xenética na Universidade de Barcelona, a súa traxectoria profesional e académica desenvolveuse en Barcelona e Oxford, centrándose na xenética do desenvolvemento e a neurociencia, e a súa relación co comportamento humano. Sobre estes temas, Bueno publicou máis de cincuenta artigos científicos en revistas especializadas, e coma divulgador, sete libros para achegar a ciencia á cidadanía, así como tamén, varios libros de texto e colaboracións habituais con varios medios de comunicación. A súa conferencia do día 7 leva por título "Sorpresa! Que quere aprender o cerebro" e tratará de dar as claves para sacar o mellor proveito del nos procesos de aprendizaxe.

A primeira charla "Xestión do cambio educativo. Máis aló das modas", será o luns 4 de febreiro e estará a cargo da bióloga e profesora Coral Regi, directora da Escola Virolai de Barcelona.

Jorge Úbeda, doutor en filosofía, director da Fundación Promaestro e profesor asociado da Universidade Complutense (Madrid) as claves para centros educativos, docentes e familias, na súaconferencia do día 5 "Por unha educación baseada no coñecemento", e

Iria Marañón, autora dos libros "Educar en el feminismo" e "Libérate da carga mental", terá ao seu cargo a conferencia "A igualdade tamén se aprende", o mércores 6.

Todas as conferencias serán ás 19.00 horas no Auditorio Municipal de Goián.

Concello de Tomiño


Curso intensivo do ámbito científico-tecnolóxico da ESO, nivel avanzado

O curso, que comeza este mércores, terá un custe de 15 euros mensuais, sendo gratuíto para persoas con informe favorable dos servizos de benestar social do Concello

O Concello de Tomiño prevé iniciar o día 16 de xaneiro de 2018, en horario de 19.00 a 21.00 horas, un novo curso de preparación do ámbito científico-tecnolóxico, para obter o Graduado da ESO, destinado a alumnado que teña pendente esta proba, despois de ter asistido ás clases preparatorias de anos anteriores, ou para aquelas persoas que teñan un nivel de partida avanzado.

O curso terá lugar todos os mércores ata a data do exame, terá un custe de 15 euros mensuais (gratuíto para persoas con informe favorable ao respecto, do persoal técnico dos servizos benestar social do Concello de Tomiño) e as persoas interesadas poden inscribirse directamente no Rexistro do Concello de Tomiño, ou ben, a través da Sede electrónica do mesmo, no enderezo tomino.gal.

Para máis información poden contactar coa Axente de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Tomiño (986 62 20 01) en horario de 8 a 3.

Concello de Tomiño


Mil cincocentos nenos e nenas dan o visto bo á programación infantil de Nadal e Reis en Tomiño

Tanto as actividades de Nadal coma as de Reis, contaron co apoio decidido da cidadanía

As actividades de Nadal e Reis organizadas polo Concello de Tomiño gozaron de total aceptación por parte da cidadanía. Especialmente dirixidas a público infantil e familiar, as diferentes propostas realizadas dende a Concellería de Cultura, contaron co apoio de máis de 1500 nenos e nenas; un total que sen contar o número de adultos e acompañantes, é considerado un moi bo resultado polos organizadores. "Estamos moi contentos polos niveis de participación acadados, que superan cada ano o anterior", recoñece a concelleira Cristina Martínez, responsable da área de Cultura.

Tamén foi maior a cantidade e diversidade de eventos organizados, consistentes en obradoiros, contacontos e obras teatrais, en Nadal, e xogos, inchables, obradoiros e cabalgata, en Reis.

Os obradoiros e contacontos, a cargo de Migallas Teatro, foron catro días 26 ao 29 de decembro, de 17 a 19 horas, no primeiro andar do Mercado Municipal. A inscrición previa permitiu contabilizar algo máis de 40 nenos e nenas, a partir de 3 anos, en cada un dos obradoiros. No contacontos do día 29, con historias próximas aos máis cativos e cativas, que participaron de forma activa no seu desenvolvemento e desenlace, superáronse as cen persoas.

Tamén a obra "Os tres porquiños", de Educateatro Producións, logrou encher sen problemas as 330 butacas do auditorio de Goián, con 127 nenos e nenas e 203 persoas adultas.

Por outra banda, os xogos, inchables e obradoiros realizados debaixo dunha carpa na Praza do Seixo, entre os días 2 e 4 de xaneiro, atraeron exactamente a 595 pequenos e pequenas, mentres que máis de 450 foron os que se achegaron o día 5 de xaneiro para saudar aos Reis Magos, tras a gran cabalgata.

Coma novidade, este ano contouse coa presenza da asociación Avelaíña para persoas con discapacidade, que trouxeron unha colección de chapas, colgantes e broches.

A concelleira de Cultura agradece ao persoal municipal o traballo realizado para que todos os eventos puideran realizarse sen incidencias e con toda normalidade.

Concello de Tomiño


A Eurocidade Tui-Valença presenta o primeiro almanaque da súa historia

Vénse de editar un almanaque que recolle seis paisaxes de Tui e seis de Valença realizados pola pintora galega María Meijide

A Eurocidade Tui-Valença presentou este mediodía o seu primeiro almanaque conxunto que nace con vocación de continuidade e que plasma o patrimonio e a vida de Tui e de Valença a través de doce láminas obra da artista plástica galega María Meijide. Edítanse 1.000 exemplares - 500 para Tui que serán distribuídos en establecementos públicos - cun investimento de preto de 5 mil euros sufragado a parte iguais por Tui e Valença.

Na presentación deste mediodía o alcalde, Carlos Vázquez Padín, manifestou que este tipo de actividades e iniciativas conxuntas contribúen a ir fomentando e creando unha identidade da Eurocidade cada vez máis forte. Indicaba que "é unha forma con moito simbolismo de ligarnos". Concluía que se somos quen de darlle continuidade "pode converterse nunha tradición e nunha referencia".

Pola súa parte o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, apuntaba que os cidadáns poderán ao longo do ano visualizar a través das ilustración do almanaque o patrimonio da Eurocidade.

O concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, destacou a longa traxectoria da artista plástica María Meijide que retratou agora á Eurocidade neste almanaque. Mentres María Meijide explicaba que realizou ao natural estas ilustración en acuarela con tinta nos meses de novembro e decembro plasmando non só patrimonio senón a vida de Tui e Valença.

O almanaque da Eurocidade Tui-Valença permite ao longo dos doce meses do ano realizar unha viaxe pictórica polas dúas cidades, abrindo e pechando coa vistas de Tui e de Valença dende a vella ponte internacional que ilustran, xaneiro e decembro. A capela de San Teotonio, a Catedral e a igrexa de San Telmo son a imaxe de febreiro, marzo e abril respectivamente. O calendario tamén recolle unha panorámica da fortaleza valenciana ou das rúas do seu interior, do conxunto histórico dende unha estación de servizo. Como curiosidade en agosto recóllese a ilustración do Paseo da corredoira e o palco da música feita a dobre páxina no caderno de María Meijide e así se recolle, na imaxe impresa onde aparecen os buracos da espiral que une as follas.

Concello de Tui


Mais de 80 expositores participarán na IV Mostra da Camelia Cidade de Tui que se celebra esta fin de semana

Haberá un obradoiro de té e unha charla-coloquio sobre a vespa velutina

Esta mañá presentouse na sala de reunións da casa do Concello de Tui a IV Mostra da Camelia Cidade de Tui, organizada por ATUCA, Amigos Tudenses da Camelia, coa colaboración do Concello de Tui, Deputación de Pontevedra e Sociedade Española da Camelia, que se vai celebrar esta fin de semana, sábado 19 e domingo 20 de xaneiro, na Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica.

O sábado de 9.00h a 12.00h mais de 80 expositores prepararán e colocarán as flores nos expositores. As 12.15 o Teatro Municipal, na Área Panorámica, acollerá o acto inaugural no que se fará entrega de agasallos ós expositores e a entrega de premios do II Concurso de Debuxo e Poesía "A camelia, flor na invernía galega", no que participaron ós alumnos de 1º a 4º de Primaria dos colexios tudenses.

Destacaba o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o importante valor desta flor de inverno para o municipio, tanto a nivel turístico como económico, polo que é "unha oportunidade importante xa que cada vez se move máis xente entorno a Camelia e pode ser un complemento interesante ó gran atractivo que ten Tui". Pola súa parte, o Concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, agradecía a ATUCA a súa implicación nesta mostra e "por axudar a que Tui sexa escaparate da Camelia e converter o municipio nun referente". Tamén a concelleira de educación agradecía a ATUCA a súa labor, neste caso, por acercar os máis pequenos a Camelia a través do Concurso de Debuxo e Poesía.

A Mostra floral poderá visitarse o sábado de 16.30h a 21.00h e de 10.00h a 14.00h e de 17.30h a 18.30h do domingo na Sala de exposicións Municipal situada na Área Panorámica.

Paralelamente, a Sala Félix Rodriguez acollerá outras dúas actividades. Ás 17.45 do sábado terá lugar un obradoiro de Té para dar a coñecer o té galego, impartido por Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e bióloga na Estación Fitopatolóxica de Areeiro. O domingo, ás 17.30h haberá unha charla-coloquio sobre a vespa velutina e a preparación de trampas caseiras.

Comparecerán ante os medios de comunicación o alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, o presidente de ATUCA, José Carlos Montes, a vicepresidenta, Maria José Fernández Castiñeiras, e o secretario, Antonio Luís Montes.

Concello de Tui


O Concello de Tui solicita a inclusión dunha partida de 100 mil euros nos Presupuestos Generales para financiar un concurso para a redacción do proxecto de rehabilitación do Teatro Principal

Solicita aos grupo parlamentarios que apoien esta proposta. Este é un paso previo necesario de cara a rehabilitación do inmoble

O Concello de Tui tense dirixido aos grupos parlamentario de PP, PSOE, PODEMOS (En Marea) e Ciudadanos solicitando que apoien a inclusión nos Presupuestos Generales del Estado dunha partida de 100.000€ que permita financiar un concurso para a redacción do proxecto de execución da reconstrución do Teatro Principal de Tui.

Dende o Concello explícase que o proxecto redactado en 1986 non é válido na actualidade dado o cambio que se ten producido na normativa, así coma debido á degradación que o inmoble sufriu o longo deste tempo. Apuntan amais que a redacción deste proxecto é o paso previo para que o Teatro Principal - propiedade municipal - poida ser rehabilitado nos anos 2020 ou 2021 con cargo ao capítulo 6 de investimentos do Ministerio de Fomento.

Dende o Concello enviaráselle tamén copia desta solicitude á Dirección General de Arquitectura.

Concello de Tui


O alcalde de Tui detallou no Círculo de Empresarios de Galicia a disponibilidade de chan empresarial na cidade

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, mantivo nos últimos días un encontro coa presidenta do Circulo de Empresarios de Galicia, Patricia García, e os membros do Foro de Loxística e Transporte para abrir vías de colaboración para o fomento de chan industrial e a atracción de inversores.

Carlos Vázquez Padín expuxo, ante os membros do Foro, as distintas posibilidade de dispor de chan industrial en Tui ante a necesidades deste tipo de solo que hai na área metropolitana. Deu conta de forma pormenorizada da situación en cada unha das zonas empresariais da cidade: Areas, Ribadelouro, Guillarei e Baldráns.

Apuntou nese senso que nestes momentos só o Polígono de Areas está tipificado no PXOM coma chan industrial, e dende o Concello se teñen dirixido á Xunta de Galicia para preguntar pola situación das parcelas que non se desenvolveron nesta zona. Amais dende o Concello indica Carlos Vázquez Padín "temos acompañado o esforzo dos empresarios de Ribadelouro para desenvolver o chan e dos de Baldráns para regularizar a súa situación". Detallou amais que no caso de Ribadelouro en agosto de 2018 produciuse a aprobación provisional da modificación puntual do PXOM, cuxa documentación está xa na Xunta para proceder a aprobación definitiva. "Esta modificación permitirá un incremento moi importante da oferta de chan dispoñible nesta zona cun enorme potencial, xa que é a continuación natural das zonas industriais do Porriño" segundo expuxo o alcalde de Tui.

Mentres en Guillarei o alcalde explicou que se ten dirixido á Comunidade de Monte e aos empresarios desta zona para que inicien un proceso de regularización desa zona xa que o chan aí está sen desenvolver.

Apuntou Carlos Vázquez Padín que para o goberno local é unha prioridade aumentar a disponibilidade de chan industrial, con plenas garantías xurídicas, o que permitiría tamén aumentar o número de empresas afincadas na cidade.

Logo deste primeiro encontro o alcalde de Tui será convocado a un almorzo de traballo co empresariado para darlles conta de primeira man das posibilidades de chan empresarial que hai na cidade. Abondou Carlos Vázquez Padín na súa idea de que a cidade sexa un "destino amigable" para as empresas tendo en conta a posibilidade de poder desenvolver 900 mil metros cadrados de chan industrial segundo o PXOM. Apuntaba que "hai que traballar arreo para disponibilizar ese chan e atraer empresas a Tui".

Concello de Tui


Publicado o documental "De Rosendo a Rosendo" que difunde a vida e obra do tudense Rosendo Salvado

Vén de ser publicado o documental "De Rosendo a Rosendo" dirixido por César Espada que retrata a vida do bispo tudense Rosendo Salvado a través da música coa viaxe a Australia que realizou en 2016 Rosendo Mercado, co gallo do 200 aniversario do nacemento de Salvado.

O documental contou coa colaboración do Concello de Tui que nos últimos anos ten desenvolvido ou apoiado diversas iniciativas que buscaron recuperar e pór en valor a figura de Rosendo Salvado, o papel desenvolvido en Nova Nursia cos aborixes, pero tamén o seu legado en moi diversos ámbitos como o musical. Precisamente no documental aparece a tudense Andrea González no concerto que ofreceu en Canberra interpretando algunhas das composicións de Salvado.

En 2016 un equipo se desprazou ata a cidade para tomar imaxes da cidade e tamén da documentación que se garda no arquivo diocesano.

Concello de Tui



Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais