|
Horário do Ferry (de 8 a 13 de Janeiro)
"Comercio Innova Plus" trae este luns á Guarda a Juan Morandeira Vázquez, experto en deseño de espazos comerciais e interiorismo
O Concello da Guarda continúa neste mes de xaneiro as actividades do programa formativo "Comercio Innova Plus", dirixido especialmente a comerciantes e empresarios da vila, unha actividade para a que non é preciso inscrición previa e que se realiza de balde.
Neste mes de xaneiro de 2019, están previstas 3 sesións formativas, a primeira delas terá lugar o vindeiro luns día 14 de xaneiro de 15:00h a 16:45h baixo a temática de "Novas tendencias en deseño de espazos comerciais", a segunda terá lugar o luns 21 de xaneiro de 15:00h a 16:45h con "Innovación no cara a cara co cliente" e xa para rematar o luns 28 de xaneiro xaneiro de 15:00h a 16:45h cunha sesión formativa sobre "Compartindo talento: Xuntos chégase máis lonxe", todas elas realizaranse na Casa dos Alonsos.
Este luns día 4 de xaneiro celebrarase a segunda charla deste ciclo en horario de 15:00h a 16:45h e que versará sobre "Novas tendencias en deseño de espazos comerciais", nesta charla contarase coa presenza de Juan Morandeira Vázquez, CEO de Space-Indesign Interiorismo e foi responsable de Imaxe de Marca de Caramelo durante 8 anos e experto en deseño de interiores e de espazos comerciais cunha ampla traxectoria neste campo, quen grazas á súa ampla experiencia asesorará aos comerciantes e empresarios guardeses no deseño e organización dos espazos de venda dos seus negocios. Os asistentes poderán falar con este experto e preguntarlle as súas dúbidas sobre como organizar e dispor os seus produtos para chamar máis a atención dos seus clientes e aumentar deste xeito as probabilidades de venda e o seu éxito comercial e empresarial.
O luns 21 de xaneiro terá lugar a charla sobre "Innovación no cara a cara co cliente", unha charla que realizarase na Casa dos Alonsos da Guarda en horario de 15:00h a 16:45h. Neste caso a ponente será Fátima Rodríguez Marcos, Licenciada en Psicoloxía, formadora e desde fai 4 anos ao fronte de Talentea, unha consultora adicada, entre outros, ao deseño e execución de proxectos sobre dinamización comercial.
Para rematar a programación de "Comercio Innova Plus" o luns 28 de xaneiro terá lugar na Casa dos Alonsos unha charla sobre "Compartindo Talento: Xuntos chégase máis lonxe" a cargo de Mariem Filgueira Pérez, Licenciada en Dirección e Administración de Empresas e con máis de 15 anos de experiencia en asesoramento empresarial. Directora de Proxectos de Consultoría e Innovación en Sherpa Empresarial.
Estas accións formativas teñen como obxectivo que o comercio da vila coñeza as novas ferramentas tecnolóxicas que teñen á súa disposición, para que as empreguen nos seus propios establecementos comerciais e lle saquen o maior rendemento, ademais de continuar promovendo a innovación dentro da rede comercial do Concello con actividades sobre comunicación e canles de venda, deseño de espazos comerciais, a atención ao cliente ou a creación de alianzas entre empresas. Todas as actividades son de balde e non é necesaria a realización dunha inscrición previa.
Esta actividade constitúe a continuación do programa "Comercio innova", que rematou en xuño do ano pasado e no que se traballou cos establecementos comerciais da vila para optimizar a súa xestión e facelos máis competitivos.
No mes de novembro realizáronse varios obradoiros na Aula CeMit no Centro Cultural da Guarda sobre "Utilización Práctica de Instagram", e "Utilización Práctica de Facebook", rematando con 4 charlas a modo de píldoras formativas, nas que se conta con varios ponentes especializados no comercio, marketing e empresas.
"Comercio Innova Plus" conta co financiamento da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan Concellos.
Concello de A Guarda
Inscricións abertas para o Curso de Conservas "Coas Mans na Masa" na Guarda
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, dentro do traballo de animación, formación e posta en valor do noso territorio, pon en marcha o itinerario formativo 'Coas mans na masa' que trae á Guarda os días 4, 5 e 6 de febrero de 2019 un Curso de elaboración artesanal de Conservas que se realizará na Escola Unitaria de San Lorenzo(7 Camiños) en horario de tarde de 16:30h a 20:30h. Trátase dun curso no que se tratará de facer chegar ás persoas participantes coñecementos sobre a elaboración artesanal de conservas con produtos da nosa contorna.
As persoas participantes aprenderán a realizar diferentes métodos de conservación de produtos agrarios de tempada, así como técnicas de hixene, seguridade e saúde na elaboración destas conservas.
As inscricións están xa abertas de xeito gratuito a través dun formulario online na web de Eu Rural, as prazas son limitadas. http://eurural.org/formulario-coas-mans-na-masa
Concello de A Guarda
O Concello da Guarda instala 5 contedores de recollida de roupa usada
O servizo de recollida selectiva de roupa e téxtiles usados comezou fai uns días na Guarda coa instalación de 5 contedores en varias rúas do municipio.
Esta medida se tomou dende a Concellería de Medio Ambiente ante o elevado número de quilos recollidos no punto limpo da Guarda deste tipo de materiais, o que motivou a facilitar aos veciños e veciñas desfacerse da roupa e téxtiles usados para a súa posterior reciclaxe.
Neste senso instaláronse 5 contedores, emprazados no aparcamento da Rúa Malteses do Porto da Guarda(O Rejiño), na Rúa Donantes de Sangue, na Rúa Puerto Rico, na Rúa Manuel Álvarez e na Rúa Julia Vaquero.
O Concello da Guarda considera que coa instalación destes contedores mellorarase este servizo e facilitarase tamén a reciclaxe destes materiais, tendo unha previsión de aumentar o número deste tipo de contedores a máis parroquias da vila proximamente, dentro da folla de ruta da Estratexia Europea 2020 e nas medidas recollidas no paquete de economía circular.
Estes contedores están pensados para depositar roupa e téxtiles usados, así coma tamén zapatos, un servizo de recollida selectiva realizado pola empresa TEXLIMCA S.A., encargada da recuperación e reciclaxe deste tipo de materiais.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda continúa deste xeito coa mellora das taxas de reciclaxe, contando ademais cun dos puntos limpos de referencia a nivel autonómico. O Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia 2010-2020 (PXRUG), establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos, accións que van en consonancia co PEMAR, Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos.
Concello de A Guarda
Costas do Estado aproba a redacción do Proxecto de rexeneración do litoral da Lamiña
O "Ministerio para la Transición Ecológica" ven de aprobar no pasado mes de decembro o expediente de contratación de servizos para a Redacción do Proxecto "Estabilización de la margen derecha del Río Miño en su desembocadura, término municipal de A Guarda" baixo procedemento aberto cun presuposto total de 40.898,00€ IVE incluido.
Deste Xeito a Directora Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar, Ana María Oñoro Valenciano, comprométese a aprobar o Pliego de Cláusulas Administrativas e de Prescricións Técnicas así coma o Expediente de Contratación para o citado proxecto que dará pé ao inicio dos traballos precisos para a rexeneración deste litoral, gravemente afectado por unha forte erosión que provocou unha perda de áridos que afecta arestora a unha ampla franxa do litoral e do ecosistema dunar existente na zona próxima á desembocadura do Río Miño.
No ano 2015 o Servizo Provincial de Costas propuxo e executou na zona próxima ao Codesal unha actuación de protección do litoral con sacos terreiros, ante a solicitude feita dende o consistorio local polo deslizamento do sendeiro próximo, actuación que na actualidade se atopa "en total ruina" e da que tamén se solicita a súa reparación dende o concello.
O equipo de Goberno do concello da Guarda mantivo unha reunión monográfica a que acudiu tamén o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez e o ex alcalde da Guarda, José Manuel Domínguez Freitas. As conclusións desta reunión, ao entender do equipo do goberno, están na liña de defender os intereses do concello da Guarda e os valores mediombientais do espazo que sofre o problema erosivo, e pódense resumir nas seguintes:
· Débese evitar que a auga do río entre na zona inundable que está por dentro do cordón dunar, que segundo o informe ten unha extensión aproximada de 150x30 m.
· Débese evitar que continúe a erosión do litoral coa conseguinte perda do cordón dunar e da praia.
· A solución que se adopte debe evitar a reprodución do problema no futuro polo que debe facilitar a rexeneración natural da praia e do ecosistema dunar. Non parece razoable gastar os cartos públicos en actuacións con risco de destrución como sucedeu na "escollera" do Codesal.
· Para o concello resulta de interese que a zona da praia que desapareceu pola erosión do litoral poida recuperarse como un espazo de uso público. Hai que lembrar que a praia do Muíño ten os distintivos de Bandeira Azul e Eco-Praia
· O concello entende que, ademais das consideracións mediomambientais, debe terse en conta a preservación e mantemento do dominio público que é unha competencia de costas do Estado.
Nestes días o concello está pendente dun acordo entre Costas do Estado e Medio Ambiente da Xunta de Galicia para acometer unha solución provisional que evite que continúe o deterioro que está a sufrir o litoral.
Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, seguirá de preto este proceso para tentar que a solución a esta problemática se realice de acorde aos intereses comúns e medio ambientais da vila e dos seus cidadáns, para evitar, na medida do posible, que se volva a repetir.
Concello de A Guarda
A Guarda recupera e conserva o seu patrimonio e identidade cultural
O Concello da Guarda ven de recuperar unha parte moi importante do seu patrimonio e identidade cultural grazas ao Plan de práctica laboral da Deputación de Pontevedra, que permitiu ter unha persoa responsable do arquivo que en colaboración co departamento de Patrimonio do Concello logrou dixitalizar e recuperar multitude de documentos históricos da nosa vila, fotografías antigas, arquivos da Sociedade Pro-Monte Santa Trega, entre outros.
O persoal en prácticas estivo en constante contacto co persoal da Deputación de Pontevedra, traballando man a man baixo a plataforma ATOM, un sistema que permite incorporar a unha base de datos única todos aqueles documentos de carácter histórico, realizando as traducións dos mesmos ao galego e que permitirá nun futuro próximo a súa consulta por parte de toda a cidadanía de xeito online dende as súas casas, logrando así unha maior transparencia para achegar e difundir os diferentes fondos e documentación dispoñibles do Concello da Guarda.
A plataforma ATOM é un sistema de xestión arquivística de software libre e gratuíto, moi intuitivo, que se presenta cunha interface amigable en forma de fichas e modelos e que permite importar ou enlazar obxectos dixitais, respecta as xerarquías intelectuais dos cadros de clasificación, e permite que as descricións arquivísticas, todas ou parte delas, se poidan facer públicas na rede, o que o converte nunha axeitada ferramenta de difusión.
Neste senso o persoal en prácticas traballou ao longo dos pasados seis meses, continuando o proxecto realizado con anterioridade por persoal en prácticas, na organización e normalización da documentación existente sobre a Sociedade Pro-Monte Santa Trega, así como a recuperación de centos de coleccións de fotografías e postais da Guarda grazas a inestimable colaboración de Antonio Martínez Vicente, que cedeu de xeito desinteresado gran parte do seu arquivo para o seu tratamento e dixitalización. Na área de Patrimonio o persoal en prácticas participou ademais na elaboración e preparación dos textos e fotografías de diferentes paneis informativos de varios puntos de interese histórico da vila.
O Concello da Guarda é consciente da necesidade e importancia da conservación do patrimonio e da identidade cultural da nosa vila, para a súa posta en valor evitando que quede no esquecemento para as xeracións futuras.
Deste xeito anímase á cidadanía a que aporte coleccións privadas e antigas co obxectivo de que medre o patrimonio cultural da nosa vila contactando co Dpto. de Patrimonio no Concello da Guarda.
Concello de A Guarda
A Guarda mellora a seguridade dos maiores coa entrega de detectores de fume
O Concello da Guarda a través da Concellería de Emerxencias fixo entrega na mañá deste mércores dos primeiros 50 detectores de fume destinados prioritariamente aos maiores de 65 anos do municipio, un segmento da poboación máis propenso a sufrir accidentes vencellados ao lume nas súas vivendas.
Segundo explicou o concelleiro de Emerxencias, Miguel Español, un total de 200 destes aparellos están a disposición de quen os precise para repartir dende o consistorio, preferiblemente entre os maiores de 65 anos que vivan sos, para evitar situacións de risco de incendio e detectar de xeito rápido os fumes no interior das vivendas. O reparto realizase a través do Concello e en colaboración con colectivos que traballan na vila con persoas maiores.
Este aparello, que funciona con baterías de 9v, ten un mantemento mínimo, colócase de xeito moi sinxelo e ven acompañado dunha guía e consellos onde se explica de xeito moi fácil como hai que colocalos, preferiblemente nas cociñas dos fogares, por ser o lugar onde é máis doado ter un incendio.
Na mañá deste mércores o Concelleiro de Emerxencias, Miguel Español e o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, fixeron a entrega dos primeiros 50 detectores, pero aínda hai máis dun cento deles para repartir entre as persoas que os soliciten. As persoas interesadas en obter este aparato de detección de fume deberán dirixirse as oficinas municipais (Alcaldía) de luns a venres en horario de 9.00h a 14.00h e xa se lles entregarán nese mesmo momento.
A entrega destes detectores é froito dun convenio coa Axencia Galega de Emerxencias e a Deputación de Pontevedra, dentro do programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e baixo os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional "unha Maneira de facer Europa".
Concello de A Guarda
O Concello da Guarda agradece a colaboración das asociacións que decoraron as prazas no Nadal
O Concello da Guarda fixo entrega na mañá do martes día 8 de xaneiro duns lotes de produtos típicos ás diferentes asociacións que traballaron e colaboraron na decoración das prazas durante o pasado Nadal na Guarda.
Dende a Concellería de Cultura, Elena Baz destacou que esta colaboración foi esencial para poder contar na Guarda cunha decoración de nadal, feita con moito traballo, esmero e cariño por parte dos diferentes colectivos involucrados, 11 en total: San Xerome, Os da Foz, Mulleres Progresistas, Alfombristas da Guarda, Coro Arpegios Cantábile, Studio 88, Xamaraina, Fundación Las Samaritanas, Vento Mareiro, Avelaiña e Piueiro.
Sen dúbida un Nadal que non pasou inadvertido, tanto para visitantes como para os veciños e veciñas da vila, que destacaron o bo traballo para engalanar as principais prazas e espazos públicos do municipio
Na mañá deste martes representantes das 11 asociacións participantes en "Decora o teu Nadal" recolleron o seu lote de produtos típicos en mans da Concelleira de Cultura, Elena Baz e da Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes.
Concello de A Guarda
Un equipo da Universidade de Vigo investigará o proxecto de arte urbana "A Guarda Escrita nas Estrelas"
O Concello da Guarda, a Universidade de Vigo e os artistas Nuvi & éxfico, veñen de asinar un protocolo de colaboración para a realización dun estudo para a toma de mostras para unha investigación científica sobre materiais e posibles fenómenos de degradación no proxecto "A Guarda escrita nas estrelas" de pintado do espigón norte de abrigo do Porto da Guarda.
Esta investigación forma parte do proxecto CAPuS - Conservation of Art in Public Spaces (Programa Erasmus Plus - Acción clave KA2: cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas - Alianzas para o Coñecemento - convocatoria EAC / A03 / 2016, proxecto n.º 588082-EPP-A-2017-1-IT-EPPKA2-KA), que a Universidade de Vigo está a realizar sobre arte urbana, particularmente muralismo contemporáneo, que inclúen a creación de documentación fotográfica e audiovisual relacionada co patrimonio artístico público.
As accións que o equipo da Universidade de Vigo, no marco do proxecto CAPuS levará a cabo nestas obras pictóricas consistirán en:
" Documentación fotográfica e audiovisual do obxecto e as súas futuras formas de deterioración.
" Mostraxe de materiais (pinturas e soportes)
" A análise científica das mostras anteriores con distintas técnicas analíticas para caracterizar os fenómenos de degradación. Esta mostraxe levarase a cabo polo menos en dous momentos diferentes: o ano de creación e no momento en que o deterioro da obra se verifica obxectivamente.
" Estudo das variacións dos parámetros da cor na obra pictórica durante o tempo. Este estudo basearase no rexistro da cor cun espectrofotómetro para sólidos (medición non destrutiva) cada 30 días, desde o ano da creación do traballo ata polo menos un ano e medio máis tarde.
" A avaliación de diferentes protectores na obra pictórica, a través da aplicación deles en pequenas áreas na obra e do control das variacións de cor ao longo do tempo.
A reprodución dos resultados provenientes das actividades anteriores en diversos medios de comunicación na web do proxecto (www.capusproject.eu), na web da universidade (www.uvigo.es) en revistas científicas de acceso aberto, debates, espectáculos, conferencias e eventos, só cando a finalidade é exclusivamente docente e investigador a nivel institucional.
Concello de A Guarda
Primeiras citas para a renovación do DNI na Guarda no 2019
Mañá mércores día 9 de xaneiro de 2019 xa se poderán solicitar as citas para a primeira visita das unidades móbiles no concello este ano para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondentes ao primeiro trimestre de 2019.
A apertura do prazo para a solicitude de novas citas nos meses xaneiro, febreiro e marzo, ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o mércores día 9 de xaneiro de xeito presencial de 8:30h a 14:00h na 2º pranta(alcaldía) da Casa dos Alonsos e a partires do 10 de xaneiro de xeito telefónico no 986 61 0000 nas extensións 1 e 2.
Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.
Concello de A Guarda
Unidade Móbil de inspección técnica de turismos na Guarda
A Unidade Móbil 6 de inspección técnica de turismos desplazarase ao Concello de A GUARDA o 14/02/2019 e do 18/02/2019 ao 28/02/2019 na Estación de Servicio San Roque (A Guarda).
O horario habitual de atención será de 9:00h a 13:30h e 15:15 a 18:00 horas de luns a venres agás:
" 28/02/2019 que será horario só de mañá
Para solicitar cita previa:
Por teléfono: 902 30 90 00
A través da nosa páxina web: www.sycitv.com - Cita previa
NOTA: A admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á
posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.
Concello de A Guarda
Oia continúa coa campaña de compostaxe doméstica
As persoas interesadas poden solicitar o seu composteiro individual ata o 31 de xaneiro no Concello. É gratuíto.
O Concello de Oia continúa coa súa campaña de compostaxe doméstica distribuíndo, de xeito gratuíto, composteiros individuais entre as persoas que o soliciten. As solicitudes poderán presentarse no Concello ata o día 31 de xaneiro.
O Concello anima á veciñanza a empregar estes dispositivos nos seus fogares e lembra que a compostaxe é unha oportunidade para reciclar os residuos orgánicos: o compost que se fabrica (rico en materia orgánica e minerais) pode ser reutilizado nas hortas domésticas por ser un bo fertilizante para o solo.
Ata o de agora, lévanse repartidos un total de 63 composteiros individuais en domicilios das 6 parroquias de Oia, entregados por Sogama.
Por outra banda, o CEIP Mestre Manuel García conta cun composteiro comunitario para a reciclaxe dos restos orgánicos procedentes do comedor deste centro escolar. Neste caso, a iniciativa se enmarca dentro do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
Beneficios da compostaxe
O compost é un excelente abono para as hortas domésticas, pois contribúe a que as plantas teñan maior resistencia ás pragas e enfermidades sen necesidade de empregar fertilizantes artificiais e pesticidas. Así mesmo, este produto natural é beneficioso para a estrutura e a saúde do solo.
Ademais, o compost axuda a diminuír a produción de residuos, pois a materia orgánica é reutilizada en vez de ser botada aos contedores de lixo.
Concello de Oia
O obradoiro veciñal de teatro para revalorizar e difundir o patrimonio volve a Oia
As sesións son gratuítas e desenvolveranse os venres de 19.00 a 21.00 horas no Centro Cultural de Pedornes
O Concello de Oia organiza a segunda edición do obradoiro de teatro veciñal para difundir e revalorizar o patrimonio local. A iniciativa é gratuíta e desenvolverase a partir do 1 de febreiro baixo o título "6x6. Punto de Encontro. O Arrabal".
A actividade será impartida por A Artística Teatro & Danza os venres de 19.00 a 21.00 horas no Centro Cultural de Pedornes. Comezará o 1 de febreiro e se desenvolverá ata principios de xuño.
A representación final terá lugar no aniversario da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) do Mosteiro de Oia, que se celebrará os días 2 e 3 de xuño.
O prazo de inscrición está aberto ata o 24 de xaneiro. As prazas son limitadas.
Éxito da primeira edición
Tras a boa acollida da primeira edición (cunha trintena de persoas inscritas de todas as idades), o éxito de público asistente á visita dramatizada polo Arrabal organizada dentro do obradoiro e a calidade interpretativa acadada polos participantes, o Concello de Oia decidiu convocar unha nova edición.
En canto aos obxectivos relacionados co patrimonio, esta iniciativa revelouse como unha boa ferramenta á hora de revalorizar o patrimonio local, aumentar a conciencia veciñal arredor del e dinamizar o turismo baseado nos valores culturais.
A Artística Teatro & Danza, responsable artística da primeira edición (desenvolvida baixo o título "6x6. Punto de Encontro. Costa dos Castros") estará de novo á fronte deste obradoiro. O seu proxecto, enmarcado dentro das artes escénicas, dedícase á formación, promoción, creación, investigación e experimentación do teatro e a danza contemporáneas.
Concello de Oia
Tomiño aumenta o número de auxiliares de axuda no fogar para atender a máis de 100 usuarios
Tras a celebración dun curso para persoas desempregadas, contratáronse varias persoas máis, formadas en atención a domicilio
O concello de Tomiño ten na actualidade 36 auxiliares socio-sanitarias que atenden a máis de 100 persoas maiores, dependentes ou enfermas, distribuídas por todo o termo municipal. Ante a previsión de que a Xunta de Galicia aumente 900 horas máis para usuarios con dependencia, o Concello organizou recentemente un curso gratuíto de auxiliar socio-sanitario, co que na actualidade, se sumaron varias persoas máis ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Tomiño.
Cristina Martínez, responsable da área de Benestar, destaca que "o servizo de axuda no fogar é un servizo de calidade que se ven ofertando aos usuarios de servizos sociais dende hai varios anos". Segundo a concelleira, "é un servizo necesario orientado a persoas en situación de dependencia que beneficia tanto aos usuarios e usuarias como aos seus coidadores, mellorando a calidade de vida de ambos".
O programa de axuda no fogar inclúe servizos de fisioterapia, acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables, coma así tamén material técnico como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, andadores, cadeiras de rodas, cadeiras de ducha-baño e outros materiais necesarios para o coidado de persoas maiores ou enfermas.
Os responsables da empresa adxudicataria do servizo (Idades S.L) recoñécense sorprendidos pola cantidade de usuarios, comparada coas de outros concellos do Sur de Pontevedra. O certo é que Tomiño non poñe un límite de prazas, senón que vai adaptando o servizo aos casos que o Departamento de Benestar, considera que o precisan, segundo o estado das persoas que, por razóns de idade, enfermidade ou discapacidade, ou ben, ligadas á falta ou perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, precisan axuda para realizar as actividades básicas da vida diaria ou apoios para a súa autonomía persoal.
Deste modo, na actualidade están contratadas 34 auxiliares de axuda a domicilio que realizan un total de 2500 horas ao mes, cunha media de 20 horas semanais cada unha.
A maioría destas auxiliares son veciñas de Tomiño de entre 30 e 40 anos con formación que, cada día, acompañan, asean, conversan, lembran a medicación prescrita polo médico, activan cognitiva e fisicamente á persoa usuaria, e en menor medida, realizan tarefas propias do fogar, como cociñar ou limpar.
Habitualmente acoden ao domicilio do usuario pola mañá, aínda que tamén hai casos nos que o servizo se presta de tarde-noite ou en fins de semana, xa que está concibido como unha forma de apoio e respiro ás familias con persoas maiores, enfermas ou discapacitadas ao seu cargo.
Tamén dáse o caso de familias que precisan o servizo para coidar dos seus fillos menores, por diversas causas, e que non poden custearse un coidador privado. Neste caso son os pais os que figuran como usuarios.
A gran dispersión das parroquias que conforman o municipio obriga a moverse en coche propio ás traballadoras, moitas das cales levan anos prestando o servizo, que se financia con fondos municipais (este ano o Concello aumentou a partida a máis de 100.000 euros); outros procedentes do Goberno Autonómico (Lei de Dependencia) e unha cantidade módica que achegan as familias.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta a disposición do Concello a continuar organizando accións formativas coma o curso impartido recentemente, xa que ao mesmo tempo que ofrecen unha formación especializada, dan resposta á demanda actual en diferentes sectores do mercado laboral.
O Concello de Tomiño adxudicará proximamente as obras de profunda reforma do Campo do Alivio
Investiranse 350.000€ con cargo ao Plan Concellos na remodelación, coa que se poderá ampliar o uso das instalacións e reducir o gasto en mantemento
O Concello de Tomiño resolverá proximamente o procedemento de contratación para levar a cabo a remodelación do campo de fútbol municipal do Alivio, que contempla a substitución do céspede natural por outro artificial, o cambio completo da iluminación e sinalización e a instalación de mobiliario urbano, entre outras mellores. Estas actuacións contarán cun orzamento de 350.000 euros a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Esta profunda reforma do estadio suporá non soamente un importante aforro nos gastos de mantemento, senón tamén unha importante ampliación nos usos do campo. Segundo explica o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, trátase de "dotar ao campo do Alivio da máxima utilidade e dar resposta á gran demanda de equipamentos deportivos que hai no municipio, xa que as instalacións coas que contamos actualmente están saturadas".
A substitución integral do actual céspede natural por un campo de herba artificial permitirá a ampliación do tempo de uso do estadio, que poderá empezar a empregarse todos os días mentres que ata o de agora soamente se podía utilizar unha vez cada 15 días para evitar o deterioro do céspede. Isto tamén posibilitará aumentar os usos do estadio e transformalo para desfrutar dunhas instalacións melloradas con capacidade multideportiva.
Ademais, executarase unha nova rede de drenaxe (canalizacións, arqueta e pozos de rexistro e unha nova rede de rego con equipo de presión programador e sondas electrónicas de nivel), dotarase ás instalacións dun novo equipamento deportivo e substituiranse os proxectores existentes por outros novos de led, o que tamén suporá un aforro importante para o Concello. "Temos un gran número de nenos e nenas e de xente nova que practica deporte no municipio e dotalos do equipamento axeitado é unha forma de apoialos e de apoiar o deporte base", salientou Troncoso.
A intervención comezará no mes de abril e durará aproximadamente dous meses.
Últimos días para que a cidadanía propoña nomes para a nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo
O Concello invita a todos os tomiñeses e tomiñesas a enviar as súas ideas ata o 15 de xaneiro a través da web ou dúas caixas colocadas no mercado e na Casa Consistorial
Últimos días para que a cidadanía de Tomiño envíe propostas para bautizar á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo, unha vía que permitirá eliminar o tráfico de paso polo centro urbano da vila. Ata o vindeiro 15 de xaneiro todas as persoas interesadas poderán achegar as súas ideas de forma virtual a través do espazo habilitado na web do concello ou de forma presencial enchendo unha tarxeta con nome e deixándoa na caixas instaladas no Mercado Municipal de Tomiño e na propia Casa Consistorial.
Esta iniciativa forma parte da campaña 'Ponlle nome!', un proceso participativo a través do que se invita a todos os tomiñeses e tomiñesas a colaborar na proposta e elección do nome que levará esta nova estrada. "Queremos que a cidadanía sinta esta infraestrutura como súa e unha boa forma de implicala é deixar nas súas mans incluso o nome que se lle vai poñer a esta nova vía. Estamos convencidos de que esta infraestrutura vai ser unha mellora para todas as persoas que viven en Tomiño e parécenos fundamental que a xente se involucre con ela dende o principio", asegura a alcaldesa da vila, Sandra González.
Próximas fases: selección e votación
Tras o remate da fase de recepción de propostas, que comezou o pasado 7 de decembro, un tribunal composto por persoas expertas encargarase de analizar todas as propostas recibidas e de facer unha selección de todas aquelas ideas que cumpran criterios como respecto ou orixinalidade, entre outros.
O vindeiro 21 de xaneiro de 2019 abrirase o prazo de votación popular para que a cidadanía complete o proceso de elección escollendo o seu nome favorito entre todas as propostas presentadas. Todos os tomiñeses e tomiñesas poderán depositar o seu voto novamente de forma presencial nunha caixa instalada para tal fin nas dependencias do mercado municipal e da Casa do Concello ou de forma online a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal. Os veciños e veciñas poderán votar ata o 28 de febreiro de 2019.
Un espazo pensado para as persoas
Con 'Ponlle nome!', o Concello de Tomiño quere darlle voz e voto á cidadanía nunha das obras máis importantes do municipio, xa que materializan un proxecto reclamado historicamente polo Goberno municipal e levan consigo a transformación do centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade, con accesibilidade universal e xerando unha maior calidade de vida urbana.
Esta nova avenida rodeará o núcleo do Seixo e permitirá eliminar o tráfico de paso do centro urbano. Cunha lonxitude de 1.400 metros, enlazará a estrada provincial EP-3102 polo Sur e a PO-344 (rúa Gondomar) polo Norte, dando unha saída natural á avenida da República Arxentina e rúa da Pedra cara o Leste do núcleo, e enlazando o municipio coa futura Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Esta variante enlazará os equipamentos situados na estrada provincial, como o CEP Pedro Caselles, a área deportiva de Mosteiro e a igrexa románica de Tomiño con novos equipamentos como o centro de saúde, o centro de día e mesmo o IES Antón Alonso Ríos, desviando do núcleo urbano uns 10.000 vehículos.
A vía terá unha sección de 18 metros, dos que seis estarán destinados a unha senda peonil e ciclista con arborado, mentres que a calzada terá dous carrís para o tránsito rodado coas súas correspondentes beiravías. Con cinco rotondas e unha vintena de pasos de peóns sobreelevados para distribuír e calmar a circulación e garantir a seguranza viaria, a nova avenida estará delimitada a unha velocidade máxima de 30 km/h.
Cun investimento de 3,5 millóns de euros, a construción da nova avenida de Tomiño é un proxecto levado a cabo grazas ao convenio de colaboración entre Concello de Tomiño, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.
A iluminación de Nadal manterase até finais de mes para apoiar ao comercio local no período de Rebaixas
A iluminación de Nadal nas rúas tudenses manterase ata finais deste mes de xaneiro, co obxectivo de apoiar así ao comercio local no período de rebaixas.
Así o vén de decidir o Concello para favorecer a actividade do comercio local.
O Concello de Tui completa a execución da sentenza xudicial sobre a pirotecnia La Gallega en Baldráns
Así llo comunicou ao Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Pontevedra unha vez rematou a demolición de todas as edificacións da instalación
O Concello de Tui notificou, no día de hoxe ao xulgado a finalización das obras de demolición da totalidade das edificacións que compoñían as instalacións da Pirotecnia en Baldráns dando así cumprimento total, antes do prazo, ao ordenado polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Pontevedra.
A execución das obras levouse a cabo cumprindo escrupulosamente o ordenado no auto, de data 16 de novembro de 2018, do citado xulgado, que sinalaba expresamente a obriga de demoler "todas as construcións obxecto do proxecto de legalización autorizado pola licenza de obras maiores anulada". Este proxecto, conforme, foi indicado no informe dos servizos técnicos municipais amparaba a totalidade das edificacións da instalación.
Queda por tanto completada a execución da sentenza do ano 2014 do Xulgado.
|