|
Horário do Ferry (de 4 a 9 de Dezembro)
A Guarda celebra o vindeiro martes a derradeira charla de "Manual de instrucións para educar" 2018
O vindeiro martes día 11 de decembro a Casa dos Alonsos da Guarda acolle a cuarta e derradeira sesión da terceira edición de "Manual de instrucións para educar", unhas charlas informativas organizadas dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil e Educación Familiar co fin de aportar aos pais e nais as ferramentas necesarias para afrontar dun xeito positivo e correcto o proceso educativo dos seus fillos e fillas.
O ciclo de "Manual de instrucións para educar" 2018 está composto por un total de 4 charlas, que rematan este martes día 11 de decembro cunha charla sobre "Vivir con sentido".
A charla do martes 11 de decembro ¨Vivir con sentido", coa que se pecha este ciclo de charlas, tratará sobre a sociedade actual, onde o tema sobre a morte tende a evitarse e sobre todo, cando a causa da mesma é porque un mesmo o ten decidido. O suicidio é unha das principais causas de morte, dando lugar a casos diarios, aínda que estes non se divulguen. Tamén hai casos de suicidio na infancia e máis frecuente na adolescencia. É vital que as nais e pais detecten os síntomas a tempo, axuden aos fillos e fillas a afrontar os seus problemas e tamén xeren no fogar un clima que favoreza as gañas de vivir.
Todas as charlas realizaranse na Casa dos Alonsos en horario de 19:30h a 21:00h e contarase con servizo de canguro de balde. Máis información na OMIX da Guarda e en Educación familiar nos teléfonos 986610000 e 98661 4507.
Concello de A Guarda
A Guarda inaugura este martes a Exposición "Auga, o sangue da terra"
O vindeiro martes día 11 de decembro ás 20:00h a Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle a inauguración da Exposición "Auga, o sangue da terra", un proxecto de Manuel Valcárcel.
En palabras de Manuel Valcárcel "A auga, elemento vital ao que quixen render esta humilde homenaxe en comparación co que representa, parte de todo o que somos e todo o que crea. Elemento vital que debe ser motivo de unión e xamais de discordia. Elemento que debemos coidar e protexer porque marcará o devir das xeracións vindeiras porque, quen somos os seres humanos para crernos por enriba da natureza? Esta é a miña visión do que foi, é e será a Terra. Non malgastemos esforzo e diñeiro en buscar un mundo mellor noutros planetas, este é o noso, onde nacemos e onde morreremos, debemos respectalo e coidalo."
A exposición recolle unha serie de fotografías de Manuel Valcárcel nas súas viaxes ao redor do mundo, recollendo instantáneas coa auga coma protagonista en países coma China, Níxer, Nova Zelanda ou o deserto de Atacama en Chile.
A exposición estará no Centro Cultural da Guarda ata o 12 de xaneiro de 2019 en horario de Luns a venres de 10:00h a 13:00h e de 17:00h a 20:00h e os sábados en horario de 10:00h a 13:00h
Concello de A Guarda
Manuel Benito Lomba Portela cumpre 100 anos
O alcalde do Concello da Guarda, Antonio lomba, a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente e o 1º Tenente de Alcalde, Miguel Español, visitaron este mércores a Manuel Benito Lomba Portela, que ven de celebrar o seu 100 cumpre anos.
Manuel Benito recibiu con sorpresa aos representantes municipais, acompañado dos seus familiares e agradeceu a súa visita, onde aproveitou para falar co Alcalde, da súa participación na Guerra Civil e algunha anécdota sobre a súa relación co concello coma Policía Municipal, repasando os nomes dos diferentes alcaldes e alcaldesas que pasaron pola Guarda nos pasados anos. Manuel Benito conserva unha memoria de ferro, e así o demostrou durante esta visita, aportando moitos datos de interese.
Segundo explicou a súa familia, Manuel Benito goza de boa saúde, aínda que ten problemas de mobilidade e visuais, compartindo o seu día a día coa familia e a súa muller, de 95 anos de idade.
A representación Municipal entregoulle unha placa conmemorativa, así como un ramo de flores e unha tarta, e desexaron poder volver visitalo para darlle os parabéns nos próximos anos.
Concello de A Guarda
A Guarda instala novos puntos de recollida de aceite usado
A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda ven de instalar novos puntos de recollida de aceite de cociña usado dentro dunha campaña para evitar que este tipo de aceites, altamente contaminantes, se vertan a rede de saneamento, contribuíndo ao medio ambiente e favorecendo a reciclaxe destes materiais para xerar biodiesel, facendo fincapé na economía circular.
Os novos puntos de recollida atópanse en diferentes espazos públicos do municipio en illas ecolóxicas onde tamén se sitúan contedores de lixo orgánico, cartón, vidrio ou plásticos.
Un litro de aceite de cociña pode contaminar ata mil litros de auga, a súa acumulación en desaugadoiros e tuberias facilita a obstrución de condutos e a proliferación de colonias de roedores, tanto nos condutos privados coma públicos.
Os aceites vexetais usados que chegan aos ríos, acumúlanse na superficie e impiden o paso da luz solar e do osíxeno, aumentando a mortaldade da flora e da fauna acuática.
O Concello da Guarda ven de incrementar notablemente a recollida de aceites usados, pasando de 3.430 litros recollidos no ano 2014 a 4.325 litros no ano 2016 e tendo unha previsión para rematar o presente ano 2018 cun dato preto aos 5500 litros, só de uso doméstico, un dato que non sería posible sen a colaboración dos veciños, o que implicou este incremento de puntos de recollida.
Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda se van dando os pasos para cumprir a directiva europea 2020 de 50% de reciclaxe.
Concello de A Guarda
A Guarda promove a compostaxe doméstica
O Concello da Guarda ven de adherirse un ano máis á Campaña promovida dende Sogama e a Xunta de Galicia para facilitar a compostaxe doméstica cunha nova entrega de 50 composteiros individuais entre a poboación.
Entre o ano 2014 e 2017 o Concello da Guarda ten entregado xa máis de 170 composteiros individuais o que fai neste ano 2018 un total de 220 composteiros.
Cada galego produce unha media de 1.05 quilos de residuos ao día, na Guarda é un 0.780 quilos ao día, dos cales máis do 40% do lixo que se xera nos fogares é materia orgánica, cuxo destino habitual son os contedores verdes convencionais. Neste intre o Concello da Guarda está moi por riba da media en canto a reciclaxe, sendo un dos concellos que máis recicla de toda Galicia, froito do traballo de concienciación realizado dende a Concellería de Medio Ambiente e a implicación dos veciños e veciñas da vila.
En determinados ámbitos existe a posibilidade de transformar esta materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. Neste programa os participantes poden fabricar o seu propio compost, contribuíndo a:
" Reducir a cantidade dos residuos producidos mediante a reciclaxe da materia orgánica.
" Minimizar o excesivo uso de fertilizantes químicos
" Diminuír a frecuencia de recollida dos contedores xenéricos por parte dos servizos municipais.
" Minorar o número de desprazamentos que os habitantes do rural deben realizar aos contedores.
Todos os participantes neste programa reciben gratuitamente o seu composteiro e un manual de compostaxe doméstica cunha guía sobre a compostaxe doméstica e a recollida selectiva de residuos. Os interesados e interesadas poden solicitar o seu composteiro, ata fin de existencias, chamando ao 986 61 0000 e contactando co departamento de Medio Ambiente.
Ademais o Concello da Guarda ven de adherirse ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, un programa que permitirá converter en compost parte dos residuos orgánicos que se xeran na Guarda grazas á futura instalación de composteiros comunitarios. Nunha primeira fase instalaranse composteiros individuais.
Concello de A Guarda
A Guarda entrega os premios da Ruta "Petiscos con Arte"
A Ruta Gastronómica "Petiscos con Arte" finalizou servíndose máis de 2000 petiscos entre os 12 establecementos participantes, un evento que conxugou a gastronomía e a arte para ofertar aos participantes unha experiencia para os sentidos.
A variedade gastronómica ofertada foi un "pulo" extra para animar e dinamizar o sector da hostalaría, contando con petiscos moi variados ao igual que as exposicións, con fotografías, pinturas, esculturas e ilustracións.
A segunda edición da Ruta Petiscos con Arte contou con veciños da Guarda e dos arredores que gozaron dos petiscos e das exposicións que cada local ofreceu durante as dúas fins de semana que durou a ruta. Os establecementos indicaron a boa acollida desta ruta a pesar do mal tempo da última fin de semana.
O martes día 4 de decembro realizouse por parte do Alcalde, Antonio Lomba e da Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, a entrega dos 5 lotes de dúas botellas de viño Albariño da Adega Gran Novás, da D.O. do Rosal aos premiados no sorteo.
1. Karen Stewart (depositado no Perro Verde)
2. Luis (depositado na Cafetería Marbella)
3. Patricia Lira (depositado no Terra Verde)
4. Dennis A. (depositado no Restaurante Xantar)
5. Patricia Rodríguez (depositado no Cangrexal)
Concello de A Guarda
A Guarda da a benvida ao Nadal co acendido do alumeado e espectáculos de animación de rúa
O Nadal chegou este mércores á Guarda e contará cunha programación de actividades extensa e variada na que destacan o teatro, a animación musical polas rúas, os concertos de panxoliñas, os obradoiros de decoración, as chocolatadas, a instalación por primeira vez na vila dunha pista de xeo, ou a Cabalgata de Reis.
A programación esténdese ata o 6 de xaneiro, un mes no que A Guarda vivirá na maxia do Nadal.
A programación de actividades arrancaron xa o mércores día 5 de decembro co acendido da iluminación de Nadal, que se celebrou contando cunha masiva afluencia na Praza do Reló da localidade, malia que a choiva fixo acto de presenza.
Neste punto neurálxico da vila contouse con animación de rúa a cargo de Barafunda cos espectáculos "A xogar cos Trasnos" e "Lolo Globotolo".
"A xogar cos Trasnos" é unha gran festa chea de cor e de sorrisos onde os nenos e nenas poderán bailar coma tolos e xogar coa música, un espectáculo de movemento interactivo con xogos, cancións de animación, globos e moita diversión.
"Lolo Globotolo" é o pallaso Lolo, fará as delicias dos máis pequenos e sorprenderá ós máis grandes, facendo figuras imposibles con globos e gag divertidos, un espectáculo dende unha perspectiva cómica e interactiva onde o público sentirase parte integrante do espectáculo, ideal para toda a familia, cunha posta en escena onde a ilusión do clown mistúrase nun cóctel de risas e gargalladas.
O alcalde, acompañado de numerosos nenos e nenas, foron os encargados do acendido do alumeado de Nadal na vila cunha conta atrás con moita inquietude e emoción.
Tamén dende primeira hora da mañá deste mércores día 5 de decembro publicouse na web municipal www.aguarda.es o vídeo do Obradoiro de Adornos de Nadal, neste vídeo, elaborado pola deseñadora e experta en escaparatismo Patricia Maquieira Franco, explicase como será o adorno de Nadal proposto para este ano e que se realizarán nos obradoiros que terán lugar os días 10(en horario de 20:30 a 22:30h) e 15(de 16:30h a 18:30h) de decembro na Casa dos Alonsos.
Dende o Concello da Guarda se convida a seguir participando e gozar dunha programación de Nadal que, sen dúbida, dinamizará e chamará a atención dos nosos veciños e visitantes.
Concello de A Guarda
Programa Tecendo Lazos da Deputación
Ampliado ata o 14 de decembro o prazo de inscrición para o obradoiro de creación de xoguetes tradicionais
A Actividade desenvolverase os días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro dentro da Semana Cultural de Mougás
O Concello de Oia amplía ata o próximo 14 de decembro o prazo de inscrición para un obradoiro de creación de xoguetes tradicionais que se celebrará dentro da Semana Cultural que desenvolve a Asociación Veciñal de Mougás.
As sesións se celebrarán no Centro Cultural de Mougás os días 26 e 27 de decembro e 2 e 3 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
Dirixido a persoas de entre 6 e 99 anos, trátase dun obradoiro interxeracional no que poden participar membros da familia de distintas idades. A actividade está organizada polo Concello de Oia dentro do programa Tecendo Lazos da Deputación de Pontevedra.
As persoas interesadas en participar neste obradoiro de creación de xoguetes tradicionais deberán inscribirse no rexistro do Concello de Oia.
Concello de Oia
O Concello de Tomiño invita á cidadanía a poñerlle nome á nova avenida que rodeará o núcleo do Seixo
As propostas poderán enviarse do 7 de decembro ao 15 de xaneiro a través da web do concello ou dúas caixas que se colocarán no mercado e na Casa Consistorial
Por votación popular das ideas propostas pola propia cidadanía. Así se lle porá nome á nova avenida de Tomiño, unha vía que rodeará o núcleo do Seixo e que permitirá eliminar o tráfico de paso polo centro urbano da vila. O Concello vén de poñer en marcha a campaña 'Ponlle nome!', un proceso participativo a través do que se invita a toda a cidadanía tomiñesa a colaborar no bautismo desta nova estrada. "Estamos convencidos de que esta infraestrutura vai ser unha mellora para todas as persoas que viven en Tomiño e parecíanos fundamental achegala á cidadanía e implicar aos veciños e veciñas no que vai supoñer para o municipio. Queremos que os tomiñeses e tomiñesas sintan esta infraestrutura como algo propio, incluso decidindo o nome que vai levar", explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño.
A fase de recepción de propostas arranca este 7 de decembro coa instalación de dúas caixas (no mercado municipal de Tomiño e na Casa Consistorial) nos que todas as persoas interesadas poderán facer chegar as súas ideas de forma presencial. Por outro lado, na web do concello habilitarase un espazo para poder enviar estas propostas de forma online. A cidadanía terá ata o vindeiro 15 de xaneiro de 2019 para enviar todas as suxestións para o nomeamento da rúa. Unha vez pechado o prazo de recepción, un tribunal composto por persoas expertas analizarán as propostas recibidas e farán unha selección daquelas ideas que cumpran criterios como respecto ou orixinalidade, entre outros.
Uxío Benítez, deputado e concelleiro de Planificación Territorial, sinala a importancia desta nova infraestrutura, "un proxecto estratéxico feito tendo en conta os intereses da cidadanía e que suporá un antes e un despois para Tomiño". "Cremos que é importante que a cidadanía participe dun xeito activo no quefacer do concello. Por iso cando falabamos cos veciños e veciñas e detectamos que había un problema, que non sabían como chamar a esta nova estrada, vimos a oportunidade de implicalos unha vez máis e de que foran eles mesmos os que propuxeran e escolleran o nome definitivo", destaca Benítez.
Período de votación
O vindeiro 21 de xaneiro de 2019 abrirase o prazo de votación popular para que a cidadanía complete o proceso de elección non soamente facendo propostas, senón tamén escollendo a súa favorita entre todas as ideas presentadas. Todos os tomiñeses e tomiñesas poderán depositar o seu voto novamente de forma presencial nunha caixa instalada para tal fin nas dependencias do mercado municipal e da Casa do Concello ou facelo de forma online a través do espazo dedicado a esta iniciativa na web municipal. Os veciños e veciñas poderán votar ata o 28 de febreiro de 2019.
Un espazo pensado para as persoas
Con 'Ponlle nome!', o Concello de Tomiño quere darlle voz e voto á cidadanía nunha das obras máis importantes do municipio, xa que materializan un proxecto reclamado historicamente polo Goberno municipal e levan consigo a transformación do centro da vila cara un espazo público pensado para as persoas, no que a mobilidade peonil e sustentable sexa unha prioridade, con accesibilidade universal e xerando unha maior calidade de vida urbana.
Esta nova avenida rodeará o núcleo do Seixo e permitirá eliminar o tráfico de paso do centro urbano. Cunha lonxitude de 1.400 metros, enlazará a estrada provincial EP-3102 polo Sur e a PO-344 (rúa Gondomar) polo Norte, dando unha saída natural á avenida da República Arxentina e rúa da Pedra cara o Leste do núcleo, e enlazando o municipio coa futura Vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Esta variante enlazará os equipamentos situados na estrada provincial, como o CEP Pedro Caselles, a área deportiva de Mosteiro e a igrexa románica de Tomiño con novos equipamentos como o centro de saúde, o centro de día e mesmo o IES Antón Alonso Ríos, desviando do núcleo urbano uns 10.000 vehículos.
A vía terá unha sección de 18 metros, dos que seis estarán destinados a unha senda peonil e ciclista con arborado, mentres que a calzada terá dous carrís para o tránsito rodado coas súas correspondentes beiravías. Con cinco rotondas e unha vintena de pasos de peóns sobreelevados para distribuír e calmar a circulación e garantir a seguranza viaria, a nova avenida estará delimitada a unha velocidade máxima de 30 km/h.
Cun investimento de 3,5 millóns de euros, a construción da nova avenida de Tomiño é un proxecto levado a cabo grazas ao convenio de colaboración entre Concello de Tomiño, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia.
Tomiño aproba unha nova ordenanza que contempla axudas para casos de emerxencia social
O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño presenta unha moción rexeitando a violencia machista
O Concello de Tomiño aprobou de forma definitiva, o pasado venres, unha nova ordenanza en materia de benestar social, que foi votada de maneira unánime polos membros da Corporación Local.
A nova ordenanza pretende establecer unha serie de dereitos e recursos dentro do Programa de Inclusión Social, xerais e específicos para a cidadanía da localidade en risco de exclusión social. O texto fixa as condicións de acceso ás axudas e a documentación a presentar, e distingue entre subvencións para necesidades básicas (coma manutención, cobertura de gastos sanitarios e farmacéuticos urxentes; aloxamento e mantemento da vivenda; gastos correntes, etc.
As persoas beneficiarias poden ser "persoas individuais ou familias empadroadas e residentes en Tomiño, que carezan de medios económicos e nas que concorran factores de risco ou emerxencia social e precisen dunha axuda para satisfacer as necesidades básicas, sempre coma un apoio á intervención social".
Por outra banda, a ordenanza prevé axudas para afrontar situacións de risco social, fomentando a escolarización e financiando, se é o caso, cotas de escolas infantís, custe de comedores escolares, ludotecas, campamentos; matrículas, desprazamentos, etc. segundo o nivel educativo de que se trate. Asemade, contémplanse gastos de carácter excepcional para apoiar o proceso de inclusión, avalados por informe dos servizos sociais.
O texto definitivo da ordenanza fixo lugar a varias alegacións presentadas pola oposición (PP e PSOE) por consideralas axeitadas e complementarias.
Durante a sesión plenaria, aprobouse tamén de forma definitiva a Ordenanza de Xestión de Biomasa e o Convenio coa Deputación para a "Mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos na Praza do Seixo", no marco do Plan DepoRemse.
Por outra parte, o Consello da Infancia e Adolescencia "Voces Novas" de Tomiño, aproveitou a sesión plenaria para presentar unha moción (aprobada por unanimidade), rexeitando a violencia machista. "Dende o Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño "Voces Novas", queremos trasladar o noso máis absoluto rexeitamento a todas as violencias machistas e a todas as súas formas de expresión, dicindo non á violencia de xénero...hai que detectar e visibilizar esa realidade antes de que se apodere da nosa vida, antes de que se converta en continuidade para, así, poder mudala", di parte do documento.
Texto da moción de "Voces Novas"
"Boas tardes a todas e todos.
Antes de comezar, O Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, queremos dar as grazas por apoiarnos e darnos un espazo para que podamos poñer en práctica o noso dereito á participación.
Nesta ocasión, centrándonos na reivindicación doutros dereitos como son a protección, o bo trato, a igualdade, a integridade ou a xustiza.
O 25 de novembro celebramos o día contra a violencia de xénero. É unha data marcada no calendario, un ano máis, por ser o día en que expresamos a nosa renuncia ás violencias contra as mulleres, polo feito de selo.
O 25 de novembro recórdase, especialmente, que a violencia machista é real e está presente no noso día a día, na nosa vida, todos os días do ano.
A violencia machista non só é física, física como este día, en que rompemos o silencio e as palabras e pensamentos transfórmanse en accións. Se non que tamén hai unha violencia invisible e silenciosa, pero tan presente como a física.
Non é de máis recordar que esta reivindicación debe estar presente todos os días, que esta loita é un problema que nos afecta a todas as persoas como integrantes dunha sociedade e que, polo tanto, debemos tomalo como un problema persoal e non mirar cara outro lado.
A violencia de xénero constitúese nunha violación dos dereitos humanos, impactando enormemente contra un dos principios en que se basean, a integridade psíquica, física e moral, neste caso, das mulleres.
Tal e como indica a Doutora María José Albert Gómez, o ser humano, polo feito de selo, ten o dereito de manter e conservar a súa integridade física, psíquica e moral; o que implica a preservación de todas as partes do seu corpo, a conservación de todas as súas habilidades motrices, emocionais e intelectuais e o desenvolvemento da súa vida de acordo ás súas conviccións.
Agora queremos formular a seguinte pregunta: credes que isto, algo tan esencial para a vida, cómprese realmente?
Ademais, por este 25 de novembro, queremos recordar que a violencia de xénero física nunca deixa unha soa vítima; as nenas e nenos, que viven cun maltratador tamén son vítimas que sofren esta violencia, no peor dos casos de forma directa, chegando a temer pola súa propia vida, e noutros de forma invisible, atopándose obrigadas e obrigados a contemplar o horror de ver como a súa nai recibe golpes e/ou insultos do seu pai.
Cada día miles de nenos e nenas sofren as consecuencias de vivir nun entorno onde este tipo de violencia é a pauta da relación. Isto causa danos irreparables; ten consecuencias no seu desenvolvemento, creando traumas que afectarán a diversos aspectos das súas vidas:
agresividade, inseguridades, problemas de atención e concentración, baixo rendemento académico, etc.
Somos conscientes que o cambio non se producirá dun día para outro, pero queremos pararnos a pensar e reflexionar para facernos e facervos conscientes de que isto É UN PROBLEMA REAL E EN TODAS E TODOS NÓS ESTÁ A SOLUCIÓN E A POSIBILIDADE DE QUE DESAPAREZA.
Comecemos a entender que o maltrato non é só físico, que non só ten unha forma de manifestación, senón múltiples. Superemos os prexuízos arcaicos que xustifican as violacións e aceptemos que non é non. Deixemos de cuestionar á vítima. Ensinemos dende a infancia que a violencia non é un camiño, que todas as persoas somos iguais en dereitos e merecemos un trato digno. Esixamos unha educación baseada no respecto e na igualdade. E se vemos inxustizas non calemos. É HORA DE CAMBIAR A ORDE ESTABLECIDA.
Por todo isto, o Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño, Voces Novas, queremos trasladar o noso máis absoluto rexeitamento a todas as violencias machistas e a todas as súas formas de expresión, DICINDO NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO.
- Non porque cada vez que nos arrebatan a unha nai do noso carón, arrebátannos a vida.
- Non porque nós non somos ningunha arma letal que empregar interesadamente cando se discute para facer dano.
- Non porque as políticas de actuación unha vez que o dano está feito non evitan as mortes. Necesitamos políticas de prevención e de actuación sobre a forma en que nos relacionamos e respectamos.
- Non porque as nenas, nenos e adolescentes tamén somos vítimas e moito!
- Non porque cada vez que temos que vivir a violencia machista, acabámonos silenciando máis por dentro.
- Non porque a violencia psicolóxica e social é tan machista e grave como a física.
- Non porque a nosa integridade e a de todas as mulleres é un dereito tan recoñecido como absoluto.
- Non porque queremos que se eduque aos homes para que non nos violen, en lugar de ensinarnos a nós como evitar ser violadas.
- Non porque de pouco serve que as institucións e a cidadanía traballemos por separado cando o necesario é facelo de forma conxunta.
A violencia machista non é unha situación, é toda unha realidade.
Unha realidade de moitas mulleres e dos seus fillos e fillas que viven cada día afrontándose a unha realidade cruel e destrutiva. Unha realidade que moitas veces nin é detectada, nin se lle da importancia.
Pois ben, hai que detectar e visibilizar esa realidade antes de que se apodere da nosa vida, antes de que se converta en continuidade para, así, poder mudala".
Carme Núñez reclama que se atenda ás demandas do persoal do PAC de Tui en materia sanitaria e laboral
A portavoz municipal do BNG en Tui, Carme Núñez, reclama , a través dunha moción, do persoal do PAC, que será defendida no vindeiro pleno, que se atendan as demandas dos e das profesionais que prestan servizos no punto de atención continuada do SERGAS (PAC) de Tui tanto as que afectan a condicións laborais como de dotación de recursos materiais e humanos para garantir unha correcta atención sanitaria.
Denuncian que as condicións de traballo "empeoraron nos últimos anos tanto en recursos humanos e materiais como as condicións de retribucións, ao tempo que aumentou a presión asistencial". Os e as profesionais aseguran que a situación laboral "está sendo insostible e, polo tanto, a repercusión asistencial é evidente", advirte Carme Núñez.
En concreto, reclaman equipos completos de persoal médico e de enfermería no PAC de Tui , porque "a atención a emerxencias sen persoal adecuado no é aceptábel nun país desenvolvido". Esta semana pasada vivimos a grave situación de non ter médic@ no PAC da nosa vila durante máis de 2 horas , pois un dos doutores tivo que cubrir unha ausencia no PAC da Guarda, e outro tivo que saír cunha urxencia. Igualmente, respectar os tempos de traballo do persoal conforme ás directivas europeas para garantir unha atención eficiente en beneficio das persoas doentes, con independencia do tipo de contrato, "porque o fraccionamento de contratos non pode empregarse para non cumprir cos descansos".
As nacionalistas esixen tamén recoller a petición de que calquera avaliación de derivación hospitalaria sexa eliminada das listas de obxectivos, xa que as derivacións non son opcionais senón que seguen criterios médicos. Establecer criterios obxectivos para a dotación de persoal no PAC en base á carga asistencial, dispersión, distribución, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061. E tamén garantir o dereito á asistencia, así como as demandas de melloras nas condicións laborais e salariais deste persoal.
Non podemos esquecer tampouco nesta ocasión, as deficiencias que o BNG ven denunciando como son:
- a situación de deterioro dunhas instalacións que foron inauguradas con precipitación por motivos electorais do PP, e que desde a súa apertura teñen problemas que causan inconvenientes tanto aos usuari@s como aos/-as profesionais.
- a sala de espera de urxencias insuficiente, que ten a metade de superficie da instalación anterior o que provoca que as persoas usuarias teñan que estar nos corredores, amoreada ou esperando fóra.
- A pésima localización dos servizos para o persoal, unha zona de vestiarios e de descanso do persoal do centro saúde-PAC nunha planta diferente á que se presta á atención aos doentes, portas que xeran correntes de aire nocivas, forman parte dunha suma de problemas que deben ser solucionadas.
Todo isto é consecuencia do deterioro xeneralizado na que a Atención Primaria está sendo unha das principais damnificadas das nefastas políticas do Partido Popular. Todas as decisións tomadas foron en detrimento dunha Atención Primaria como o eixo fundamental do sistema sanitario, como elemento de coordinación clave para que o modelo sexa sostíbel: masificación de consultas, cupos de profesionais por enriba do estabelecido, redución de profesionais, non substitución nin por xubilación, nin vacacións nin ILT, nin outro tipo de licenzas ou permisos, as listas de espera xa son habituais, peche de axendas, colapsos, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, listas de espera de ata unha semana...
Así, o BNG de Tui lembra a todas as veciñas e veciños que continúa coa campaña de recollida de sinaturas, o xoves diante do PAC de Tui, de cara a recabar un importante apoio social coa finalidade de presionar ao Partido Popular para que non lle tome o pelo á veciñanza de Tui e resolva dunha vez os problemas que presenta a Sanidade Pública na nosa cidade.
Tui celebra un Nadal Solidario cunha pista de xeo ecolóxica coma principal novidade
Haberá actuacións musicais, obradoiros infantís, concerto de Nadal e Cabalgata Internacional de Reis
Un tramo do Paseo da Corredoira transformarase nun espazo de lecer para a familia que terá coma principal atractivo unha pista de xeo ecolóxico. Pero tamén haberá actividades de animación para os máis pequenos, música, obradoiro de Nadal ou de cociña amais de recibir a visita de Papa Noel e dos paxes reais.
Será dentro da programación do Nadal Solidario de Tui que foi presentado esta mañá na casa do concello polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, a concelleira de Educación, Mila González, o presidente e directivo de ACITUI, Juan Carlos Blanco e Manuel Santos, e Pablo Domínguez da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei.
A programación festiva en Tui comeza hoxe mesmo, ás 20h, co acendido do alumeado de Nadal. Será na praza da Inmaculada nun acto no que se contará coa actuación da rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.
A animación musical estará moi presente tanto esta fin de semana coma a próxima. Así no Mercado de Nadal, que dende hoxe ata o domingo se celebra no Paseo da Corredoira con medio centenar de postos, actuará hoxe ás 19h o grupo Inquedanzas de Pazos de Reis, mañá sábado ás 12h o grupo Refaixos e Polainas de Baldráns, e o domingo ás 12.30h o grupo de gaitas da Asociación do Traxe Tradicional de Tui, ás 13.30h a da Banda de Gaitas San Xoan de Paramos e ás 18h o grupo de pandereteiras As D'Abadía. Tamén o domingo ás 17h está prevista a actuación da rondalla de Pontellas. Xa a próxima fin de semana o venres 14 actuarán Os que Somos de Rebordáns, (18.30h), o sábado 15 Inquedanzas de Pazos de Reis (12h), a Banda de gaitas Arume de Malvas (13h), a Banda de Gaitas San Xoán de Pramos (17h), o grupo Lembranzas da Terra de Guillarei (18h), e o domingo 16 Refaixos e Polainas de Baldráns (12h), O Mosteiro de Pexegueiro (18h), e as pandereteiras As D'Abadía de Caldelas (19h).
A pista de xeo ecolóxica estará en funcionamento do 17 de decembro ao 7 de xaneiro en horario matinal para o alumnado de 5 a 10 anos dos centros escolares que aboarán 1€ que será destinado á Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei. Polas tardes abrirá de17 a 20h para público infantil e familiar, e de 20h a 22h para público xuvenil e adultos. Os sábados, domingos e festivos abrirá tamén pola mañá. O prezo da entrada será de 4€ válido para un período de 30 minutos.
Amais durante as vacacións escolares o concello organizará tamén obradoiros infantís, cuxas características se darán a coñecer proximamente. Tamén o venres 21 de decembro, ás 21h, terá lugar o Concerto de Nadal a cargo da Orquestra Sinfónica de Tui e do coro Mistura Vocal no Teatro Municipal de Tui. Por último o 5 de xaneiro celebrarase a Cabalgata Internacional de Reis que partirá de Valença e rematará no Paseo da Corredoira en Tui.
Na presentación desta mañá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, avanzou que a comezos de ano sairá a licitación a instalación durante varios anos do alumeado das Festas de San Telmo e de Nadal. Explicaba o rexedor tudense que coas actividades previstas ao longo destas datas se busca "dinamizar a rúa e o comercio local, e dar unha alternativa de lecer durante o período de Nadal", ao tempo que se ten un xesto solidario cos veciños de Paramos e Guillarei afectados pola explosión do 23 de maio. O concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, destacou precisamente a pista de xeo ecolóxica o que supón que terá moito menor consumo, é máis respectuosa co medio ambiente. Juan Carlos Blanco, presidente de ACITUI, indicou que o obxectivo das actividades organizadas, nomeadamente a pista de patinaxe, persegue animar estas datas festivas na cidade. Pablo Domínguez da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei agradeceu o xesto solidario cos afectados.
Instalada unha caldeira de pellets no antigo convento San Domingos
O antigo convento de San Domingos, onde se ubica a aula da UNED de Tui conta xa cunha caldeira de pellets que permite dotar de calefacción a todo o edificio para que se poidan impartir así as distintas clases nas mellores condicións de climatización.
En concreto a instalación desta caldeira supuxo un investimento de 49.866,77€ con cargo do Plan Concello 2017 da Deputación de Pontevedra.
Unha trintena de persoas forman parte da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil
O pasado sábado en asemblea extraordinaria reactivouse este colectivo nomeando xunta directiva
Unha trintena de persoas constitúen a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil que o pasado sábado celebrou asemblea extraordinaria para a súa reactivación. Polo momento de forma provisional terán a súa sede na nave municipal en Guillarei, a expensas de que sexa habilitada unha zona específica, segundo informa o concelleiro de Seguridade Cidadá, Antonio Castro Negro. Na asemblea do pasado sábado procedeuse á baixa daqueles voluntarios que figuraban anteriormente e non querían continuar, e a dar de alta a novas incorporacións. Tamén se nomeou á nova xunta directiva formada por David Ferreira Álvarez, como presidente, Juan Manuel González Estévez, secretario, María Fernanda Abreu Estevez, tesoureira, e Nicolás Francisco Martínez Pazo, Alberto Solleiro Álvarez e Adolfo Pérez Paramos como vogais. Amais o xefe da Agrupación será Manuel Arca Caeiro, e o interlocutor con outras institucións o concelleiro de Seguridade, Antonio Castro Negro.
As funcións da Asociación de Voluntarios de Protección Civil de Tui serán prestar axuda en diversos eventos, acudir a accidentes baixo mando da Policía Local, excluíndo incendios onde non poderán actuar.
O alcalde, Carlos Vázquez Padín, avanzou amais que de forma paralela foi adxudicado o Plan Municipal de Emerxencia.
A promoción do Camiño de Santiago ao seu paso por Tui será un dos obxectivo do obradoiro Percorre Tui 2018 que hoxe comeza
Durante nove meses vinte alumnos se formarán nas especialidades de Promoción turística local e información ao visitante" e "Confección e publicación de páxinas web"
Vinte persoas en situación de desemprego participan dende hoxe no obradoiro Percorre Tui 2018, no que tras nove meses de formación mellorarán a súa empregabilidade. Impártese no Centro de Formación en Guillarei con dúas especialidades "Promoción turística local e información ao visitante" e "Confección e publicación de páxinas web". Integran o obradoiro un director, unha titora, un docente por especialidade e unha auxiliar administrativo xunto a vinte alumnos e alumnas. O obradoiro conta cunha achega de 288.807€ concedidos pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Esta mañá o alcalde, Carlos Vázquez Padín, e a concelleira de Emprego e Formación, Mila González achegáronse ata o Centro de Formación para darlle á benvida aos participantes no obradoiro e desexarlles o máximo aproveitamento desta actividade formativa. O alcalde, como responsable tamén da Área de Turismo, explicouse que arestora está adxudicado a redacción dun Plan Director de Turismo do Municipio, que o concello terá por vez primeira un técnico de Turismo con carácter permanente, e que se ven de completar a sinalización do conxunto histórico. Tamén lles explicou que Tui rexistrou a súa solicitude para formar parte da Rede de Juderías de España, unha resolución que se coñecerá na primavera.
Rodolfo Villalba, director do obradoiro Percorre Tui 2018 explicou que a especialidade de turismo fará un balance e presentará unha serie de propostas para promover o Camiño de Santiago ao seu paso por Tui. Mentres o alumnado de Confección e publicación de páxina web dará forma técnica aos contidos propostos polos seus compañeiros. Mª Jesús Álvarez a monitora da especialidade de Turismo sinalou que se centrarán na promoción non só do Camiño de Santiago ao seu paso por Tui senón tamén as rutas de sendeirismo que hai en todo o termo municipal. Elaborarán informes coa coas fortalezas e deficiencias de cada percorrido. A parte práctica a levarán a cabo coa realización de rutas guiadas, actualización de bases de datos, ou na propia Oficina de Turismo. Mentres Marcos Villafín, o monitor da especialidade de páxinas web indicou que o alumnado se iniciará nas novas tecnoloxías para promover os contidos que aportarán dende a especialidade de Turismo cunha web amigable e accesible dende as distintas plataformas. Este obradoiro pode ser amais o punto de partida para no futuro especializarse nalgún dos ámbitos vinculados, coma posicionamento web, mantemento de páxinas web, marketing dixital, redes sociais,… onde pode atopar unha saída profesional.
|