JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000 JORNAL DIGITAL REGIONAL CAMINHA 2000

Horário do Ferry (de 23 a 28 de Outubro)


Inaugurada a Mostra "GalizAmérica" na Guarda

A Sala de Exposicións do Centro Cultural da Guarda acolle ata o 10 de novembro a exposición "GalizAmérica", unha mostra que amosa o florecemento da cultura galega en América e compleméntase coa proxección do filme 'A cicatriz branca' de Margarita Ledo.

O pasado xoves día 25 de outubro o Centro Cultural de A Guarda acolleu o acto de inauguración da mostra GalizAmerica, que contou coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, do alcalde da localidade, Antonio Lomba, a concelleira de Cultura, Elena Baz e da comisaria Carmen Carreiro.

Esta exposición, de carácter itinerante, forma parte do programa de actividades do Ano da Lingua da Deputación e fai un percorrido pola evolución da lingua e da cultura galegas no exilio durante os anos da ditadura. Na súa intervención, Xosé Leal fixo especial fincapé en que "grazas a esta iniciativa podemos amosar por varios puntos da provincia todo o traballo que realizaron os intelectuais galegos exiliados, e os eu esforzo por manter vivo o facho da nosa cultura e da nosa lingua". O deputado nacionalista tamén se referiu a "eses anos escuros da nosa historia, que foron os do fascismo, e que obrigaron a moitas persoas comprometidas coa democracia e coa liberdade a seguir loitando lonxe das nosas fronteiras pero sempre coa patria e a cultura de noso como guía".

Hai que lembrar que esta exposición, comisariada por Carmen Carreiro e por Ramón Nicolás, iniciou a súa andaina pola provincia no concello de O Grove, continuou por Gondomar, e tras pasar por A Guarda, seguirá por Redondela, onde permanecerá do 15 de novembro ao 2 de decembro, e rematará en Poio, onde estará do 5 ao 23 de decembro. Esta exposición, ademais da información e da documentación que recolle nos paneis, tamén se complementa con conferencias e coa proxección do filme 'A cicatriz branca' de Margarita Ledo. No caso de A Guarda, tras o acto de apertura, tiveron lugar dúas microconferencias. A primeira a cargo de Mónica Rebolo, titulada 'Sempre en Galiza, a voz dos galegos no Río da Plata', e a segunda a cargo de Phillip Duncan baixo o epígrafe 'Entre Vigo e Asunción: Avelino Elías no exilio (1936-1958)'. A proxección do filme está prevista para o xoves 9 de novembro ás 20:30 horas no mesmo Centro Cultural.

GalizAmerica está composta por 13 paneis no que vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Está estruturada en tres grandes apartados: o primeiro versa sobre a represión, atendendo a como se relaciona o exilio coa súa causa máis inmediata. A este apartado corresponden os paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. O segundo apartado céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. Mentres que a terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia en programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.

O horario de visita de GalizAmerica na Guarda é de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 de luns a venres, e de 10:00 a 13:00 os sábados.

Municipio de A Guarda


Unha Feira de Empresas porá este sábado o broche final a "Tecnoimaxín" na Guarda

Na derradeira xornada da Feira do Emprego e Formación "Tecnoimaxín, a Casa dos Alonsos da Guarda acolle este sábado día 27 de outubro unha Feira de Empresas da comarca cun rasgo innovador, presentada pola Coach e psicóloga social Susana Rodríguez.

Nesta edición contarase coa participación de empresas e empresarios da comarca coma Imersys Ceramics, Bonos Bienestar, Coballes, Fernando Coello, Alicerce, Comunica e Randstad.

Ademáis desta Feira de Empresas, aberta a todo o público entre as 10:00h e as 14:00h na Casa dos Alonsos, tamén realizarase unha Charla sobre "Nova perspectiva nos Recursos Humanos, unha mirada sensible na era tecnolóxica" a cargo de María Caeiro, Conselleira delegada do Grupo Caeiro, que porá o broche final a esta edición de "Tecnoimaxín".

Na xornada deste sábado pola mañá, o grupo Randstad, empresa líder en traballo temporal e recursos humanos, realizará unha recollida de CV´s para as súas bases de datos para posibles vacantes nos diferentes postos que ofertan na actualidade.

A Feira do Emprego e Formación "Tecnoimaxín" chega un ano máis á Guarda para desenvolver unha ampla programación de actividades ao longo de 3 días, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño.

O proxecto conta cunha páxina web (www.imaxinaguarda.com) na que se irá ampliando informacións de interese sobre este Feira do Emprego e Formación, que aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.

PROGRAMA TECNOIMAXÍN - CONCELLO DA GUARDA

SÁBADO 27 DE OUTUBRO

DURANTE TODA A MAÑÁ 10:00 / 14 horas
Feira de empresas
11:00/12:00 Nova perspectiva nos Recursos humanos, unha mirada sensible na era tecnolóxica
María Caeiro, Conselleira Delegada Grupo Caeiro
Vicepresidenta de M.Caeiro S.A.

Presentacións das empresas: empresas da comarca cun rasgo innovador
Conduce Susana Rodríguez
Coach e psicóloga social

Municipio de A Guarda


A Biblioteca Pública Municipal da Guarda acolle un encontro con nais, pais e bebés de 0 a 3 anos

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda, sita no primeiro andar do Centro Cultural, acolle o vindeiro venres día 2 de novembro ás 18:00h da tarde unha nova sesión de "Bebeteca", destinada a pais nais e bebés de 0 a 3 anos de idade.

Esta actividade consiste nun diálogo coas familias asistentes na que se tratará o tema dos diferentes medos infantís propios desta idade e como os contos poden axudar para superalos.

Cada persoa recibirá un ha guía de lectura con información dos libros que están dispoñibles na biblioteca e outros.

A Bebeteca é un espazo con libriños especialmente pensados para iniciar na lectura ao bebés. Libros con imaxes, texturas, formas, sons e títeres de dedo.

Municipio de A Guarda


A Guarda celebra o Samaín con Obradoiros e maxia na Praza do Reló

O vindeiro mércores día 31 de outubro o Departamento de Cultura do Concello da Guarda, co apoio da Deputación de Pontevedra organiza unha xornada de Samaín na Praza do Reló do municipio.

Na programación de actividades para este día contarase cun "Obradoiro de Figuras Terroríficas" enfocado a nenos e nenas, que terá lugar na Praza do Reló en horario de 17:00h a 19:00h, aberto a todo o público e de balde.

Para rematar esta xornada de Samaín a partires das 19:00h realizarase un espectáculo de maxia a cargo de Maxia Xabi, onde os máis pequenos poderán gozar cos trucos deste gran mago.

As actividades de Samaín na Guarda veñen de coller un forte pulo entre a poboación guardesa nos pasados anos, e por elo que dende a Concellería de Cultura apostouse este ano por continuar nesta senda e organizar estas actividades para desfrute dos máis pequenos da casa.

Esta actividade conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra para a normalización lingüística, promocionando festas populares e de forte arraigo e tradición como é o caso do Samaín, onde os rapaces e rapaces da vila enchen as rúas co seu característico "truco ou trato".

Municipio de A Guarda


Nova sesión de "Contos contados" este sábado na Biblioteca Pública Municipal da Guarda

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda, sita no 1º andar do Centro Cultural, oferta este sábado día 27 de outubro unha nova sesión de "Contos Contados".

O sábado 27 de outubro realizarase unha nova sesión de "Contos Contados" a partires das 11:30h a cargo de Nelson Quinteiro co seu espectáculo "Pequeno Cabaret Infantil", unha actividade programada para celebrar o Día das Bibliotecas que ten lugar cada 24 de outubro.

"Pedrito Mendrugo" e a súa pulga "Jacinta Florette" farán as delicias dos máis pequenos e tamén dos máis crecidiños transformando algúns contos populares desde un punto de vista moito máis cómico e actual.

Un espectáculo que saca o máximo partido ao cabaret e aproveita o colorido do xénero, o seu ritmo e carácter desenfadado, a súa alegre música para falar dos contos de toda a vida.

Un espectáculo con un ritmo frenético, moita interacción co público, sorpresas, cancións, coreografías e un carácter moi tenro e entrañable.

Esta actividade está enmarcada no programa "Ler conta moito", para a dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.

Municipio de A Guarda


A Guarda inicia o 30 de outubro a terceira edición de "Manual de instrucións para educar"

O vindeiro martes día 30 de outubro de 2018 a Casa dos Alonsos da Guarda acolle a primeira sesión da terceira edición de "Manual de instrucións para educar", unhas charlas informativas organizadas dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil e Educación Familiar.

En total serán 4 charlas, a primeira delas o martes 30 de outubro sobre "Educar con criterio", a segunda o martes 13 de novembro sobre "Límites na intimidade", a terceira o 27 de novembro sobre "Diferentes pero felices" e a última o 11 de decembro sobre "Vivir con sentido".

A charla do martes 30 de outubro "Educar con criterio" versará sobre os valores que queremos transmitir aos nosos fillos e como facelo. Unha responsabilidade principal de cada familia, en base as súas crenzas, educar en valores, que se traducirán en condutas e actitudes de vida.

A charla do martes 13 de novembro "Límites na intimidade" falarase sobre o amplo porcentaxe de persoas que sofre abuso na infancia e das estadísticas actuais, que continúan a ser alarmantes. É moi importante como pais e nais estar preparados para previr que algo tan desagradable e con graves consecuencias lles ocorra aos nosos fillos e fillas.

A charla do martes 27 de novembro "Diferentes pero felices" fará referencia a cando un fillo ou filla non encaixa perfectamente no normativo, cando por algunha razón física ou psicolóxica é diferente. Resulta difícil para eles, xa que aínda que a todos nos gusta ser especiais nalgún sentido, é importante sentirse un máis, integrados e non excluídos, rechazados e sobre todo inferiores. É todo un reto para as familias dar un apoio a estes nenos e nenas, dende a aceptación e a busca de todos os recursos necesarios para que sexan tratados con igualdade.

A charla do martes 11 de decembro ¨Vivir con sentido", coa que se pecha este ciclo de charlas, tratará sobre a sociedade actual, onde o tema sobre a morte tende a evitarse e sobre todo, cando a causa da mesma é porque un mesmo o ten decidido. O suicidio é unha das principais causas de morte, dando lugar a casos diarios, aínda que estes non se divulguen. Tamén hai casos de suicidio na infancia e máis frecuente na adolescencia. É vital que as nais e pais detecten os síntomas a tempo, axuden aos fillos e fillas a afrontar os seus problemas e tamén xeren no fogar un clima que favoreza as gañas de vivir.

Todas as charlas realizaranse na Casa dos Alonsos en horario de 19:30h a 21:00h e contarase con servizo de canguro de balde. Máis información na OMIX da Guarda e en Educación familiar nos teléfonos 986610000 e 98661 4507.

Municipio de A Guarda


As obras de urbanización da Subida a San Amaro en Camposancos avanzan segundo as previsións

O pasado 10 de setembro iniciáronse as obras de urbanización e mellora de servizos da Subida a San Amaro en Camposancos, unhas obras que se están a executar en convivencia co uso desta rúa por parte dos veciños, sempre que sexa posible, ao tratarse dunha rúa moi transitada.

As obras avanzan segundo as previsións iniciais, quedando pendente xa a finalización do enlousado das beirarrúas, a zona de rodadura e as zonas axardinadas.

A Subida a San Amaro é unha rúa que conecta a estrada de Circunvalación ao seu paso por Camposancos coa Igrexa da Visitación, grazas a estas obras contará con dobre sentido de circulación, delimitación dos espazos peonís e unha zona específica para a instalación dos contedores de residuos. Nestas obras realizouse a renovación da rede de abastecemento de augas, así coma a dotación de bocas de incendios e substitución da rede de saneamento, separando as augas pluviais e fecais.

Unha vez estean rematadas as obras, esta rúa contará cunhas beirarrúas de enlousado, unha pavimentación de lastros rexuntados con morteiro e unha lousa de granito central acabado abuxardado.

As obras da Subida a San Amaro en Camposancos contan cunha inversión total de 160.216,68 € IVE incluído con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a previsión e que estean xa rematadas na primeira quincena do mes de novembro.

Municipio de A Guarda


A Guarda iniciará a licitación da concesión de 7 postos da Praza de Abastos

O pasado día 18 de outubro celebrouse a Xunta de Goberno local na que se acordou o inicio da tramitación para a licitación da concesión dos postos baleiros da Praza de Abastos da localidade.

Neste senso se licitará a concesión dos postos 1, 2, 12 e 15 da planta baixa e dos postos 5, B e D da planta alta.

Nestes momentos estanse a redactar os priegos de condicións para a concesión destes postos, que serán anunciados en próximas datas.

O Concello da Guarda segue apostando pola dinamización do Mercado Municipal da Praza de Abastos realizando diferentes obras de mantemento e mellora destas instalacións, promovendo tamén a incorporación de novos postos de venda, ampliando a oferta de produtos e servizos deste espazo comercial do casco urbano do municipio.

Municipio de A Guarda


Veciños da Guarda e Caminha participaron nunha andaina polo Monumento natural Pena Corneira

Continúan as andainas organizadas conxuntamente entre a Câmara Municipal de Caminha e o Concello da Guarda e que se realizan entre os meses de setembro e novembro co obxectivo de coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega e o país veciño.

O pasado sábado día 20 de outubro celebrouse a segunda saída, na que os participantes realizaron unha andaina duns 15 km polo Monumento Natural de Pena Corneira. A andaina foi de ascenso desde Leiro, onde antes de iniciar a ascensión de case 500m. de desnivel os asistentes recorreron unha parte do río e do pobo.

A Pena Corneira é unha gran rocha ou penedo, situada no alto do monte, e amosase como un gran miradoiro sobre a comarca do Ribeiro. O seu bosque, de gran extensión, está catalogado como espazo natural de Galicia xa que está formado por árbores autóctonos. Outros atractivos da ruta foron o conxunto de hórreos de Paredes e as igrexas románicas de Leiro, Lebosende e Serantes.

O peche do calendario deste ano 2018 terá como protagonista as terras veciñas rosaleiras coa ruta de 18 km polos Muíños do Folón e do Picón que terá ligar o vindeiro 10 de novembro. Os Muíños do Folón e do Picón son un grupo de 60 muíños en fervenza, declarados Ben de Interese Cultural ao constituír parte do rico patrimonio etnográfico, xa mencionados en documentos do século XVII. Recorrido de gran beleza con excelente panorámicas ao val do Rosal e Esteiro do Miño. Tamén se coñecerá a Capela na véspera da celebración de San Martiño e pechará o calendario de Andainas 2018.

Municipio de A Guarda


A programación e robótica déronse cita na Feira do Emprego e Formación "Tecnoimaxín"

A Casa dos Alonsos da Guarda acolleu este venres a segunda xornada da Feira do Emprego e Formación "Tecnoimaxín", que contou nesta xornada cunha Feira Maker con exhibicións de robótica e varias charlas.

Pola mañá realizouse a Feira Maker, onde os asistentes puideron coñecer todas as novidades sobre novas tecnoloxías e robótica da man de expertos do sector, grazas a conferencias e exhibicións, que contaron coas intervencións de Manuel Rodríguez, técnico de hardware de OPRobots e Alejandro Santos, técnico de Software de OPRobots.

A Conferencia de OPRObots estivo enfocada á robótica de competición, onde explicaron aos presentes como é o seu traballo e como aprenden día a día a facer cousas novas enfrontándose aos mellores enxeñeiros do país. OPRobots expuxo as súas creacións amosando como é o seu funcionamento, fomentando a creatividade e innovación a través dos robots de competición de carácter Velocistas (Robots autónomos que seguen unha liña tentando ser máis rápidos que os seus rivais), Humanoides (Robots teleoperados con forma humana que loita nun ring tentando derribar ao seu adversario), Laberinto (Robots autónomos que teñen que buscar a saída coa única axuda das paredes que os rodean) e Minisumo (Dous robots autónomos situados nun doyho, que deben xuntarse e pelexar para sacar ao seu rival do círculo). Estas exhibicións de robots espertaron moito interese por parte dos asistentes.

De seguido tivo lugar a realización dunha charla a cargo de Óscar Rodríguez, Coordinador xeral de Ledisson Ait, programación robótica, sobre "A disrupción laboral: unha verdade incómoda". Nesta charla Óscar trasmitiu aos presentes a visión holística, fundamentada na experiencia de LedissonAit como empresa tecnolóxica, sobre o que está a acontecer e sucederá proximamente no mundo laboral coa inminente entrada dos algorítmos, as Ias e a robótica nos entornos de traballo. Neste senso centrouse en como ser máis competitivo e empleable que un robot, potenciando habilidades que nos caracterizan como humanos que que son as máis buscadas hoxe en día nas empresas tecnolóxicas.

Trala pausa da comida, na quenda de tarde foron Emilia Simao e Samuel Barbosa, ámbolos dous profesores de multimedia e arte da Escola Superior Gallaecia, os que falaron sobre "Tecnoloxía vs Arte - Video 360º".

O vídeo 360/VR imponse na actualidade de xeito gradual nos medios de comunicación dixital, cunha gran promoción e aceptación nas plataformas de difusión de vídeos online e mesmo nas redes sociais, polo que os axentes tradicionais de publicidade e do cinema se actualizan para empregar unha experiencia próxima á realidade ofertando a realidade virtual. Nesta charla explicarase, dende o punto de vista técnico, como se forma a imaxe 360º/VR, coas cámaras e as aplicacións de software existentes na actualidade. Os participantes nesta interesante conferencia foron partícipes dunha gravación en 360º.

De seguido, Brais Currás e Mar Cortegoso, que veñen de participar nas escavacións arqueolóxicas da zona do Seixal, realizaron unha Conferencia/Exhibición sobre "Transferencia e innovación: as paisaxes do sal como recurso económico". O proxecto "Mar de Sal" parte do principio da transferencia científica como medio fundamental para sustentar o desenvolvemento patrimonial. Nesta comunicación fixeronn unha presentación do proxecto e do seus obxectivos, enfocados ao estudo e posta en valor das paisaxes do sal da antigüidade como un recurso patrimonial ao servizo da cidadanía e do desenvolvemento, económico, turístico e sociocultural. Igualmente trataron da capacidade de transferencia do estudo das salinas antigas e das novas oportunidades de negocio que pode crear.

A Feira do Emprego e Formación "Tecnoimaxín" finaliza xa este sábado, un evento dirixido a estimular o talento e crear cultura emprendedora na comarca do Baixo Miño.

O proxecto conta cunha páxina web (www.imaxinaguarda.com) na que se irá ampliando informacións de interese sobre este Feira do Emprego e Formación, que aspira a converterse nunha cita obrigada para todas aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre as novas tecnoloxías, a formación continua e emprego, novas vías de negocio, entre outras novidades do sector empresarial.

PROGRAMA TECNOIMAXÍN - CONCELLO DA GUARDA

SÁBADO 27 DE OUTUBRO

DURANTE TODA A MAÑÁ 10:00 / 14 horas
Feira de empresas
11:00/12:00 Nova perspectiva nos Recursos humanos, unha mirada sensible na era tecnolóxica
María Caeiro, Conselleira Delegada Grupo Caeiro
Vicepresidenta de M.Caeiro S.A.

Presentacións das empresas: empresas da comarca cun rasgo innovador
Conduce Susana Rodríguez
Coach e psicóloga social

Municipio de A Guarda


Tomiño obtén o recoñecemento de Unicef coma Cidade Amiga da Infancia

O selo supón un recoñecemento ás políticas municipais que se levan a cabo e que dan especial protagonismo aos dereitos da infancia e adolescencia.

O Concello de Tomiño acaba de ser galardoado co Selo de Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia; algo polo que viña traballando nos últimos anos, para cumprir os requisistos esixidos por Unicef, entre eles, a creación dun Consello Local de Infancia e Adolescencia, dar participación a nenos, nenas e adolescentes etc.

Segundo consta na comunicación adiantada electrónicamente "na reunión celebrada o 25 de outubro de 2018, a Secretaría Permanente do Programa Cidades Amigas da Infancia (CAI), representada por membros pertencentes a UNICEF Comité Español; Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA), acordou galardoar ao Concello de Tomiño co Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia no marco da VIII Convocatoria de Recoñecementos 2018-2022".

O Selo Cidades Amigas da Infancia, que até o de agora só posuía en Galicia o concello ourensán de Castrelo de Miño (a partir de hoxe son oito os municipios galegos distinguidos), pon en valor un modelo de xestión centrado no enfoque de Dereitos de Infancia; un modelo que implica a coordinación interna do goberno, e con outros actores locais; que promove e xera mecanismos reais de participación infantil e conta cunha estratexia a longo prazo para incorporar a nenos, nenas e adolescentes nas súas políticas e accións.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, implicouse persoalmente neste tema, dende que en 2014, recollía en Guadalaxara, a distinción de Boas Prácticas, Dereitos dá Infancia e Política Municipal 2014, outorgada por Unicef, polo proxecto de reforzo escolar "É Aprender, unha sociedade que educa", posto en marcha polo Concello.

"Esta distinción coma Cidade Amiga da Infancia resulta emocionante por ser un recoñecemento ao traballo dos últimos anos para conseguir que Tomiño sexa un concello no que as políticas da infancia e adolescencia se sitúen no centro do noso facer diario, pero ademáis, queremos que a infancia e adolescencia participen activamente na política local", explica a rexedora local.

O recoñecemento dun Goberno Local como Cidade Amiga da Infancia implica diagnosticar, planificar e avaliar en clave de dereitos de infancia así como considerar a Convención sobre os Dereitos do Neno, destacando o dereito á participación da infancia e adolescencia como actores protagonistas no ámbito local.

Esta distinción ten unha vixencia de catro anos (é dicir, para quen concorran a esta convocatoria o período sería de 2018 a 2020) e implica que o Goberno Local asume unha serie de compromisos mediante a firma dun convenio, entre eles, entregar un informe intermedio no que debe informar o avance na aplicación do Plan local de infancia (Tomiño xa o ten redactado). Finalizados este catro anos, o Goberno Local que desexe conservar a distinción debe presentarse novamente á Convocatoria para a súa renovación.

Concello de Tomiño


Cándido Pazó trae a Tomiño "Historias que veñen e van", este sábado, no auditorio goianés

Continúa aberta a inscrición en actividades que están a piques de empezar, coma a escola de teatro e os programas "Xogando en Familia" e "Reactívate"

Nesta fin de semana Tomiño despide o mes de outubro con "HISTORIAS QUE VEÑEN E VAN", da man do gran Cándido Pazó, que compartirá contos, comedia e outras lerias, mañá, sábado 27, no auditorio de Goián, ás 22.00h. As entradas, a un prezo simbólico de 2 euros, poranse á venda en taquilla, unha hora antes da función.

Por outra banda, en novembro, comezan as aulas da Escola de Teatro para persoas adultas, nenos e nenas (aínda hai tempo para inscribirse en http://tomino.gal/escola-municipal-de-teatro/). Tamén comeza o programa REACTÍVATE, para persoas maiores de 55 anos.

Lembrar, ademais, que continúa aberto o prazo de inscrición na actividade XOGANDO EN FAMILIA, destinada a nenos/as a partir de 6 anos e seus pais, irmáns, nais, avós, avoas... neste obradoiro as familias compartirán xogos tradicionais e construirán xoguetes cos que xogaban os seus e as súas maiores, o que servirá para dalos a coñecer ás nenas e nenos e, á súa vez, facer un repaso pola historia. Asemade, os pequenos terán a oportunidade de ensinarlles aos seus pais e avós, os xoguetes e xogos actuais. O 1, 15, 22 e 29 de decembro de 10.00h a 14.00h (inscricións en: http://tomino.gal/xogando-en-familia/).

Por último, aínda existe a posibilidade de inscribirse no curso de FRANCÉS BÁSICO II, en http://tomino.gal/frances-basico-ii.

Concello de Tomiño


A Eurocidade Tomiño-Cerveira ofrece unha decena de actividades conxuntas no programa "Deporte para todas as persoas"

Aínda hai prazas libres nas actividades para maiores de 55 anos e nas clases de pilates, ximnasia, zumba e fitness

As actividades deportivas incluídas no programa "Deporte para todas as persoas" levado a cabo pola Eurocidade Tomiño-Cerveira, aínda teñen prazas dispoñibles en varias modalidades.

Trátase en primeiro lugar, de "Piscina en familia": todos os primeiros sábados de mes, ás 19.00h (hora galega), na piscina de Vila Nova de Cerveira.

Por outra banda, as "Actividades deportivas para maiores de 55 anos", con sesións todos os martes e xoves ás 10 da mañá (aínda quedan prazas libres). Os martes, no Pavillón de Cerveira, e os xoves, na asociación Vontade de Tomiño.

Por último o programa comprende tamén Clases de Pilates, Ximnasia, Zumba, Fitness e actividades afíns, os xoves e venres ás 11.30h, na Casa da Cultura de Tomiño (aínda quedan prazas libres).

Para máis información e inscrición, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono de atención do programa (986 18 45 98).

Concello de Tomiño


A Escola Municipal de Teatro de Tomiño consolídase coma un referente cultural na comarca

Todas as clases comezan en novembro, Os martes pola tarde, no auditorio de Goián, para os grupos infantil e xuvenil, e na Casa da Cultura, para o de persoas adultas

O vindeiro mes de novembro (concretamente o día 6) a Escola Municipal de Teatro de Tomiño inicia un novo curso con grupos de infantil, mocidade e persoas adultas. Logo de varios anos de funcionamento, a entidade está xa consolidada, converténdose en referente cultural na comarca do Baixo Miño.

As profesoras encargadas son Tamara e Beatriz Campos, do grupo Migallas Teatro, que explican o obxectivo da actividade, cada vez máis consolidada entre a poboación. "Trátase de introducir ás persoas no mundo teatral, ao tempo que se estimula a imaxinación e as capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo e se melloran os recursos expresivos e comunicativos". Expresión dramática, creación, ensaio e posta en escena dan coma resultado varias pezas teatrais que se presentan a final de curso.

Todas as clases serán impartidas os días martes polas tardes. De 16.00 a 17.30 grupo de 9 a 12 anos; de 17.30 a 19.00, de 4 a 8 anos; de 19.00 a 20.30 de 13 a 17 anos. Todos estes grupos terán clase no auditorio de Goián, mentres que a Casa da Cultura acollerá o grupo de adultos (a partir de 18 anos), tamén os martes, de 20.30 a 22 horas. A cota que teñen que abonar os alumnos é de 15 euros ao mes.

As clases de teatro para nenos e nenas e mocidade levan impartíndose varios anos, estando totalmente consolidadas, con máis de 50 participantes, mentres que as de adultos, comezaron a funcionar o pasado curso. Este grupo está composto na actualidade por 10 persoas, homes e mulleres, de entre 20 e 80 anos. "Despois do éxito alcanzado o ano pasado, este ano nos gustaría encher as 18 prazas dispoñibles", salienta Beatriz Campos.

As aulas son eminentemente prácticas e nelas trabállanse os aspectos básicos da creación escénica. Improvisacións, xogos dramático, expresión oral, movemento expresivo, ritmo, creación de personaxe son algúns dos contidos que se abordan o longo do curso.

O ano pasado para finalizar o curso os propios alumnos crearon e levaron a escena distintas pezas teatrais (no caso dos adultos, a obra "A lenda da cabaleira negra"), que conseguiron encher de risas e aplausos o auditorio de Goián.

Concello de Tomiño


Nos últimos días instaláronse 16 novos sinais na cidade histórica

Trátase da ampliación da sinalización desta zona cun investimento de 28 mil euros

O Concello de Tui vén de rematar nos últimos días a ampliación da sinalización do Conxunto Histórico Artístico e en parte do trazado do Camiño Portugués de Santiago. Para acometer este proxecto contouse cunha achega da Axencia de Turismo de Tui que concedeu 18.265,24€ dos 28.100,37€ que se investiron. Neste caso tratouse da instalación de 16 novos sinais en puntos de interese, que se suman aos 36 colocados na primeira fase desta sinalización iniciada en 2016.

Na praza da Inmaculada instalouse un plano que recolle a totalidade dos 52 sinais colocados entre a primeira e a segunda fase deste proxecto, xunto ao código QR que da acceso á plataforma turismotui.mobi onde se pode ampliar a información de cada placa e lugar sinalizado. Ao tempo mellorouse esta aplicación que contempla agora tanto a Ruta Histórica como a Ruta Xudía e conta con audioguías en castelán, galego e inglés.

En canto ás novas placas instaladas, co mesmo deseño que na primeira fase, dunha banda sinalízase o patrimonio escolar da cidade na área de actuación como a Escola de María, a Escola Pública de Nenos no edifico que hoxe ocupa o Espazo Xove, ou o Colexio e Casa de nenos da doutrina. Doutra banda foron sinalizados o Barbacanas na rúa Piñeiro, a Capela Románica do século XII na rúa San Telmo da que se conserva a portada románica ornamentada con bólas no chafrán. Tamén foron colocadas placas identificativas nas casas da Vara, do Taboado, dos Capeláns, da Botica, ou na Torre do Arco, xunto ás escaleiras da Triparía, o río Miño no Paseo Fluvial, a Ponte Internacional, Remuíños, na praza da Verdura na rúa Ordóñez e no Camiño de Santiago.

Concello de Tui


Estase a executar a mellora da pavimentación do camiño entre As Chans e Os Muíños cun investimento de 59.900€

O Concello de Tui está a realizar estes días o asfaltado do camiño entre As Chans e Os Muíños na parroquia de Randufe En concreto trátase dun investimento de 59.899,42€ dos que 49.503,65€ son aportados pola Xunta de Galicia dentro do Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais 2018/2019 financiado polo AGADER.

A actuación comprende unha superficie de 3.840 metros cadrados ao longo de 850 metros do camiño onde se está a mellora a pavimentación.

Concello de Tui


Edições C@2000

Do Coura se fez luz. Hidroeletricidade, iluminação pública e política no Alto Minho (1906-1960)"
Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000/Afrontamento
Apoiado pela Fundação EDP


Da Monarquia à República no Concelho de Caminha
Crónica Política (1906 - 1913)

Autor: Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


O Estado Novo e outros sonetos políticos satíricos do poeta caminhense Júlio Baptista (1882 - 1961)

Organização e estudo biográfico do autor por Paulo Torres Bento
Edição: C@2000


Rota dos Lagares de Azeite do Rio Âncora

Autor: Joaquim Vasconcelos
Edição: C@2000


Memórias da Serra d'Arga
Autor: Domingos Cerejeira
Edição: C@2000

Outras Edições Regionais